26/8/14

Unha trintena de rapaces de Galicia e Portugal participan no programa de intercambio europeo Vive en As Pontes

• O alcalde de As Pontes e os edís de Servizos Sociais e Turismo deron hoxe a benvida a estes xoves que, durante os vindeiros días, analisarán a cultura empresarial, medio ambiental e emprendedora do municipio O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso; xunto cos edís de Servizos Sociais e Turismo, José Alén e Ana Pena, respectivamente, presidiron hoxe na Casa Dopeso a recepción oficial aos rapaces e rapazas que, durante os vindeiros días, estarán en As Pontes, ao abeiro do programa europeo Vía de Iniciativas Verdes de Emprego (VIVE). Un total de 24 rapaces e rapazas, de entre 16 e 30 anos, procedentes de diferentes concellos galegos e tamén de Portugal residirán nas dependencias de Vilarbó ata o vindeiro 1 de setembro e desenvolverán diferentes actividades, visitas e mesas de traballo dirixidas a coñecer a realidade empresarial, emprendedora , asociativa local e medio ambiental pontesa co obxectivo de poder desenvolver alternativas de futuro laboral semellantes no seu lugar de orixe. Un interesante programa, financiado polo Programa Europeo Erasmus + e co que colabora o Concello de As Pontes, xunto coas ong Ecos do Sur e Make it better. Precisamente, o alcalde pontés facía fincapé na gran relevancia deste programa que ten como escenario As Pontes, un concello que, malia ser industrial, endexamais esquenceu a aportación doutros sectores coma a gandeiría ou a agricultura en prol do desenvolvemento local. González Formoso subliñaba que, malia ser o maior productor enerxético do país, As Pontes tan só leva vivindo da industria algo máis de medio século e que sectores coma a gandeiría, o sector forestal ou a agricultura foron e serán tamén sectores básicos para o desenvolvemento laboral e económico local. De feito, o alcalde apuntaba que, a día de hoxe, en As Pontes hai 300 explotacións gandeiras pero que son unha importante fonte de emprego e riqueza á que, tal e como explicaba o edil, se está a sumar o turismo, mediante o lago e a praia de As Pontes e que, segundo González Formoso, deben dar lugar, a novas iniciativas verdes e medio ambientais xeradoras de emprego. Pola súa parte, dende o departamento de Servizos Sociais, o seu máximo responsable José Alén, daba conta da súa satisfacción porque As Pontes sexa sé dun proxecto europeo de semellante calado. Finalemtne, dende a ong Ecos do Sur, o seu presidente Pachi Hurtado agradecía o respaldo do concello pontés e aproveitaba a ocasión para dar conta da relevancia que pode ter esta iniciativa, ao servir para fomentar unha cultura emprendedora e por riba verde, e é que Vive busca tamén concienciar aos xoves a nivel medioambiental, aproveitando as expericiencias que coñecerán estes días a nivel asociativo para desenvolver iniciativas de futuro semellantes nos seus lugares de procedencia. Programa de actividades Esta mesma tarde, os participantes neste programa visitarán empresas locais coma Biomasa Forestal ou Blindaxe Sport, ademáis das instalacións do Centro de Dinamización Empresarial da asociación Seara. Asemade, nos vindeiros días tamén desenvolverán saídas naturais, con roitas de sendeirismo polas Fragas do Eume, xornadas de piragüismo e vela, cos clubes locais destas disciplinas e visitarán lugares coma a Casa do Mel de Goente ou o museo etnográfico de Monte Caxado. Asemade, os participantes contarán con Vilarbó como base de operacións xa que alí pernoctarán ata o 1 de setembro e ata desenvolverán diferentes mesas de traballo e debates sobre a cultura emprendedora local e sobre as alternativas de futuro das empresas que usan o medio ambiente como eixo das súas actividades. Por outra banda, durante este programa, tamén se formará aos participantes noutros campos da busca de emprego pero a nivel europeo, empregando recursos coma o currículo Europass ou o Certificado Youth Pass, que lles permitan dar a coñecer aos seus posibles contratadores a súa formación, experiencia e valía para unha posible oferta laboral.

Víctor Fernández proclamouse campión da I Cronoescalada ao monte da Carballeira organizada polo clube Terras do Eume

A impresionante paraxe natural da que podemos desfrutar a diario todos aqueles veciños e veciñas que residimos en as pontes tamén se transformou, nestas últimas semanas, en todo un atractivo deportivo. E é que as nosas fragas e paisaxes naturais serviron de perfecto escenario para a primeira cronoescalada ao monte da Carballeira. A cronoescalada estreábase como evento e tamén coma a primeira proba deportiva organizada polo clube local de BTT Terras do Eume e logrou reunir a case 40 xiareiros da bicicleta de montaña non só de As Pontes senón tamén de concellos limítrofes coma Ferrol, Narón, Vilalba ou Lugo. Foron algo máis de dous quilómetros e medio de percorrido, con saída do polideportivo da Fraga, e cun desnivel de 300 metros, o que puxo a proba a capacidade de sacrifízo dos ciclistas que afrontaron o reto. O naronés Victor Fernández Fernández foi o máis rápido en afrontar o reto cun tempo de 14 minutos e 57segundos. Os únicos que se achegaron foron os seus compañeiros de podium: Xavier Meizoso, de Carballo, con 16 minutos e 13 segundos e o vilalbés José Antonio Rouco cun tempo de16 minutos e 19 segundos. O primeiro pontés foi Marcos Fernández Bellas, que quedou cuarto da xeral cun tempo de 16 minutos e 56 segundos, A proba disputouse con tan bo clima metereolóxico como humano e ó bo tempo sumouse unha xornada de convivencia entre afeccionados á bicicleta de montaña, que salientaron a excepcional organización da cita, e desfrutaron dun día de confraternidade, no que os acompañaron os directivos do Clube Terras do eume e o concelleiro de Deportes, Carlos Castro.

Domingo Rojas e Manel Pena fanse coa victoria no IV Torneo de Padel Concello de As Pontes

As Pontes volveu ser sé, durante a pasada semana, dunha competición depotiva, neste caso do IV Torneo de Padel Concello de As Pontes, organizado polo clube de Padel As Pontes e no que participaron un total de 60 parellas, a inmensa maioría procedentes da nosa propia vila. Entre os días 20 e 24 de agosto, os xiareiros deste tipo de competicións puideron desfrutar de diferentes partidos nas categorías masculina, feminina e mixta onde se deron cita dende xa expertos nesta disciplina con xogadores que aínda están a comezar neste mundo. A competición contou con ata cinco categorías aínda que a maior participación se rexistrou nas competicións masculinas con 2ª, 3ª e 4ª categoría. Os grandes campións do torneo foron os ponteses Manel Pena e Domingo Rojas, que na final de 2ª masculina derrotaban á parella formada por Marcos Fernández e Dani Pena por 6-3 e 6-4. DOmingo Rojas foi o auténtico protagonista desta competición xa que tamén desputaba outras dúas finais, unha delas formando parella con Poty Leal, en 3ª masculina, Nesta ocasión, os ponteses remataban coma subcampións da categoría tras caer por 6-3 e 6-1 ante os irmáns David e Andrés Riveiro Pena. A final de cuarta masculina foi todo un derbi cunha parella do clube Padel Eume e outra do Clube de Pádel As Pontes. Finalmente, a victoria foi para os segundos, a parella formada por Borja Pena e Tomás Díaz, que derrotaron a Pity Bouza e David Cazás por 6-4 e 6-2. A final feminina estivo protagoniza pola ortegana Ana Franco e a somocina Sara Guerreiro que non podían coa parella integrada por Sandra Sedes e Angy Porras. As segundas foron as encargadas de levarse o encontro cun moi bo xogo, sólido e case sen erros aínda que o primeiro set estivo do máis igualado. Houbo que agardar ata o tie break para que Sandra Sedes e Angy Porras se puidesen facer coa victoria neste primeiro tempo. Xa coa reanudación do partido Sedes e Porras non deron oportunidade a Franco e Santalla e derrotábanas por un contundente 6-1. Sandra Sedes volvía repetir victoria na categoría mixta formando parella co pontés Esteban Díaz. Diante outra parella local: Poty Leal e Sandra Pajón, que caían na final por 6-1 e 6-0. Ademáis tamén houbo premios para os gañadores das diferentes categorías de consolación. Así, en 2ª masculina, Enrique López e Jesús Tembrás derrotaban na final a Santi Franco e Juan Carlos Portas por 6-1 e 7-6, namentras que en cuarta de consolación Dani Lourés e Antonio Prieto se impuxeron a Gaby Tembrás e Roi Otero por un dobre 6-1. Na categoría feminina, houbo tamén final pontesa coas parellas formadas por Vanesa Martinez e Obdulia García e Nuria Durán e Erika Caaveiro, final que se levaban estas últimas por 6-2 e 6-1. Pecharon a entrega de premios a categoría mixta de consolación onde novamente Domingo Rojas ocupaba o podium de gañador, neste caso, con Vanesa Martínez coma parella, tras impoñerse nunha dura final a Mónica Tojeiro e Rubén Darío Vivero por 6-2 e 7-6. Como colofón a estes cinco días de competición tocaba facer entrega duns merecidos premios e agasallos, acto que presidiu o edil de Xuventude, Jesús Tembrás e David Cazás, en representación do clube de padel As Pontes.

25/8/14

A Deputación da Coruña e o Concello de As Pontes rubrican un acordo que suporá unha inversión de 240.000 euros no municipio pontés

O Concello de As Pontes e a Deputación da Coruña rubricaron o pasado venres, diferentes convenios de colaboura entre ámbolos dous gobernos, que terán como obxectivo a realización de varias obras no municipio pontés. Así as cousas, segundo o acordo asinado polo alcalde pontés Valentín González Formoso e o presidente provincial Diego Calvo, a Deputación coruñesa destinará unha axuda de algo máis de 240.000 euros que terán como destino os traballos de reubicación do servizo de punto limpo de As Pontes e tamén a mellora da rúa Alexandre Bóveda. No tocante á nova situación do servizo de punto limpo, éste ubicarase no polígono industrial dos Airíos, obras que suporán unha inversión total de 170.000 euros. Neste caso, a deputación provincial aportará 136.000 euros, case o 80% do custo total destes traballos e que permitirá que os veciños e veciñas de as pontes sigan contando cun lugar no que depositar certo tipo de refugallos preto do casco urbano, deixando, polo tanto, xa libre, a zona que actualmente ocupan estas instalacións en pleno circuíto de karts. Con respecto aos traballos que se desenvolverán na rúa Alexandre Bóveda, éstas suporán unha inversión total de 134.000 euros e a Deputación aportará 105.000 euros deste orzamento. No tocante aos traballos a desenvolver, está previsto que consistan na demolición e levantamento do asfaltado actual para colocar un novo adoquín prefabricado; as beirarrúas contarán con baldosas de formigón e tamén se incluirá neste proxecto a instalación dun novo sistema de sumidoiros e novos puntos de luz, acordes co actual aspecto que presentan as rúas colindantes.

19/8/14

Medio cento de parellas déronse cita no II Open de Volei Praia de As Pontes, puntuable para o Circuíto do Barbanza desta modalidade

Máis dun cento de xogadores e xogadoras visitaron, esta pasada ponte, a nosa vila coa fin de tomar parte na segunda edición do Open de Volei Praia de As Pontes, a segunda das probas puntuables para o Circuíto de Barbanza de Volei Praia e que aterraba xa o pasado verán na nosa vila da man do departamento municipal de Xuventude. Durante dous días, 51 parellas e 102 xogadores tomaron parte na competición tanto senior coma infantil dando lugar a dúas xornadas que xeraron un gran atractivo turístico, o que fixo que moitos veciños e visitantes de concellos tanto da contorna coma máis alonxados decidisen desfrutar deste festivo de agosto en terras pontesas. Na xornada do venres tiveron lugar os primeiros encontros para as categorías dos máis novos, con competición tanto masculina coma feminina para menores de 17 anos. Un total de 18 parellas tomaron parte nesta competición infantil que se adxudicaban, tanto en categoría masculina coma feminina, dúas parellas do Barraña Volei Praia. Así a victoria na categoría infantil masculina foi para Rubén Martínez e Dani Oliveira e xa na feminina a victoria era para Lea Gatbache e Emma Ordóñez, ésta última gran xogadora a nivel nacional e integrante do combinado nacional de volei en pista. Segundos na categoría masculina infantil foron Darío Outeiral e Christofer Rodríguez, tamén do Barraña Volei Praia, namentras que Alejandra Moledo e Paula Lorenzo, tamén do clube Barraña Volei Praia, facíanse co segundo lugar no pódium feminino infantil. Xa para o sábado se deixaba o máis atractivo da competición coas eliminatorias en categoría senior e nas que tivemos un total de 33 parellas con xogadores de gran nivel nacional. De feito, non houbo sorpresas e Abel Bernal e Fernando Román, integrantes do circuito máis importante de volei Praia do país; o Madison Beach Voley Tour, adxudicábanse a victoria neste torneo ao impoñerse, en dous sets e sen moitas complicacións a Pablo Parga e Hernán Tovar, do Volei Praia Vigo. Terceira foi a parella formada por Cristóbal Álvarez e Diego Pérez do Volei Praia de Vigo. No tocante á categoría absoluta feminina, a victoria tamén en dous sets foi para a parella do Barraña Volei Praia integrada por Rebeca González e María Triñanes que derrotaron a Nuria Bouza e Luci Paz, do Volei Praia Lugo e Volei Praia Vigo, respectivamente. O bronce gañábano Rebeca Hernández e Ania González do Volei Praia Vigo, trofeos que foron entregados na tardiña do sábado por parte do edil de Xuventude, Jesús Tembrás, responsable do departamento municipal que un ano máis trouxo esta interesante e atractiva competición a terras pontesas, e máis nunha fin de semana na que a proba de As Pontes coincidía coa celebración da última das probas do Circuíto Galego de Volei Praia de Redondela e onde se inscribiron 14 parellas na categoría absoluta, 19 combinados menos que os que nesta pasada fin de semana se daban cita en As Pontes o que volve demostrar, un ano máis, que esta proba gaña en adeptos e xiareiros e que xa está máis que afianzada no verán pontés.

Nacho Campos e Gonzalo Martínez adxudícanse, no lago de As Pontes, a Copa de España de Vela Vaurien

A tripulación do Flota Vaurien Galicia e Clube Náutico Canido formada por Nacho Campos e Gonzalo Martínez adxudicouse a Copa de España de Vela en categoría Vaurien, competición que, durante esta pasada ponte, ateigou de regatistas e xiareiros deste deporte as dependencias do lago de As Pontes. A cita, organizada polo Clube de Vela Fluvial de As Pontes, arrincaba na xornada do venres cunhas boas condicións meteorolóxicas que permitiron a desputa da proba na que se deron cita unha trintena de embarcacións procedentes de toda Galicia, Extremadura, País Vasco, Castela e León e ata do veciño país de Portugal e, por suposto, non podía faltar a presenza pontesa con ata cinco barcos en representación do clube organizador e incluso das actuais campionas do mundo en categoría feminina: as viguesas Helena Pérez e Alejandra Suárez que, malia non competir xuntas, sí que ocuparon un lugar no pódium en cadansúa categoría. O sábado e mailo domingo tamén estaba prevista a desputa doutras dúas xornadas con outras tres mangas por día pero, malia que o sábado os ventos sí acompañaron e permitiron que os regatistas demostrasen a súa pericia nestes barcos de vela lixeira, na xornada do domingo non foi posible dar a saída de ningunha das tres mangas programadas pola falla dunhas condicións mínimas de vento para o desenvolvemento da proba, polo que, contra das catro da tarde as diferentes tripulacións emprenderon camiño de regreso ao areal pontés sen poder competir. Así as cousas, cos resultados obtidos durante as xornadas do venres e máis do sábado, ademáis de Nacho Campos e Gonzalo Martínez, tamén se subiron ao pódium a parella formada por Alejandra Súarez e Andrés Vieites do Clube Náutico de Vigo, que se fixeron co segundo lugar na categoría absoluta; e Pablo Cabello e Javier Lago, tamén do Náutico de Vigo e que remataban no terceiro posto na xeneral. No tocante á competición feminina, o trunfo foi para as regatistas Irene Bastón e Helena Pérez do Clube Náutico de Vigo, seguidas de Natalia Barros e Paloma Fole, do Royal Club de Combarro, e de Silvia Chamoso e Rosalía Paredes, do Marítimo de Rodeira. O título xuvenil foi para a embarcación tripulada por Alberto Viejo e Miguel Gómez, do Náutico de Vigo; segundas foron Paula González e Miriam González do Náutico de Vigo e pechaban o podium Natalia Barros e Paloma Fole, do Royal Club de Combarro. En canto á representación pontesa, os mellores clasificados foron Roi García e Chucho Suárez que remataron oitavos; Miguel Ferreiro e Luis Pita remataban no posto 21 da clasificación; José Guerreiro e Manuel Suárez eran 25º, Ana Dopico e Jacqueline Cruz 26ªs e Marta Vilasuso e Manuel Bermúdez pechaban a clasificación no 28º lugar. A entrega de trofeos estivo presidida polo alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e tamén se contou coa presenza do presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; e de Vaurien España, Ángel Puente.

14/8/14

A Unión Musical de Cobisa ofrecerá nas Pontes o vindeiro día 19 un concerto gratuíto

O martes da vindeira semana As Pontes volverá vestirse de festa, nesta ocasión, para acoller o concerto da banda toledana Unión Musical de Cobisa que visitará a nosa vila para ofrecer un concerto de caracter totalmente gratuíto. O recital terá como escenario os Xardíns do Campo da Feira, o vindeiro día 19, ás 20.00 horas aínda que se o tempo non acompaña o concerto será trasladado ata o escenario do salón de actos da Casa Dopeso. Este concerto de verán, que contará con entrada totalmente libre, incluirá pezas de Sheffer, Erikson, Gustavo Freire ou Gilkinson, todo isto baixo a dirección do gran mestre Cereal Montealegre Sánchez.

13/8/14

Un servizo Wi-fi e a atención do Punto de Información Turística completan, nestas semanas, os servizos de ocio ofertados polo Concello no lago de As Pontes

Durante estas semanas de verán, nas que a calor e o sol estiveron máis ou menos presentes, moitos foron os veciños e veciñas, ademáis de visitantes que decidiron pasar as súas xornadas de descanso desfrutando do lago de As Pontes. Á boa temperatura das súas augas, a tranquilidade que se respira neste entorno ou a proximidade deste areal de auga doce sumouse tamén nestas semanas un novo aliciente e é que, ademáis dos servizos de cafetería ou aseos, a praia do lago tamén conta dende principios do mes de agosto cunha rede WI-FI, á que os visitantes do lago se poden conectar gratuitamente durante as súas horas de estadía neste emprazamento. A empresa local ICO Eume foi a encargada de realizar a instalación precisa para ofrecer un servizo do que ponteses e pontesas poderemos desfrutar ata finais do vindeiro mes de setembro. Así todos aqueles visitantes ou veciños que se acheguen ata o lago poderán non só navegar polas augas do Eume senón tamén pola rede de redes con tan só contar cun teléfono móbil, unha tableta ou un ordenador portátil.Todo un punto a favor para ou ben consultar o tempo, levar o traballo a un espazo máis agradable e ao aire libre como é a praia do lago ou desfrutar nas redes sociais participando, mediante Internet, en diferentes xogos on line. O servizo, posto en marcha mediante a concellería de Turismo , complétase coa asistencia e atención que tamén ata finais de setembro se ofrecerá no Punto de Información Turística co que o propio concello conta no principal acceso ao lago e que estará operativo de luns a venres entre as 16.00 e as 19.00 horas e xa nas fins de semana de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.

12/8/14

O lago de As Pontes será escenario, na fin de semana, da Copa de España de Vela de clase Vaurien

Embarcacións de todo o país participarán nunha proba na que se agarda a presenza das campionas do mundo: Helena Pérez e Alejandra Suárez As Pontes, 12 de Agosto de 2014.- O lago de As Pontes acollerá dende o vindeiro xoves e ata o domingo unha nova competición deportiva. Trátase da Copa de España de vela, na modalidade Vaurien e que conta coa organización do Concello de As Pontes, o clube de Vela Fluvial de As Pontes e a propia federación galega desta modalidade deportiva. A proba contará con probas nas categorías absoluta, feminina, xuvenil e master e, entre os participantes, ademáis de membros do clube local, tamén se contará coa presenza das actuais campionas do mundo nesta modalidade: as viguesas Alejandra Suárez e Helena Pérez, integrantes do Real Club Náutico de Vigo e que, a principios de mes se adxudicaban o mundial na cidade italiana de Marina di Grosetto. Asemade, tamén estarán nestes días en As Pontes os subcampións do mundo en categoría xuvenil Tirso Cerqueira e Mario Pérez, tamén integrantes do Real Club Náutico de Vigo que loitarán na súa disciplina para facerse tamén con este desexado título nacional. O programa da competición arrincará o xoves coa recepción e rexistro dos competidores. Xa o xoves terán lugar as tres primeiras mangas dende ás 13.30 horas, horario no que tamén arrincará a competición os días 16 e 17. A entrega de premios está programada para a tarde do domingo, dende as 18.00 horas.

A praia do lago de As Pontes acolle esta fin de semana a II edición do Open As Pontes de Voley Praia

A proba, que forma parte da XIV edición do Circuíto do Barbanza, conta co patrocinio da concellería de Xuventude e incluirán tanto partidos en categoría cadete coma senior As Pontes, 12 de Agosto de 2014.- As Pontes volverá albergar unha proba tan típica do verán como é unha competición de voley praia e é que, por segundo ano consecutivo, o areal do lago da nosa vila será sé dunha das catro competicións que se incluen este ano no Circuíto do Barbanza de Voley Praia. O departamento municipal de Xuventude, que dirixe Jesús Tembrás, volve respaldar esta cita deportiva que se desputará esta mesma fin de semana, os días 15 e 16 de agosto, na praia do lago e onde será posible desfrutar de encontros tanto na categoría masculina coma na feminina para adultos e tamén para xogadores menores de 17 anos de idade. De feito, na xornada do venres día 15 terán lugar os encontros das categorías sub 15 e sub 17 e as primeiras eliminatorias do torneo senior e xa para o sábado 16 celebraranse o resto de eliminatorias e finais nas categorías absolutas. As Pontes toma así o relevo de Boiro, primeiro concello en albergar a XIV edición deste circuíto do Barbanza e que tamén pasará polas praias de Cabío na Pobra do Caramiñal, xa na fin de semana do 23 e 24 de agosto, para rematar novamente en Boiro o 30 de agosto, cun torneo de pais e fillos.

6/8/14

O CONCELLO DE AS PONTES SELECCIONA UN/UNHA AXENTE DA TECNOLOXÍA DA INFORMACIÓN E DA COMUNICACIÓN. ATA O MARTES DA SEMANA QUE VÉN ESTARÁ ABERTO O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES NO REXISTRO XERAL DO CONCELLO.

O Concello de As Pontes vén de facer públicas as bases que rexerán a selección, por concurso-oposición, dun ou dunha axente TIC para a aula CEMIT da Casa Dopeso e por un período de 4 meses, ata o 31 de Decembro de 2014. Para tomar parte no proceso selectivo é imprescindible posuír a titulación de técnico superior en informática ou equivalente específico. Tamén se considerarán como titulacións de acceso as enxeñerías en dita rama de coñecemento. As solicitudes teranse que presentar no rexistro xeral do Concello ata o martes da semana que vén. Xunto coa solicitude, os aspirantes deberán presentar a documentación acreditativa dos méritos que aleguen, ben sexan cursos, cursiños, e experiencia laboral. Terán que ser documentos orixinais ou ben copia compulsada e virán acompañados dunha enumeración dos méritos que se aleguen. As bases íntegras desta convocatoria están publicadas na páxina web do Concello www.aspontes.com e tamén poden consultarse no Departamento de Emprego do propio Concello.