22/12/14

Esta mañá comezaba un obradoiro de resolución de conflictos enmarcado nas I xornadas de aprendizaxe de resolución de conflictos sen violencia

Esta mañá comezaba un obradoiro de resolución de conflictos enmarcado nas I xornadas de aprendizaxe de resolución de conflictos sen violencia, e através da convivencia, que nestas datas de Nadal promove a Concellería de Servizos sociais. A primeira xornada, a de hoxe, comezaba cunha exposición de diversas situacións de conflito segundo os diferentes ámbitos cos que interactuar. Facíase unha representación de monicreques guiada por un personaxe central alcumado "Don Diálogo", que interactuaba cos nenos e nenas pretendendo que a súa participación fose máis activa para que a súa aprendizaxe canto a resolución de conflitos sexa o maior posible. Mañá o obradoiro centrarase no respecto, cooperación e empatía, e será a última xornada infantil. A xornada consistirá na realización de xogos educativos, enlazados en forma de jincana, baseados na colaboura e interacción dende o respecto e na fomentación da empatía e a non violencia. Así, será unha jincana dividida por estacións, a estación de respecto, a estación de cooperación, e xa a da empatía e a da clausura conxunta, e en cada estación realizaranse os xogos correspondentes á temática desta. Deste xeito, sen ser unha actividade de conciliación directamente, si pode incidir neste eido o feito de que se traballe co mesmo colectivo de reforzo co que se conta durante todo o curso lectivo. A semana que ven volven os obradoiros luns e martes, e para adolescentes, con técnicas e dinámicas grupais que buscan fomentar a empatía así como a comprensión da necesidade de respecto e colaboura mutua no día a día. Tamén se reproducirán as representacións de varias escenas de conflitos cotiás na vida diaria adolescente escenificadas con imaxes e vídeo. Se cos nenos se recorría ós monicreques, agora apóstase polas tecnoloxías co audiovisual participativo. E é que o eixo central será un obradoiro audiovisual con información, guía e pautas aos menores para que aporten cadansúa curtametraxe sinxela de vídeo, unha imaxe, ou no seu defecto unha ilustración que reflicta, no seu propio criterio, a non violencia e amose o mellor posible a aprendizaxe e reflexión que sacan da primeira xornada. O martes volverase ó audiovisual con tempo para que os menores expoñan os vídeos e imaxes ao resto de compañeiros explicando o sentido que para eles adquire. O martes pecharase cun rap en grupo contra a violencia. Os menores participantes son os encargados de crear a letra e da elección da base musical. O obradoiro deportivo será nunha charla-exposición acerca do full contact baseándose na filosofía da non violencia, e do emprego destas técnicas exclusivamente para a defensa e nunca para o ataque.

12/12/14

Música, xogos, deporte, cine e a Cabalgata de Reis protagonizar a programación cultural municipal ideada por Cultura para celebrar o Nadal

Coma cada ano, o departamento municipal de Cultura está xa a piques de sacar á rúa o programa de actividades culturais de Nadal. Un agardado listado de concertos, iniciativas culturais, proxeccións cinematográficas e iniciativas para pequenos e non tan pequenos dirixido a que ponteses e pontesas de todas as idades desfruten destes días de ocio e descanso. Esta mesma fin de semana se abrirá este atractivo programa coa exposición de postais de Nadal que ata o domingo poderemos visitar no soto da Casa Dopeso, e que se presentaron a unha nova edición do certame organizado pola Coordinadora de Anpas Abrente. Pero nos vindeiros días tamén teremos outro tipo de citas. Unha delas será a xornada de decoración da sala infantil da Biblioteca Municipal e que xa ten data o vindeiro día 19, dende as 16.00 horas. O teatro tamén terá o seu espazo e é que para o vindeiro día 29, a compañía Sarabela presentará a obra infantil O último dragón, no auditorio municipal Alovi, e por suposto, continuará o cine cunha extensa e intensa programación de longametraxes. Así o venres e sábado da semana que ven poderemos desfrutar de O ouro do tempo, Ida e o filme de animación Operación Cacahuete. Os días 22 e 23 poderemos escoller entre El Niño e Como entrenar a tu dragón 2 e os días 27 e 30 de decembro desfrutaremos coas proxeccións de El corredor del laberinto e Maléfica. Ademais o día 2 de Xaneiro proxectarase As aventuras de Peabody e Sherman e Gillaume e os rapaces á mesa. Para os siareiros da música, tamén éste será o seu Nadal con actuacións dos alumnos do Conservatorio, da Rondalla, a Banda Xuvenil, a Asociación Cultural Alende ou a Agrupación Coral Endesa As Pontes. Así o martes da vindeira semana teremos ás 19.30 horas na Casa Dopeso o Concerto de Nadal dos alumnos do Conservatorio; e o mércores o tradicional recital da Escola de Acordeóns dende as 19.00 horas no Alovi. A rondalla tamén se sumará a estas festas cun recital para o sábado 20 ás 19.00 na Casa Dopeso e para o día seguinte, as Cantareiras de Alende, a Coral Endesa e a Coral Armonía de Ferrol ofrecerán un concerto de panxoliñas na igrexa parroquial, as 12.30. Pero non todo será música de Nadal xa que o día 26 tocará cambiar de estilo co concerto do dúo de jazz Black, que se celebrará no Alovi dende as 20.30 horas e para o día 27 teremos o recital de nadal da Escola de Música, a Banda Xuvenil e a Banda Cultural das Pontes dende as 12.00 no Alovi. No apartado deportivo, as vindeiras semanas virán marcadas pola exhibición de ximnasia rítmica que terá lugar o xoves da vindeira semana, unha nova edición do Campus de Basket, que arrincará o día 27 e a IV San Silvestre pontesa que se celebrará o 31 de decembro. Por suposto non nos podiamos esquencer de Mundoxogo que dende o día 20 e ata o 6 de xaneiro se poderá visitar nas dependencias do Mercado Vello. Pero tamén en xaneiro teremos actividades das que desfrutar porque o día 2 regresa o cine para pequenos e adultos e ata se desenvolverá un obradoiro de percusión co grupo Los Kilomberos de Montealto. Un día despois, o 3 de xaneiro e na Casa Dopeso, estrearase do documental Videocartas Galiza Berlín, elaborado polas pontesas Ana Seijo, Sabela Pernas, Sandra Martínez e Adriana Villanueva e que xa se estreaba o pasado mes de novembro no ciclo Cineuropa de Compostela e, nesa mesma xornada, no polideportivo municipal tamén se celebrará unha xornada de hinchables e xogos gratuítos para pequenos de todas as idades. Non abandoamos o polideportivo da Fraga xa que o 4 de xaneiro, éste servirá como escenario do tradicional encontro amigable entre a Selección Galega de Fútbol Sala e unha selección de xogadores da liga local, que será de entrada libre e que arrincará ás 17.00 horas. Por suposto, Melchor, Gaspar e Baltasar non faltarán á súa tradicional cita cos nenos e nenas de As Pontes na Calbagata que o 5 de xaneiro, ás 17.30 horas, partirá da rúa Monte Caxado para percorrer o centro urbano ata a Casa do Concello, onde recibirán as chaves de todos os fogares ponteses, repartirán doces e tamén conversarán cos pequenos e pequenas. Como clausura desta programación nada mellor que apostar polo baile e feito en As Pontes. Neste caso, os días 9 e 10 de xaneiro, no auditorio municipal Alovi reeditarase o espectáculo de fin de curso das escolas de baile moderno, clásico e flamenco que xa puidemos desfrutar o pasado mes de xuño. As dúas sesións arrincarán ás 20.30 horas. A entrada será gratuíta e as coreografías terán como inspiración diferentes videoclips de éxito internacional. En resumo, unha extensa axenda de actividades que permitirá que veciños e veciñas de todas as xeracións desfruten destas festas tal e como se merecen.

A Casa do Concello conta xa co buzón real dirixido a recoller os desexos dos máis pequenos para este Nadal

Dende hai uns días e como ven sendo xa tradicional cada ano por estas datas, nos soportais da Casa do Concello xa podemos atopar un dos buzóns reais que Melchor, Gaspar e Baltasar teñen en cada vila para recoller as cartas daqueles nenos e nenas que se portaron ben durante todo o ano e que recollen, nas súas misivas, os seus desexos para a noite do 5 de xaneiro. Xa nestes días, as súas Maxestades de Oriente están xa a facer acopio de xoguetes e agasallos para todos os pequenos e pequenas que se portasen ben durante o ano que está a piques de rematar para, na noite de Reis, repartilos entre os seus destinatarios. Ata o 2 de xaneiro, todos os pequenos e pequenas de As Pontes que así o desexen poderán depositar as súas cartas no buzón que se atopa no Concello para que, deste xeito, as súas maxestades teñan tempo para contestar a cada unha destas misivas. Por este motivo cada carta deberá contar co nome, apelidos e enderezo do neno ou nena escritos con letra lexible e, que, deste xeito, Melchor, Gaspar e Baltasar poidan enviar a todos os nenos e nenas de as pontes a súa resposta. Por suposto, tamén teremos na nosa vila a presenza das súas Maxestades de Oriente, aínda que iso será o vindeiro 5 de xaneiro na tradicional Cabalgata de Reis que, de seguro, un ano máis virá ateigada de sorpresas para os máis novos

11/12/14

Mundoxogo abrirá o vindeiro día 20 as súas portas con novos xogos, actividades e obradoiros

O programa de ocio Mundoxogo regresará a vindeira semana a As Pontes e é que, como cada nadal, o mercado vello vestirase de festa pero sobre todo de diversión para acoller os mundos de Playmobil, as mesas de pintura e debuxo, os obradoiros de cociña de Ovo Frito ou as competicións en diferentes videoxogos de fútbol, carreiras de coches ou aventuras. Dende o vindeiro día 20 e ata o 6 de xaneiro, a concellería de Xuventude abrirá a todo tipo de público este programa de ocio no que novamente a entrada será gratuíta e que xa é todo un referente no nadal pontés. Regresan así os obradoiros de arxila Clay, as clases de cociña na mesa Ovo Frito, as megaconstruccións cos bloques Lego, as aventuras de piratas, futbolistas ou corredores de Playmobil, os videoxogos e, por suposto, as actividades para os máis pequenos de ata 3 anos que, para este Nadal contarán como sorpresa cunha piscina de bolas que se sumará á ludoteca que se estreaba xa o pasado ano. Por suposto, o Nadal tamén estará máis que presente con guirnaldas, un belén con figuriñas de playmobil e unha fermosa árbore ateigada de agasallos que se sortearán na xornada de clausura de Mundoxogo, xa que para esta edición non se realizarán competicións e sí un sorteo de xoguetes entre os pequenos e pequenas que se pasen polo Mercado Vello durante estas festas, que recibirán unha papeleta cada vez que se pasen por estas dependencias coa que tomarán parte nestes sorteos de agasallos. Mundoxogo abrirá as súas portas o vindeiro 20 de decembro en horario de 10.00 a 13.30 e de 16.00 a 20.30 horas, todos os días ata o 6 de xaneiro e, de seguro que, novamente, volverá ser todo un acerto para que os máis pequenos da casa desfruten dos seus días libres entre xogos e, por suposto, moita diversión.

9/12/14

A presentación de tres traballos audiovisuais pecha o programa Queremos + Igualdade auspiciado polo departamento de Servizos Sociais con motivo do 25-N


Videoclip "Nas Pontes Queremos + Igualdade" from DELOGA on Vimeo.
  O departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á muller presentaron, na tarde do pasado venres, o resultado en forma de traballos audiovisuais do programa Queremos + Igualdade, auspiciado economicamente polo Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral da Igualdade, e co que se pretende traballar sobre o 25 de novembro, xornada de loita contra a violencia contra a muller. O edil de Servizos Sociais, José Alén, xunto coa directora do CIM, Maca Rego, foron os encargados de presentar os tres audiovisuais elaborados ao longo destas últimas semanas e nos que tomaron parte dende o alumnado de 3º e 4º de Secundaria dos centros educativos ponteses ata veciños de todas as idades, mediante coreografías, composicións musicais e incluso enquisas a pé de rúa. De feito, o propio concelleiro de Servizos Sociais amosaba a súa gratitude e satisfacción a todos aqueles que botaron unha man para a elaboración destas tres montaxes audiovisuais, facendo especial fincapé nos máis novos que, tal e como apuntou José Alén, son o futuro necesario para erradicar por sempre a violencia de xénero. A directora do CIM de As Pontes compartía esta gratitute que extendía a todas as pontesas que participaron na coreografía Rompiendo las Cadenas, en contra do maltrato á muller. Tralas dúas intervencións era momento de descubrir o resultado destas semanas de traballo, primeiro cun vídeo no que se incluíron diferentes preguntas a veciños e veciñas que, o pasado 15 de novembro, paseaban pola feira de as pontes e que deron a coñecer aos presentes na Casa Dopeso, as diferentes visións da cidadanía sobre o machismo, a violencia contra a muller ou a necesidade de promulgar, mediante campañas, a erradicación da violencia de xénero. O segundo audiovisual que se presentou o venres estivo protagonizado polas 40 veciñas que participaron na coreografía Rompiendo las cadenas e que mesturaba imaxes dos bailes realizados tanto no Xardín do Campo da Feira coma na praza de Abastos e que estiveron protagonizados por 40 veciñas e dirixidos pola mestra deportiva Laura Estefanía Fernández. Non podía faltar tampouco o ver reflectido o traballo xa máis musical dos alumnos de Secundaria que, nestas últimas semanas, compuxeron un rap en contra do maltrato á muller e que, por suposto, precisaba do seu propio videoclip protagonizado por estes estudantes. E como de música ía a tarde nada mellor que clausurar esta presentación coa música en directo dunha formación pontesa e moi nova xa que o grupo Random, do Instituto Castro da Uz, ofreceron un pequeno concerto aos presentes onde os temas de Green Day foron os principais protagonistas.

5/12/14

A Cea Solidaria logra recadar máis de 4.000 euros que servirán para subvencionar as actividades de Cáritas, A Xanela, Adiante e Aspanaes

A Comisión de Festas do Carme e a Fraga 2014 facía onte entrega dos fondos recadados na primeira edición da Cea Solidaria e que se celebrou o pasado sábado, no local veciñal da Cal da Avelaíña. Sara Ramos, Fina Bellas e Pablo Montero, en representación tamén de Ana Belén Fernández e Elena López, encargáronse de entregar a representantes de Adiante, Cáritas, Aspanaes e A Xanela os 4.200 euros recadados non só durante a xornada do sábado, senón tamén mediante a fila cero que se habilitou na entidade Abanca para a colaboura cidadá. A recadación repartíase onte a partes iguais para os catro colectivos e que contaron con representación, de varios dos integrantes do seu equipo directivo. Así as cousas, Juan Pérez de Cáritas, Salvador Baamonde de Adiante, Cristina Rodríguez de Aspanaes e Juan García de A Xanela achegáronse ata as dependencias da casa do Concello para recoller candanseu cheque por valor de 1.050 euros e que, de seguro, será toda unha axuda para continuar coa súa labor. E é que non podía faltar a resposta de veciños e locais comerciais e de hostalería á hora de respaldar esta cita xa que, tal e como apuntaba unha das organizadoras do evento, Sara Ramos, veciños, comercios e bares foron indispensables para facer desta convocatoria todo un éxito de participación, con 240 comensais. Mesma satisfacción expresaba Fina Bellas que agradeceu o importante respaldo de toda a sociedade local nunha iniciativa que nacía da man dun pequeno remanente económico procedente dos festexos patronais do verán pasado. Tralo gran éxito desta primeira edición queda no aire o repetir, o vindeiro ano, unha cita semellante e é que as bases xa están postas e agora, segundo apuntaba Sara Ramos, queda que alguén se anime a seguir o camiño xa aberto. Aínda que os coletazos desta primeira cea solidaria aínda se están a deixar sentir, de seguro que xa hai quen está a pensar en iniciativas semellantes para o vindeiro ano e, deste xeito, continuar a botar unha man ao tecido asociativo local que máis o precisa e que como Cáritas, A Xanela, Adiante ou Aspanaes realizan unha función tan importante para a sociedade pontesa que toda axuda é pouca para continuar respaldando este tipo de proxectos.

4/12/14

Servizos Sociais abre o prazo para anotarse nunha nova edición de Diverocio Nadal

Achéganse as vacacións de Nadal para moitos escolares e con elas as típicas dúbidas de pais e nais á hora de buscar con quen deixar aos seus pequenos namentras que eles e elas deben facer fronte ás súas obrigas laborais. Un ano máis, dende o departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller volverán ofrecer unha boa solución para aqueles pais e nais que, nestas datas deben conciliar vida laboral e familiar, abrindo ao público o programa Diverocio Nadal 2014; uns obradoiros dirixidos a pequenos de entre 3 e 11 anos que se desenvolverán os días 22, 23, 26, 29 e 30 deste mes e 2, 5 e 7 de xaneiro. Oito sesións que arrincarán ás 9.00 e rematarán contra das 14.00 horas e que, un ano máis, terán como escenario as dependencias do colexio da Magdalena. Manualidades vencelladas co Nadal, xogos, deportes e diferentes actividades dirixidas a fomentar o traballo en equipo, o respecto e a tolerancia integrarán este programa que, un Nadal máis, ofrecerá a oportunidade a medio cento de nenos e nenas de desfrutar das vacacións de Nadal pero dun xeito diferente, aprendendo, pasando un rato entretido e, por suposto, traballando en valores. No tocante ás inscricións dende hoxe mesmo e ata o vindeiro día 18 será posible formalizar as mesmas con tan só cubrir o pertinente formulario, adxuntar a documentación esixida e pagar a cuota correspondente e que ascende a 40 euros por pequeno inscrito. Para esta edición Diverocio Nadal contará con 50 prazas que, no caso de non ser suficientes, adxudicaranse por orde de preferencia, tendo maior puntuación aqueles pais e nais que xustifiquen o estar a traballar nestas datas, as familias que conten cunha persoa dependente ao seu cargo ou as familias monoparentais onde a persoa encargada dos pequenos se atope traballando ou realizando un curso formativo. De feito, para xustificar todas estas circunstancias será preciso que, unha vez que se entregue a folla de inscrición, se inclúa unha fotocopia do Libro de familia; certificado da empresa de conforme se está a traballar nas datas de Diverocio Nadal; fotocopia do último recibo de autónomos de darse o caso; certificado da entidade que imparte a formación de estar asistindo a ela; declaración xurada de estar a traballar no servizo doméstico e documentación que xustifique as diferentes situacións de respiro familiar ou semellantes. As inscricións poderanse tramitar no departamento de Servizos Sociais, no segundo andar da Casa Dopeso, en horario de 9.00 a 14.00 horas, de luns a venres ou ben por internet enviando un correo electrónico coa documentación esixida ao enderezo servizos.sociais@aspontes.org. Para obter máis información tamén é posible pasarse por este departamento de luns a venres en horario de mañá ou ben telefonar ao 981 44 10 08.

3/12/14

Servizos Sociais e CIM presentan o venres os audiovisuais do programa Queremos + Igualdade

O Concello de As Pontes continúa a traballar activamente no fomento da igualdade entre homes e mulleres, sobre todo entre as xeracións máis novas. De feito, este venres poderemos ver xa o resultado do rap que se estivo a compoñer con esta fin nos institutos ponteses e tamén do audiovisual que o pasado 15 de novembro se gravaba na feira quincenal. O departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller vólvense poñer á fronte dunha iniciativa que pretende ir máis aló da conmemoración do Día Internacional de Loita contra a Violencia contra a Muller, de ahí que ideasen un programa de obradoiros escolares, gravación de un audiovisual e diferentes charlas e análises cos máis novos que poderemos ver en tan só dous días. O salón de actos da casa Dopeso acollerá dende as 18.30 horas a presentación tanto do vídeo "Na feira das Pontes fálase de igualdade" coma do video clip musical Queremos máis igualdade, composto e interpretado polo alumnado de 3º e 4º de Educación Secundaria. Asemade, o acto contará tamén coa actuación do grupo Random que, unha vez máis, fará as delicias dos presentes interpretando temas de Maná, Green Day ou Linkin Park. Pero aquí non quedan as iniciativas promulgadas dende a concellería que dirixe José Alén e é que, dende o pasado 24 de novembro, xa se atopa operativo na rede As Pontes en igualdade, un espazo de Facebook onde se continuará a desenvolver este traballo en prol da igualdade real e efectiva, sensibilizando e concienciando a homes e mulleres de todas as idades, da importancia da igualdade de oportunidades entre eles e elas en todos eidos da nosa vida. Nesta páxina irase publicando información puntual e actualizada sobre campañas, obradoiros, conferencias, xornadas, cursos e investigacións en materia de igualdade de oportunidades promovidas polo Concello das Pontes e as entidades que están a traballar nel.

1/12/14

Gran éxito de participación na I Cea Solidaria organizada pola Comisión de Festas 2014

Que As Pontes é un pobo solidario é algo máis que unha afirmación que, o pasado sábado, volvía quedar máis que demostrada coa masiva participación de veciños e veciñas na primeira edición da Cea Solidaria, unha iniciativa organizada dende a comisión de festas do Carme e a Fraga 2014 que decidía aproveitar o remanente destes festexos para organizar unha cita gastronómica para recadar fondos para diferentes entidades pontesas. Así, ao redor de 250 comensais de todas as idades dábanse cita no local social do colectivo Vincallo, na Cal da Avelaíña, para desfrutar dunha cea do máis internacional e na que produtos tan típicos de Galicia coma o churrasco, os cachelos, a empanada ou o requeixo con mel se mesturaron con boliños de bacallau portugueses, empanadiñas de carne suramericanas e postres do máis variopintos vidos de Marrocos, Colombia ou Perú. Ducias de veciños e veciñas se sumaron a esta cita por unha boa causa e é que todo o recadado terá como destino as entidades Adiante, Cáritas, Aspanaes e A Xanela que unha vez máis contaron co respaldo non só da veciñanza, senón tamén de moitos comercios, bares e ata clubes deportivos locais que aportaron o seu gran de area con diferentes agasallos que se sortearon entre os presentes e doazóns en forma de empanadas ou bebidas para desfrutar desta noite. Non faltou por suposto o apoio do Concello de As POntes que estivo representado polo alcalde, Valentín González Formoso, e que acudiu a esta convocatoria xunto cos edís de Industria, Xuventude, Deportes, Servizos Sociais, Persoal, Facenda ademáis da concelleira de Cultura, Sara Ramos, tamén implicada na iniciativa xunto con Pablo Montero, Ana Belén Fernández, Fina Bellas e Elena López, integrantes da comisión organizadora. Durante a noite, ademáis da boa comida, non faltou a diversión para os máis novos que, xunto coas monitoras do espazo infantil Bolboreta, houbo música cun posterior baile e sorteos de camisetas de clubes locais, xogos, artigos de decoración e ata dunha viaxe para dúas persoas a Cantabria e por suposto, as verbas de varios dos representantes das entidades Adiante, A Xanela, Aspanaes e Cáritas que, agradeceron o gran respaldo social desta causa. A festa rematou a altas da madrugada e é que a ocasión así o merecía. Foi cun baile no que as cumbias, os merengues e os pasodobres do Dúo Maracuyá e dun dj fixeron que esta noite solidaria rematase nunha madrugada ateigada de diversión e que, de seguro, non será a derradeira.