29/9/14

Unha ducia de establecementos da hostalería nocturna participan na primeira edición do certame de Cócteles e Combinados Saborea As Pontes

Ademáis de coidar os nosos padais coa boa gastronomía local, tamén o vindeiro mes de outubro poderemos desfrutar da creatividade dos diferentes locais de ocio nocturno á hora de preparar cócteles e é que, como complemento ao certame de tapas e tralas suxerencias da restauración nocturna pontesa, este ano dende a concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio quíxose apostar por impulsar o mundo da noite, a traverso dun concurso de cócteles. Unha ducia de bares, discotecas e pubs decidiron sumarse a esta novidosa iniciativa que se desenvolverá os días 10, 11, 17 e 18 de outubro, dende a medianoite, e coa que se busca que, ademáis de desfrutar dunhas boas tapas, os veciños e veciñas tamén coñezamos as posibilidades de diversión dunha noite de venres ou sábado polo centro da nosa vila. Asemade, tamén haberá premios neste primeiro concurso de combinados e cócteles en forma de galardón para o establecemento que logre o coctel máis votado polo público e tamén para o cliente que cubrise axeitadamente un boleto con catro selos doutros tantos locais participantes neste concurso, boleto que entrará no sorteo do televisor que se repartirá ao abeiro do concurso de tapas. Con respecto ás bases deste segundo certame que teremos en outubro, a súa presentación e gala de clausura coincidarán coas do certame de tapas, é dicir o 10 de outubro, ás 18.00 horas na Casa Dopeso con Yayo daporta como estrela convidada, e o 24 de outubro, ás 19.00 horas no salón de plenos da Casa Consistorial. Cada cóctel terá un prezo de 3,5 euros, podendo ser con ou sen alcol, e con respecto á votación popular repartiranse cartillas con catro casillas que se deberán cubrir con outros tantos selos dos locais participantes para que o voto sexa válido. Estas papeletas se depositarán nas furnas habilitadas para tal fin en cada local participante, furnas que deberán ser entregadas o 20 de outubro, no concello, entre as 13.00 e as 15.00 horas. Xa o día 24 coñecerase o nome do local gañador deste primeiro certame de cócteles.

Unha trintena de locais de hostalería darán conta da súa creatividade entre fogóns na VI edición do certame de tapas Saborea As Pontes

Unha trintena de cafeterías, mesóns, bares e restaurantes participarán na sexta edición do certame de tapas Saborea As Pontes que se desenvolverá na nosa vila entre os días 10 e 19 de outubro. Serán dez días nos que poderemos cambiar as habituais propostas gastronómicas dos nosos bares e mesóns por tapas máis enxeñosas, elaboradas e sorprendentes nas que as típicas patacas ali oli, a tortilla ou o raxo deixan paso a outro tipo de ingredientes máis novidosos, a combinacións de terra e mar do máis atractivas e a prebes e condimentos propios dos grandes restaurantes con Estrela Michelín. Un ano máis, o departamento municipal de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio que dirixe Montserrat García, xunto co Instituto Pontés de Promoción Económica, volve facer da gastronomía local e dos grandes cociñeiros que temos aquí nas Pontes todo un argumento de peso para que os veciños e veciñas saíamos á rúa desfrutar deste certame gastronómico e da gran imaxinación, entre fogóns, daqueles e daquelas que a diario nos serven un café ou un pincho. E é que Saborea As Pontes é xa todo un referente do outono pontés e non só os propios veciños agardabamos a súa chegada, senón tamén aqueles que se achegan á nosa vila para desfrutar da creatividade gastronómica que se oferta ao abeiro dos diferentes bares e restaurantes que enchen as nosas rúas. De feito, este certame está máis que asentado, e é que, un ano máis se superasen as cifras de participación con case unha decea máis que na pasada edición, e esta boa acollida merece tamén unha inauguración á altura. De ahí que para este ano, se conte na nosa vila coa presenza do prestixioso chef e Estrela Michelín Yayo Daporta, actual xurado do certame de televisión Top Chef, xunto con Alberto Chicote e Susi Díaz. Daporta será o encargado, o vindeiro 10 de outubro, de dar o pistoletazo de saída a esta competición gastronómica nunha presentación na que tamén o cociñeiro cambadés exercerá de xurado e xulgará as 29 propostas dos participantes e dará conta da súa favorita que, xa na gala de clausura o 24 de outubro, recibirá un premio especial. Para este ano novamente os veciños teremos voz e voto, ao igual que o xurado que tamén outorgará o seu premio á mellor tapa pontesa e seguindo as mesmas canles de participación que en anos anteriores, é dicir, o público mediante os seus boletos correctamente cubertos e o xurado probando todas as tapas e chegando a un acordo común. Con respecto ao resto de bases, éstas son moi semellantes ás de edición anteriores, así, as tapas serviranse entre os días 10 e 19 de outubro, en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 19.30 a 22.30 horas, agás na xornada de inauguración que tan só haberá tapas en horario de tarde. Cada pincho participante terá un custo de 1 euro e por cada un que se probe o consumidor recibirá un selo. Con oito selos diferentes o cliente participará no sorteo final dun televisor, sorteo que terá lugar na casa do concello o 21 de outubro ás 12.00 horas, e tras comprobar que as papeletas recollidas en todos os establecementos participantes están correctamente cubertas. Xa para o día 24 de outubro, ás 19.00 horas, poderemos asistir na Casa do Concello á entrega de premios oficial que estará presidida pola edil Montserrat García e na que se fará entrega das tres distincións ás tres tapas mellor valoradas por público, xurado e polo propio Yayo Daporta e tamén do televisor ao afortunado ou afortunada do sorteo popular. Por diante quédannos polo tanto uns días para desfrutar da gastronomía local, e para non perdernos nada, en breve, estará a desposición da veciñanza unha nova edición da publicación que editará o concello cos datos de cada local participante, a súa respectiva tapa con fotografía incluida e un rueiro no que poderemos atopar a ubicación exacta de cada establecemento.

A VII edición do Día da Bicicleta volve congregar a centos de veciños e veciñas de todas as idades polas rúas de As Pontes

Centos de ponteses e pontesas de todas as idades volvían onte sacar á rúa as súas bicicletas para tomar parte na sétima edición do día da bici e que, un ano máis, organizaba o Concello de As Pontes xunto cun coñecido grupo de comunicación. Veciños e veciñas de todas as idades e non só de as pontes senón tamén doutros concellos se daban cita diante da casa do concello para desfrutar desta entretida e saudable xornada na que ata o sol quixo participar, acompañando a todos estes pequenos e grandes deportistas nun percorrido duns oito quilómetros que arrincaba pasadas ás 11.40 horas pola Avenida de Ferrol en dirección á Avenida de Galicia para, despois afrontar a Avenida de Castelao e a de Monte Caxado, e na que puidemos ver dende ao propio alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, ata a edil de Turismo Ana Pena que non se quixeron tampouco perder esta xa sétima festa da bicicleta. A zona do circuíto de karts ou o barrio da Casilla tamén viron pasar esta serpe, este ano vermella, que tivo como primeiro punto de descanso o entorno do lago onde estes centos de ciclistas tiveron tempo para tomar un refrixerio en forma de barrita de cereais e unha botella de auga. Tocaba retomar percorrido, neste caso polo Poboado das Veigas, o Rego do Muíño e a Avenida de Galicia para poñer punto e final a este entretido paseo novamente diante da Casa do Concello onde tamén houbo presenza municipal cos edís José Alén e Carlos Castro que, para esta edición, decidiron deixar aparcadas as súas bicicletas. Tras novamente repoñer forzas chegaba outro dos momentos máis agardados da xornada e é que non podía faltar roita ciclista sen sorteo de agasallos. Así as cousas, para esta edición o concello doaba unha bicicleta que foi para Aloia Murado Ferreiro e diferentes lotes de libros. Como novidade tamén colaboraban o espazo infantil Picariños, a tenda de complementos Niza, a cafetería Tres Pontes, óptica Carmela e o salón de beleza Sixties con atractivos agasallos coma lentes de sol, bolsos, consumicións, vales de xogo ou sesións de beleza, agasallos que fixeron as delicias entre os afortunados. Asemade, un ano máis esta cita tamén contaba co respaldo de Valoriza, Matojoma, Galiorient ou Gadis, clubes locais coma Terras do Eume e Clube Ciclista Vilalba-As Pontes e servizos municipais coma Protección Civil e Policía Local que, unha vez máis, velaron pola seguridade dos participantes nesta proba que, edición tras edición, gaña en adeptos.

28/9/14

A parroquia de Goente acollerá, en dúas semanas, unha nova edición da Feira do Queixo e Mel da comarca e as XV Xornadas Apícolas

A parroquia de Goente xa se está a preparar para a celebración, por sexto ano consecutivo, da Feira do Queixo e Mel da parroquia. Unha cita que, edición tras edición, logra congregar a un numeroso público e visitantes desexoso de coñecer dous productos tan saborosos e artesanais coma o queixo e o mel da nosa comarca. O vindeiro 12 de outubro terá lugar esta cita gastronómica na que o Concello de As Pontes, a Casa do Mel de Goente, Queixerías do Eume e os colectivos veciñais Raíces e Virxe do Rosario de Goente e da Faeira volven aunar esforzos para facer desta xornada un día de gran atractivo turístico, no que non só veciños do casco urbano ou doutras parroquias se animen a participar, senón tamén visitantes doutros concellos da contorna. Como novidade este ano, non haberá o tradicional xantar popular pero sí que se habilitarán postos de churrasco e polbo para aqueles que desexen achegarse ata Goente e xantar alí. Asemade, non faltarán os postos con produtos apícolas, queixos, productos de artesanía ou doces que, dende as 11.00, abrirán as súas portas na explanada a carón da igrexa de Goente. Asemade, haberá unha mostra de vehículos e motos antigas, unha merenda a base de freixós e queixo, xogos tradiconais e actividades para nenos, actuacións musicais e ata unha verbena para pechar a xornada. Pero tamén ao abeiro desta festa gastronómica, a Casa do Mel de Goente está xa a ultimar os detalles da que será a XV edición das Xornadas Apícolas e que organiza xunto a Asociación Galega de Apicultura e o propio Concello de As Pontes. Así, entre os días 6 e 12 do vindeiro mes, a Casa do Mel de Goente volverá ser o escenario perfecto para charlas formativas sobre o mundo da apicultura, xornadas para escolares dirixidas a fomentar os seus coñecementos sobre o mel e as abellas e, por suposto, para dúas novas edicións dos concursos de receitas con queixo e mel e a sétima edición do Certame de Cata de Meles. Os escolares serán os primeiros en tomar parte nestas xornadas apícolas e é que estudantes de todos os centros educativos ponteses de educación infantil e primaria asistirán os días 6 e 7 do vindeiro mes a unha excursión pola Casa do Mel de Goente. Alí coñecerán os entresixos do mundo das abellas, como se produce a extracción e envasado do mel, poderán desfrutar da exposición apícola da Casa do Mel, degustar os seus productos e, por suposto, un ano máis aprender a facer candeas con cera de abellas. Xa para os días 9 e 10, durante a tarde, levarase a cabo a cata das diferentes variedades de mel claro e escuro que, durante estes días se presentaron á sétima edición do certame de cata de meles e para o día 11 a actividade tornarase totalmente formativa, coa celebración de diferentes charlas dende as 10.00 horas, adicadas ás aplicacións da apitoxina, o etiquetado e publicidade dos productos apícolas e á incurso da vespa velutina en España. Ese mesmo día 11, pero en xornada de tarde, dende as 18.30 horas, terá lugar a cata das receitas doces e salgadas que, este ano, participarán no concurso gastronómico dirixido a escoller o mellor prato salgado e o mellor postre elaborado con queixo e mel da comarca; un certame para o que se poden presentar candidaturas ata o vindeiro 9 de outubro. Xa coma broche de ouro destas xornadas, para o 12 de outubro teremos a sesta edición da Feira do Queixo e do Mel da Comarca.

25/9/14

O Concello instala bandas rugosas na intersección da Avenida de Vilalba coa Celso Emilio Ferreiro para atallar os excesos de velocidade

O Concello ven de instalar novas bandas rugosas, desta vez na intersección entre as Rúas Meidelo e Celso Emilio Ferreiro, onde se sube cara a Pontoibo. Malia que fora unha zona na que se tiña optado por esta solución ós problemas xerados cos incumprimentos das velocidades límites, e se retiraran diante das peticións veciñais, as circunstancias desta últimas datas veñen confirmar a necesidade de contar con elas. En quince días producíanse senllos accidentes na zona, nos que a velocidade inadecuada tivo moito que ver. Deste xeito preténdese evitar o exceso de velocidade de algúns nunha confluencia entre catro posibles direccións. Esta actuación conta co informe favorable da Policía Local nunha zona na que circulan a diario numerosos vehículos e con moita xente paseando a todas as horas do día polo que eses excesos de velocidade ós que así se busca solución, supoñen un importante perigo potencial. Optouse polas bandas estreitas, de menor altura e menos agresivas, e tan só unha en cada vía, xusto denantes do stop. Mesmo se estableceu unha sinalización vertical para anunciar a súa presenza.

O Concello de As Pontes denuncia a decisión da Xunta de suprimir o ciclo de Administración e FInanzas

O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, o edil de Educación, José Alén, e os voceiros de Partido Socialis, Partido Popular e Bloque Nacionalista Galego mantiveron hoxe un encontro co director do I.E.S Castro da Uz e os pais dos alumnos afectados pola supresión do ciclo de Administración e Finanzas coa fin de analisar as medidas a tomar con respecto a esta sorprendente decisión da Xunta de Galicia. Dende a dministración local rexeitouse rotundamente unha medida que chega co curso comezado e con tres alumnos matriculados e, por este motivo, xa se remitiu un escrito á Dirección Xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación, ,solicitando que non se leve a cabo a suspensión desta formación en As Pontes. Segundo explicou o primeiro edil, témese que se esté buscando un valeirado de contidos formativos que poida acabar abocando ao peche do centro. Asemade, segundo apuntou González Formoso non pode ser que se permita iniciar un curso, se adxudique un profesorado xa con destino e que agora se suspenda este ciclo, o que supón un grave prexuízo para alumnos, mestres e centro. Malia que o curso xa comezou, aínda está a, aberto o prazo de novas admisións polo que, dende o goberno local, confíase en que se poidan producir novas matriculacións e desbotar así o argumento de pouco alumnado.

24/9/14

O Concello de As Pontes denuncia a sorpresiva decisión da Xunta de Galicia de eliminar o Ciclo Superior de Administración e Finanzas en As Pontes

O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, o edil de Educación, José Alén, e os voceiros de Partido Socialista, Partido Popular e Bloque Nacionalista Galego mantiveron hoxe un encontro co director do I.E.S Castro da Uz e os pais dos alumnos afectados pola supresión do Ciclo Superior de Administración e Finanzas coa fin de analizar as medidas a tomar con respecto a esta sorprendente decisión da Xunta de Galicia. Dende a dministración local rexeitouse rotundamente unha medida que chega co curso comezado e con tres alumnos matriculados no I.E.S Castro da Uz e, por este motivo, xa se remitiu un escrito á Dirección Xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación solicitando que non se leve a cabo a suspensión desta formación en As Pontes, escrito que tamén foi remitido ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez. Segundo explicou o alcalde pontés, témese que se esté buscando un baleirado de contidos formativos que poida acabar abocando ao peche do centro. Asemade, segundo apuntou González Formoso non pode ser que se permita iniciar un curso, se adxudique un profesorado xa con destino e que agora se suspenda este ciclo, o que supón un grave prexuízo para alumnos, mestres e centro. Malia que o curso xa comezou, aínda está aberto o prazo de novas admisións polo que dende o goberno local anímase á poboación a que se anoten nun ciclo formativo que pode supoñer unha boa oportunidade para a inserción laboral dos estudantes que cursen o mesmo e que pode dar lugar, co incremento no número de matrículas, a que se desbote o argumento esgrimido por parte da Xunta de Galicia, en relación ao pouco alumnado do ciclo. Finalmente, dende a área municipal de Educación, veñen de anunciar que mañá xoves, ás 16.00 horas, o responsable deste departamento, José Alén, presidirá unha reunión extraordinaria do Consello Escolar Municipal coa fin de abordar esta sorprendente decisión tomada dende a Xunta de Galicia e as medidas a tomar para atallar esta problemática.

22/9/14

Máis de 400 veciñas de As Pontes déronse onte cita na Coruña na II Edición da Carreira da Muller

O Clube Olympo volvía conseguilo e con el as máis de 400 veciñas que, un ano máis, aceptaban o reto de colaborar na loita contra o cancro de mama facendo deporte na II edición da Carreira da Muller da Coruña. Toda unha experiencia na que non importaba a idade, a condición física ou os desexos de ser a primeira en chegar á meta, e onde se deron cita un total de 5.000 mulleres de todos os puntos da provincia cun único obxectivo: aportar o seu gran de area na loita contra unha enfermidade que se pode vencer. Novamente, As Pontes e as súas veciñas volvían ser todo un exemplo sumándose masivamente a esta cita e con record e é que se o reto do ano pasado era superar as case 300 participantes pontesas, para este 2014, chegáronse a fletar ata cinco autocares para acoller ás máis de 400 veciñas que decidiron sumarse, un ano máis, a esta convocatoria. Contra las 7.45 da mañá partía da avenida de Galicia a expedición pontesa, grazas aos autocares fletados polo propio Concello, con todas estas veciñas abordo e á fronte a directiva do Clube Atletismo Olympo e as concelleiras de Persoal ou Emprego, Jessica Lago e Ana Pena, que non dubidaron en dar conta da súa satisfacción por esta marea de solidaridade e pola fachenda que supón que, nun municipio tan pequeno, se conte cunha participación tan alta nun evento de tal calado. Asemade, tamén se sumou á marcha a edil de Industria, Montserrat García, que se enfundaba a camisola rosa para percorrer esa roita solidaria e a edil de Compromiso por Galicia, Jéssica Fernández Polo, tamén presente na proba, ademáis do concelleiro de Deportes, Carlos Castro. Tras dun tranquilo traxecto en autocar tocaba xuntarse na praza de María Pita onde se tomou a tradicional foto de familia e de ahí á liña de saída onde, tras dunha solta de globos, era momento de facer fronte a un percorrido de algo máis de cinco quilómetros polo Paseo do Parrote con liña de meta, novamente, na mesma Praza do Parrote que servira como punto de partida. A atleta Solange Pereira foi a primeira en traspasar a liña de meta con 19 minutos e 22 segundos aínda que, na xornada de onte pouco importaban as marcas individuais e sí o esforzo colectivo das 5.000 mulleres que se sumaron a unha boa causa e tinguiron de rosa o Paseo do Parrote. Houbo grandes atletas, nais, fillas, avoas, curmáns, amigas, sogras, noras ou corredoras que acudían co seu mellor amigo de catro patas pero, sobre todo houbo mulleres que loitaron dun xeito solidario e saudable para recadar fondos para a cura dun mal como é o cancro de mama e para o que onte se recadan 100.000 euros. Asemade, a organización do evento tamén instalou diferentes postos de patrocinadores con agasallos do máis atractivos para todas estas heroínas, impartíronse clases de aerobic e cardiobox e, por suposto, tamén houbo entrega de premios e na que o Olympo e a expedición pontesa estivo máis que presente co trofeo ao grupo máis numeroso, que revalidaba trala edición do pasado ano desta proba. Houbo tempo para sacar fotografías co trofeo, para felicitar a algún cumpleañeiro e ata para plantexar un novo reto para a carreira da muller do 2015: o superar o número de veciñas pontesas presentes nesta cita solidaria; unha proposta que xa está enriba da mesa e que, de seguro, o vindeiro ano o Clube Olympo e as pontesas seremos capaces de superar.

As Pontes celebra este domingo o VII Día da Bicicleta

As Pontes acollerá este domingo a sétima edición do Día da Bicicleta, unha cita organizada polo concello de As Pontes xunto cun grupo de comunicación e que volverá espertar, unha vez máis, a paixón polo deporte das dúas rodas entre pequenos e adultos. Así,este mesmo día 28, ás 11.00, están convocados todos os veciños e veciñas que desexen sumarse a esta cita, iso sí anotándose previamente no rexistro xeral do concello, no polideportivo municipal ou ben no propio posto que a organización do evento instalará diante da Casa do Concello o mesmo día da proba. A saída da mesma está programada para as 11.30 e o percorrido será do máis asequible para todo tipo de idades e condicións físicas. Serán uns nove quilómetros de distancia cunha roita que partirá de diante da Casa do Concello para pasar por a avenida de Castelao, Ortigueira, Galicia ou Vilalba e na que será obrigatorio o uso de casco protector. Asemade, a roita incluirá unha parada para o avituallamento no entorno do lago. Coma sempre, a inscrición será gratuíta e cada participante optará a diferentes agasallos coma unha bicicleta e lotes de libros, que doará o concello de as pontes, e diferentes agasallos doados polos comercios locais. Dende o Concello, como ven sendo habitual, animan a toda a veciñanza a desfrutar desta xornada de deporte entre familia e amigos.

19/9/14

A Concellería de Turismo, Emprego e Novos Proxectos porá en marcha, este venres, un novo curso formativo para desempregados

• Esta experiencia piloto contará con dúas fases – teórica e práctica- e busca a recualificación profesional ao ámbito comercial de 15 desempregados ponteses Bidef Consultoría, coa colaboración do Concello de As Pontes, a traverso da concellería de Emprego, Turismo e Novos Proxectos que dirixe Ana Pena, iniciará hoxe venres un novo programa formativo dirixido á recualificación profesional ao ámbito comercial, co obxectivo de insertar laboralmente a todos os participantes no mesmo. Así, un total de 15 persoas, todas elas con ciclos superiores, licenciaturas, diplomaturas e graos, tomarán parte neste programa de emprego que estará densenvolvido por Bidef Consultoría e que constará de dúas fases, segundo explicou a propia edil Ana Pena. A primeira destas etapas constará de contidos teóricos que buscan que os participantes adquiran técnicas e coñecementos mediante o desenvolvemento de competencias, habilidades, actitudes e aptitudes no ámbito do comercio e da atención ao cliente. Xa nunha segunda fase, fomentarase a práctica en empresas durante tres meses en campos coma o comercio ou atención ao cliente en postos de comercial, técnico-comercial, administrativo comercial ou xestión de compras. A concelleira Ana Pena explicou que, o vindeiro venres ás 9.30 horas, nas dependencias da Casa Dopeso iniciarase este novo curso no que, segundo apuntou a edil, Bidef Consultoría realizou unha selección de alumnado na que contou con 66 candidatos, procedentes da bolsa de emprego municipal dos que finalmente saíron os 15 alumnos e alumnas máis preparados para recibir esta formación.

O restaurador pontevedrés Yayo Daporta inaugurará o VI Certame de Tapas Saborea As Pontes que abre hoxe o seu prazo de inscrición

O cociñeiro Yayo Daporta, un dos restaurados máis novos en lograr unha Estrela Michelín, e actual xurado do programa Top Chef será o encargado de inaugurar a sesta edición do certame de tapas Saborea As Pontes. O restaurador cambadés visitará a nosa vila o vindeiro 10 de outubro, para tomar parte na inauguración oficial deste certame gastronómico, e que xa ten hora e lugar: as seis da tarde no salón de actos da casa dopeso. Alí a nova estrela televisiva dos fogóns valorará as diferentes tapas presentadas a concurso e emitirá o seu propio voto, que non se dará a coñecer ata a xornada de clausura deste concurso gastronómico: o 24 de outubro ás 19.00 horas e no salón de plenos da Casa do Concello. No tocante ás bases deste certame gastronómico, as mesmas xa se podían consultar dende esta mañá e é que tamén hoxe se abría o prazo de inscrición de participantes, prazo que se manterá ata as 13.00 horas do vindeiro día 26. Os mesóns, cafeterías, bares e restaurantes interesados en sumarse a este concurso tan só deben pasar polo rexistro xeral do concello e alí cubrir o pertinente formulario, facendo tamén entrega en formato dixital dunha fotografía da tapa en cuestión e do local participante, para incluír no libro que este ano tamén editará o concello con motivo deste concurso. A inscrición será gratuíta. No tocante ás bases para o certame deste ano, dende a concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio e o Instituto Pontés de Promoción Económica, intentaron seguir na liña de certames anteriores. Así, o concurso desenvolverase entre os días 10 e 19 de outubro e horario de reparto de tapas quedou entre as 12.00 e as 13.00 horas e das 19.30 e as 22.30, agás na xornada do 10 de outubro, que tan só se servirán as tapas durante a tarde. Cada tapa terá un custo dun euro e os clientes volverán contar cunha cartilla que deberán cubrir con 8 selos doutros tantos locais participantes e na que poderán dar o seu voto á súa tapa favorita. Asemade, esta cartilla servirá para participar no sorteo final dun televisor, sorteo que terá lugar o 21 de outubro ante as cámaras desta casa e coa presenza da secretaria do concello, Marina Núñez. Coma cada ano darase un premio á tapa máis votada polo público, outro galardón á mellor tapa segundo o xurado e, finalmente, un terceiro recoñemento á mellor tapa segundo o xuízo do cociñeiro Yayo Daporta. Asemade, o local que logre o maior respaldo do público tamén terá un segundo agasallo: unha visita ás bodegas Traslascuestas, en Burgos. Os establecementos participantes deberán anotarse ata as13.00 horas no Rexistro do Concello de luns a sábado, en horario de mañá, ata o venres da vindeira semana. Xa o 9 de outubro, un representante de cada local deberá recoller no salón de plenos do concello as furnas, carteis e demais material necesario para o concurso e o día 20 de outubro deberán facer entrega das furnas cos votos rexistrados en cada local participante, tamén no salón de plenos da Casa Consistorial e entre as 13.00 e as 15.00 horas, para que os votos sexan válidos.

18/9/14

A escritora Helena Villar presenta nas Pontes as súas derradeiras obras poéticas para o público infantil e adulto

A biblioteca Enrique Rivera Rouco acollerá dende as 18.00 horas a presentación de Remontar o Río e As Señoras Cousas As Pontes, 18 de Setembro de 2014.- A biblioteca municipal Enrique Rivera Rouco será mañá o escenario da presentación das dúas últimas incursións poéticas da escritora de Becerreá Helena Villar Janeiro. Así, ás 18.00 horas, na biblioteca pontesa, a autora estará acompañada polo editor Francisco Castro, en representación da Editorial Galaxia, encargada de sacar á luz o poemario As señoras cousas, un libro pensado para que os novos lectores coñezan a cara máis amable, divertida e máxica da realidade. Hai xoguetes, prendas de roupa ou animais, pero tamén máis aló dos obxectos palpables xa que As señoras cousas é unha invitación aos soños, a través de textos que reflexan as desventuras do sol coas nubes, o desexo da lúa por ter un camisón novo, ou a maxia da chuvia e da neve. As ilustracións son de Mari Fe Quesada. Logo, ás 20.00 horas, presentarase a obra Remontar o río. O último poemario de Helena Villar Janeiro, conta coas ilustracións de Luz Darriba e destaca polo seu coidado formato, confeccionado artesanalmente con pregos continuos como un acordeón de seis metros que, unha vez despregado, escenifica o río de poemas que integran a obra. O libro, que describe unha viaxe real ao longo do Danubio, constitúe un periplo emocional cara as orixes, remontando o río da vida, tal e como indica o título. Como é habitual ámbalas dúas presentacións contarán con entrada totalmente libre.

16/9/14

O Concello de As Pontes abrirá o venres o prazo para participar na VI edición do certame de tapas Saborea As Pontes

A concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio xunto co Instituto Pontés de Promoción Económica están xa mans á obra coa preparación da que será a sesta edición do certame de tapas Saborea As Pontes. Onte mesmo se mantiña o primeiro encontro cos hostaleiros locais coa fin de presentar as bases deste xa máis que consolidado certame gastronómico e que se desenvolverá dende a tarde do 10 de outubro e ata a noite do día 19 do mes que vén. Case unha vintena de propietarios de bares, cafeterías, mesóns e restaurantes ponteses acudían onte a este primeiro encontro na Casa Dopeso e no que a propia edil de Hostalería daba conta dos pequenos cambios que se incluirán no certame deste ano e que se presentará, nun principio, na mesma tarde do 10 de outubro. De feito, segundo explicou a concelleira Montserrat García, se está a traballar para traer a as pontes a un importante cociñeiro galego, galardoado cunha Estrela Michelín, para a presentación deste certame, o que permitiría se cabe darlle máis sona a este concurso gastronómico. A edil tamén deu conta dos premios que se repartirán este ano. Así as cousas, concederase un recoñecemento á Mellor Tapa Pontesa que será escollida polo xurado e outro á Tapa Pontesa Máis Popular, que se encargará de designar o público mediante os seus votos. Para este ano tamén cambia o premio para o público xa que os que cubran correctamente a cartilla, neste caso con oito selos doutros tantos establecementos diferentes, entrarán no sorteo dun televisor. Con respecto aos horarios de reparto de tapas, as mesmas deberanse servir entre as 12.00 e as 14.00 horas, e de 19.30 a 22.30, agás o primeiro venres de concurso no que tan só haberá tapas en horario de noite. Este ano tamén se cobrará un euro por tapa e está previsto que se reediten os libros coa información de cada local, unha fotografía da súa tapa e a pertinente explicación sobre a mesma. Asemade, ao igual que noutras edicións, cada local contará cun cartel identificador da súa participación que incluirá a fotografía da súa aposta gastronómica. O prazo de inscrición para sumarse a esta cita abrirase este mesmo venres sendo necesario que os que desexen participar neste certame se acheguen ata o Rexistro Xeral do Concello, cubran o pertinente formulario e alí tamén fagan entrega nun cd dunha fotografía da súa tapa coa fin de incluíla no libro que se editará con motivo deste certame. Como novidade, non se cobrará inscrición algunha aos participantes que terán ata o día 26 deste mes para anotarse. Asemade, durante este encontro tamén houbo locais, adicados a traballar a hostalería nocturna que suxeriron a posible inclusión durante este certame de tapas, dun segundo concurso adicado á coctelería e máis enfocado a revitalizar o mundo da noite. A proposición dos presentes, este certame se desenvolvería tan só durante as dúas fins de semanas do concurso de tapas e permitiría dar vida aos locais que traballan a hostalería nocturna. A proposta tivo moi boa acollida entre organización e sector hostaleiro e, de feito, xa se está a estudar. Con este motivo, dende o departamento que dirixe Montserrat García convócase para mañá mércores, ás 18.00 horas, no soto da Casa Dopeso, a todos aqueles propietarios de pubs, discotecas ou bares que traballen tamén o ocio nocturno a un encontro no que se abordará a posibilidade de incluír este certame de combinados no programa do Saborea As Pontes e, deste xeito, poñer en marcha unha actividade que permita impulsar este tipo de negocios.

15/9/14

A SEGUNDA EDICIÓN DE DEPORTE NA RÚA LOGRA BRILLAR A PESARES DA MALA CLIMATOLOXÍA

Aprender a xogar ao dominó, coñecer os segredos de como lanzar unha boa tripla, ser o dono do balón tan só usando os pés, adentrarse no mundo do tiro con arco ou do rugbi, desfrutar coas diferentes disciplinas que integran o mundo do atletismo ou incluso aventurarse a escalar por un rocódromo con descenso en tirolina incluído. Estas foron tan só algunhas das experiencias que durante a xornada do pasado sábado pudieron vivir e desfrutar os moitos nenos e nenas que decidiron participar na segunda edición de Deporte na Rúa. Unha xornada adicada ao fomento da multitude de actividades deportivas coas que contamos na nosa vila e que, da man de algo máis dunha ducia de clubes deportivos locais, serviu para dar a coñecer o gran abano de clubes e deportes dos que podemos desfrutar pequenos e maiores e sen ter que saír da nosa vila. A Canle IV encheuse de rapazas e rapaces que decidiron probar dende a súa punteiría coa axuda dos membros do clube o Esteo ata afrontar unha xincana ciclista co clube Terras do Eume ou incluso xogar algún que outro partido de tenis e padel cos clubes locais Padeleume, Tenis As Pontes e Padel As Pontes. Non faltaron tampouco experiencias coma partidos de rugby, fútbol ou baloncesto diferentes probas de atletismo coma o salto de altura, lonxitude ou as carreiras de obstáculos, sen esquencer exhibicións máis visuais coma as ofrecidas polos clubes de kick boxing Frank ou Danigal, de ximnasia rítmica,e é que non houbo clube local que non se quixese sumar a esta cita para promocionar a súa actividade. De ahí que tivesemos a oportunidade de desfrutar do clube Silex de tiro con arco, o clube de tenis de as Pontes, os clubes Padeleume e Padel As Pontes, o clube de baloncesto, o clube deportivo As Pontes, o Esteo Fútbol Sala, o clube Fendetestas de Rugby, o clube de montaña o Caxado, o clube Danigal de ximnasia rítmica, o clube de atletismo Olympo, o clube de dominó Pito Dobre,o clube Frank de Kick Boxing, o clube de btt Terras do Eume ou o clube de Vela Fluvial. E é que, tamén coa colaboura do departamento de deportes, xunto co espazo infantil Garabatos,lográbase converter a Canle IV en todo un espectáculo multideportivo onde todos pudieron probar todas as modalidades deportivas alí afincadas e xa decantarse por algunha en especial para este curso que ven de comezar. Asemade, aqueles que se animasen a participar en ata tres probas levaban consigo como agasallo unha camiseta e que se completaba co sorteo de dez bicicletas durante a xornada e un lote de produtos de papelería da tenda Lujo. A única nota negativa foi a aparición da chuvia durante a tarde que obrigou a atrasar o inicio das actividades, nembargantes, malia o mal tempo, o Día do Deporte na Rúa foi todo un éxito de público e participación e é que, nin se quera os propios políticos locais se puideron resistir a sumarse a esta festa do deporte. Así puidemos ver dende ao alcalde Valentín González Formoso xogando ao baloncesto ata aos edís de Deportes, Cultura, Xuventude, Persoal ou Facenda entre os participantes das diferentes actividades que ateigaron o sábado a Canle IV de moita festa e, por suposto, diversión para toda a familia.

11/9/14

As Pontes celebra este sábado o seu Día do Deporte na Rúa

Este sábado o deporte tomará a Canle IV nunha nova edición do Día Do Deporte na Rúa, unha xornada na que máis dunha ducia de clubes locais adicados a disciplinas tan dispares coma o fútbol, o rugbi, o padel ou o baloncesto convivirán no mesmo espazo e darán a coñecer, mediante exhibicións, xogos e actvidades do máis entretidas, o traballo que desenvolven ao longo de todo o ano. Deste xeito, dende a concellería de deportes e co respaldo da empresa Garabatos, o que se pretende é achegar a pequenos e adultos a gran oferta deportiva coa que contamos nas Pontes coa fin de que, co inicio do novo curso, aqueles con aínda dúbidas poidan probar diferentes deportes e anotarse no que lles pareza máis atractivo e entretido. Así, dende as 10.00e ata as 13.00 horas, e de 16.00 a 20.00 hroas, nenos e adultos que desexen xogar un partido cos integrantes do Esteo ou do Cd As Pontes, aprender a tirar unha tripla co CB As Pontes; adentrarse no mundo do atletismo co Clube Olympo ou saber algo máis do mundo da bicicleta de montaña co clube Terras do Eume poderán visitar a zona da Canle IV onde se habilitarán espazos para as diferentes modalidades deportivas. Dende as 10.00, teremos aos membros do clube de rugby Fendetestas ou aos membros do Silex amosando o atractivo de disciplinas coma o rugbi ou o tiro con arco; aos membros de Padel Eume ou padel As Pontes xogando a este entretido deporte no Torneo de Padel x3 que se desputará nas pistas da Canle IV,ou aos integrantes do Pito Dobre achegando o curioso mundo do dominó a novos e maiores. Asemade, ao longo da xornada tamén se desenvolverán dende torneos de tenis coma o que organizará o Clube de Tenis As Pontes ata exhibicións de kick boxing e ximnasia rítmica cos clubes Frank e Danigal, rocódromos co Clube de Montaña O Caxado, xincanas ciclistas co Clube Terras do Eume ou actividades vencelladas ao mundo da vela co Clube Fluvial As Pontes, sen esquencer entretidos xogos xigantes que tamén farán as delicias dos máis novos. Un amplo abano de posibilidades deportivas das que podemos desfrutar en As Pontes e que tamén poderemos probar grandes e pequenos e é que tan só temos que achegarnos ata o posto de información que Garabatos habilitará na Canle IV. Alí farásenos entrega dun dorsal que deberemos selar en cada modalidade deportiva e con tres selos recibiremos unha camiseta e un agasallo de Chupa Chups. Asemade, tamén se entrará en sorteos de material de varios dos clubes participantes neste día de Deporte na Rúa e será posible participar en todas as modalidades que queiramos sen límite algún. No tocante ás exhibicións, segundo o horario presentado pola organización, dende as 10.00 será posible anotarse no mini torneo de tenis; ás 10.30 comezará a funcionar o rocódromo do Clube de Montaña O Caxado, ás 11.00 teremos exhibición de kick boxing e ás 11.30 de tiro con arco. Xa ás 12.00 terá lugar unha coreografía do clube de rítmica danigal e ás 12.30 haberá un partido de fútbol organizado polo Clube Deportivo As Pontes. Para a tarde quedarán un novo encontro de fútbol do CD As Pontes dende as 17.00 e o rocódromo do Clube de Montaña, dende as 18.00, ao que se sumarán o resto de disciplinas deportivas que se desenvolverán de xeito ininterrompido dende as 10.00 da mañá e ata as 13.00 e xa de 16.00 a 20.00.

10/9/14

Chema Arguedas e Bingen Fernández achegan a Volta Ciclista a España á nosa vila da man dunha charla para xiareiros desta modalidade deportiva

Malia que a volta ciclista a España non pasou este ano polo noso concello, nas últimas horas, sí que puidemos desfrutar do espírito desta competición. Así na tarde de onte, medio cento de xiareiros do cicloturismo, entre eles a tenente de Alcalde, Montserrat García, se deron cita na Casa Dopeso para escoitar a dous grandes expertos na materia e solventar con eles as súas dúbidas, e que chegaban a As Pontes da man do Clube Ciclista Vilalba - As Pontes e o propio cabildo pontés. Por un lado o director deportivo do equipo Garmin Sharp, Bingen Fernández, e por outro o experto en adestramento e nutrición Chema Arguedas, que deron conta aos presentes non só das claves para programar cada tempada dun ciclista profesional senón tamén de cómo debe prepararse un ciclista afeccionado para sacar o mellor de sí cada día. Todo isto baixo a batuta tamén dunha terceira faciana do máis coñecida no mundo deportivo, e é que ata As Pontes tamén se desprazaba o xornalista da TVG, Terio Carrera, que exerceu coma moderador desta charla. O encargado de romper o xeo foi o director deportivo de Garmin Sharp. Bingen Fernández explicou cómo se afronta unha nova tempada. O tamén ex ciclista profesional deu conta de como xa en xaneiro comezan as primeiras actividades en grupo para xerar un clima de equipo entre novos e antigos corredores e tamén das diferenzas de preparación física que precisa cada ciclista segundo o tipo de carreiras que ten previsto afrontar. E é que, segundo explicou Fernández non é igual o adestramento para aqueles que afrontan citas coma o Tour de Francia que o que deben realizar outro tipo de ciclistas que afrontan probas menos esixentes. O experto Chema Arguedas, amplo coñecedor desta disciplina e autor de libros tan seguidos coma Alimenta tus pedaladas e Planifica tus pedaladas apelou, na súa intervención, á necesidade de contar cunha boa base física á hora de realizar calquera disciplina deportiva. Arguedas tamén apuntaba ás diferenzas entre un deportista profesional e un afeccionado e é que, segundo explicaba o experto, a única diferencia á hora de adestrar de uns e outros é a base que un profesional xa ten e un cicloturista debe pulir. Por suposto, o público foi o principal protagonista coas súas preguntas e cuestións e nas que se abordaron dende os tipos de complementos alimenticios que deben tomar os ciclistas ao longo dunha carreira ata a importancia das probas de esforzo para coñecer se se padece calquer tipo de enfermidade. Asemade, tamén se abordaron temas tan interesantes coma a mellor idade para iniciar aos máis novos nesta disciplina deportiva ou o tipo de alimentación a inxerir nos días previos a unha competición. Por suposto, non faltaron os consellos e é que, a unha pregunta do público, Chema Arguedas aconsellaba aos cicloturistas a saír sós nos primeiros días para poder render ao máximo, á marxe de ideas coma gañar ao amigo de toda a vida. En resumo, unha serie de consellos e solucións a dúbidas do máis común para os xiareiros deste deporte e que se viron solventadas grazas a esta cita ciclista que axudou que, malia non pisar chan pontés, a mítica volta a España sí que fose protagonista dun día na nosa vila.

9/9/14

A Aula Cemit regresa á actividade a vindeira semana con dous novos cursos gratuítos

O Concello de As Pontes, mediante a aula de informática Cemit, está a organizar para a vindeira semana dúas novas actividades formativas dirixidas a toda a veciñanza. De feito, durante esta segunda quincena do mes de setembro será posible que todos aqueles que non teñan coñecemento algún sobre internet ou os que aínda non tivesen a oportunidade de manexar un ordenador tomen parte nestas clases que, unha vez máis, serán totalmente gratuítas. A volta á operatividade da aula Cemit realizarase o mércores da vindeira semana, día 17, xornada na que arrincará un curso de 30 horas de duración dirixido a aprender a navegar pola rede. Serán dez días de clases prácticas, de luns a venres, en horario de 16.00 a 19.00 horas, abertas a toda a cidadanía pontesa. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata este mesmo venres día 12, sendo necesario achegarse ata a área de Emprego, ubicada no segundo andar da Casa do Concello en horario de 8.00 a 14.00 horas. Tamén ata este mesmo venres será posible inscribirse nun segundo curso gratuíto dirixido a aprender nocións básicas de informática. Serán outras 30 horas de duración para un curso que se desenvolverá de luns a venres en horario de 9.30 a 13.30 horas, na aula Cemit da Casa Dopeso, e se desenvolverá entre os días 22 e 30 deste mesmo mes de setembro. Os requisitos para este segundo obradoiro serán semellantes ao de navegación por internet xa que será preciso achegarse ata a Oficina da concellería de Emprego, no segundo andar da Casa do Concello, en horario de mañá e alí tramitar a pertinente matrícula gratuíta.

2/9/14

O Concello reabre o prazo para atopar un Axente TIC e contratará teporalmente, mediante o Servizo Público de Emprego, a un oficial de segunda e dous peóns

O Concello de As Pontes abrirá mañá o prazo para a presentación de solicitudes coa fin de contratar un axente TIC, que se encargue de dirixir a aula de informática da Rede Cemit coa que conta o concello de As Pontes nas dependencias da Casa Dopeso. Os candidatos terán 7 días hábiles, dende mañá, para presentar a pertinente documentación e méritos co obxectivo de participar no proceso de selección que se convocará para tal fin, nas vindeiras semanas. A decisión tomábase a raíz do acordo de deixar a praza deserta, tralo proceso de selección celebrado a pasada semana, e que non permitiu escoller un candidato acorde coas necesidades do posto ofertado ao non alcanzar a puntuación mínima na fase de oposición. Así as cousas, os novos candidatos deberán presentar méritos e documentación precisa no Rexistro Xeral do Concello en horario de mañá, de luns a sábado, namentras que aqueles que concorran por segunda vez a este proceso non terán que presentar novamente os documentos que acrediten os seus méritos. No tocante ao resto de directrices a cumprir polo candidato, as bases serán as mesmas que as presentadas o pasado mes de agosto, sendo necesario ter máis de 16 anos, contar coa titulación coma técnico superior en informática ou equivalente, ser español ou nacional dun Estado membro da Unión Europea; do Reino de Noruega ou da República de Islandia; non padecer enfermidade ou eiva física ou psíquica que impida o normal exercicio da función; non estar incurso nas causas de incapacidade que determina a lexislación vixente e Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servioz do Estado, comunidade autónoma ou Administración Local, nin atoparse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.   Canto ao sistema de selección será o de concurso-oposición. A oposición constará de dúas probas , un exame obrigatorio e eliminatorio e a proba de galego para todos aqueles aspirantes que non acrediten estar en posesión do título CELGA 4 ou equivalente. Na fase de concurso valoraranse os méritos presentados polos aspirantes. O período de contratación será de catro meses, ata o día 31 de Decembro de 2014. E as bases íntegras desta convocatoria están publicadas na páxina web do Concello www.aspontes.com. Por outra banda, o Concello de As Pontes ven de recibir unha subvención para a contratación dun Oficial 2ª e dous Peóns durante 3 meses, a tempo parcial, contratación que deberá xestionarse mediante o Servizo Público de Emprego. De ahí que, dende o Concello veñan de anunciar que todas as persoas interesadas en participar neste proceso e que cumpran os requisitos necesarios deberán estar inscritas debidamente na Oficina de Emprego para poder acceder a este proceso de selección. De non contar con este trámite, os interesados poderán aínda inscribirse na oficina de emprego que corresponda.

1/9/14

O Concello de As Pontes disporá de algo máis de 13 millóns de euros para afrontar o exercizo de 2014

¨ Os orzamentos recibiron a aprobación inicial por parte dos membros da cámara nunha sesión extraordinaria celebrada hoxe As Pontes, 01 de Setembro de 2014.- As contas do Concello de As Pontes recibiron hoxe luz verde, de forma inicial, nunha sesión extraordinaria celebrada esta mañá na Casa Consistorial pontesa. Así os orzamentos municipais para o 2014 ascenderán inicialmente a 13.083.155,91 euros, o que supón un incremento de algo máis de 500.000 euros con respecto ás contas iniciais do exercizo de 2012 (12.427.693 euros) e coas que estivo a traballar o goberno municipal, de xeito prorrogado, durante este último ano. O edil de Facenda, Urbanismo e Coordinación de Goberno, Antonio Alonso, foi o encargado de presentar estas cifras que calificou coma un exemplo da boa xestión económica dunha administración local como é a pontesa que, en sete anos, pasou de ter que facer contas para afrontar os gastos ordinarios, a ter superavit para xestionar o día a día do municipio, con solvencia suficiente para seguir, e mesmo, aumentar os servizos que se prestan aos veciños. Todo isto sen necesidade de incrementar os impostos que xestiona o Concello de xeito directo. De feito, estas cifras continúan na liña de exercizos anteriores, xa que novamente, dende o executivo local quíxose apostar pola prudencia, a responsabilidade, a sensatez e o realismo, sen deixar a un lado as necesidades da veciñanza. Na súa intervención, o edil tamén criticou as trabas e axustes que esixen ás administracións locais tanto dende o goberno central coma autonómico, o que impide aos executivos municipais empregar de xeito directo os seus recursos en prol doutras canles de beneficio para os seus veciños a pesares de contar con suficientes fondos. Unha actitude que, segundo apuntaba Alonso, só busca restrinxir as competencias locais e que municipios con recursos económicos dabondo e froito dunha boa xestión económica, como é o caso de As Pontes, non poidan investir en beneficio dos seus propios veciños noutros ámbitos coma a industria ou o emprego. Antonio Alonso deu conta do bo traballo de xestión que está a desenvolver o goberno pontés; apostando por unha mellora de servizos, a rebaixa de gastos e polo mantemento dunha estabilidade orzamentaria que permita atender as peticións e necesidades de ponteses e pontesas. Así, un ano máis, e tal e como explicou Alonso, volvíase aforrar no capítulo de persoal ao que, nestas contas, se adican 5,2 millóns de euros. No tocante á partida máis importante, ésta é a dirixida a gasto corrente con 5,9 millóns de euros, 100.000 euros máis que nas últimas contas municipais. No capítulo adicado a subvencións a entidades locais ( culturais, deportivas, veciñais, sociais, axudas de emerxencia social ou ensino), tamén para este ano se optou por realizar un novo incremento de fondos existentes froito da xestión da área orzamentaria do Concello, cun orzamento de algo máis dun millón de euros; namentras que o capítulo de investimentos contará cunha partida de case 769.000 euros, quedando á marxe deste orzamento as obras financiadas con cargo aos fondos que lle pertencen ao Concello de As Pontes e que proveñen tanto a Xunta de Galicia coma da Deputación de A Coruña. Ante as preguntas da oposición en relación ao papel dos veciños á hora de confeccionar estes orzamentos, Antonio Alonso daba conta da total atención que está a ter o goberno municipal ante as demandas veciñais, peticións que se canalizan mediante o contacto directo e diario, que os diferentes membros do equipo de goberno, manteñen co rico tecido asociativo local, e que, segundo explicou o edil, manteñen contactos periódicos co equipo de goberno para darlles conta das súas necesidades. Así as cousas, o concelleiro defendeu unhas cifras e unhas inversións para o exercizo actual acordes coa pouca marxe de maniobra que, dende o goberno do Estado, lles permiten ás administracións locais. Alonso tildou a situación económica local de excelente, resultado dunha xestión que pon ao Concello de As Pontes entre os cen premeiros do país ( de case que 8.200) en canto a solvencia económica, froito dun bo traballo e planificación e non da casualidade. Neste senso, o concelleiro apuntaba o desexo do equipo de goberno de poder ir máis aló das normas impostas dende Madrid. Nembargantes, por coherencia e por responsabilidade, non se poden sobrepasar polo que Alonso apelou á necesidade de actuación tamén doutras administracións en materias coma o emprego, formación, industria, etc., que son competencia doutros gobernos que, a xuízo do edil, “deturpan a capacidade do noso Concello para facer fronte a moitas competencias que lle son impropias pero que, por capacidade económica resultado da xestión da equipo de goberno, poderían ser asumidas polo executivo local”. Os orzamentos destes 2014 contaron cos votos maioritarios a favor do grupo municipal do Partido Socialista, namentras que Bloque Nacionalista Galego, Partido Popular e Compromiso por Galicia rexeitaron estas contas. Outros temas de debate Ao longo da sesión tamén se aprobou a conta xeral correspondente ao exercizo de 2013, punto que contou co respaldo de toda a Cámara, e que agora será remitida ao Consello de Contas de Galicia; e o teito de gasto estipulado dende o goberno estatal para o Concello de As Pontes, unha medida que, tal e como apuntou Antonio Alonso, malia non ser de agrado para o goberno do que forma parte debido á boa situación financeira local, é necesaria para evitar posibles reparos da Xunta de Galicia aos Orzamentos de 2014 e consecuencias negativas para os veciños e veciñas de As Pontes; de ahí a necesidade de actuar con responsabilidade e criterio, respaldando este punto, actitude que non seguiron dende a oposición que obtou por absterse neste aspecto.

Máis de 120 familias pontesas recibirán unha axuda económica municipal para o inicio do curso 2014-2015

¨ Para esta primeira convocatoria, a concellería de Servizos Sociais destinou 18.000 dos 25.000 euros adxudicados a esta partida e, nos vindeiros días, abrirá o prazo dunha segunda convocatoria para alumnos que formalicen nesta semana a súa matrícula As Pontes, 30 de Agosto de 2014.- 123 familias pontesas beneficiaranse, este curso, das axudas á escolarización ofertadas dende o executivo local, mediante o departamento de Servizos Sociais. Así o concello repartirá nestes días 18.000 dos 25.000 euros destinados a esta partida e que servirán para facer máis levadeiro o inicio dun novo curso escolar, unhas axudas que supuxeron un incremento do 25% nesta partida con respecto ao curso pasado. De feito, segundo informaron dende a concellería que dirixe José Alén, nos vindeiros días comunicarase por carta aos beneficiarios esta concesión, que deberán achegarse ata as oficinas de Servizos Sociais, na Casa Dopeso, para recoller o seu vale de compra e que poderán canxear nas diferentes librarías pontesas. A contía das axudas varía dependendo do nivel dos estudos, con vales de entre 50 e 150 euros por alumno que serán canxeables nas librarías locais dende o mércores da vindeira semana. Así para educación infantil de 0 a 3 anos, a axuda alcanza os 50 euros. Para educación infantil de 3 a 6 anos a contía elévase ata 120 euros. Para educación primaria e secundaria concederanse ata 80 euros para a compra do material escolar. Os ciclos formativos subvencionaranse con ata 140 euros, e 150 o Bacharelato. No tocante á cifra de concesións, segundo explicou José Alén, das 158 solicitudes presentadas foron aceptadas un total de 123, o 82% , quedando excluídas aquelas que sobrepasaban os niveis de renda máxima permitidos para optar a estes fondos – os ingresos anuais da unidade familiar non deben exceder os 400 euros mensuais de renda per cápita-, e dando lugar a cifras semellantes aos do curso pasado, coa concesión destas bolsas a 129 familias. Así as cousas, para calquera dúbida con respecto a estas bolsas ou á non concesión das mesmas, será posible achegarse ata as oficinas do departamento municipal de Servizos Sociais. Convocatoria de Setembro O departamento de Servizos Sociais e Atención Cidadá volverá reabrir, o vindeiro 10 de setembro, o prazo para a solicitude destas axudas, neste caso para aqueles veciños e veciñas que realicen a pertinente matrícula escolar no mes que está a piques de iniciarse. Así as cousas, ata o 16 de setembro serán os alumnos e alumnas de Bacharelato ou Ciclos Formativos que formalicen nestes días a súa matrícula os que poderán optar a estas axudas. Para esta segunda quenda, segundo apuntou José Alén, destinaranse os 7.000 euros restantes da partida asignada a esta fin. Así, ata o vindeiro día 16, todas aquelas familias con estudantes que comecen Bacharelato ou aqueles alumnos que non residían en As Pontes denantes do primeiro prazo de solicitude terán a oportunidade de facer a solicitude precisa para beneficiarse das mesmas, quedando excluídas aquelas familias xa solicitantes en xuño e que non recibiron axuda ao superar o baremo económico marcado. Os requisitos para optar a estas bolsas serán os mesmos que os anunciados o pasado mes de xuño, sendo necesario presentar unha instancia no impreso oficial que se facilitará gratuitamente no Departamento de Servizos Sociais do Concello, na oficina do Rexistro municipal ou na páxina web. Asemade axuntarase fotocopia do DNI de todos os membros da unidade familiar, certificación de convivencia do padrón municipal, fotocopia do título de familiar numerosa se fose o caso; fotocopia dos recibos de aluguer ou hipoteca de vivenda habitual, se fose o caso; certificado de solicitude de praza ou fotocopia da matrícula do centro onde o alumnado realice os seus estudos, no caso dos estudos non obrigatorios. Ademais tamén se ten que presentar fotocopia da declaración da renda, de toda a unidade familiar e de non estar obrigado a presentala, deberá achegar unha declaración xurada na que conste esta circunstancia. Para o cálculo dos ingresos da unidade familiar téñense en conta o número de compoñentes, así como os gastos de alugueiro ou hipoteca da vivenda. Para coñecer as cantidades resultantes a fórmula empregada é restarlle os gastos de aluguer ou hipoteca aos ingresos brutos e dividir entre o número de membros. Os ingresos anuais da unidade familiar non deben exceder os 400 euros mensuais de renda per cápita, e ademais tomaranse en consideración outros factores como a idade, ordandade, desemprego ou incapacidade recoñecida do cabeza de familia, ter a condición de familias numerosa ou familias cuxo sustentador principal sexa viúvo, solteiro, divorciado, ou separado legalmente ou de feito e outros condicionantes psicosociais. Esta documentación deberá ser entregada como prazo máximo ata o 16 de setembro aínda que para solventar calquer tipo de dúbida é posible achegarse ás dependencias da concellería de Servizos Sociais.