30/5/14

A Concellería de Emprego ofreceu un seminario de orientación laboral a estudantes do I.E.S Castro da Uz dirixido a facilitar o seu acceso ao mercado laboral

Unha trintena de estudantes de diferentes ciclos formativos participaron nesta sesión na que tamén se contou coa concelleira do ramo, Ana Pena As Pontes, 30 de Maio de 2014.- A Concellería de Emprego, Turismo e Novos Proxectos decidiu levar hoxe o seu traballo ata as dependencias do Instituto de Secundaria Castro da Uz, concretamente ata o alumnado que cursa algún dos ciclos de Automoción, Administración e finanzas, Electrónica ou Informática e que ou ben en breves ou nun par de anos iniciarán a súa andaina no mundo laboral. De feito, o obxectivo da visita das técnicas do departamento que dirixe Ana Pena foi dar conta aos estudantes destes ciclos formativos non só os servizos da concellería de emprego, senón tamén aspectos xa máis dirixidos ao mundo laboral e á incorporación dos estudantes no día de mañá a este mercado; aspectos coma a elaboración dun curriculum, a preparación dunha entrevista de traballo ou os diferentes métodos que se poden empregar para a busca dun emprego. Unha trintena de estudantes participaron nesta intensa xornada que estivo impartida polas técnicas municipais Gema García e Margarita Rivera e na que tamén se contou coa presenza da edil de Emprego, Ana Pena. A concelleira deu conta aos estudantes das actividades que se desenvolven ao abeiro do departamento que dirixe e que van dende o asesoramento aos desempregados, ata a realización de cursos formativos deseñados segundo as necesidades tanto de empresarios coma de traballadores e que buscan lograr a integración laboral da xente que non conta cun emprego. Asemade, Ana Pena puxo a desposición dos alumnos presentes todos estes servizos e apuntaba que tamén no seu departamento se atenden as demandas, propostas ou inquedanzas dos que se achegan ata estas oficinas, ubicadas no segundo andar da Casa do Concello. A edil tamén quixo facer referenza ao contido deste seminario dirixido á orientación laboral e apuntaba que, mediante esta charla, o que se busca é dar aos estudantes ponteses os recursos á hora de presentar un curriculum ou afrontar unha entrevista laboral que lles permitan ter máis posibilidades para acadar un posto de traballo. Pola súa banda, as dúas técnicas municipais ofreceron aos presentes información sobre os diferentes tipos de curriculums existentes e cal é o modelo máis axeitado para cada tipo de oferta laboral; recalcando a importancia de dar a coñecer os aspectos máis positivos do solicitante de emprego. Asemade, tamén houbo tempo para ofrecer indicacións básicas para, á hora de afrontar unha entrevista de traballo, o candidato se atope perfectamente preparado ante calquera pregunta, coñeza tanto o tipo de entrevistador coma o tipo de entrevista á que pode ser sometido e, por suposto, aprenda a utilizar todas as ferramentas posibles para lograr un traballo, coma os portais de emprego ou as redes coma o Linkedin.

A aula Cemit reabrirá as súas portas a vindeira semana con novas actividades formativas

O Concello das Pontes, a través da Concellería de Administración, Persoal e Radio e Televisión Local, que dirixer Jessica Lago, porá en marcha novas accións formativas a través da Aula Cemit. Esta aula, que busca a ruptura da brecha dixital impulsando, potenciando e difundindo coñecementos nas tecnoloxías da información, abrirá de novo as súas portas, no soto da Casa Dopeso, a partir do 9 de xuño. As accións previstas para a súa reapertura están abertas á participación de desempregados e desempregadas do municipio, axentes sociais e empresariais, así como calquera persoa interesada en participar na inclusión dixital. Coa fin de abarcar distintos colectivos de veciños e veciñas, o Concello das Pontes seleccionou accións formativas con importante demanda a través da área municipal de emprego, tales como curso de uso de follas de cálculo en nivel avantado, curso de creación de páxinas web, curso de informática para extranxeiros ou un curso de márketing comercial. Para obter máis información das accións formativas, horarios, ou inscrición, as persoas interesadas deben dirixirse á área de emprego municipal, sita no segundo andar da Casa do Concello. O obxectivo que se persegue a través das accións formativas da Aula Cemit é o de conseguir a converxencia do noso municipio cos obxectivos fixados pola Unión Europea, garantindo os dereitos dos cidadáns e eliminando as barreiras tecnolóxicas. Ademáis, dende a concellería responsable, saliéntase a importancia de aproveitar os recursos dos que se dispon para axudar ás persoas demandantes de emprego ou aos traballadores e traballadoras das empresas locais a reforzar os seus coñecementos na área tecnolóxica que, sen dúbida redundará nunha mellora da empregabilidade dos nosos veciños e veciñas.

Adiante celebra esta fin de semana a XXIII Xornadas adicadas ao Alcolismo

A agrupación de alcólicos Adiante celebra esta fin de semana as XXIII Xornadas sobre Alcolismo, que este ano se desenvolverán baixo o lema Divírtete sen alcohol. A túa decisión, o teu futuro. As xornadas deste ano serán ademais a posta de longo da nova directiva, que ven de coller a asociación hai apenas un par de meses e que supuxo renovar por completo os cargos, se ben están a contar co asesoramento da directiva saínte para este intre de transición. O seminario, que terá como escenario a Casa Dopeso, e entrada libre reunirá a prestixiosos especialistas médicos e traballadores do ámbito social. Na lista de relatores figuran as psicólogas Belén Pardo, e Maite Lage, ademáis do coordinador de RTVEume, Xosé Cendán. Ademais, un grupo de afectados polo alcoholismo e as súas familias exporán as súas experiencias persoais a todos os asistentes que acudan ao encontro do domingo á mañá. As temáticas van dende o papel da administración diante do alcohol, ata a prevención de recaidas en alcoholismo baseada no mindfulness, pasando pola abordaxe dos problemas de consumo de alcohol entre os xoves. A inauguración farase mañá ás 10.45 polos presidentes de Adiante de FARGA e polo alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso. Logo da clausura, o domingo, os asistentes, entre os que hai confirmada presenza de todas as agrupacións de alcohólicos galegas, e non poucas de outros puntos do estado, compartirán un xantar de confraternidade.

26/5/14

AS PONTES ACOLLERÁ DURANTE A FIN DE SEMANA UNHA NOVA EDICIÓN DA FESTA DO CAMIONEIRO

Conta atrás xa para a que será a XIV edición da Festa do Camioneiro, unha homenaxe que, ano tras ano, se rende a este colectivo tan importante para a evolución da economía local e que mantén centos de emprego día tras día, no noso municipio. Semellante entrega e esforzo merecen, unha vez máis, un recoñecmento por todo o alto e nada mellor que dúas xornadas de festa, para esta fin de semana, dirixidas a desfrutar dos grandes mastodontes do asfalto. A asociación do colectivo de transportistas do Carbón, o concello de As pontes e o Colectivo Transpuerto Ferrol - As Pontes volven poñerse á cabeza da organización dun evento que incluirá dende a tradicional saída en caravana dende a casilla de ducias de camións, na mañá do sábado, ata exposicións de vehículos antigos, un xantar popular e ata música. Un intenso programa que arrincará ás 09.00 horas coa concentración de vehículos na Casilla para continuar, ás 10.30 cunha roita de camións polas rúas máis céntricas do municipio e xa ás 13.00 horas unha misa na Praza de América, en lembranza dos finados neste último ano. Xa ás 14.30 horas, no patio do Colexio Santa María, terá lugar un xantar de confraternización e ás 19.00 horas unha colección de vehículos antigos realizará unha roita tamén polo pobo. Á noite, dende as 23.00 horas, terá lugar unha verbena coa que se pechará a xornada de sábado. Pero para esta edición tamén haberá novidades e é que incluirase unha exposición de antigüidades do máis interesante que permanecerá instalada na Avenida da Coruña durante as xornadas de sábado e domingo, dende as 10.00 horas. Será unha festa por todo o alto aberta á participación de todos os veciños e veciñas que así o desexen e, sobre todo dirixida aos máis pequenos da casa que, na xornada de sábado tamén terán a oportunidade de desfrutar dun paseo en camión con tan só achegarse ata a Casilla. O programa desta interesante festa de fin de semana xa o podemos consultar na web municipal no enderezo www.aspontes.com e deste xeito ir xa planificando o cómo desfrutar destes portentos do asfalto e das múltiples actividades que con eles aterrarán en As Pontes durante as xornadas do sábado e mailo domingo.

20/5/14

O CONCELLO VAI RETOMAR A ESIXENCIA A SANIDADE DE MANTER E AUMENTAR A DOTACIÓN DO PAC LOCAL.

O Concello de As Pontes vai esgotar todas as vías negociadoras e mesmo de presión se é preciso para acadar as demandas da poboación local dunha mellor dotación na oferta sanitaria pública na localidade, e o rexeite a renunciar a ningúns dos servizos cos que se conta. Logo da decepción que supuxo a escasa receptividade por parte da Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera; e a delegada da Xunta de Galicia na provincia, Belén Docampo, nunha recente reunión, vaise continuar a desenvolver e apoiar todas as medidas tendentes a acadar que se supendan os plans de redución de servizos e se potencien os actuais. O rexeite é firme por parte da Administración municipal ós plans de supresión do servizo de xenecoloxía que, actualmente, se ven prestando no centro de saúde pontés e que se eliminará unha vez se xubile o actual titular da praza. Anque a Xunta non garante a continuidade dun servizo que alega que non ten a obriga de prestar ningún centro de saúde, dende o goberno local alégase que a atención dunha matroa non é suficiente para cubrir as necesidades do centro de saúde pontés. O executivo local segue a buscar algunha alternativa a esta situación, mentres se insiste na asunción por parte da Xunta de Galicia do centro de saúde de As Pontes, unha situación que se ve afectada pola recentemente aplicada reforma da lei de Administración Local e que, a explicación da conselleira de Sanidade, implica para o seu departamento contar cunha financiación da que carecen para asumir, denantes de cinco anos todos os centros de saúde dos concellos galegos. En relación a este asunto, dende o Goberno autonómico asegurouse que unha vez se conte cos fondos necesarios, o centro de saúde pontés será o primeiro en ser asumido pola Xunta ao cumprir xa con todos os trámites esixidos para levar a cabo este proceso, unha asunción que, tal e como explicaron dende o executivo pontés en varias ocasións suporía un importante aforro para as arcas municipais duns 100.000 euros por exercizo, e pola que se leva anos agardando. Tal e como foi ata agora, dende o Concello vaise manter a reivindicación do mantemento e mellora dos servizos no PAC do municipio sempre da man dos colectivos locais que ata agora estiveron tamén á fronte destas demandas.

Campus de Fútbol CD As Pontes 2014

Despois do éxito do primeiro Campus de Fútbol CD As Pontes, neste 2014 celebrarase dende o 30 de xuño ata o 11 de xullo a segunda edición con melloras e novidades. No evento poderán participar nenos e nenas nados entre os anos 2000 e 2008 (ambos incluidos). Coma na anterior cita, realizaranse 10 entrenamentos durante as dúas semanas que dura a actividade de luns a venres en horario de 10 a 14 horas. Estas sesións levaranse a cabo nas instalacións do Clube Deportivo As Pontes, nun campo de céspede natural e dirixidas por técnicos titulados do propio clube. Os asistentes serán agasallados con dúas equipacións de entrenamento e poderán disfrutar da asistencia de xogadores profesionais de fútbol, que nos deleitarán coas súas vivencias no mundo do fútbol. Durante a realización das actividades, os rapaces e rapazas irán practicando multitude de exercicios dividios en varios módulos deportivos, cos cales se pretende dar unha formación global con respecto ás habilidades que se necesitan para practicar este deporte. Os prezos manteranse con respecto aos do ano pasado para as inscricións feitas ata o día 2 de xuño (incluido), e como na edición anterior, haberá precios especiais para socios e irmáns de asistentes. Para máis información pódese consultar a web do campus http://cd-aspontes.wix.com/campus, ou poñerse en contactoa través dos teléfonos 609 055 383 (Pablo López) – 658 175 525 (Adrián Boo) ou do correo do campus campusdefutbolcdaspontes@gmail.com, así como consultar todas as novidades no Facebook (Campus de Fútbol CD As Pontes) e no Twitter (@Camp_CDAsPontes).

17/5/14

A Concellería de Industria e Promoción Económica e a Concellería de Xuventude organizan unha charla para explicar a oferta formativa das universidades galegas

O departamento que dirixe Montserrat García pretende, deste xeito, dar resposta ás dúbidas de pais, nais e futuros estudantes universitarios A Concellería de Industria e Promoción Económica e a Concellería de Xuventude organiza para o vindeiro día 21 unha conferencia sobre orientación universitaria co obxectivo de trasladar aos pais e nais e tamén a estudantes ponteses as novidades do sistema universitario, así como as directrices e liñas e seguir á hora de orientar os estudos de bacharelato de cara a acceder a un determinado grao universitario. Para iso, dende o departamento que dirixe Montserrat García apostouse por reunir a representantes expertos da comunidade universitaria galega nunha charla informativa, na que os estudantes poderán solventar as súas dúbidas, tanto aqueles que están a piques de iniciar a súa andadura universitaria este mesmo ano, como aqueles que aínda teñen por diante o bacharalato pero deben elexir materias encaradas o seu futuro formativo. Según explica García, “o que se busca é dar resposta as preguntas que nos facemos os pais, que se nos plantexan tralos cambios do plan Bolonia, sobre as distintas titulacións universitarias”. A Casa Dopeso albergará esta convocatoria, que arrincará ás 20.00 horas e na que está prevista a participación de Pedro Armas, presidente da Comisión Interuniversitaria Galega (CIUGA); Jaime Romero Delegado da Universidade de Santiago na CIUG ; Antón Fernández delegado da Universidade de Vigo,Julio Abalde Vicerreitor de Títulos da Universidade da Coruña e Luis Hervella responsable do programa ponte da Universidade de Santiago, así como membros do servizo de orientación do estudantado SIOPE da Universidade de Vigo, que darán a coñecer a oferta educativa de cada unha destas universidades e as direccións estudiantís máis axeitadas para cada titulación universitaria. Dende o departamento que dirixe Montserrat García animaron tanto a pais coma aos estudantes que van iniciar carreira universitaria e tamén a aqueles que comezarán os seus estudos de bacharelato, a tomar parte nesta actividade e coñecer así os diferentes cambios no sistema educativo, e poder escoller a súa formación mais axeitada.

14/5/14

A Consellería de Sanidade non garante a continuidade do servizo de xinecoloxía no centro de saúde de As Pontes

O alcalde de As Pontes e o edil de Sanidade acudiron onte a un encontro coa Conselleira de Sanidade para lograr unha solución á eliminación do servizo de xinecoloxía , unha vez se xubile o seu titular O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e o edil de Sanidade, José Alén, reuníronse onte en Santiago de Compostela coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera; e a delegada da Xunta de Galicia na provincia, Belén Docampo, co obxectivo de abordar a supresión do servizo de xinecoloxía que, actualmente, se ven prestando no centro de saúde pontés e que se eliminará unha vez se xubile o actual titular da praza. O encontro foi do máis infructuoso, segundo explicaron dende o executivo local, xa que a conselleira non garantizou a continuidade dun servizo que, nas súas verbas, non ten a obriga de prestar ningún centro de saúde. Tal e como apuntou o concelleiro José Alén, Rocío Mosquera aseguraba que coa atención dunha matroa é suficiente para cubrir as necesidades do centro de saúde pontés aínda que tamén anunciou que, dende a consellería que dirixe, buscarase algunha alternativa a esta situación. Outro dos temas abordados no encontro de onte foi a asunción por parte da Xunta de Galicia do centro de saúde de As Pontes, unha situación que se ve afectada pola recentemente aplicada reforma da lei de Administración Local e que, a explicación da conselleira de Sanidade, implica para o seu departamento contar cunha financiación da que carecen para asumir, denantes de cinco anos todos os centros de saúde dos concellos galegos. En relación a este asunto, Mosquera asegurou que, unha vez se conte cos fondos necesarios, o centro de saúde pontés será o primeiro en ser asumido pola Xunta ao cumprir xa con todos os trámites esixidos para levar a cabo este proceso, unha asunción que, tal e como explicaron dende o executivo pontés en varias ocasións suporía un importante aforro para as arcas municipais duns 100.000 euros por exercizo.

O Concello de As Pontes ofrecerá unha charla sobre a factura da luz e posibles medidas de aforro

A Casa Dopeso albergará mañá unha charla explicativa sobre a tarificación eléctrica dende as 20.30 horas O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Atención Cidadá, xunto coa Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (Faepac) ofrecerán mañá, na Casa Dopeso, unha charla sobre a facturación eléctrica, co obxectivo de explicar aos consumidores á situación actual do mercado eléctrico, os entresixos da factura da luz ou as medidas de aforro máis efectivas. Unha serie de expertos abordarán temas coma a nova tarificación regulada, os conceptos que incrementan a nosa factura da luz e o que facer para reducilos, os erros máis típicos das facturas eléctricas e como realizar unha reclamación, as alternativas do mercado e tamén falarán sobre o novo sistema de tarificación horaria. Asemade, tamén se abrirá un turno para as preguntas dos presentes que, deste xeito, poderán solventar calquer tipo de dúbida ao respecto. A charla, aberta a todo o público que desexe participar na mesma, arrincará ás 20.30 horas e o seu escenario será o salón de actos da Casa Dopeso.

Xosé María Díaz Castro protagoniza mañá unha charla na biblioteca Enrique Rivera Rouco

O experto Xesús Manuel Valcarcel López impartirá, dende as 20.00, unha conferencia sobre o autor homenaxeado nestas Letras Galegas 2014 A Concellería de Cultura de As Pontes, mediante a biblioteca municipal Enrique Rivera Rouco, conmemorará mañá a celebración do Día das Letras Galegas ofrecendo unha charla adicada ao poeta guitiricense Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado este ano polo 17 de maio. Dende as 20.00 horas, o experto Xesús Manuel Valcarcel López disertará sobre a figura deste gran poeta da Xeración do 36, coetáneo de Celso Emilio Ferreiro ou Carvalho Calero e autor dun único libro de poemas titulado Nimbos, adicado a Galicia, a vida, a morte e a natureza. Precisamente Valcarcel López analisará na súa charla esta colección de poemas, ademáis dalgunhas outras composicións inéditas; a súa vida e a influencia da mesma nos seus escritos. Baixo o título de A poesía da paisaxe mañá poderemos coñecer máis polo miúdo a figura do homenaxeado neste 2014 polo Día das Letras Galegas e que, asemade, neste ano cumpriría os seus cen anos de vida. Coma sempre, a cita será na biblioteca Enrique Rivera Rouco e a entrada será gratuíta.

13/5/14

A Concellería de Industria de As Pontes pon en marcha a Lanzadeira Empresarial dirixida ao deseño e planificación de novos proxectos empresariais

Lanzadeira Empresarial As Pontes 60 ofrecerá o asesoramento de mentores especializados e axudará na busca de financiación para ideas empresariais viables As Pontes, 13 de Maio de 2014.- A Concellería de Industria, Promoción Económica, Comercio e Hostalaría a traverso do Instituto Pontés de Promoción Económica, pon en marcha o vindeiro mes de xuño, a Lanzadeira Empresarial As Pontes, dirixido a impulsar proxectos empresariais e ideas emprendedoras. Segundo explicou a concelleira Montserrat García, o obxectivo principal é ofrecer as ferramentas e asesoramento necesarios a aqueles veciños e veciñas que estén a planificar un proxecto empresarial, que desexen desenvolver algunha liña nova ou ben se atopen buscando as liñas de financiación para unha iniciativa xa deseñada. En verbas de Montserrat García, a idea deste curso é “ guiar polo camiño máis efectivo a aqueles que conten cun proxecto emprendedor, mediante o asesoramento, experiencia e coñecementos de mentores especializados en marketing, deseño ou políticas económicas, dando lugar a proxectos viables”. Lanzadeira Empresarial As Pontes constará de 60 horas de duración, que arrincarán o 5 de xuño, e que se desenvolverán os xoves e venres en horario de 16.00 a 21.00 horas e os sábados entre as 09.00 e as 14.00 horas, no soto da Casa Dopeso. A inscrición é totalmente gratuíta pero as prazas están limitadas a 30, polo que dende o vindeiro 13 de maio e ata o día 23 deste mes será posible que os interesados e interesadas formalicen a súa inscrición no Rexistro Xeral Municipal. Para obter máis información é posible telefonar ao IPPEC no 981 45 31 16 ou ben consultar a súa web no enderezo www.ippec.es.

A Concellería de Industria e Promoción Económica ofrecerá aos empresarios ponteses unha xornada formativa sobre a responsabilidade social corporativa

A charla, que será gratuíta, terá lugar o 21 de maio e estará tan só aberta a empresarios locais A Concellería de Industria,Promoción Económica, Comercio e Hostalaría IPPEC, impartirá o vindeiro día 21 unha xornada adicada á Responsabilidade Social Corporativa (RSC) das empresas. O obxetivo que persigue esta acción formativa é ofrecer aos empresarios locais un punto de encontro no que coñecer como incrementar o valor engadido e competitividade dos seus negocios mediante a coñecida coma RSC, unha responsabilidade ética baseada na xestión responsable da empresas seguindo a normativa vixente en termos coma os dereitos laborais, métodos de producción ou medio ambiente. Segundo explicou a edil Montserrat García, esta actividade formativa busca achegar aos empresarios locais un concepto como é a RSC que permitirá fortalecer a súa xestión, mediante prácticas e procedementos dirixidos a lograr un incremento da productividade e rendabilidade do negocio, a fidelización da clientela, un maior compromiso dos empregados e unha mellora da imaxe corporativa. O Centro de Dinamización Empresarial do polígono de Penapurreira acollerá esta xornada que se desenvolverá ás 11.00 horas e na que, expertos na materia explicarán aos asistentes dende a importancia da responsabilidade social corporativa como medio para incrementar o valor do seu negocio ata as axudas económicas que ofrecen as diferentes administracións para a integración da RSC nos seus negocios. Estas xornadas serán totalmente gratuítas e irán dirixidas aos empresarios locais, de tódolos sectores. Para obter máis información sobre as mesmas é posible ou ben contactar co Instituto Pontés de Promoción Económica no 981 45 31 16 ou mediante a web www.ippec.es.