23/7/14

O Concello de As Pontes acollerá a finais de agosto a unha vintena de participantes do programa europeo Vive

A concellería de Servizos Sociais cederá o espazo natural de Vilarbó coma aloxamento para estes xoves galegos e portugueses que visitarán As Pontes para coñecer a súa cultura empresarial e asociativa. O Concello de As Pontes albergará este verán o programa europeo Vía de Iniciativas Verdes de Emprego (VIVE), unha iniciativa financiado polo Programa Europeo Erasmus + e que permitirá que, ao longo de oito días, unha vintena de xoves procedentes de toda España e de Portugal participen en diferentes visitas a empresas e asociacións ubicadas no municipio, co obxectivo de visualizalas e analizalas, dende un punto de vista laboral. O departamento municipal de Servizos Sociais será o encargado de dirixir a estadía destes xoves en As Pontes que se hospedarán nos bungalóws habilitados no campamento de Vilarbó en agosto, e é que á marxe da orientación e análise laboral, VIVE tamén pretende traballar no ámbito da concienciación ambiental dos seus beneficiarios, de ahí que o entorno de Vilarbó se postule coma un escenario perfecto para desenvolver este tipo de programas. Asemade, os participantes contarán nestes campamentos coa axuda e atención dos monitores da Escola de Tempo Libre Néboa, xa responsables da xestión das acampadas municipais que cada mes de xullo se desenvolven nesta zona. Segundo explicou o edil do ramo, José Alén, o programa VIVE pertimitirá aos seus beneficiarios coñecer emprededores locais, pequenas e medianas empresas da zona, entidades culturais e deportivas e asociacións do máis diversas, xunto coas súas actividades habituais. Todo isto, segundo apuntou o concelleiro, servirá para que, posteriormente, os asistentes a este programa elaboren unha análise sobre as mesmas e ata realicen experiencias simuladas semellantes , posibles de levar a cabo nas súas localidades de procedencia. E é que, segundo recalcou José Alén, VIVE busca xerar oportunidades de futuro laboral para os máis novos ao tempo que se impulsa o medio ambiente. Por outra banda, o concelleiro deu conta do importante papel da organización non gubernamental Ecos do Sur, que se encargou de achegar esta iniciativa ao cabildo pontés e que, segundo apuntou o edil, non podían deixar pasar dende o executivo local, ante a gran oportunidade que supón para os xoves que están a buscar o seu lugar no mercado laboral. Os participantes neste programa deberán traballar en grupo para poder buscar unha saída profesional, empregando como exemplo o que verán e aprenderán ao longo da semana que pasarán en As Pontes. Asemade, durante este programa, tamén se formará aos participantes noutros campos da busca de emprego pero a nivel europeo, empregando recursos coma o currículo Europass ou o Certificado Youth Pass, que lles permitan dar a coñecer aos seus posibles contratadores a súa formación, experiencia e valía para unha posible oferta laboral. Un total de 24 rapaces de entre 16 e 30 anos de idade, procedentes de toda España e Portugal poderán participar nesta interesante iniciativa de intercambio, que se desenvolverá en As Pontes entre o 25 de agosto e o 1 de setembro. De feito, ata o vindeiro 15 de agosto permanecerá aberto o prazo de inscrición para sumarse a este programa europeo, sendo necesario contar co 981 150 118 ou ben acceder á web www.ecosdosur.org. Finalmente, José Alén animou a todos os xoves tanto de As Pontes coma dos concellos da contorna a sumarse a este programa que, ao seu xuízo, significa unha moi boa oportunidade para adentrarse en diferentes ámbitos laborais e, ao mesmo tempo, compartir con xoves doutro país como é Portugal, coñecementos e experiencias.

No hay comentarios: