2/9/14

O Concello reabre o prazo para atopar un Axente TIC e contratará teporalmente, mediante o Servizo Público de Emprego, a un oficial de segunda e dous peóns

O Concello de As Pontes abrirá mañá o prazo para a presentación de solicitudes coa fin de contratar un axente TIC, que se encargue de dirixir a aula de informática da Rede Cemit coa que conta o concello de As Pontes nas dependencias da Casa Dopeso. Os candidatos terán 7 días hábiles, dende mañá, para presentar a pertinente documentación e méritos co obxectivo de participar no proceso de selección que se convocará para tal fin, nas vindeiras semanas. A decisión tomábase a raíz do acordo de deixar a praza deserta, tralo proceso de selección celebrado a pasada semana, e que non permitiu escoller un candidato acorde coas necesidades do posto ofertado ao non alcanzar a puntuación mínima na fase de oposición. Así as cousas, os novos candidatos deberán presentar méritos e documentación precisa no Rexistro Xeral do Concello en horario de mañá, de luns a sábado, namentras que aqueles que concorran por segunda vez a este proceso non terán que presentar novamente os documentos que acrediten os seus méritos. No tocante ao resto de directrices a cumprir polo candidato, as bases serán as mesmas que as presentadas o pasado mes de agosto, sendo necesario ter máis de 16 anos, contar coa titulación coma técnico superior en informática ou equivalente, ser español ou nacional dun Estado membro da Unión Europea; do Reino de Noruega ou da República de Islandia; non padecer enfermidade ou eiva física ou psíquica que impida o normal exercicio da función; non estar incurso nas causas de incapacidade que determina a lexislación vixente e Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servioz do Estado, comunidade autónoma ou Administración Local, nin atoparse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.   Canto ao sistema de selección será o de concurso-oposición. A oposición constará de dúas probas , un exame obrigatorio e eliminatorio e a proba de galego para todos aqueles aspirantes que non acrediten estar en posesión do título CELGA 4 ou equivalente. Na fase de concurso valoraranse os méritos presentados polos aspirantes. O período de contratación será de catro meses, ata o día 31 de Decembro de 2014. E as bases íntegras desta convocatoria están publicadas na páxina web do Concello www.aspontes.com. Por outra banda, o Concello de As Pontes ven de recibir unha subvención para a contratación dun Oficial 2ª e dous Peóns durante 3 meses, a tempo parcial, contratación que deberá xestionarse mediante o Servizo Público de Emprego. De ahí que, dende o Concello veñan de anunciar que todas as persoas interesadas en participar neste proceso e que cumpran os requisitos necesarios deberán estar inscritas debidamente na Oficina de Emprego para poder acceder a este proceso de selección. De non contar con este trámite, os interesados poderán aínda inscribirse na oficina de emprego que corresponda.

No hay comentarios: