24/9/14

O Concello de As Pontes denuncia a sorpresiva decisión da Xunta de Galicia de eliminar o Ciclo Superior de Administración e Finanzas en As Pontes

O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, o edil de Educación, José Alén, e os voceiros de Partido Socialista, Partido Popular e Bloque Nacionalista Galego mantiveron hoxe un encontro co director do I.E.S Castro da Uz e os pais dos alumnos afectados pola supresión do Ciclo Superior de Administración e Finanzas coa fin de analizar as medidas a tomar con respecto a esta sorprendente decisión da Xunta de Galicia. Dende a dministración local rexeitouse rotundamente unha medida que chega co curso comezado e con tres alumnos matriculados no I.E.S Castro da Uz e, por este motivo, xa se remitiu un escrito á Dirección Xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación solicitando que non se leve a cabo a suspensión desta formación en As Pontes, escrito que tamén foi remitido ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez. Segundo explicou o alcalde pontés, témese que se esté buscando un baleirado de contidos formativos que poida acabar abocando ao peche do centro. Asemade, segundo apuntou González Formoso non pode ser que se permita iniciar un curso, se adxudique un profesorado xa con destino e que agora se suspenda este ciclo, o que supón un grave prexuízo para alumnos, mestres e centro. Malia que o curso xa comezou, aínda está aberto o prazo de novas admisións polo que dende o goberno local anímase á poboación a que se anoten nun ciclo formativo que pode supoñer unha boa oportunidade para a inserción laboral dos estudantes que cursen o mesmo e que pode dar lugar, co incremento no número de matrículas, a que se desbote o argumento esgrimido por parte da Xunta de Galicia, en relación ao pouco alumnado do ciclo. Finalmente, dende a área municipal de Educación, veñen de anunciar que mañá xoves, ás 16.00 horas, o responsable deste departamento, José Alén, presidirá unha reunión extraordinaria do Consello Escolar Municipal coa fin de abordar esta sorprendente decisión tomada dende a Xunta de Galicia e as medidas a tomar para atallar esta problemática.

No hay comentarios: