28/11/14

ULTIMAS PRAZAS PARA A CEA SOLIDARIA DE MAÑÁ

A veciñanza pontesa volverá dar conta mañá da súa solidaridade e será colaborando nunha cea coa que se buscará recadar fondos para as entidades locais Adiante, A Xanela, Cáritas e Aspanaes. A Comisión de Festas 2014 púxose á fronte desta iniciativa solidaria tras destinar o remanente dos festexos patronais deste verán a esta convocatoria gastronómica e coa que se busca botar unha man ás entidades pontesas que traballan día tras día en prol de veciños e veciñas da nosa vila. Así para este sábado, no local social do colectivo Vincallo, celebrarase esta cita gastronómico solidaria e que contará cun menú do máis atractivo composto por empanada, ensalada, churrasco e postres típicos doutros países do mundo. Asemade, tamén se instalará unha barra con combinados a tan só 2 euros. Non faltará a música coa actuación do dúo maracuyá e un dj e actividades para os máis pequenos xa que se habilitará un servizo de animación infantil a cargo da empresa Bolboreta para que tamén os máis novos pasen unha tarde e unha noite do máis entretidas. Comercios de todo tipo, bares e restaurantes locais tamén colaborarán con esta cea doando agasallos e co menú, de feito durante a noite se sorteará unha viaxe de 5 días a Cantabria para dúas persoas ademáis de botellas de viño e outro tipo de artigos. Poucas son as entradas que quedan xa para sumarse a esta cita gastronómica pero aínda é posible facerse con algunha a un prezo de 15 euros para adultos e 5 euros para menores de 12 anos. Para mercar estes tickets é posible contactar coa comisión de Festas, achegarse ata a concellería de Servizos Sociais no segundo andar da Casa Dopeso ou ben adquirilas mediante calquera das catro entidades beneficiarias. Asemade, para aqueles que non poidan asistir e desexen participar cun donativo habilitouse unha fila cero na entidade ABanca.

No hay comentarios: