9/2/15

O Concello de As Pontes pechará o Antroido cunha Cabalgata de disfraces na que se repartirán 2700 euros en premios

As Pontes, 09 de Febreiro de 2015.- O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Cultura, abriu hoxe o prazo para anotarse nunha nova edición da Cabalgata de Antroido que, o vindeiro día 17, ateigará de disfraces e inxeniosas indumentarias as rúas máis céntricas do casco urbano. A concellería que dirixe Sara Ramós destinará máis de 2500 euros en premios en metálico e vales canxeables por material escolar e educativo entre as diferentes categorías, tanto de nenos coma de adultos, coas que contará esta cita de antroido. A comitiva partirá dende a avenida de Monte Caxado ás 17.00 horas e pasará polas Avenidas de Ortigueira, Castelao, Galicia e Rosalía de Castro, tendo como punto de chegada o patio do Colexio Santa María, onde se realizará a entrega de premios, unha vez remate a cabalgata. No tocante aos premios, repartiranse un total de 2780 euros ademáis duns contos para os pequenos que participen na categoría de meniños, dirixida a menores de 8 anos. Así as cousas, o mellor grupo de adultos recibirá 400 euros, o segundo 250 euros, o terceiro 150 euros e concederase un accesit d 50 euros. As parellas de adultos repartiranse tres premios de 200, 100 e 75 euros e na categoría individual de adultos haberá tres premios de 100, 50 e 30 euros. Con respecto aos máis pequenos, na categoría de grupos haberá 5 premios iguais de 150 euros cada un en material escolar. As parellas infantís tamén poderán competir por cinco premios de 75 euros en material escolar e os que participen na categoría individual poderán levar un dos cinco premios de 50 euros en material escolar ou xogos educativos que se repartirán durante o concurso. Para anotarse será necesario cumprir cos requisitos habituais. De feito, os interesados en participar terán ata o vindeiro martes ás 13.00 horas para pasarse polo departamento municipal de Cultura, ubicado no segundo andar da Casa Dopeso, e alí cumprimentar o pertinente formulario. Ademáis recibirán un número de participante que deberá estar visible durante a cabalgata para a identificación, por parte do xurado, dos gañadores. Para consultar máis polo miúdo estas bases é posible acceder á web municipal www.aspontes.com ou ben telefonar ao 981 44 03 44.

No hay comentarios: