31/1/14

Servizos Sociais e a Escola Néboa programa a posta en marcha dun curso de monitor de tempo libre

O departamento de Servizos Sociais e Atención Cidadá do Concello de As Pontes ofrecerá, dende o vindeiro mes de febreiro, un curso intensivo co fin de formar a 25 novos monitores de tempo libre. A Escola de Tempo Libre Néboa e a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia colaborarán con esta iniciativa que dará lugar a que os participantes acaden un título totalmente homologado polo executivo autonómico. Segundo explicou oo edil de Servizos Sociais, este curso é unha gran oportunidade formativa para aqueles que desexen traballar no mundo do ocio e coidado infantil. Asemade, José Alén apuntaba que xa en 2010 se realizaba un curso semellante cun alto grao de participación, cunha vintena de alumnos e alumnas. O concelleiro tamén daba conta do futuro laboral que pode supoñer este curso xa que, a día de hoxe, moitas son as empresas de ocio lúdico educativo que precisan de monitores titulados.. O curso desenvolverase entre o 22 de febreiro e o 14 de xuño, con clases que aunarán contido teórico, con 200 horas de duración, e 150 horas de prácticas en campamentos, colonias ou actividades a desenvolver no propio concello coma os campamentos de Vilarbó ou os campamentos urbanos. No tocante ás clases teóricas, éstas terán lugar os sábados, de 09.30 a 14.30 e de 16.30 a 20.30; e mailos domingos de 9.30 a 14.30 horas, no colexio A Magdalena. A parte teórica, que será impartida por integrantes da Escola Néboa, incluirá aspectos coma a psicoloxía, a socioloxía, a educación no tempo libre, medio ambiente, saúde, plástica , a dramatización ou os xogos, entre outras disciplinas. Para poder participar é preciso ser maior de idade, estar en posesión do título de Graduado Escolar ou de Secundaria, técnico auxiliar en Formación Profesional ou equivalente. Asemade, será preciso facer entrega da correspondente ficha de inscrición, unha fotocopia do D.N.I e do título esixido, un certificado de empadronamento no Concello de As Pontes, cunha antigüidade mínima de seis meses; unha foto de carné, curriculum e resgardo do pago da matrícula correspondente na entidade Nova Galicia Banco. No tocante ao prezo de inscrción, este curso terá un custo de 100 euros para veciños de As Pontes e de 190 euros para as persoas que procedan doutros municipios. Toda esta documentación deberá ser entregada nas oficinas de Servizos Sociais, ubicadas no segundo andar da Casa Dopeso ata o vindeiro día 14. Os interesados en obter máis información tamén poderán contactar coa organización deste curso mediante os teléfonos 669 111 183 ou 981 44 10 08 ou nos enderezos electrónico servizos.sociais@aspontes.org ou ben escola@neboa.org.

Servizos Sociais ofrece unha charla á cidadanía dirixida ao fomento de boas prácticas de hixiene, hidratación e limpeza das persoas dependentes

O departamento municipal de Servizos Sociais celebrou hoxe unha charla adicada ao coidado das persoas con dependencia. Foi unha xornada intensiva dividida en dúas quendas e nas que tomaron parte moitos veciños e veciñas de As Pontes con persoas dependentes ao seu cargo. O Concello contou, neste caso, coa colaboura da farmacia local Fernando de la Fuente e tamén co experto Javier Rubio, dos Laboratorios Hartmann, que se encargou de dar a coñecer aos prensentes dende as pautas de actuación cunha persoa con problemas de incontinencia ata as liñas mestras para o coidado da pel daqueles que non se valen por sí mesmos. Na inauguración destas charlas, non podía faltar o edil do departamento organizador. De feito, José Alén tamén se dirixiu ao público presente na Casa Dopeso para dar conta da necesidade de achegar uns coñecementos básicos sobre o coidado de persoas dependentes a aqueles veciños e veciñas que non contan con persoas tituladas que os axuden ou que teñen no seu fogar a unha persoa con discapacidade. Pola súa parte, Javier Rubio abría a súa exposición dando conta dun dos problemas de maior relevancia co paso dos anos como é a incontinencia urinaria, unha enfermidade que afecta a máis de 2,5 millóns de persoas en España. O experto explicou aos presentes dende as causas desta enfermedidade ata as súas graves consecuencias e que poden afectar tanto física como psiquicamente ás persoas que sofren esta doenza. De feito, problemas coma as infeccións urinarias ou as úlceras, xunto coa perda da autoestima ou incluso a erradicación das relacións co exterior, poden ser posibles consecuencias desta problemática. Asemade, Rubio taménexplicou as posibles medidas de control e prevención e, por suposto, dos mecanismos que, a día de hoxe, se empregan para paliar esta situación como son os cueiros e que, tal e como explicou o experto, deben estar adaptados aos enfermos xa que con tan só medir a súa cintura é posible escoller o cueiro máis axeitado. Outro dos temas que se abordou durante esta charla foi a limpeza e hixiene da pel das persoas dependentes debido á necesidade de manter unha correcta hixiene e hidratación da pel do enfermo para evitar a aparición de úlceras ou infeccións cutáneas, ademáis da súa colocación nunha postura axeitada e cómoda, que evite que o enfermo poida ver empeorado o seu estado. As preguntas do público presente serviron para pechar esta xornada que, sobre todo foi moi participativa, xa que os presentes que así o desexaron pudeiron solventar as súas dúbidas grazas á experiencia de Javier Rubio.

23/1/14

O departamento de Medio Rural realizará, de xeito gratuíto, a recollida de plásticos agrícolas

A partir de mañá mesmo, o Concello de As Pontes vai proceder a realizar a recollida de plásticos agrícolas sen coste algún para gandeiros e agricultores. Diante da constatación do incremento dos verquidos e a incineración de xeito incontrolado, o que supón un problema medioambiental, que orixina un deterioro progresivo e acumulativo do contorno, dende a Concellería de Medio rural decidíase poñer en marcha un Programa de Recollida de Plástico Agrícola. A intención é a de implantar un sistema de recollida dos plásticos agrícolas, tanto de silo coma de invernadoiro, e facilitarlle ós agricultores e gandeiros a súa xestión axeitada, comabatendo tamén o impacto paisaxístico derivado da proliferación de puntos de abandono destes materiais. Os agricultores e gandeiros poderán comunicar a súa demanda de retirada ó Concello e a partir de hoxe xa se lles dará data para depositaren os seus plásticos agrícolas no lugar máis próximo á estrada. Os residuos acumulados deben ser exclusivamente plásticos agrícolas e estes deben estar o máis limpos posibles e atados ou recollidos de tal xeito que faciliten a súa recollida. Unha vez cumpridas estas premisas, o Concello porase en contacto coa empresa de recollida para que proceda a retiralos e transportalos ata os puntos habituais, no almacén de Ribadeume ou no Punto Limpo. Este transporte será gratuíto para gandeiros e agricultores que tan só deberán contactar directamente coa Casa Consistorial.

Ábrese o prazo para que as entidades veciñais se sumen a unha nova edición de Vellez Activa

O departamento municipal de Servizos Sociais ven de abrir o prazo para sumarse a unha nova edición dos obradoiros de envellecemento activo. Así, as entidades veciñais que o desexen poderán anotarse co fin de que o seu colectivo acolla un dos oito curso que, ata o mes de abril, serán desenvolvidos gratuitamente por monitores especializados. Para esta campaña, dende a concellería que dirixe José Alén apostouse pola reedición de dous clásicos: os talleres de adestramento da memoria e os adicados á risoterapia. De feito, para os vindeiros meses está previsto que se desenvolvan catro obradoiros de cada unha destas modalidades noutros tantos colectivos veciñais. As clases estarán dirixidas a maiores de 55 anos e contarán cunha sesión semanal, dando comezo o 10 de febreiro para rematar o 4 de abril. Os colectivos interesados en acoller estas actividades terán ata o 4 do vindeiro mes para presentarse nas dependencias da concellería de Servizos Sociais, no segundo andar da Casa Dopeso, e alí tramitar a pertinente solicitude. Asemade, os veciños a título persoal que desexen asistir a estes obradoiros tamén poderán dar conta da súa interese acudindo ao departamento municipal de servizos sociais, onde tomarán nota dos seus datos para, posteriormente, ubicar ao solicitante nun dos cursos ofertados. Para obter máis información sobre este programa tamén é posible contactar coa concellería de Servizos Sociais, no 981 44 10 08, ou ben achegarse ata as súas oficinas de luns a venres, en horario de 8.00 a 15.00 horas.

SERVIZOS SOCIAIS ORGANIZA UNHA CHARLA SOBRE O COIDADO DE PERSOAS DEPENDENTES

Moitos son os ponteses e pontesas que contan, no seu fogar, cunha persoa dependente, sen autonomía ou á que lle custa realizar as tarefas diarias máis sinxelas sen axuda. Avós, pais, tíos ou familiares en xeral que precisan dunha atención específica e que, ás veces, non sabemos como atender axeitadamente ante situacións tan cotiás coma o cambiar un cueiro ou realizar as tarefas de hixiene máis básicas. Para poder atallar este descoñecemento, dende a concellería de servizos sociais, e co respaldo da farmacia local Fernando González de la Fuente, están a organizar para o vindeiro día 31 unha xornada adicada precisamente ao coidado das persoas dependentes. A Casa Dopeso albergará esta xornada que se dividirá en dúas sesións de igual contido e que se desenvolverán entre as 10.00 e as 13.00 horas, ou ben dende as 16.00 ata as 19.00 horas. Con esta dobre conferencia o que se busca é chegar a toda a veciñanza, adaptándose en dúas sesións, a aqueles que traballan de mañá ou os que o fan polas tardes. No tocante aos contidos desta xornada, está previsto que se aborden dende as técnicas máis axeitadas para mobilizar ou mover a unha persoa dependente ata as mellores e máis cómodas posturas para unha persoa incapacitada fisicamente. Asemade, tamén se ofrecerán liñas de actuación para manter unha boa hixiene da pel do enfermo para evitar úlceras coa correspondente hidratación da mesma e outros temas coma a colocación dos cueiros. A entrada a esta charla será totalmente libre, tanto na xornada da mañá coma da tarde, ata completar aforo.

20/1/14

O Concello de As Pontes súmase á dor polo falecemento do alcalde de As Somozas

As bandeiras da Casa Consistorial pontesa ondearán a media asta toda a xornada como sinal de loito polo pasamento do rexedor veciño Manuel Candocia As Pontes, 20 de Xaneiro de 2014.- O Concello de As Pontes sumouse hoxe á dor polo falecemento, nas últimas horas, do alcalde do Concello de As Somozas, Manuel Candocia. O primeiro edil pontés, Valentín González Formoso, lamentou profundamente o seu pasamento e trasladou as súas máis sinceiras condolencias aos seus familiares e amigos. O rexedor sumábase así as múltiples mostras de afecto e agarimo pola figura de Manuel Candocia, en representación dun pobo de As Pontes, que mantén moi estreitas relacións veciñais e institucionais co concello veciño de As Somozas. Como mostra de respecto institucional, durante toda a xornada, as bandeiras do balcón da Casa Consistorial ondearon a media asta. Unha nutrida delegación institucional asistirá tamén ó sepelio que partirá esta tarde dende o tanatorio San Roquiño de As Pontes ás 17.00 horas con destino ao ceminterio parroquial de As Somozas.

17/1/14

A Concellería de Turismo presenta ante o tecido asociativo local as accións realizadas no último semestre a nivel de promoción turística

• A edil Ana Pena deu a coñecer tamén as ferramentas a nivel de comunicación coas que conta o seu departamento en prol da promoción de As Pontes como destino turístico A Concellería de Emprego, Turismo e Novos Proxectos do Concello de As Pontes, convocou onte ó sector hostaleiro e ao tecido asociativo pontés para presentar os resultados da “Estratexia de Información e Comunicación: Destino, As Pontes” posta en marcha en Xullo de 2013. Así como as acción previstas para o 2014, nas que xa se está a traballar. Os dous xóvenes ponteses integrantes de Deloga, deron conta das aproximadamente 200 publicacións feitas nas ferramentas de comunicación online municipales que xestionan, e das preto de 120.000 persoas que has visionaron. A Concelleira de Emprego e Turismo, Ana Pena, manifestou o seu convencimento, de que As Pontes está a demostrar que ten moito que ofrecer como destino a visitar, “non sólo polos reclamos naturais cós que conta o noso municipio, o mais extenso da provincia, senon pola inmensa oferta cultural, deportiva e de ocio que se oferta o longo de todo o ano”. O municipio pontés conta con un extenso tecido asociativo que durante o 2013 puxo en marcha distintos eventos que achegaron As Pontes milleiros de visitantes. Finalmente, a concelleira Ana Pena apuntou que “Dende a área municipal de Turismo, o principal obxetivo destas xornadas, e fomentar a colaboura e a cooperación dos dintintos axentes , para que o esforzo das entidades asociativas locais, repercuta na dinamización dos sectores directamente afectados como a hostalaría e o comercio local”.

A Concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio organiza a II edición do seu curso de escaparatismo dirixido a comerciantes locais

O Concello de as Pontes vai poñer en marcha xa a segunda edición do curso de escaparatismo. Logo da exitosa primeira entrega desta actividade formativa para os comerciantes locais, dende a Concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio, que dirixe Montserrat García, anunciábase a pasada fin de semana a celebración deste segundo curso para atender á gran lista de agarda que xerou o primeiro destes obradoiros e que demostra a interese do tecido comercial local nesta materia. Volven ser outras quince as prazas ofertadas, pero tan só quedan tres por cubrir, xa que hai ata doce que xa están gardadas da lista de espera do curso precedente. Novamente este curso será totalmente gratuíto sendo necesario anotarse dende o vindeiro luns e durante toda a semana no Rexistro Xeral do Concello, ubicado na pranta baixa da Casa Consistorial. O curso desenvolverase todos os sábados do mes de febreiro, en horario de tarde. A formación a impartir permitirá que os nosos comerciantes se acheguen ó coñecemento de todas as técnicas que converten un escaparate no perfecto técnico de vendas, coñecendo os deseños, o aproveitamento do espazo, os elementos que o compoñen e que productos son os máis indicados, para cada deseño ou en función do comercio.

A concellería de Xuventude abre mañá os obradoiros Xuveocio dirixidos á conciliación da vida laboral e familiar nas mañás de sábado

O Concello de As Pontes volve ofertar unha actividade de ocio na fin de semana para a mocidade pontesa. A iniciativa parte da do departamento municipal de Xuventude, que apostou por unhas xornadas os sábados pola mañá para axudar na conciliación familiar desenvolvendo actividades lúdicas de ocio para os nenos e nenas. Xuve ocio, que será o nome destas xornada, comezará mañá e terá como escenario a Casa de Don Pedro, todos os sábados entre as 10.30 e as 13.30 horas. Para participar tan só hai que inscribirse no mesmo día, xa que estes obradoiros son gratuítos. Co traballo de animación a cargo da empresa local Picariños, traballarase o desenvolvemento da imaxinación e a creatividade, con obradoiros temáticos, xogos dirixidos, celebración de festas, e mesmo a fabricación do propio material lúdico a empregar, potenciando o desenvolvemento de habilidades sociais. Xuveocio arrincará mañá mesmo e celebrarase todos os sábados ata o 24 de maio e contará cun máximo de 30 participantes por xornada.

16/1/14

A Orquestra Chévere presentou hoxe en As Pontes I´ll be watching you, unha análise da visión do amor e das relacións de parella a traverso de cancións do pop actual

Xerar un pensamento crítico dos máis novos en relación á violencia machista e todo baixo a música máis coñecida e popular e mediante o teatro. Esta é a principal fin de I´ll be watching you, o espectáculo músico- teatral da compañía Chévere e que hoxe tiña como escenario As Pontes e o salón de actos da casa dopeso. Ducias de alumnos e alumnas de 3º e 4º de Secundaria participaron nesta especial representación que contou co patrocinio da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, ao abeiro da rede de entidades locais contra a violencia de xénero e na que tamén está incluído o noso concello. A música e temas tan populares e supostamente inofensivos e apolíticos, coas relacións románticas foron o eixo central da trama que hoxe visitaba terras pontesas e na que tamén puidemos ver ao edil de Servizos Sociais, José Alén, e a directora do Centro de Información á Muller, Maca Rego, tamén responsables de que esta particular orquestra estive hoxe no municipio. Sin ti no soy nada de Amaral, Toda de Malú, If I were a boy de Beyonce ou precisamente a que da título a este espectáculo, I´ll be watching you, baseada no tema Every Breath you take de Police, integraron esta historia na que os máis novos puideron desfrutar da música de Yeni e Dami, dous integrantes dunha orquestra de pachanga que versionan esos temas que todos coñecemos e que idealizan a relación de parella. You are beautifull, de James Blunt, Celos de Andy y Lucas ou El Látigo de Toby Toon tamén formaron parte dun espectáculo no que estas versións se ían intercalando con pequenos fragmentos da vida da propia cantante e que pretenderon ser unha crítica a valores coma os ciumes como proba de amor, a muller como posesión , a convivencia e a violencia ou a cousificación da figura feminina. I´ll be watching you está protagonizada por Patricia de Lorenzo e Manuel Cebrián e pretende ser unha análise deses produtos musicais que consumen os máis novos pero dende unha perspectiva de xénero. Mediante a implicación do público e a súa participación, o que se buscou é que a xuventude de hoxe teña un espírito crítico coa visión que se da na música do amor, das relacións en parella ou a dependencia da muller con respecto do home, co fin de os máis novos tomen conciencia da necesidade de actuar para previr situacións susceptibles de derivar en relacións desiguais ou en conductas violentas.

15/1/14

As Pontes estuda a rúbrica dun convenio de colaboración coa Asociación Parkinson Ferrol

O Concello de As Pontes está a estudar a posible sinatura dun acordo de colaboración anual coa Asociación Parkinson Ferrol Onte mesmo, integrantes da xunta directiva deste colectivo co seu presidente Gerardo González á fronte, mantiveron un encontro co alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e o edil de Servizos Sociais, José Alén, aos que lle presentaron esta opción debido á situación agónica a nivel económico, que está a atravesar esta entidade, ante a falla de axudas por parte do goberno autonómico. Esta reunión formou parte dunha rolda de contactos que, nestes días, están a manter os integrantes de Parkinson Ferrol cos diferentes concellos da comarca de Ferrolterra que contan con algún veciño membro deste colectivo. De feito, dos 87 asociados desta entidade, tres son veciños de As Pontes, aos que se suman tamén veciños doutros municipios da zona coma Narón, Ferrol, Mugardos, Ares ou Fene. O executivo local non só estudará a opción de entablar un acordo de colaboura con este colectivo, senón tamén o poder desenvolver algunha iniciativa solidaria, a nivel deportivo ou cultural, que teña como fin recadar fondos para esta asociación sen ánimo de lucro. E é que, tal e como explicou neste encontro Gerardo González, o recorte en axudas por parte das administracións deu lugar a que, a principios de ano, fose necesario non só subir as cotas dos socios dos 80 aos 110 euros, senón tamén incrementar o prezo dos servizos que se prestan neste colectivo e que van dende as sesións de fisioterapia, ás masaxes, a atención psicolóxica ou a rehabilitación cognitiva. Deste xeito, o que se busca dende a Asociación de Parkinson Ferrol é poder facer fronte ás nóminas do persoal do centro algúns meses máis ata que se logren novas axudas e subvencións que permitan a continuidade desta entidade. Dende o executivo local, amosouse o compromiso de estudar o caso que afecta a esta entidade ferrolá e a posible sinatura dun convenio de colaboura que suporía un desembolso duns 1000 euros anuais, dirixidos a sustentar esta asociación que da asistencia a unhas 90 das 700 persoas enfermas de Parkinson da comarca de Ferrolterra.

14/1/14

Está aínda aberto o prazo de inscrición para participar nunha nova acción formativa da Concellería de emprego, "Xestión administrativa básica”.

As inscricións hai que formalizalas no departamento de emprego municipal ata este venres e en horario de 9:00 a 14:00 horas. Os alumnos/as deberán estar inscritos como demandantes de emprego, ademais de posuir o certificado da ESO e estar empadroados/as na vila e incorporaranse á acción formativa por rigorosa orde de inscrición ata completar as 15 prazas habilitadas. A escolla desta formación parte dos datos elaborados polo Observatorio galego das cualificacións, que din que unha das ocupacións con maior número de contratos rexistrados na comarca do Eume é a de Empregados administrativos. Así, o departamento de orientación laboral pretende formar ás persoas desempregadas con baixa cualificación do municipio nunha das áreas con maior probabilidade de inserción. Trátase dunha acción formativa de 195 horas de duración nas que os alumnos/as adquirirán coñecementos relacionados coa organización dunha empresa e os seus distintos departamentos, aprendendo a xestionar stocks e almacéns, adquirindo coñecementos de atención ao cliente e comunicación, facturación, pedidos e albarán ou contabilidade en aplicacións informáticas, o que ven supor un amplo programa destinado a acadar unha formación integral na área administrativa. Dende a concellería de Emprego, Turismo e Novos Proxectos, que dirixe Ana Pena, preténdese crear un perfil profesional para as persoas con menor cualificación, como colectivo prioritario nas accións de orientación laboral, de cara a adquirir as capacidades e competencias en condicións óptimas para asumir as responsabilidades propias do desenvolvemento de funcións e tarefas na área de administración e facilitar o seu acceso ao mercado de traballo. O curso comezará nunha semana, o luns 20 de xaneiro, e desenvolverase ata o 16 de abril. Hai tan só 15 prazas, todas para persoas desempregadas , que asistirán ás clases en horario de mañá e para formarse en competencias administrativas,  

O mercado municipal de abastos loce nova estética.

O mercado municipal de abastos volve estar xa en funcionamento logo de ter pechado a última semana para realizar os últimos retoques de pintura que se decidiran logo de rematar o proceso de remozado do edificio. Os usuarios poden volver empregar esta instalación municipal no prazo que se tiña marcado e os praceiros volven desenvolver o seu labor nun lugar en mellores condicións e moito máis diáfano, mesmo con mobiliario urbán integrado. De feito, na intención do equipo de goberno está o seguir adiante coa mellora deste edificio, e actuarase tamén no interior en canto sexa posible. A nova estética da fachada vai acorde coas melloras estéticas que nos últimos anos se están a realizar no casco urbán e que teñen a súa mellor aposta no centro neurálxico da urbe, onde se enmarca a vella praza. Estas obras de remodelación e mellora estética do mercado de abastos abordábanse con premura e cumprindo os prazos fixados, para acceder a unha subvención procedente da Xunta de Galicia. O proxecto supuxo un desembolso de case 160.000 euros e, con el, acadáronse, ademais dos obxectivos estéticos, a mellora na accesibilidade, a apertura dunha nova entrada e unha importante ampliación de espazo. As obras acometidas supuxeron tamén a eliminación dos soportais que daban aos xardíns Campo da Feira. Coa nova fachada acristalada gañouse máis espazo para os clientes e visitantes na pranta baixa, onde están os postos de venda ao que se sumou un novo revestimento composto por placas de aluminio e resina termoendurecida As actuacións nesta zona, son a mellor mostra do obxectivo perseguido da mellora da calidade dos espazos urbanos e dos equipamentos públicos do centro urbán.

O Concello de As Pontes pon en marcha o III Plan municipal de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres

• As principais novidades deste documento son a súa transversalidade e a posta en marcha dunha comisión de seguemento de carácter trimestral O Concello de As Pontes ven de aprobar, en sesión plenaria, o III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes (III PIOMH), un documento ideado dende a concellería de Servizos Sociais e que terá vixencia ata finais de 2017. Este documento, ideado dende a Concellería de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller, volverá ter como fin principal “a creación de políticas locais dirixidas ao fomento da igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, diminuíndo as formas e conductas de discriminación por motivos de xénero e logrando unha igualdade de oportunidades efectiva”, tal e como sinalou o edil de Servizos Sociais, José Alén. Segundo explicou o concelleiro, o III PIOMH incluirá varias novidades e é que, a raíz da avaliación do seu antecesor (II PIOMH 2008-2011) “detectouse a necesidade de implicar non só á área de influencia de Servizos Sociais, senón tamén ao resto de concellerías e departamentos municipais”. Así, hoxe mesmo se celebraba a primeira das reunións trimestrais dunha comisión de seguemento e avaliación deste III PIOMH e que conta con representantes e técnicos de todos os departamentos do Concello, representantes de centros educativos, Centro de Saúde, Garda Civil, Policía Local, asociacións de pais e nais e asociacións de mulleres. Deste xeito, segundo explicou Alén, o que se busca é lograr a participación de todos os axentes da sociedade pontesa, aplicando un principio de transversalidade de xénero a nivel municipal, e que tamén é toda unha novidade con respecto a plans anteriores. Ademáis desta transversalidade, o III PIOMH contará con outros eixos estratéxicos mediante os que se buscará a participación equilibrada de mulleres e homes en todos os ámbitos da realidade municipal. A participación sociocomunitaria; o emprego, formación, corresponsabilidade e conciliación da vida laboral e familiar; a educación en igualdade e a loita contra a violencia de xénero, mediante medidas de prevención, serán as liñas de actuación que se incluirán neste plan de igualdade, un proxecto que o concelleiro de Servizos Sociais calificou coma “moi ambicioso e dinámico” e no que se contará coa axuda e colaboura de todos os sectores sociais co fin de pasar da igualdade sobre o papel á igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, en todos os ámbitos municipais.

11/1/14

Nexo Centro Veterinarios e Dekologas álzanse co premio do público e xurado no I Certame de Escaparatismo de Nadal do Concello de As Pontes

Montserrat García, responsable da concellería organizadora do certame, presidiu unha entrega de premios que tivo como escenario a Casa do Concello As Pontes, 11 de Xaneiro de 2014.- Os comercios Nexo Centro Veterinarios e Dekologas fixéronse hoxe cos premios ao Mellor Escaparate de Nadal 2013 e Mellor Escaparate de As Pontes 2013 concedidos ao abeiro do I Certame de Escaparatismo de Nadal, organizado pola concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio. A responsable do departamento, Montserrat García, foi a encargada de presidir a entrega de premios dun certame no que participaron un total de 25 establecementos e no que, tanto un xurado especializado coma os propios veciños e veciñas de As Pontes puideron emitir o seu voto. Así as cousas, Cecilia García Picallo, responsable de Nexo Centro Veterinarios, enfeitizou ao xurado composto pola profesora de escaparatismo Nélida Carracela; a licenciada en Belas Artes, Sonia Sueiro, e o presidente da Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes, Luís Otero. A súa aposta estivo formada por unha típica cea de Noiteboa, pero ambiantada no mundo animal, cunha árbore de Nadal chea de agasallos, unha mesa de comedor na que non faltaba un detalle e ata o discurso do propio Rei de España. Pola súa parte, Dekologas alzábase co respaldo do voto do público cun total de 647 papeletas a favor das 4175 que resultaron válidas para o reconto final. Nesta tenda de agasallos e decoración apostaron por un escaparate onde pezas coma maletas, colonias, carteiras ou xoiais convivían con lazadas espectaculares, estrelas, renos de Nadal e por suposto luces de cores. A concelleira Montserrat García foi a encargada de dar a noraboa ás dúas premiadas e tamén tivo unhas verbas para os comerciantes presentes no Salón de Plenos, aos que agradeceu o seu traballo tanto durante o Nadal coma no resto do ano; agradecementos que se sumaron tamén aos que a edil adicou a Mª Carmen Fernández Felpeto, gañadora do escaparate de agasallos que serviu para premiar o voto popular e que tamén hoxe participou neste acto. Na súa intervención, García fixo especial fincapé, na importancia do sector comercial a nivel laboral e é que este sector xerou, ata mediados de 2013, un total de 256 empregos directos, a traverso de 143 comercios, cifras que demostran a relevancia dun sector que, dende o executivo local, continuarán a respaldar, mediante novas campañas, cursos de formación e iniciativas varias. Asemade, Montserrat García anunciou a intención de desenvolver un segundo curso de escaparatismo nos vindeiros meses, e é que o acto de hoxe tamén servía para facer entrega dos diplomas correspondentes ao primeiro curso de escaparatismo organizado semanas atrás polo concello e no que tomaron parte 15 comerciantes ponteses. Finalmente, García agradeceu tanto a participación dos comerciantes nas diferentes iniciativas que se desenvolven dende o seu departamento, coma o seu importante traballo e esforzo diario, sen o cal non sería posible saír adiante nunha situación económica tan complicada coma a que se está a vivir.

Centos de veciños asisten á presentación do primeiro libro sobre os alcaldes de As Pontes

O actual rexedor de As Pontes, Valentín González Formoso, presidiu este acto no que se deron cita familiares de gobernantes xa finados e os ex alcaldes Tomás Coello, Víctor Guerreiro, Jaime Vilaboy e Aquilino Meizoso As Pontes, 11 de Xaneiro de 2014.- O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, presidiu onte a presentación do libro homenaxe aos rexedores ponteses Alcaldes de As Pontes. Un recorrido desde 1836, elaborado pola historiadora e escritora ferrolá María Sande e que recolle a historia de todos aqueles que se encargaron de dirixir o destino do COncello de As Pontes dende mediados do século XIX ata a actualidade. Na súa intervención, González Formoso deu conta da gran relevancia dunha obra que definiu coma un repaso á historia do municipio e da súa evolución nas últimas décadas pero a traverso dos seus gobernantes. González Formoso recalcou a necesidade de respaldar a elaboración deste importante traballo de investigación que terá non só un fin histórico, senón tamén didáctico e que perdurará no tempo. O primeiro edil salientou a gran labor de todos e cada un dos alcaldes que forman parte deste libro, que tiveron que gobernar en situacións tan dispares coma unha dictadura, unha república, ou a actual monarquía parlamentaria e ante situacións socioeconómicas tamén do máis diversas, pasando dunha economía agrícola e de subsistencia á industrialización. Nembargantes, e malia o paso das décadas, segundo explicou González Formoso, As Pontes aínda conserva moitos daquelas directrices de mediados do século XIX, coma o respeto pola terra, malia ser, a día de hoxe un pobo industrial. O rexedor tampouco se esquenceu do espírito de solidaridade dos ponteses que, dende décadas atrás, sempre acolleron con agarimo a todos aqueles que se instalaban no municipio por motivos laborais. González Formoso poñía punto e final á súa intervención dando conta do orgullo que supón o ser alcalde do pobo que o viu nacer e recoñecendo a” importante labor de todos aqueles gobernantes que, dende 1836, tiveron nas súas mans o bastón de mando do Concello de As Pontes que, cos seus erros e acertos, sempre traballaron por lograr o mellor para os seus veciños e veciñas”. Asemade, tamén pasaron polo escenario do auditorio municipal Alovi na noite de onte familiares de moitos dos alcaldes que forman parte desta publicación como foi o caso do fillo de Cesáreo González Dopeso, alcalde entre 1955 e 1960, a sobriña de José Yllade Rilo, alcalde enre 1920 e 1923, ou o neto de José Vilaboy Pajón, alcalde en 1931. Todos eles agradeceron esta máis que merecida homenaxe aos seus familiares e recibiron da man do actual alcalde de As Pontes un exemplar do libro presentado onte e tamén un título honorífico coma alcalde de As Pontes. Non faltaron nesta homenaxe alcaldes aínda vivos coma Tomás Coello, Aquilino Meizoso, Jaime Vilaboy e Víctor Guerreiro que tamén recibiron unha copia deste libro e o seu respectivo diploma. Asemade, a propia autora María Sande tamén quixo dirixirse ao numeroso público presente relatando a experiencia que supuxo para ela realizar este intenso traballo de investigación. Así, a autora asegurou sentirse xa coma unha pontesa máis trala boa acollida recibida á hora de elaborar este traballo, agradeceu a importante colaboura con datos e fotos de familiares, e, finalmente, calificou a súa obra coma “un libro que é de todos os ponteses e pontesas e que pertence ao pobo de As Pontes”. O acto rematou coa sinatura de libros por parte da propia María Sande, sinatura na que tamén colaborou o alcalde Valentín González Formoso. Alcaldes de As Pontes. Un recorrido desde 1836 O libro presentado na noite de onte conta non só coa biografía dos 70 rexedores que, dende 1836 e ata a actualidade dirixiron o municipio, senón tamén con datos históricos coma a creación dos primeiros concellos e das figuras do alcalde e do bastón de mando. Asemade, a autora tamén incluíu unha reseña sobre a historia da formación do Concello de As Pontes e as biografías dos alcaldes entre 1836 e ata o ano 1900, e dende 1900 e ata a actualidade.

O Concello de As Pontes rexistra, en 2013, unha baixada do 12,35 % na súa taxa de desemprego

A edil de Emprego, Ana Pena, daba conta, da súa satisfacción ante uns datos que sitúan a As Pontes entre os mellores tanto da provincia coma de Galicia A concelleira de Emprego, Turismo e Novos Proxectos, Ana Pena, valorou hoxe con moderado optimismo as cifras do paro publicadas hai uns días e que deixan un total de 958 persoas anotadas nas listas do SEPE, en decembro de 2013, en As Pontes, 15 persoas menos que en novembro. Segundo apuntou a edil en rolda de prensa, este dato demostra a tendencia á baixa que se estivo a rexistrar en materia de desemprego no Concello de As Pontes, nos últimos meses, e é que As Pontes, tal e como explicou a concelleira, leva xa un semestre vendo reducidas as súas cifras en materia de desemprego. Neste senso, Ana Pena apuntou que, malia que o paro descendeu en todo o estado (3%) e en Galicia (2,7%), durante o pasado exercizo, os datos de As Pontes son alentadores e moi favorecedores, situando ao municipio pontés entre os que contan coas mellores cifras tanto a nivel provincial coma autonómico, cunha baixada de máis dun 12%. Así as cousas e malia que en toda a comarca as cifras de desemprego rexistraron un descenso durante o 2013, As Pontes é o concello cos números máis favorables da zona, cunha baixada dun 12,35%, namentras que noutras urbes coma Ferrol ou Narón o descenso do paro tan só alcanzou o 7% e en concellos limítrofes coma As Somozas o paro tan só baixou un 2,7%. Con respecto ao balanzo xeral de 2013, a edil anunciou que 135 veciños de As Pontes saíron das listas do paro durante o ano que ven de rematar, unha nova que Ana Pena calificou non só de moi favorable senón tamén alentadora. Asemade, segundo explicou a concelleira, tamén se incrementou a poboación activa do concello con preto de 90 novas altas durante o pasado ano. De feito o obxectivo do goberno local pasa por continuar contribuíndo dentro das súas posibilidades e malia non ter competencias, á hora de manter este descenso nas listas do SEPE. Así, a concelleira de Emprego adiantou que se seguirán fomentando políticas que permitan contribuír coa tendencia á baixa do desemprego, e que van dende a formación das persoas sen traballo ata a posta en marcha dun plan de emprego. Tal e como apuntou Ana Pena, nestes últimos meses, dende a área de Orientación Laboral e Fomento do Autoemprego, estívose a realizar unha análise do mercado laboral pontés co fin de ofertar cursos acordes coa demanda, tanto presente coma futura, das empresas da zona. A isto sumarase un plan de emprego, no que se continúa a traballar, e que pretende ofrecer solucións que permitan crear emprego permanente e de futuro no municipio, e que sirvan para axudar a aqueles que se atopan nunha situación laboral complicada. Ana Pena concluíu a súa comparecencia ante os medios dando conta do seu desexo de continuar nesta liña de baixada nas cifras do paro do municipio, unha continuidade pola que, segundo a edil, se continuará a traballar dende o executivo local dentro das súas posibilidades.

9/1/14

O libro homenaxe aos alcaldes de As Pontes presentarase mañá no auditorio municipal Alovi

• O acto, que terá lugar ás 21.00 horas, estará presidido polo alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e a escritora María Sande O Concello de As Pontes renderá mañá merecida homenaxe a todos aqueles que, dende 1836, se encargaron de dirixir o destino político deste municipio. Será coa presentación do volume Alcaldes de As Pontes. Un recorrido desde 1836, elaborado pola escritora María Sande e no que se recolle a vida e obra dos diferentes gobernantes cos que contou o concello de As Pontes dende mediados do século XIX. O acto de presentación desta publicación terá lugar no auditorio municipal Alovi, ás 21.00 horas, e no mesmo, ademáis da cidadanía en xeral, tamén se contará coa presenza dos rexedores ponteses máis recentes, coma é o caso do actual alcalde, Valentín González Formoso, que se encargará de presidir esta xornada de homenaxe á vida política local. Non faltarán familiares de antigos dirixentes xa desaparecidos e membros de corporacións pasadas. Asemade, tamén se contará coa presenza da autora desta homenaxe aos políticos ponteses. Por outra banda, durante este acto será posible facerse con un exemplar desta publicación, que tamén se porá á venda o sábado, na biblioteca municipal Enrique Rivera Rouco, en horario de 10.00 a 13.00 e dende as 18.00 horas e que, asemade, poderá ser adicado pola propia María Sande. Con esta presentación oficial culmina un traballo de investigación e recompilación que arrincaba hai uns meses e que contou tamén cun fito histórico, como foi a foto de familia que, o pasado mes de decembro, se tomaba ante a Casa do Concello, e na que posaron tanto o alcalde actual de As Pontes, coma ex rexedores municipais e tamén familiares dos antigos dirixentes que xa non están , unha instantánea que, por suposto, forma parte da publicación que sairá mañá á luz, nun acto que será de entrada totalmente libre.

8/1/14

O ESCAPARATE AGASALLO DO I CERTAME DE ESCARATES DE NADAL RECAE NUNHA CLIENTA DE LA COTTONERÍA 

María del Carmen Fernández Felpeto. Ese é o nome da afortunada gañadora do escaparate de agasallos correspondente ao primeiro concurso de Escaparatismo de Nadal, organizado polo departamento municipal de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio coa colaboura do Instituto Pontés de Promoción Económica. Un impresionante conxunto de agasallos entre os que podemos atopar dende roupa, maletas, bolsos, mantas, xoiais, material deportivo, calzado, ata doces, produtos para a nosa mascota ou vales de compra irán para o fogar desta persoa afortunada que, nestas festas, se animou a mercar os seus agasallos de Nadal nalgún dos 25 establecementos que participaron neste certame de decoración que deixou entrever a orixinalidade, traballo e imaxinación de moitos dos nosos comerciantes mediante os seus respectivos escaparates, e no que os propios veciños e veciñas exerceron de xurado. A papeleta gañadora co voto para La Cottonería, foi extraída onte ao mediodía, nas dependencias da Casa Consistorial. Asemade, tamén se procedeu á extracción de varias papeletas suplentes, de darse o caso de non poder contactar coa primeira gañadora. Este escaparate de agasallos serviu para premiar a confianza dos veciños no comercio de proximidade e tamén pola súa participación, mediante os seus votos, nun certame que arrincou en decembro e que rematou o pasado domingo. Malia que xa coñecemos o nome da persoa afortunada con este premio, haberá que agardar a este sábado, ás 13.30 horas, para coñecer non só cal foi o escaparate que conquistou aos ponteses e ponteses nestes días de Nadal coa súa decoración, senón tamén o nome do establecemento que logrou o beneplácito do xurado que estivo a percorrer os diferentes locais comerciais participantes neste concurso e que outorgarán un segundo recoñecemento. A entrega de premios, que terá lugar no salón de plenos da Casa Consistorial, estará presidida pola edil de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio, Montserrat García, que tamén fará entrega dos diplomas correspondentes ao curso de escaparatismo desenvolvido por este mesmo departamento a finais do pasado ano.

7/1/14

O CONCELLO DE AS PONTES MEDIARÁ NO CONFLICTO LABORAL QUE AFECTA AO PARQUE COMARCAL DE BOMBEIROS

O Concello de As Pontes ven de terciar no conflicto laboral no que están inmersos os bombeiros do Parque do eume, con sé en As Pontes. O propio alcalde, Valentín González, mantivo unha reunión con este colectivo durante o peche que protagonizaron a pasada semana e agora cumpre co seu compromiso de mediar na medida do posible. O Concello presentou xa unha solicitude formal para manter unha reunión co xerente do Consorcio do parque para trasladarlle a súa demanda de que se cumpran as demandas duns traballadores que perseguen un convenio que lles garanta as mesmas condicións para todos os que desenvolven o mesmo labor, e tamén en aras de poder cubrir con garantías as eventuais emerxencias, sen mermas para a seguridade cidadá e a do traballador. Precisamente o persoal do parque de bombeiros de As Pontes está hoxe á expectativa do que poda dar de si o reinício das conversas coa empresa Natutecnia para tentar chegar a un acordo nas negociacións por convenio igualitario aos de outros parques. A reclamación da dotación do parque pasa pola demanda dun convenio autonómico que homologue as súas condicións laborais. Apelan, asemade, á Lei de Emerxencias de Galiza de 2007 que, na súa disposición adicional terceira, impuña un prazo de tres anos para acadar este acordo que hoxe segue sen terse concretado. Os 17 bombeiros do Parque dos Airíos son persoal subrogado do Consorcio Provincial de Bombeiros, que está xestionado pola empresa Natutecnia, concesionaria do control de varios parques, e que en todos eles ten pendente esa reclamación da homoxeneización das condicións laborais. A Mesa de negociación constituíase hoxe con posturas moi distantes, polo que os traballadores veñen de intensificar as medidas de protestas logo de sobrepasar os tres meses de folga sen apenas repercusión á vista duns servizos mínimos que coinciden coa dotación regular da estación. O peche da semana pasada é a primeira das mobilizacións dun novo calendario a aplicar se non hai avantes na negociación. Os bombeiros comarcais insisten en considerar urxente poñer solución a estas diferencias entre os diferentes parques, e demandarán que tanto por parte da Administración como das empresas haxa vontade de solucionar un servizo que tal e como se presta consideran precario e insostible nas condicións actuais de xornadas, materiais e protocolos de actuación diferentes.

5/1/14

Melchor, Gaspar e Baltasar acudiron onte á súa cita anual cos residentes do Centro A Magdalena

Denantes de pasear polas rúas de As Pontes e de compartir tempo cos máis pequenos, Melchor, Gaspar e Baltasar cumpriron coa súa tradicional visita aos residentes do complexo A Magdalena. Xunto cos edís de Servizos Sociais, Cultura e Persoal, as Súas Maxestades compartiron pequenas conversas e desexos cos residentes deste centro aos que felicitaron as festas e cos que incluso tomaron unha saborosa copa de sidra, con brinde incluído. Como non podía ser doutro xeito, os Reis sempre veñen ateigados de agasallos, nesta ocasión, en forma de doces e de bolas antiestrés que repartiron entre todos os presentes. Asemade, houbo tempo tamén para botar algunha que outra peza e é que unha das residentes da Magdalena deleitou a compañeiros, amigos e visitantes con varias cancións da súa época. Por suposto, os máis maiores tamén quixeron entregar en forma de carta, os seus mellores desexos a Melchor, Gaspar e Baltasar, desexos aos as súas maxestades tamén tiveron tempo de contestar, unhas misivas nas que o desexo dunha boa saúde e de felicidade para todos os ponteses e pontesas foron a tónica dominante. O vindeiro ano e cumprindo coa súa xa tradición, Melchor, Gaspar e Baltasar regresarán a este complexo compartir novos desexos cos seus residentes e, por suposto, un cachiño dun novo Nadal.

Os Reis Magos de Oriente visitaron o domingo aos nenos e nenas de As Pontes

A ilusión, a inocencia, a maxia e a fantasía ateigaron, na tarde do pasado domingo, as rúas máis céntricas do casco urbano e é que Melchor, Gaspar e Baltasar non podían faltar á súa cita anual cos nenos e nenas de As Pontes. Un ano máis, as Súas Maxestades volvían traer as súas maxestuosas carrozas á nosa vila, na compaña dos seus paxes, co fin de saudar a todos os nenos e nenas do municipio e repartir 400 quilos de saborosos caramelos de todos os sabores. Contra das 17.30 horas, e dende a xa acostumada Avenida de Monte Caxado, as tres carruaxes, engalanadas en ouro e prata, e comandadas por cadanséu rei, partían en dirección á avenida de Ortigueira co fin de percorrer as principais avenidas pontesas, e coma sempre, coa escolta de músicos locais. De feito, a formación tradicional Os Trevillas era a encargada de abrir unha comitiva real que lideraba o gran Melchor, coa súa barba branca e un fermoso traxe de cor azul. Tras del, Gaspar, vestido de vermello, non paraba de saudar a grandes e pequenos e de repartir, coa axuda do seu séquito, moitos doces entre aqueles e aquelas que, malia o frío da xornada, non se quixeron perder a cita máis máxica do ano. O rei Baltasar non podía faltar, de ahí que tamén estivese o domingo en As Pontes cos seus paxes escoitando os desexos dos máis novos da casa e como peche a música da formación tradicional Canavella. Tras do seu paso polas avenidas de Castelao, Galicia, Rosalía de Castro ou Ferrol, a comitiva remataba a súa viaxe a carón da Casa do Concello onde, un ano máis, o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, se encargaba de dar entrega ás súas maxestades da chave que abre as portas de todos os fogares do municipio e que serviu para, que na noite de onte, Melchor, Gaspar e Baltasar puidesen entrar nas casas de todos os nenos e nenas para deixar o seu cargamento de xoguetes. Asemade, como xa ven sendo tradición, os propios Reis Magos deron lectura a algunha das cartas que, nestes días, os nenos e nenas de As Pontes depositaron no buzón real do Concello, onde houbo peticións do máis variopintas tanto para os seus remitentes coma para as súas familias. Nembargantes, un dos momentos máis agardados por todos aqueles que se congregaron a carón da Casa do Concello foi a recepción das Súas Maxestades aos propios nenos e nenas que, un por un, ían achegándose ata Melchor, Gaspar e Baltasar, para darlles conta desas peticións de última hora, desexos que, de seguro, que onte se fixeron realidade e é que, un ano máis, os nenos e nenas de As Pontes foron todo un exemplo de bo comportamento, de ahí que na mañá de onte non aparecese nin unha soa peza de carbón nas árbores de Nadal dos fogares dos nenos e nenas da nosa vila e que, agora pasarán os vindeiros 364 días, desfrutando dos seus novos xoguetes, bonecas, coches ou bicicletas e sendo, novamente, moi bos para que xa no 2015, Melchor, Gaspar e Baltasar regresen á As Pontes coas súas alforxas ateigadas de agasallos.

4/1/14

Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán mañá á tarde o Concello de As Pontes

O departamento municipal de Cultura foi o encargo de deseñar esta máxica visita e tamén de darlle un novo aspecto ás carrozas que usarán as Súas Maxestades de Oriente Poucas horas quedan xa para a tan agardada noite de Reis e, de seguro que, pequenos e maiores están a deixar nos buzóns reais as súas misivas coas últimas peticións para o ano que ven de comezar e das que tomarán boa nota Melchor, Gaspar e Baltasar. Como ven sendo habitual, as súas Maxestades de Oriente farán, mañá, un alto no seu camiño para pasarse por As Pontes e, deste xeito, atender ás peticións dos ponteses e pontesas máis novos. Como non podía ser doutro xeito, o departamento municipal de Cultura será o encargado de organizar esta visita que arrincará na Residencia da Magdalena, onde Melchor, Gaspar e Baltasar compartirán agasallos cos seus usuarios e tamén os doces típicos destas festas. Posteriormente, o protagonismo será para os nenos e nenas de As Pontes nunha Cabalgata que arrincará dende aAvenida de Monte Caxado, onde está previsto que se estacionen as carrozas que levarán a Melchor, Gaspar e Baltasar, ademáis de aos seus paxes, e que este ano cambian de decoración, un cambio de deseño co que tamén colaborou a Coordinadora de Ampas Abrente. Ás 17.30 horas dará comezo o percorrido dos Reis Magos polas rúas pontesas, unha comitiva que percorrerá as avenidas de Ortigueira, Castelao, Galicia ou Rosalía de Castro, para rematar percorrido na Avenida de Ferrol, a carón da Casa do Concello. Durante este paseo, Melchor, Gaspar e Baltasar non só saudarán a aqueles que os agarden nas beirarrúas, senón que tamén repartirán 400 quilos de doces. Tras saudar a todos os nenos e nenas de As Pontes dende as súas carruaxes, tocará a parte máis institucional desta visita das Súas Maxestades e é que o alcalde Valentín González Formoso fará entrega aos Reis Magos das chaves que abren as portas das casas de todos os nenos e nenas do municipio. Asemade, darase lectura a algunha das cartas que, nestes días, se estiveron a depositar no buzón real que se instalou nos soportais da Casa do Concello. Non faltará a recepción a todos os nenos e nenas que desexen achegarse aos Reis de Oriente e é que, o Salón de Plenos, engalanarase un ano máis para recibir aos Reis Magos. Ata alí tamén se poderán desprazar os nenos e nenas que queiran transmitir a Melchor, Gaspar e Baltasar aqueles últimos agasallos que, ao día seguinte, de seguro que estarán a carón das súas árbores de Nadal. No caso de que a climatoloxía non acompañe, suspenderase o percorrido das carrozas reais polas rúas do casco urbano e as Súas Maxestades de Oriente trasladaranse directamente á Casa do Concello onde recibirán aos máis pequenos.

2/1/14

A Praza do Hospital reformarase grazas aos fondos do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña

O Concello de As Pontes vai reformar a Praza do Hospital con cargo ó POS do 2.014. O pleno municipal aprobaba, o pasado venres, por vía de urxencia o acometemento de diversas obras por valor de case 800.000 euros con cargo ó Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal. Malia que se ofrece a posibilidade á administración municipais de destinar parte da contía desta acehga a gasto corrente, o goberno local decidía adicalo exclusivamente á realización de obras. Case o o 80 % dos 512.000 euros do plan provincial van ir a un proxecto moi ambicioso que levaba tempo a madurarse no actual equipo de goberno e que incide nos plans de mellora estética e funcional do casco urbano. Desta vez tócalle a un lugar emblemático e dun grande valor patrimonial como é a Praza do Hospital. Alegouse para elo unha cuestión de posta en valor da zona, de aproveitamento e fomento do seu uso e disfrute, e de mellorar o tráfico e a seguridade na zona. O proxecto contempla establecer unha única altura e dotar de máis utilidade unha zona que está no mesmo centro neurálxico da vila e na que o comercio ten unha grande presencia. O importe da actuación sitúase en case 400.000 euros e cunha previsión de execución en catro meses. A remodelación funcional e estética sumarase así ós labores de humanización de todo o centro urbán que se viñan realizando nestes anos, e dará contuindade a ese lavado de cara que apostou por combinar a mellora da habitabilidade coa da circulación rodada. Así será neste caso onde mesmo se gañarán prazas de aparcamento. As outras obras aprobadas con cargo ó Plan de Obras e Servizos, consistirán en realizar novos aglomerados. Concretamente acordábanse as pavimentacións en primeiras fases da pista dos Cobelos e Marraxón, por pouco más de 36.000 euros, e da pista do Campo da Cova por 74.000. Xa co fondo complementario tamén se acordou realizar as melloras en pavimentación e alumeado na Rúa Camelias, por un total de algo máis de 174.000 euros. Neste caso iníciase así un proxecto de urbanización nunha zona xa moi habitada e que ata o de agora contaba cunhas dotacións suficientes pero máis do eiso dun polígono industrial que dunha cidade xardín como no que se está a converter. Trátase de ofrecer á veciñanza un lugar máis cómodo, seguro e funcional.

Melina Alonso e Brais Canosa proclámanse campións da III San Silvestre Pontesa

O despedir o ano facendo deporte está xa a converterse en toda unha tradición no noso concello e é que, ao igual que acontece en cidades coma Madrid ou Santiago de Compostela, As Pontes é xa todo un referente no calendario de citas deportivas que serven para dicir adeus a un ano que remata. Así, por terceiro ano consecutivo, as rúas do centro urbano volvían estar poboadas de personaxes do máis variopintos que non se quixeron perder a carreira por excelencia da fin do ano: a San Silvestre Pontesa. O clube de atletismo Olympo, xunto co Concello de As Pontes, e multitude de patrocinadores locais volvíase poñer á fronte da organización dunha proba que tivo como epicentro o colexio de Santa María e as súas rúas colindantes e na que se reuniron case 500 persoas para tomar parte nas diferentes carreiras organizadas durante a tarde e tamén nunha andaina popular que, novamente, contou cunha alta participación. Orixinalidade, ganas de desfrutar dunha fin de ano inusual e sobre todo moita diversión foron os ingredientes dunha cita deportiva na que a forma física foi o de menos e onde as ideas inxeniosas á hora de escoller indumentaria para percorrer os diferentes traxectos eran o punto clave. Así, pequenos e adultos sacaron ás rúas pontesas a súa imaxinación traducida en traxes do máis variopinto e onde puidemos atopar dende a Freddy Mercuri, ata Papás Noeis xunto cos seus respectivos renos, ovellas cos seus pastores, o mesmísimo Luís Bárcenas fuxido do cárcere de Soto del Real, á Pitufina sen os seus pitufos, superheróes, abelliñas e ata unha macrovoda. De feito, houbo premios non só para os máis veloces de cada categoría senón tamén para os mellores disfraces e que recaían en Gonzalo Pena Balseiro cun logrado Fredy Mercuri, as burbulliñas de Freixenet de Vanesa Prieto e Tania Fornos, na categoría de parellas, e finalmente no equipo de ovellas e pastores de Elena López, Belén Dopico e Isabel Vázquez. Ademáis dos mellor ataviados para esta cita, non podían faltar os galardóns para os máis rápidos. Así, na categoría benxamín, os primeiros postos foron para Aloia Murado e Adrián Rivadulla, namentras que en alevíns, os máis veloces nas súas respectivas carreiras resultaron ser Hugo Blanco e África Morales. A carreira infantil saldábase coas victorias de Azdin Jeddaoui e Andrea Montero e na categoría cadete impuxéronse Antonio Souto e Soraya Hernández. Co remate das probras infantís era o momento de dar comezo á competición adulta cun percorrido duns cinco quilómetros a un circuíto que partía da rúa Alexandre Bóveda para atravesar os xardíns do Campo da Feira, a Canle IV, a Avenida de Galicia e finalmente a Avenida da Coruña, ao que se sumaron tamén os inscritos na terceira edición da andaina popular . Pouco máis dun cuarto de hora foi o tempo empregado polo gañador desta terceira san silvestre pontesa: Brais Canosa Fernández, que lograba arrebatarlle o título ao vencedor do pasado ano Rodolfo Somovilla e que entraba en meta a tan só 6 segundos do primeiro clasificado. Completou o podium na categoría absoluta masculina Óscar Tolosa, do Clube Atletismo Pitius. No tocante aos ponteses, o primeiro en cruzar a meta foi Xosé Manuel Meizoso que entrou sexto con case 18 minutos de carreira, seguido de David Castro que empregou 18 minutos e 6 segundos en realizar estes cinco quilómetros. As rapazas tamén lograban moi bos rexistros este ano. Así, Melina Alonso estreaba o podium feminino cunha carreira na que invertiu case 19 minutos, e detrás atravesaban a liña de chegada María Souto do Lucus Caixa Rural e Xoana Roig, do Atletismo Feminino Celta. E tras tanto esforzo tocaba repoñer forzas cun saboroso chocolate quente e agardar á entrega de premios, que protagonizaron a presidenta do Clube Olympo, Susana Castro, e o edil de Deportes Carlos Castro, entrega que tamén contou con sorpresa en forma de flash mob e que protagonizaron os alumnos e alumnas das escolas municipais de danza clásica e moderna cunha coreografía ao máis puro estilo Bollywood coa banda sonora de Slamdog Millioner.

A visita dos Reis Magos pechará a programación de Nadal do Concello de As Pontes

¨ Á marxe da Cabalgata de Reis, durante esta semana tamén haberá cine, títeres, música e ata un partido amigable de fútbol sala Coa chegada do novo ano, o Concello de As Pontes retomará a programación de Nadal e que se prolongará ata que, o vindeiro 5 de xaneiro, as súas Maxestades de Oriente visiten o municipio pontés. De feito, para os vindeiros días, dende a concellería que dirixe Sara Ramos, continuarase na liña destes días atrás con novas sesións de cine, actividades para os máis pequenos e ata citas deportivas. Así as cousas, mañá, no polideportivo municipal da Fraga abrirase unha tarde adicada aos xogos infantís e con actividades e hinchables do máis diversos e adaptados a pequenos de todas as idades. Dende as 16.00 horas terá lugar esta festa infantil que será de entrada libre para todos os pequenos que desexen desfrutar da mesma. Xa algo máis tarde, ás 20.30 horas, e no auditorio municipal Alovi como escenario, retomarase o ciclo de cine de Nadal, nesta ocasión co filme Thor. El mundo oscuro, a segunda parte das aventuras do heroe da Marvel, Thor e da que será posible desfrutar con tan só aboar unha entrada de 3 euros. E para o venres 3 de xaneiro, novamente, os títeres serán os protagonistas con dobre sesión da compañía Títeres Trompicallo. Así á mañá, ás 11.00 e ás 12.00 horas, na Escola Infantil A Barosa representarase a montaxe O día que chegou unha nube e choveu, unha obra tan só dirixida ao alumnado deste centro educativo. Á tarde a compañía coruñesa estará na Casa Dopeso cun espectáculo xa en aberto, dirixido a maiores de 3 anos. Nesta ocasión, presentarán en As Pontes Osiño. As entradas terán un prezo de 1.50 euros para o público infantil e de 3 euros para adultos. Tamén o día 3 de xaneiro haberá cine e cun novo heroe da factoría Marvel: Lobezno. Así o auditorio municipal Alovi acollerá a proxección de Lobezno Inmortal, dende as 20.30 horas e por un prezo de 3 euros por cada localidade. Para a xornada do 4 de xaneiro contarase con música: a dos integrantes da Banda Xuvenil de Música, a súa escola e a Banda Cultural e Recreativa, dende as 19.00 horas no auditorio municipal Alovi, e tamén con fútbol sala co amigable entre unha selección da Asociación de Xogadores de Fútbol Sala de Galicia e un combinado dos xogadores da liga local. Será ás 17.30 horas no polideportivo municipal da Fraga e con entrada libre. A semana pecharase coa visita de Melchor, Gaspar e Baltasar aos nenos e nenas de As Pontes cunha cabalgata de Reis que o domingo, 5 de xaneiro, partirá ás 17.30 horas, da avenida Monte Caxado para, posteriormente, percorrer as rúas do centro urbano. As súas Maxestades de Oriente repartirán, durante o seu percorrido, quilos e quilos de doces entre os nenos e nenas que se atopen na rúa e rematarán o seu periplo na Casa do Concello. Alí, dende o balcón, recibirán de man do alcalde de As Pontes, as chaves que abren as portas das casas de todos os nenos e nenas do municipio e, posteriormente, recibirán, no Salón de Plenos a visita daqueles pequenos e pequenas que desexen achegarse a eles para facelos partícipes das súas peticións para a que é a noite máis máxica do ano.