3/12/14

Servizos Sociais e CIM presentan o venres os audiovisuais do programa Queremos + Igualdade

O Concello de As Pontes continúa a traballar activamente no fomento da igualdade entre homes e mulleres, sobre todo entre as xeracións máis novas. De feito, este venres poderemos ver xa o resultado do rap que se estivo a compoñer con esta fin nos institutos ponteses e tamén do audiovisual que o pasado 15 de novembro se gravaba na feira quincenal. O departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller vólvense poñer á fronte dunha iniciativa que pretende ir máis aló da conmemoración do Día Internacional de Loita contra a Violencia contra a Muller, de ahí que ideasen un programa de obradoiros escolares, gravación de un audiovisual e diferentes charlas e análises cos máis novos que poderemos ver en tan só dous días. O salón de actos da casa Dopeso acollerá dende as 18.30 horas a presentación tanto do vídeo "Na feira das Pontes fálase de igualdade" coma do video clip musical Queremos máis igualdade, composto e interpretado polo alumnado de 3º e 4º de Educación Secundaria. Asemade, o acto contará tamén coa actuación do grupo Random que, unha vez máis, fará as delicias dos presentes interpretando temas de Maná, Green Day ou Linkin Park. Pero aquí non quedan as iniciativas promulgadas dende a concellería que dirixe José Alén e é que, dende o pasado 24 de novembro, xa se atopa operativo na rede As Pontes en igualdade, un espazo de Facebook onde se continuará a desenvolver este traballo en prol da igualdade real e efectiva, sensibilizando e concienciando a homes e mulleres de todas as idades, da importancia da igualdade de oportunidades entre eles e elas en todos eidos da nosa vida. Nesta páxina irase publicando información puntual e actualizada sobre campañas, obradoiros, conferencias, xornadas, cursos e investigacións en materia de igualdade de oportunidades promovidas polo Concello das Pontes e as entidades que están a traballar nel.

No hay comentarios: