8/7/14

O centro cultural do Hexágono abre as súas portas para albergar a unha ducia de asociacións pontesas

O Concello de As Pontes ven de abrir ó uso público o hexágono, o popular inmoble ubicado en plena Fraga que foi sometido a un dilatado proceso de redistribución e adecuación para novos usos. Este edificio situado nas marxes do río Eume, súmase á oferta que dinamizará definitivamente esta zona, co parque do Eume, o paseo fluvial, o local do polbo, e o muíño de Prieto. O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, foi o encargado de presidir esta apertura na que tamén se contou coa Delegada da Xunta na provincia, Belén Docampo, e foi el quen se encargou de facer unha entrega simbólica de chaves aos que serán os novos usuarios deste complexo. Pola súa parte, Belén Docampo apuntaba, na súa intervención, que tras anos de traballo en conxunto, este novo centro social e cultural supón para os ponteses e pontesas un novo espazo de reunión e de realización de actividades, algo que non sería posible sen o entendemento entre a administración autonómica e a local e a colaboración institucional. Para a recuperación que derivará nestes novos usos foi preciso un investimento total de case oitocentos mil euros nestes últimos anos, e con ata sete precedencias distintas, dende todas as administracións, local, autonómica, e estatal. O hexágono, xa aberto ó uso da poboación, conta con aulas e oficinas que serán destinadas ás actividades desenvolvidas por varias das entidades pontesas, así como locais de ensaio e gravación para os grupos musicais que os precisen. Canto á especifidade dos locais de ensaio, estase a traballar na elaboración dunha normativa para o seu uso, mentres dende o eido legal se agarda tamén a contar coa adecuación ás normativas de bruidos para culminar a dotación de medios precisa. A nova oferta dun espazo público albergará a entidades deportivas coma o C. A. Olympo, culturais como Alende, ou profesionais como a Asociación de Empresarios, e artesanais como Artesáns do Eume. En total son ata once as asociacións que contan cos seus locais no novo edificio municipal, e o propio alcalde, Valentín González, asinaba con cada unha os convenios de cesión que lles outorgan o seu uso, facéndose cargo cada agrupación dos gastos de mantemento xeral de cada un deles. Estes locais cumprirán o papel de sés, oficinas, obradoiros, salas de reunión ou de exposición, o que cadra co obxectivo de usos múltiples que se quería dar dende o goberno municipal á nova infraestrutura. Posibilidades de uso que se van ver incrementadas co aproveitamento do patio cuberto de 260 metros cadrados co que se conta entre os diferentes locais no centro mesmo do hexágono Dende o Concello incídese na liña xa observada noutros casos de ampliar os equipamentos para uso social apostando por ofrecer unha nova vida ás instalacións públicas de xeito que cumpran o cometido de dar cobertura ás necesidades veciñais As asociacións e colectivos sen ánimo de lucro da nosa vila que están xa instaladas no hexágono teñen agora onde reunirse e levar a cabo o seu labor abríndoas ademais para o uso duns veciños e veciñas que ó mesmo tempo se implican directamente na súa conservación e coidado. Logo dunha década de deterioro do inmoble, e despois dun longo período de abandono, a estrutura levantada foi redistribuída para dar un servizo que permita ser util tanto para os que alí vaian desenvolver os seus labores como para os que queiran visitar e aproveitar as instalacións. Dun edificio de propiedade municipal que estaba pechado e sen darlle uso algún, pásase a un novo espazo rehabilitado e acondicionado para o uso dos veciños e que servirá para a realización de distintas actividades lúdicas e formativas, que xa ofertarán de contado os diferentes colectivos alí ubicados.

No hay comentarios: