27/2/14

As Pontes acollerá o sábado o Campionato Galego Infantil de Karate 2014

As Pontes albergará o sábado unha nova edición do Campionato Galego Infantil de Karate, unha cita que se desenvolverá dende a mañá nas dependencias do polideportivo municipal da Fraga e na que tomarán parte case 300 competidores pertencentes a 34 clubes de toda Galicia. As primeiras probas, nas que tomarán parte os karatecas de categoría xuvenil, arrincarán ás 10.00 horas e consistirán en probas tanto de kata coma de kumite. Xa á tarde será o turno dos deportistas das categorías benxamín, alevín e infantil, nas modalidades de kata individal masculino e feminino, ao que se sumará tamén competición na categoría infantil na modalidade de kumite individual masculino e feminino. Esta segunda quenda da competición arrincará ás 16.00 horas e prolongarase ata as 19.00 horas, sendo libre o acceso ao lugar da competición para calquera veciño ou veciña que desexe desfrutar desta cita. A proba conta coa organización da federación galega de Karate, en colaboura coa secretaría xeral para o Deporte e a Fundación Deporte Galego, e o patrocinio do Concello de As Pontes.

26/2/14

As Pontes celebra o Día de Rosalía con lecturas nos centros educativos e na propia Biblioteca Municipal

O pasado luns cumpríronse 177 anos do nacemento de Rosalía de Castro, precursora do Rexurdimento da Literatura Galega, celebración á que tamén se uniron todos os colexios e institutos de As Pontes dando lectura a distintas obras da autora dos Cantares Gallegos, textos que ata tamén cantaron e interpretaron. Así, a obra rosaliana foi o fío conductor das actividades que se sucederon por todos os centros de ensino da vila, dende o Instituto Castro da Uz, pasando polo Moncho Valcarce, os colexios A Fraga, Monte Caxado e A Magdalena e ata o Santa María. No Día de Rosalía tamén se leron poemas na Biblioteca Pública Municipal Enrique Rivera Rouco por parte das persoas que se xuntaron nas instalacións municipais, entre outras, os integrantes do Grupo Poético Alalá. Unha lectura poética coa que se pretende impulsar a obra de Rosalía como símbolo colectivo. O Día de Rosalía é unha iniciativa impulsada a nivel galego pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, promovida en As Pontes pola Mesa pola Normalización Lingüística e organizada conxuntamente polos centros de ensino da vila e RTV Eume.

Os veciños de Santa María do Aparral súmanse ao programa de cursos de Vellez Activa 2014

A asociación de veciños de Santa María do Aparral vense de sumar ao programa municipal Vellez Activa, dirixido a maiores de 55anos, e promovido polo departamento de Servizos Sociais. Nesta ocasión, case unha vintena de veciños e veciñas da zona recibirán, ao longo das vindeiras semanas un curso adicado á risoterapia co fin de empregar elementos tan comúns coma as bromas, os chistes ou as anécdotas máis divertidas para pasar un bo rato na compaña daqueles que viven a carón dos nosos fogares e, de paso, aprender así a tomarse a vida con máis humor. A mestra Laura Vilaboy, tamén encargada de obradoiros semellantes noutros barrios coma Espiñaredo ou Marraxón, impartirá este curso gratuíto e que, por segundo ano consecutivo, logrou captar o interese de moitos veciños e veciñas do Aparral. Tamén o pasado luns, ata o local social da Santa do Carballo, se desprazaba o edil de Servizos Sociais, José Alén, co fin de agradecer, un ano máis a colaboura e gran participación dos veciños e veciñas nas actividades que se impulsan dende a súa concellería. Con esta apertura quedaban pechadas as xornadas de presentación dos catro obradoiros de Risoterapia cos que este ano conta Vellez Activa e nos que participan un total de 65 veciños. Nembargantes, ata o vindeiro venres non rematarán estas xornadas de presentación de Vellez Activa xa que, para este 2014, tamén se desenvolverán dous cursos de adestramento da memoria, que impartirá Bárbara Cerviño. O primeiro deles arrincaba hai uns días en Marraxón, con 15 participantes, e o segundo desenvolverase no local social das Campeiras, dende o vindeiro venres ás 17.30 horas.

A XXXIV Feira do Grelo, o Certame de Comparsas e a Cabalgata do martes de Entroido protagonizarán a homenaxe pontesa a Don Carnal

As Pontes recibirá este domingo, tal e como se merece a Don Carnal e ao seu popular Entroido mediante unha programación de actividades que se prolongará ata o 4 marzo. Unha nova edición da Feira do Grelo, o Festival de Comparsas e a popular Cabalgata de Entroido serán os pratos fortes dun intenso programa de actividades no que leva traballando, dende hai semanas, o departamento municipal de Cultura e que xa se está a anunciar da man da proposta fotográfica do pontés Gonzalo Alonso. Un cartel rompedor e orixinal que, tal e como explicou a concelleira Sara Ramos, non pasa desapercibido e que está a servir para publicitar unha das festas gastronómicas de maior sona do entroido galego. Este novidoso cartel publicitario tamén formará parte da exposición que o propio Gonzalo Alonso terá na Casa Dopeso durante a xornada do vindeiro 2 de marzo aínda, tal e como explicou Sara Ramos, tamén haberá outras novidades no programa do Grelo deste 2014. Así, actividades coma o certame de cestas ou a freixoeira municipal cambiarán de ubicación, pasando, o primeiro ao remodelado Mercado de Abastos e a segunda a unha carpa que estará a carón da Casa de Don Pedro, o que redundará na propia comodidade dos visitantes que terán máis concentradas en espazo as diferentes actividades que integran esta Feria do Grelo de As Pontes. Outra das visitas típicas deste tipo de acontecementos é a dos artesáns locais que, novamente, volverán ofrecer demostracións en vivo do seu traballo coa madeira ou os bimbios na sala de exposicións do Mercado Vello ou na Rúa Alexandre Bóveda, unha aposta de éxito seguro, segundo apuntou Sara Ramos e que non podía faltar no programa da Feria do Grelo. Asemade, tamén durante a xornada haberá música da man de varios grupos tradicionais que amenizarán a mañá, visitas guiadas á Casa do Mel de Goente ou ao Museo Etnográfico de Monte Caxado e, por suposto, a degustación de cocido que desenvolverá un ano máis a empresa Catering Ferrolterra. 400 racións de cocido con botelo da Fonsagrada se servirán a un prezo de 10 euros dende as 12.30 e a ata as 15.00 horas, no patio do Colexio de Santa María, aínda que, segundo explicou Sara Ramos, todos aqueles que así o desexen tamén poderán levar para a casa este menú. E xa á tarde, nada mellor que facer a dixestión cunha boa dose de humor a que será posible desfrutar no XI Festival de Comparsas Vila de As Pontes e que se celebrará, no auditorio municipal Alovi, dende as 18.00 horas. Premios económicos xunto con nominacións á mellor actuación, letras ou vestiario integrarán a recompensa pola que poderán competir as sete comparsas que participarán nesta cita. E xa para o martes de Entroido, outra das citas típicas será a abalgata que partirá ás 17.00 horas da tarde da Avenida de Monte Caxado para percorrer as rúas máis céntricas do pobo, ata rematar no patio do Colexio de Santa María. Nenos e maiores poden xa anotarse, ata o vindeiro martes, no propio departamento de Cultura, en horario de mañá e así competir polos importantes premios que este ano repartirá o departamento que dirixe Sara Ramos. Precisamente, a edil apuntaba a necesidade de continuar a apostar por este tipo de actividades nas que se galardoan aquelas apostas máis orixinais e arriscadas e que, por suposto, non deixarán indiferente ao público que se instale nas rúas polas que pasará a comitiva carnavaleira. E é que os premios son do máis atractivos con vales en material escolar para os máis novos e que van dos 50 aos 150 euros ou xa premios en metálico para os adultos e que oscilan entre os 30 e os 400 euros. As bases destes dous certames están a desposición da cidadanía na propia páxina web municipal, no enderezo www.aspontes.com, aínda que tamén é posible telefonar ao 981 44 03 44 para solventar calquer tipo de dúbida ao respecto.

24/2/14

O Concello de As Pontes rehabilita a escola unitaria de San Pedro de Eume


O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, inaugurou o pasado sábado o local social da parroquia de San Pedro de Eume, unha antiga escola unitaria agora renovada e que servirá como centro de actividades para os residentes da zona. Membros da corporación municipal e representantes do tecido asociativo local, xunto con veciños da propia parroquia, tomaron parte nesta inauguración que supuxo a posta de longo dun inmoble duns 190 m2, con dúas prantas e novos e rehabilitados espazos. A empresa Areco foi a encargada de desenvolver este proxecto que arrincaba en 2012 e que supuxo unha inversión de case 90.000 euros procedentes da Deputación da Coruña. Precisamente, o gran traballo desenvolvido por esta empresa pontesa foi gabado por González Formoso no seu discurso de inauguración, empresa á que tamén agradeceu outras melloras á marxe do proxecto inicial, coma a instalación dun sistema eléctrico máis eficiente. O primeiro edil tamén extendeu o seu agradecemento aos veciños das parroquias, e é que González Formoso apuntaba a necesidade de seguir a investir nas zonas do rural, dándolles servizos e melloras que permitan fixar poboación e cumprindo así cunha débeda histórica. Pola súa parte, o presidente da asociación de veciños da parroquia, Rogelio Bouza, agradeceu esta actuación e comprometeuse a impulsar a actividade veciñal na zona con diferentes iniciativas. Este novo local social conta xa con dúas prantas debidamente reformadas, servizos, cociña, zonas de actividades e despachos que serán empregados polo colectivo veciñal para desenvolver as súas múltiples actividades.

22/2/14

25 persoas deron comezo hoxe á súa formación como monitor de tempo libre

As clases, que arrincaron hoxe no colexio A Magdalena, desenvolveranse ata xuño e contan coa organización da concellería de Servizos Sociais e a Escola de Tempo Libre Néboa As Pontes, 22 de Febreiro de 2014.- O concelleiro de Servizos Sociais, José Alén, inaugurou hoxe o novo curso de monitor de tempo libre que, ao abeiro do seu departamento, se ven de iniciar nas dependencias do colexio A Magdalena. O curso, homologado oficialmente pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, conta cun total de 25 alumnos e alumnas que, durante os vindeiros catro meses, aprenderán as nocións básicas e fundamentais para poder obter unha importante titulación esixida, a día de hoxe, á hora de traballar no campo do ocio e do tempo libre infantil, tal e como apuntou o edil de Servizos Sociais. José Alén, que compartiu uns minutos cos alumnos e alumnas deste curso, agradeceu a gran participación rexistrada neste segundo obradoiro de monitor de tempo libre que organiza o seu departamento e a oportunidade laboral que este curso significa. Asemade, o concelleiro anunciou o desexo de desenvolver nun futuro un curso de tempo libre pero para traballar con persoas con discapacidade. Tal foi a gran acollida e interese por tomar parte neste curso que se cubriron a totalidade das prazas ofertadas, non só con veciños de As Pontes, senón tamén con participantes doutros concellos da contorna, coma Cabanas ou Fene, o que demostra o éxito desta convocatoria e a relevancia dun curso que permite acadar unha importante titulación con gran saída laboral. Asemade, outro dos puntos a favor deste curso foi o seu asequible prezo. Os monitores da Escola de Tempo Libre Néboa serán os encargados de impartir esta actividade que terá lugar tódalas fins de semana ata o 14 de xuño, en horario de 9.30 a 14.30 e de 16.30 a 20.30 horas. E é que, dende hoxe, os participantes neste curso deberán afrontar 200 horas de contido teórico e 150 horas prácticas a desenvolver en colonias ou campamentos de verán. Aspectos coma a psicoloxía a empregar á hora de tratar aos campistas, metodoloxías de xogo e aprendizaxe, temas coma o medio ambiente, a socioloxía ou a formación en materias coma os xogos tradicionais e deportes, a participación, a educación en saúde e igualdade ou as actividades manuais integran o programa que, nos vindeiros catro meses, se inculcará nos asistentes a este curso e que xa na súa primeira fin de semana tiveron que facer fronte a un primeiro exercizo: o de perder a vergoña, algo complicado para moitos. Nembargantes, ésta non será a única proba difícil que deberán afrontar os futuros monitores xa que por diante quedan varios meses de aprendizaxe que deberán aproveitar ao máximo.

21/2/14

O colectivo O Adro, de Espiñaredo, sumábase esta tarde ao programa Vellez Activa 2014

O colectivo O Adro, de Espiñaredo, sumábase esta tarde ao programa Vellez Activa 2014, posto en marcha dende a concellería de Servizos Sociais co fin de ofrecer diferentes actividades socializadoras, de formación e diversión a veciños e veciñas de As Pontes maiores de 55 anos. Nesta ocasión, dende a directiva deste colectivo veciñal, solicitábase un obradoiro de risoterapia dos seis que, para este curso, se organizan ao abeiro deste programa e, precisamente, o venres poñían en marcha esta actividade da man da mestra Laura Vilaboy. Ao igual que xa aconteceu noutros puntos do rural e do casco urbano, coma en Marraxón ou no colectivo de Viuvas María Magdalena, esta primeira sesión foi tan só unha xornada de presentación e toma de contacto entre a ducia de alumnos e alumnas que participarán neste curso e a que será a mestra do mesmo. Tocaba pasar lista, explicar os contidos que se abordarán semanalmente nestes obradoiros e tamén comezar xogando para entender os eixos centrais desta actividade onde se empregarán a risa, os chistes, os xogos, as bromas e as situacións cómicas para pasar un rato entretido, desfrutar da compaña dos veciños e veciñas do propio barrio e, por suposto, utilizar unha ferramenta tan asequible como é a risa para deixar a un lado os problemas e as preocupacións de cada día. Tamén asistía a este primeiro día de presentación, o edil de Servizos Sociais, José Alén, que quixo agradecer, unha vez máis a colaboura das entidades veciñais á hora de apoiar este programa que cumpre seis edicións e que, xa no vindeiro exercizo, contará con novas apostas formativas e do máis entretidas. A vindeira semana Vellez Activa chegará a outros dous colectivos veciñais. Así o luns, ás 19.00 horas comezará o obradoiro de risoterapia no local social de Santa María do Aparral e o venres, día 28 ás 17.30 horas, dará comezo o curso de adestramento da memoria no que, este ano, participarán os veciños e veciñas da asociación das Campeiras.

20/2/14

As Pontes prepara o Entroido cunha nova edición da súa cabalgata de disfraces e o XI Festival de Comparsas

•O departamento municipal de Cultura repartirá nestas festas case 6.000 euros en premios entre dúas das citas máis populares destas datas As Pontes, 20 de Febreiro de 2014.- O Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Cultura, está xa a preparar o que será o programa de actividades para celebrar o entroido de 2014. Unha das citas ineludibles destas datas é a do domingo de antroido, 2 de marzo, xornada na que terá lugar unha nova edición do Festival de Comparsas Vila de As Pontes, a décimo primeira xa e que ano tras ano, congrega a unha importante cantidade de público con ganas de pasar unha tarde de domingo de antroido entre gargalladas, chistes e rimas do máis estrafalarias. De feito, o vindeiro luns días 24 abrirase o prazo para que as agrupación que así o desexen se anoten neste certame que, como máximo, contará con sete grupos participantes. Os grupos que desexen anotarse nesta cita deberán pasarse denantes do 27 de febreiro no departamento municipal de Cultura (1ª andar da Casa Dopeso), de luns a sábado en horario de 10.00 a 13.30 horas. As condicións a cumprir son semellantes ás de convocatorias anteriores xa que cada comparsa deberá contar como mínimo con 10 integrantes, vestidos cunha mesma temática. Asemade, será imprescindible presentar como mínimo tres composicións que deberán contar cunha letra en galego e con acompañamento musical. Ademáis de participar no festival de comparsas, que terá lugar o 2 de marzo ás 18.00 horas, no auditorio municipal Alovi, estas agrupacións deberán tomar parte no desfile de antroido do 4 de marzo. Pero o esforzo terá recompensa xa que o Concello repartirá, en contías idénticas, 3.200 euros entre todas as comparsas que tomen parte neste certame. Asemade, tamén haberá mencións especiais para a comparsa con mellores letras, a que presente un mellor vestiario ou a que realice a mellor presentación. Cabalgata de Entroido Tamén o luns abrirase o prazo de inscrición na Cabalgata de Entroido 2014 e que se celebrará o 4 marzo . Segundo o programa elaborado para esta xornada, a comitiva carnavaleira sairá da rúa Monte Caxado ás 17.00 horas e percorrerá as avenidas de Ortigueira, Castelao, Galicia, Alexandre Bóveda e Avenida da Coruña para rematar no patio do Colexio de Santa María. Un xurado valorará os traxes, ao longo de todo o percorrido da comitiva, e a súa decisión darase a coñecer unha vez remate o desfile no Colexio Santa María. No referente aos galardóns para os adultos, os grupos poderán gañar premios de 400, 250 e 150 euros ademáis dun accesit de 50 euros; as parellas poderán rematar as festas con 200, 100 e 75 euros máis nos seus petos e os que compitan na categoría individual optarán a tres premios de 100, 50 e 30 euros. No que respecta aos máis pequenos (-16 anos), os premios pasarán de ser en metálico a cambiarse por vales en material escolar, libros ou xogos educativos. Así as cousas, haberá cinco premios de 150 euros para a categoría de grupos, cinco premios de 75 euros para os que compitan por parellas e outros cinco premios de 50 euros para os que o fagan individualmente. Os rapaces que se inscriban na categoría de meniños, e que deberán ser menores de 8 anos, tamén recibirán un agasallo por tomar parte neste desfile xa que se lles fará entrega dun conto. Os interesados en participar poden formalizar xa dende onte a súa inscrición no departamento municipal de Cultura, ubicado no primeiro andar da Casa Dopeso, en horario de 10.00 a 13.30 horas tendo de prazo límite o martes de antroido.

19/2/14

Haydée Castillo ofreceu hoxe, en As Pontes, unha conferencia sobre a importancia da educación como ferramenta para a igualdade entre homes e mulleres

   A activista nicaragüénse Haydée Castillo estivo hoxe, novamente en As Pontes, dous anos despois da súa primeira visita ao noso concello e, nesta ocasión para falar de educación e da relevancia do coñecemento para eliminar as desigualdades entre homes e mulleres. A conferencia ofrecida pola experta contou coa organización do deparmanto municipal de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller e contou coa participación dunha ducia de veciñas, entre elas a directora do CIM, Maca Rego, e tamén o edil José Alén, encargado de introducir esta xornada sobre educación e igualdade. O concelleiro fixo balanzo da gran loita desenvolvida pola sociedade nestas últimas décadas para lograr non só un estado de benestar, senón tamén igualdade de dereitos para homes e mulleres e para aqueles que, malia non ter cartos, podían recibir unha boa educación pública. Dereitos que, segundo apuntou Alén, están en perigo ante os constantes recortes aplicados dende o goberno central e que están a dar lugar a que tan só aqueles que conten con recursos poidan acceder a unha boa educación. Segundo explicou o concelleiro estas políticas tan só están a acentuar as diferencias entre as clases altas e a clases baixas, situación que a xuízo do edil hai que cambiar, mediante a loita social e é que, tal e como apuntou o edil, a formación é a base do futuro, do cambio e da eliminación das desigualdades reais entre homes e mulleres e entre ricos e pobres. Haydée Castillo, pola súa parte, tamén deu boa conta da necesidade dunha educación a todos os niveis dos homes e mulleres, facendo fincapé non só na necesidade de saber ler ou escribir, senón tamén nunha formación integral que permita que os cidadáns loiten polos seus dereitos e que conten cuns valores fundamentais, coma a solidariedade, necesaria nestes tempos de crise. A educación da muller tamén ocupou gran parte desta charla, xa que Haydée Castillo defendeu a unha muller formada, que non só se eduque nas labores do fogar e que teña opcións de futuro máis aló do campo ou das actividades domésticas. O proxecto desenvolvido polo Instituto de Liderazgo Las Segovias, que dirixe a propia Haydeé Castillo, tamén tivo o seu lugar durante esta charla, de feito, as asistentes puideron ver nun vídeo o caso real de Besy Cisneros, unha rapaza que tivo a oportunidade de estudar cunha bolsa de Las Segovias e que agora aproveitará os seus coñecementos para axudar a aqueles que menos teñen. Uns coñecementos que, segundo Haydée Castillo, son necesarios para que as mulleres poidan decidir, para que teñan unha conciencia crítica co que as rodea e poidan loitar polos seus dereitos; unha situación non tan diferente á vivida décadas atrás neste lado do Océano Atlántico e que, segundo a activista nicaragüénse é preciso erradicar para loitar por un futuro mellor.

ARRINCA UNHA NOVA EDICIÓN DE VELLEZ ACTIVA CON MEDIA DUCIA DE CURSOS PARA MAIORES DE 55 ANOS

Vellez Activa 2014 abría onte mesmo as portas dunha nova edición, a sexta xa deste programa que se organiza dende a concellería de Servizos Sociais e que pretende ofrecer, ano tras ano, unha serie de entretidas actividades e cursos dirixidos a maiores de 55 anos de todos os puntos do Concello. Nesta ocasión, foron os veciños de Encoro da Ribeira, en Marraxón, os encargados de inaugurar este Vellez Activa co primeiro dos seis obradoiros que este ano se ofrecerán gratuitamente tanto en colectivos do casco urbano coma naqueles das zonas do rural e nos que participarán ao redor dun cento de veciños e veciñas. Unha vez máis, dende o departamento que dirixe José ALén, apostouse por dúas actividades que son sinónimo de boa acollida como son os obradoiros de adestramento da memoria e os de risoterapia, dúas iniciativas tan diferentes coma entretidas e que pretenden servir para que os participantes melloren as súas cualidades memorísticas e tamén para que aprendan a desfrutar da vida e relaxarse mediante a risa. De feito, onte mesmo, en Marraxón, Vellez Activa arrincaba entre sorisos, e divertidos xogos; os propostos pola mestra Laura Vilaboy que, un ano máis, será a encargada de dirixir as clases de risoterapia que se desenvolverán, durante as vindeiras semanas, no local social de Encoro da Ribeira e nas que participan un total de 15 alumnos. O edil José Alén tamén se sumou a esta estrea agradecendo a colaboura tanto de veciños coma da directiva da propia asociación. O concelleiro volvía facer fincapé, nesta primeira xornada, na importancia de tomarse a vida con humor e deixar o malo ao outro lado da porta. Asemade, Alén aproveitaba este primeiro día de risoterapia para anunciar novidades no que será o programa Vellez Activa 2015, no que se ten previsto incluír obradoiros con novas temáticas. Para este ano, Vellez Activa incluirá catro obradoiros de risoterapia e dous de adestramento da memoria que se prolongarán ata finais do mes de abril, obradoiros que irán arrincando durante a vindeira semana de xeito progresivo. De feito, esta mesma tarde daban comezo os tallers de adestramento da memoria tamén en Marraxón e o de risoterapia na Asociación de Viuvas María Magdalena. Xa o venres dará comezo o curso de risoterapia no colectivo O Adro, de Espiñaredo, e a vindeira semana poranse en marcha os cursos de Vellez Activa nas Campeiras e no Aparral.

15/2/14

O Concello de As Pontes demanda á Xunta de Galicia a asunción inmediata do seu Centro de Saúde

O edil de Servizos Sociais, José Alén, deu conta da súa disconformidade pola falla de compromiso da Consellería de Sanidade que, debería terse feito cargo do centro médico pontés hai case un ano As Pontes, 15 de Febreiro de 2014.- O concelleiro de Servizos Sociais, José Alén, ven de esixir novamente á Xunta de Galicia a asunción, por parte do goberno autonómico, do centro de saúde de As Pontes, tal e como recolle o Pacto Local do que forma parte o municipio pontés e o goberno galego. Esta reivindicación xorde a raíz das infructuosas peticións realizadas meses atrás polo executivo local á Consellería de Sanidade. E é que, segundo lembrou o edil de Servizos Sociais, tralo encontro celebrado en xuño de 2012 entre os executivos autonómico e local coa presenza da conselleira do ramo, Rocío Mosquera, ámbolos dous gobernos acordaban a cesión destas instalacións, a máis tardar, na primavera do pasado ano. Tal e como apuntou José Alén, a día de hoxe, o Concello de As Pontes cumpriu fidelmente coas esixencias da Consellería de Sanidade para que ésta se fixese cargo tanto destas instalacións coma do custo do seu funcionamento, trámites que incluiron a modificación da ordenanza fiscal do IBI para eximir á Xunta de Galicia dos pagos por este inmoble. Neste senso, o concelleiro de Servizos Sociais demandou novamente ao departamento autonómico de Sanidade o cumprimento inmediato dun acordo que a propia conselleira Rocío Mosquera asumía en xuño de 2012, acordo que se volvía solicitar por parte da administración local o pasado mes de decembro, mediante unha petición por escrito e que aínda non tivo resposta por parte da Xunta de Galicia. Ante esta situación, José Alén criticou a falla de compromiso da conselleira de Sanidade que, dous anos atrás, ofrecía a súa garantía á hora de asumir, denantes de que rematase o 2013, a dirección e custos do Centro de Saúde de As Pontes, o que suporía un aforro para as arcas municipais de 100.000 euros. Por outra banda, José Alén volveu esixir o mantemento da totalidade dos servizos que ofrece o Centro de Saúde de As Pontes xa que, a día de hoxe, é moi frecuente o feito de que non se cubran as baixas, vacacións ou permisos do persoal sanitario; o que, segundo apuntou o concelleiro, está a perxudicar notablemente aos usuarios destas dependencias, que ven mermados os servizos que se lles ofrecen dende o centro médico pontés. En relación a esta problemática, o concelleiro solicitou a actuación inmediata por parte da Xunta de Galicia,co fin de solventar esta falla de persoal que está a redundar nunha deficiente atención aos pacientes que deben ata agardar máis dunha semana para ser atentidos.

14/2/14

A XXXIV FEIRA DO GRELO REPARTIRÁ, O 2 DE MARZO, MÁIS DE 1500 EUROS ENTRE OS PARTICIPANTES NO TRADICIONAL CERTAME DE CESTAS

A conta atrás para a celebración dunha nova edición da Feira do Grelo de As Pontes está en marcha e, de feito, á publicación nas últimas horas das bases que rexerán o certame de cestas vense de sumar un dos segredos mellor gardados desta cita: o cartel que servirá para anunciar esta XXXIV edición dunha das festas gastronómicas con máis sona en toda a contorna. Nesta ocasión, o traballo que servirá para anunciar esta xornada foi elaborado por Gonzalo Alonso Abella que optou por unha fotografía real dunha muller pero co toque típico destas datas: os grelos, que serven de tocado para o cabelo da protagonista desta imaxe. Unha aposta diferente á de anos anteriores e que, nuns días, asolagará os escaparates de todos os locais hostaleiros e comerciais da nosa vila e tamén dos concellos da contorna co fin de atraer á maior cantidade posible de visitantes para a xornada do 2 de marzo. Ademáis de coñecer este cartel anunciador, tamén se veñen de facer públicas as bases que rexerán unha nova edición do certame de cestas e que pretende superar as cifras do pasado ano, con case 80 participantes. Así, un ano máis a Concellería de Cultura repartirá nove premios valorados en 1500 euros dirixidos a recoñecer non só ás cestas cos mellores grelos, senón tamén ás mellor engalanadas. No tocante aos premios ás mellores cestas, está previsto que se destinen 300 euros á mellor cesta, 250 euros á segunda clasificada, 200 euros á terceira e tamén 3 accesits de 60 euros cada un. Tamén resultarán premiadas as tres cestas mellor engalanadas con 300, 200 e 100 euros, respectivamente. Asemade, tódolos participantes recibirán 20 euros en calidade de gastos de desprazamento. Para poder tomar parte, unha vez máis, esíxese que o participante sexa maior de 16 anos e que as cestas presentadas a concurso teñan, como mínimo, dez madas de grelos. Ao igual que en anos anteriores, os participantes deberán presentar as súas cestas para ser numeradas entre as 8.00 e as 10.00 do mesmo día da feira, no posto organizativo instalado a carón do lugar onde terá lugar o certame de cestas: a praza de América que, por cuarto ano consecutivo, albergará este concurso. Ata as 11.00, un xurado composto por persoas coñecedoras do produto e un representante do Concello, que carecerá de voto, escollerá as cestas gañadoras. Trala decisión do xurado, poñeranse á venda os grelos non premiados. Ás 12.30 farase entrega, no patio do Colexio Santa María, dos premios ás nove cestas escollidas polo xurado, entrega que estará presidida polo alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e por diferentes membros tanto do xurado como da corporación municipal.

10/2/14

O Concello pon en marcha un programa de limpeza dos polígonos empresariais do municipio

O Concello de As Pontes está a desenvolver unha actuación nos polígonos do termo municipal destinada á limpeza e acondicionamento destes espazos. A finais do pasado mes de xaneiro deron xa comezo polo Polígono de Penapurreira as tarefas primeiras tarefas tanto de limpeza propiamente dita como de acondicionamento dos polígonos industriais ponteses,o que se plasmará nunha mellora da imaxe das areas industriais locais. Esta actuación, levada a cabo polo S.A.C., estase a centrar na limpeza das calzadas e beirarúas do polígono, procedendose dun xeito pormenorizado á eliminación de herbas, ó desbrozado, e ó barrido e recollida de residuos e lixo abandoados no entorno do polígono. Estas tarefas serán ademais complementadas con outra actuación que vai refundar na mellor da dotación e os servizos neste polígonos, coa colocación de contedores de lixo nas fases A e B do Polígono de Penapurreira, de xeito que se complete unha dotación que xa está finiquitada na fase C, ao que se sumará tamén a revisión e reparación da sinalística e o repintado dos pasos de cebra. Os medios que está a empregar o concello, ademais da dotación completa en persoal do Servizo de atención inclúen un dumper, maquinaria de desbroce e un camión cisterna de baldeo. Estas actuacións veñen promovidas dende a Concellería de Industria, Promoción económica, Desenvolvemento Industrial, Comercio e Hostalaría. Precisamente dende este departamento municipal ven de decidirse tamén a variación dos horarios do IPPEC para facelos máis funcionais e mellorar o servizo aos ususarios. Entrou xa en vigor un novo horario de 9.00 a 14.00 horas polas mañás e de 15.00 a 17.00 horas polas tardes. Deste xeito búscase mellorar a atención e ofrecer este servizo ó comercio sen que interceda no funcionamento dos seus establecementos, ó igual que coa administración das empresas que terán a opción de acudir ó IPPEC pola mañá ou pola tarde.

Unha nova depuradora da xa servizo ao Polígono de Penapurreira

Tras varias semanas de traballo, o polígono industrial de Penapurreira conta cunha nova depuradora que permitirá mellorar o tratamento das augas residuais xeradas na zona C deste parque empresarial. A empresa pontesa Intacta Gestión Ambiental foi a encargada de realizar estes traballos que supuxeron unha inversión total de 135.722 euros que arrincaban o pasado mes de novembro, nunha parcela de servizos de 943 metros cadrados. Grazas a esta nova depuradora, empresas deste sector coma Delicias Coruña, Daxiong Spain, Evasa, Delagro ou Biomasa Forestal poderán contar cun novo sistema de depuración de augas residuais, adaptados aos parámetros de verquidos vixentes e minimizando as repercusións para o medio ambiente. No tocante ao proxecto desenvolvido por Intacta, éste consta dun pozo de bombeo prefabricado, un sistema de desbaste de finos por tamiz rotativo, unha cámara de separación de graxas e decantados, unha depuradora por lodos activos de baixa carga, unha arqueta para tomar mostras e, finalmente, unha caseta para a instalación de equipos. A nova depuradora porase en marcha o antes posible xa que o único que está aínda pendente para que este servizo comece a funcionar é a súa posta en tensión.

Alcaldes de As Pontes. Un recorrido desde 1836 despídese de As Pontes cun recoñecemento aos veciños que axudaron na elaboración deste volume

A escritora María Sande despedíuse o pasado sábado de As Pontes e facíao protagonizando unha gala na que a autora de San Sadurniño buscou recoñecer a labor e colaboura de todos aqueles veciños e veciñas que lle botaron unha man á hora de recabar datos e fotografías para dar vida a Alcaldes de As Pontes. Un recorrido desde 1836. O auditorio municipal Alovi acolleu este acto no que a historiadora buscou recoñecer a colaboura e traballo daqueles que, no seu día, aportaron gran cantidade de datos sen os cales esta publicación quedaría incompleta. No seu discurso, María Sande tamén deu conta da gran cantidade de amigos que deixa en As Pontes pero tan só por unha tempada e é que a autora anunciou que completará en breve varios dos capítulos que quedaron abertos neste libro homenaxe aos rexedores ponteses. Asemade, a autora tamén quixo ter un detalle con aqueles que tanto a axudaron coma Dulce Bellas, Fernando Fresco, Pepe Tembrás, Carmen Cabarcos, Elena Dopeso, Xavier Martínez, Felipe de Arnaiz, Ana Ares e Carlos Romero aos que fixo entrega dun dvd coa gala de presentación do libro dos Alcaldes de As Pontes, gravada pola televisión local, e que se celebrou o pasado 10 de Xaneiro. Como punto e final a este acto, María Sande volveu poñer á venda algúns exemplares de Alcaldes de As Pontes, un recorrido desde 1836 que tamén adicou a todos os presentes que quixeron levar consigo unha copia desta parte da historia local.

9/2/14

O Concello de As Pontes creará un horto urbano con capacidade para un cento de parcelas

O proxecto suporá unha inversión de 67.000 euros e estará ubicado na rúa Alcalde José Vilaboy Pajón As Pontes, 07 de Febreiro de 2014.- O Concello de As Pontes, mediante a Concellería de Medio Rural, embárcase nun novo proxecto totalmente novidoso na contorna, sinónimo de autosuficiencia, aforro económico, ocio e convivencia veciñal e é que o executivo pontés ten previsto crear unha horta urbana comunitaria. O proxecto inclúe a creación de 100 hortas, de non menos de 42 m2, que se situarán na Rúa Alcalde José Vilaboy Pajón, nunha parcela de máis de 9.000 m2. Unha vez executado o proxecto deseñado por Agroeume SL, a parcela contará cun caseto con taquillas, baños, almacén para gardar as ferramentas, e unha zona cuberta para a limpeza das hortalizas. Tamén disporá de zona de acceso con prazas de aparcamento, camiños de acceso ás hortas, instalación de rego e unha zona de compostaxe. O proxecto suporá un desembolso para o Concello de 67.093 euros, o que incluirá a urbanización do terreo, a obra civil, os equipos e maquinaria, os suministros de fontanería, electricidade e protección contra incendios e o proceso de enxeñería.

7/2/14

16 FAMILIAS PARTICIPAN NA PRIMEIRA EDICIÓN DA ESCOLA DE PAIS ORGANIZADA POR SERVIZOS SOCIAIS

O departamento municipal de Servizos Sociais poñía onte en marcha unha nova iniciativa formativa, nesta ocasión dirixida aos pais e nais de estudantes de 5º e 6º de Primaria e Educación Secundaria. Este curso, que leva por título Escola de Pais, busca non só ofrecerlle as ferramentas aos participantes para axudar aos seus fillos e fillas á hora de estudar, senón tamén ir máis aló, convertendo estas clases nun foro no que os asistentes compartan experiencias educativas, problemas cos seus pequenos e tamén posibles vías de solución. E é que a Escola de Pais pretende ser un apoio para aquelas familias con menores para desenvolver dun xeito óptimo as súas funcións educativas e socializadoras, ao tempo que se busca evitar e previr situacións de inadaptación e de risco social mediante unha serie de pautas saudables tanto a nivel familiar coma educativo. O psicólogo do centro Ensino, Ángel Cañizares, estase a encargar de impartir este curso que contará cun total de 10 horas de duración, en sesións semanais de dúas horas e que se están a desenvolver nas dependencias da Casa Dopeso. Precisamente, onte mesmo, na xornada de presentación, tamén se contou co edil de Servizos Sociais, José Alén, que aproveitou a súa presenza nesta actividade para dar a benvida ás 16 nais e pais que están a tomar parte neste taller e, por outra banda, animar aos presentes a compartir experiencias e situacións familiares xa que, tal e como apuntou o concelleiro, moitos son os problemas que comparten aquelas familias con menores no fogar e que poden ter solucións comúns. Esta Escola para Pais volve ser unha iniciativa totalmente gratuíta posta a desposición da concellería de servizos socias e que pretende retomar o camiño xa aberto durante o Nadal pola escola de técnicas de estudo para alumnos de Educación Secundaria, que tamén rexistrou un gran éxito de participación.

5/2/14

María Sande despídese este sábado de As Pontes cunha homenaxe a aqueles que a axudaron a realizar Alcaldes de As Pontes. Un recorrido desde 1836

Este sábado teremos a última oportunidade de facernos cun exemplar do libro Alcaldes de As Pontes. Un recorrido desde 1836 do que é autora a historiadora de San Sadurniño María Sande. A publicación é unha edición limitada, e non se vende en librarías, polo que, logo das dúas ocasións anteriores, esta será a terceira e última de mercar un exemplar. Haberá ademais sinatura deses libros pola propia autora como peche a unha gala que vai comezar ás11.00 horas no Auditorio municipal Alovi. Este acto servirá como peche dos eventos realizados ao beiro desta publicación e ten como obxectivo homenaxear a aqueles e aquelas que colaboraron neste proxecto. O recoñecemento público incluirá a entrega dun agasallo de recordo a cada unha destas persoas que colaboraron aportando datos, informes, fotos, ou calquera das colabouras que permitiron o traballo de investigación que daba lugar a esta publicación que deixa para a historia a escolma dos alcaldes que a nos vila tivo na sua historia.

O grupo fenés Fusion Dance protagoniza este sábado unha exhibición en As Pontes

  A Concellería de Xuventude que dirixe Jesús Tembrás traerá este sábado ata As Pontes unha exhibición de baile moderno protagonizada polo grupo Fusion Dance, de Fene. A actuación arrincará ás 19.00 horas , no polideportivo municipal da Fraga e a entrada será totalmente libre. Fusion Dance chegará a As Pontes cuna coreografía que aunará unha grande variedad de estilos coma o hip-hop, o lyrical hip-hop, o locking, o popping, o waacking, o tutting, o krump, o new style, o commercial ou break dance que se combinarán con numerosos cambios de posición, estrutura e recursos característicos de cada alumno, con piruetas e waves. Esta exhibición contará con catro bloques nos que o protagonismo será para o baile deportivo con funky, hip hop e o mj style, anque haberá lugar tamén para a zumba, ou o latino, e con grupos de todas as idades.