28/1/15

O Concello de As Pontes homenaxeará ao torneiro Fernando Verez cunha exposición da súa vida e obra

O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Cultura, renderá homenaxe a mediados de febreiro á figura do falecido torneiro pontés Fernando Vérez Tojeiro. Será cunha exposición que levará por título A Beleza do Torneiro e que se instalará nas dependencias da sala de exposicións do Mercado Vello. Un escenario que o protagonista coñecía moi ben xa que, entre as súas paredes, tivemos a aportunidade de desfrutar do seu traballo coa madeira ao abeiro de exposicións gran relevancia internacional. A Beleza do Torneiro abrirase ao público o 13 de febreiro, coincidindo coa fin de semana de Antroido, e poderá ser visitada ata o día 27 do mesmo mes, de xeito totalmente gratuíto. Nesta mostra contarase con moitos dos traballos elaborados por un dos mellores modeladores da madeira non só de Galicia, senón tamén de Europa ; ademáis de fotografías, vídeos e imaxes do propio Fernando Vérez que, en abril do pasado ano, falecía aos 49 anos de idade. Premiado con importantes galardóns, autor de pezas que protagonizaron relevantes mostras coma Contornos e mestre en grandes citas internacionais da altura dos encontros anuais de Torneiros de Xermade ou Tenerife; Fernando Verez foi un auténtico apaixoado do dar forma á madeira, de expresar mediante as súas mans o seu sentir e ata de impulsar a artesanía galega en todos os ámbitos da sociedade. Fundador e integrante do colectivo de Artesáns do Eume e dos Amigos da Madeira, membro do Clube Sílex de Tiro con Arco e apaixoado tamén do mundo da fotografía, Fernando Vérez volverá estar presente en As Pontes en tan só un par de semanas con esta homenaxe que, de seguro, será todo un éxito de visitantes.

O I Mundialito de Futbolín de As Pontes repartirá o 14 de febreiro máis de 7.000 euros en premios

A Concellería de Xuventude, que preside o edil Jesús Tembrás, ultima os preparativos para a celebración en As Pontes do Mundialito de Futbolín, unha competición que se desenvolverá o sábado do Entroido, na modalidade de parado, e que repartirá 7.430 euros en premios. En concreto na primeira categoría, aos primeiros dezaseis clasificados entregaranse 5.000 euros en premios. 1040 euros serán para as oito parellas gañadoras na segunda categoría. Destinaranse tamén 810 euros para os oito primeiros clasificados na terceira categoría. E finalmente haberá 580 euros a repartir entre as oito parellas gañadoras na categoría local. Haberá ademais trofeos e medallas para todos os gañadores. O Mundialito de Futbolín desenvolverase dende as 11.00 horas do 14 de Febreiro na pista do colexio Santa María. As inscricións teranse que facer a través dos teléfonos 661 94 58 28 ou o 677 80 99 54 e terán un custe de 40 euros por parella, agás para os xogadores de As Pontes que gozarán da inscrición gratuíta, pero neste caso teranse que anotar nas oficinas do Pavillón Municipal. O que é igual para todos os competidores é a data límite para anotarse: o 10 de Febreiro. Ademais do Concello de As Pontes forman parte tamén da organización deste evento as empresas Mundofutbolín e Xogos 3 Meigos.

27/1/15

Café con Libros estreará o luns a súa nova tempada na cafetería Venus

O programa Café con Libros regresará a vindeira semana á súa actividade e farao na cafetería Venus. Será o luns, día 2, dende as 11.30 horas e, coma sempre, a encargada de achegar as novidades literarias a todos os veciños e veciñas que se pasen por este local será Anabel Alonso. A principal responsable da biblioteca Enrique Rivera Rouco levará consigo non só as últimas apostas literarias das grandes editoriais, senón tamén outros tipo de textos adicados a temáticas tan dispares coma a natureza, a historia, o mundo infantil ou as viaxes aos que, de seguro, tamén se sumarán algúns fondos audiovisuais da impresionante colección que podemos atopar entre as paredes e arquivos da biblioteca municipal. Como é habitual en cada unha das súas visitas, Café con Libros incluirá un folleto no que se recollen algunhas das obras que, o vindeiro luns, poderemos desfrutar xunto co café da mañá grazas a este programa no que, unha vez máis, os libros vólvense viaxeiros para achegarse ao día a día de veciños e veciñas que, malia desfrutar coa lectura, aínda descoñecen o gran mundo que podemos atopar con tan só achegarnos á biblioteca municipal Enrique Rivera Rouco.

Cultura presenta o cartel anunciador da XXXV Feira do Grelo de As Pontes

Vimos de recuperarnos das festas do Nadal pero pouco tempo temos para repoñer forzas e é que, en tan só tres semanas, estaremos novamente inmersos en celebracións: neste caso de Antroido e é que durante a fin de semana do 14 e 15 de febreiro, veciños e veciñas de todas as idades desfrutarán dunha das festas máis falcatrueiras do ano porque chega o antroido; unha festa que na nosa vila sempre se celebra por todo o alto e que, neste 2015, non ía ser unha excepción. De feito, nestas últimas horas xa se facía público o cartel anunciador, da que será a XXXV edición da feira do grelo de As Pontes e que nos deixa a imaxe curiosa e orixinal con ducias de follas de grelos rompendo co azul do ceo. Jonás Álvarez Rama é o autor desta imaxe que ven de tomar o relevo de Zalo Alo, autor da proposta anunciadora de 2014, e que servirá para dar a coñecer esta mítica cita do antroido galego por todos os concellos da contorna. Pero aquí non quedan as celebracións do antroido pontés e é que, ademáis da mítica e popular Feira do Grelo, onde non faltarán exposicións, certames de cestas e postos de produtos artesanais ou do campo ou unha degustación popular de cocido; se sumará a tradicional cabalgata de disfraces onde, coma sempre, se repartirán multitude de premios entre os concursantes a nivel individual, parellas ou grupos que se presenten a este desfile ou o certame anual de comparsas. Polo momento, o antroido pontés tan só conta con estas pequenas pinceladas de programación pero, nos vindeiros días, poderemos debullar o programa elaborado pola concellería de Cultura para que, unha vez máis, tamén esta tradicional festa sexa todo un referente a nivel galego.

22/1/15

O filme Eternia estrearase o sábado no auditorio municipal Alovi

Este sábado estréase na nosa vila Eternia, a primeira obra audiovisual de romanos e celtas que se realiza en Galicia, e que se levou a cabo a traverso dun proceso de financiación popular aberta . A productora Cool Films contou coa estreita colaboura do Grupo Taranis de Recreación Histórica, e alumnos da Escola de Imaxe e Son de Lugo, así como un elencio de actores que se prestaron desinteresadamente e entre os que está o pontés Vicente Roca. Este sábado, ás 20.00 horas, teremos a oportunidade de ver esta mediametraxe de 40 minutos no auditorio Municipal Alovi na que é a segunda proxección dun film que se ven de estrear no veciño concello de Vilalba. O productor Jordi Santos animou a veciños e veciñas a participar desta estrea dunha historia que narra o encontro entre os castrexos e romanos e que pasa dun encontro de civilizacións ó choque entre éstas. O Grupo Taranis, que é copartícipe do proxecto, é o responsable de desenvolver a cita coa historia de As Pontes para a que xa están a preparar a segunda edición. Para este ano xa podemos adiantar que se fará na primeira fin de semana de xullo e que o eixo central será a Idade de Ferro. O sábado xunto coa proxección de Eternia presentarase o spot que anuncie a segunda festa coa historia.

21/1/15

Concello e veciños demandan á Xunta de Galicia un maior control da poboación de xabaríns que residen na entulleira de Endesa

O Concello de As Pontes segue a buscar solucións ó problema que xera a proliferación de xabaríns co perxuizo ás propiedades particulares de residentes en zonas especialmente dos núcleos rurais. Onte mesmo o alcalde pontés reuníase co Delegado territorial de medio ambiente da Xunta acompañado de representantes das asociacións veciñais Virxe do Pino de Saa e Raíces de Goente. Traladábanlle a preocupación polos destrozos que seguen a causar os xabaríns en fincas ou hortas da zona rural, e esixiron ao goberno autonómico que poña freo a este problema, que se agrava nas proximidades da entulleira de Endesa. Precisamente con Endesa está solicitada unha nova reunión para demandar que peche os pasos dende a entulleira, onde a poboación de xabaríns é moi numerosa ó non contar con depredadores nesa reserva cinexética na que se ten convertido. Ademais solicitaráselle que permita un maior acceso ós cazadores, ou con máis asiduidade para regular a poboación destes mamiferos. E é que dende a Xunta tampouco se deu resposta á petición de axudas áxiles a xeito de compensacións económicas, e o único compromiso foi o de promover un plan cinexético específico para esta zona na que incide especialmente a proximidade e permabilidade da zona da entulleira

Os alcaldes de As Pontes, A Capela e Monfero reclaman unha negociación entre a Xunta de Galicia e os propietarios dos terreos das Fragas do Eume para lograr unhas compensacións xustas pola explotación medioambiental destes terreos

O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, volveu reclamar onte á Xunta de Galicia que negocie cos propietarios dos terreos afectados polo Plan Rector de Usos e Xestión das Fragas do Eume (PRUX) e que, deste xeito, os afectados poidan recibir algún tipo de compensación que non perxudique a inclusión das súas propiedades neste parque natural. O primeiro edil pontés protagonizou unha rolda de prensa na compaña dos seus homólogos da Capela, Manuel Meizoso, e Monfero, Benjamín Rodríguez, e dous representantes dos propietarios destes terreos: Ángeles Pita e Manuel Díaz, que citaron aos medios na Capela para dar conta da súa disconformidade coas recentes actuacións da Xunta de Galicia en relación a este tema. Na súa intervención, González Formoso deu conta dun documento asinado catro anos atrás polos alcaldes de A Capela, Monfero, Cabanas, Pontedeume e As Pontes e pola propia Asociación Propietarios para a Defensa das Fragas do Eume e do Parque Natural do Eume Natureza e Desenvolvemento. No citado texto, todos os asinantes defenden unha postura común ante o novo PRUX, e solicitan á Xunta que pospoña a tramitación do documento ata que se aclaren conceptos coma as limitacións de cada parcela e as compensacións que recibirá cada propietario. Asemade, neste mesmo documento se recolle o compromiso de todos os asinantes de non apoiar o plan reitor ata que se den as condicións de aceptación necesarias por parte dos propietarios afectados. O primeiro edil pontés tamén reclamou da Xunta de Galicia que negocie cos propietarios dos terreos do parque natural Fragas do Eume nas mesmas condicións que xa se fixo no seu día noutros puntos do país con parques naturais semellantes ao galego e nos que se estableceron compensacións de todo tipo para os propietarios. Gonzalez Formoso puxo como exemplo de negociación o acontecido nos Ancares onde, tras atender ás demandas dos veciños afectados, a propia Xunta de Galicia apostou por non declarar a zona como parque natural; e demandou unha liña de compensacións claras e transparentes, semellantes ás aplicadas noutras comunidades como Asturias ou Canarias. O alcalde pontés tamén adiantou que, de non atender estas peticións, os concellos afectados defenderán as súas demandas en Europa, principal responsable das axudas que reciben as Fragas do Eume, mediante o programa FEDER.

16/1/15

O novo edificio administrativo do Concello de As Pontes inicio hoxe a súa actividade cunha xornada de portas abertas

O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, presidiu esta posta de longo da antiga estación de autobuses e que albergará servizos coma a Policía Local , o Catastro ou as oficinas de Euroeume. O novo edificio administrativo do Concello de As Pontes é unha realidade xa en funcionamento. E é que, esta mesma mañá, abría as súas portas o novo inmoble municipal que deixa atrás os seus vinte anos como estación de autobuses para ser, dende hoxe, un complexo administrativo que alberga servizos coma a Policía Local, o Punto de Información Catastral, a oficina de tramitación do D.N.I, a Oficina de Emerxencias, o arquivo municipal ou unha cafetería. O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, foi o encargado de presidir esta xornada de portas abertas na que tomaron parte multitude de representantes de entidades locais de todo tipo, membros do equipo de goberno e veciños e veciñas que decidiron aproveitar para coñecer máis polo miúdo estas dependencias municipais. O primeiro edil deu conta da súa satisfacción por poñer en marcha unhas recuperadas e remozadas instalacións que darán importantes servizos non só aos veciños e veciñas de As Pontes, senón tamén doutros concellos, e é que este edificio albergará as novas oficinas de Euroeume ou a Oficina Agraria da Xunta de Galicia, cun ámbito de actuación comarcal. Asemade, o alcalde pontés daba conta das novidades que presentará o servizo do Catastro, tamén ubicado neste eficio, e que contará con dous días de atención ao público en horario de mañá, os martes e xoves, ademáis dos martes á tarde, ao que se sumará a posibilidade de levar tamén este servizo ás propias parroquias. González Formoso apuntou, na súa intervención, o dificultoso e custoso das obras realizadas para subsanar problemas coma o filtrado de humidades ou a falla de aillamento térmico que deron lugar a un importante deterioro do efidicio, dende a súa construcción hai máis de dúas décadas. Nembargantes, o primeiro edil defendeu a necesidade de recuperar este emblemático edificio pola súa embergadura, boa localización e equipamentos; unha decisión que calificou como de sentido común e que continúa na liña de iniciativas anteriores en prol do patrimonio local, do que xa son exemplo as recuperacións de instalacións coma o Hexágono da Fraga ou as escolas de San Pedro de Eume e as Campeiras, entre outras. González Formoso tamén deu conta entre os presentes da importante inversión realizada neste edificio, próxima aos 800.000 euros, e que asumiron a Deputación da Coruña, o propio executivo local e o Fondo Estatal de Inversións Locais, inversión que incluíu a construcción dunha nova marquesiña para albergar o servizo de transporte interurbano en autocar. Finalmente, o alcalde pontés anunciaba a intención de conectar o novo edificio adminitrativo coa Casa do Concello, coa apertura dunha nova rúa que enlace a avenida de Ferrol coa Canle IV, unha posibilidade na que se está aínda a traballar. Obras de remozado O novo edificio administrativo pontés foi sometido, nestes últimos dous anos, a algo máis que un lavado de faciana. De feito, as obras realizadas incluíron unha nova redistribución do interior, ao que se sumou a colocación dun novo aillamento térmico e acústico, renovación dos pavimentos, revestementos e falsos teitos, traballos de carpintaría interior e exterior, saneamento, sistema contra incendios, extracción e renovación de aire, electricidade, alumeado e instalación de enerxía solar térmica. Asemade, as obras incluíron a colocación dunha nova cuberta de dúas aguas para evitar os problemas de filtrado e humidades que se rexistraban nestas instalacións coa antigo tellado, totalmente inaxeitado para unha climatoloxía tan húmida coma galega.

14/1/15

As Pontes acollerá o 14 de febreiro un Mundialiño de Futbolín

A nosa vila vai acoller o mes que ven un Mundialiño de Futbolín. Esta modalidade de xogo de mesa ven ata a nosa localidade da man da Liga Nacional de Futbolín Mundofutbolín e Xogos Tres Meigos que atoparon o apoio do Concello para o desenvolvemento dunha proba que se vai facer pública e ó aire libre. A proba vaise disputar o vindeiro 14 de febreiro e baixo unha carpa que estará aberta ó público no patio do Colexio Santa María onde se disporán varias mesas para que se poidan desputar partidas simultáneas. Ás 11.00 horas comezarán as primeiras partidas nas diferentes categorías que se estableceron: primeira, segunda, terceira e local. En cada unha delas haberá premios económicos que van dende os 1.600 euros para o gañador de Primeira ós 200 euros en Terceira, todos eles en metálico ao que se sumarán tamén o reparto de medallas e trofeos para os dez primeiros na categoría máxima e os oito primeiros no resto. A inscrición poderase formalizar ata o 10 de febreiro no pavillón municipal da Fraga. O prezo da mesma é de 40 euros por parella, agás para xogadores ponteses que poderán anotarse na competición gratuitamente. Por último queda sinalar que as partidas serán gratis e que se optou pola modalidade de parado para o xogo.

O Concello acondiciona a parcela na que se instalarán un cento de hortos urbanos

O Concello de As Pontes, mediante a Concellería de Medio Rural, segue adiante co que vai ser un proxecto totalmente novidoso na contorna, sinónimo de autosuficiencia, aforro económico, ocio e convivencia veciñal. O executivo pontés ultima os trámites para crear unha horta urbana comunitaria. O proxecto inclúe a creación de 100 hortas, de non menos de 42 m2, que se situarán na Rúa Alcalde José Vilaboy Pajón, nunha parcela de máis de 9.000 m2. No eido administrativo, dende o Concello ultimáronse xa os plegos para a licitación, mentres se agarda tamén pola chegada das subvencións solicitadas e concedidas para levalo a cabo. Unha vez executado o proxecto, que foi deseñado por Agroeume SL, a parcela contará cun caseto con taquiñas, baños, almacén para gardar as ferramentas, e unha zona cuberta para a limpeza das hortalizas. Tamén disporá de zona de acceso con prazas de aparcamento, camiños de acceso ás hortas, instalación de rego e unha zona de compostaxe. O proxecto vai supor un desembolso para o Concello de 67.093 euros, o que incluirá a urbanización do terreo, a obra civil, os equipos e maquinaria, os suministros de fontanería, electricidade e protección contra incendios e o proceso de enxeñería. Esa partida irá incluida nos vindeiros orzamentos municipais, polo que en canto entren en vigor se comezarán a executar as obras pertinentes para as que os primeiros pasos veñen xa de darse co acondicionamento dos terreos nos que se vai ubicar.

13/1/15

O Concello de As Pontes abrirá o venres o seu novo edificio administrativo da Canle IV

Este venres vaise abrir á veciñanza o novo edificio público co que contaremos no inmoble que albergaba a antiga estación de autobuses. A transformación total abordada nesta instalación derivou nun edificio multiusos onde priman as oficinas administrativas, coas novas sés da Policía local, Protección Civil, a oficina do catastro, da Delegación da Consellería de Medio Rural , unha oficina para a tramitación do DNI pola Policía Nacional e outra para Euroeume. O remozado recinto vaise reabrir cunha xornada de portas abertas para que se poda achegar quen o desexe, para coñecer o interior e os servizos que alí se van ofertar. Mesmo estará xa aberta a nova cafetería que prestará o seu servizo a quen desexe achegarse cada día ata estas novas dependencias municipais. Para completar as obras de mellora proxectadas houbo que proceder á demolición de todo o interior do edificio, acadando así xa un aumento da superficie útil, e unha nova distribución interior. Incluíuse un novo aillamento térmico e acústico, e renováronse por completo os pavementos, revestementos e falsos teitos, incluindo obras de carpintería interior e exterior, saneamento, sistema contra incendios, extración e renovación de aire, electricidade e alumeado e instalación de enerxía solar térmica. O maior problema da anterior edificación, e que imposibilitou para o uso que tiña concebido, mesmo provocando o paulatino deterioro, foi o do tellado, completamente inaxeitado para este clima, polo que se fixo unha nova cuberta de dúas augas que protexe as terrazas non transitables e que evitara que se repita o deterioro progresivo do edificio. O orzamento total do proxecto superou os 650.000 euros, dos que 550.000 foron aportados pola Deputación de A Coruña. Cabe sinalar tamén que estas cifras incluíron tamén o custo de instalación dunha nova marquesiña para a parada de autocares e que supuxo unha inversión de 250.000 euros. A partir deste venres, dende as 12.00 horas, en que se celebrará o mentado acto de repaertura, con portas abertas, os servizos deste novo edificio administrativo municipal estarán xa a dispor de todos os veciños. Dende o Concello convidouse a toda a cidadanía a participar desta xornada que incide na recuperación

8/1/15

Un sorteo de xoguetes puxo o broche de ouro a unha nova edición de mundoxogo

Mundoxogo despedíase onte dos pequenos e pequenas ponteses e facíao por todo o alto cun impresionante sorteo de agasallos entre todos aqueles nenos e nenas que, dende o pasado día 20 e ata onte mesmo, pasaron polas súas instalacións na sala de exposicións do Mercado Vello e se animaron a probar algunha das videoconsolas, compartir as aventuras de Playmobil ou Lego ou desfrutar da piscina de bolas. Ademáis de vivir a derradeira tarde entre carreiras de coches, encontros de fútbol ou baloncesto, indios, vaqueiros e piratas ou tirando de imaxinación e creatividade nas mesas de arxila Clay, debuxo e pintura; os alí presentes tamén tiveron a oportunidade de facerse con puzzles, pistolas Nerf, xoguetes Playmobil, xogos de manualidades para pintar ou coches e helicópteros de radiocontrol nun derradeiro sorteo no que, ademáis dos propios monitores de Mundoxogo, tamén se contou coa presenza do edil José Alén, neste caso en representación da concellería de Xuventude, responsable de traer unha vez máis ata As Pontes este entretido programa. Houbo quen foi do máis afortunado e cuio boleto recibiu máis dun premio, aqueles que, en representación da familia, tamén se levaron varios xoguetes e, lamentablemente, pequenos e pequenas aos que non lles sorriu a sorte onte á tarde pero que, de seguro, xa contaron con moitos agasallos na noite de reis. Así, por todo o alto, e repartindo agasallos Mundoxogo pechaba as súas portas tras case dúas semanas ofrecendo diversión a esgalla a pequenos e pequenas de todas as idades.

7/1/15

Melchor, Gaspar e Baltasar compartiron a tarde de Reis cos usuarios e persoal da Residencia A Magdalena.

Denantes de pasear polas rúas do centro urbano nas súas carruaxes e de compartir confidencias e peticións cos máis pequenos da casa, Melchor, Gaspar e Baltasar tamén fixeron un lugar na súa axenda para cumprir con outras visitas típicas destas datas. De feito, minutos antes de protagonizar a tradicional cabalgata de reis, as súas Maxestades visitaron ao persoal e usuarios da residencia xeriátrica A Magdalena, na compaña tamén dos edís de Cultura e Servizos Sociais, Sara Ramos e José Alén. Cos veciños de maior idade, as súas maxestades compartiron agasallos en forma de doces ou fermosas prantas e ata desexos para o ano que ven de comezar, moitos deles en forma de peticións de saúde ou traballo e incluso houbo algún pequeno visitante como é o caso de Guille que tamén quedaba abraiado ante a visita das súas Maxestades e que puido contar co privilexio de falar con todos e cada un deles, en privado, e denantes incluso que os pequenos e pequenas que posteriormente acompañaron ás súas maxestades polas rúas pontesas. Por suposto, non faltou o tradicional brinde de Reis con sidra e champán que Melchor, Gaspar e Baltasar compartiron con residentes e persoal e que serviu como colofón a esta entrañable visita xa tamén do máis tradicional na axenda das súas maxestades de Oriente..

Os Reis Magos volveron traer ilusión ás rúas pontesas 

Melchor, Gaspar e Baltasar non podían faltar á súa tradicional visita cos nenos e nenas das Pontes que tan ben se portaron durante todo o ano e, por este motivo, na tarde do luns acudían a bordo das súas impresionantes carruaxes á Cabalgata deseñada polo departamento municipal de Cultura para despedir, por todo o alto, estas festas de Nadal. Ás seis menos vinte da tarde as bombas de palenque anunciaron o inicio dun percorrido que arrincaba na avenida de monte caxado, nunha comitiva que encabezou a carroza do gran Melchor que, na compaña de ducias dos seus paxes, abría a roita polas rúas máis céntricas do casco urbano. Tras del o rei Gaspar, tamén escoltado polos seus paxes e con caixas e caixas ateigadas de doces, confeti e serpentinas. Non podía faltar o rei Baltasar neste percorrido e que, entre saúdos e repartido caramelos tamén se fixo co favor dos pequenos e pequenas que ateigaron as avenidas de Ortigueira, Castelao, Galicia, Rosalía de Castro ou Ferrol, por onde pasearon as súas maxestades para delicia dos máis novos. Como tamén é habitual, Melchor, Gaspar e Baltasar remataron a súa viaxe na Casa do Concello onde foron recibidos polo alcalde de As Pontes. Alí, no balcón da Casa Consistorial, Valentín González Formoso non só facía entrega da chave que abre todas as portas das casas dos nenos e nenas de As Pontes senón que tamén daba conta do seu desexo para este 2015: que As Pontes e os ponteses teñan un novo ano ateigado de bos momentos e felicidade. Melchor, Gaspar e Baltasar tamén se dirixiron aos presentes, sobre todo aos máis novos, aos que pediron que seguisen sendo así de bos durante todo o ano e que, por suposto, se acordasen de deixarlles unhas manteigadas e un vaso de leite baixo a árbore de Nadal durante a noite de Reis para que as súas Maxestades e os seus dromedarios puidesen repoñer forzas nesta noite de traballo tan longa. Por suposto, un ano máis, tamén se daba lectura a algunha das cartas enviadas estes días ás súas Maxestades e así os desexos de Líam, Xulian e David que pedían consolas, xoguetes para os que menos teñen ou un camión de bombeiros se facían públicos nas voces de Melchor, Gaspar ou Baltasar. Tras cumprir coas autoridades tocaba recibir aos auténticos protagonistas do día; as ducias de nenos e nenas de as pontes que querían aproveitar estas últimas horas para lembrarlles ás súas maxestades eses agasallos que, de seguro, onte á mañá aparecían a carón da súa árbore. Así, novamente, se habilitaban no salón de plenos uns tronos acordes coa importancia dos seus inquilinos nos que un por un cada neno e nena puido expresar os seus desexos para esta máxica noite. Bonecas, videoxogos, peluches, heroes do comic, bicicletas ou pelotas de fútbol foron algunhas das peticións que pequenos coma María, Iago, Laura, Adrián ou Sara lles transmitiron ás súas Maxestades nunha especial audiencia ateigada de sorrisos aínda que, coma sempre, tamén houbo quen se resistiu a compartir coas súas maxestades os seus desexos para esta noite. Así, con alegrías, algún que outro desgusto pero sobre todo con moita maxia se pechaba a noite do pasado luns na que, novamente, As Pontes volvía ser parada obrigada para a noite na que os desexos dos máis pequenos se fan realidade.

6/1/15

A Aula Cemit abre 2015 con novos cursos gratuítos

As Pontes, 5 de Xaneiro de 2015. A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello continúa coa súa actividade neste comezo de ano. Horario da Aula: Luns a Venres de 10:00 a 14:00 e de 15:30 a 18:30. Curso de "Mecanografía": Inicio: Luns 12/01/2015. Remate: Venres 30/01/2015. Horario: De Luns a Venres de 16:00 a 17:00. Horas: 15 . Este curso está pensando para acadar soltura cunha das principais ferramentas no uso dos ordenadores: o teclado. Os obxectivos do curso son aprender a correcta posición das mans á hora de usar o teclado e adquirir velocidade escribindo con el. Curso de "Procesadores de texto": Inicio: Martes 13/01/2015. Remate: Venres 30/01/2015. Horario: De Luns a Venres de 17:00 a 18:30. Horas: 20. Pensado como continuación do curso de Mecanografía, este curso aborda a redacción de documentos cun procesador de textos de software libre, "LibreOffice Writer". Comezando polo uso de estes programas a nivel básico, irase profundizando máis na elaboración de documentos, introducindo o uso de táboas, gráficos e imaxes. Curso de "Correo electrónico": Inicio: Martes 13/01/2015. Remate: Martes 20/01/2015. Horario: De Luns a Venres de 10:00 a 12:30. Horas: 15. Este curso é unha introdución ó uso do correo electrónico. Empezarase creando unha conta de correo electrónico para mais tarde poder aprender as distintas opcións para enviar e almacenar as nosas mensaxes.

2/1/15

Os Reis Magos visitarán As Pontes o vindeiro luns na tradicional cabalgata que pechará as actividades deste Nadal

Conta atrás para que Melchor, Gaspar e Baltasar visiten terras pontesas e é que o vindeiro luns, as súas Maxestades de Oriente percorrerán as rúas da nosa vila para repartir entre pequenos e pequenas quilos de doces, na compaña dos seus paxes e, por suposto, a bordo das súas fermosas carruaxes. Como non podía ser doutro xeito, o departamento municipal de Cultura será o encargado de organizar esta visita que arrincará ás 17.30 horas dende a avenida de Monte Caxado para continuar pola avenida de Ortigueira e Castelao ata chegar a unha das arterias principais do centro urbano: a avenida de Galicia onde, de seguro, se concentrarán centos de veciños e veciñas de todas as idades para saudar aos Reis de Oriente. O periplo pontés de Melchor, Gaspar e Baltasar continuará pola avenida Rosalía de Castro e a avenida de Ferrol para rematar diante da Casa do Concello onde, un ano máis, serán recibidos polo alcalde Valentín González Formoso que lles fará entrega da chave que abre as portas das casas de todos os nenos e nenas pontesas. Melchor, Gaspar e Baltasar dirixiranse dende o balcón do Concello a todos aqueles que se concentren diante da Casa Consistorial facéndolles chegar os seus mellores desexos e incluso con algún que outro consello para lograr que, nesta noite máxica, todos vexan cumpridos os seus desexos. Por suposto, tamén se dará lectura a algunha das misivas entregadas nestes días, no buzón real. Non faltará a recepción a todos os nenos e nenas que desexen achegarse ás súas Maxestades e é que, o salón de plenos, engalanarase un ano máis para recibir aos Reis Magos. Ata alí tamén se poderán desprazar os nenos e nenas que queiran transmitir a Melchor, Gaspar e Baltasar aqueles últimos agasallos que, ao día seguinte, de seguro que estarán a carón das súas árbores de Nadal. Así rematará a noite máis máxica do ano na que, de seguro, non haberá carbón para ninguén.

1/1/15

Paula Mayobre e Rodolfo Somovilla despiden 2014 como gañadores da IV San Silvestre Pontesa

  Un 31 de decembro máis, e xa van catro, centos de veciños e veciñas de todas as idades e procedencias escolleron as rúas pontesas e o sano deporte do atletismo para despedir o ano. E é que, a cuarta San Silvestre pontesa non podía ser menos que as súas antecesoras e, novamente, volveu contar cun elevado número de inscritos para as diferentes probas que se desputaron, o pasado mércores, polas rúas do centro urbano. Un total de 580 persoas se anotaron nas diferentes probas organizadas, unha edición máis, polo Clube Olympo e o Concello de As Pontes que, novamente, contaron coa inestimable axuda e colaboura de moitos establecementos da localidade que aportaron premios non só aos máis veloces en cada categoría senón tamen a aqueles que tiraron de imaxinación para elaborar os seus traxes. Así puidemos ver dende figuras tan típicas do nadal coma Papá NOel, as burbulliñas de freixenet, un rabaño de renos ou unha saborosa barra de turrón ata superheroes, fadas, personaxes animados coma as Tartarugas NInja ou a familia de Pepa Pig, xogos de mesa humanizados coma o tetris, os comecocos ou o adiviña quen é, persoas convertidas en galiñas, gatos, dálmatas ou canguros e incluso a figuras tan coñecidas coma Epi e Blas, Frank de la Jungla ou o mesmísimo William Wallace. Todos eles fixeron fronte a diferentes percorridos que foron dos 150 aos 5000 metros nos que tamén se incluiu unha andaina popular na que puidemos desfrutar dun desfile canino dos animais que están a vivir na protectora Pegadas Solidarias e que se sumaron a esta festa de fin de ano participando nunha camiña de 2500 metros e ata informando a todos aqueles que así o desexaron no posto co que tamén contaron na carpa que se instalou no patio do colexio de Santa María. A participación tamén foi do máis variopinta con atletas ponteses, viveirenses, coruñeses, naroneses ou ferroláns e coa representación de clubes coma o de Montaña O Caxado, os anfitrións do clube Olympo, Egovarros, Atletismo Milladoiro, Ría de Ferrol, Atletismo Castroverde ou clube Riazor, entre outros, moitos destes atletas repetían e outros ata se estreaban nesta despedida do 2014, nembargantes, o posto máis alto do podium foi para un home e unha muller que xa sabían o que era impoñerse nesta cita: así Paula Mayobre en categoría feminina absoluta e Rodolfo SOmovilla, na categoría masculina, repetían o primeiro posto na clasificación e que xa lograran no 2012, chegando á liña de meta en algo máis de 15 minutos. No tocante á categoría feminina, segunda foi Raquel Guizán e o terceiro posto ocupábao a pontesa Susana Bellas, namentras que o segundo lugar na competición masculina foi para Adrián Moreno e terceiro chegaba José Ángel López Millán.   No resto de categorías, en pitufos lograban a victoria Paula Yáñez e Lucas Blanco, seguidos de Rita García, Pablo Mariño, Xiana Barro e David Graña; en alevín feminino o podium estivo comandado por Valeria Guridi, seguida de África Morales e Jéssica Criado e en alevín masculino impúxose Hugo Blanco a Marcos Margharetto e Mario Vilar. En benxamín proclamáronse campións neste 2014 Carla Reija e Daniel Salgueiro, seguidos de Alba Barallobre, Adrián Rivadulla, Aloia Murado e Unai Loureiro; en categoría cadete impuxéronse Lucía Rivadulla e Daniel Salgueiro, que entraron primeiros na liña de meta. Tras deles Carla Franco, Azdin Jeddaoui, Paula López e Álvaro López, que completaron os primeiros postos nesta categoría. Na competición infantil, Uxía Fernández lograba ser a primeira en atravesar a liña de meta e tras dela entraban Andrea Reija e Cristina Castedo, namentras que na carreira masculina a victoria foi para Carlos Pernas, que se impuxo a Daniel Pernas e a Mohamed Jeddaoui. Ademáis da entrega de medallas e agasallos para os máis veloces e que presidiron o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e o concelleiro Carlos Castro, un ano máis decidíase premiar a orixinalidade dos disfraces que entraron en concurso, de ahí que na categoría individual os agasallos fosen para unha lograda barra de turrón e para o mesmísimo M.A Barracus. No concurso de parellas, o xurado decantouse polo cociñeiro e a súa ola de spaguettis e na categoría de grupos os vencedores foron as pezas do Tetris. Asemade, tamén se repartiron entre os participantes pezas de froita, cuncas de saboroso chocolate quente, bebidas enerxéticas e ata houbo un sorteo de agasallos entre os participantes. Como novidade este ano realizouse, durante a xornada, unha recollida solidaria de alimentos na que participaron moitos corredores aportando dende cartóns de leite ata paquetes de arroz, pasta ou legumes e que terán como destino o departamento de Servizos Sociais que se encargará de repartir estes alimentos entre aquelas familias que máis o precisan. En resumo, unha tarde completa, entretida, solidaria e por suposto divertida para despedir o 2014 por todo o alto.