26/3/15

A Concellería de Industria, Hostalería e Comercio ofrece dous cursos para emprendedores e comerciantes

A concellería de Industria, Hostalería e Comercio e o Instituto Pontés de Promoción Económica manterán aberto ata o vindeiro 6 de abril o prazo de inscrición para as dúas actividades formativas que teñen previsto desenvolver durante o mes que vén. Nesta ocasión, dende o departamento que dirixe Montserrat García apostouse por un curso dirixido ao pequeno comercio e unha segunda actividade formativa para emprendedores. O primeiro destes cursos leva por título Dándolle unha Voltiña e consiste nun obradoiro de micromercadotécnia audiovisual, dirixido a incrementar a promoción do comercio de proximidade e, deste xeito, aumentar as súas vendas. Este curso contará cun máximo de 15 prazas para profesionais do pequenos comercio e será totalmente gratuíto, desenvolvéndose os días 11, 18 e 25 de abril nas dependencias da Casa Dopeso, en horario de 16.00 a 19.00 horas. Durante estas clases abordaranse temas coma a innovación no terreo do merchandising audiovisual, as formas de comunicación e fidelización da clientela e os asistentes poderán ata coñecer exemplos concretos de casos de éxito comercial. O segundo dos cursos que desenvolverá nas vindeiras semanas a concellería de Industria, Hostalería e Comercio terá como eixo central o plan de empresa e no mesmo poderán participar 15 emprendedores ou persoas cunha idea empresarial. Este obradoiro desenvolverase os días 13, 14, 15, 20,21 e 22 de abril en horario de 16.00 a 20.00 horas, no Centro de Dinamización Empresarial do polígono de Penapurreira e tamén será gratuíto. Para poder participar en calquera destas dúas actividades é preciso que os interesados formalicen a súa inscrición no rexistro xeral do Concello, en horario de mañá de luns a venres ata o vindeiro 6 de abril, xa que no caso de que se conte con máis inscricións que de prazas, éstas outorgaranse por orde de matriculación. Para obter máis información os interesados poden consultar a páxina web do ippec, no enderezo www.ippec.es, ou ben telefonar ao 664 029 871.

No hay comentarios: