12/2/15

O break dance protagoniza os recreos nos institutos ponteses da man dun obradoiro auspiciado polo departamento municipal de Xuventude

Os alumnos dos institutos Moncho Valcarce e Castro da Uz cambiaron hoxe as súas habituais conversas de recreo e xogos por unha actividade do máis atractiva e sorprendente, e é que os libros deixaron paso ás incríbles cabriolas e coreografías dos monitores de break dance da Asociación Vella Escola. Tres dos integrantes deste colectivo, co seu presidente Pablo Castiñeira á cabeza, visitaron hoxe As Pontes para compartir cos nosos estudantes a beleza e espectacularidade das coreografías que se poden desenvolver ao abeiro desta disciplina de baile e, ao mesmo tempo, para promocionar as clases de break dance que, dende hoxe e ata o vindeiro mes de maio, se impartirán gratuitamente no concello. A iniciativa conta coa organización da Concellería de Xuventude, coa colaboura do Espazo Infantil Garabatos, e precisamente, o seu máximo responsable, Jesús Tembrás, tamén se achegou ata os diferentes centros educativos ponteses para desfrutar deste espectáculo e, por suposto, para animar á mocidade a sumarse a este obradoiro de break. Xa á tarde e coa Casa Dopeso como escenario arrincaban as primeiras clases aínda que, polo momento, o prazo de inscrición para sumarse a esta actividade continúa aberto. De feito, as clases desenvolveranse todos os xoves en tres quendas: de 17.00 a 18.00 horas o grupo dirixido a maiores de 15 anos; de 18.00 a 19.00 horas será o turno dos rapaces e rapazas de entre 6 e 10 anos e xa dende as 19.00 horas e ata as 20.00 horas as clases irán dirixidas a estudantes de entre 11 e 15 anos. Para os interesados en anotarse, lembrarlles que se poden inscribir na oficina municipal de información xuvenil, no primeiro andar da Casa Dopeso, en horario de 9.00 a 15.00 horas ou ben telefonando ao 981 44 03 44. As prazas serán limitadas a 15 alumnos por grupo.

No hay comentarios: