2/7/14

IDEA AS PONTES PRESENTOU ONTE AS DEMANDAS XERAIS DA CIDADANÍA PONTESA EN MATERIA DE ORDENACIÓN URBANÍSTICA

O departamento municipal de Urbanismo do Concello de As Pontes deu a coñecer onte os resultados do proceso de participación cidadá Idea As Pontes, unha iniciativa que, mediante diferentes ferramentas coma os obradoiros, as enquisas online ou as comisións de traballo buscou nestes últimos 12 meses a participación e implicación de todos os vecinos e veciñas de As Pontes na elaboración do Plan Xeral de Ordenación Municipal. O edil de Urbanismo, Antonio Alonso, foi o encargado de encabezar este acto no que participaron máis de medio cento de veciños, entre eles representantes do tecido asociativo local e ata político, coma os concelleiros de Industria, Xuventude ou Persoal. A Casa Dopeso foi o escenario escollido para un acto público que, unha vez máis, e en verbas do propio edil de Urbanismo, pretendía servir para mantera á cidadanía ao tanto de todo o que se leva feito con respecto á futura normativa urbanística municipal. Neste senso, Alonso volvía facer especial fincapé na participación dos veciños e veciñas á hora de elaborar un documento que sexa útil, que garanta a calidade de vida dos ponteses e pontesas e no que se reflictan as súas opinións, demandas e necesidades. E é que Idea As Pontes, mediante os seus obradoiros participativos, visitas ao rural, reunións, buzón de suxerencias ou á participación on line, é un proxecto novidoso en toda Galicia e que, a día de hoxe, tan só se rexistrou en As Pontes, permitindo que a sociedade civil se involucrase, como principal afectada, á hora de crear unas normas urbanísticas que solventen as necesidades de veciños tanto do entorno urbano coma do rural. O concelleiro de Urbanismo contou, neste acto, co apoio do equipo técnico encargado da execución do proxecto, cunha ampla experiencia en planificación urbanística e participación cidadá e que deu conta das ferramentas empregadas durante este ano de traballo. Así, nestes doce meses desenvolvéronse once obradoiros participativos tanto en puntos do casco urbano coma do rural, contouse coa opinión e traballo de 170 veciños e veciñas, desenvolvéronse trece comisións de seguemento e asembleas urbanísticas coa participación de 280 asistentes e ata se logrou recabar a opinión de 300 veciños e veciñas de As Pontes mediante enquisas on-line. Asemade, tamén se organizaron visitas ao rural na compaña de veciños coñecedores de parroquias e barrios para afondar máis no territorio pontés. Todo este traballo deu lugar a unha serie de conclusións e que, nas zonas do casco urbano, se poden resumir nunha demanda de mellora de equipamentos, espazos públicos, zonas verdes e movilidade. Xa no rural as conclusións xerais, segundo os datos destes obradoiros e enquisas, deixannos que os cidadáns apostan por unha mellora da mobilidade e accesibilidade; dos servizos urbanos e infraestructuras; actuacións en espazos públicos e equipamentos e recuperación e revalorización do patrimonio e dos recursos do territorio para fixar poboación. Estas conclusións poderán ser consultadas polos veciños e veciñas nunha ducia de paneis informativos que quedarán instalados nestes días no soto da Casa Dopeso para que sexan os propios ponteses e pontesas os que analicen e vexan como se introducirán as súas demandas e necesidades no futuro documento técnico do plan xeral de ordenación municipal e que, segundo apuntou o concelleiro Antonio Alonso, podería estar listo nun ano. Asemade, tamén mediante a web Idea As Pontes, será posible consultar estas conclusións e paneis e continuar a aportar suxerencias e comentarios, no apartado adicado a tal fin e que tamén se atopa na web www.ideaaspontes.com

No hay comentarios: