31/3/14

Paula Mayobre e David Castro proclámanse gañadores da primeira carreira solidaria In Real Time de As Pontes

As Pontes volvía dar conta hoxe da súa solidaridade de ahí que moitos ponteses e pontesas se animasen esta xélida mañá a saír á rúa para participar na primeira edición da carreira In Real Time, organizada pola organización non gubernamental Abay para recadar fondos para o proxecto educativo que esta entidade está a desenvolver na cidade etíope de Walmara. Abay non podía contar con mellor apoio na nosa vila como foi o caso do Clube de Atletismo Olympo que, xunto co Concello de As Pontes, se encargou de telo todo a punto para esta cita deportivo - solidaria, e que estivo amadriñada por unha atleta de excepción: a galega Paula Mayobre. Con ela houbo centos de ponteses que decidiron ou ben percorrer correndo os 10 quilómetros dos que constaba a proba ou ben xa optar polo percorrido de 5 quilómetros dunha andaina popular cun gran número de participantes. Así a cifra de inscritos total entre ámbalas dúas modalidades alcanzou os 411 dorsais, un número moi respetable á altura doutras citas deportivas deste estilo que tamén se desputaban onte noutras cidades coma Hondarribi, Santiago de Compostela, Cáceres ou Tres Cantos. A saída nesta xélida mañá de domingo dábase ás 10, ao igual que no resto de carreiras solidarias que Abay organizou hoxe por todo o país e ata na cidade etíope de Walmara, e todo cunha boa fin de por medio: o lograr recadar a meirande cantidade de fondos posibles para continuar a desenvolver unha escola deportiva nesta cidade de Etiopía. Entre os corredores, facianas ben coñecidas coma a de varios membros do Clube de Atletismo Olympo que non se quixeron perder esta proba e ata a do edil de Deportes, Carlos Castro, que tomou parte na andaina popular que tivo como punto de partida a rúa Alexandre Bóveda e que percorreu o centro urbano, a Canle IV, o paseo da Constitución e ata chegou ao Poboado das Veigas para rematar novamente no mesmo punto de saída: os arredores do colexio de Santa María. Non houbo sorpresas na clasificación da proba, malia que o importante non era o resultado, senon o colaborar cunha boa causa. Aínda así, en menos de 36 minutos chegaban á liña de meta os dous gañadores das categorías masculina e feminina: o pontés David Castro cun tempo de 35 minutos e 15 segundos e Paula Mayobre, que investiu nesta carreira 35 minutos 47 segundos, o mellor resultado en categoría feminina de todas as probas desputadas hoxe a nivel nacional. Completaron o podium masculino Juan Jose Muíño como segundo clasificado e Jonathan Alves que entraba terceiro, e no tocante ás rapazas segunda foi Luz Cercido e terceira unha pontesa, tamén integrante do Clube Olympo e xa unha habitual na recollida de premios de carreiras populares: Susana Bellas. Asemade, durante a mañá houbo tempo para repartir agasallos por parte de Abay para os colaboradores desta proba; por unha parte o Clube de Atletismo Olympo, con Susana Castro e Miguel Vilaboy á cabeza, e por outra o Concello de As Pontes, que estivo representado polos edís de Deportes e Servizos Sociais. Durante esta mañá tamén se sortearon agasallos doados por Abay e por diferentes establecementos da localidade e ata houbo quen mercou algún dos productos de artesanía etíope coma colgantes, pulseiras, libros e láminas decorativas, que se puxeron á venda durante a mañá, ou para xogar e divertirse no taller de pintura africana ou cos xogos populares que tamén se desenvolveron no patio do Colexio Santa María.

28/3/14

Servizos Sociais e o CIM desenvolverán, en Semana Santa, unha nova edición dos campamentos As Pontes Divertido

O Concello de As Pontes, mediante a concellería de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), volve ofertar para estas vacacións de Semana Santa o servizo As Pontes Divertido 2014, uns campamentos urbanos que, ano tras ano, logran unha gran acollida entre os máis pequenos e que pretende axudar a que pais e nais teñan máis facilidades á hora de conciliar traballo e coidado dos seus pequenos nestes días de descanso. As Pontes Divertido é un programa de actividades lúdico-educativas dirixidas a nenas e nenos do muncipio pontés durante o período de vacacións. Concretamente, desenvolverase os días 14, 15, 16 e 21 de Abril, en horario de 09.00 a 14.00 horas. O programa que oferta o departamento que dirixe José Alén vai dirixido a un máximo de 50 nenos e nenas nados entre os anos 2002 e 2011 e incluirá unha serie de actividades educativas, de lecer e deportivas a desenvolver nas dependencias do colexio A Magdalena. Os monitores da empresa de ocio infantil Picariños encargaranse de dirixir este programa que ofrecerá talleres de animación á lectura, contacontos, teatriño e concurso de poesías. Haberá tamén xogos de todo tipo que fomenten a igualdade, o respecto, o compañeirismo e a comunicación. E faranse tamén traballos manuais, coellos e ovos de Pascua. Para tomar parte en As Pontes Divertido 2014, as inscricións teranse que cursar no departamento de Servizos Sociais, no segundo andar da Casa Dopeso, en horario de 8:30 a 14:30, tendo de prazo ata o 9 de Abril. A cota de inscrición será de 10 euros por cada fillo anotado.

Títeres Trompicallo e Kalina Teatro presentan mañá en As Pontes a súa obra Rumpelstikin, o anano saltarín

A representación arrincará ás 18.30 horas, no auditorio municipal Alovi, e suporá a estrea a nivel nacional desta nova montaxe con monicreques, sombras e proxeccións que farán as delicias do público presente As Pontes, 28 de Marzo de 2014.- As Pontes acollerá mañá a estrea dunha nova montaxe da compañía Títeres Trompicallo. Trátase de Rumpelstikin, o anano saltarín; unha historia que aterra mañá no auditorio municipal Alovi, da man da Concellería de Cultura e do seu programa de teatro infantil para esta primavera. Nesta ocasión, Títeres Trompicallo auna traballo e esforzo con Kalina Teatro para dar vida a unha historia que ten como inspiración unha antiga lenda nórdica, dirixida por Plamen Dipchikov e coa escenografía de Ani Petrova feita realidade polos actores Luis González e Mariam González. Rumpelstikin é unha obra para toda a familia, con mensaxe para grandes e pequenos e, tal e como nos daba a coñecer os seu propio director, cunha mestura de diferentes técnicas escénicas que permiten darlle corpo e vida ás diferentes personaxes que pasan por esta historia, ateigada de valores e onde a principal ensinanza pasa porque cada un sexa dono do seu destino, da súa vida. Monicreques de gomaescuma, teatro de sombras e proxeccións son a base deste espectáculo que se estreará mañá nunha oportunidade única no auditorio municipal Alovi, unha estrea que chegaba da colaboura do departamento municipal de Cultura e a propia compañía Trompicallo, relación que ven de moi atrás xa que nestes últimos anos a formación de Abegondo non se esqueceu de As Pontes á hora de traer eiquí espectáculos coma Osiño, Nadarín ou Bolboreta e que volvía apostar pola nosa vila para dar a coñecer o seu traballo. Nesta ocasión, o poder acoller esta estrea é unha oportunidade única, todo un honor, en verbas da propia edil de Cultura, Sara Ramos, que deu conta tamén do gran traballo que se está a desenvolver dende o seu departamento, á hora de ofrecer aos máis novos espectáculos teatrais e de todo tipo que permitan o seu enriquecemento coma individuos e que se separen da súa diversión diaria, vencellada aos videoxogos ou á televisión. Rumpelstinkin é unha historia máxica, que hai que desfrutar, dirixida a toda a familia e garantía segura de diversión. Unha lenda antiga remodelada ateigada de emocións e que ninguén se debería perder mañá, tal e como apuntaron os actores Luis e Marian González e o seu director, Plamen Dipchikov. Rumpelstikin, o anano saltarín representarase mañá ás 18.30 horas, no auditorio municipal Alovi. As localidades poranse á venda dende as 17.00 horas, na billeteira do Alovi e terán un prezo de 3 euros para adultos e de 1,50 para menores de 12 anos, maiores de 65 anos e posuidores dos carnés Xove e de Estudante.

27/3/14

Unha vintena de empresarios ponteses do mundo da construcción participaron hoxe no Foro Aurhea sobre rehabilitación de edificios

O marco xurídico das rehabilitacións, as axudas económicas necesarias e os aspectos técnicos deste tipo de obras integraron o programa da xornada As Pontes, 27 de Marzo de 2014.- Unha vintena de empresarios de As Pontes adicados aos ramos da construcción, electricidade, fontaneiría e carpintaría acudiron, xunto coa primeira tenente de Alcalde de As Pontes e edil de Industria, Montserrat García, ao Foro Aurhea, organizado pola Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC) e a Asociación Nacional de Empresas de Rehabilitación y Reformas (ANERR). Empresarios e concelleira se trasladaron ata o Paraninfo do Reitorado da Universidade da Coruña para participar nesta convocatoria coa que tamén colabora a Deputación da Coruña. Durante este foro, abordáronse temas coma a rehabilitación de edificios e os aspectos xurídicos que rexen este tipo de obras, ademáis do marco legal no que se atopan. Outro dos asuntos a debate foi o das axudas económicas coas que se conta á hora de afrontar este tipo de proxectos. A traverso desta interesante xornada, o que se pretendía era avanzar no mercado da rehabilitación e todo o que significa para o sector da construcción e todos os profesionais que o integran; ademáis de estreitar a comunicación entre o mercado da rehabilitación e as administracións, amosando as diferentes posicións e actuacións diante da rehabilitación dos edificios, e xerando unha estupenda oportunidade para crear entre todos os axentes implicados un espazo común para a promoción e difusión da cultura da rehabilitación.

26/3/14

Narciso Luaces presenta o venres en As Pontes un libro sobre os oficios e crenzas galegas

O director do Museo Etnográfico de Meixido, en Ortigueira, Narciso Luaces Pardo, presentará o venres na biblioteca Enrique Rivera Rouco a súa última publicación literaria: Traballo, oficios e crenzas populares dos nosos antergos, que vía a luz en setembro do pasado ano. O autor toma así o relevo de Yago Rodríguez e Jane Danko que, nestes días atrás, daban a coñecer neste emblemático edificio as súas últimas publicacións. Así dende as 20.00 horas, será posible coñecer os entresixos dunha obra editada por Toxosoutos, que conta cun prólogo do arqueólogo Felipe-Senén López Gómez, e que inclúe unha pormenorizada análise daquelas tarefas que formaban parte da vida cotiá dunha casa tradicional, dende o facer o pan ata atender ao gando ou ás colleitas. Asemade, nunha segunda parte, esta obra fala dos oficios que conformaban a paisaxe social galega, tanto no interior como na costa coma os pedreiros, os zoqueiros, as costureiras ou as parteiras ao que se suman, xa nunha terceira parte final, unha recompilación de lendas, mitos e crenzas xunto con fotografías, en branco e negro, propias de todos os oficios e historias que se contan nestas 113 páxinas. Traballo, oficios e crenzas populares dos nosos antergos darase a coñecer non só polo seu autor, que estará o venres en As Pontes, senón que tamén contará cun padriño de auténtico luxo: o director do Museo Etnográfico de Monte Caxado, Xosé López Ferro. Como ven sendo habitual, esta presentación estará aberta a todos os veciños e veciñas e terá lugar na sala de lectura da biblioteca pontesa Enrique Rivera Rouco, ás 20.00 horas.

24/3/14

O Concello de As Pontes rende homenaxe a Adolfo Suárez

O Concello de As Pontes sumouse, dende hoxe, á dor polo falecemento do ex presidente do goberno, Adolfo Suárez. Así, durante estes tres días de loito oficial en toda España, as bandeiras da Casa Consistorial pontesa ondearán a media asta. Asemade, nas últimas horas, dende o Concello remitiuse un telegrama á familia Suárez Illana dando conta da súa dor pola perda da gran figura política, histórica e humana que foi Adolfo Suárez e sumándose á pesadume e sentir xeral do país.

19/3/14

O Grupo Poético Alalá recibe o venres á Primavera cun recital poético no Auditorio Municipal Alovi

A poesía tomará o venres o escenario do auditorio municipal Alovi e é que, unha vez máis, coa chegada da primavera, o Grupo Poético Alalá agasallará a veciños, visitantes e xiareiros das rimas e dos versos cunha nova edición do seu Recital de Primavera. Anibal Anxel, Gloria David, Ofelia López, Mari Carmen Freire, e Santi del Moral darán lectura a poemas tanto propios coma doutros escritores e literatos e, tamén, como ven sendo habitual contarán coa compaña inestimable de varios alumnos e alumnas do Conservatorio de Música de As Pontes. Por suposto, non podía faltar algunha visita dalgún escritor. Nesta ocasión, neste recital de primavera contarase coa compaña de Yago Rodríguez Yañéz, escritor lucense e actual mestre no colexio pontés Monte Caxado que, hai tan só uns días, tamén daba a coñecer a súa faceta coma investigador no seu traballo A peito descuberto sobre a obra poética de Fiz Vergara Vilariño. Yago Rodríguez acompañará aos membros de Alalá dando lectura a poemas de publicacións propias coma Déixame Ancorar ao que se sumarán, de seguro, tamén novos textos elaborados por este polifacético literato. Tanto de Yago Rodríguez coma, por suposto, do Grupo Alalá será posible desfrutar o venres, dende as 21.00 horas nun recital que será gratuíto e que conta coa organización, unha vez máis, da biblioteca municipal Enrique Rivera Rouco.

17/3/14

Muller nas Escolas despediuse cunha sesión para o alumnado de Educación Infantil e tras chegar a máis de 600 estudantes de Primaria e Infantil de todo o Concello de As Pontes

O programa Muller Nas Escolas, desenvolvido polo departamento municipal de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller, despedíase hoxe ata o vindeiro ano tras achegar a máis de 630 estudantes de Educación Infantil e Primaria dos colexios ponteses, diferentes actividades e xogos dirixidos a traballar contidos de coeducación e igualdade co gallo da celebración do Día Internacional da Muller Foron sete días de actividades que chegaron a 400 estudantes de educación Primaria da Fraga, Santa María, Monte Caxado e A Magdalena e que hoxe se completaron con dúas sesións para 230 nenos e nenas de educación infantil tamén destes catro centros educativos. Novamente as monitoras de Atalaia Social foron as encargadas de dar vida a dúas figuras femininas: Alba, unha rapaza estudante de secundaria fanática do fútbol e a súa avoa Maruxa, unha señora afincada no século pasado e que, a día de hoxe, segue sen entender que homes e mulleres poden facer as mesmas cousas, desenvolver as mesmas profesións e ata practicar os mesmos deportes. O auditorio municipal Alovi foi o escenario perfecto para acoller a estas dúas mulleres de xeracións tan diferentes e para dar vida a unha dramatización ateigada de contrastes debido aos distintos papeis da muller nas diferentes décadas. De feito, mediante cancións e xogos, os pequenos e pequenas aprenderon a ser críticos cos estereotipos que afectan a homes e mulleres e decatáronse do importante cambio social, logrado polas mulleres nestes últimos anos, onde homes e mulleres son os encargados das tarefas domésticas; eles e elas poden xogar ao mesmo e practicar os mesmos deportes e tanto eles coma elas poden estar igualmente capacitados para ser perruqueiros, albaneis ou electricistas. Con esta última xornada, Muller nas Escolas dicía deica o ano que vén, non así o resto de actividades que aínda se están por desenvolver ao abeiro da celebración do Día Internacional da Muller. De feito, este mércores presentarase o documental De Muller a Muller. Distintas xeracións, xeracións distintas; elaborado por RTVEume, Servizos Sociais e os colectivos de Amas de Casa e María Magdalena. Ás 19.30 horas, no salón de exposicións do Mercado Vello, e coincidindo coa clausura da mostra fotográfica que leva o seu mesmo nome, será posible desfrutar desta colección de anécdotas de oito familias de mulleres pontesas de xeracións do máis dispares. Asemade, ata o luns da vindeira semana aínda poderemos visitar a colección literaria As Nais nos Libros elaborada pola Biblioteca Municipal e que recolle textos onde a muller é a gran protagonista; unha serie de títulos e obras que se atopan expostas na sala de lectura da biblioteca Enrique Rivera Rouco e que se pode visitar gratuitamente.

Robertas Geralavicius e Mª Carmen Penas proclámanse gañadores da XXIV Carreira de San Xosé

A carreira pedestre de San Xosé vai camiño xa do cuarto de século, logo de que este sábado se cumprise a 24ª edición. Cun tempo estupendo, con temperaturas agradables, e nunha paraxe única en pleno casco urbano, como é a Fraga de Dona Rita, xuntáronse máis de 300 atletas para tomar parte neste clásico do calendario deportivo pontés. Cumprindo cos pronósitcos da organización, o clube de Atletismo Olympo, o lituano Robertas Geralavicius, do Club Sociedade Ximnástica de Pontevedra, proclamouse gañador da carreira de San xosé na categoría absoluta, percorrendo os seis quilómetros e medio de distancia en tan só 21 minutos 37 segundos. 1 minuto sete segundos máis tarde entraría o segundo clasificado, o naronés Carlos Piñeiro Rivas. E a terceira posición logrouna Manuel Oliver Pérez, Manute, do Club Atletismo Coruña. Na categoría feminina, a victoria foi para MªCarmen Penas Blanco, do Comesaña Sporting Club, de Arzúa, que fixo un tempo de 25 minutos 39 segundos, seguida por Raquel Suárez Pedrosa, do Ría de Ferrol, e que casualmente tamén fora segunda na edición pasada. E a terceira clasificada foi Águeda Blanco Pérez, tamén do Comesaña Sporting Club. Para todos eles houbo premios económicos de 200 euros, 125 e 75 euros, respectivamente, ademais de trofeo. Susana Bellas, foi a primeira pontesa en cruzar a liña de meta, en 29 minutos 59 segundos percorreu os 6 quilómetros e medio de distnacia. Namentras que, David Castro foi o primeiro pontés, cun tempo de 24 minutos 45 segundos. Nas categorías inferiores, os prebenxamíns percorreron 350 metros, nos homes os gañadores foron Antonio Graña Montero, do Clube Atletismo Olympo, Xes García López , e Manuel Campello Carballo, do Colexio A Magdalena. Nas mulleres, a primeira foi Laura Vispalia Blanco,do Colexio A Fraga, seguida por Paola Acevedo Rivera, do mesmo centro, e Noa Cupeiro Tembrás, do colexio Monte Caxado. Na categoría benxamín masculino, o gañador foi Manuel Carreira Fernández do Colexio A Fraga, seguido por Juan Molina Quiza, do Colexio A Magdalena, e terceiro situouse Bilal Belhaj, do Colexio Santa María. E nas femias, a primeira clasificada foi Sheila Barro Otero, do ceolexio A Fraga, Aloia Murado Ferreiro, do Clube Atletismo Olympo, e a terceira foi Antía Rodríguez Barro, do Colexio A Magdalena. En alevín feminino a primeira praza foi para África Morales Ferreiro, do Clube Atletismo Olympo, seguida polas atletas do Colexio Santa María Alba Cabarcos Castro e Celia Durán Iglesias. Na categoría alevín mascullino o gañador da XXIV Carreira de San Xosé foi Eyob Fernández Santamariña, do Colexio Monte Caxado, seguido por Hubo Blanco Navia, do Colexio Santa María e o corredor de Valdoviño Daniel Álvarez Caneiro. Canto á categoría infantil feminina as gañadoras foron as olympistas Laura Otero Arriví e Cristina Souto Pita, primeira e terceira, respectivamente, namentras que a representante do colexio A Fraga Marieta Acevedo Rivera, foi a segunda clasificada. Na categoría infantil masculilno o gañador foi Azdim Jeddaoui, do colexio A Magdalena. Segundo foi Xoel Trastoy do Monte Caxado e terceiro Mohamed Jeddaoui, tamén do Magdalena. Na categoría cadete feminina a primeira clasificada foi a atleta do Clube Olympo, Carla Franco Vázquez, seguida por Paula López Tembrás, tamén do Olympo. Ademais para todos houbo premios á participación, obsequio de Opticalia, auga, froita fresca, unha barriña de chocolate e tamén unha taza serigrafiada. Houbo medallas para os gañadores da categoría escolar, entregadas polo Concelleiro de Participación Cidadá, José Alén e o secretario do Clube de Atletismo Olympo Miguel Vilaboy. Ademais, entre os corredores da categoría absoluta sorteáronse tres vales de 50 euros de Opticalia, tres vales de 50 euros da tenda de deportes Lecar 712, prendas deportivas de Galiorient, dous estudos informatizados de pisada, de Talos Clínica Podolóxica, e cazadoras e outros agasallos doados por Neumáticos Soledad.

A xunta de goberno local aproba a licitación dos contratos do Catastro e da segunda fase de obras no Barreiro e adxudica, por primeira vez, a NGB o contrato de prestación de servizos bancarios

A Xunta de Goberno Local deu luz verde, o pasado venres, a tres importantes contratos e procedementos. O primeiro deles foi a licitación do proceso de contratación de mantemento e actualización de datos catastrais; un servizo que se adxudicará mediante un proceso aberto e que suporá un desembolso de 60.000 euros, nun período de tres anos. Esta contrato permitirá que os veciños poidan desenvolver as súas xestións catastrais dende o concello, sen ter que desprazarse á cidade da Coruña. Deste xeito, o que busca o executivo local é dar resposta ás necesidades da veciñanza en relación á actualización dos datos e xestións catastrais dos ponteses e pontesas, proceso do que se encargará a empresa que resulte gañadora deste concurso. Outra das licitacións contractuais aprobadas o pasado venres, en xunta de goberno, foi a correspondente ao proxecto das obras da segunda fase do Poboado do Barreiro, uns traballos que implicarán a continuación do proceso de renovación deste poboado e que incluirán a mellora do servizo de auga, alumeado público e sumidoiros e a colocación dun novo pavimento. Estes traballos suporán un desembolso de 86.000 euros. Finalmente, tamén o venres se adxudicaba o contrato para a prestación de servizos bancarios ao concello de as pontes, un servizo que por primeira vez saía a concurso público e que foi adxudicado á oferta máis vantaxosa, neste caso presentada pola entidade Nova Galicia Banco. Este contrato, que se prolongará durante tres anos, inclúe o mantemento e atención de dúas contas pertencentes ao Concello de As Pontes e nas que se ingresan as diferentes taxas municipais e tributos.

González Formoso inaugura a nova área de aparcadoiro e servizos para autocaravanas do Concello de As Pontes

Máis de 200 persoas a bordo de 75 autocaravanas participaron hoxe na inauguración dunhas infraestructuras que suporán unha nova opción turística para o municipio que contou co respaldo da Asociación Galega de Autocaravanas As Pontes, 15 de Marzo de 2014.- O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso; xunto coa primeira tenente de Alcalde, Montserrat García, e o presidente da Asociación Galega de Autocaravanas (AGA), Jorge Ferreiro; inauguraron hoxe a nova área de servizos e aparcadoiro para autocaravanas do Concello de As Pontes, a número 77 a nivel galego. González Formoso foi o encargado de presidir os dous actos dos que hoxe foron protagonistas as algo máis de 200 persoas, todas socias de AGA, que a bordo de 75 autocaravanas, se desprazaron ata As Pontes para pasar a fin de semana. A Casa do Concello acolleu o acto de maior solemnidade: unha recepción ofical no salón de plenos e que serviu para dar a benvida e as grazas a estes visitantes de Galicia, Asturias e Castela e León, que escolleron As Pontes como punto de parada. Na súa intervención, o alcalde pediu aos presentes que desfrutasen, durante estes días, de todo o que As Pontes ten que ofrecer pola súa gran riqueza a nivel histórico, gastronómico e natural. González Formoso fixo especial fincapé no gran atractivo turístico do lago, unha paraxe que, tal e como subliñou o edil, conta cun pasado, coa historia de moitos ponteses e pontesas, co seu traballo e ata cos seus fogares agochados baixo eses 21 quilómetros cadrados de auga; atractivo turístico que se verá aínda máis potenciado grazas ás novas instalacións para autocaravanas que, dende hoxe, xa se atopan operativas e que permitirán, a xuízo do alcalde, captar un novo tipo de turismo tamén moi popular como é o autocaravanismo. Pola súa parte, o presidente de AGA, Jorge Ferreiro, agradeceu o esforzo e colaboura do concello de As Pontes á hora de habilitar unha área de servizo para autocaravanas; unha zona que está situada na Canle IV, que consta de aparcadoiro, toma de auga, sumidoiro e roteiro do municipio; construída pola empresa Huso 29 mediante unha inversión de 11.652 euros e que se deseñou seguindo as ideas dos propios directivos de AGA. Posteriormente, Concello e AGA intercambiaron diferentes agasallos para rematar na propia Canle IV coa foto oficial de todos os autocaravanistas e membros do executivo local nesta nova área de servizo e cun breve concerto de música tradicional a cargo do grupo No Cómbaro. Programa da fin de semana Durante a fin de semana, as máis de 200 persoas que chegaron a As Pontes a bordo das súas autocaravanas tamén terán a oportunidade de desfrutar doutro tipo de actividades de ocio, á marxe da institucionalidade da inauguración celebrada esta mañá. Así, á tarde os autocaravanistas poderán tomar parte nunha roita guiada polo municipio e que, por suposto, inclúe unha visita ao lago de As Pontes, para continuar co concerto de presentación do disco do acordeonista pontés Andrés Penabad. Xa mañá, os autocaravanistas participarán nunha visita ao Museo Etnográfico de Monte Caxado coa que pecharán a súa estadía en As Pontes e retomarán camiño ás súas cidades de orixe.

14/3/14

Máis de 600 escolares ponteses participan nunha nova edición do programa Muller nas Escolas promovido polo depatamento de Servizos Sociais e o CIM

Muller nas Escolas pechou hoxe a súa andaina neste ano cos alumnos e alumnas de Educación Primaria, chegando a un total de 400 pequenos e pequenas de Primeiro e Segundo ciclo de Primaria e achegando, novamente, mediante xogos e entretidas e participativas actividades os cambios que, durante estes anos, se viviron na sociedade en relación co papel do home e da muller na mesma. Estudantes de Monte Caxado, A Fraga, A Magdalena e Santa María foron os destinatarios dunha serie de dramatizacións, xogos e charlas nas que se falou dos homes e das mulleres, dos seus valores ou características, e do seu papel no día a día da sociedade e no mundo laboral. Todo isto co obxectivo de pulsar as ideas dos máis novos con respecto ás diferenzas de xénero e aos estereotipos que aínda permanecen na sociedade coma que hai xoguetes para nenos e outros para nenas, profesións só para mulleres e outras tan só para homes ou que as tarefas do fogar son só cousas de rapazas. Hoxe os protagonistas das actividades desenvolvidas dende a concellería de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller foron precisamente os alumnos e alumnas de Santa María. Un cento de nenos e nenas de entre 6 e 12 anos tomaron parte nos diferentes xogos e actividades ideadas pola empresa Atalaia Social que, ao igual que toda esta semana noutros centros educativos, estiveron protagonizadas por Alba e a súa avoa Maruxa, que, nesta ocasión tamén contaron coa compaña do pequeno Antón, irmán de Alba, e a súa nai Carme. Estas catro personaxes protagonizaron unha entretida conversa na que tamén participaron os alumnos dos diferentes cursos de Primaria de Santa María onde analizaron dende o papel das rapazas no mundo escolar ata o como se divirten hoxe en día, xogando ao fútbol ao igual que calquer outro neno; situación que contrastou coas experiencias da avoa Maruxa que tamén relataba a súa vida de nena, vencellada ao mundo do campo, das tarefas domésticas e realizando actividades que agora xa non son cuestión de sexos. Por suposto tamén os escolares tomaron parte nesta particular conversa de familia e é que, con diferentes casos prácticos e ata cancións, estes pequenos e pequenas aprenderon que os rapaces tamén poden ser perruqueiros, as mulleres poden ser grandes electricistas e que nenos e nenas poden ter o mesmo mal xenio, ser igual de valentes ou de sensibles. Toda unha experiencia que pretende instalarse na mentalidade dos máis novos, do que son os homes e mulleres das xeracións futuras e nas que, se se continua con esta liña de traballo, é moi posible que xa non sexa necesario celebrar a igualdade de xénero senón que ésta sexa toda unha realidade. Muller nas Escolas aínda contará cunha derradeira sesión. Será o luns e estará dirixida a máis de 230 estudantes de Educación Infantil de todos os centros educativos ponteses que se desprazarán á mañá ata o Auditorio Municipal Alovi. Estes pequenos e pequenas serán recibidos tamén pola avoa Maruxa e Alba, que falarán das cancións e xogos infantís de épocas atrás e da sque se cantan hoxe en día coa fin de analisar, a modo de xogo e de actividades do máis participativas, os conceptos de igualdade de xénero que teñen os máis pequenos; os roles que eles xa teñen asumidos con respecto aos homes e mulleres e para dar conta de historias e anécdotas marcadas polo papel deles e delas.

12/3/14

Servizos Sociais desenvolve un curso de parto acuático dirixo a 15 persoas con motivo da programación do Día Internacional da Muller

Onte presentábanse no ximnasio da piscina municipal os cursos de preparación na auga para o parto. Coa presenza do edil de Servizos Sociais, José Alén, daba comezo unha actividade que xa mañá arrincará na piscina con diferentes actividades destinadas a axudar ás mulleres en cinta, á hora de traballar a relaxación ou a elasticidade das articulacións, evitando caer en rixideces e fomentando posturas correctas previas á súa nova condición física. A matroa pontesa Silvia Souto e a vicepresidenta das Matroas de Galicia, Beni Martínez, explicaron a máis dunha ducia de asistentes como se van desenvolver unhas clases coas que se aproveitará o medio líquido para axudar a tonificar todos os músculos, sobre todo, os abdominais, os glúteos e os do periné, que son os que suxeitan ó neno, e tamén axudaná futura mamá a relaxarse. As expertas tamén utilizaron, nesta xornada de presentación, un vídeo dirixido a explicar como na auga, o corpo pesa unha sexta parte respecto a cando está fóra, o que facilita os movementos. Este tipo de traballo físico é máis beneficioso mesmo conforme o estado de xestación avanza, cando o cansanzo fai mella na futura mamá, que cada vez ten menos facilidades para moverse. Neste intre é cando a natación e os exercizos na auga resultan máis beneficiosos. As clases, que contan cun máximo de 15 usuarias, desenvolveranse dous días á semana nas dependencias da piscina municipal.

De Muller a Muller plasma en fotografías a oito familias de mulleres pontesas

Dende o pasado luns, o Mercado Vello conta nas súas dependencias coa mostra fotográfica De Muller a Muller, un dos eventos enmarcados neste mes de actividades vencelladas ao Día Internacional da Muller, que se celebraba o pasado sábado. Na sala de exposicións do Mercado Vello colgan xa case medio cento de instantáneas que recollen os intres que se produciron durante a gravación dunha reportaxe na que se reflicte a evolución do papel da muller na sociedade a traverso de diferentes xeracións de mulleres das mesmas familias. Dende RTV Eume preparábase este documental que será presentado nesta mesma sala o mércores da vindeira semana ás 19.30 horas onde, ata entón, se poderán ver as fotografías que realizaban os membros do Grupo Reollo aproveitando a xuntanza. Son fotografías a xeito de retrato en branco e negro nas que se ven a nais, fillas, netas e mesmo bisnetas interactuando mentres falaban de si mesmas e da época e as circunstancias que como mulleres lles tocou vivir. O concelleiro de Servizos Sociais, José Alén, e a directora do Centro de Información á Muller, Maca Rego, foron os encargados de presentar a mostra e salientaban o traballo dos fotógrafos locais que souberon captar nas súas imaxes os momentos de complicidade entre as mulleres das oito familias que participaron desta novidosa iniciativa. A inauguración congregou a numerosos veciños e veciñas que quixeron estar xa na apertura dunha exposición que poderemos ver ata o vindeiro día 19, incluído, de luns a venres, de 18.00 a 19.30 horas, ou os sábados pola mañá, entre as 12.00 e as 13.30 horas.

7/3/14

O programa Voces pola Igualdade e unha nova mostra literaria sobre a figura da muller e a súa evolución protagonizaron a celebración do 8 de Marzo na Biblioteca Municipal

Voces pola Igualdade volvía un ano máis á Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco un 8 de marzo, e facíao cun espazo que non escapou do tono reivindicativo desta data. Polos micrófonos deste programa en directo pasaron a Tenente de Alcalde Montserrat García, a matrona do Centro de Saúde, Silvia Souto; a fotógrafa do grupo Reollo, Sonia Sueiro; a bibliotecaria Anabel Alonso, e a responsable do Centro de Información á Muller, Maca Rego. Durante dúas horas de programa, houbo tempo para falar da influencia da maternidade no traballo, o tratamento da muller nos medios ou a perda de terreo nas conquistas laborais das mulleres aídna que tamén ocupou un importante espazo o programa de actividades a desenvolver nos vindeiros días en col desta data. Pero ademáis de acoller unha nova edición do programa radiofónico Voces pola Igualdade, a biblioteca municipal tamén foi o centro de atención pola apertura dunha nova mostra literaria adicada á figura da muller, e concretamente das nais. Así, ata o vindeiro día 24 será posible visitar tanto na sala de lectura para adultos coma na adicada aos máis pequenos da casa, dúas mostras de diferentes títulos adicados á muller, ás nais, ás avoas e á figura feminina en xeral. Textos de Nabokov, García Lorca, Mark Twain, Simone de Baeuvoir ou Unamuno conviven con autores da terra coma Teresa Moure, Xosé Chao Rego, Margarita Ledo Andión ou Concepción Arenal. E é que nesta mostra, titutalada As Nais nos Libros podemos atopar dende a Teoría Feminista, Política y Derecho ata a vida das mulleres na galicia do século XX, clásicos coma Mujercitas ou xa tratados sobre muller e política coma a Educación e Socialización da Muller na Galicia Rural ou Da muller da súa casa á Muller do porvir. Asemade, nesta colección de obras seleccionadas dende a dirección da biblioteca municipal tamén se quixo incluír referenzas á saúde da muller, ao embarazo, o parto ou a lactancia con textos de Leonor Suárez Llanos, Elena Soler ou Antonio Pereira. En resumo, toda unha pequena mostra do máis variopinta con títulos para todo tipo de públicos e nos que, unha vez máis, a muller é a protagonista dunha historia onde teñen cabida tanto a fantasía coma a realidade, a saúde e a política, as conviccións resesas do patriarcado e por suposto, a evolución da figura feminina a nivel político e social. As Nais nos Libros poderá visitarse de luns a venres, nos horarios habituais de apertura da biblioteca tanto á mañá coma á tarde, e ademais os sábados tamén en horario de mañá.

A lectura dun manifesto por parte das edís da Corporación Municipal e unhas xornadas sobre as mulleres en diferentes campos laborais protagonizaron parte dos actos de conmemoración do 8 de Marzo

  Mañá, 8 de marzo, conmemórase o Día Internacional da Muller, unha celebración que, dende o concello de as pontes non querían deixar pasar e que aunou o traballo de departamentos coma o de Servizos Sociais, Cultura, RTVEume ou Promoción Industrial, Hostalería e Comercio para dar vida a un intenso programa de actividades que, malia que terán continuidade durante todo este mes, viviron hoxe a súa xornada grande. Programas radiofónicos, exposicións literarias, manifestos, proxeccións de documentais, ou charlas sobre a vida profesional de varias das nosas propias veciñas foron algunhas das actividades que hoxe mesmo servían para conmemorar un día no que a muller loita e defende aínda máis os seus dereitos. Precisamente diso, de dereitos e de igualdades entre eles e elas trataba a actividade que servía para abrir este programa do 8 de marzo no Concello de As Pontes e é que as concelleiras da corporación municipal, coa primeira tenente de alcalde á cabeza, deron lectura a un manifesto en prol da igualdade real entre homes e mulleres. O salón de plenos da Casa do Concello foi o escenario que albergou esta lectura na que tomaron parte as concelleiras dos diferentes grupos políticos municipais. Montserrat García, Sara Ramos, Ana Pena, Jessica Lago, Sara Prada, María Jesús Romero e Jéssica Fdez Polo deron lectura individualmente a diferentes frases e reivindicacións tanto propias coma de figuras ben coñecidas coma Rigoberta Menchú, Clara Campoamor ou Mery Bulstonkraft, e nas que demandaron a igualdade real entre homes e mulleres no mundo laboral, político, doméstico e por suposto en dereitos. Como remate, a edil Montserrat García daba lectura a un manifesto conxunto de todas as concelleiras pontesas no que, unha vez máis, daban conta do seu traballo e loita contínua en prol de acadar a igualdade real entre eles e elas, unha igualdade en dereitos e deberes que defenderán dende o seu posto coma concelleiras. As actividades do Día da Muller tamén nos levaban, nesta mañá, ata o auditorio muncipal Alovi onde a Concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio celebrou a titulada Xornada do Día Internacional da Muller e na que se deron cita varias mulleres pontesas, moitas delas emprendedoras, que deron a coñecer non só o seu día a día no mundo laboral senón tamén o porqué da súa profesión. Así, foi posible escoitar á traumatóloga do Hospital Arquitecto Marcide, Laura Ameneiro; á veterinaria Cecilia García, á avogada Rocío Meizoso; á axente municipal Lucía Legaspi ou á xerente da empresa Sergabi, Jennifer Gómez. Todas elas deron a coñecer a súa experiencia, o seu día a día, ante un auditorio integrado por estudantes de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de Educación Secundaria de diferentes centros educativos ponteses. Anécdotas sobre o papel da muller en sectores coma o mundo do metal, da medicina ou da seguridade local foron o eixo central de cada unha das intervencións destas conferenciantes que apuntaron a que, malia que xa se fixo moito en materia de igualdade, aínda queda un longo camiño por percorrer. E é que, aínda a día de hoxe se mantén a idea de que hai traballos para eles e traballos para elas, que as mulleres non poden dirixir determinados negocios ou incluso que elas deben demostrar continuamente a súa valía, cando a un home iso non se lle esixe a diario. O tema da maternidade tamén tivo espazo nestas experiencias e é que, a día de hoxe, unha muller continua a ter que escoller entre estudar e desenvolverse profesionalmente ou ser nai e as que o logran deben facer malabarismo ou renunciar a algo máis que traballar na casa e fóra do fogar ao tempo. Para poñer o punto e final a este acto, a edil de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio, Montserrat García, dirixiuse aos presentes dando conta, unha vez máis, da necesidade de que estas novas xeracións, independentemente de que sexan nenos ou nenas, continuen a traballar pola igualdade, por desenvolverse profesional e familiarmente segundo a elección de cada un e deixando a un lado a celebración dunha xornada que, ogallá nun futuro, non exista xa que iso será sinónimo de que eles e elas son realmente iguais en todos os ámbitos da vida. © 2014 Microsoft Términos Privacidad y cookies Desarrolladores Español

6/3/14

A XXIV CARREIRA DE SAN XOSÉ E A PRIMEIRA EDICIÓN DA CARREIRA SOLIDARIA IN REAL TIME PROTAGONIZAN A AXENDA DEPORTIVA DO MES DE MARZO

O Clube de Atletismo Olympo terá un mes de marzo do máis axetreado e é que a entidade que preside Susana Castro celebrará dúas citas deportivas nas vindeiras semanas que, de seguro, serán do máis atractivas e contarán cunha alta participación. Así para o vindeiro día 15, teremos a XXIV Edición da Carreira de San Xosé, unha cita deportiva xa do máis asentada no calendario galego de carreiras populares e que, edición tras edición, conta cun gran número de participantes e con nomes do máis coñecidos no atletismo galego, coma Rodolfo Somovilla ou Melina Alonso, que xa lograron lugar no podium de anos anteriores. Ata o mércores da vindeira semana, será posible tramitar as inscricións para esta cita con tan só acceder á páxina do Clube Olympo ou na web www.carreirasgalegas.com, iso se se toma parte na carreira absoluta que inclue as categorías xuvenil, adultos e veteranos; namentras que os corredores que tomen parte nas categorías escolares, dirixidas a menores de 16 anos, deberán anotarse nas oficinas do pabillón municipal da Fraga, tamén ata o mércores da vindeira semana. Como novidade este ano, aqueles que se anoten na categoría absoluta deberán aboar 5 euros en concepto de inscrición. O que non cambiarán serán os percorridos que, unha vez máis, terán o entorno da fraga de Dona Rita e o encoro da ribeira como escenario. Así, os prebenxamíns afrontarán un percorrido de 350 metros, os benxamíns de 550 metras e os alevíns de 900 ou 1250 metros segundo se tome parte na categoría masculina ou na feminina. Na categoría infantil, as rapazas deberán percorrer 1250 metros e os rapaces 1450 metros ao igual que as participantes na categoría cadete feminino. A competición escolar pecharse co grupo cadete masculino que contará cun percorrido de 1800 metros. E no tocante á carreira absoluta, coma sempre, esta contará cun percorrido duns 6,5 quilómetros polo entorno da Fraga, a Cubeliña, Pontoibo e o encoro da Ribeira, con meta novamente na fraga de Dona Rita. As primeiras probas arrincarán ás 17.00 horas e xa sobre as 17.50 dará comezo a carreira absoluta, sendo necesario recoller o pertinente dorsal, como mínimo, media hora denantes do inicio de cada proba. No tocante aos premios, os participantes nas probas escolares loitarán por diferentes trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, e os adultos poderán competir tamén por premios económicos que van dos 200 euros para o primeiro clasificado aos 75 euros do terceiro, tanto na categoría absoluta masculina coma feminina. Asemade tamén haberá un recoñecemento co premio Luis Barrio Doel ao primeiro pontés e pontesa que atravesen a meta e un agasallo de Opticalia ao corredor e corredora que atravesen a meta no posto número 24. Ao que se sumará un premio de 100 euros para as entidades que máis corredores consigan clasificar na liña de meta. Todos os percorridos e condicións de participación pódense consultar na web www.carreirasgalegas.com ou no blog do Clube Olympo, no enderezo atletismoolympo.wordpress.com, onde tamén é posible anotarse nas carreiras absolutas, por suposto a proba conta coa colaboura do Concello de As Pontes. Por outra banda, tamén será posible empregar a Internet para inscribirsen na segunda proba que o Clube Olympo desenvolverá este mes e que ten como obxectivo recadar fondos para a ong Abay, que está a desenvolver varios proxectos solidarios en Etiopía. Esta cita, que levará por título In Real Time, desenvolverase o día 30, ás 10.00 horas e contará cunha proba para os corredores máis experimentados e unha andaina aberta ao público en xeral; probas que se desenvolverán simultaneamente en As Pontes, Etiopía e diferentes cidades de toda a xeografía española, coma Santiago de Compostela, Hondarribi, Cáceres ou Tres Cantos, cunha fin solidaria. O que será diferente, con respecto á San Xosé, será o percorrido xa que nesta cita as rúas do casco urbano serán as protagonistas. De feito a saída de cada proba instalarase a carón do colexio Santa María. Dende ahí partirán as carreiras absoluta, de 10 quilómetros e dirixida a maiores de 16 anos e unha andaina popular de 5 quilómetros, que arrincará trala proba absoluta. No tocante aos premios desta cita, outorgarase un agasallo aos tres primeiros homes e ás tres primeiras mulleres que atravesen a liña de meta. Para anotarse é necesario tamén facelo mediante a web carreirasgalegas.com e aboar 3 euros, aínda que para aqueles corredores que tomen parte tanto na Carreira de San Xosé coma na cita solidaria de In Real time haberá un desconto notable xa que, por tomar parte en ámbalas dúas competicións tan só deberán aboar un total de 6 euros que irán destinados ao proxecto que a ong Abay desenvolve en terras africanas. Asemade, o propio día da competición os veciños e veciñas que non desexen participar nin na andaina nin na carreira poderán colaborar economicamente con este proxecto solidario xa que tamén se porá a desposición da veciñanza un peto para a recollida de doazóns.

5/3/14

A Cabalgata de Antroido puxo o broche de ouro a un Antroido pontés pasado por auga

O antroido pontés pechouse do mesmo xeito que arrincaba o pasado venres: pasado por auga e é que a chuvia tampouco respetou a cabalgata de disfraces coa que o departamento municipal de cultura despedía, ata o vindeiro ano, esta festa en honra a Don Carnal. De feito o mal tempo foi o culpable de que a propia comitiva carnavaleira, que partía unha vez máis da avenida de Monte Caxado, vise recurtado notablemente o seu percorrido polas rúas do pobo para rematar o antes posible na carpa instalada no patio do colexio de Santa María. E é que a mala climatoloxía deslucíu un desfile no que, entre paraugas e abrigos, sí foi posible desfrutar de fermosos e traballados disfraces e onde os clásicos vaqueiros, policías ou personaxes de conto ían da man doutro tipo de deseños do máis curioso e orixinal e que llo puxeron moi difícil ao xurado que, este ano, se encargou de repartir os diferentes premios que destinou o departamento municipal de Cultura a esta cita carnavaleira. De feito, dende a avenida de Monte Caxado e ata a Avenida da Coruña puidemos ver dende os pequenos competidores do certame gastronómico Master Chef Junior, ata unha deusa metálica, flores, xogos de mesa, fadas de conto, personaxes televisivos, menús de restaurante con vida, animais e apostas do máis inxeniosas e sorprendentes. Pero non todos puideron levar premio, a lo menos, non en todas as categorías xa que, coma sempre os máis pequenos, que tomaron parte na categoría de meniños contaron co seu agasallo seguro en forma de conto. No tocante ao resto de galardóns, na categoría infantil individual, os cinco premios de 50 euros en material educativo foron para a Pulpiña, A Vella, O Xeroglífico, Up e R2-D2, namentras que as cinco parellas infantís que se fixeron con cadanseu vale de 75 euros foron as formadas polas paletas de pintura, Avatar, as dúas hamburguesas completas, os loros galegos e os personaxes de Picachu e Piplulp. Tamén houbo cinco gañadores na categoría de grupos infantís con premios dotados con 150 euros e que foron para o Master Chef Junior, Las Heroínas y el Villano, Con quen caso, os astronautas e as Bruxas e os Bruxos. No tocante ao grupo de adultos, a competición individual estivo do máis complicada aínda que finalmente a Deusa das Chapas se facía co primeiro posto dotado con 100 euros; seguida do Dragón da Sorte que gañou 50 euros e o Ovo que remataba terceiro e levaba consigo un premio de 50 euros. A mellor parella de adultos, segundo o xurado, foi a integrada polas Orquídeas do Carnaval que lograron un premio de 200 euros. Segundas foron as Raíñas Maias do Apocalipto que lograron 100 euros e pecharon o listado de premios na categoría de parellas os míticos Piolín e Silvestre que levaron para a súa casa un premio de 75 euros. O reparto de premios pechouse coa categoría de grupos de adultos onde se proclamaron vencedores os habitantes de Fragel Rock con Gobo, o tío Matt e Bombo á cabeza e que levaron polo seu traballo un premio de 400 euros. Segundos foron Os Dumies que con escarabello incluído lograron un premio económico de 250 euros e terceiros foron os membros do Chigre, que lograron 150 euros. Asemade, tamén se concedía un accesit ao cuarto grupo clasificado e que foi para Os Aviadores do Lago que con globo, avións e tripulación se fixeron con 50 euros. O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, as edís de Cultura e Emprego, Sara Ramos e Ana Pena, e os membros do xurado foron os encargados de presidir esta entrega de premios que estivo presentada polo mesmiño Wally que non se podía perder este último día de festa carnavaleira coa que se despedía, ata o 2015, ao antroido pontés.

As Pontes conmemorará o Día Internacional da Muller con charlas, exposicións, documentais e actividades nas escolas

Servizos Sociais e o CIM porán en marcha o venres unha serie de actividades que ocuparán todo o mes de marzo e ao que se unirá a concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio e a Biblioteca Municipal As Pontes, 05 de Marzo de 2014.- O Concello de As Pontes conmemorará, un ano máis, o Día Internacional da Muller (8 de marzo) cun programa ateigado de actividades coas que se pretende chegar á cidadanía de todo tipo de idade. O departamento municipal de Servizos Sociais, xunto co Centro de Información á Muller (CIM), idearon unha serie de iniciativas que arrincará estes mesmo venres, día 7, cunha nova edición do programa radiofónico Voces pola Igualdade, que se poderá escoitar na emisora local Radio Eume, dende as 10.00 horas, e no que se escoitarán as voces e experiencias de varias mulleres do municipio pontés, pertencentes a diferentes xeracións pero das mesmas familias e coas que se falará do cambio da vida e do papel da muller co paso dos anos. Tamén nesta mesma xornada está previsto que as concelleiras pertencentes á corporación municipal pontesa den lectura a un manifesto en prol da igualdade entre homes e mulleres e que, na biblioteca Enrique Rivera Rouco, se abra unha mostra literaria adicada ás mulleres nos libros tanto infantís coma de adultos e que levará por título As Nais nos Libros, mostra que poderemos desfrutar ata o 24 de marzo. Non faltará tampouco o programa A muller nas Escolas, dirixido ao alumnado de Educación Infantil e Primaria de todos os centros educativos ponteses e que se desenvolverá entre os días 10 e 17 de marzo, coa colaboura de Atalaia Social e que, este ano, levará polos diferentes centros educativos a súa particular visión da sociedade dunha nena chamada Alba e a súa avoa Maruxa. Tamén o luns da vindeira semana abrirase, no Mercado Vello, unha mostra fotográfica, titulada De muller a muller, realizada polo colectivo fotográfico Reollo e que conta coa colaboura da Asociación de Viuvas María Magdalena, as Amas de Casa, a Biblioteca Municipal e RTVEume, e que plasma diferentes xeracións de mulleres de varias familias pontesas. Precisamente esta mostra fotográfica deu lugar tamén a un documental que será presentado o vindeiro día 19 ás 19.30 horas, tamén no Mercado Vello. Como novidade para este ano, dende Servizos Sociais tamén se optou por poñer en marcha un curso de preparación ao parto na auga e que arrincará o xoves da vindeira semana, nas dependencias da piscina municipal, ás 19.00 horas e que se prolongará ata finais do mes de maio. A programación deseñada por Servizos Sociais pecharase o 24 de marzo, cun video forum aberto a todo o público e no que será protagonista o filme Madres&hijas de Rodrigo García, que se proxectará ás 19.30 horas na Casa Dopeso. Xornadas sobre o Día Internacional da Muller Ademáis das actividades deseñadas polo departamento de Servizos Sociais, dende a Concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio tamén se unirán este ano á conmemoración do Día Internacional da Muller organizando para este mesmo venres unha xornada con diferentes charlas protagonizadas por mulleres pontesas, moitas delas emprendedoras. O auditorio municipal Alovi acollerá esta cita que se desenvolverá entre as 11.00 e as 12.30 da mañá e que irá dirixida a alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º Secundaria. No tocante ao listado de poñentes, ademáis da edil Montserrat García, tamén está previsto que se conte coa presenza da veterinaria Cecilia García, a avogada Rocío Meizoso, a traumatóloga Laura Ameneiro; a xerente da empresa Sergabi, Jennifer Gómez ou a policía municipal Lucía Legaspi.

3/3/14

Catro comparsas analizaron coa sátira e a sorna do Entroido a actualidade nacional no XI Festival de Comparsas Vila de As Pontes

O certame de comparsas deste ano contou con tan só catro formacións coa curiosidade de que a metade eran locais e tivemos dúas visitantes vidas dende Fene e Valdoviño Este ano tan só conseguiron presentar formación Os Tunantes Folclóricos, da Asociación A Choupana, e os Dalai Lamas La Piña, da Asociación Cultural Alende. A eles sumábanse as agrupacións metadas que ofreceron igualmente composicións satíricas empregando músicas coñecidas para introducir letras tan acedas como enxeñosas nas que non deixaron monicreque con cabeza. Ó escenario dun Alovi repleto subiron monxes tibetanos, andaluces, policías e ladróns, e arlequíns, con formacións que apostaron por diferentes intrumentacións, melodías, e mesmo postas en escena. Os Trastos, chegados da localidade veciña de Fene, demostraron ter coñecida a realidade do noso pobo para incluir algunha referencia local. A formación chegada de Valdoviño foi a máis numerosa e con moita xente nova, anque demostraron as súas táboas cunhas interpretacións que motivaron a implicación e participación do público. A Dalai Lamas La Piña, a aposta deste ano da Asociación Cultural Alende, recuríu a músicas coma o Help dos Beatles ou a copla de Campanera para facer referencias á monarquía, ás obras municipais ou ós mesmos políticos directamente. Pecharon Os Tunantes Folclóricos, formación apadriñada pola Asociación A Choupana, que contou con cancións, coreografía e moita teatralización na súa interpretación. Malia que a dotación do festival se reparte a partes iguais entre as comparsas participantes, o xurado escollía tres premios que foron, o de mellor posta en escena para Os policías e ladróns dos Tunantes Folclóricos, o de mellor vestiario para a comparsa Valdoviño cos seus coloridos traxes de arequíns, e o de mellores letras para a Asociación Cultural Alende.

O mal tempo desloce a XXXIV Feira do Grelo de As Pontes

A chuvia non respetou a celebración da nosa cita gastronómica máis emblemática e onte as precipitacións non concederon nin nun intre de tregua para a celebración da edición número 34 da Feira do Grelo. Foi unha feira menos de rúa, coa xente resgardándose a cuberto dos locais de hostalaría e facendo visitas relámpago ás diferentes ofertas da xornada e á obrigada compra desta hortaliza fresca e con garantía de recoleción natural e ecolóxica. A concelleira de Cultura, Sara Ramos, lamentaba o mal tempo, pero salientaba que malia isto os grelos tiveron moi boa saída e mantívose o nivel habitual de vendas deste producto típico do entroido. O certame volveu congregar a numerosos productores que este ano presentaron 63 cestas, todas obsequiadas cun incentivo para gastos de desprazamento. Este ano, logo de efectuar a valoración o xurado, decidíase outorgar os premios a Eva Garrido Iglesias , que viña de Monfero, e que levou os 300 euros da cesta mellor engalanada e a Mª Luz Váquez Souto, chegada dende Xermade, que se fixo cos outros 300 euros adxudicados á mellor calidade do grelo. O resto dos premios foron, en cesta mellor ornamentada, para Fidel Vilaboy López, de As Somozas, como segundo e para Ana Isabel Pico Álvarez, de Badón , aquí en As Pontes como terceira, que levaron para a súa casa 200 e 100 euros respectivamente. Canto á calidade do grelo entregáronse tamén tres accésits, que foron para Josefa Romero Sueiras, de Somede, Digna Carballeira Carballeira, tamén de As Pontes, e Mª Emérita Pico Doce de A Faeira - As Pontes. Todos dotados con 60 euros cada un. Os outros dous premios, segundo e terceiro, que secundaron á gañadora absoluta, María Luz Vázquez, foron para a pontesa Dina Franco Ribeira, que como terceira levou 200 euros, e para Mª Isabel Ribeira Bañobre, tamén de As Pontes á que como segunda lle corresponderon 250 euros. A entrega de premios celebrouse na carpa do colexio Santa María, coa participación do alcalde, Valentín González Formoso, e os concelleiros de Medio Rural, Antonio Castro, e Cultura, Sara Ramos. Precisamente esta última salientaba que malia que as circunstancias non eran as máis propícias acadárase unha boa participación e moita calidade no produto. Logo da entrega dos premios procedeuse á degustación popular que este ano ofrecía un prato de grelos con patacas, butelo da Fonsagrada, e como sobremesa requeixo da Faeira e mel de Goente. Un prato que se servíu por tan dez euros e que en moitos casos foi mercado para levar ós domicilios diante do pouco apacible que estivo o día para xantar fóra. A opinión unánime incidíu na mellora co novo menú deste ano, anque as vendas foron inferiores a edicións precedentes e non se chegou a vender a totalidade das racións. O que tamén volvía ter moita aceptación cunha demanda que non deixou de xerar colas, foron os freixós, que tamén se vendía a un módico prezo de un euro por cada tres unidades. Neste caso si se esgotaron as existencias do producto que chegou xusto para cubirir o prazo establecido de venda malia que se plantexou ter que pechar denantes. Paralelamente ó evento puramente gastronómico celebráronse outras actividades que tamén concitaron a atención de veciños e visitantes. Os grupos Os Trevillas e Alfaia amenizaron o día coa música tradicional, e ademais tivemos as clásicas demostracións en vivo de torneado a cargo da Asociación de Amigos da Madeira e a mostra de artesanía no Mercado Vello.