30/6/14

AS ESCOLAS DE BAILE MODERNO, FLAMENCO E CLÁSICO PECHAN O CURSO CON TRES FESTIVAIS ADICADO AOS VIDEOCLIPS E NOS QUE O ALOVI VOLVÍA QUEDAR PEQUENO

Novo éxito das escolas de baile moderno, flamenco e danza clásica que patrocina o departamento municipal de Cultura e é que, novamente, os tres pases deseñados para amosar o espectáculo ideado polos mestres Jaime Pablo Díaz e Iria Tato quedaban escasos ante a gran afluencia de público que tanto o venres coma o sábado quixeron desfrutar deste musical que, unha vez máis, serviu para despedir o curso 2013-2014. O auditorio municipal Alovi volvía pendurar o cartel de non hai localidades nestas tres montaxes nas que participaron 180 alumnos e alumnas que, durante estes meses, ensaiaron duro para crear unha serie de coreografías e montaxes nas que neste ano se decidiu homenaxear ao mundo dos videoclips. Así , para a tarde do venres, eran os menores de 12 anso os encargados de protagonizar diferentes coreografías ao son de Madona, Katy Perry ou Duft Punk e ata cancións de percusión con vasoiras ou cubos coma instrumentos. 60 nenos e nenas foron os encargados de deixar prendado a un público que, dende o primeiro minuto, se deixou levar por esta viaxe ao redor de temas musicais ben coñecidos e na que tamén houbo momentos para o humor e é que, neste festival, houbo dúas señoras “ infiltradas” que ata interromperon algunha que outra vez o espectáculo cos seus comentarios pero que, por suposto, sacaron o soriso de todos os presentes. Isla Bonita, Empire State of Mind ou California Girls foron algunhas das bandas sonoras que se utilizaron para dar vida a complicados pases e movementos e que se mesturaron con retrousos tan coñecidos coma o da Lazy Song de Bruno Mars, o Can´t get out of my head, de Kylie Minogue, ou os sons electrónicos de Duft Punk e o seu Get Lucky xunto co rap de Macklemore e Ryan Lewis. Xa para o sábado quedaba a sesión adulta, cos 120 bailaríns e bailarinas que tamén baixo as ordes de Jaime Pablo Díaz e Iria Tato, deron vida a unha segunda parte deste espectáculo e no que tamén se cumpriron todas as expectativas. En dous pases, nos que novamente o Alovi, se encheu ata a bandeira, foi posible desfrutar dunha macromontaxe musical ateigada de pezas do máis coñecidas da música actual, con pasos de escándalo, vestiarios do máis elaborados e que se iniciaba dan man das alumnas de baile clásico e flamenco que escolleron temas de Rihanna, Birdy e ata pezas populares coma Verde que te quiero verde ou o Vengo de Los Cherokee para as súas respectivas coreografías. O seu relevo foi para as rapazas de baile moderno con éxitos de Beyoncé , Lmfao, Jason Derulo ou Janette Monae aínda que tamén foi posible desfrutar das rapazas de nivel avanzado que, para esta fin de curso, se decantaron polo Blurred Lines de Robin Thicke, no que demostraron que nada teñen que envexar a eses corpos de baile que acompañan ás grandes estrelas da canción. E coma fin de festa tocaba tararear e desfrutar dos compases do Happy de Pharrell Williams, pero nesta ocasión mediante a proxección dun vídeo musical made in As Pontes, protagonizado polos alumnos e alumnas das escolas de baile e tamén por algúns veciños e veciñas de As Pontes; un videoclip rodado nestas últimas semanas e que servirá para promocionar estas escolas máis aló das fronteiras pontesas e para demostrar que na nosa vila hai moito ritmo e aínda máis diversión.

No hay comentarios: