29/10/14

O Grupo Poético Alalá celebra este venres o seu tradicional Recital Poético de Outono

Os cinco poetas ponteses contarán coa música dos alumnos do Conservatorio Profesional de As Pontes e as imaxes do grupo fotográfico Reollo As Pontes, 29 de Outubro de 2014.- O grupo poético Alalá protagonizará este venres a súa tradicional homenaxe ao outono co recital poético adicado a esta estación e que se celebra cada mes de outubro. Así a agrupación poética pontesa presentará, no salón de actos da Casa Dopeso, as súas novas composicións poéticas onde, por suposto, non faltarán os versos musicados e de denuncia de Aníbal Ánxel; a poesía intimista de Gloria David ou Santi del Moral, e as homenaxes á paisaxe galega e ao día a día na nosa terra de Mari Carmen Freire e Ofelia López. Como xa é habitual, estes cinco poetas ponteses contarán coa compaña da música de varios dos alumnos do Conservatorio Profesional do municipio e, como novidade, co apoio en forma de composicións fotográficas dos integrantes do colectivo fotográfico Reollo que, xa o pasado verán, utilizaban as súas instantáneas para dar vida aos versos destes poetas locais nunha exposición que estivo instalada no colexio Santa María. Este recital de outono que conta co respaldo do Concello de As Pontes, mediante o departamento de Cultura e a Biblioteca Enrique Rivera Rouco, será de entrada libre e arrincará contra das 21.00 horas.

No hay comentarios: