5/11/14

O Concello de As Pontes ofreceu unha charla informativa sobre a resintonización da TDT e as axudas estatais para a adaptación das antenas

As Pontes, 05 Novembro de 2014.- O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Servizos Sociais e Atención Cidadá, celebrou onte unha charla dirixida a informar á veciñanza sobre os novos cambios de frecuencias na TDT e as diferentes obras a realizar, sobre todo en comunidades de veciños, á hora de adaptar a súa antena e resintonizar os seus televisores. O edil do ramo, José Alén, foi o encargado de presidir o encontro onde participaron unha vintena de representantes de diferentes colectivos veciñais e no que se contou coa experiencia do membro da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, Jacinto Parga. Parga deu a coñecer aos asistentes o porqué deste novo cambio de frecuencias, necesario para deixar espazo ás novas liñas de telefonía 4G, ademáis da necesidade de realizar a correspondente resintonización das televisións denantes do 1 de xaneiro. Segundo apuntou o experto, as comunidades de veciños son as máis afectadas neste proceso e é que éstas deberán chamar a un instalador rexistrado para que adapte o seu sistema de recepción monocanle ou de centraliña programable co obxectivo de ampliar a banda de recepción dos mesmos e así captar as novas frecuencias. Parga tamén deu conta das diferentes liñas de axudas e subvencións que se ofrecen dende o Ministerio de Industria para a adaptación de antenas e que poden oscilar entre os 100 e os 550 euros, unhas axudas que se deben tramitar mediante o portal Red.es, do propio Ministerio de Industria. Por suposto, tamén houbo tempo para solventar as dúbidas dos presentes que, principalmente se interesaron polo reparto de frecuencias e situación das canles máis populares.

No hay comentarios: