30/6/14

A CONCELLERÍA DE URBANISMO FAI BALANZO DA PARTICIPACIÓN CIDADÁ NO PROXECTO DO PXOM

O departamento municipal de Urbanismo presentará mañá nun acto público os resultados do programa Idea As Pontes, dirixido a recabar opinións e suxerencias dos veciños e veciñas de as pontes sobre o futuro plantexamento urbanístico do municipio. Será o propio responsable do departamento de Urbanismo, Antonio Alonso, o responsable de dar a coñecer as conclusións extraídas dos diferentes obradoiros e encontros mantidos coa veciñanza de todos os barrios, rúas e parroquias pontesas nunha exposición pública na que tamén participarán os técnicos de Ideaaspontes, responsables da celebración destas reunións. A Casa DOpeso acollerá dende as 7 da tarde este acto aberto a toda a veciñanza e no que se presentarán tamén paneis informativos coas conclusións dos obradoiros levados a cabo en barrios e parroquias, información que tamén poderá ser consultada por quen así o desexe na propia web de ideaaspontes. Outro dos obxectivos deste encontro é informar á cidadanía acerca do seu territorio e dos avances con respecto ao plan xeral de ordenación municipal continuando, deste xeito,coa política de involucrar aos veciños e veciñas no proceso de ordenación do territorio. Asemade, tamén se presentará un resumo de toda a información obtida nos obradoiros veciñais, devolvendo ás personas asistentes a análise das súas aportacións, coas que se enriqueceu notablemente o documento técnico. Tal e como apuntabamos esta presentación terá lugar ás 7 da tarde, no salón de actos da casa dopeso e a entrada será totalmente libre.

ABERTOS OS PRAZOS PARA OPTAR A NOVAS PRAZAS QUE OFERTA O CONCELLO PARA O VERÁN

Dende mañá estará aberto o prazo para anotarse nos exames que vai desenvolver o concello para a contratación de tres operarios conductores de motobomba. Haberá unha fase de concurso e posteriormente unha proba práctica sobre o manexo da motobomba. Serán as puntuacións obtidas nas dúas fases xunto coa de coñecemento do galego as que determinen os aspirantes escollidos. O mesmo prazo, ata o venres, é o que se ten para solicitar optar á praza de socorrista por tres meses. Neste caso o exame constará dunha proba práctica eliminatoria que terá como contido 300 metros de nado libre, cun tempo máximo a empregar de 8 minutos; 50 metros de nado libre con material auxiliar, máis 50 metros con remolque de compañeiro. Neste caso o tempo máximo a empregar xa son 3 minutos e 30 segundos. Serán eliminados os aspirantes que non culminen a proba no tempo establecido, cunha puntuación total máxima da proba de 20 puntos, en función do tempo empregado. Para optar a calquera das dúas ofertas, os requisitos son os habituais: Ser de nacionalidade española ou dun estado membro da Unión Europea, e ter cumpridos xa os 16 anos de idade. Non padecer enfermidade ou eiva física que impida o normal exercicio da función, non estar incurso en causa de incapacidade ou incompatibilidade que determine a lexislación vixente, e non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servicio do Estado, Comunidade Autónoma ou Administración Local, nin atoparse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas. Xa dun xeito particular, para as prazas de conductor hai que estar en posesión do carnet de conducir clase C, e para a de socorrista hai que ter a titulación oficial de socorrista. As solicitudes, ás que se achegará a documentación xustificativa dos méritos que se valoran na convocatoria , será dirixida ao Rexistro Xeral do Concello ata o venres. Logo, unha vez cumprido este trámite convocaranse xa as probas pertinentes.

ÉXITO DA I EDICIÓN DA CITA COA HISTORIA

A asociación Lembranza da Vila, o Grupo Taranis e o concello,e a plataforma na defensa do patrimonio, que impulsaron a iniciativa da nova oferta festiva desta fin de semana, a Cita coa Historia, fan un balanzo moi positivo desta primeira edición que soubo sobrepoñerse á climatoloxía. A chuvia, que fixo aparicións puntuais, non impedíu a masiva participación de veciños e visitantes que se sumaron a esta iniciativa que serviu para dinamizar o casco histórico e por extensión a localidade nestes tres días.. Cumprironse sobradamente as expectativas suscitadas, tanto en número de visitantes como na participación nos multiples e diversos eventos programados. O venres a asistencia de público prometía un masivo seguemento, pero xusto pouco denantes do pregón comezou a arreciar a chuvia deslucindo a intervención do pregoeiro César Candelas, que estivo arroupado polo alcalde, Valentín González, e e os representantes do Comité organizador. Pola noite, logo de escampar, volvía congregarse moita xentepara disfrutar dos postos de restauración. O sábado a afluencia foise incrementando a medida que avanzaba a xornada para finalizar cunha masiva presenza na noite que acabou por manter o ambiente festivo ata ben entrada a madrugada. E xa o domingo foi o día grande, e a presenza foi masiva en todas as actividades organizadas, e co maior protagonismo para a espectacular posta en escena dos desfiles, combates e tamborradas da garda pretoriana romana. Ó longo dos tres días os obradoiros, os concertos, as exhibicións de cetrería e as dramatizacións ó vivo concitaron o interese da xente que demostrou ser moi participativa. O arqueoxogo da Plataforma na defensa do Patrimonio sumou o aspecto máis lectivo a estes tres días nos que tivemos a ocasión de achegarnos á realidade de diferentes épocas da nosa historia sempre en clave local. Os máis pequenos participaron mesmo da recreación dunha excavación arqueolóxica. Entre romanos, castrexos, bárbaros, e medievais tivemos unha fin de semana na que a lectura que nos queda é que As Pontes ten xa unha nova cita festiva e será Cita coa historia da que semella que se garante a súa continuidade.

AS ESCOLAS DE BAILE MODERNO, FLAMENCO E CLÁSICO PECHAN O CURSO CON TRES FESTIVAIS ADICADO AOS VIDEOCLIPS E NOS QUE O ALOVI VOLVÍA QUEDAR PEQUENO

Novo éxito das escolas de baile moderno, flamenco e danza clásica que patrocina o departamento municipal de Cultura e é que, novamente, os tres pases deseñados para amosar o espectáculo ideado polos mestres Jaime Pablo Díaz e Iria Tato quedaban escasos ante a gran afluencia de público que tanto o venres coma o sábado quixeron desfrutar deste musical que, unha vez máis, serviu para despedir o curso 2013-2014. O auditorio municipal Alovi volvía pendurar o cartel de non hai localidades nestas tres montaxes nas que participaron 180 alumnos e alumnas que, durante estes meses, ensaiaron duro para crear unha serie de coreografías e montaxes nas que neste ano se decidiu homenaxear ao mundo dos videoclips. Así , para a tarde do venres, eran os menores de 12 anso os encargados de protagonizar diferentes coreografías ao son de Madona, Katy Perry ou Duft Punk e ata cancións de percusión con vasoiras ou cubos coma instrumentos. 60 nenos e nenas foron os encargados de deixar prendado a un público que, dende o primeiro minuto, se deixou levar por esta viaxe ao redor de temas musicais ben coñecidos e na que tamén houbo momentos para o humor e é que, neste festival, houbo dúas señoras “ infiltradas” que ata interromperon algunha que outra vez o espectáculo cos seus comentarios pero que, por suposto, sacaron o soriso de todos os presentes. Isla Bonita, Empire State of Mind ou California Girls foron algunhas das bandas sonoras que se utilizaron para dar vida a complicados pases e movementos e que se mesturaron con retrousos tan coñecidos coma o da Lazy Song de Bruno Mars, o Can´t get out of my head, de Kylie Minogue, ou os sons electrónicos de Duft Punk e o seu Get Lucky xunto co rap de Macklemore e Ryan Lewis. Xa para o sábado quedaba a sesión adulta, cos 120 bailaríns e bailarinas que tamén baixo as ordes de Jaime Pablo Díaz e Iria Tato, deron vida a unha segunda parte deste espectáculo e no que tamén se cumpriron todas as expectativas. En dous pases, nos que novamente o Alovi, se encheu ata a bandeira, foi posible desfrutar dunha macromontaxe musical ateigada de pezas do máis coñecidas da música actual, con pasos de escándalo, vestiarios do máis elaborados e que se iniciaba dan man das alumnas de baile clásico e flamenco que escolleron temas de Rihanna, Birdy e ata pezas populares coma Verde que te quiero verde ou o Vengo de Los Cherokee para as súas respectivas coreografías. O seu relevo foi para as rapazas de baile moderno con éxitos de Beyoncé , Lmfao, Jason Derulo ou Janette Monae aínda que tamén foi posible desfrutar das rapazas de nivel avanzado que, para esta fin de curso, se decantaron polo Blurred Lines de Robin Thicke, no que demostraron que nada teñen que envexar a eses corpos de baile que acompañan ás grandes estrelas da canción. E coma fin de festa tocaba tararear e desfrutar dos compases do Happy de Pharrell Williams, pero nesta ocasión mediante a proxección dun vídeo musical made in As Pontes, protagonizado polos alumnos e alumnas das escolas de baile e tamén por algúns veciños e veciñas de As Pontes; un videoclip rodado nestas últimas semanas e que servirá para promocionar estas escolas máis aló das fronteiras pontesas e para demostrar que na nosa vila hai moito ritmo e aínda máis diversión.

Éxito de participación na primeira Cita coa Historia de As Pontes

27/6/14

As clases gratuítas de Pilates e ximnasia para adultos regresan o luns ao Parque da Feira e á Casa Dopeso

As clases gratuítas de Pilates e ximnasia para adultos regresan o luns ao Parque da Feira e á Casa Dopeso O departamento municipal de Deportes retomará, un verán máis, as súas actividades deportivas gratuítas para adultos aínda que, para os vindeiros meses, a protagonista será a disciplina do Pilates, que tamén se sumará ás xa clásicas clases de ximnasia de mantemento. Así, dende o vindeiro día 1 de xullo, e ata que remate este período estival, desenvolveranse un total de tres cursos dirixidos ao mantemento físico e tamén ao desenvolvemento do método Pilates tanto para principiantes coma para xa alumnos máis experimentados. A técnica municipal Ana Alonso volverá poñerse á fronte deste cursos e que se desenvolverán nas dependencias da Casa Dopeso, no caso de Pilates, e no parque biosaudable dos Xardíns do Campo da Feira, no caso de que o tempo acompañe para os alumnos de ximnasia para adultos. Así as cousas, no tocante ao Pilates, na categoría de iniciación contarase con dous grupos de 14 persoas cada un e que poderán asistir ás clases ou os luns e mércores en horario de 11.30 a 12.30 horas ou os martes e xoves entre as 10.30 e as 11.30 horas. Os alumnos de nivel avanzado tan só contarán cun único grupo, tamén con 14 prazas, e que asistirá ás clases os martes e xoves de 11.30 a 12.30 horas namentras que aqueles que decidan participar, un ano máis, nas clases de ximnasia de mantemento terán clases os luns e mércores de 10.30 a 11.30 horas. Coma sempre, estas actividades son totalmente gratuítas e o único necesario é inscribirse previamente xa que as prazas son limitadas. Para obter máis información ou xa para formalizar a matrícula, os interesados deberán achegarse ata as oficinas do polideportivo municipal ou ben telefonar ao 981 45 26 02. © 2014 Microsoft Términos Privacidad y cookies Desarrolladores Español

26/6/14

A concellería de Turismo presentará mañá un novo vídeo dirixido á promoción de As Pontes como destino turístico

A Casa Dopeso albergará, dende as 20.30 horas, un acto no que tamén se contará coa edil de Turismo, Ana Pena, e ao que están tamén convidados representantes do tecido asociativo local O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Emprego, Turismo e Novos Proxectos, presentará mañá ás 20.30 horas un novo vídeo sobre o municipio que pretende servir como resumo da potencialidade do municipio como destino turístico. O acto, que terá lugar nas dependencias da Casa Dopeso, estará presidido pola edil do ramo, Ana Pena, e no mesmo proxectarase este proxecto audiovisual realizado pola empresa Deloga. Asemade, tamén se contará coa presenza de representantes do tecido asociativo local de todos os ámbitos.

As Pontes presenta a súa particular versión audiovisual do Happy de Pharrell Williams

O venres e mailo sábado, no transcurso dos festivais de fin de curso das escolas de baile moderno, clásico e flamenco darase a coñecer esta versión pontesa do movemento Happy no que participan alumnos destas escolas e veciños O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Cultura, vaise sumar ao coñecido coma movemento Happy coa presentación este venres da adaptación local do vídeo de Pharrell Williams. Dende a concellería de Cultura e a dirección das propias Escolas Municipais de Baile Moderno, Flamenco e Danza Clásica tratarase, deste xeito, de ser novidosos á hora de promocionar estas escolas e nada mellor, segundo apunto a edil Sara Ramos, que apostar por un movemento como é o Happy e que está a trunfar por todo o planeta ao son dun dos temas máis pegadizos dos últimos anos. No caso do Happy pontés, os alumnos e alumnas das Escolas Municipais de Danza Moderna, Flamenco e Danza Clásica son os encargados de protagonizar esta versión deste afamado tema e a eles e elas se suman tamén veciños e veciñas de As Pontes pertencentes aos colectivos profesionais e sociais do máis diverso, que tamén se animaron a saír por uns segundos nesta montaxe audiovisual marcándose algún que outro pasiño de baile, baixo a dirección dos mestres Jaime Pablo Díaz e Iria Tato. O Happy Pontés darase a coñecer nas dúas representacións de fin de curso das Escolas de Danza Moderna e Clásica que se celebrarán, no Auditorio Municipal Alovi, tanto o venres coma o sábado, e é que para este ano contará con tres pases aínda que, a diferencia de clausuras anteriores, a montaxe non será a mesma para as tres sesións. Así para o venres, ás 20.30 horas, os encargados de protagonizar este espectáculo serán os alumnos máis novos destas escolas, un total de 60 nenos e nenas de idades comprendidas entre os 5 e os 11 anos. Xa para o sábado quedarán os dous pases correspondentes ao espectáculo dos alumnos de 12 anos en diante e que se realizarán ás 18.00 e ás 20.30 horas, coa participación de 120 alumnos e alumnas. O movemento Happy de As Pontes tamén estará dende a fin de semana nos medios xa que este vídeo se publicará na propia páxina web municipal www.aspontes.com e tamén se emitirá na televisión local.

24/6/14

OS ESCOLARES PONTESES DAN A BENVIDA ÁS VACACIÓNS DO VERÁN COA TRADICIONAL FESTA DE FIN DE CURSO

As treboadas da fin de semana non deron tregua, nin tan siquera, á Festa Infantil de fin de curso. O Concello de As Pontes, a través da súa Concellería de Educación, e a coordenadora de ANPAS Abrente tiñan previsto para este sábado despedir, cunha grande festa, o curso académico 2013-2014. E así foi. Na Canle IV colocáronse ata cinco atraccións mecánicas, os coches eléctricos, para grandes e pequenos, o saltamontes, Tunelandia, e os touros mecánicos, atraccións que foron gratuítas para todos os pequenos e pequenas que se achegaron tanto na tarde do sábado como na mañá do domingo ata as inmediacións do Heliporto. O sábado pola tarde, entre as cinco e as nove do serán, foron moitos os nenos e nenas acompañados polas súas familias os que non dubidaron en desafíar á chuvia para non perderse unha festa ideada con especial agarimo para eles. O Concello foi o patrocinador principal deste festexo que ademais das atraccións mecánicas, que sempre gustan aos máis pequenos da casa, contou tamén con música, obradoiros de pintura de caras para os nenos e nenas e tatuaxes para os mozos, ademais de seis inchables que fixeron as ledicias de todos os participantes. A aposta musical non puido ser máis acertada, o Dúo Suso e as monitoras da empresa de ocio infantil Picariños bailaron e cantaron as cancións que están de moda, e tamén melodías infantís que nos acompañaron na nosa infancia e que agora volven rexurdir con forza. Houbo momentos que, como consecuencia do mal tempo, das fortes treboadas a Festa tivo que suspenderse e por iso, dende o Concello decidiron prolongar á mañá do domingo o desfrute das atraccións, os coches eléctricos, os touros mecánicos e tamén a atracción denominada Tunelandia. Ao longo da fin de semana, e entre tanto asistente miúdo, puidemos ver ao alcalde Valentín González Formoso, o concelleiro de Educación, José Alén, a edil de Cultura, Sara Ramos, o presidente de Abrente, José Dasilva, e outros compoñentes da xunta directiva da coordenadora, así como representantes das distintas ANPAS da vila. Unha proposta novidosa, totalmente distinta ás anteriores Festas de Fin de curso, que cumpriu coas expectativas dos estudantes, e coa que o Concello de As Pontes e a coordenadora de ANPAS Abrente poñen punto e final ao actual ano académico.

O BARRIO HISTÓRICO DA VILA ALBERGARÁ ESTA FIN DE SEMANA A PRIMEIRA CITA COA HISTORIA DE AS PONTES

As Pontes retrocede ó pasado esta fin de semana cunha nova aposta festiva. A Cita coa Historia é unha iniciativa que parte da antiga Feira Medieval como base para ofrecer unha fin de semana na que se combinen diferentes aspectos do noso pasado cunha maior rigorosidade histórica e máis centrada no eido puramente local. O emprazamento volve ser o casco histórico, onde preparan nestes días a ambientación dende a Asociación Lembranza da Vila, o Grupo Taranis e coa colaboura do concello pontés, apostou firmemente por este proxecto, e a Plataforma en Defensa do Património. A nosa vila vai rememorar a época medieval nun exercizo único de convivencia coas culturas castrexa e romana, e farao cun amplo programa de actividades dirixido a veciños e visitantes. O venres xa se comeza cedo, cos primeiros obradoiros de xogos ás 17.00 horas , para chegarmos á apertura de carácter oficial co pregón que correrá a cargo do historiador pontés César Candelas, dende as 21.00 horas. O sábado xa princípian as actividades pola mañá con pasarrúas dende as 11.00 horas e a apertura logo do primeiro dos obradoiros, que será de coiro. Ademais das axhibicións de cetrería, en sesións de mañá e tarde, os obradoiros de artesanía, e o teatro, haberá un arqueoxogo que se desenvolverá en dúas sesións, unha o sábado e outra o domingo, e destinado ós máis pequenos. A música vai xogar un papel fundamental, coa participación de formacións como Muxarega, Son de Lugh, Alfaia, No Cómbaro, Canavella ou o Garabato dos Trasnos. Para o domingo resérvase unha das ofertas que promete máis espectacularidade, co desfile das lexións romanas e a exhibición de loita grecorromana a cargo da garda pretoriana, un dos clásicos do Arde Lucus. A ambientación que se vai crear no vello barrio de A Vila incluirá campamentos castrexo, romano e bárbaro, que poderán tamén ser visitados.

23/6/14

As Pontes pon en marcha un plan de axuda familiar para paliar os problemas derivados do peche do comedor escolar no período estival

O departamento de Servizos Sociais repartirá axudas económicas segundo a renda dos solicitantes dirixidas a que os máis pequenos poidan comer coas súas familias durante o verán dun xeito sano e equilibrado As Pontes, 23 de Xuño de 2014.- O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Servizos Sociais, ven de abrir o prazo para optar a unha nova liña de axudas familiares dirixidas, neste caso, a fomentar a boa alimentación dos máis pequenos da casa durante os meses de verán e que irán destinadas a aqueles fogares que, por mor da crise, peor o están a pasar. Así as cousas, dende a concellería que dirixe José Alén, manterase ata o vindeiro día 30 de xuño o prazo para poder beneficiarse desta axudas que estarán integradas por unha cantidade económica determinada que se dirixirá a que os máis novos poidan desfrutar no seu fogar e coas súas familias dunha alimentación equilibrada, malia non contar con servizo de comedor escolar durante estas vacacións de verán. Este Plan de Axuda Familiar, incluído na partida de Servizos Sociais dirixida a atender emerxencias sociais, estará aberto a estudantes de todos os centros educativos, non só do C.E.I.P A Magdalena que é o único centro pontés que conta con servizo de comedor durante o curso escolar. Iso sí, tal e como apuntaba o concelleiro José Alén, os solicitantes deberán cumprir unha serie de requisitos económicos para optar a estas axudas. Segundo explicou o edil, os interesados deberán estar empadroados no Concello de As Pontes e presentar, ademáis deste certificado, unha fotocopia do DNI, xustificantes de ingresos da unidade familiar, xustificante de alugueiro ou hipoteca e, de darse o caso, xustificante de asistencia ao comedor escolar. Deste xeito, xa no departamento de Servizos Sociais calcularase a renda familiar para coñecer se o solicitante pode acceder a este paquete de axudas. Mediante este novo programa de axuda familiar, dende o concello de As Pontes e concretamente dende o departamento de Servizos Sociais, volvíase dar conta do seu importante compromiso cos problemas daqueles que peor o están a pasar por mor da crise; un compromiso que queda xa máis que demostrado coas importantes inversións en axudas escolares, programas de emerxencia social ou iniciativas do máis diversas dirixidas a botar unha man aos que máis o precisan. De feito, o propio concelleiro de Servizos Sociais daba conta da intención do executivo local de continuar nesta mesma liña de traballo durante o que queda de lexislatura ao igual que xa se estivo a facer nestes anos atrás, incrementando partidas coma a adicada a axudas para material escolar cun aumento do 800% dende 2007 ou os fondos para emerxencia social, que no pasado exercizo chegou aos 50.000 euros. Finalmente, José Alén demandaba, unha vez máis, unha maior implicación da Xunta de Galicia á hora de axilizar a concesión de axudas tipo RISGA ou de emerxencia social, así coma un incremento destes fondos, unha práctica que, tal e como apuntou o edil, xa se está a levar a cabo en moitos municipios, un deles As Pontes. Presentación de solicitudes Para obter máis información sobre estas axudas familiares, o departamento de servizos sociais conta cun teléfono de atención: o 981 44 10 08 no que se poderán solventar calquer tipo de dúbida ao respecto desta liña de axudas. Asemade, é preciso lembrar que as solicitudes deberán ser presentadas como prazo máximo ata o 30 de xuño, nas oficinas de Servizos Sociais, no segundo andar da Casa Dopeso.

18/6/14

O Concello de As Pontes destina 25.000 euros ás axudas municipais para material escolarización

O departamento municipal de Servizos Sociais, dirixido polo socialista José Alén, incrementou nun 800% as axudas destinadas a esta fin, dende a súa chegada en 2007 a esta concellería As Pontes, 18 de Xuño de 2014.- O Concello de As Pontes destinará 25.000 euros ás axudas para a compra de libros e material escolar. Ata o vindeiro 18 de Xullo estará aberto o prazo de presentación de solicitudes para acollerse a este programa convocado pola Concellería de Servizos Sociais. Son axudas destinadas a atender os gastos orixinados polo comezo do curso escolar, entendendo por tales a merca de material escolar e de libros de texto. Deste modo, o Concello de As Pontes amosa, unha vez máis, o seu compromiso cos que menos teñen. De feito nesta anualidade increméntase nun 25% a partida destinada ás axudas ás familias para a escolarización dos seus fillos e filllas para o curso académico 2.014-2.015. Así, pasamos dos 20.000 euros da anualidade anterior aos 25.000 euros actuais. Cifras que medran notoriamente se botamos a vista atrais e nos remontamos ao ano 2.007. Daquela as axudas do Concello de As Pontes para a compra de libros de texto e material escolar era unicamente de 3.000 euros, un 800% menos que para este curso. A contía das axudas varía dependendo do nivel dos estudos. Así para educación infantil de 0 a 3 anos, a axuda poderá alcanzar os 50 euros. Para educación infantil de 3 a 6 anos a contía elévase ata 120 euros. Para educación primaria e secundaria concederanse ata 80 euros para a compra do material escolar. Os ciclos formativos subvencionaranse con ata 140 euros, e 150 o Bacharelato. Asemade, contémplase a posibilidade de financiar o custo total do curso escolar sempre cando as circunstancias económicas e sociofamiliares o xustifiquen, previo informe dos servizos sociais. Estas axudas son compatibles coas que concede tanto o Ministerio de Educación como a Consellería de Educación, para as que aínda está aberto o prazo de presentación de solicitudes. Para o cálculo dos ingresos da unidade familiar téñense en conta o número de compoñentes, así como os gastos de aluguer ou hipoteca da vivenda. Para coñecer as cantidades resultantes a fórmula empregada é restarlle os gastos de aluguer ou hipoteca aos ingresos brutos e dividir entre o número de membros. Para ser beneficiario destas axudas que convoca o Concello de As Pontes hai que estar empadroado no termo municipal das Pontes e cursar educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato ou ciclos formativos de grao medio ou superior. Os ingresos anuais da unidade familiar non deben exceder os 400 euros mensuais de renda per cápita, e ademais tomaranse en consideración outros factores como a idade, ordandade, desemprego ou incapacidade recoñecida do cabeza de familia, ter a condición de familias numerosa ou familias cuxo sustentador principal sexa viúvo, solteiro, divoricado, ou sepeardo legalmente ou de feito e outros condicionantes psicosociais. Para solicitar a axuda é necesario presentar unha instancia no impreso oficial que se facilitará gratuitamente no Departamento de Servizos Sociais do Concello, na oficina do Rexistro municipal ou na páxina web. Asemade axuntarase fotocopia do DNI de todos os membros da unidade familiar, certificación de convivencia do padrón municipal, fotocopia do título de familiar numerosa se fose o caso; fotocopia dos recibos de aluguer ou hipoteca de vivenda habitual, se fose o caso; certificado de solicitude de praza ou fotocopia da matrícula do centro onde o alumnado realice os seus esduos, no caso dos estudos non obrigatorios. Ademais tamén se ten que presentar fotocopia da declaración da renda, de toda a unidade familiar e de non estar obrigado a presentala, deberá achegar unha declaración xurada na que conste esta circunstancia. O prazo de presentación das solicitudes finalizará o 18 de Xullo de 2.014. Pero o alumnado que realice a matrícula en Setembro para cursar Bacharelato e Ciclos formativos, terá de prazo dende o 10 ata o 16 de Setembro para presentar a documentación.

A Aula Cemit retomou esta semana a súa actividade con dous novos cursos

A edil de Persoal e Radio Televisión, Jessica Lago, presidiu onte a reapertura da aula informática Cemit, da Casa Dopeso e que retoma a súa actividade co obxectivo de ofertar cursos e actividades formativas dirixidas a eliminar a fenda dixital e barreiras tecnolóxicas, potenciando o coñecemento das tecnoloxías da información. Foi no transcurso da segunda sesión do obradoiro de creación de páxinas web, que arrincaba o pasado luns e no que están a participar unha vintena de alumnos e alumnas en sesións de tres horas diarias e que se desenvolverán ata o xoves da vindeira semana. A concelleira aproveitou a súa visita a estas dependencias para dar a benvida a todos os alumnos e alumnas que están a tomar parte nesta actividade e tamén para poñer a desposición dos mesmos todos os servizos dos que dispón tanto o concello de As Pontes en xeral, coma o que dirixe a propia Jéssica Lago, en particular. Tamén o pasado luns, pero xa en horario de tarde, arrincaba unha segunda actividade formativa: un curso de follas de cálculo para nivel avanzado e no que tamén se logrou un alto grao de participación. Este segundo curso, que conta con 30 horas de contidos prácticos, tamén se desenvolverá ata o xoves da vindeira semana. Asemade, dende o luns e ata este mesmo venres, xa se atopa tamén aberto o prazo de matrícula en dúas novas iniciativas vencelladas coa Aula Cemit e que tamén ten previsto desenvolver a concellería de Persoal. Neste caso, trátase dun curso de marketing comercial e un segundo de comunity manager. Ámbolos dous cursos contarán con 14 horas de duración e desenvolveranse en horario de mañá nas propias dependencias da aula cemit, de 9.00 a 11.00 o primeiro obradoiro e xa de 11.30 a 13.30 o segundo. Para poder inscribirse en calquera destes dous cursos gratuíto será necesario estar empadroado no concello de As Pontes e anotarse no servizo de Orientación Laboral do concello de As Pontes, ubicado no segundo andar da Casa Consistorial.

O Concello de As Pontes e o conselleiro de Economía e Industria reuníronse onte para abordar a continuidade de Endesa no municipio

Onte producíase á fin o demandado encontro entre Concello de As Pontes e Xunta de Galicia para falar das garantías de continuidade de Endesa na nosa vila logo de acatar a adaptarase á nova directiva de emisións europea. Logo dunha recente visita do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, á que non se invitara ós representantes do Concello, dende a Administración municipal, insistíase en trasladar esa preocupación ó Departamento de industria do goberno autonómico. Onte o propio Francisco Conde recibía en Santiago , acompañado da subdirectora xeral de Recursos Minerais, María Mijares á tenente de alcalde montserrat García. Esta á súa vez, acudía acompañada do presidente do comité de empresa da central, Luis Varela e o presidente da Asociación de Transportistas do Carbón, Manuel Bouza. A comitiva pontesa transmitíalle a súa preocupación diante do actual escenario de indefinición de Endesa, que trae incertidume cara ó plantexamento desa adaptación da tecnoloxía na térmica pontesa, que a empresa di estar a valorar. A nova Directiva Europea de Emisións Industriais obrigaba a unha nova reforma da central para reducir as emisións contaminantes xa para finais de 2013, pero finalmente conseguíuse ampliar ese prazo ata outubro de 2015, Onte recibían o compromiso do Conselleiro de seguir intercedendo porque Endesa adopte unha decisión positiva, e trasladar esta petición ó ministro del ramo, José Manuel Soria. Houbo unanimidade canto a este obxectivo, o que se trataba era de buscar unha liña comíun de traballo e apoio mútuo así coma o intercambio da información que se vaia recabando ó respecto para garantir a permanencia desta empresa básica na economía pontesa e galega. Endesa ten en As Pontes o principal centro de producción de enerxía de Galiza, e un dos máis importantes de Europa. Dende esta vila xenéranse 2.400 megavatios entre a central térmica e o ciclo combinado, e dase emprego a 1.900 traballadores, entre directos e indirectos.

17/6/14

Os Bolechas xa contan coa súa propia aventura no lago de As Pontes

Os escolares ponteses non puideron ter millor comezo de semana. E é que ademais de saber que se enfrontan aos últimos días de cole, onte tiveron un agasallo moi especial, ún novo conto dos Bolechas, personaxes que viñeron a As Pontes para vivir unha nova aventura. O libro "Os Bolechas van á praia das Pontes" do que é autor Pepe Carreiro, presentouno onte o alcalde Valentín González Formoso e maila concelleira de Cultura, Sara Ramos, nun acto ao que asistiron máis de 200 escolares de Aspanaes, de 6º de Educación Infantil, e de 1º e 2º de Primaria de todos os colexios da vila. A nova historia dos Bolechas xira en torno á praia do lago de As Pontes, a onde os irmáns Carlos, Braulio, Loli e Pili, Sonia e Tatá acuden para visitar ás súas amigas xemelgas Lorena e Rebeca. Na praia do lago volven coincidir co Felipe Eduardo, un neno do máis fachendoso ao que xa coñeceran na súa anterior visita a As Pontes, cadrando coa Festa da Fraga. O novo conto dos Bolechas é unha divertida historia sobre as aventuras destes seis irmáns e o seu can Chispa na praia do lago, onde practican multitude de deportes e actividades ao aire libre. Nun acto, pensado especialmente para o público infantil, as autoridades locais estiveron acompañadas polo cantautor infantil Pablo Díaz que promocionou novamente nas Pontes cancións do seu disco Tic-Tac: Piratas, Tic-Tac e Unha orquestra de animais. O Concello de As Pontes editou 1.000 exemplares do conto "Os Bolechas van á Praia das Pontes". Todos os estudantes da Escola Infantil Municipal Barosa, de Aspanaes, de Educación Infantil, e de 1º e 2º de Primaria recibiron cadanseu exemplar, para desfrutar das súas personaxes favoritas ao tempo que aprenden algo máis sobre a praia do lago.

Móvete X As Pontes estréase cun gran éxito de participación e público

  57 locais comerciais, hostaleiros e salóns de peiteado de As Pontes sacaron os seus productos á rúa nunha xornada que foi todo un éxito: a primeira edición do Móvete x As Pontes. Os corredores dos xardíns do Campo da Feira convertéronse, na tarde do pasado sábado en improvisada pasarela para a realización dun desfile no que o comercio e a hostalaría pontesa visibilizaron unha oferta de calidade e variada que contou para amosalos, con veciños e veciñas de todas as idades, que se implicaron nesta orixinal aposta. Logo dun desfile no que non faltaron a música, a danza e, sobre todo, a diversidade, con modelos de todas as idades e todo tipo de productos e ata houbo premio para os propios veciños e consumidores xa que, durante o desfile tamén se celebrou un sorteo de oito premios en forma de vales para gastar nos establecementos participantes. Dende a Concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio acadouse unha implicación veciñal co comercio pontés, tanto participando directamente como enchendo os comercios e ateigando o parque municipal durante o desfile, o que apunta a que sexa unha iniciativa que terá garantida a continuidade. A noite foi longa, xa que en horario especial dende xa as 20.30 horas e ata entrada a madrugada os comercios participantes abrían as portas dos seus negocios. Visitantes e veciños puideron realizar as súas compras ao mesmo tempo que aproveitar as diferentes promocións e ofertas que estes ofreceron. Tampouco faltaron as sorpresas en cada un dos establecementos, xa fora con atencións especiais de estilistas, con visitas ilustres, actuacións musicais, servizos de coctelería ou performances convertindo moitos locais nunha auténtica festa.

AS PONTES FAILLE UN SITIO DE HONRA Ó IRONMAN NA COMUNIDADE GALEGA.

José Manuel Vieito Vilacoba, máis coñecido no ámbito deportivo como Patxín, é o santiagués que inscribíu o seu nome na historia como primeiro vencedor dun ironman en Galicia. O atleta do Arcade Inforhouse, e que se convertíu así no primeiro campión galego de triatlón na grande distancia, finalizou a esixente proba en 09h-28-02 case un cuarto de hora antes que o segundo, Fernando Luiña. O lucense era un dos favoritos, ó ser un dos máis expertos e cunha marca acreditada de 9´15. Debemos salientar que nesta proba houbo moito debutante, pois malia ser espectacularmente dura, para estes homes de ferro era un trazado asequible. A boa temperatura do lago para a natación e a nula oleaxe contrasta coa habitual dureza das augas xélidas deste tipo de probas en mar; o ciclismo tivo un percorrido por terreo sempre chan, case sen costas; e o maratón foi pola entulleira e a contorna do lago, sobre terra case todo, o que se agradeceu ó poder evitar a dureza do asfalto. O terceiro caixón dun podio que só recolle ós tres que entraron primeiro, pois aquí o mérito é competir e o éxito ser finisher, ocupouno Álvaro Gómez Cardasín, que fora o primeiro líder da proba, logo de sair en cabeza da auga. Entre as mulleres, nove foron finalmente as heroínas, non houbo lugar á solpresa e gañou a portuguesa Susana Simoes, que acabou en 12 horas, 14 minutos e 31 segundos. Finalmente foron 364 os corredores e corredoras que tomaron a liña de saída, e malia que o vento foi o principal inimigo, sobre todo na proba de ciclismo,e as temperaturas tamén foron moi altas, os abandoos non foron numerosos. Entre as mulleres acabaron todas menos unha e entre os homes 20 foron os que non finalizaron, xunto con outros catro que foron descalificados. Este primeiro ironman de As Pontes, que foi un éxito rotundo en nivel, participación, seguemento e organización, vai ter continuidade logo da xornada histórica que nos deparou e que reclama continuidade. A proba estivo organizada conxuntamente polo Concello pontés, o equipo coruñés NoSportLimit e a empresa local Galiorent.

12/6/14

Moda, bos productos locais e sorteos integran a primeira edición do Móvete x As Pontes que se celebrará este mesmo sábado

A concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio tamén se sumará esta fin de semana ás celebracións do primeiro Ironman galego que terá a nosa vila como escenario, e farao como mellor sabe: apostando polos establecementos locais de hostalería e comercio. Así para a xornada deste sábado, 57 locais hostaleiros, comerciais e salóns de peiteado ponteses participarán na xornada Móvete por As Pontes, unha mestura de moda, desfiles e festa nos locais de restauración ponteses que buscarán, unha vez máis, impulsar o tecido comercial e hostaleiro da nosa vila. Unha das citas máis relevantes da xornada será o desfile de moda e perruquería que arrincará ás 18.00 horas diante da Casa do Concello e no que se contará coa participación de Deportes Equipa, Azalea, Niza, 6th Avenue, Don Dino, Maruja, Sulián, MJ Hogar y Lencería, La Tienda, Nexo Centros Veterinarios, Montajes As Pontes, Sonia Sueiro, La Estrella, La Mercería, Picariños, Óptica Cortizas, Xandra, Date el gustazo, Óptica Carmela, Bolboreta, Dekologas, Jaime, Galiorient, Texas, Criado, VL, Vilaboy, El Chipe, Farmavida, Urbo, Zokos, Lecar 712, Amaños, Tres lúas, Kaye, Bau Bau, Saúde e panadería Hermanos Díaz e no que a perruquería será cousa de Alicia Granados, Cnydia, Eros, Peiteados e Sara y Marcos. Asemade, durante este desfile sortearanse oito premios a gastar tanto nos establecementos que exhiban os seus productos coma nos locais de hostalería que se sumaron a esta iniciativa e que son El Colador, La Capilla, O Marbella, o Trastoy 3, o Sete Camiños, a Caseta do Parque, o Hotel Pontes do Eume, o pub Picos, a cafetería Baobab, o Labrego, o Garigolo, o Palique, as Tres Pontes e o +tika+. Así, durante estes días e, por suposto, durante a xornada do Móvete por As Pontes, calquer veciño que acuda a algún dos locais de hostalería ou comercio que tomen parte nesta iniciativa recibirá un número para os diferentes sorteos que se levarán a cabo durante o desfile de moda. De feito, está previsto que se sorteen catro vales de 50 euros para gastar nos comercios participantes e outros catro dirixidos a gastar nos diferentes establecementos de hostalería que tamén se sumarán o sábado a esta cita. Para pechar a xornada, e unha vez remate o desfile, en horario de 21.00 a 00.00, os comercios e locais participantes nesta campaña abrirán as súas portas para recibir aos seus clientes nunha noite especial na que tampouco faltarán os descontos e as ofertas para desfrutar dunha xornada de sábado totalmente diferente e na que a moda e os productos locais serán os auténticos protagonistas.

O Concello de As Pontes e Abrente celebrarán o día 21 a tradicional festa de fin de curso para escolares ponteses

O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Educación que dirixe José Alén, e xunto coa Coordenadora de ANPAS Abrente, celebrarán o vindeiro sábado 21 de xuño unha nova festa infantil dirixida a conmemorar a fin do curso dos estudantes ponteses de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato. Esta festa regresa á Canle IV, dende as 17.00 horas. Alí quedarán instalados inchables e diferentes atraccións mecánicas, para todas as idades. Poderase subir ao saltamontes, ao scalextric, aos touros mecánicos ou aos coches eléctricos, con modalidades tanto para os escolares máis novos coma para xa os adolescentes. A xeito case de verbena logrouse concentrar unha serie de atraccións que se van combinar cos obradoiros entre os que non van faltar os de maquillaxe infantil e tatuaxes para os mozos, ou o canta e baila, a nova aposta do espazo infantil Picariños que se une ao Dúo Suso cun espectáculo de música en directo para nenos e maiores. Para que a festa sexa completa os xogos e a animación de toda a tarde vanse pechar coa sempre ben recibida festa da escuma e que arrincará pouco denantes das 21.00 horas. A Cordenadora de Anpas Abrente volve organizar esta cita para a que conta co patrocinio do Concello de As Pontes de xeito que as atraccións serán todas de acceso gratuíto.

9/6/14

O primeiro Ironman de Galicia presentouse o pasado sábado en As Pontes

Conta atrás xa para a desputa a fin de semana que ven do primeiro ironman que se vai celebrar en Galicia e que terá á nosa vila como pioneira para albergalo. A resposta entre os afeccionados a estas probas foi espectacular e hai máis de 400 inscritos para cubrir os esixentes 3,8 quilómetros nadando, para logo facer 180 en bicicleta e aínda correr para pechar, unha maratón, con 42.195 como distancia. O Northwest Triman 2014, nome da proba do domingo, presentouse este sábado presidido pola tenente de alcalde, Montserrat García, e o concelleiro de Deportes, Carlos Castro, acompañando e apoiando ós organizadores, Nosportlimit e Galiorient, ademais da Federación Galega de Triatlón. A saída será o domingo moi cedo, ás 07.00 horas, dende o lago, que será o eixo central da proba, e onde se instalarán os boxes e a saída e meta. Para a maior parte dos participantes, chegados de todos os puntos de España, este será o seu debut nunha distancia que nunca se puidera disputar en Galiza, e na que cando menos á dureza dos percorridos non se vai sumar unha esixencia extra de deseño. A carreira a pé, polo contorno do lago, é toda en terreo chan e sobre terra case todo, mentres que o ciclismo tamén ten un percorrido pola terrá cha, sen escaladas, e mesmo na natación, a boa temperatura do lago permitirá evitar a dureza das augas xélidas habituais nestes espacios abertos. Antes da presentación oficial celebrouse unha reunión cos voluntarios, que serán case douscentos, imprescindibles para poder dar cobertura a unha proba tan esixente e con tantas horas de duración. Os afeccionados, ademais de presenciarmos a proba poderemos sumarnos ás diferentes actividades que se desenvolverán o sábado na xornada previa. Teremos actividades lúdicas no lago, clases populares de zumba, e a iniciativa de Paseando por As Pontes, no serán do mesmo sábado. Os xogos e actividades lúdicas volverán o domingo ó lago. Para os veciños a afectación será tamén sobre a circulación, pois durante a mañá e ata as seis da tarde haberá accesos cortados e outros regulados dos que xa vos dabamos conta pero repasaremos esta semana. Para rematar a presentación de antonte, os participantes na presentación e autoridades, organizadores e voluntarios compartiron uns pinchos xa nun ambiente distendido onde se seguíu a palpar a ilusión por unha proba que ten a As Pontes volcado. © 2014 Microsoft Términos Privacidad y cookies Desarrolladores Español Archivos omnipresentes Evita las unidades de almacenamiento. Carga tus documentos en OneDrive. Más info. Gestión anuncios

Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller porán en marcha unha nova edición dos seus campamentos de verán para conciliar vida laboral e familiar

Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller porán en marcha unha nova edición dos seus campamentos de verán para conciliar vida laboral e familiar O departamento municipal de Servizos Sociais ven de abrir o prazo para inscribirse nunha nova edición dos campamentos urbanos de verán, unha iniciativa lúdico-educativa que porá en marcha a súa andaina o vindeiro día 23 en catro quendas ata o inicio dun novo curso escolar, no mes de setembro. Así as cousas, un verán máis dende a concellería que dirixe José Alén e coa colaboura do Centro de Información á Muller, reabriranse uns campamentos que buscan a conciliación da vida laboral e familiar de pais e nais que deben traballar durante os meses de verán e que precisan dalgún tipo de axuda para o coidado e atención dos seus pequenos e pequenas, pero sen descoidar a súa diversión e educación. Ata o xoves da vindeira semana será posible formalizar a pertinente inscrición para as catro quendas que se ofertarán este ano do 23 ao 30 deste mes, no mes de xullo, no de agosto e dende o un de setembro e ata que arrinque un novo curso escolar. Ofertaranse 65 prazas para pequenos de entre 4 e 12 anos para cada mes ao que se sumarán outras cinco prazas a maiores para nenos e nenas con necesidades educativas especiais. Coma sempre será o colexio da magdalena o escenario das diferentes actividades de cada xornada e que poderán arrincar ás 8.00 cun servizo especial para pais e nais que acrediten esta necesidade ou ben ás 10.00, sendo a hora de saída a mesma: ás 14.30, para ámbalas dúas opcións. No tocante ás actividades, coma cada ano, desenvolveranse xogos de animación, manualidades, actividades deportivas e saídas culturais. Con respecto ao prezo de cada mes, a cota de inscrición ascende a 40 euros para cada unha das quendas deste ano. Para inscribirse é preciso achegarse ata o departamento municipal de Servizos Sociais, ubicado no segundo andar da Casa Dopeso e alí facer entrega da fotocopia do Libro de Familia, os certificados da empresa de conforme se traballará nos meses de verán ou de estar a asistir a algunha actividade formativa; declaración xurada de estar a traballar no servizos domestico ou de coidado dunha persoa dependente; informes de saúde e informes de servizos sociais que acrediten a situación de dependencia dalgún familiar; documentación toda ela que se terá en conta no caso de existir unha demanda superior ao número de prazas ofertadas. Para obter máis información ou ben para aclarar calquer tipo de dúbida, dende servizos sociais contan cun número de télefono para a atención da veciñanza interesada neste programa: o 981 44 10 08.

6/6/14

Ainda hai prazas para os cursos da aula Cemit

A aula Cemit da Casa Dopeso regresa a vindeira semana á súa actividade habitual e mediante a posta en marcha de novos cursos formativos. Así, durante os vindeiros meses desenvolveranse cursos adicados ao coñecemento das follas de cálculo, á creación de páxinas web, ao marketing comercial, á formación coma comunity manager, cursos especializados de informática para estranxeiros e ata un curso para sacarlle o máximo partido a unha boa conexión a internet. Aínda está aberto o prazo para anotarse en dúas destas actividades formativas: o curso de manexo de follas de cálculo e o obradoiro adicado á creación de páxinas web. Para poder participar nestes cursos gratuítos é necesario estar empadroado no concello de as pontes e, no caso do de follas de cálculo, ter uns coñecementos medios sobre o manexo desta ferramenta. Con respecto ao calendario, o curso de follas de cálculo arrincará o vindeiro día 11 e desenvolverase ata o día 26 deste mes, en horario de 4 a 7 da tarde, namentras que o curso de deseño de páxinas web arrincará o 16 de xuño e prolongarase ata o día 26 en clases diarias que irán dende as 10 á unha da tarde. Para poder formalizar a inscrición nestes cursos é necesario achegarse ata o servizo de orientación laboral, ubicado no segundo andar da casa do concello. Os cursos serán gratuítos e terán un máximo de 20 prazas, que se cubriran por rigorosa orde de inscrición

3/6/14

A Casa Dopeso acollerá, este sábado, a presentación en rolda de prensa do Northwest Triman 2014 que terá lugar o vindeiro 15 de xuño

Conta atrás xa para a celebración na nosa vila da que será a primeira proba de Ironman de Galicia; unha cita que ateigará As Pontes, na fin de semana do 14 e 15 de xuño, de deportistas de alto nivel con valor suficiente para facer fronte a unha cita tan só apta para superhomes e supermulleres. E é que a esixencia de case catro quilómetros a nado, 43 quilómetros en carreira a pé e 180 quilómetros en bicicleta é apta tan só para uns poucos. As Pontes será escenario desta proba coa que colabora o concello, mediante o departamento municipal de Deportes, e que se presentará ante os medios de comunicación, este mesmo sábado día 7, nunha rolda de prensa na que ademáis do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso; contarase coa presenza de membros da Federación Galega de Triatlón e das agrupacións Galiorient e Nosportlimit, organizadores da proba. Ás 19.30 horas está previsto que o salón de actos da Casa Dopeso albergue esta importante presentación na que se darán a coñecer os entresixos dunha proba na que, tamén se porán en xogo os títulos autonómicos de longa distancia. Ata o día de hoxe, máis de 400 atletas vidos non só de Galicia senón tamén doutros puntos do país están inscritos para participar nunha proba para aqueles con maior resistencia ante tal reto e que darán conta ante os ponteses e pontesas do seu esforzo, entrega e superación nunha cita deportiva única. Para os veciños a afectación será tamén sobre a circulación, pois durante a mañá e ata as 18.00 horas haberá accesos cortados e outros regulados. Ademais o día 15 é día de feira, polo que se espera unha maior afluencia de vehículos que terán que adaptarse ás limitacións da mañá para permitir o paso seguro dos atletas polas zonas que empregan do casco urbano. Todos aqueles que queiran entrar ou saír de As Pontes deberán facelo polos Airíos, onde o tráfico estará regulado, cortándose durante o paso dos competidores. Na entrada dende Ortigueira, o paso debe ser obrigatoriamente polas Campeiras, atravesando o caso urbán. A circunvalación estará pechada xa dende A Casilla. Entramentres na Vilavella só se permitirá o paso controlado e supervisado por Policía e Protección Civil para os que accedan a traballar a Endesa. E xa por último, no cruce onde estaba o antigo tanatorio habilitarase un carril para os veciños que vaian cara ó Chamoselo, pero igualmente regulado e suxeito ás indicacións dos encargados de regular o tráfico nesa zona.

2/6/14

150 CAMIÓNS E MEDIO CENTO DE VEHÍCULOS DE EXPOSICIÓN PROTAGONIZARON A XIV FESTA DO CAMIONEIRO DE AS PONTES

O mundo do camión volvía estar de festa esta pasada fin de semana, e é que, un ano máis tocaba render homenaxe a eses homes e mulleres que pasan a vida e quilómetros e quilómetros de estradas a bordo do seu gran camión. Así, como ven sendo habitual por estas datas, o noso concello volvía ser escenario, nestes dous últimos días, dunha multitudinaria homenaxe a esta profesión, e por suposto, da man dunha festa por todo o alto, a XIV xa que se organiza para homenaxear a todos os camioneiros e camioneiras. O cabildo pontés, a Asociación do Colectivo de Transportistas do Carbón e o Colectivo Transpuerto Ferrol – As Pontes volveron unirse para crear unha xornada de diversión e desfrute onde o mundo do camión foi o eixo central de exposicións, marchas e ata citas gastronómicas. Dende ben cedo, ducias de camións e grúas congregáronse no barrio da Casilla para protagonizar unha marcha na que non faltaron vehículos vidos non só do propio concello de As Pontes, senón tamén doutros municipios coma Vilalba, Lugo, Xermade ou Ferrol, adicados tanto ao mundo da construcción coma ao do transporte do carbón e é que, entre os participantes non faltaron empresas locais coma C.T.C, Armacón, Canosa ás que se sumaron Transportes Estéllez ou Eume. Hormigoneiras, grúas e grandes do transporte en xeral percorreron o Poboado das Veigas, a Avenida de Galicia e da Habana, a rúa Celso Emilio Ferreiro e a Avenida de Vilalba para rematar percorrido na Canle IV onde quedaron estacionados os 150 camións que participaron nesta saída. A partires de ahí tocaba desfrutar das múltiples actividades deseñadas para o resto da xornada onde non faltaron as exposicións de vehículos antigos coma Mercedes, Seat 600, Minis, Renault Alpine ou Lincolms e tamén mostras de vehículos modernos á venda, tanto en clave de turismo como xa no que respecta ás últimas novidades no mundo do camión, con firmas coma Iveco ou Volvo. Asemade, como novidade este ano, tamén se incluíu unha exposición de postos de antigüidades que ateigou a avenida da Coruña de moedas antigas, cerámica e obxectos do máis variopintos, coma cámaras fotográficas, máquinas de coser ou elementos decorativos de todos os tipos e épocas. Todo isto grazas ao traballo da concellería de Promoción Económica, Hostalería e Comercio. Por suposto, como ven sendo habitual, tamén ao longo do día tamén houbo tempo para recordar a aqueles que xa non están mediante unha misa que tivo lugar na Praza de América. Non podía faltar a música coa actuación da orquestra Panamá e, por suposto, outro dos momentos clásicos desta festa: un xantar popular no que se deron cita preto de 300 comensais. Como non podía ser doutro xeito, tamén o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, se sumou a esta festa e visitou as diferentes actividades programadas. Xunto a él a edil de Promoción Industrial, Montserrat García, e o concelleiro de Xuventude, Jesús Tembrás, que tomaron parte no xantar popular que tivo como escenario o patio do colexio Santa María e no que tamén houbo tempo para facer entrega dun obsequio a varios camioneiros, que este ano xa abandoan a profesión. Pola tarde, novamente houbo unha segunda roita turística aínda que, desta vez, os grandes pesos pesados da estrada deixaron o seu sitio aos coches clásicos que percorreron tanto as rúas máis céntricas do pobo coma o entorno do lago. Para pechar a noite nada mellor que desfrutar novamente coa música nunha verbena que fixo as delicias de todos aqueles e aquelas que se animaron a pasar a xornada do sábado en As Pontes. E xa o domingo aínda podíamos desfrutar dos diferentes vehículos novos e antigos que estiveron estacionados nas avenidas e rúas máis céntricas do casco urbano e do segundo día da mostra de antigüidades que, de seguro que, máis dun e dunha se animou a visitar. En resumo, dous días de diversión a esgalla, de festa e de homenaxe continúa a un sector que mantén ducias de postos de traballo na nosa vila e que, sen dúbida algunha, continúa a ser un dos sectores básicos da economía local.

ADIANTE CELEBRA AS SÚAS XXIII XORNADAS SOBRE ALCOLISMO CON CONFERENCIAS ADICADAS AO USO ACTUAL DO ALCOL COMO MEDIO DE DIVERSIÓN ENTRE OS MÁIS NOVOS

As XXIII Xornadas sobre Alcolismo que organiza a Asociación Adiante estiveron este ano marcadas polo relevo na xunta directiva. O cambio foi total nunha asociación onde se mudaron todos os cargos logo de conseguir formar un equipo, que ocupase cada un dos cargos, con xente nova. Salvador Baamonde, á fronte dunha directiva case paritaria, con tres homes e dúas mulleres, tivo o seu bautizo organizativo cunhas xornadas organizadas en tempo record pero que conseguiron suscitar un interese dun cento de asistentes que pasaron en dous días polo auditorio de Casa Dopeso. Ademais da presenza de ponteses e pontesas, estiveron representadas asociacións de Monforte, Viveiro, Vilalba, Ferrol e Zaragoza. O sábado o alcalde, Valentín González Formoso, estivo presidindo a apertura acompañado dos presidentes da Cordenadora Galega de Asociacións de Alcólicos e o novo presidente da agrupación pontesa. Tamén acudíu o concelleiro de Servizos Sociais, José Alén, que igualmente volvía estar, ó igual que os antes mentados, para a clausura do domingo. As conferencias deste ano volvían ser moi participativas, co auditorio intervindo nos coloquios suscitados logo do interese das diferentes poñencias. Logo de que na mañá do sábado Xosé Cendán falase da actitude das administracións diante do alcohol, tomou o relevo Maite Lage para disertar en col das consecuencias do cosumo de alcol entre a mocidae. No primeiro caso púñanse sobre a mesa os paradoxos que se dan nunhas administracións que deben velar pola saude e seguridade dos cidadáns, e ao mesmo tempo satisfacer a sectores moi relevantes como a hostalaría ou o coio. A intervención da que foi a primeira psicóloga de Adiante servíu para dar a coñecer un estudo no que se constata a incidencia do cosumo de alcol entre a xuventude e as consecuencias. A poñencia máis emocionante chegaba na mañá do domingo, cando os enfermos e familiares daban a cara subindo ó escenario para compartiren as súas propias experiencias. A última en intervir foi a actual psicóloga de Adiante e de Axúdate, de Vilalba, Belén Pardo, que falou da prevención das recaidas dende unha perspectiva novidosa. Apostou por falar da nova técnica do Mindfullness baseado na meditación. Esta nova edición das xornadas pontesas, quevan xa camiño de cuarto de século, serviron un ano máis como espazo de información, reflexión e intercambio de experiencias sobre a problemática que suscita o cosumo excesivo de alcohol.