13/2/15

Maña celébrase en As Ponteso primeiro Mundialito de Futbolín de As Pontes

O evento, organizado pola concellería de Xuventude, arrincará ás 11.00 horas no patio do Colexio Santa María As Pontes convertirase este sábado na capital dun xogo de mesa tan atractivo e popular como é o futbolín e é que, grazas o departamento municipal de Xuventude, o concello pontés albergará a primeira edición do Mundialito de Futbolín Concello de As Pontes. Un cento de parellas xa confirmaron a súa inscrición para unha proba na que o espectáculo está máis que garantido con grandes xogadores a nivel nacional que virán dende Castela e León, Asturias, Cataluña ou Cantabria co obxectivo de alcanzar as roldas finais e loitar polos suculentos premios que se repartirán nesta cita. Asemade, haberá representación local cunha categoría tan só dirixida aos ponteses e pontesas e na que xa están anotadas oito parellas. O sábado, dende as 11.00 horas, na carpa ubicada no patio do colexio Santa María será posible desfrutar das diferentes eliminatorias nas tres divisións que inclúe esta competición, ao que se suma tamén o campionato local, e é que todos aqueles veciños e visitantes que así o desexen poderán achegarse ata este emprazamento para desfrutar das diferentes partidas programadas para a xornada. Para a posta en marcha desta importante competición o Concello de As Pontes conta tamén co respaldo e organización de Xogos 3 Meigos e Mundofutbolín. Asemade, segundo explicaron dende a propia concellería de Xuventude, habilitaranse un total de 16 mesas de xogo nas que se irán desputando as diferentes partidas de xeito ininterrompido ata que, xa á noite, teñan lugar as finais de cada categoría e a correspondente entrega de premios e na que se repartirán trofeos, medallas e tamén premios en metálico que irán dos 40 aos 1.600 euros. Dende o departamento de Xuventude, o seu edil Jesús Tembrás animou a veciños e visitantes a pasarse este sábado por As Pontes para vivir unha competición única na comarca e na que, a xuízo do concelleiro, será posible desfrutar de auténticos meigos á hora de manexar as barras e a eses pequenos futbolistas ideados en 1937 polo fisterrán Alexandre Campos .

No hay comentarios: