28/11/14

O CONCELLO DE AS PONTES APROBOU HOXE O POS 2015 DOTADO CON 507.000 EUROS E DIFERENTES BONIFICACIÓNS FISCAIS NAS ORDENANZAS DO , IAE, IBI E ICIO

A corporación municipal, en sesión extraordinaria, deu hoxe luz verde por unhanimidade, ás obras que se incluirán no Plan de Obras e Servizos de 2015, que subvenciona a Deputación da Coruña. O goberno provincial destinará algo máis de 507.000 euros a un paquete de catro actuacións que se desenvolverán tanto no casco urbano coma no rural. O edil de Urbanismo e Xestión Orzamentaria, Antonio Alonso, foi o encargado de presentar os catro proxectos e a obra complementaria que se realizarán con cargo a estes fondos. O POS 2015 incluirá a terceira fase de mellora do servizo de iluminación, pavimento e redes de abastecemento do Poboado do Barreiro e que suporá un desembolso de 88.183 euros; a mellora de pavimentación, beirarrúas e colocación de iluminación na Avenida de Vilalba, Presa de Alende, Rúa Coireiro e Ronda do Poboado cun orzamento de 171.581 euros e o reforzo de firmes no Xarel, Maciñeira, Carreira, Pazos e Carballo Infante por un valor de 129.728 euros. A cuarta obra incluída neste plan será a terceira fase da mellora e servizos do Poboado da Fraga por un total de 117.595 euros. Asemade, como proxecto complementario incluíuse aprimeira fase do saneamento en Villerma e a renovación deste servizo no Poboado do Anguieiro por un total de 92.912 euros. A sesión tamén incluíu a aprobación de diferentes modificacións fiscais en impostos coma o ICIO, IAE e IBI; iniciativas que defendeu o edil de Facenda e Xestión Orzamentaria. Antonio Alonso deu conta do importante traballo e da boa xestión que se está a desenvolver dende o seu departamento á hora de modificar as taxas na medida do posible para rebaixar a presión fiscal á que se ven sometidos os pequenos e medianos empresarios e que, deste xeito, se impulse a creación de emprego. A primeira modificación obxecto de debate foi a do imposto de bens inmobles. E que, segundo explicou Antonio Alonso, permitirá que aquelas pequenas e medianas empresas cun valor catastral inferior aos 750.000 euros non deban afrontar un tipo impositivo do 1,1%, senon do 0,46%. Asemade, tamén se verán bonificadas no pago do IBI aquelas familias numerosas que acrediten este feito anualmente e os posuidores de bens inmobles que sexan declarados de interese patrimonial, cultural, histórico ou que xeren emprego e que poderán ver reducida ata nun 95% esta cota. A medida saía adiante cos votos a favor de Partido Socialista e Bloque Nacionalista Galego namentra que dende o Partido Popular optábase pola abstención. Mesmo resultado nas votacións recibía a segunda das modificacións de ordenanzas fiscais que hoxe se debateron en pleno. Tamén o edil Antonio Alonso defendía novas medidas económicas con respecto ao Imposto sobre Construccións, Instalacións e Obras. Neste senso, o concelleiro apuntou ata tres medidas económicas moi positivas para a economíca local. De feito, todas aquelas empresas que contraten a veciños desempregados empadroados no concello poderán beneficiarse de descontos de ata o 95% da cota do ICIO, segundo o número de contratacións, e a tipoloxía das mesmas xa que se terá moi en conta aspectos coma a contratación de maiores de 45 anos, mulleres vítimas de violencia de xénero ou persoas con discapacidade. Asemade, ao abeiro deste imposto, tamén está previsto que se apliquen bonificacións a aqueles empresarios que aposten por instalar medidas de adaptabilidade para persoas con discapacidade, nas súas obras. Outra das ordenanzas fiscais que hoxe era sometida a cambios foi a que regula o Imposto de Actividades Económicas ou IAE. Dende a concellería de Facenda e Xestión Orzamentaria presentaron ao pleno un paquete de medidas tamén dirixido a reducir a presión fiscal. Así, segundo explicou Antonio Alonso, incluiranse bonificacións do 50% no segundo ano de exercizo a aquelas empresas que inicien a súa actividade en As Pontes. Para aquelas xa instaladas na nosa vila tamén haberá beneficios, de feito incentivarase a creación de contratos indefinidos ata un máximo dun 50%. Mesma porcentaxe de bonificación recibirán aquelas empresas que decidan instalar un servizo de transporte colectivo para os seus empregos. Novamente, partido socialista e bloque nacionalista respaldaban estas medidas namentras que, dende o Partido Popular, optábase pola abstención. Durante a sesión tamén recibía respaldo inicial da cámara a ordenanza fiscal reguladora da taxa por tendidos, tuberías e galerías para as conduccións de diferentes suministros coma auga ou enerxía eléctrica que se establezan sobre vías públicas e outros terreos públicos e que se encargan de xestionar dende a deputación da Coruña. Este trámite tan só consistiu nunha trasposición desta ordenanza para que coincida coa do executivo provincial e sexa este o que se encargue da xestión das diferentes taxas ao respecto. Neste caso partido socialista e partido popular poñíanse dacordo en respaldar a medida namentras que o bng votou en contra da mesma.

No hay comentarios: