7/7/14

A Concellería de Xuventude abre as portas dunha nova edición de Mundoxogo nas dependencias do colexio Monte Caxado

Ata o 24 de xullo, entre as 10.00 e as 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, será posible que pequenos e pequenas desfruten de xogos do máis variados e dun xeito totalmente gratuíto. O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Xuventude, puxo hoxe mesmo en marcha unha nova edición do programa de ocio infantil Mundoxogo que permitirá a pequenos e pequenas ponteses desfrutar das mañás e tardes do mes xullo a traverso de diferentes opcións lúdicas, xogos de todo tipo e competicións de xogos de mesa, videoxogos, xogos de construcción ou circuítos deportivos. Como novidade, Mundoxogo cambia de escenario ao pasar da sala de exposicións do Mercado Vello a un novo espazo máis amplo como é o polideportivo do C.P.I Monte Caxado e as súas pistas colindantes, onde dende esta mañá xa se están a desenvolver xogos de foamball, scalextric, circuítos de bicicletas, obradoiros de cociña, manualidades e pintura e ata mesas temáticas de Playmobil, con princesas, vaqueiros, piratas, barcos teledixidos e indios. O coidado e dirección deste programa e dos seus participantes é cousa, unha vez máis, dos monitores da empresa local de ocio infantil Picariños, que se encargan de guiar aos máis novos e axudarlles á hora de participar en cada un dos obradoiros. Asemade, tamén os monitores tomarán boa nota dos mellores rexistros, puntuación ou resultados en cada unha das competicións xa que, ao remate de Mundoxogo premiarase aos que obtivesen os primeiros postos en todas e cada unha das competicións que se desenvolvan nestes días. Mundoxogo manterá abertas as súas portas ata o 24 de xullo en horario de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 todos os días da semana e, coma sempre a entrada será totalmente gratuíta. Finalmente, dende a concellería de Xuventude, o seu edil Jesús Tembrás animaba a todos os nenos e nenas ponteses a desfrutar desta nova edición dun programa que xa se está a converter en todo un referente dos períodos de vacacións dos máis pequenos e que, en cada convocatoria, logra reunir a ducias de nenos e nenas de todas as idades.

No hay comentarios: