12/8/14

O lago de As Pontes será escenario, na fin de semana, da Copa de España de Vela de clase Vaurien

Embarcacións de todo o país participarán nunha proba na que se agarda a presenza das campionas do mundo: Helena Pérez e Alejandra Suárez As Pontes, 12 de Agosto de 2014.- O lago de As Pontes acollerá dende o vindeiro xoves e ata o domingo unha nova competición deportiva. Trátase da Copa de España de vela, na modalidade Vaurien e que conta coa organización do Concello de As Pontes, o clube de Vela Fluvial de As Pontes e a propia federación galega desta modalidade deportiva. A proba contará con probas nas categorías absoluta, feminina, xuvenil e master e, entre os participantes, ademáis de membros do clube local, tamén se contará coa presenza das actuais campionas do mundo nesta modalidade: as viguesas Alejandra Suárez e Helena Pérez, integrantes do Real Club Náutico de Vigo e que, a principios de mes se adxudicaban o mundial na cidade italiana de Marina di Grosetto. Asemade, tamén estarán nestes días en As Pontes os subcampións do mundo en categoría xuvenil Tirso Cerqueira e Mario Pérez, tamén integrantes do Real Club Náutico de Vigo que loitarán na súa disciplina para facerse tamén con este desexado título nacional. O programa da competición arrincará o xoves coa recepción e rexistro dos competidores. Xa o xoves terán lugar as tres primeiras mangas dende ás 13.30 horas, horario no que tamén arrincará a competición os días 16 e 17. A entrega de premios está programada para a tarde do domingo, dende as 18.00 horas.

No hay comentarios: