19/3/15

OS HOMES COIDADORES PONTESES AGRUPARANSE PARA FORMARSE XUNTOS, A INICIATIVA DO CONCELLO.

O papel do home como coidador foi a temática que centrou este ano o programa de actividades do día internacional da muller que promoveron a Concellería de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller. O programa deste ano pechábase cunha charla na que se abordou precisamente a figura do home como coidador e que estivo impartida polas traballadoras sociais Katia Rouco, Iria Penabad e a directora e psicóloga do CIM, Maca Rego. O encargado de abrir a poñencia foi o propio edil José Alén que daba conta de por que apostar por este tipo de actividades. O concelleiro apuntaba a necesidade de facer ver o papel do home como coidador xa que sempre son as mulleres as que máis visibilidade teñen neste campo. Neste senso, edil tamén animaba aos participantes a utilizar recursos que presta a Administración coma os centros de día ou os servizos de axuda a domicilio para contar con ese respiro que tamén eles precisan. As tres poñentes abordaron o papel do home como coidador dende os aspectos máis xenéricos como as diferenzas entre eles e elas á hora de afrontar este traballo ata a evolución do coidado a persoas dependentes por parte dos homes pola incorporación da muller ao mercado laboral, pasando polas dificultades que os homes atopan á hora de asumir o papel de coidadores. Na liña de apostar pola formación e a información lembráronse tamén os diferentes recursos dos que se pode dispoñer para facilitar o coidado dunha persoa dependente coma as residencias, as prestacións económicas ou os programas de respiro para coidadores. No balanzo desta xornada a maior satisfacción viña da creación dun grupo de homes coidadores que se reunirán mensualmente coa fin de compartir as súas experiencias e recibir conxuntamente a información que precisan en materia de coidados, alimentación, manipulación dos enfermos ou axudas, apoio emocional ou atención psicolóxica, e que tamén ofrecerán dende o departamento municipal de servizos sociais. Mesmo se fixou xa data no vindeiro mes de abril para que teña lugar o primeiro destes encontros

No hay comentarios: