31/3/15

A TRANSICIÓN ESPAÑOLA PROTAGONIZARÁ UNHA CHARLA DEBATE O VINDEIRO 18 DE ABRIL

O Concello de As Pontes organiza para o vindeiro día 18 de inminente mes de abril unha conferencia sobre a transición con poñentes de auténtico luxo. Para falar dese período e proceso tan importante da historia recente de España contarase na mesa co conselleiro de estado e ministro no seu tempo coa UCD Rodolfo Martín Villa, o tamén ex-ministro, e maxistrado do Supremo, Fernando Ledesma, e o periodista da Cadena Ser Miguel Ángel Aguilar. O evento terá entrada gratuíta ata completar o aforo do Ausitorio municipal, polo que se poderán retirar previamente as entradas en data e horario que comunicaremos nos medios locais. A conferencia, plantexada a xeito de Mesa de exposición, debate e apertura ás intervencións do público, comezará ás doce do mediodía. Será unha oportunidade única de que protagonistas directos nos falen dun periodo que comprendido entre a morte de Franco, en novembro de 1975, e o primeiro goberno presidido por Adolfo Suárez. E nun intre no que se nos apuntan semellanzas entre aquel capítulo e a actualidade, como as demandas de reforma da Constitución ou as reformas na vida política española

30/3/15

AS PONTES ACOLLERÁ ESTE MÉRCORES AS FINAIS DA COPA XUNTA DE FÚTBOL SALA

Este mediodía presentábanse no salón de plenos do Concello de As Pontes as Finais da Copa Xunta de fútbol sala, que se celebrarán o vindeiro mércores no Pavillón polideportivo municipal la localidade pontesa. Na presentación oficail estiveron presentes, o Alcalde de As Pontes, Valentín González, o Presidente da FGFS, Juan Probaos, e o Presidente do equipo anfitrión, O Esteo, Francisco Fernández. Asistiron tamén representantes de Burela F. S. e O Parrulo Ferrol. O alcalde pontés deu a benvida ós presentes e agradeceu o traballo desenvolvido polo Esteo xa non cara a esta competición, senón co día a día na promoción deste deporte na vila. Agradeceu tamén á Federación que confiara en As pontes como sé, e garantíu que se amosaría que foi un acerto tal decisión. Tamén o Presidente de O Esteo, Francisco Fernández agradecía o apoio das Administracións, sobre todo do Concello, e tamén á FGFS o ter contribuído a que As Pontes puidese albergar este importante evento deportivo. O Presidente da Federación, Juan Probaos, agradeceu tamén a todos os que fan posible a disputa conxunta destas finais, e salientou que o nivel está garantido en ámbolos dous partidos, ó amosaren mellor futbol sala que se pode ofrecer a nivel autonómico nestes intres. Coa final feminina das sete e a masculina das nove, en As Pontes poderá verse, o mércores 1, o mellor fútbol sala galego, e nun grande ambiente, pois é de agardar unha importante presenza de afeccionados dos diferentes clubes. Asemade, a venda anticipada de entradas vai a moi bo ritmo e apenas van quedar 150 boletos para o día dos choques finais. Nesta xa XXIV edición, poranse en liza os títulos que certifiquen cal sexa o mellor dos equipos galegos, logo dunha competición que desenvolveu as eliminatoria previas para que quedasen os que están no mellor momento de forma. Vanse enfrontar o Ourense e Burela na final feminina, que será unha revancha da do ano pasado e o Santiago Futsal e O Parrulo de Ferrol na masculina, cos de División de honra tentando revalidar o título diante da grande solpresa que previsiblemente contará cun grande apoio nas bancadas por mor da proximidade xeográfica con Ferrol. O alcalde, Valentín González, pechaba o acto oficial da presentación salientando a aposta deste municipio polas citas deportivas que se veñen celebrando regularmente na localidade, e aproveitou para reiterar a felicitación a O Esteo, confiando en que o pavillón municipal albergue un bo ambiente e que todos os aficionados que se despracen ata As pontes, e os veciños que se achegeun podan disfrutar dun grande espectáculo deportivo.

26/3/15

A Concellería de Industria, Hostalería e Comercio ofrece dous cursos para emprendedores e comerciantes

A concellería de Industria, Hostalería e Comercio e o Instituto Pontés de Promoción Económica manterán aberto ata o vindeiro 6 de abril o prazo de inscrición para as dúas actividades formativas que teñen previsto desenvolver durante o mes que vén. Nesta ocasión, dende o departamento que dirixe Montserrat García apostouse por un curso dirixido ao pequeno comercio e unha segunda actividade formativa para emprendedores. O primeiro destes cursos leva por título Dándolle unha Voltiña e consiste nun obradoiro de micromercadotécnia audiovisual, dirixido a incrementar a promoción do comercio de proximidade e, deste xeito, aumentar as súas vendas. Este curso contará cun máximo de 15 prazas para profesionais do pequenos comercio e será totalmente gratuíto, desenvolvéndose os días 11, 18 e 25 de abril nas dependencias da Casa Dopeso, en horario de 16.00 a 19.00 horas. Durante estas clases abordaranse temas coma a innovación no terreo do merchandising audiovisual, as formas de comunicación e fidelización da clientela e os asistentes poderán ata coñecer exemplos concretos de casos de éxito comercial. O segundo dos cursos que desenvolverá nas vindeiras semanas a concellería de Industria, Hostalería e Comercio terá como eixo central o plan de empresa e no mesmo poderán participar 15 emprendedores ou persoas cunha idea empresarial. Este obradoiro desenvolverase os días 13, 14, 15, 20,21 e 22 de abril en horario de 16.00 a 20.00 horas, no Centro de Dinamización Empresarial do polígono de Penapurreira e tamén será gratuíto. Para poder participar en calquera destas dúas actividades é preciso que os interesados formalicen a súa inscrición no rexistro xeral do Concello, en horario de mañá de luns a venres ata o vindeiro 6 de abril, xa que no caso de que se conte con máis inscricións que de prazas, éstas outorgaranse por orde de matriculación. Para obter máis información os interesados poden consultar a páxina web do ippec, no enderezo www.ippec.es, ou ben telefonar ao 664 029 871.

19/3/15

OS HOMES COIDADORES PONTESES AGRUPARANSE PARA FORMARSE XUNTOS, A INICIATIVA DO CONCELLO.

O papel do home como coidador foi a temática que centrou este ano o programa de actividades do día internacional da muller que promoveron a Concellería de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller. O programa deste ano pechábase cunha charla na que se abordou precisamente a figura do home como coidador e que estivo impartida polas traballadoras sociais Katia Rouco, Iria Penabad e a directora e psicóloga do CIM, Maca Rego. O encargado de abrir a poñencia foi o propio edil José Alén que daba conta de por que apostar por este tipo de actividades. O concelleiro apuntaba a necesidade de facer ver o papel do home como coidador xa que sempre son as mulleres as que máis visibilidade teñen neste campo. Neste senso, edil tamén animaba aos participantes a utilizar recursos que presta a Administración coma os centros de día ou os servizos de axuda a domicilio para contar con ese respiro que tamén eles precisan. As tres poñentes abordaron o papel do home como coidador dende os aspectos máis xenéricos como as diferenzas entre eles e elas á hora de afrontar este traballo ata a evolución do coidado a persoas dependentes por parte dos homes pola incorporación da muller ao mercado laboral, pasando polas dificultades que os homes atopan á hora de asumir o papel de coidadores. Na liña de apostar pola formación e a información lembráronse tamén os diferentes recursos dos que se pode dispoñer para facilitar o coidado dunha persoa dependente coma as residencias, as prestacións económicas ou os programas de respiro para coidadores. No balanzo desta xornada a maior satisfacción viña da creación dun grupo de homes coidadores que se reunirán mensualmente coa fin de compartir as súas experiencias e recibir conxuntamente a información que precisan en materia de coidados, alimentación, manipulación dos enfermos ou axudas, apoio emocional ou atención psicolóxica, e que tamén ofrecerán dende o departamento municipal de servizos sociais. Mesmo se fixou xa data no vindeiro mes de abril para que teña lugar o primeiro destes encontros

17/3/15

PRESENTADO O PROXECTO DE TURISMO INDUSTRIAL PARA AS PONTES ÓS VECIÑOS.

O Concello de As Pontes reafirma a súa aposta polo turismo industrial. Logo de que o noso municipio fose un dos galegos incluidos na Rede Española de Turismo Industrial, as iniciativas para poñer en valor unha situación de privilexio neste terreo, cunha localidade na que se conxugan como en poucas a paisaxe industrial coa natural, agora toca amosar ese potencial ó entramado asociativo local. Na intención do Concello está que os propios veciños coñezan a riqueza do noso patrimonio industrial para poder colaborar á hora de fomentar uns espazos que nos pasan máis despercibidos por rutinarios pero seguramente serán moi interesantes para a xente que se achegue a coñecelos A pasada semana facíase unha presentación dunha serie de visitas a empresas e paraxes industriais que será o punto de partida para logo poder facer esta oferta a quen nos visite. Dende a Concellería de Industria, Promoción económica, Desenvolvemento Industrial, comercio e hostalaría, reuníuse ás Asociacións veciñais para coñecer este proxecto de turismo industrial. O proxecto de turismo industrial inclúe unha páxina web na que aparecerán reflexados dende os muiños ás novas instalacións eólicas, pantanos, ou empresas, e sobre todo a peculiaridade do lago, que agacha a historia dunha mina que foi vital neste pobo. A implicación popular será un dos eixos fundamentais desta iniciativa, que dirixe a Concellería de Montserrat García na que se inclúen as competencias locais de Industria.

A CONCELLERÍA DE INDUSTRIA LANZA UNHA LIÑA DE AXUDA Á CREACIÓN DE EMPRESAS

. O Concello de As Pontes vai poñer en marcha un programa de axudas a novos emprendedores que incluirá achegas compatibles para aluguer de local e para a dotación e inversión neste. En total sumará ata un máximo de 3000 euros a fondo perdido, tal e como figura nunhas bases que se fixeron xa públicas e se poden consultar na web ippec.es. Logo de moitos atrancos competenciais, a concellería de Industria Promoción económica, desenvolvemento industrial, hostalaría, e Comercio, que preside Montserrat García lograba poñer en marcha este novo programa de axuda á creación de empresas incluíndoo dentro do programa As Pontes emprende. Para acceder a estas axudas tan só hai que estar en paro e censados en As Pontes e o tempo para solicitar acollerse está limitado ó 30 de setembro. O que si se debe ter en conta é que estas subvencións atinxen a todo o ano 2.015, polo que teñen carácter retroactivo para incluir calquera iniciativa que comezara no ano en curso. Anque a vixencia é do 2.015 a intención do goberno local é reeditar esta proposta e mantela nos anos vindeiros. Con esta iniciativa, dende a Concellería que preside Montsarrat García, conséguese outro obxectivo e é dinamizar o mercado de aluguer inmobiliario, onde existe unha oferta que estaba demasiado paralisada.

16/3/15

BASES DA CONVOCATORIA “AS PONTES, AS NOSAS MULLERES 2015”

BASES DA CONVOCATORIA “AS PONTES, AS NOSAS MULLERES 2015” Primeiro: Obxecto. A finalidade desta convocatoria é destacar e recoñecer pública e socialmente a actuación de mulleres que, pola súa traxectoria persoal, profesional ou social contribuíran a visibilizar as aportacións das mulleres no municipio das Pontes de García Rodríguez. Segunda: O recoñecemento concederase a: Mulleres con algunha das seguintes características: Que contribuíse de xeito destacado na consecución dos dereitos das mulleres traballadoras en calquera ámbito. Terceira: Presentación de candidaturas . 1. As candidaturas de persoas físicas ou xurídicas canalizaranse a través das seguintes asociacións veciñais: AVV Asunción do Deveso AVV Virxe do Rosario da Faeira AVV Beira do Eume AVV As Campeiras AVV As Veigas AVV Vincallo. Cal da Avelaíña AVV A Choupana AVV Virxe do Pino de Saa AVV Santa María do Aparral AVV 25 de Xullo AVV A Cuíña AVV O Noso Barrio AVV do Freixo AVV Painceiras de Ribadeume-Bermui AVV San Martiño de Gondré AVV As Fervenzas de Somede AVV O Adro de Espiñaredo AVV Encoro da Ribeira de Marraxón AVV Raíces de Goente AVV A Veiga da Areosa AVV A Magdalena AVV San Pedro de Eume AVV e Mulleres Rurais de Pontoibo Asociación de Viúvas María Magdalena Asociación Local Amas de Casa As entidades relacionadas poderán presentar unha única candidatura co modelo oficial que se axunta a estas bases como Anexo I. Dito Anexo I deberá conter, como mínimo, os seguintes datos: Datos da entidade que propón. Datos da muller que se propón: nome completo Memoria da proposta: un máximo de dous folios Non serán admitidas as candidaturas nos seguintes supostos: - Non será admitida a candidatura que propoña a unha muller finada. - Non será admitida a candidatura que propoña a unha muller que forme parte da xunta directiva dalgunha das entidades relacionadas no artigo terceiro. Cuarta: Xurado O xurado estará composto por unha muller que forme parte da xunta directiva de cada unha das entidades relacionadas no artigo terceiro, que figurarán como vogais. Ademais, tamén formarán parte do xurado as seguintes persoas físicas: María Carmen Rego Piñeiro – directora do CIM (Centro de Información á Muller). Exercerá a Presidencia do xurado. Margarita Rivera Piñeiro – administrativa da área de emprego. Exercerá a Secretaría do Xurado. Unha representante da Asociación de Estudos Sociais Hume. Exercerá como asesora do xurado, con voz pero sen voto. Cada membro do xurado votará de forma persoal e segreda, a excepción da representante da Asociación de Estudos Sociais Hume, que non poderá emitir voto. De tódalas propostas presentadas, o xurado elixirá a tres finalistas, que serán homenaxeadas nun acto público no que se proxectará unha gravación sobre cada unha delas reflectindo a súa traxectoria persoal, profesional e/ou social. O xurado constituirase e reunirase ao obxecto de emitir o seu fallo, que será comunicado a través da acta redactada co resultado da votación á Concellería de Emprego e Turismo antes do día 8 de abril. Quinta: Lugar e prazo presentación de candidaturas O prazo para presentar as candidaturas rematará o día 18 de marzo de 2015. As candidaturas deberanse presentar segundo o modelo Anexo I na Área de Emprego (2ª andar da Casa do Concello) do Concello das Pontes de García Rodríguez. Sexta: Confidencialidade A información achegada en cada proposta será tratada segundo o establecido la Lei Orgánica de Protección de Datos vixente e autorizando os candidatos a difusión dos nomes e as características xerais presentadas ao concurso. Deste xeito, cederán os seus datos para a elaboración dun libro no que se recollerán as traxectorias persoais, profesionais e/ou sociais de cada unha das mulleres candidatas. Asemade, tamén cederán os seus datos as tres candidatas finalistas para a elaboración do vídeo que se proxectará no acto público de recoñecemento. Sétima: Aceptación das bases A presentación das candidaturas, implica a aceptación das presentes bases. As bases serán publicadas nas páxinas web www.emprego-aspontes.org e www.aspontes.com, así como no taboleiro de anuncios do Concello. O Concello das Pontes será o único con potestade para resolver as incidencias que podan xurdir durante o transcurso.

12/3/15

A CONCELLERÍA DE EMPREGO OFERTA DOUS NOVOS CURSOS.

  Xa está aberto o prazo para anotarse en dúas novas accións formativa promovidas dende a Concellería que dirixe Ana Pena e que suman 110 prazas.  A Concellería de Emprego vai desenvolver dende este mesmo mes de marzo dous novos cursos formativos que irán dirixidos ao colectivo de desempregados locais. Neste caso, dende o departamento que dirixe Ana Pena apostouse por dous obradoiros do máis diferentes un deles dirixido á formación en materia de manipulación de alimentos e un segundo sobre a busca de emprego, e que terán como obxectivo incrementar a formación dos desempregados ponteses con novos recursos formativos que lles permitan ter máis opcións á hora de concorrer a un emprego. O primeiro destes obradoiros desenvolverase nunha soa sesión, o vindeiro día 23, e terá como eixo central a obtención do título de manipulador de alimentos, que permitirá aos beneficiarios adquirir os coñecementos básicos en materia de hixiene alimentaria, coñecemento das prácticas correctas e dos seus fundamentos, ademáis de recoñecer as prácticas incorrectas e as súas consecuencias. Serán 4 horas de contidos teórico prácticos que se desenvolverán nas dependencias do centro de dinamización empresarial de Seara, no polígono de penapurreira, e no que poderán participar un máximo de 50. Este curso dividirase en dúas quendas de 25 alumnos, unha en horario de mañá de 9.30 a 1.30 da tarde e a segunda de 4 a 8 do serán, sendo necesario anotarse dende hoxe mesmo e ata o vindeiro xoves 19, na área de emprego, do segundo andar da Casa Consistorial. O segundo curso que ofrecerá a concellería de emprego versará sobre a busca de traballo. Buscarase formar ós participantes na búsqueda activa de emprego, con preparación para as entrevistas de traballo, a elaboración dun currículum ou a busqueda por internet, entre outras iniciativas. Cabe salientar que os participantes no curso continuarán coa asistencia e asesoramento dun profesional que seguirá ó seu dispor unha vez finalizada a formación para poder preparar curriculum, entrevista de traballo, ou o que precisen. E é que, mediante este curso, o que se pretende é que os alumnos e alumnas melloren o compromiso cos seus obxectivos, potenciando os seus coñecementos, habilidades e recursos propios para obter os seus obxectivos profesionais. Este segundo curso constará de 60 horas de duración, a desenvolver entre o vindeiro día 24 e o 8 de maio no centro de dinamización de Penapurreira. Habilitaranse tres grupos de traballo de 20 alumnos cada un polo que o número de prazas totais será de 60. Os interesados en anotarse tamén poden comezar xa a realizar a súa inscrición achegándose ata a área de emprego, no segundo andar da Casa do Concello, e ata o vindeiro xoves 19 de marzo.