13/8/14

Un servizo Wi-fi e a atención do Punto de Información Turística completan, nestas semanas, os servizos de ocio ofertados polo Concello no lago de As Pontes

Durante estas semanas de verán, nas que a calor e o sol estiveron máis ou menos presentes, moitos foron os veciños e veciñas, ademáis de visitantes que decidiron pasar as súas xornadas de descanso desfrutando do lago de As Pontes. Á boa temperatura das súas augas, a tranquilidade que se respira neste entorno ou a proximidade deste areal de auga doce sumouse tamén nestas semanas un novo aliciente e é que, ademáis dos servizos de cafetería ou aseos, a praia do lago tamén conta dende principios do mes de agosto cunha rede WI-FI, á que os visitantes do lago se poden conectar gratuitamente durante as súas horas de estadía neste emprazamento. A empresa local ICO Eume foi a encargada de realizar a instalación precisa para ofrecer un servizo do que ponteses e pontesas poderemos desfrutar ata finais do vindeiro mes de setembro. Así todos aqueles visitantes ou veciños que se acheguen ata o lago poderán non só navegar polas augas do Eume senón tamén pola rede de redes con tan só contar cun teléfono móbil, unha tableta ou un ordenador portátil.Todo un punto a favor para ou ben consultar o tempo, levar o traballo a un espazo máis agradable e ao aire libre como é a praia do lago ou desfrutar nas redes sociais participando, mediante Internet, en diferentes xogos on line. O servizo, posto en marcha mediante a concellería de Turismo , complétase coa asistencia e atención que tamén ata finais de setembro se ofrecerá no Punto de Información Turística co que o propio concello conta no principal acceso ao lago e que estará operativo de luns a venres entre as 16.00 e as 19.00 horas e xa nas fins de semana de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.

No hay comentarios: