18/9/14

A escritora Helena Villar presenta nas Pontes as súas derradeiras obras poéticas para o público infantil e adulto

A biblioteca Enrique Rivera Rouco acollerá dende as 18.00 horas a presentación de Remontar o Río e As Señoras Cousas As Pontes, 18 de Setembro de 2014.- A biblioteca municipal Enrique Rivera Rouco será mañá o escenario da presentación das dúas últimas incursións poéticas da escritora de Becerreá Helena Villar Janeiro. Así, ás 18.00 horas, na biblioteca pontesa, a autora estará acompañada polo editor Francisco Castro, en representación da Editorial Galaxia, encargada de sacar á luz o poemario As señoras cousas, un libro pensado para que os novos lectores coñezan a cara máis amable, divertida e máxica da realidade. Hai xoguetes, prendas de roupa ou animais, pero tamén máis aló dos obxectos palpables xa que As señoras cousas é unha invitación aos soños, a través de textos que reflexan as desventuras do sol coas nubes, o desexo da lúa por ter un camisón novo, ou a maxia da chuvia e da neve. As ilustracións son de Mari Fe Quesada. Logo, ás 20.00 horas, presentarase a obra Remontar o río. O último poemario de Helena Villar Janeiro, conta coas ilustracións de Luz Darriba e destaca polo seu coidado formato, confeccionado artesanalmente con pregos continuos como un acordeón de seis metros que, unha vez despregado, escenifica o río de poemas que integran a obra. O libro, que describe unha viaxe real ao longo do Danubio, constitúe un periplo emocional cara as orixes, remontando o río da vida, tal e como indica o título. Como é habitual ámbalas dúas presentacións contarán con entrada totalmente libre.

No hay comentarios: