30/10/14

A música tradicional da primeira edición dos Cantos de Taberna ambientará a XXV Feira de Fungos e Cogumelos

O grupo tradicional No Cómbaro e o Concello de As Pontes aunaron esforzos para esta homenaxe á música tradicional que terá como escenario diferentes bares ponteses As Pontes, 30 de Outubro de 2014.- O grupo tradicional No Cómbaro, xunto co Concello de As Pontes, están a organizar para este sábado 1 de Novembro a primeira edición dos Cantos de Taberna, unha xuntanza de grupos musicais tradicionais tanto de As Pontes coma de concellos limítrofes que percorrerán diferentes locais hostaleiros do casco urbano para ofrecer, ao son das súas gaitas e pandeiretas, miniconcertos do máis entretidos e, por riba, coa música da nosa terra coma protagonista. Así, dez formacións vidas dende As Pontes, Valdoviño, Neda, Teo, Espasante, Bergondo ou Muros percorrerán outros tantos locais hostaleiros do municipio dende as 12.30 e ata as 15.00 e xa á tarde dende as 19.00 ás 21.30 horas, ofrecendo miniconcertos de media hora de duración. Para esta primeira edición do Cantos de Taberna contarase coa participación dos grupos ponteses Os Suplentes, Feroces da Galgueira, Cantareiras de Alende e Airiños de Veiga da Nata. Asemade, tamén participarán nesta iniciativa O Meixadoiro (Neda), Airiños do Cú (Espasante), Mestura (Valdoviño), Os Sobraos (Bergondo), A Mámoa (Teo) e Os de Aquí e Alá (Muros / Noia). No tocante aos locais hostaleiros, a estes Cantos de Taberna se sumaron as cafeterías Tres Pontes, Las Torres, O Bar de Xota, O Cotío, A Ribeira, O Marbella, 7 Camiños, A Capilla, Ortegal e Bar Campeiras. Os grupos congregaranse ás 11.30 nos Xardíns do Campo da Feira e, xa ás 12.00 iniciarán os seus primeiros concertos. Ás 15.00 horas farán unha parada para xantar para retomar as súas actuacións ás 19.00 e ata as 21.30. Xa ás 22.00 horas novamente estas dez formacións daranse cita na Casa Dopeso onde se fará entrega dun agasallo a todos os participantes e dun premio á formación que proceda dende máis lonxe, á que protagonizase a mellor interpretación e ao grupo máis festeiro. Posteriormente, os tres grupos gañadores interpretarán varios temas como colofón a esta xornada de homenaxe á música galega e aos cantos de taberna.

29/10/14

O monologuista Álex Clavero ofrecerá o sábado en As Pontes o seu espectáculo de humor Mi madre es Trending Topic

O auditorio municipal Alovi acollerá esta función cómica que servirá para pechar a XXV Feira de Fungos e Cogumelos de As Pontes As Pontes, 29 de Outubro de 2014.- Con motivo da celebración da XXV edición da Feira de Fungos e Cogumelos de As Pontes, o cabildo pontés mediante o seu departamento de Cultura incluíu, para a xornada do 1 de novembro, un espectáculo cómico co que pechar cun soriso esta xornada de festa local. Así, na tarde do primeiro de novembro e dende as 18.30 horas, no auditorio municipal Alovi, será posible desfrutar do monólogo do cómico vallisoletano Álex Clavero. Mi madre es trending topic é o título dunha función na que as gargalladas están máis que garantidas grazas ás anécdotas da propia nai do artista á hora de adentrarse no mundo das novas tecnoloxías e ata as do propio Clavero que, durante a súa actuación, tamén terá tempo para recordar aquela infancia na que para falar cos amigos tan só había que saír á rúa. As localidades para asistir a esta representación xa se poden reservar telefonicamente dende onte mesmo, mediante o 981 44 03 44, entre as 10.00 e as 14.00 horas, e ata mañá xoves, ata un máximo de catro entradas por persoa. Asemade tamén se porán á venda na billeteira do Alovi este venres, entre as 12.00 e as 13.30 horas, ou o sábado na caseta que o departamento de Cultura instalará no mesmo entorno da feira en horario de mañá ou na billeteira do Alovi dende as 17.30 horas a un prezo de 3 euros.

O Grupo Poético Alalá celebra este venres o seu tradicional Recital Poético de Outono

Os cinco poetas ponteses contarán coa música dos alumnos do Conservatorio Profesional de As Pontes e as imaxes do grupo fotográfico Reollo As Pontes, 29 de Outubro de 2014.- O grupo poético Alalá protagonizará este venres a súa tradicional homenaxe ao outono co recital poético adicado a esta estación e que se celebra cada mes de outubro. Así a agrupación poética pontesa presentará, no salón de actos da Casa Dopeso, as súas novas composicións poéticas onde, por suposto, non faltarán os versos musicados e de denuncia de Aníbal Ánxel; a poesía intimista de Gloria David ou Santi del Moral, e as homenaxes á paisaxe galega e ao día a día na nosa terra de Mari Carmen Freire e Ofelia López. Como xa é habitual, estes cinco poetas ponteses contarán coa compaña da música de varios dos alumnos do Conservatorio Profesional do municipio e, como novidade, co apoio en forma de composicións fotográficas dos integrantes do colectivo fotográfico Reollo que, xa o pasado verán, utilizaban as súas instantáneas para dar vida aos versos destes poetas locais nunha exposición que estivo instalada no colexio Santa María. Este recital de outono que conta co respaldo do Concello de As Pontes, mediante o departamento de Cultura e a Biblioteca Enrique Rivera Rouco, será de entrada libre e arrincará contra das 21.00 horas.

28/10/14

Cultura e Educación pon en marcha o circuíto ‘Cinemas de Galicia’ nas Pontes, Foz, O Carballiño e Sanxenxo con 1.232 novas butacas para o audiovisual galego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha o circuíto Cinemas de Galicia, unha nova rede municipal de espazos de exhibición cinematográfica que, segundo anunciou hoxe o conselleiro Xesús Vázquez Abad, nace coa dobre finalidade de achegar o cine a aquelas localidades que non dispoñen de salas comerciais e de incrementar as posibilidades de distribución dos filmes galegos. O proxecto arranca cunha fase inicial de implantación en catro concellos, un por cada provincia. As Pontes de García Rodríguez, Foz, O Carballiño e Sanxenxo son os titulares dos cinco espazos que acollerán a programación inaugural da rede e a través dos que se achegan 1.232 novas butacas para o audiovisual galego: Casa do Peso e Cine Alovi nas Pontes, Salón de Actos do Cenima de Foz, Auditorio Municipal do Carballiño e Pazo Emilia Pardo Bazán en Sanxenxo. A entrada para as proxeccións de Cinemas de Galicia terán un prezo único de 3 euros. Iniciativa aberta En palabras do titular de Cultura e Educación, a partir desta primeira experiencia, que se desenvolverá entre os meses de novembro e decembro, o circuíto “está chamado a medrar en número de socios municipais, a incrementar a cifra de público galego para os produtos audiovisuais e a ampliar a oferta cultural e de ocio en Galicia”. A alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González Bea; o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes Fernández; o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira; a concelleira de Cultura das Pontes, Sara Ramos, e o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Antonio Mourelos, interviñeron tamén na presentación desta iniciativa, que –como subliñou Vázquez Abad– xorde a partir dun proceso consensual cos principais representantes do sector en Galicia, así como da colaboración entre a Xunta de Galicia, as administracións locais, as produtoras e as empresas distribuidoras. Elaboración do programa novembro-decembro En canto ao desenvolvemento práctico do programa, que Cultura e Educación xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o conselleiro explicou que esta primeira programación bimestral de Cinemas de Galicia incluirá a proxección en cada un dos catro concellos dun mínimo de oito películas, das que cando menos cinco serán galegas. Os programadores están a traballar xa na configuración das súas carteleiras, para o que na web www.agadic.info/cinemasdegalicia teñen á súa disposición un catálogo de 18 longametraxes de moi diferentes estilos e xéneros, entre os que se atopan 11 destacados títulos galegos en fase de explotación comercial: ‘Inevitable’, de Jorge Algora; ‘La tropa de trapo en la selva del Arco Iris’, de Álex Colls; ‘El árbol magnético’, de Isabel Ayguavives; ‘Arraianos’, de Eloy Enciso; ‘O ouro do tempo’, de Xavier Bermúdez; ‘Costa da Morte’, de Lois Patiño; ‘9 ondas’, de Simone Saibene; ‘A cicatriz blanca’, de Margarita Ledo Andión; ‘Meñique’, de Ernesto Padrón; ‘Los increíbles’, de David Valero, e ‘Encallados’, de Alfonso Zarauza. Esta oferta galega, conformada polas propostas recibidas nunha convocatoria aberta a filmes rexistrados no ICAA (Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales) con data de estrea posterior ao 30 de xuño de 2013, compleméntase con sete fitas europeas, seleccionadas en colaboración co CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe) e avaladas por festivais e premios internacionais: ’10.000 KM’, de Carlos Marqués; ‘Guillaume y los chicos, ¡a la mesa!, de Guillaume Galiene; ‘Ida’, de Pawel Pawlikowski; ‘La gran belleza’ de Paolo Sorrentino; ‘Le week-end’, de Roger Michell; ‘Madre e hijo’, de Calin Peter Netzer; e ‘Stockholm’, de Rodrigo Sorogoyen. Financiamento Ademais de promover o hábito de ver cinema en pantalla grande, outra das finalidades desta rede é servir de complemento á actual oferta dos circuítos comerciais. Neste sentido, segundo explicou Vázquez Abad, as películas proxéctanse baixo condicións económicas de contratación estandarizadas, cun custo regulado de 300 euros por pase, de xeito que a produtora ou distribuidora que posúe os dereitos de explotación do filme percibirá a mesma contía que se a exhibición se realizase nunha sala convencional. Respecto ao financiamento, a Consellería –a través da Agadic– asume a metade deste custo regulado para os oito pases obrigatorios que ofrecerá cada concellos. Pola súa banda, os catro concellos participantes nesta fase inicial asumirán o 50% restante deses pases, así como o 100 por cento no caso das proxeccións que decidan facer a maiores no marco deste programa. A recadación da billeteira será integramente para os concellos.

27/10/14

A Aula Cemit de As Pontes abre o prazo de inscrición para tomar parte nunha nova edición dos seus cursos gratuítos

Son oito novas accións formativas que inclúen dende a iniciación á mecanografía ata a organización de vaixes a través de internet, e que se desenvolverán no vindeiro mes de Novembro. Un primeiro curso previsto é o de iniciación á mecanografía. Terá unha duración de seis horas, entre o martes 5 de Novembro e o xoves día 12, e en horario de dez a once da mañá. Ao seu remate comezará o curso de busca de información en internet, cunha duración de cator horas, e en horario de martes a xoves de once a doce do mediodía. Tamén o martes día 4, pero xa en horario de tarde, de catro e media a seis e media realizarase un curso de 4 horas de duración de compra e venda por internet. A oferta da aula Cemit para esta nova temporada inclúe tamén a realización dun curso de organización de viaxes a través de internet. Será un curso de catro horas e media de duración, que se vai desenvolver en dúas xornadas o xoves día 6 e o venres 7 de Novembro, en horario de catro e cuarto a seis e media da tarde. Para a semana do 18 de Novembro está prevista a realización do curso denominado "Lee e edita os teus libros electrónicos". Terá unha duración de catro horas, repartidas en dúas xornadas martes e mércores, 18 e 19 de Novembro, respectivamente, e en horario de dez a doce do mediodía. Todos estes cursos están abertos á participación dun máximo de 12 alumnos e alumnas. E tamén se incluirá un curso de iniciación ás follas de cálculo para o que se pide un nivel básico de manexo de ordenadores e ao que só poderán sumarse un máximo de 10 participantes. Neste caso, a carga lectiva será de 10 horas, e o curso comezará o martes 19 de Novembro e prolongarase ata o mércores 28 de Novembro. E xa dentro da iniciativa Faite Dixital, un itinerario de capacitación tecnolóxica orientado a ofrecer aos participantes ferramentas e coñecementos que favorezan a empregabilidade, o emprendemento e a adquisición de novas competencias dixitais, a Aula Cemit das Pontes vai ofrecer neste mes de Novembro, dous cursos, impartidos pola modalidade de videoconferencia. O primeiro é "Redes Sociais", un curso que pretende dar unha visión das redes sociais máis empregadas na actualidade, como usalas e a maneira de poder facer Marketing a través delas. Está dirixido tanto a particulares como tamén a empresarios que desexen aprender a promocionarse a través das redes sociais. O número de prazas ofertadas é de 18, e o curso desenvolverase entre o 10 de Novembro e o martes 18 do mesmo mes, en total 24 horas lectivas. O segundo curso enmarcado na iniciativa Faite Dixital está realcionado coa Marca Persoal e con él preténdense dar as pautas necesarias para elaborar unha marca persoal propia, concienciar aos alumnos e aumnas da importancia do branding e poñer á disposición deles os coñecementos necesarios para promocionar a marca a través de internet e as novas tecnoloxías. Este curso, para o que se convocan 18 prazas, está dirixido principalmente a aempresarios que queiran ampliar coñecementos na utilización da marca persoal. Terá unha duración de doce horas repartidas en seis sesións, do martes 26 de Novembro ao mércores 4 de Decembro. Para apuntarse en calquera destes cursos ou para obter máis información abonda con que se acheguen á aula Cemit das Pontes, no soto da Casa Dopeso. Tamén poden telefonar ao 637 900 975, enviar un correo electrónico a cemit.aspontes@xunta.es ou visitar a web cemit.xunta.es Finalmente temos que lembrarlles que o horario de atención da aula cemit é de luns a venres, de dez da mañá a dúas da tarde, e dende as tres e media ata as seis e media da tarde, aínda que nos días nos que hai curso, este horario pode sufrir algunha pequena variación.

A XXV Feira e Fungos e Cogumelos de As Pontes repartirá máis de 1.000 euros en premios

O departamento municipal de Cultura estase a encargar, nestes días, da recollida de inscricións para a participación dun dos certames micolóxicos máis populares de Galicia As Pontes, 27 de Outubro de 2014.- O departamento de Cultura do Concello de As Pontes manterá aberto ata este mesmo sábado, ás 10.30 horas, o prazo para anotarse na que será a XXV edición do certame de cestas da Feira de Fungos e Cogumelos que, cada primeiro de Novembro, se celebra no municipio pontés co obxectivo de fomentar a afección á micoloxía e contar cun mellor coñecemento sobre as especies da zona. O departamento que dirixe Sara Ramos repartirá máis de 1.000 euros en premios entre as cestas mellor engalanadas e as que conten con máis e mellores exemplares micolóxicos. Cada cesta deberá contar como mínimo con dez especies diferentes de fungos que estarán debidamente identificadas. Asemade, os participantes deberán presentarse na Praza de América, lugar onde terá lugar a exposición de cestas, entre as 09.00 e as 11.00 horas. Cada concursante tan só poderá presentar unha cesta que será sometida á avaliación do xurado composto por persoas especializadas na materia que analizará as diferentes propostas dende as 11.00 horas. Os participantes deberán manter a súa exposición ata, a lo menos, ás 14.00 horas, recibindo 20 euros en concepto de desprazamento no caso de non resultar premiados. Os gañadores recibirán os seus premios ás 12.30 horas, no escenario que se habilitará no patio do colexio Santa María e polo que pasarán os gañadores dos diferentes premios ás cestas mellor engalanadas ou as que conten con maior número de especímenes.

26/10/14

O Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes (MOVA) celebra esta fin de semana a súa sesta edición

O Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes (MOVA) celebra esta fin de semana a súa sesta edición ¨ A concellería de Industria, Promoción Económica, Hostalería e Comercio organiza unha cita comercial xa consolidade na que participarán case unha vintena de comercios locais e na que se sortearán 500 euros en cheques agasallo O Concello de As Pontes, mediante a Concellería de Industria, Promoción Económica, Hostalería e Comercio e o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), porá en marcha a vindeira fin de semana a sesta edición do Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes (MOVA), co que se pretende, unha vez máis, impulsar o tecido comercial local mediante un outlet no que os comerciantes ponteses poderán vender ao público e a moi bos prezos a súa mercadoría. Así, o sábado 1 de Novembro dende as 09.30 horas e ata as 19.00 horas, e tamén o domingo día 2, dende as 10.00, de xeito ininterrompido, a avenida da Coruña contará cunha carpa adicada ao comercio local con 16 de postos nos que se atoparán artigos de todo tipo, ofrecidos por un total de 18 comercios do municipio. Xoias, calzado, zapatos, artigos deportivos, elementos de decoración e servizos do máis diverso integrarán este mercado xa máis que consolidado no outono pontés e que, edición tras edición, logra captar a atención non só de veciños do municipio senón tamén de visitantes doutros concellos dos arredores. De feito, nestes dous días de mercado, tamén haberá premio para os clientes que non só poderán adquirir atractivos artigos a moi bo prezo, senón tamén participar no sorteo de diferentes vales de compra por valor de 500 euros. Así tanto o sábado coma o domingo ás 17.00 horas, na avenida da Coruña, terán lugar dous sorteos: o primeiro de dous vales de 100 euros e un segundo, xa o domingo, de tres vales de 100 euros a gastar durante a celebración do propio MOVA. A Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes volverá tamén colaborar con esta cita que, unha vez máis, servirá non só para promocionar e lograr nova clientela para os comercios ponteses senón tamén para impulsar o bo servizo e produtos que se poden atopar no propio municipio sen ter que saír a grandes superficies comerciais.

Unha saída micolóxica e un obradoiro de cociña sobre cogumelos abrirán o venres a programación da XXV Feira de Fungos e Cogumelos de As Pontes

¨ Trala gran acollida o pasado ano, o departamento de Cultura decidiu reeditar estas dúas propostas dirixidas ao fomento da afección pola micoloxía O Concello de As Pontes, a traverso do departamento municipal de Cultura, incluirá por segundo ano consecutivo unha saída micolóxica no programa de actividades da XXV edición da Feria de Fungos e Cogumelos do municipio. Así, o vindeiro venres 31, ás 08.30 horas, os micólogos José Luís Cuba Crespo e Antonio Díaz Calvo, encabezarán unha excursión polos montes da contorna coa fin de localizar e recoller diferentes especímenes de fungos e cogumelos para, posteriormente, identificalos e dar a coñecer as súas características a todos aqueles veciños que decidan sumarse a esta saída e na que tamén se contará coa inestimable axuda do Clube de Montaña O Caxado. Dende a concellería que dirixe Sara Ramos decidíase, xa o pasado ano, poñer en marcha este tipo de actividades, atendendo ás demandas dos propios veciños e xa a resposta en 2013 non puido ser mellor cunha trintena de participantes. Para esta segunda edición agárdase incrementar a cifra de participantes aínda que as prazas serán limitadas polo que será necesario anotarse ata o vindeiro día 29, nas dependencias do departamento de Cultura (Casa Dopeso) ou ben telefonando ao 981 44 03 44 e aboar 5 euros en concepto de transporte. A mesma tarde do venres 31 terá lugar, dende as 17.00 horas, na sala de exposicións do Mercado Vello a identificación e clasificación dos diferentes fungos recollidos durante a mañá, aínda que os presentes tamén poderán aproveitar para solventar calquer tipo de dúbida sobre os exemplares recollidos. Para rematar a xornada, ás 17.30 horas, e xa nas dependencias do Mercado Municipal, terá lugar un obradoiro de cociña no que tamén os expertos Díaz e Cuba realizarán varios pratos con fungos e cogumelos e abordarán temas tan interesantes coma a súa conservación, limpeza ou preparación. Os interesados en obter máis información sobre estas dúas actividades poderán achegarse ata o departamento de Cultura, no segundo andar da Casa Dopeso, telefonar ao 981 44 03 44 ou ben acceder á web municipal www.aspontes.com.

24/10/14

Trastoy 3, Tres Pontes e Hotel Pontes do Eume fanse cos premios do VI Certame de Tapas Saborea As Pontes

O alcalde de As Pontes e a edil Montserrat García presidiron a entrega de premios na que tamén se proclamou ao Marbella coma gañador do I Certame de Cócteles e Combinados As Pontes, 24 de Outubro de 2014.- O café bar Trastoy 3, Hotel Pontes do Eume e Cafetería Tres Pontes proclamáronse hoxe gañadores doVI Certame de Tapas Saborea As Pontes que, un ano máis, organizou o Concello de As Pontes, mediante a concellería de de Industria, Promoción Económica, Comercio e Hostalería, coa colaboura do Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), e de diferentes asociacións locais coma as Amas de Casa, o clube gastronómico El Gourmet, a Casa do Mel de Goente e a Asociación de Empresarios e Comerciantes. Así na categoría de tapa máis popular, escollida polo público, o premio recaía no pincho titulado Springfield, presentado polo citado Trastoy 3, e composto por unha tosta con cogumelos, carne ibérica e un especial toque de cor e sabor, que logrou o apoio do máis do 11% das 1,057 papeletas válidas cubertas polo público que, durante dez días, percorreu a case trintena de bares, mesóns, cafeterías e restaurantes que, este ano, se sumaron a esta iniciativa. No tocante ao premio outorgado polo xurado, o café bar Tres Pontes facíase co respaldo do mesmo, da man do seu Solombo ao estilo da casa, tras dunha axustada loita final co Mesón O Martínez. Asemade, este ano outorgábase un premio especial concedido polo cociñeiro Yayo Daporta e que foi para a tapa Sorpresa do Toño presentada polo Hotel Pontes do Eume, e que ten como base unhas berenxenas con melaza de cana e quinoa. Os nomes dos premiados déronse a coñecer nun acto celebrado esta tarde nas dependencias da Casa do Concello e que estivo presidido polo alcalde Valentín González Formoso e a concelleira do ramo, Montserrat García, ademáis dos integrantes do xurado desta edición: Luis Otero, presidente da Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes; María Martínez, en represenación da Asocición de Amas de Casa de As Pontes e Manuel Ferreira en calidade de integrante da Casa do Mel de Goente. A edil de Industria agradeceu o gran respaldo dos veciños e veciñas a este certame que, unha vez máis, sairon á rúa desfrutar das diferentes propostas dos bares e cafeterías do municipio. García recalcaou o importante traballo e esforzo dos 29 bares participantes nesta edición xa que, malia que estes establecementos gañan en clientela nestes días, tamén supón un gran esforzo o sumarse a esta semana de tapas con propostas moi elaboradas e de gran nivel. De feito, nesta edición, lográbase un incremento na cifra de locais participantes con respecto ao ano pasado no que houbo 22 establecementos. García apuntou que este ano se repartiron un total de 27.155 tapas, 6.500 máis que en 2013, cifras que calificaba como un éxito rotundo. A concelleira finalizou a súa intervención animando aos presentes a continuar nesta liña de traballo para lograr, deste xeito, un gran impulso para a economía local e para o sector da restauración e hostalería en particular, e agradecendo a gran implicación tanto de hostaleiros coma xurado e veciñanza. Este agradecemento foi compartido polo alcalde de As Pontes que pechaba o acto dando conta do gran esforzo, a nivel económico e de traballo, que supón para os hostaleiros tomar parte neste certame; un sector que, tal e como recalcou González Formoso, é vital para a economía local. Entrega de premios I Concurso de Cócteles e Combinados Por outra banda, hoxe tamén se facía entrega do premio outorgado polo público ao cóctel máis popular que tomou parte na primeira edición do Certame de Combinados Saborea As Pontes 2014, concurso co que se pretendeu impulsar o mundo da hostalería nocturna e no que participaron unha ducia de establecementos. O Gin de Mora do bar O Marbella foi o que logrou o favor do público neste primeiro certame de cócteles e que contou cun funcionamento semellante ao do concurso de tapas, xa que cada cliente tiña que cubrir un boleto con catro selos doutros tantos locais participantes e emitir o voto polo seu combinado favorito. Neste segundo concurso, contabilizáronse un total de 71 papeletas válidas, sendo O Marbella o local con maior respaldo do público co 29% dos votos. Tamén con respecto a este segundo certame Montserrat García falou de cifras cun total de 2.069 cócteles servidos durante as catro xornadas nas que se desenvolveu o certame. Premios para os clientes A gala final deste VI Certame Saborea As Pontes e do I Certame de Cócteles e Combinados completouse coa entrega dun televisor de 32” a José Ballesteros Landázuri, cuia papeleta foi a escollida o pasado martes coma gañadora do premio ao voto popular.

23/10/14

A Feira de Fungos e Cogumelos de As Pontes celebrará o 1 de Novembro o seu XXV aniversario

O Concello, mediante o departamento de Cultura, está a ultimar un intenso programa de actividades que arrincará cunha saída micolóxica e un obradoiro culinario pàra o vindeiro 31 de outubro As Pontes, 23 de Outubro de 2014.- As Pontes albergará o primeiro de Novembro unha nova edición da Feira de Fungos e Cogumelos do municipio, unha cita gastronómica de gran relevancia en toda Galicia e que cumprirá o seu primeiro cuarto de século. Durante o 1 de novembro, e dende primeiras horas da mañá, as rúas do centro urbano veranse ateigadas de postos de produtos de outono, de artesanía e, por suposto, da tradicional mostra de cestas de fungos que, cada ano participan no popular certame que, dende hai vintacinco anos, se organiza no municipio coa fin de impulsar o mundo da micoloxía e deste tipo de produtos de outono. Para esta edición, dende o cabildo pontés, a traverso da concellería de Cultura, apostarase pola mestura de actividades xa tradicionais coma o Concurso de Cestas ou as degustacións populares que se xuntarán tamén con outro tipo de actividades vencelladas coa micoloxía e que van dende saídas polos montes da zona para identificar e recoller fungos ata obradoiros de cociña ou, incluso, espectáculos de humor. A programación desta XXV Feira de Fungos e Cogumelos arrincará xa o vindeiro día 31, coa reedición dunha saída ás 08.30 horas polos montes ponteses coa dirección dos expertos José Luis Cuba e Antonio Díaz e coa que tamén colabora o Clube de Montaña O Caxado. Esta excursión tamén incluirá, xa á tarde, unha xornada de clasificación de especies recollidas nas dependencias do Mercado Vello e ata un obradoiro de cociña e conserva de produtos micolóxicos na Casa Dopeso. Xa para o día 1 de Novembro teremos coma sempre o tradicional certame de cestas na Praza de América dende as 10.00 e ata o mediodía e na que se repartirán ata mil euros en premios entre as mellores cestas presentadas; exposicións de produtos de outono e artesanía e, por suposto, a sesta edición edición das Xornadas de Artesanía protagonizadas polos Artesáns do Eume e que estarán dando conta do seu bo facer co torno ou o cincel na sala de exposicións do Mercado Vello e tamén na rúa Ramón Cabanillas, durante toda a mañá. Asemade, na Casa Dopeso, será posible desfrutar dos traballos que concorrerán nesta edición ao certame escolar O Mundo da Micoloxía e do que, cada ano, sae o que será o cartel anunciador da feira do fungos do ano seguinte. Non faltarán as degustacións de productos da comarca coma o queixo ou o mel e os postos de venda de produtos ecolóxicos e de outono, que tamén estarán ubicados durante a mañá nas rúas Alexandre Bóveda e Ramón Cabanillas. Outro dos pratos fortes do día será a tradicional degustación popular da que, nesta ocasión, se repartirán 600 racións e que estará composta por lentellas guisadas con níscalos, pleorotus e champiñóns; lasaña de polo con boletus edulis, rebozuelo e trompetillas e tarta de requeixo con mel a un prezo de 10 euros e que se servirá no patio do colexio de Santa María entre as 12.30 e as 15.00 horas. Tamén este patio será escenario, ás 12.30 horas, da entrega de premios do certame de cestas e de diferentes actuacións de grupos locais que, durante a mañá, amenizarán coa súa música as rúas do centro urbano e ata o xantar popular. A xornada do primeiro de Novembro pecharase co espectáculo do cómico Alex Clavero que, ás 18.30 horas, subirase ao escenario do auditorio municipal Alovi co seu espectáculo Mi madre es Trending Topic. As localidades poranse á venda a vindeira semana a un prezo de 3 euros.

22/10/14

16 COMERCIOS PONTESES DE ROUPA, CALZADO E ARTIGOS DO MÁIS DIVERSO PARTICIPARÁN NA VI EDICIÓN DO MERCADO DE OPORTUNIDADES VILA DE AS PONTES

O vindeiro 1 de Novembro a moda, o calzado, os artigos de decoración, fogar, as xoiais e incluso o mundo das fragancias tomarán unha vez máis a Avenida da Coruña, na que será a VI edición do Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes. E é que o popular MOVA servirá, un ano máis, coma un reclamo a maiores da fin de semana do primeiro de novembro e coma aliciente tamén para visitar a nosa vila xunto coa tradicional Feira de Fungos e Cogumelos, que terá lugar en menos de dúas semanas. A iniciativa, que volve contar coa organización da Concelleria de Industria, Promoción Económica, Comercio e Hostalaría xunto co Instituto Pontés de Promoción Económica, desenvolverase tanto o día 1 coma o día 2 de novembro. Na convocatoria daranse cita un total de 16 establecementos da nosa vila, con mercadorías tan variopintas coma os doces, a roupa deportiva, o calzado, os agasallos, as xoias ou os artigos de papelería. Así, neste MOVA 2014 podemos atopar establecementos de agasallos coma Sulian, Dekologas ou Tres Lúas, postos de tendas de roupa coma Vilaboy, Bolboreta, Lecar 712, La Estrella; zapaterías coma Zokos, Saavedra, Kaye, stands de beleza e perfumería coma Max Dream e outro tipo de establecementos coma Templo, Libraría Xandra, Caramelería Mesturas ou incluso comercios que se estrean nesta cita como é o caso de Óptica Carmela que compartirá posto co espazo infantil Picariños. No tocante aos seus horarios, o MOVA abrirá as súas portas o sábado de 9.30 a 19.30 horas e o domingo dende as 10.30 ata as 19.30 horas. Por suposto haberá premios para os clientes que se acheguen ata estes postos e se animen a facer algunha que outra compra. Así, para este ano, está previsto que se repartan 500 euros en vales desconto entre os dous días desta feira de oportunidades. De feito, por cada compra o cliente recibirá un boleto cun número que servirá tanto para os sorteos do sábado coma para os do domingo e que terán lugar ás 17.00 horas. Así, para o sábado está previsto que se repartan dous vales de 100 euros cada un e xa o domingo sortearanse outros tres vales, de 100 euros, que deberán gastarse durante o propio MOVA. Deste xeito, dende o departamento que dirixe Montserrat García búscase que estes premios repercutan positivamente nos propios comercios participantes ao que se suma tamén que os propios veciños e veciñas poidamos desfrutar durante esta fin de semana de compras de artigos de gran calidade a prezos reducidos e de ofertas e promocións específicas para esta cita que, de seguro, serán tamén do máis beneficiosas para os nosos petos.

21/10/14

Concello e Consellería de Traballo e Benestar organizan un curso de primeiros auxilios dirixido aos sectores agrario, gandeiro e forestal

O Concello de As Pontes, xunto coa Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e o Ministerio de Agricultura, vai organizar para o vindeiro mes de novembro un curso adicado aos primeiros auxilios e atención de accidentes laborais nos sectores agrario, gandeiro e forestal. A iniciativa, que conta coa cofinanciación do Ministerio de Agricultura mediante o Programa de Desenvolvemento Rural Sostible, desenvolverase nas dependencias do Centro de Dinamización do Polígono de Penapurreira e que dirixe a asociación Seara, entre os días 17 e 21 de novembro, en horario de 16.00 a 20.00. Serán 20 horas de curso nas que poderán participar gratuitamente unha vintena de alumnos que poden formalizar a súa matrícula dende hoxe mesmo con tan só telefonar ao 881 91 59 62, enviando un correo electrónico cos seus datos a desenvolvementorural.issga@xunta.es ou ben ao fax 881 91 59 63. Asemade tamén é posible anotarse no departamento municipal de Emprego, no segundo andar da Casa do Concello, ata o 12 de novembro como data límite.

A campaña Saborea As Pontes 2014 afronta a súa recta final co sorteo dun televisor entre o público participante

José Ballesteros Landázuri resultou hoxe agraciado co televisor de 32" co que a Concelleria de Industria, Promoción Económica, Comercio e Hostalaría, agasallaba a grande participación dos veciños e veciñas dunha nova edición do Certame de Tapas Saborea As Pontes e no primeiro Certame de Cócteles e Combinados. A papeleta do gañador foi extraída este mesmo mediodía pola secretaria do Concello, Marina Nuñez, e ante a presenza do xurado do certame, no que se contou coa participación de integrantes da Casa do Mel de Goente, da Asociación de Empresarios e Comerciantes, da Asociación de Amas de Casa e do Clube Gastronómico El Gourmet. Máis de 1.100 boletos participaron neste sorteo entre os recollidos durante os dez días de concurso tanto no certame de tapas coma no concurso de cócteles aínda que non será ata este venres cando se den a coñecer o resto dos premios desta nova edición do Saborea As Pontes. A Concelleira Montserrat García, Chavarría aproveitou a ocasión para agradecer unha nova mostra de implicación veciñal, apoiando desta vez a un sector moi importante da economía local. "Debemos salientar o traballo dos hostaleiros locais, que nestes días se esforzaron por mellorar unha oferta que xa nos ofrecen a diario, e na que volvía quedar patente a súa profesionalidade e bo facer. Pero tamén hai que agradecer á veciñanza a súa participación, polo que ten de apoio ó desenvolvemento local nun sector con moito peso na actividade económica e na xeracón de emprego" Agora, en tan só tres días poderemos coñecer o nome do establecemento que recibirá o premio á tapa pontesa máis valorada polo público; o do local coa proposta gastronómica mellor puntuada polo xurado e tamén ao pincho máis atractivo segundo o cociñeiro Yayo Daporta. A estes tres galardóns sumarase tamén o premio ao mellor cóctel ou combinado deste Saborea As Pontes 2014. A entrega de premios terá lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello dende as 19.00 horas, e na mesma tamén se fará entrega do televisor a José Ballesteros.

20/10/14

As Pontes albergará o primeiro de Novembro unha nova edición da súa popular Feira de Fungos e Cogumelos

O outono en As Pontes é sinónimo de boa gastronomía, e aínda recollendo un novo éxito, no certame de tapas Saborea As Pontes, o protagonismo pasará agora ó mundo da micoloxía e é que, coma cada mes de novembro, xa o día 1 volveremos desfrutar da Feira de Fungos e Cogomelos, Nesta ocasión, As Pontes contará cun programa de actividades moi atractivo e variado, apto para todo tipo de público e gustos pero que, ao mesmo tempo, conserva o espírito das súas primeiras edicións con actividades xa tan tradicionais coma o concurso de cestas ou a degustación gastronómica. A XXIV edición da Feira de Fungos e Cogumelos volve amosarse como unha das citas máis relevantes da gastronomía local De feito, o programa para esta data é do máis interesante polo que temos dende actividades para os máis afeccionados á micoloxía, ata demostracións en vivo de artesanía, exposicións, música, certames de cestas e, por suposto, unha saborosa oferta gastronómica na que non han faltar xunto ós cogomelos, outros productos propios da zona coma o queixo, o mel, as manteigadas ou os freixós. A mañá arrincará co tradicional certame de cestas que deberán ser presentadas entre as 09.00 e as 11.00 na Praza de América, para poder optar a premios de entre 60 e 300 euros, sempre e cando cada participante sexa maior de idade e presente, cando menos , 10 especies diferentes de fungos silvestres, debidamente clasificados. Xa despois de que o xurado as valore, o público poderá visitar esta mostra ata que, ás 12.30horas se faga entrega dos premios deste ano ás mellores cestas e que levarán 300, 180, 120, 80 e 60 euros, ademáis dun premio especial de 300 euros. Tampouco se debe esquecer que polo mero feito de participar outorgaranse 20 € en concepto de axuda ó desprazamento. Asemade, tamén ás 12.30 entregaranse os cheques agasallo ós estudantes ponteses gañadores dos premios dun novo Certame do Mundo da Micoloxía e que poderemos contemplar na exposición montada ó efecto no soto da casa Dopeso. Continuando coas actividades desta xornada é preciso lembrar que tamén teremos artesanía e os tradicionais postos con productos ecolóxicos e de outono, onde poderemos mercar dende fungos ata algas, doces, queixo ou mel da comarca. Pero a oferta comercial non remata ahí, xa que na Avenida de A Coruña volvemos ter a carpa do Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes. O MOVA volverá ofrecer interesantes artigos a moi bos prezos e, por riba, con agasallo. Por cada compra os clientes recibirán unha rifa coa que despois se entrará no sorteo de diferentes cheques agasallo. Canto á animación musical tamén temos unha novidade importante este ano, coa primeira edición dos Cantos de Taberna. Ata unha decea de formacións animarán os locais de hostalaría da vila, acudindo cos seus cantos e instrumentos durante toda a xornada. E no día previó á feira teremos tamén actividades, pois o 31 de outubro haberá unha saída ó monte que ten por obxectivo coñecer distintos hábitats e os fungos que se dan neles. A saída estará dirixida por Antonio díaz Calvo e José Luis Cuba micólogos e contarase coa colaboración do Clube de Montaña O Caxado. A inscrición previa haina que facer en Casa Dopeso dende o mércores e ata o vindeiro día 29. As prazas son limitadas e o prezo será de 5€ A partir xa das 17.00 horas do mesmo día 31 farase a clasificación do material recollido na saída ao monte dirixida polo micólogo Jose Luis Cuba. Os asistentes poderán resolver dubidas e participar da clasificación de fungos e cogumelos, o que se fará na sala de exposicións do Mercado Vello. E como último apunte xa nos queda o curso de cociña que comezará ás 17.30 horas e que se desenvolverá ata as 20.00 horas. Con motivo da tempada de fungos, Antonio Díaz calvo cociñeiro experto na realización de pratos con fungos e cogumelos dirixirá un curso que persegue explotar o sabor deste producto e ensinar ós participantes as características, preparación e conservación deste produto. A inscrición é independente para esta actividade. De novo as prazas son limitadas e deberá formalizarse, pagando cinco euros en Casa Dopeso tamén entre os días 22 e 29 deste mes.

17/10/14

O Concello de As Pontes renova o patronicio do programa “Eu almorzo no Cole”.

A Concellería de Servizos Sociais destina unha partida de 12.000 euros a este programa de conciliación da vida laboral e familiar, do que se benefician medio cento de familias pontesas . O Concello de As Pontes renova o seu compromiso co eido educativo, a través da sinatura de convenios de colaboración cos colexios A Fraga, e A Magdalena, os únicos que ofertan na Vila o programa “Eu almorzo no Cole”. O concelleiro de Servizos Sociais José Alén era o encargado de rubricar estes concertos de colaboración, cos representantes das ANPAS As Medoñas (A Fraga), e Outo Eume (A Magdalena). A Concellería que preside o edil José Alén non escatima en gastos á hora de favorecer aos estudantes da localidade. Así, A Fraga recibe unha subvención de 5.300 euros para o desenvolvemento do seu programa de almorzos, ao que diariamente, de 8:00 a 9:00 h., acuden unha vintena de nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Pola súa parte, A Magdalena recibe 6.700 euros para o mantemento dun programa ao que acuden, durante o curso escolar, unha media de trinta estudantes. No caso deste centro o servizo Eu almorzo no cole préstase entre as 7:30 e as 10:00 h. Dúas horas e media nas que os pequenos comensais, ademais de almorzar de forma equilibrada, cun menú elaborado por unha nutricionista, aproveitan tamén para repasar as leccións do día, pintar, xogar, ou desfrutar das actividades manuais que para eles organiza a ANPA, e sempre baixo a supervisión de dúas monitoras. Eu almorzo no Cole reedítase por séptimo ano consecutivo no colexio A Magdalena, e por quinto no colexio A Fraga. Nambos os dous centros o obxectivo final é o mesmo, axudar ás familias dos estudantes ponteses a conciliar vida laboral e familiar. Unha tarefa na que a actitude da Concellería de Servizos Sociais é exemplar ao propiciar a apertura dos centros fóra do horario lectivo.  

15/10/14

O Concello de As Pontes abre o prazo de inscrición para o exitoso programa municipal de inglés de conversación

. Nas clases poderán tomar parte alumn@s de 3º a 6º de Primaria e de 1º de ESO de todos os colexios de As Pontes. As Pontes, 14 de Outubro de 2014.-   A Concellería de Servizos Sociais e Participación Cidadá vén de facer públicas as bases que rexerán a selección do alumnado do programa municipal de Inglés de Conversación. Un ano máis, e xa van 7, o Departamento que dirixe o concelleiro José Alén, volve ofertar estes obradoiros de conversa gratuítos e dirixidos a un máximo de 75 estudantes de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria e 1º da ESO de todos os colexios das Pontes, distribuídos en 5 grupos de 15 alumn@s cada ún. O prazo de presentación de solicitudes para acollerse a este programa xa está aberto e finalizará o luns da semana que vén, o día 20 de Outubro. As solicitudes de participación no obradoiro pódense descargar a través da páxina web do Concello www.aspontes.com e unha vez cubertas deberanse entregar no Departamento de Servizos Sociais, no segundo andar da Casa Dopeso, en horario de mañá. As bases tamén establecen que no caso de que a demanda existente sexa superior ao número de prazas convocadas, a selección do alumnado realizarase mediante sorteo público, fixado para o día 22 de Outubro ás nove da mañá na aula polivalente da Casa Dopeso, e a listaxe de admitidos xa se dará a coñecer ao día seguinte, o xoves 23 de Outubro. As clases comezarán a partir do luns 27 de Outubro e, como novidade, desenvolveranse este curso no soto da Casa Dopeso, dacordo cos seguintes horarios. Para os alumnos e alumnas de 3º de Pirmaria, serán os luns, de 17:15 a 18:15; os estudantes de 4º de Primaria, deberán acudir ás clases de inglés de conversación os martes de 17:15 a 18:15. O horario fixado para os rapaces e rapazas de 5º de Primaria é luns, de seis e media a sete e media da tarde. E os de sexto, acudirán ás clases os martes de seis e media a sete e media da tarde. Xa por último, os estudantes de 1º de ESO terán as clases de inglés de conversación, os martes de catro a cinco da tarde. Para unha información máis detallada poden acceder á páxina web municipal, no enderezo www.aspontes.com; achegarse ata o servizo psicopedagóxico de luns a venres dende as 8 da mañá e ata as 3 da tarde ou ben telefonar ao 667 129 335.  

13/10/14

6º Concurso de tapas Saborea As Pontes

Arrancou o concurso de tapas na súa sexta edición. E facíao cun éxito rotundo de seguemento por parte duns clientes que ateigaron os establecementos nesta fin de semana, e que mesmo fixeron que nalgúns locais na fin de semana, esgotaran as existencias denantes mesmo da hora prevista de peche Con esa previsión de maior demanda traballarán agora toda esta semana os 29 locais participantes, que seguirán ofrecendo estas saborosas e elaboradas tapas ata o domingo. Para inaugurar o certame contouse co mediático cociñeiro pontevedrés Yayo Daporta nunha gala celebrada o venres no auditorio da casa Dopeso. O acto servíu para presentar todas as tapas a concurso e o xurado que se vai encargar de elixir á mellor. Nese xurado están un representante do cCube gastronómico El gourmet, unha da Asociación de Amas de casa, outro da Asociación de empresarios e comerciantes, e outro máis da Casa do mel. Outro premio entragarao o público cos seus votos. con cada consumición selarásenos un documento que unha vez teña oito selos servirá como papeleta de voto e para concursar polo premio dun televisor. Este ano ademais do premio do xurado e o do público, hai outro máis que se outorga en función do criterio do padriño do concurso, Yayo Daporta. Logo de valorar todas as tapas emitía un voto que vai permanecer sen desvelar ata o vindeiro martes en que se fará a entrega de premios. Hai que salientar que o concurso de tapas Saborea As Pontes aproveita este ano as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías e xa non será preciso irmos co libriño no que se inclúen as ofertas de todos os establecementos. Podemos descargarnos no móbil o seu contido, coas 29 tapas, as fotos, e as definicións e ubicacións de cada unha. Tan só hai que acudir á páxina web do IPPEC e alí podemos descargar e así levar connosco no terminal móbil toda a información precisa para tomarmos parte no concurso ou simplemente desguatar as especialidades que nos apetezan. Asemade, pódese tamén descargar a papeleta de participación que logo si teriamos que imprimir para enchela cos oito selos que nos permitan votar e optar ao premio final dun televisor. Debemos lembrar que a maior novidade deste ano é a incorporación dun concurso de cócteles no que temos ata doce opcións. Neste caso tan só é preciso cubrir con catro selos para podermos participar na votación e co mesmo premio. Tamén hai que significar que esta primeira edición do certame de cócteles e combinados tan só se celebra os venres e sábados, polo que nos quedan dous días para poder degustalos. canto ás tapas aínda temos ata o domingo.

10/10/14

As Pontes celebrará este domingo a VI Edición da Feira do Queixo e do Mel de Goente

As Pontes revélase como toda unha referencia na producción de dous dous seus sinais de identidade no eido gastronómico, o queixo e o mel. Queixerías do eume vai camiño de superar o seu propio record de producción, que deixou o pasado ano en 400.000 kilos, e dende AGA Eume, onde a producción se mide por temapdas, na que ven de finalizar, contabilizaron unhas vendas de 12.000 kilos de mel. Ademais este ano foi con marca propia, da Casa do mel, por vez primeira, e con maior demanda da oferta de que dispuxeron. Agora toca festexar o mel e o queixo, como se ven facendo dende hai seis anos en Goente. este domingo celébrase unha nova edición dunha feira que se renova para ofrecer novas actividade. ademais da venda de mel, productos da colmea, queixo e outros lácteos, haberá unha atención especial para os máis pequenos. Está programada unha serie de actividades infantís para toda a xornada: 11:00 Obradoiro de Cociña para nenos 16:30 Xogos tradicionais 17:30 Espectáculo de maxia E canto á oferta máis habitual, teremos as exposicións de artesanía, coches, motos, e pratos gañadores dos concursos de receitas tanto con mel como con queixo. E non van faltar os obradoiros para todos os públicos, coa cera como protagonista. Coa feira péchanse tamén as que foron as XV Xornadas apícolas do Eume, das mañá temos a última xornada da cata de meles, e o sábado as conferencias da mañá, que concluirán cunha mesa redonda, o concurso de receitas e unha actuación de alumnos e alumnas do conservatorio. Estas xornadas apícolas do Eume inclúen na súa programación para este sábado unha mesa redonda sobre a Vespa Velutina. Está fixada para as doce do mediodía, na Casa do Mel de Goente. Pero denantes de escoitar aos apicultores afectados pola Vespa Velutina intervirán técnicos da empresa Apicosmetic que falarán sobre as aplicacións da apitoxina, e a directora da revista Abelleira que informará aos participantes nas charlas sobre a publicidade dos productos apícolas. As charlas comezarán ás dez da mañá na Casa do Mel de Goente. Son gratuítas e están abertas a todos os apicultores da comarca e a todos os veciños e veciñas interesados nesta temática. © 2014 Microsoft Términos Privacidad y cookies Desarrolladores Español Simplifica tus correos Administra todas las cuentas de correo desde un lugar, impórtalas a Outlook.com. Agregar ya

8/10/14

Novos cursos na Aula Cemit do Concello de As Pontes.-

A Aula Cemit do Concello de As Pontes, para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica, bota de novo a andar ca Aula Aberta e con dous novos cursos, de iniciación á informática e retoque fotográfico básico. Mañá mesmo abrirase o prazo de inscrición para tomar parte nestas dúas accións formativas. O curso de iniciación á informática terá unha duración de 30 horas lectivas, de luns a venres, en horario de dúas e media a seis e media da tarde, comezando o luns da semana que vén e rematando o venres 31 de Outubro. No curso, que terá capacidade para 18 alumnos e alumnas, trataranse temas como o uso básico dun ordenador, internet, e procesadores de texto. E logo, xa o martes día 14 comezará o curso de retoque fotográfico básico, para un máixmo de 15 asistentes e para o que se pide un nivel básico de manexo de ordenadores. Entre os contidos do curso están a creación de álbumes web, e o retoque de fotografías por medio do software Gimp. As clases serán de martes a xoves, en horario de dez e media da mañá a doce e media da tarde. O prazo para inscribirse nestes cursos rematará este venres día 10 de Outubro. Para solicitar máis información e tamén para cumprimentar a correspondente inscrición poden achegarse á Aula Cemit das Pontes, situada no soto da Casa Dopeso, telefonar ao número 637 900 975 ou senón enviar un correo electrónico ao enderezo cemit.aspontes@xutna.es. Ademais sempre poden visitar a páxina web cemit.xunta.es Xa por último, e canto á Aula Aberta da Rede Cemit, saiban que o horario de atención ao público é de luns a venres de 10 da mañá a duas da tarde, e de tres e media a seis e media.

3/10/14

O Consello Escolar Municipal amosase unánime no total rexeite ante a inxusta decisión adoptada pola Xunta de Galicia (Consellería de Educación) de suprimir o ciclo superior de Administración e Finanzas

COMUNICADO DO CONSELLO ESCOLAR MUNICIPAL DE AS PONTES O Consello Escolar Municipal de As Pontes de García Rodríguez, integrado por ANPAS e directores dos centros educativos de primaria e secundaria, representantes das organizacións sindicais, así como integrantes da Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes e da Asociación Seara (Asociación de Empresarios Usuarios de Suelo Industrial de As Pontes) e o Concello das Pontes, quere amosar unánimemente o noso total rexeite ante a inxusta decisión adoptada pola Xunta de Galicia (Consellería de Educación) de suprimir o ciclo superior de Administración e Finanzas que se ven impartindo dende hai moitos ano no centro educativo I.E.S. Castro da Uz. Debemos manifestar a nosa fonda preocupación por esta medida que repercutirá negativamente non só nos alumnos, familias e profesorado, afectados directamente, que xá e motivo suficiente de preocupación, senón na merma da oferta educativa desta localidade, considerando en todo caso inxusto e impropio dunha administración, que adoptase esta decisión xa co curso comenzado e cos alumnos matriculados no ciclo formativo do I.E.S. Castro da Uz. A actual deriva da Xunta na xestión dos ciclos formativos en As Pontes, levou a unha reducción da oferta formativa, pasando de catro ciclo superiores de F.P. a contar con tan só un ciclo superior no I.E.S. Moncho Valcarce, polo que dende a comunidade educativa local, xunto coas asociacións empresariais, entidades sindicais e municipais, esiximos que se consensúe unha oferta educativa máis diversa e axustada, co fin de brindar as posibilidades de formación superior aos alumnos que rematan o ciclo medio sen verse na obriga de trasladarse a outras localidades, para o cal entendemos imprescindible crear un grupo de traballo onde estén presentes todos os axentes implicados. Parece semellar que na Consellería de Educación hai unha clara intención de eliminar paulatinamente a oferta educativa de F.P. e Bacharelato da nosa vila, vulnerando os dereitos de alumnos e alumnas, polo que ante esta situación, o Consello Escolar Municipal, como órgano de máxima representación en materia educativa no Concello das Pontes de García Rodríguez amosa o seu total rexeite á supresión do ciclo superior de Administración e Finanzas, insistindo no dereito que asiste a esta vila a defender o seu sistema público educativo.

1/10/14

Conto Viaxeiro arrinca a súa segunda edición nos centros educativos de Primaria de As Pontes

O Concello, mediante o servizo de Normalización Lingüística, e a Xunta de Galicia, patrocina este proceso de creatividade audiovisual que arrincaba hoxe no C.E.I.P Santa María As Pontes, 01 de Outubro de 2014.- O Concello de As Pontes, mediante o Servizo de Normalización Lingüistica, puxo hoxe en marcha a segunda edición do programa Conto Viaxeiro, unha iniciativa audiovisual que conta co respaldo económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e que busca fomentar a creatividade dos estudantes ao tempo que se promove o uso do galego, tanto a nivel escrito coma oral. Xa o pasado curso, os catro centros de Primaria de As Pontes acolleron esta actividade dando vida ao conto titulado Aventura na Terra de As Pontes e, este ano, novamente estudantes de 3º e 4º de Educación Primaria de A Fraga, A Magdalena, Santa María e Monte Caxado, xunto cos alumnos de 1º e 2º de Primaria de Santa María, serán os encargados de idear unha nova aventura literaria e audiovisual ao abeiro deste programa de Contos Viaxeiros. Así, hoxe mesmo, un total de 30 rapaces e rapazas de 3º e 4º de Primaria de Santa María, xunto cos seus compañeiros de 1º e 2º de Primaria, participaron na primeira das oito sesións coas que contará este programa; unha sesión que se estreaba coa creatividade coma eixo central e é que hoxe tocou deseñar as personaxes que protagonizarán esta historia. Serán oito sesións as que se empregarán para crear este conto e que incluirá dende o deseño das personaxes ata as ilustracións ou o guión da historia e todo isto con marca pontesa, proceso que se poderá seguir mediante a rede, no blog contoviaxeiro.aspontes.org. Ademáis de seguir mediante a Internet tanto os avances que se rexistren no conto coma as sesións desenvolvidas, os que accedan a este blog poderán atopar actividades complementarias e, unha vez, finalizada a historia, será posible descargar o conto.