28/11/14

ULTIMAS PRAZAS PARA A CEA SOLIDARIA DE MAÑÁ

A veciñanza pontesa volverá dar conta mañá da súa solidaridade e será colaborando nunha cea coa que se buscará recadar fondos para as entidades locais Adiante, A Xanela, Cáritas e Aspanaes. A Comisión de Festas 2014 púxose á fronte desta iniciativa solidaria tras destinar o remanente dos festexos patronais deste verán a esta convocatoria gastronómica e coa que se busca botar unha man ás entidades pontesas que traballan día tras día en prol de veciños e veciñas da nosa vila. Así para este sábado, no local social do colectivo Vincallo, celebrarase esta cita gastronómico solidaria e que contará cun menú do máis atractivo composto por empanada, ensalada, churrasco e postres típicos doutros países do mundo. Asemade, tamén se instalará unha barra con combinados a tan só 2 euros. Non faltará a música coa actuación do dúo maracuyá e un dj e actividades para os máis pequenos xa que se habilitará un servizo de animación infantil a cargo da empresa Bolboreta para que tamén os máis novos pasen unha tarde e unha noite do máis entretidas. Comercios de todo tipo, bares e restaurantes locais tamén colaborarán con esta cea doando agasallos e co menú, de feito durante a noite se sorteará unha viaxe de 5 días a Cantabria para dúas persoas ademáis de botellas de viño e outro tipo de artigos. Poucas son as entradas que quedan xa para sumarse a esta cita gastronómica pero aínda é posible facerse con algunha a un prezo de 15 euros para adultos e 5 euros para menores de 12 anos. Para mercar estes tickets é posible contactar coa comisión de Festas, achegarse ata a concellería de Servizos Sociais no segundo andar da Casa Dopeso ou ben adquirilas mediante calquera das catro entidades beneficiarias. Asemade, para aqueles que non poidan asistir e desexen participar cun donativo habilitouse unha fila cero na entidade ABanca.

O CONCELLO DE AS PONTES APROBOU HOXE O POS 2015 DOTADO CON 507.000 EUROS E DIFERENTES BONIFICACIÓNS FISCAIS NAS ORDENANZAS DO , IAE, IBI E ICIO

A corporación municipal, en sesión extraordinaria, deu hoxe luz verde por unhanimidade, ás obras que se incluirán no Plan de Obras e Servizos de 2015, que subvenciona a Deputación da Coruña. O goberno provincial destinará algo máis de 507.000 euros a un paquete de catro actuacións que se desenvolverán tanto no casco urbano coma no rural. O edil de Urbanismo e Xestión Orzamentaria, Antonio Alonso, foi o encargado de presentar os catro proxectos e a obra complementaria que se realizarán con cargo a estes fondos. O POS 2015 incluirá a terceira fase de mellora do servizo de iluminación, pavimento e redes de abastecemento do Poboado do Barreiro e que suporá un desembolso de 88.183 euros; a mellora de pavimentación, beirarrúas e colocación de iluminación na Avenida de Vilalba, Presa de Alende, Rúa Coireiro e Ronda do Poboado cun orzamento de 171.581 euros e o reforzo de firmes no Xarel, Maciñeira, Carreira, Pazos e Carballo Infante por un valor de 129.728 euros. A cuarta obra incluída neste plan será a terceira fase da mellora e servizos do Poboado da Fraga por un total de 117.595 euros. Asemade, como proxecto complementario incluíuse aprimeira fase do saneamento en Villerma e a renovación deste servizo no Poboado do Anguieiro por un total de 92.912 euros. A sesión tamén incluíu a aprobación de diferentes modificacións fiscais en impostos coma o ICIO, IAE e IBI; iniciativas que defendeu o edil de Facenda e Xestión Orzamentaria. Antonio Alonso deu conta do importante traballo e da boa xestión que se está a desenvolver dende o seu departamento á hora de modificar as taxas na medida do posible para rebaixar a presión fiscal á que se ven sometidos os pequenos e medianos empresarios e que, deste xeito, se impulse a creación de emprego. A primeira modificación obxecto de debate foi a do imposto de bens inmobles. E que, segundo explicou Antonio Alonso, permitirá que aquelas pequenas e medianas empresas cun valor catastral inferior aos 750.000 euros non deban afrontar un tipo impositivo do 1,1%, senon do 0,46%. Asemade, tamén se verán bonificadas no pago do IBI aquelas familias numerosas que acrediten este feito anualmente e os posuidores de bens inmobles que sexan declarados de interese patrimonial, cultural, histórico ou que xeren emprego e que poderán ver reducida ata nun 95% esta cota. A medida saía adiante cos votos a favor de Partido Socialista e Bloque Nacionalista Galego namentra que dende o Partido Popular optábase pola abstención. Mesmo resultado nas votacións recibía a segunda das modificacións de ordenanzas fiscais que hoxe se debateron en pleno. Tamén o edil Antonio Alonso defendía novas medidas económicas con respecto ao Imposto sobre Construccións, Instalacións e Obras. Neste senso, o concelleiro apuntou ata tres medidas económicas moi positivas para a economíca local. De feito, todas aquelas empresas que contraten a veciños desempregados empadroados no concello poderán beneficiarse de descontos de ata o 95% da cota do ICIO, segundo o número de contratacións, e a tipoloxía das mesmas xa que se terá moi en conta aspectos coma a contratación de maiores de 45 anos, mulleres vítimas de violencia de xénero ou persoas con discapacidade. Asemade, ao abeiro deste imposto, tamén está previsto que se apliquen bonificacións a aqueles empresarios que aposten por instalar medidas de adaptabilidade para persoas con discapacidade, nas súas obras. Outra das ordenanzas fiscais que hoxe era sometida a cambios foi a que regula o Imposto de Actividades Económicas ou IAE. Dende a concellería de Facenda e Xestión Orzamentaria presentaron ao pleno un paquete de medidas tamén dirixido a reducir a presión fiscal. Así, segundo explicou Antonio Alonso, incluiranse bonificacións do 50% no segundo ano de exercizo a aquelas empresas que inicien a súa actividade en As Pontes. Para aquelas xa instaladas na nosa vila tamén haberá beneficios, de feito incentivarase a creación de contratos indefinidos ata un máximo dun 50%. Mesma porcentaxe de bonificación recibirán aquelas empresas que decidan instalar un servizo de transporte colectivo para os seus empregos. Novamente, partido socialista e bloque nacionalista respaldaban estas medidas namentras que, dende o Partido Popular, optábase pola abstención. Durante a sesión tamén recibía respaldo inicial da cámara a ordenanza fiscal reguladora da taxa por tendidos, tuberías e galerías para as conduccións de diferentes suministros coma auga ou enerxía eléctrica que se establezan sobre vías públicas e outros terreos públicos e que se encargan de xestionar dende a deputación da Coruña. Este trámite tan só consistiu nunha trasposición desta ordenanza para que coincida coa do executivo provincial e sexa este o que se encargue da xestión das diferentes taxas ao respecto. Neste caso partido socialista e partido popular poñíanse dacordo en respaldar a medida namentras que o bng votou en contra da mesma.

20/11/14

O programa Vellez Activa inicia unha nova edición con dous obradoiros de risoterapia nos colectivos Lembranza da Vila e Viuvas María Magdalena

O departamento municipal de Servizos Sociais puxo onte en marcha unha nova edición do programa Vellez Activa e que, unha edición máis, pretende ofrecer aos colectivos sociais ponteses a oportunidade de contar obradoiros gratuítos, neste caso de risoterapia, dirixidos non só a coñecer os beneficios deste tipo de terapia senón tamén a fomentar as relacións sociais entre veciños e veciñas dun mesmo barrio. Onte mesmo o edil do ramo, José Alén, se encargaba de inaugurar os dous cursos que se desenvolverán este ano e que, unha vez máis, contan co respaldo económico da Deputación da Coruña. Os integrantes dos colectivos Lembranza da Vila e Viuvas María Magdalena serán, para esta edición, os participantes destes dous talleres que contarán con 30 horas de duración e nos que tomarán parte case 40 veciños e veciñas, maiores de 55 anos. E é que éste tamén é un dos requisitos deste programa: a idade, xa que Vellez Activa busca chegar a esas veciñas e veciños máis maduros e fomentar novas actividades para que desfruten do día a día, estreiten as súas relacións con aqueles que residen ao seu carón e que pasen un bo rato en cada sesión. Segundo explicou onte o propio José Alén durante a inauguración dun destes talleres, a risoterapia conta ás súas costas con múltiples efectos positivos xa que mediante a risa, as gargallas, as chiscadelas e o humor é máis sinxelo sobrelevar as preocupacións, doenzas ou o estrés diario e é que este tipo de exercizos permiten liberarse do peso físico e psíquico que supoñen os problemas do día a día. Durante estas semanas, os participantes volverán aprender a exteriorizar as súas emocións e empregar a risa para o seu benestar. De feito, o rirse estimula o sistema nervioso e permite liberar endorfinas, o que repercute positivamente no sistema inmune e endocrino. Asemade, segundo os expertos, rirse axuda a diminuír a percepción da dor, a combatir o estrés e o insomnio, a reducir a ansiedade e a mellorar a función pulmonar. Cada sesión contará cunha parte adicada ao movemento e a diferentes estiramentos para desbloquear o corpo e que éste se relaxe, para continuar con exercizos de comunicación que permitan a deshinibición dos asistentes e crear unha complicidade entre os participantes. Por suposto non faltarán os xogos e as prácticas dirixidas a buscar a diversión e as gargalladas e que de seguro serán moitísimas ao longo das diferentes sesións que se incluien neste Vellez Activa 2014.

19/11/14

O Concello de As Pontes albergará o venres a estrea de A Esmorga

O auditorio municipal Alovi acollerá os tres pases que se ofrecerán durante a fin de semana ademáis dunha presentación protagonizada por actores e equipo técnico O Concello de As Pontes acollerá esta fin de semana a estrea comercial da película galega A Esmorga, do realizador ourensán Ignacio Vilar, e que ten como eixo central a novela homónima do escritor ourensán Eduardo Blanco Amor. A estrea vaise facer en diferentes cidades galegas pasadomañá, e As Pontes logrou sumarse a esta oportunidade para ofertar senllos pases o venres, o sábado e mailo domingo no Auditorio Municipal Alovi. O respaldo do cabildo pontés e a aposta do grupo de teatro local Quemaistén foron imprescindibles para lograr que As Pontes albergase esta estrea e á que se sumará, o mesmo venres, a instalación dun photocall para que os que queiran se acheguen a fotografiarse cos actores convidados, asemade, a estrea incluirá unha presentación oficial do filme e que estará protagonizada tanto por varios do actores coma polo equipo técnico da producción. Esta presentación está programada para as 21.00 horas e, unha vez remate, procederase á proxección do filme. Xa o sábado tamén haberá un pase ás 21.00 horas e o domingo adiantarase a hora de proxección ás 19.00 horas. Vía Láctea Filmes e a Editorial Galaxia, produtoras da película, tardaron seis anos en sacar adiante este ambicioso proxecto, protagonizado por Karra Elejalde, Miguel de Lira e Antonio Durán "Morris", e que está está rodada integramente na provincia de Ourense A quinta longametraxe de Ignacio Vilar buscaba precisamente respectar os escenarios nos que foi concebida a novela para captar a esencia máis profunda desta, de ahí que Ourense fose o escenario principal das diferentes secuencias.

17/11/14

As Pontes conmemora o 25 de Novembro cun baile na rúa protagonizado por 40 veciñas

A gran treboada que caía esta fin de semana en As Pontes deu unha tregua na mañá do sábado para que a concellería de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller puidesen levar a cabo a primeira das actividades programadas para conmemorar, durante estas semanas, o 25 de novembro, Día Internacional de Loita contra a Violencia contra a Muller. Para esta ocasión, mediante unha coreografía baixo o son do tema Rompe las Cadenas, case 40 veciñas de As Pontes, de todas as idades, desafiaron á chuvia para, nos xardíns do Campo da Feira, protagonizar un baile que estiveron a ensaiar durante esta última semana. Baixo a dirección da monitora Laura Estefanía Tojeiro, estas veciñas pontesas deron conta do aprendido durante os tres días de ensaio e que pasará a formar parte dunha montaxe audiovisual. De feito, durante a súa actuación, estas bailarinas estiveron a ser gravadas pola empresa Deloga para posteriormente, mesturar estas imaxes cun traballo de consulta sobre igualdade entre os veciños e veciñas que aproveitaron a mañá do sábado para baixar á feira quincenal. O espectáculo contou con algúns veciños e veciñas que exerceron de público, entre eles o propio alcalde de As Pontes ou os edís de Servizos Sociais ou Medio Rural, aos que se sumaron aqueles que previamente viron bailar a estas veciñas pero dentro do Mercado de Abastos, onde fixeron o primeiro dos pases da xornada. Agora estas imaxes xunto coas enquisas realizadas durante o sábado darán vida á montaxe Na feira de As Pontes fálase de Igualdade e que se sumará aos diferentes obradoiros de coeducación que se desenvolverán, nos vindeiros días, nos centros educativos de Secundaria do municipio. Todo isto formará parte da campaña Queremos + Igualdade, impulsada dende a concellería de Servizos Sociais e o CIM e que conta co respaldo eonómico do Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral de Igualdade.

As Pontes albergou a xuntanza anual do Colexio de Químicos de Galicia

O Colexio Oficial de Químicos de Galicia escolleu As Pontes para celebrar o seu patrón: San Alberto Magno, de ahí que o pasado sábado máis dunha ducia de integrantes deste colectivo se desprazasen ata a nosa vila para participar na súa asamblea xeral anual, que tivo como escenario a Casa Dopeso, e tamén en diferentes visitas que levaron aos participantes a espazos coma o lago ou a entulleira de Endesa. A mañá arrincaba na Casa do Concello onde, o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, presidía a recepción oficial a este colectivo. Con el o edil de Medio Rural, Antonio Castro, e o decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Antonio Macho Senra. O primeiro edil agradecía a elección de as pontes como sé desta xuntanza anual e tamén facía referencia, no seu discurso, ao importante vencello do municipio co mundo da química con empresas coma Calvo Sotelo ou Endesa e tamén factorías de recente implantación na vila coma Delagro ou Verdiberia Aqualab. González Formoso tamén fixo referenza á importante riqueza natural coa que conta As Pontes e citaba a entulleira ou o lago coma exemplos da boa convivencia e relación existente entre o municipio pontés e a explotación mineira que leva décadas mantendo a economía local. Pola súa parte, o decano Antonio Macho apuntaba ao importante papel dos químicos no día a día da cidadanía e puxo a desposición da mesma todo o saber e coñecemento deste sector e dos seus profesionais. O acto rematou cun intercambio de agasallos. Por parte do concello de As Pontes, o decano Macho Senra recibía unha reproducción do vaso campaniforme e unha copia do libro Gota a Gota, elaborado por Soledad Souto; namentras que dende o Colexio de Químicos de Galicia se facía entrega dunha medalla en recoñemento á colaboura do cabildo pontés con este colectivo. Trala foto de grupo tocaba trasladarse ata a Casa Dopeso onde tivo lugar lugar a Xunta Xeral do Colexio Oficial de Químicos de Galicia e a Asamblea Xeral da Asociación de Químicos de Galicia. Posteriormente, os asistentes a este encontro visitaron o lago e a entulleira e participaron nun xantar co que se pechaba esta xornada de convivencia e no que se facía entrega a Luis Castedo, Pedro Fernández, Manuel Fuertes, José Antonio Lago e Francisco Vázquez do galardón de Colexiados Distinguidos pola súa labor e tamén por levar xa un cuarto de século neste campo.

14/11/14

O Clube Olympo abre o prazo para anotarse na IV San Silvestre Pontesa

En tan só seis semanas volveremos despedir un ano e dar a benvida a outro e nada mellor que facelo en plena forma, practicando algo de deporte e, por riba, pasandoo ben cun bo e simpático disfraz, a compaña de centos de ponteses e ponteses e cun saboroso chocolate quente; ingredientes máis que suficientes para dar vida a unha nova edición da San Silvestre Pontesa. Un ano máis, e xa van catro, o clube de atletismo Olympo e o Concello de As Pontes volven poñerse mans á obra para idear esta entretida proba deportiva coa que, cada ano, veciños e veciñas decidimos despedir o ano. Para esta edición, novamente, apostarase pola tarde do 31 de decembro e como escenario nada mellor que as inmediacións do colexio Santa María. Así, dende as 17.00 horas, participantes de todas as idades percorrerán diferentes roitas que van dende os 150 ao 5000 metros co seu mellor disfraz e sen ánimo de competición, con un único obxectivo: despedir tal e como se merece este último día do ano. Por suposto, tamén este edición haberá unha andaina popular de 2500 metros que se iniciará unha vez se de a saída á carreira absoluta. No tocante aos premios entregarase un agasallo aos tres primeiros clasificados tanto nas categorías infantís coma na de adultos e, asemade, tamén haberá premio ao mellor disfraz individual infantil e de adultos, ao mellor disfraz en parella de nenos e adultos e ao mellor disfraz de grupo de adultos. Asemade, haberá chocolate quente para todos os participantes e un sorteo de produtos de nadal. O prazo de inscrición xa está aberto e manterase ata o 28 de decembro sendo necesario inscribirse mediante a web atltetismoolympo.wordpress.com ou ben na páxina www.carreirasgalegas.com/calendario. A participación nesta proba é totalmente gratuíta tanto para os máis pequenos coma para a categoría de adultos.

Mañá inícianse as conmemoracións do 25-N cunha coreografía protagonizada por veciños e veciñas de As Pontes

As Pontes porá en marcha mañá mesmo a súa programación de actividades dirixidas a conmemorar o 25 de novembro, día Internacional de Loita contra a Violencia contra a Muller. Novamente o departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller poranse á fronte destes actos conmemorativos e farano cunha novidosa actividade: a danza. Así, durante esta semana, veciños e veciñas de todas as idades puideron sumarse aos ensaios dunha coreografía en prol da igualdade entre homes e mulleres e que se estreará mañá mesmo, ás 12.00 horas, nas dependencias do Mercado de Abastos, aínda que de acompañar o tempo, ésta trasladaríase aos Xardíns do Campo da Feira. Case 40 ponteses e pontesas de diferentes idades serán os protagonistas dun baile que estivo a dirixir, nestes días, a instructora de aerobic Laura Estefanía Tojeiro e que mañá poderemos desfrutar todos os veciños e veciñas que, asemade, teremos a oportunidade de reflexionar con este baile sobre a violencia de xénero, apostando por unha actitude crítica ante esta lacra social. A coreografía, que terá como banda sonora o tema Rompe las cadenas d Manuela Torres, forma parte da campaña Queremos + igualdade ideada dende o propio Centro de Información á Muller do Concello de As Pontes e que incluirá tamén a gravación deste baile para elaborar un proxecto audiovisual que levará por título Na feira das Pontes fálase da Igualdade e ao que se sumarán varios obradoiros de coeducación que se desenvolverán cos estudantes de 3º e 4º de Secundaria dos diferentes centros educativos ponteses. Mañá daranse a coñecer os froitos das tres xornadas de ensaios que se desenvolveron nestes días e que tamén contan co respaldo económico do Fondo Social Europeo e a Secretaría eral da Igualdade, dependente da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.

A Concellería de Industria, Promoción Económica, Hostalería e Comercio ofrecerá a vindeira semana un curso formativo para praceiros

O Concello de As Pontes vai poñer en marcha un curso formativo destinado a praceiros, que se vai ofertar ó colectivo de comerciantes. Será un curso de asesoramento e formación dirixidas ao "mentoring" comercial, abordando o aumento da rendibilidade do punto de venda con técnicas de "visual merchandising", colocación do produto e atención ao cliente. O curso vai comezar xa a semana que ven, o xoves 20 , o venres 21, e o sábado 22, sempre en horario de tarde. Logo retomarase o luns e martes 24 e 25, no mesmo horario, entre as catro e as nove, ata completar as 25 horas presenciais. Tan só se conta con 15 prazas, polo que se respectará a orde de inscición para esta formación gratuita que oferta a Concellería de Industria, Promoción económica, Desenvolvemento industrial, Comercio, e Hostalaría. Mañá ábrese o prazo para anotarse no Rexistro xeral do Concello, e tan só haberá ata o luns para optar á asistencia.

11/11/14

Radio Eume celebrou hoxe o seu primeiro cuarto de século de vida

Radio Eume, a emisora municipal de As Pontes, cumpríu hoxe un cuarto de século. Un 11 de novembro de 1989 comezaba as súas emisións a radio pública local deste concello. 25 anos despois Radio Eume segue a ser un servizo público aberto á participación dos veciños e veciñas, que a fixeron realidade ata os nosos días. Aquela radio que comezara con catro traballadores en plantel e unha programación de 10.00 a 15.00 horas, hoxe é unha radio que se integra en RTV Eume, con servizo de Radio, televisión e información por Internet. O ano pasado entraba na historia co record mundial da entrevista máis longa da historia, con 24 horas e seis minutos sen pausa. Este ano a regularidade dun día de traballo foi a tónica, anque combinado cunha programación especial na que se recuperaron voces, sintonías e programas deste cuarto de século e ata se presentou un novo espazo de cara á vindeira tempada. Tamén houbo tempo para a interacción cos ointes con chamadas, adicatorias e concurso ao xeito da vella radio de hai vintacinco anos.

8/11/14

A Comisión de Festas 2014 organiza a finais de mes unha cea solidaria para recadar fondos para catro entidades pontesas sen ánimo de lucro

As Pontes, 08 de Novembro de 2014.- A Comisión de Festas do Carme e a Fraga 2014 está ultimando os detalles da que será a primeira Cea Solidaria; unha iniciativa que xa ten data, o vindeiro 29 de novembro, e coa que se buscará recadar fondos para catro entidades locais sen ánimo de lucro. A iniciativa, que conta co respaldo do Concello de As Pontes, busca, mediante a colaboura de veciños e comerciantes locais, recadar fondos para as entidades Adiante, Aspanaes, A Xanela e Cáritas e xurdía da propia comisión de festexos que, aproveitando os fondos sobrandes das festas patronais, celebrarán unha cea popular aberta a toda a veciñanza para lograr conseguir a maior cantidade de cartos posible para estes catro colectivos ponteses que, día a día, están a realizar unha importante labor social en diferentes campos e que, ao igual que o resto da cidadanía, tamén viron mermados os seus fondos por mor da actual situación económica. A Comisión de Festas, integrada por Sara Ramos, Fina Bellas, Ana Belén Fernández, Elena López e Pablo Montero, tamén contará coa colaboura de diferentes entidades veciñais, cuias directivas axudarán na elaboración do menú desta cita solidaria, ao que se sumará a asociación Vincallo que cederá o seu local social sito no barrio da Cal da Avelaíña para albergar esta cea. Así as cousas, o menú será do máis atractivo con empanada, churrasco e postres típicos de diferentes partes do mundo que serán preparados de xeito tradicional polo colectivo de inmigrantes residentes en As Pontes. Por outra banda, tamén será importante o papel do tecido comercial e hostaleiro do municipio que tamén se implicará nesta actividade mediante a doazón de diferentes artigos que servirán para formar parte do menú da xornada e ata para realizar diferentes sorteos cos que recadar fondos. Ademáis desta saborosa cea, durante a xornada tamén haberá outro tipo de actividades como xogos de animación para os máis pequenos, unha disco móvil e ata a actuación do dúo Maracuyá para pechar a noite. O prezo dos tickets desta cea é de 15 euros para adultos e de 5 para menores de 12 anos, tickets que xa están á venda en calquera das catro asociacións beneficiarias, mediante a Comisión de Festas ou ben no departamento municipal de Servizos Sociais. O aforo estará limitado a 250 comensaias. Fila Cero Para aqueles que non poidan asistir a esta cea pero desexen colaborar coa causa a organización tamén habilitou un número de conta (Nº de Conta.- ES88 2080 0230 6230 4001 3516) na entidade Abanca para poder botar unha man.

6/11/14

Servizos Sociais conmemorará o 25-N con actividades para escolares e unha coreografía popular

O Concello de As Pontes, a traverso do departamento de Servizos Sociais e Atención Cidadá e o Centro de Información á Muller (CIM), vai desenvolver o programa Queremos + Igualdade, con motivo da celebración o 25 de novembro do Día Internacional da Loita Contra a Violencia contra a Muller, e co respaldo económico do Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral da Igualdade. A iniciativa contará tamén coa colaboura dos centros educativos do municipio e consistirá nunha serie de obradoiros de coeducación e de proxeccións audiovisuais que irán dirixidos ao alumnado de 3º e 4º de Secundaria e tamén de todos os cursos de Educación Primaria. Asemade, para este ano, dende a concellería que dirixe José Alén, se quixo implicar non só a escolares, senón tamén ás súas familias creando unha coreografía contra a violencia de xénero. De feito, para a súa realización, o propio José Alén, convidou a estudantes e as súas familias a unirse a esta actividade, que porá en marcha os primeiros ensaios a vindeira semana ( día 11 de 17.30 a 18.30 horas, o día 12 de 16.30 a 17.30 horas e día 13 de 17.30 a 18.30 horas). O Mercado Vello acollerá durante tres xornadas os diferentes ensaios desta coreografía que se presentará o 15 de novembro, nos Xardíns do Campo da Feira, e que estará dirixida por unha monitora deportiva. Para formar parte deste espectáculo é necesario inscribirse no departamento de Servizos Sociais, no segundo andar da Casa Dopeso, ata o vindeiro luns día 10. Asemade, tamén será posible telefonar ao 981 44 10 08 ou ao 667 129 334, ou enviar un correo electrónico a cim@aspontes.org. Subvencións Por outra banda, dende a Concellería de Servizos Sociais veñen de informar que a propia Secretaría Xeral de Igualdade, dependente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ven de conceder ao Centro de Información á Muller das Pontes, unha subvención de 30.000 euros para o servizo de atención psicolóxica e 5.296'59 euros máis para o servizo de asesoramento xurídico. Unhas axudas que se enmarcan no programa de Subvencións a Entidades Locais para a Promoción da Igualdade, da Secretaría Xeral da Igualdade.

5/11/14

O Concello de As Pontes ofreceu unha charla informativa sobre a resintonización da TDT e as axudas estatais para a adaptación das antenas

As Pontes, 05 Novembro de 2014.- O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Servizos Sociais e Atención Cidadá, celebrou onte unha charla dirixida a informar á veciñanza sobre os novos cambios de frecuencias na TDT e as diferentes obras a realizar, sobre todo en comunidades de veciños, á hora de adaptar a súa antena e resintonizar os seus televisores. O edil do ramo, José Alén, foi o encargado de presidir o encontro onde participaron unha vintena de representantes de diferentes colectivos veciñais e no que se contou coa experiencia do membro da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, Jacinto Parga. Parga deu a coñecer aos asistentes o porqué deste novo cambio de frecuencias, necesario para deixar espazo ás novas liñas de telefonía 4G, ademáis da necesidade de realizar a correspondente resintonización das televisións denantes do 1 de xaneiro. Segundo apuntou o experto, as comunidades de veciños son as máis afectadas neste proceso e é que éstas deberán chamar a un instalador rexistrado para que adapte o seu sistema de recepción monocanle ou de centraliña programable co obxectivo de ampliar a banda de recepción dos mesmos e así captar as novas frecuencias. Parga tamén deu conta das diferentes liñas de axudas e subvencións que se ofrecen dende o Ministerio de Industria para a adaptación de antenas e que poden oscilar entre os 100 e os 550 euros, unhas axudas que se deben tramitar mediante o portal Red.es, do propio Ministerio de Industria. Por suposto, tamén houbo tempo para solventar as dúbidas dos presentes que, principalmente se interesaron polo reparto de frecuencias e situación das canles máis populares.

4/11/14

Servizos Sociais abre o prazo de inscrición nunha nova edición do programa Vellez Activa

As Pontes, 04 de Novembro de 2014.- O Concello de As Pontes, mediante a concellería de Servizos Sociais, abriu o prazo para que as entidades veciñais do municipio que así o desexen se anoten nunha nova edición do programa Vellez Activa, auspiciado polo cabildo pontés e a Deputación da Coruña. Dende hoxe mesmo, as directivas de entidades veciñais interesadas en albergar calquera dos programas de adestramento da memoria ou risoterapia que se ofertarán para este curso poderán comunicar o seu interese contactando coa concellería de Servizos Sociais telefonicamente (981 44 10 08 ou 667 129 399), ou ben achegándose ata este departamento, ubicado no segundo andar da Casa Dopeso. Para este ano, a programación de Vellez Activa incluirá catro obradoiros gratuítos (dous de estimulación da memoria e outros dous de risoterapia) de 15 horas de duración cada un e dirixidos a maiores de 55 anos. O seu inicio está programado para o 18 de novembro e as entidades solicitantes deberán contar cun mínimo de 10 alumnos para poder acoller estes cursos. O prazo de inscrición pecharase o 13 de novembro.

3/11/14

A celebración dos 25 anos da Feira de Fungos e Cogumelos ateigou o sábado As Pontes de centos de visitantes e veciños

As Pontes non podía desexar mellor inicio do mes de novembro e é que, un ano máis, a nosa vila se convertía o pasado día 1 no destino perfecto para desfrutar desta xornada festiva. Bo clima, ambiente do máis atractivo e, por suposto, centos de veciños e visitantes axudaron a que , unha vez máis, o noso concello fose todo un referente deste día de Todos os Santos grazas á celebración da Feira de Fungos e Cogumelos, unha cita que celebrou o sábado as súas vodas de prata e por todo o alto, con programación para todos os gustos, actividades do máis atractivas, música e, por suposto, con festa gastronómica de por medio. E é que a Feira de Fungos e Cogumelos é xa toda unha marca As Pontes que, edición tras edición, logra gañar en xiareiros e visitantes e se, por riba, se conta cunha climatoloxía espectacular o resultado é aínda mellor, como apuntaba a concelleira de Cultura, Sara Ramos. Centos de veciños tanto de As Pontes coma doutros municipios se animaron a desfrutar da apacible mañá do sábado na nosa vila, das múltiples actividades que tivemos ao longo da xornada e, por suposto, dun dos pratos fortes do día: o certame de cestas, o gran perxudicado por esta curiosa climatoloxía de outono, debido á importante baixada de especies nos montes e fragas da contorna pola falla de chuvias e que tamén se deixou sentir neste tradicional concurso. Nembargantes, a trintena de cestas que se deron cita na praza de América se caracterizaron por ser poucas pero por contar cunha gran calidade, tal e como subliñou Sara Ramos. O programa da xornada non só se quedou no concurso de cestas e é que, novamente, se apostou por un amplo listado de actividades para todos os gustos e idades, unha mostra moi variopinta de iniciativas aptas para todos e todas e que pretendeu, unha edición máis, facer da feira de fungos e cogumelos de As Pontes todo un éxito de convocatoria. E é que non podían faltar os postos de produtos de outono, cos fungos e cogumelos de Champivil ou as míticas castañas; que compartiron carpa cos artigos da Casa do Mel de Goente, queixerías do Eume, o comercio xusto Manantío ou diferentes panadeirías locais; ás que se sumaron tamén produtos vidos dende Taramundi ou Curtis. Os artesáns do Eume tamén acudían á súa tradicional cita coa mostra de Artesanía. Así no Mercado Vello tivemos a oportunidade de desfrutar dos traballos de Marisa Hermida, Lourdes Acera, Fina Casal, Andrés Otero ou Sueiras, cos seus cestos de bimbio, enfiado de lá, encaixe de bolillos ou tallado de sellas e zocas. Non faltaron exposicións coma a do Mundo da Micoloxía, no soto da Casa Dopeso, ou a música da Banda da Escola de Música Tradicional de As Pontes, aínda que unha das citas estrela foi o xantar popular que este ano tivo que pendurar o cartel de non hai tickets. E é que as 600 racións ideadas polo catering Ferrolterra quedaron moi escasas ante a gran demanda dun público vido dende diferentes puntos de toda Galicia debido ao atractivo desta convocatoria gastronómica. Veciños non só de As Pontes senón tamén doutros concellos non se puideron resistir a saborear unhas lentellas guisadas con níscalos, unha lasaña de polo con boletus e unha apetecible tarta de requeixo con mel; un espectacular menú que ata chamou a atención dos nosos compañeiros do programa da TVG Sopa de Festa que visitaban o sábado As Pontes para gravar un programa que poderemos ver esta noite na televisión autonómica dende as 23.30 horas. En resumo, un novo trunfo para a Feira de Fungos e Cogumelos de As Pontes que non podía lograr maior éxito de convocatoria para celebrar o seu XXV aniversario e que volve demostrar que os anos non pesan nesta mítica cita do outono galego. © 2014 Microsoft Términos Privacidad y cookies Desarrolladores Español

O Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes celebrou a súa sexta edición cun elevado número de ventas e unha gran afluencia de clientes e visitantes

Ademáis de desfrutar dunha fin de semana adicada ao mundo da micoloxía e da súa relevancia gastronómica, os ponteses e pontesas xunto con ducias de visitantes doutros concellos, decidiron pasar a ponte de Todos os Santos indo de compras e, por suposto, nada mellor que decantarse polos comercios locais que, ademáis de mercadorías de gran calidade, contan como carta de presentación cun trato exquisito, bos prezos e tamén a sabedoría daqueles que dirixen, a diario, o pequeno comercio de proximidade. Todo isto foi o que tivemos a oportunidade de atopar na sesta edición do Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes, o MOVA, todo un exemplo de que para desfrutar de produtos de gran calidade e a bos prezos non é necesario achegarse ata unha gran superficie. Un ano máis, dende a concellería de Industria, Promoción Económica, Hostalería e Comercio decidíase respaldar ao tecido comercial pontés sacando á rúa as súas mercadorías de tempadas pasadas, a moi bos prezos e coa máxima calidade e dando vida a un outlet que, malia baixar en número de participantes, volvía ser todo un éxito de convocatoria. Un total de 16 postos rexentados por 18 comercios de sectores do máis variopinto ateigaron a Avenida da Coruña durante toda a fin de semana e lograron atraer a atención dese consumista que todos levamos no noso interior. De feito, todos os artigos que se colocaron baixo a carpa deste MOVA 2014 pagaban a pena e é que houbo dende xoias, a roupa e calzado para todas as idades, libros, chucherías, bonecos, artigos de agasallo e decoración, servizos e ata promocións do máis atractivas que fixeron que moitos clientes rabuñasen no fondo dos seus petos para facerse cunha camisa, unhas deportivas, un xoguete, un bolso ou unhas boas botas para este inverno. E é que o catálogo de oportunidades foi do máis variado con roupa de grandes marcas de Bolboreta, VL e Vilaboy; carteiras, bolsos ou fulares de Dekologas ou Sulian; chándales e camisetas de Lecar 712; doces, bonecos e xoguetes da Caramelería Mesturas; zapatos ou deportivas de Zokos, Kaye ou Saavedra; agasallos do máis diversos e socorridos para as futuras festas de Nadal coma os que nos ofreceron nos postos de La Estrella, Tres lúas ou Xoiería Templo; servizos e artigos para o noso coidado persoal coma os que atopamos nos stands de Max Dream ou Belleza y Cuidado Personal, libros e publicacións que puidemos mercar no posto da libraría Xandra, actividades para os máis novos coma as que nos ofrecían dende Picariños ou incluso unhas boas lentes de sol de Óptica Carmela. Todo un exemplo da calidade e variedade dun comercio local que, tal e como apuntaba a concelleira Montserrat García, é vital para o futuro de As Pontes. Un ano máis a nosa compra tamén tivo premio e é que, durante a fin de semana, se sortearon 500 euros en cinco cheques agasallo para gastar nos diferentes comercios que participaron neste MOVA 2014, e que recaeron en diferentes papeletas que, nestas 48 horas de compras, se repartiron entre a clientela destes 18 comercios. A edil Montserrat García foi a encargada de facer entrega destes cinco cheques agasallo que se sortearon durante a tarde do sábado e tamén do domingo. Un peche perfecto para unha fin de semana na que, de seguro, poucos foron os que non se deixaron seducir polos bos prezos e atractivos produtos que, unha vez máis, o MOVA sacou dos almacéns, estanterías e escaparates daqueles comercios que, a diario, nos fan a vida máis sinxela.

A primeira edición dos Cantos de Taberna estréase cun gran éxito de participación e xiareiros da música tradicional galega

A música ocupou un importante papel ao longo deste primeiro de Novembro, e é que ademáis de desfrutar con actuacións en diferentes escenarios de grupos coma a Banda da Escola de Música Tradicional ou os naroneses Alxibeira; tamén as rúas e sobre todo as tabernas, mesóns e bares do centro urbano foron unhas perfectas salas de concertos, en homenaxe á música tradicional. Todo xurdía da man do grupo pontés No Cómbaro que ideou a primeira edición dos Cantos de Taberna onde 10 grupos de diferentes procedencias se adicaron a ofrecer miniactuacións de media hora por outros tantos bares e cafeterías das rúas máis céntricas. Bares coma A Capilla, o 7 Camiños, o Marbella, O Cotío, Tres Pontes, Las Torres, A Ribeira, o Bar de Xota, As Campeiras e o Ortegal albergaron dende o mediodía do sábado e ata ben entrada a noite actuacións de formacións locais coma Os Suplentes, Feroces da Galgueira, Cantareiras de Alende ou Airiños de Veiga da Nata, ás que se sumaron tamén grupos vidos doutros concellos. Así, tamén estiveron neste primeiro Cantos de Taberna formacións coma os muradanos Os de aquí e Alá; os nedenses Mexadoiro ou os orteganos Airiños do Cú aos que se sumaron formacións coma a Mámoa de Teo e Mestura de Meirás, todo un cartel de luxo para que ninguén se quedase sen escoitar gaitas e pandeiretas durante a xornada de sábado. Houbo quen ata se animou a cambiar o seu vestiario habitual por algún que outro disfraz e, por suposto, os que fixeron festa e moita alí por onde tiñan a oportunidade de actuar. Unha maratoniana sesión que remataba na Casa Dopeso, ás 22.00 horas, cunha entrega de agasallos para todos os participantes, que presidiu a edil Montserrat García, e tamén con premios especiais para as formaciósn máis festeiras, as que viñan dende máis lonxe e aquela que protagonizase a mellor interpretación e que recaían en O Mexadoiro de Neda, Os de aquí e alá de Muros e Noia e Airiños do cú de Espasante, respectivamente. Como punto e final, por suposto, nada mellor que novamente desfrutar destas tres formacións galardoadas nun pequeno concerto que serviu para pechar, por todo o alto, esta primeira edición dos Cantos de Taberna e que, tras deste gran éxito, apunta a ser un dos acontecementos musicais do ano.

2/11/14

Pablo Cuadro e Anna Katherina Koubek fanse cos primeiros premios do certame de cestas da XXV Feira de Fungos e Cogumelos

Un dos principais alicientes da Feira de Fungos e Cogumelos é, por suposto, o certame de cestas. Un concurso que, este ano, foi o máis perxudicado e é que malia que moitos agradecemos un outono caluroso e soleado, isto supón a merma de fungos e cogumelos polos montes e prados da contorna. Nembargantes, e maila o tempo seco destas últimas semanas, ata As Pontes se desprazaron case unha trintena de xiareiros do mundo da micoloxía para participar neste tradicional certame. 28 cestas se presentaron na Praza de América na mañá do sábado para intentar facerse con algún dos premios que, este ano, repartía o Concello de As Pontes ao abeiro dun máis que consolidado certame do outono galego. Veciños non só da nosa vila senón tamén de municipios coma Cedeira, A Laracha, Ortigueira, Barreiros, Ferrol, Carballo ou Ordes se animaron a saír ao monte e intentar dar vida ás súas respectivas propostas micolóxicas e que estiveron inspiradas por suposto no mundo da fraga aínda que con algunhas decoracións e detalles do máis imaxinativos que fixeron moi complicada a decisión final do xurado. De feito, tivemos pequenos elfos e fadas do bosque, concursantes que se mimetizaban coa súa proposta, aqueles que nos presentaban un fermoso monte aitegado de máis dun cento de especies diferentes, os que optaban por unha cesta engalanada ao máis puro estilo tradicional ou aqueles que ata transformaban o seu gran traballo de recollida de fungos nun parque infantil de xogos, con bambáns incluídos. Complicada foi a decisión dun xurado que estivo comandado pola edil de Cultura, Sara Ramos, e que este ano contou cos xa expertos na materia José Luis Cuba e Antonio Díaz aos que se unía tamén outro gran coñecedor do mundo dos fungos e cogumelos: Álvaro Navarro. Moi difícil o tiveron tanto xurado coma participantes, sobre todo pola falla de chuvias que mermou a producción de fungos, aínda que, finalmente, optábase por seguir criterios coma a cantidade de especímenes e a calidade dos mesmos para outorgar os 1.000 euros en premios que, cada ano, se reparten ao abeiro deste certame. Poucas foron as sopresas e é que dous vellos coñecidos: Anna Katherina Koubek e Pablo Cuadrado volvían facerse cos dous grandes premios de 300 euros á cesta mellor engalanada e á de mellor calidade, revalidando así xa primeiro posto e premio especial que acaban o pasado ano. Segunda foi Raquel Poincini que se facía cos 180 euros do segundo premio, e terceiro o pontés Miño Guerreiro que gañaba os 120 euros cos que estaba dotado este galardón. Os 80 euros do cuarto premio foron para Miguel Ángel Mazas, outro xa asiduo a este tipo de concursos, e quinto e, por tanto cun premio de 60 euros, marchaba para a súa casa un satisfeito Ricardo Gabeiras. Tamén se facía entrega dos premios do certame escolar O Mundo da Micoloxía, un concurso que deixaba premios de 40 euros en material escolar en todos e cada un dos centros educativos de ensinanza infantil e primaria de As Pontes, e de onde saía o que será o cartel anunciador da Feira de Fungos e Cogumelos de 2015 que, por segundo ano consecutivo, será cousa do colexio A Magdalena. E é que tralo éxito dos alumnos de 4º de Primaria en 2013, o vindeiro ano será o debuxo dos estudantes de Primeiro de Primaria deste centro o que anuncie en 363 días esta importante cita. En resumo, premios para pequenos e adultos que fan que, un ano máis, a Feira de Fungos e Cogumelos sexa todo un atractivo para grandes e meniños e por riba axudando á exaltación dun produto tan típico destas datas como son os cogumelos.