24/12/13

Cine, música e deporte serán, esta semana, os reis da programación cultural do Concello de As Pontes

¨ O grupo vigués Broken Peach, as panxoliñas da A.C. Alende ou unha nova edición do Campus de Basket integran o listado de actividades ideado para esta semana de Nadal O departamento de Cultura do Concello de As Pontes retomará, trala celebración do día de Nadal, a súa programación de actividades para estas festas. Cine, actividades deportivas, panxoliñas e música integrarán a axenda cultural dos vindeiros días comezando o mesmo día 26 coa inauguración do IV Campus de Basket que organiza o concello e o Clube de Baloncesto As Pontes e que se desenvolverá nos pavillóns de Monte Caxado, A Magdalena e Castro da Uz ata o 30 de decembro. Asemade, o día 26 arrincará o cine de Nadal, co pase do filme El llanero solitario, que se proxectará o día 26 ás 20.30 horas, no auditorio municipal Alovi a un prezo de 3 euros. Tamén o día 26 haberá música xa que os integrantes da Asociación Cultural Alende ofrecerán aguinaldos por diferentes puntos do casco urbano, dende as 17.00 horas. Xa para o venres 27, os integrantes da Escola Municipal de Baile Moderno e Danza Clásica visitarán o Pazo da Cultura de Narón, onde darán vida ao espectáculo Cine, que serviu para celebrar a fin de curso destas escolas o pasado mes de xuño. Ás 20.30 horas está previsto que arrinque este espectáculo. Xa para o sábado 28 contarase coa presenza en As Pontes da formación viguesa Broken Peach que ofrecerán un concerto de Nadal nas dependencias do Auditorio Municipal Alovi. O concerto dará comezo contra das 20.00 horas aínda que as entradas poderanse mercar a mesma mañá do sábado, entre as 12.00 e as 13.30 horas, ou xa á tarde dende as 18.30 horas e ata o inicio do recital. O seu prezo será de 3,50 euros. A programación ata a fin do ano pecharase con nova sesión de cine no Auditorio Municipal Alovi. Será o luns 30 de decembro e con dous filmes dirixidos tanto ao público infantil coma para os adultos. Así para a sesión infantil está previsto que se proxecte Monstruos University, dende as 18.00 horas, e a un prezo de 1,50 euros, namentras que para o público adulto optouse polo filme de acción Malavita, protagonizado por Michelle Pfeiffer, Robert De Niro e Tomy Lee Jones, e do que será posible desfrutar dende as 20.30 horas e tan só por 3 euros.

19/12/13

O skate park de As Pontes está xa listo para o seu uso

O skate park de As Pontes está xa listo para o seu uso logo de que onte rematase a súa instalación, e a dos elementos adxacentes. A Concellería de xuventude do Concello de As Pontes realizou unha inversión de 25.000 euros para a colocación deste parque para os aficionados ó monopatín en todas as súas variantes. Asemade, decidíanse incluir xa os elementos precisos para que as seis rampas estivese adaptadas para a práctica de skate, BMX e patíns en liña. A estructura confórmase cunha serie de módulos desmontables de xeito que poda empregarse tamén noutras ubicacións ou deixar o espazo libre se fose preciso. Son rampas de aceiro, cubertas de taboleiro contrachapado, moi semellantes ás que xa se poden atopar en parques de patinaxe doutras cidades españolas, como son os casos dos parques de Sa riera en Mallorca, Alcudia, Alahurín de la Torre ou Son Moix. Con esta nova oferta lúdico-deportiva, a Concellería que dirixe Chicho Tembrás, espera dar resposta a unha vella demanda da mocidade pontesa que verá así cumpridas as súas necesidades de contar cunhas instalacións axeitadas para a práctica deste deporte. Neste caso en concreto agradeceuse a dispoñibilidade total da Asociación veciñal da casilla, Beira da Areosa, para a implantación do skate park na Praza da Lembranza.

Música infantil e para adultos e teatro para os máis pequenos protagonizan a axenda cultural de Nadal da fin de semana

A cantautora Sés, o grupo infantil Mamá Cabra e a compañía Caramuxo Teatro visitarán dende mañá e ata o luns o auditorio municipal Alovi As Pontes, 19 de Decembro de 2013.- A cantautora coruñesa María Xosé Silvar, máis coñecida coma Sés, visitará este sábado As Pontes, ao abeiro da programación de Nadal ideada dende a Concellería de Cultura. Sés presentará en As Pontes o seu segundo traballo discográfico Co xenio destrozado, gravado nos estudos Bruar ( A Coruña) e que se traducen nunha mestura de música rock, blues e ritmos latinos moi que son o eixo central da ducia de cancións que integran este traballo que vía a luz o pasado mes de xuño, e no que ademáis da producción da propia Sés coa axuda de Xavier Ferreiro, a cantante coruñesa contou coa colaboura dos seus músicos habituais: Marcos Pazo (batería), Fran Sanz (baixo) e Tito Calviño (guitarra). Milonga daquí, Rebelarse á Conciencia ou Concordias de Papel serán algúns dos temas que será posible escoitar o sábado no Auditorio Municipal Alovi, cancións ás que tamén se sumarán composicións do seu primeiro traballo discográfico Admirando a condición. Sés actuará en As Pontes ás 20.00 horas e as localidades para asistir a este concerto poderanse recoller mañá, entre as 12.00 e as 13.30 horas na billeteira do Auditorio Municipal Alovi e tamén o sábado, entre as 12.00 e as 13.30 horas ou xa dende as 18.30 horas ata o inicio do concerto. O prezo das localidades é de 3,50 euros. Teatro Infantil A fin de semana tamén incluirá actividades para os máis pequenos, así o domingo, a compañía Caramuxo Teatro presentará tamén no Alovi a súa obra Ñan, dirixida a pequenos e pequenas de entre 1 e 6 anos. A compañía coruñesa repite así visita ao concello de As Pontes cunha montaxe que toma o relevo de Glub, glub e Zapatos, dous espectáculos tamén dirixidos a bebés. Nesta ocasión, Ñam! Pretende dar a coñecer aos meniños e meniñas o pracer que supón o comer cunha montaxe duns 30 minutos baseada na comedia, a danza e, por suposto, a interpretación. O mundo da cociña é o eixo central desta historia dirixida a que os pequenos aprendan a escoitar, ulir, sentir e saborear os alimentos en familia e que conta con Juan Rodríguez e Laura Sarasola coma protagonistas e tamén directores da montaxe. Ñam! Representarase o domingo, no Auditorio Municipal Alovi, en dous pases: ás 17.30 e ás 18.30 horas. As localidades páranse á venda o mesmo domingo, dende as 16.00 horas, e terán un prezo de 1,50 euros para nenos e de 3 euros para adultos. Mamá Cabra Denantes da Noiteboa, o luns 23, ata As Pontes tamén se trasladará o grupo infantil Mamá Cabra, con eles coma sempre as cancións máis desenfadadas e divertidas posibles, nesta ocasión, incluídas no traballo Bicos de Música, publicado o pasado 2012. Gloria, Pablo, Manolo, Diego, Rodrigo e Tomi volverán visitar As Pontes, un Nadal máis, co fin de volver colleitar un novo éxito de público nun concerto que arrincará ás 18.00 horas, do vindeiro luns, e que será todo un espectáculo moi participativo onde os protagonistas serán os seus xoves admiradores. Letras do máis sinxelas, ritmos moi pegadizos, xogos, retrousos e acompañamentos rítmicos integrarán un espectáculo no que será posible escoitar dende cancións para viaxar ata para cruzar a rúa, para bailar ou simplemente para escoitar e aprender. Mamá Cabra estará no auditorio municipal Alovi o luns ás 18.00 horas. As entradas xa se porán á venda o propio luns, entre as 12.00 e as 13.30 horas e xa á tarde dende as 16.30 horas ata o inicio do espectáculo. O prezo das localidades será de 1,50 euros para nenos e de 3 euros para o público adulto.

17/12/13

Arrinca o I Concurso de Escaparates de Nadal do Concello de As Pontes

Dende onte mesmo, os veciños e veciñas de As Pontes podemos valorar o traballo, orixinalidade e decoración dos comerciantes da nosa vila que están a participar na primeira edición do concurso de escaparatismo organizado polo departamento municipal de Promoción Industrial, coa colaboura do Instituto Pontés de Promoción Económica. Un total de 25 establecementos, e que nos ofrecen os produtos máis variados do mercado, competirán ata pasar a xornada de Reis nun certame que premiará aquel escaparate máis orixinal e atractivo e que conte co respaldo do voto dos propios veciños e veciñas ou do xurado que se encargará de valorar cada unha das apostas decorativas destes participantes. E é que, dende o departamento que dirixe Montserrat García apostouse, nestas festas, por recoñecer a labor dos comerciantes que, ademáis de atender aos seus clientes, deixan moito tempo e esforzo á hora de engalanar esas ventás de produtos que serven para atraer as olladas de veciños e veciñas. Ata o 5de xaneiro, os clientes poderemos emitir o noso voto a nivel decorativo e apostar pola orixinal cea de Nadal de Nexo Veterinarios ou a engalanada mesa da panadería Hermanos Díaz; pola exposición de artigos do máis variado e agasallos de Niza, Dekologas, The Idea Solutions ou Sulián; pola particular estampa navideña que nos deixan escaparates coma o da xoiería Templo ou a do salón de beleza Eros ou por incluso ir dar un paseo en bicicleta na compaña do mesmísimo Papá Noel, que protagoniza o escaparate de Galiorient ou que está tamén presente na decoración da Zapatería Kaye Outros posibles candidatos a levarse o respaldo de público e xurado decantáronse pola neve, o alumeado de Nadal e as árbores decoradas, como acontece coa zapatería Chic, a tenda de roupa infantil Bau Bau ou a zapatería Azalea. Houbo quen se decantou polos símbolos máis característicos do nadal coma as cores vermella e verde, que protagonizan o escaparate de Ropas,as estrelas de Nadal que se agochan nos escaparates de Las Cositas de Vega, Alicia Granados ou La Estrella ou os típicos agasallos que cada 25 de decembro atopamos baixo a nosa árbore de Nadal e que ateigan o escaparate de Lecar 712. Ata os renos de Papá Noel se sumaron a este certame e fuxiron ata resgardarse no escaparate de La Cottonería. Non podían faltar tampouco os Reis Magos nestas festas, de ahí que Herboristería Saúde escollese a Melchor,Gaspar e Baltasar coma os seus protagonistas, namentras que en óptica Carmela optasen por un buzón real e unha gran copa de champán coma eixo da súa decoración. Tamén podemos atopar detalles do máis navideño no escaparate de Xandra, Data el Gustazo e Maciñeira ou incluso desfrutar dunha espectacular saía en forma de árbore de Nadal que atrae todas as olladas do escaparate de Bolboreta. Ata o vindeiro 5 de xaneiro todos os clientes destes 25 establecementos terán a oportunidade de escoller o seu favorito con tan só cubrir as papeletas que se entregarán nos comercios participantes, e que deberán ser depositadas nas urnas habilitadas para tal fin nos propios establecementos. Con isto non só os clientes escollerán o seu escaparate favorito, senón que tamén entrarán no sorteo dos 25 agasallos que se atopan expostos nun baixo comercial da Praza do Hospital, sorteo que se celebrará o 7 de xaneiro. Asemade non só será premiado o establecemento con máis respaldo popular, senón tamén un segundo comercio que escollerá un xurado que, nestes días, está a visitar os locais participantes. Xa o día 11 de xaneiro darase a coñecer o nome das dúas tendas cuios escaparates levarán os dous premios en xogo. Será nun acto que terá lugar ás 13.30 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello, un acto que estará presidido pola edil Montserrat García e que tamén incluirá a entrega de diplomas do recente curso de escaparatismo realizado por este mesmo departamento hai unhas semanas. Para consultar o listado tanto de escaparates participantes, e que xa están identificados co cartel do concurso, ou ben para repasar as datas e horarios dos sorteos e entregas de premios é posible acceder á web do IPPEC, no enderezo www.ippec.es.

16/12/13

O Concello de As Pontes destinará 64.000 euros á reparación de varios camiños no rural



A Xunta de Galicia, mediante a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, concedeu unha axuda de algo máis de 64.000 euros ao concello de As Pontes, ao abeiro do Programa de Mellora de Camiños de Titularidade Municipal 2013-2014.
Serán un total de 64.107,72 euros que se destinarán a obras de asfaltado que afectarán a varios camiños na Pedrafita, ademáis de aos que unen Vidás e Mariñao, Ferreiría e o Cotelo, Os Pedregás, Pena do Curro e o Bañal.
Os traballos de asfaltado realizaranse xa o vindeiro ano, segundo informaron hoxe dende a Concellería de Medio Rural.

As Cantareiras de Alende e a Agrupación Coral Endesa inauguran a programación de Nadal do Concello de As Pontes





O Nadal arrincou oficialmente en As Pontes. Onte ao mediodía celebrábase o primeiro dos sete concertos de Nadal ideados pola Concellería de Cultura.
A Coral Endesa As Pontes e mailas cantareiras de Alende volveron aunar esforzos para un ano máis celebrar o nacemento do neno Xesús, e a chegada dos Reis Magos de Oriente. Vilancicos, cantos de nadal e de reis formaron o programa do recital, unha forma de manter viva a tradición oral relacinada co Nadal.
Baixo a batuta da directora Olga Vigo, a Coral Endesa As Pontes interpretaba ata catro panxoliñas, A media noite, Zamba de la Navidad, Boliños do Pote e Señora Doña María.
As voces máis novas da Asociación Cultural Alende intepretaban a panxoliña O pelo roxiño e ao seu remate as cantareiras de Alende agasallaban ao público presente con outros catro cantos de Nadal máis. Sobre o sol, As festiñas de Nadal, canto de Nadal e esta noite de Nadal.
Finalizaba o concerto coa actuación da Coral Eixil de Cedeira que elixiu para este concerto de Nadal as panxoliñas "A pel do meu neno", "Romance do río Pontellas", "Pica canteiriño, Pica" e "Ritmo de amor". Panxoliñas que entoaban os compoñentes da Coral Eixil de Cedeira baixo a batuta do mestre Javier Díaz Carrasco.
A música continuará ao longo de toda esta semana. De feito, xa para o mércores teremos unha nova cita co Festival de Nadal da Escola Municipal de Acordeóns, un concerto que arrincará ás 19.00 horas e que terá como escenario o Centro Social da Terceira Idade.
Xa para o xoves teremos unha cita cos integrantes da Banda do Conservatorio e alumnos de linguaxe musical. Será no Auditorio Municipal Alovi, dende as 19.00 horas da tarde e para o venres o seu relevo será para a Rondalla Vila de As Pontes que, dende as 20.00 horas e na Casa Dopeso, ofrecerá un recital de Nadal na compaña do alumnado do conservatorio de Música de As Pontes e da soprano Hiua Chang. Toda unha oferta de actividades con música de todos os estilos e que se completará esta semana tamén coa actuación de Sés, no Alovi, na xornada do sábado 21 de decembro, ás 20.00 horas co fin de que todos aqueles que teñen algún compromiso gastronómico á noite poidan tamén desfrutar destes concertos.
E é que o Nadal pontés será para os gustos de todos e de todas e unha aposta pola diversión sen ter, se quera, que saír de As Pontes.

14/12/13

Alcaldes, ex alcaldes e familiares de antigos rexedores do Concello de As Pontes reuníronse hoxe para homenaxear a vida política do municipio dende 1836

A Casa Consistorial pontesa foi hoxe testemuño dun fito histórico e é que máis de 70 persoas vencelladas coa vida política pontesa dende mediados do século XIX dábanse cita na primeira xuntanza de alcaldes e familiares daqueles que rexeron o concello pontés dende 1836. Así puidemos ver ao actual primeiro edil, Valentín González Formoso, acompañado da súa familia; ao igual que outros polícos que no seu día levaron o bastón de mando do concello de As Pontes coma o Víctor Guerreiro, Jaime Vilaboy ou Aquilino Meizoso, que tamén tomaron parte nesta xornada tan especial na compaña das súas respectivas familias. A eles sumáronse tamén familiares directos doutros ex rexedores municipais, coma os membros da familia Coello ou a familia Vilaboy. Todo isto para participar nunha xornada histórica e que conta tamén co seu recordo en forma de instantánea para a que posaron todos os presentes; unha imaxe que servirá como antesala da presentación do libro Alcaldes de As Pontes. Un recorrido desde 1836 e que elaborou a historiadora María Sande e que, en poucas semanas sairá á luz. Esta imaxe da política pontesa dende 1836 e ata os nosos días tamén formará parte dunha publicación que se presentará o vindeiro 10 de xaneiro no Auditorio Municipal Alovi. Alcaldes de As Pontes. Un recorrido desde 1836 recompila a traxectoria e biografía de todos os alcaldes deste municipio, dende mediados do século XIX, e será unha obra dunha gran transcendencia histórica xa que poucas son as poboacións que contan con un documento destas características. Este sábado histórico non remataba con tan só un click de cámara fotográfica xa que, tras posar para fotógrafos e medios de comunicación, todos os convidados a este acto asistiron a unha recepción oficial, encabezada polo alcalde Valentín González Formoso, e que tivo lugar no sala de exposicións do Mercado Vello, no que familiares e políticos puideron desfrutar dun ágape e compartir lembranzas e anécdotas.

O alcalde de As Pontes e a delegada da Xunta, Belén Docampo, visitaron onte as obras realizadas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental

A delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña visitou onte As pontes co fin de coñecer as obras desenvolvidas, nestes últimos meses, a cargo dos Fondos de Compensación Ambiental, que permite aos municipios galegos beneficiarse do canon eólico. Belén Docampo puido coñecer, na compaña do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, os edís de Promoción Industrial e Medio Rural, Montserrat García e Antonio Castro, respectivamente, e o presidente de Euroeume, José Castro, o resultado duns traballos que supuxeron unha inversión de 289.940 euros. No tocante ás actuacións realizadas a cargo destas axudas no noso municipio, todas elas tiñan como obxectivo iniciativas destinadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia enerxética, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauraci´n e reposición do medio ambiente e do reequilibrio territorial. Así, con cargo a estes fondos, foi posible acometer a renovación das redes de auga potable e de saneamento das rúas Neda, Fene, Ares, Rego do Campo, Acibido e Piñeiral, adquirir un novo vehículo para a Policía Municipal e a reforma da escola das Campeiras, agora xa convertida nun centro de reciclaxe que permitirá a escolares e veciños en xeral, realizar actividades vencelladas á conservación da natureza, a reciclaxe e a posta en valor do medio natural. A delegada da Xunta puido comprobar o resultado destas inversións e, de feito, segundo as previsións do executivo local, esta escola de reciclaxe podería abrirse ao público no verán xa que, aínda será necesario dotar de material e contido este espazo, dotación que xunto co Concello tamén están a levar a cabo Euroeume e Sogama. Por outra banda, o rexedor pontés tamén valoraba esta visita dun xeito moi positivo e como exemplo de colaboura entre dúas administracións públicas. A visita poñía o seu punto e final coa rúbrica de acordo entre a Xunta de Galicia e o Concello de As Pontes.

13/12/13

As Pontes ofrecerá este Nadal un programa de actividades ateigado de música, teatro, cine e convocatorias para pequenos e grandes

O departamento municipal de Cultura apostou por actuacións tradicionais coma Mamá Cabra ou títeres Trompicallo para un Nadal no que As Pontes será todo un referente de diversión entre os concellos da contorna As Pontes, 13 de Decembro de 2013.- O departamento de Cultura do Concello de As Pontes inaugurá esta mesma tarde a programación para este Nadal, un listado de actividades nos que principalmente os máis pequenos da casa serán os reis e raíñas da maioría das iniciativas deseñadas pola concellería que dirixe Sara Ramos. As Pontes contará cun amplo e moi variado programa de actividades no que haberá monicreques, concertos, exhibicións deportivas, teatro, cine, hinchables e, por suposto, a tradicional visita dos Reis Magos de Oriente. Todo un abano de posibilidades lúdicas que farán que o “ o noso municipio non teña nada que envexar á programación cultural doutros concellos da contorna ”, tal e como apuntou a edil Sara Ramos. Precisamente, hoxe, ás 17.00 horas terá lugar a primeira das actividades para os máis pequenos: a decoración da sala de lectura infantil da biblioteca Enrique Rivera Rouco, á que seguirá, o domingo o primeiro dos múltiples concertos que ateigarán o Nadal pontés. Así, ás 13.00 horas, na Casa Dopeso, as Cantareiras de Alende, a Agrupación Coral Endesa – As Pontes e a Coral Eixil (Cedeira) ofrecerán un concerto de panxoliñas que será de entrada totalmente libre. A programación da vindeira semana virá ateigada tamén de música e é que para o día 18 celebrarase o tradicional Concerto de Nadal dos alumnos da Escola Municipal de Acordeón, unha cita que terá como escenario o Fogar da Terceira Idade (Avd. De Ferrol), con entrada gratuíta, e que arrincará ás 19.00 horas. Xa un día despois, o 19 de decembro, e no Auditorio Municipal Alovi, a Banda do Conservatorio de As Pontes e alumnos de linguaxe musical ofrecerán un concerto dende as 19.00 horas. para esa mesma tarde, pero ás 18.00 horas e no polideportivo municipal da Fraga, o clube Rítmica As Pontes e as alumnas da Escola Deportiva Municipal de Ximnasia Rítmica protagonizarán o seu tradicional Festival de Nadal, no que ao ritmo das panxoliñas máis coñecidas estas ximnástas darán conta aos presentes dunhas elaboradas coreografías con mazas, pelotas, cintas e aros. A Rondalla Vila de As Pontes tamén se sumará a estas festas cun concerto, o 20 de decembro, no que contarán coa compaña dos alumnos do Conservatorio de Música de As Pontes ( 20.00 horas - Casa Dopeso). O seu relevo será para a cantautora galega Sés que, o día 21, no Auditorio Municipal Alovi (20.00 horas) ofrecerá un concerto no que presentará as súas últimas composicións. Pechará a programación da vindeira semana o teatro da compañía Caramuxo que traerá ata As Pontes a súa montaxe Ñán, dirixida a bebés (13.30 e 18.30 horas – Auditorio Municipal Alovi). O grupo Mamá Cabrá será o encargado de inaugurar a semana de Nadal cun concerto o día 23, no auditorio municipal Alovi, dende as 18.00 horas e xa, tralo 25 de decembro, arrincará a programación cinematográfica no que, dende a concellería que dirixe Sara Ramos, se optou por unha oferta dirixida a públicos de todas as idades. Así para o 26 de decembro proxectarase El llanero solitario ( 20.30 horas – Auditorio Municipal Alovi), namentras que para o 30 de decembro está programado o filme de animación Monstruos University (18.00 horas - Auditorio Municipal Alovi) e tamén a última producción de Luc Besson: Malavita ( 20.30 horas - Auditorio Municipal Alovi). Xa en xaneiro, os días 2 e 3, proxectaranse os filmes Thor, o mundo escuro e Lobezno, Inmortal (20.30 horas - Auditorio Municipal Alovi). Unha das principais novidades da programación de Nadal 2013 virá protagonizada polo grupo Broken Peach que o 28 de decembro (20.00 horas - Auditorio Municipal Alovi) ofrecerá un concerto de Nadal no que as panxoliñas máis populares serán o eixo dun espectáculo que será todo un éxito de público. A este concerto sumarase a actuación a Escola Municipal de Baile Moderno en Narón (27 de decembro – Pazo da Cultura de Narón) que representará o musical Cine. Por suposto non faltará a III edición da San Silvestre Pontesa, con probas de velocidade para todas as idades, unha andaina popular e unha carreira absoluta de 5 quilómetros polas rúas do casco urbano. Para comezar o ano con bo pé, o 2 de xaneiro, no polideportivo municipal da Fraga instalaranse diferentes hinchables gratuítos para nenos e nenas de todas as idades, dende as 16.00 horas. Unha das apostas máis fortes da concellería de Cultura para este Nadal será o teatro infantil xa que, ademáis de Caramuxo, tamén visitará As Pontes a compañía Títeres Trompicallo. Así, o 3 de xaneiro terán dobre sesión coas representacións de O Día que Chegou unha nube e Choveu, na Escola Infantil A Barosa ás 11.00 horas, e xa á tarde ás 18.00 horas e na Casa Dopeso, coa obra Osiño, dirixida a todos os públicos. Non podía faltar a visita dos Reis Magos a As Pontes, o 5 de xaneiro ás 17.30 horas, e que contará cun percorrido polas rúas máis céntricas do casco urbano con punto e final no Salón de Plenos da Casa Consistorial, onde as súas Maxestades de Oriente recibirán aos nenos e nenas pontesas.

Os alcaldes de As Pontes e os seus descendentes participarán mañá nunha xuntanza na que se rememorará a historia do municipio dende 1836

A xornada incluirá unha foto de familia que, posteriormente,formará parte dun libro sobre todos os rexedores do concello de As Pontes dende 1836 e que se presentará xa en xaneiro As Pontes, 13 de Decembro de 2013.- O Concello de As Pontes acollerá mañá sábado unha xuntanza de todos os alcaldes que rexeron este municipio dende 1836. Un encontro no que participarán todos os rexedores do municipio aínda vivos xunto cos descendentes daqueles que, nalgún momento, se encargaron de gobernar As Pontes. Este primeiro encontro de alcaldes e descendentes dende 1836 terá lugar ás 12.30 horas, na Casa do Concello, e incluirá a toma dunha instantánea de todos aqueles que ostentaron o bastón de mando do concello pontés. A fotografía servirá tamén como antesala da presentación do libro no que se inclúe e que levará por título Alcaldes de As Pontes: un recorrido desde 1836, elaborado pola historiadora María Sande e que se presentará o 10 de xaneiro no Auditorio Municipal Alovi. Este traballo recompila a traxectoria e biografía de todos os alcaldes de As Pontes, dende 1836, e contará cunha gran transcendencia histórica xa que poucas son as poboacións que contan con un documento destas características. Trala foto de familia, o actual alcade de As Pontes, Valentín González Formoso, exercerá de anfitrión nunha recepción oficial que incluirá un catering nas dependencias da sala de exposicións do Mercado Vello, e no que se agasallará e agradecerá a presenxa e colaboura daquelas persoas e descendentes que virán a As Pontes dende outros concellos e ata comunidades autónomas para sumarse a unha cita histórica.

12/12/13

Mundoxogo abrirá a súas portas o vindeiro día 23 na sala do Mercado Vello

Actividades para nenos e nenas dende os 2 anos, competicións de videoxogos ou foamball e ata obradoiros de arxila e cociña integran a programación que incluirá esta nova edición de Mundoxogo O Concello de As Pontes reforzará a programación infantil para este Nadal cunha nova edición de Mundoxogo. E é que dende a concellería de Xuventude, que dirixe Jesús Tembrás, volvíanse atender as suxerencias e peticións de pequenos e tamén de pais e nais á hora de reeditar un programa de actividades infantís que, nas súas edicións anteriores, tan só colleitou éxitos de participación. Dende o vindeiro día 23 de decembro e ata o 6 de xaneiro, nas dependencias do Mercado Vello, Mundoxogo volverá ofrecer unha ampla diversidade de actividades, obradoiros, xogos e competicións de videoxogos, aptas para todas as idades e é que, tal e como subliñou o concelleiro Jesús Tembrás, para este Nadal ata os máis pequenos contarán co seu espazo de diversión. De feito, habilitarase unha zona de xogos para meniños de 2 e 3 anos. O edil de Xuventude tamén deu conta doutras novidades que integrarán o programa de Mundoxogo coma unha zona de foamball, obradoiros de arxila e a visita dun rei mago que recollerá as cartas e peticións dos máis pequenos. Asemade, tamén está previsto que se instale unha fermosa árbore de Nadal, ateigada de agasallos para os gañadores das diferentes competicións que se realizarán durante estes días. Non faltarán as actividades xa tradicionais coma as mesas de hockey, billar, futbolín, os crebacabezas e os videoxogos, os xogos de cartas e os obradoiros de cociña e manualidades que se desenvolverán a diario, polas tardes. Mundoxogo abrirá en horario de mañá, entre as 10.30 e as 13.30 horas, e xa ás tardes entre as 16.30 e as 20.30 horas, e contará coa dirección de monitores especializados. Dende o 23 de decembro Mundoxogo tomará as mañás e as tardes dos nenos e nenas tanto de As Pontes coma dos concellos da contorna, e incluso dos seus pais e nais e é que o propio edil de Xuventude convidaba a grandes e pequenos a desfrutar deste programa de ocio. Mundoxogo permanecerá aberto todos os días entre o luns 23 e ata o 6 de xaneiro e para participar nas súas múltiples ofertas de ocio tan só é necesario ter ganas de pasalo ben xa que a participación nas diferentes actividades que ofrece é totalmente gratuíta.

A Campaña Merca nas Pontes repartirá 3.000 euros en vales de compra entre os que se decanten polo comercio pontés para as súas compras de Nadal

Un dos sinais máis identificativos de que xa estamos no Nadal son as compras para estas festas e, un ano máis, dende a Asociación de Comerciantes e Empresarios de As Pontes vaise premiar a confianza dos veciños e veciñas nos establecementos da vila mediante a campaña Merca nas Pontes. Dez son os anos que celebra esta campaña que arrincaba o pasado luns, día 9, e que se prolongará ata o 5 de xaneiro, co reparto entre os clientes dos comercios participantes de distintas rifas para tomar parte nos sorteos de tres importantes premios en vales de compra que se realizarán tralas festas de Nadal. A mecánica desta campaña será a habitual, xa que cada consumidor que realice a súa compra nalgún dos 35 establecementos colaboradores este ano recibirá unha rifa cun número para participar no sorteo de tres premios por un total de 3000 euros, canxeables precisamente nos comercios que toman parte nesta campaña e que xa se atopan identificados co cartel deste ano que, unha vez máis, deseñaba Luís Díaz Faes. Zapaterías, tendas de roupa, de complementos, decoración ou agasallos, ferraxería, xoierías,librerías, ópticas, tendas de deportes ou de xoguetes e ata establecementos de suministros do máis variopintos integran o listado de participantes nesta campaña que, unha vez máis, conta co respaldo do Concello de As Pontes e a Asociación Amigus, e que repartirá un premio de 1500 euros, un segundo premio de 1000 euros e un terceiro premio de 500 euros a gastar nos comercios participantes, ata un máximo de 100 ou 200 euros por establecemento. De feito, os tres números gañadores publicaranse o mesmo día do sorteo, programado para o 11 de xaneiro, tanto na páxina web www.amigus.org coma en www.mercanaspontes.com, ademáis de nos medios de comunicación local. Os agraciados terán unha semana para achegarse ata a oficina da Asociación de Empresarios, na avenida da Habana, e así reclamar o seu premio, xa que de consumirse os sete días dende o sorteo, pasarase aos números suplentes. Agora tan só queda probar sorte e, asemade, botar unha man ao comercio que temos máis preto da casa, que pertence a eses veciños e veciñas que a diario nos atopamos pola rúa e que fan que a economía pontesa continúe a funcionar.

25 ESCAPARATES DOUTROS TANTOS ESTABLECEMENTOS PONTESES PARTICIPARÁN NO I CERTAME DE ESCAPARATISMO DE NADAL

A creatividade e o inxenio dos comerciantes ponteses serán sometidos a exame nestas festas de Nadal e da man duns xuíces moi esixentes como son os propios veciños e veciñas da vila. Os ponteses e pontesas serán os encargados de xulgar e opinar sobre os deseños dos escaparates de Nadal de máis dunha vintena de comercios e establecementos potneses de todo tipo, e ao abeiro do primeiro concurso de escaparatismo de nadal que organiza o departamento municipal de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio, coa colaboura do Instituto Pontés de Promoción Económica. 25 tendas do máis variopintas tomarán parte neste concurso no que o principal requisito era que o deseño de cada escaparate fose froito do propio persoal do establecemento, deseños que xa nestes días podemos ver en tendas coma Niza, Dekologas, Nexoveterinarios ou Bolboreta. Todo un exemplo da creatividade e traballo dos nosos comerciantes e que servirá tamén para animar o Nadal, tal e como puntualizou a concelleira do ramo, Montserrat García. Oficialmente haberá que agardar ata o luns, día 16, para coñecer as 25 propostas de decoración dos participantes aínda que xa, nestes días, houbo establecementos que comezaron a ensinar as súas particulares visións destas festas de Nadal mediante os seus produtos. Tendas de roupa, zapatos, decoración, complementos, agasallos, xoiería, carpintarías, panaderías, ópticas, tendas de deportes, adicadas á saúde, á beleza ou ao mundo dos doces e chucherías se sumaron a este primeiro certame de escaparatismo de nadal e que xurdía a raíz dunha das iniciativas formativas densenvolvidas, nestas últimas semanas, pola concellería que dirixe Montserrat García. Ata o 5 de xaneiro será posible desfrutar destes deseños de Nadal e incluso votar por eles xa que os veciños escollerán o Mellor Escaparate de As Pontes deste 2013, mediante os seus votos que emitirán cada vez que realicen unha compra nun establecemento participante, voto que pode ter premio xa que cada cliente optará a un marabilloso conxunto de agasallos, doados polos propios comercios participantes. A este recoñecemento sumarase tamén o premio que outorgará un xurado especializado e que consistirá nunha nominación coma o Mellor Escaparate de Nadal 2013. O 11 de xaneiro darase a coñecer o nome dos dous escaparates mellor valorados por público e xurado. Será nun acto que terá como escenario o Salón de Plenos da Casa do Concello dende as 13.30 horas. Alí tamén se entregarán ao afortunado ou afortunada os agasallos que integran o escaparate de premios doados polos comercios e que estará exposto nun baixo comercial que se atopa na Praza do Hospital, un premiado que sairá do sorteo a realizar uns días antes tamén no Salón de Plenos. O 7 de xaneiro, coas cámaras de RTVEume como testemuñas, procederase á extracción da papeleta gañadora desta votación popular e tamén se escollerán catro suplentes, de darse o caso de que o primeiro agraciado non reclame o seu premio. Dende o vindeiro día 16 xa será posible que ponteses e pontesas valoren o traballo de Óptica Carmela, Xoiería Templo, Bau bau, Dekologas, Bolboreta, Ropas, Carpintaría Maciñeira, Nexo Veterinarios, La Cottonería, The idea Solutions, Niza, Panadería Hermanos Díaz, Azalea, Chic, Salón Eros, Kaye Zapatería, Galiorient, Lecar 712, Alicia Granado, Xandra, La Estrella, Sulián, Herboristería Saúde, Las Cositas de Vega e Date el Gustazo e apostar, deste xeito, polo comercio local e a súa orixinalidade e bo facer á hora de realizar as compras de Nadal.

10/12/13

O teatro, a música e o cine álzanse co protagonismo das festas de Nadal en As Pontes

O alumeado de Nadal xa se atopa pendurado polas rúas, os escaparates dos comercios locais presentan as súas mellores cores e decoracións e, por suposto, de seguro que xa hai quen ten a súa árbore ben engalanada. E é que estamos case en plenas festas navideñas e o espírito destas datas respírase xa no ambiente. En poucos días estaremos inmersos nos festexos máis entrañables do ano e, para desfrutar destes días, unha vez máis dende o departamento municipal de Cultura idearon un programa de actividades que non deixará indiferente a ninguén. Música, teatro, exposicións, actividades infantís, cine e por suposto a tradicional visita dos Reis Magos o vindeiro 5 de xaneiro farán as delicias de grandes e pequenos, grazas a un gran calendario de actividades que intentan chegar a todo tipo de idades, aínda que son os máis novos da casa os principais protagonistas. E é que nada mellor que apostar por As Pontes para desfrutar destas festas tan entrañables xa que, tal e como defenderon dende a concellería de Cultura, o noso municipio non ten nada que envexar á programación cultural que podemos atopar noutros concellos da contorna. Este mesmo venres ás 17.00 horas, a sala infantil da Biblioteca Enrique Rivera Rouco volverá ser o punto de partida destes festexos, coa tradicional xornada de decoración de Nadal na que poderán participar todos os pequenos e pequenas que así o desexen cos seus debuxos e manualidades. Nembargantes, tamén nos vindeiros días teremos concertos coma o da Rondalla Vila de As Pontes, o certame anual de panxoliñas de Alende e a Coral Endesa As Pontes ou os recitais dos alumnos do Conservatorio; convocatorias ás que se unirán tamén sorpresas coma o concerto da cantante galega Sés o vindeiro día 21, a visita de Mamá Cabra ou o recital das viguesas Broken Peach, toda unha novidade para a xornada do 28 de decembro. Os máis pequenos tamén poderán desfrutar do teatro infantil con diferentes montaxes de monicreques a cargo das compañías Caramuxo ou Trompicallo e por suposto do cine, con propostas do máis novidosas coma Monstruos University, El llanero solitario, Malavita ou Lobezno, inmortal; aínda que unha das citas máis populares volverá ser a Cabalgata de Reis, na que un ano máis se contará coa axuda da coordinadora de Ampas Abrente. Agora tan só queda ir anotando na nosa axenda esta entretida programación de Nadal que teremos ben preto, con tan só saír ás nosas rúas.

O Concello de As Pontes destina 70.000 euros á renovación do polideportivo do colexio Monte Caxado

Os estudantes do colexio Monte Caxado xa contan, dende hoxe mesmo, cunhas novas instalacións deportivas modernizadas e renovadas e é que, nestes últimos meses, o seu pavillón deportivo foi sometido a todo un lavado de faciana. Tras dunha inversión próxima aos 70.000 euros e varias semanas de traballo, agora o pavillón deportivo de monte caxado é todo un exemplo de modernidade. De feito, este espazo xa dispón dunha nova aula de estudos que servirá para impartir os contidos teóricos da asignatura de educación física ao que se suman dous novos almacéns de material. As melloras tamén afectaron ao espazo de vestiarios xa que ademáis de reformar os xa existentes para nenos e nenas, habilitouse un vestiario para árbitros e tamén dous espazos de aseo para as persoas discapacitadas. Como colofón procedeuse ao pintado do interior de todo este edificio. Esta mesma mañá era o alcalde de as pontes, Valentín González Formoso, o que se achegaba ata este centro escolar para visitar o resultado destes traballos xunto co director do propio centro educativo. De feito, foi o executivo local o encargado de afrontar estas obras de mellora a cargo dunha subvención solicitada á Deputación da Coruña e que permitiu converter este espazo deportivo nun novo e moderno lugar onde os estudantes de monte caxado e tamén os usuarios habituais destas instalacións xa poden desenvolver as súas actividades deportivas nunhas condicións óptimas.

Medio cento de nenos e nenas ponteses poderán tomar parte nunha nova edición de Diverocio Nadal

A Concellería de Servizos Sociais e o CIM volvían apostar por unha serie de actividades e obradoiros dirixidas a axudar á conciliación da vida laboral e familiar das familias pontesas durante estas festas de Nadal. As Pontes, 10 de Decembro de 2013.- O Concello de As Pontes, a través do departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), volverán abrir os campamentos Diverocio, dirixidos á conciliación da vida familiar e laboral daqueles pais e nais que, durante as vacacións de Nadal dos seus fillos e fillas, non contan con quen deixar aos seus pequenos e pequenas. En moi poucos días as instalacións do colexio da Magdalena volverán abrir as súas portas aos pequenos e pequenas que tomarán parte nunha nova edición duns campamentos que, por sesto ano consecutivo, volven ser todo un respiro para as familias pontesas e que contará con medio cento de prazas para nenos e nenas de entre 3 e 11 anos. Para este Nadal, a concellería de Servizos Sociais volvía apostar por un programa de actividades que arrincará o vindeiro día 23 de decembro e que se prolongará ata o 8 de xaneiro, de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 horas. E é que, ano tras ano, este tipo de campamentos, ben sexan en Nadal, Semana Santa ou verán, contan cun gran número de usuarios, de ahí que dende a concellería que dirixe José Alén se teñan xa coma un básico na súa programación anual. Diverocio Nadal 2013 contará coa dirección dos monitores da empresa local Picariños. Eles e elas encargaranse do coidados dos pequenos e pequenas que tomen parte neste programa e que desfrutarán de actividades do máis variopintas, vencelladas coa celebración do Nadal nos diferentes países e continentes ás que se unirán tamén xogos e actividades dirixidas ao fomento da coeducación, a tolerancia e diferentes valores. Para poder inscribirse nestes obradoiros, Servizos Sociais manterá aberto un prazo de matrícula ata o vindeiro día 18, sendo necesario cubrir a pertinente solicitude e entregar tamén a fotocopia do Libro de Familia; os certificados da empresa de conforme se está a traballar durante as datas nas que se desenvolvan estes campamentos ou ben de que se está a tomar parte nun curso formativo e a declaración xurada de estar a traballar no servizo doméstico, de darse o caso, asemade, unha vez admitida a inscrición será necesario aboar unha cota de 10 euros de matrícula por cada participante. Toda esta documentación deberá ser entregada no departamento de Servizos Sociais, no segundo andar da Casa Dopeso, de luns a venres en horario de 8.30 a 14.30 horas.

9/12/13

O acendido do alumeado abrirá mañá a celebración do Nadal pontés

O Concello de As Pontes estreará mañá o tradicional alumeado de Nadal que dende hai varias semanas permanece xa instalado en todos os barrios de As Pontes, da Casilla ás Campeiras, do Chamoselo á Pardo Bazán e alcanzando tamén toda a zona rural. Dende as seis e media da tarde todo As Pontes permanecerá iluminado con arcadas en forma de estrelas e árbores de Nadal, nas principais rúas do casco urbano e fío luminoso nos edificios máis emblemáticos do Concello. Volveremos desfrutar dos letreiros de Bo Nadal e Felices Festas, ademais da ornamentación na Igrexa Parroquial e as redes luminosas nas árbores dos xardíns Municipais do Campo da Feira. Un ano máis, todo o alumeado é de tecnoloxía led, co que se reduce o consumo enerxético, non así a calidade que segue sendo extraordinaria, dando un pouco máis de alegría aos comercios e ás principais rúas do casco urbano. O alumeado navideño permanecerá acendido ata pasar a festividade de Reis, en horario de 18.30 a 03.00. O acendido do alumeado navideño será, mañá, o pistoletazo de saída a unha serie de actividades lúdicas, culturais e deportivas que se sucederán nas vindeiras semanas.

4/12/13

Servizos Sociais abre o prazo para anotarse nunha nova edición dos Campamentos de Nadal Diverocio

Dende hoxe xa é posible anotarse no programa Diverocio Nadal 2.013-2.014 que o Concello de As Pontes, a través da Concellería de Servizos Sociais, que preside José Alén desenvolverá durante as vacacións de Nadal co obxectivo de favorecer a promoción social e laboral das mulleres. Diverocio constará de actividades educativas, de lecer e deportivas, dirixidas a un total de cincuenta nenas e nenos nados entre os anos 2.002 e 2.010. Terá como escenario as instalacións do colexio A Magdalena e desenolverase os días 23, 26, 27 e 30 de Decembro, ademais dos días 2, 3, 7 e 8 de Xaneiro, en horario de nove da mañá a dúas da tarde. As inscricións para tomar parte no progama teranse que facer no Departamento de Servizos Sociais, no 2º andar da Casa Dopeso, entre o 4 e o 18 de Decembro e en horario de 8:30 a 14:30. A cota de inscrición, que se ingresará en Novagaliciabanco, no intre no que se confirme a concesión de praza, será de 10 euros. Ademais e xunto ao boletín de inscrición, debidamente cuberto, deberanse entregar tamén fotocopia do libro de famiila, certificados de empresa conforme se está traballando, ou no caso de ser autónomo fotocopia do último recibo de autónomos. Tamén se terían que aportar, de ser o caso, declaración xurada de estar a traballar no servizo doméstico, ou certificado da entidade que imparte a formación de estar asistindo a ela. E é que terán preferencia aqueles pais e nais que xustifiquen documentalmente que están traballando os dous e non en período de vacacións, e tamén se terán en conta as situacións familiares nas que se teña unha persoa dependente ao cargo. Finalmente, e no caso de familias monoparentais, a persoa encargada dos fillos e fillas debe xustificar que está traballando ou ben facendo un curso de formación.

2/12/13

O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Emprego, organizará en decembro dous cursos de busca de traballo por Internet

A concellería de Emprego porá en marcha, en decembro, dúas novas accións formativas dirixidas á busca dun traballo mediante Internet. A primeira será o día 16 e centrarase nas técnicas de busca de emprego on line. Serán dúas horas de curso, de 18.00 a 20.00 horas, que se desenvolverán na aula CEMIT, ubicada no soto da Casa Dopeso, e a formación incluirá unha introducción ao que é, como se fai e para que serve un curriculum vitae na rede, para que, posteriormente, os asistentes ao curso elaboren o seu propio curriculum on line. Esta acción formativa pretende sensibilizar ao alumnado sobre estes trocos e trasladarlles os beneficios que ofrecen os avances tecnolóxicos, e máis concretamente a Rede, no que respecta á busca de emprego, así como á utilizacion de ferramentas web como as redes sociais. E é que, segundo subliñaron dende o departamento municipal de Emprego, é preciso que, neste intre de grandes cambios no mercado laboral, acorde co que acontece con todos os estamentos da sociedade, é importante saber sacarlle o maior partido ao avance tecnolóxico que se está a vivir. As prazas están limitadas a nove e respetarase a orde de inscrición, debendo facela entre os días 2 e 9 de decembro, na oficina de orientación laboral, no segundo andar da Casa Consistorial, en horario de 08.00 a 15.00 horas. Así mesmo tamén se ofertan outras nove prazas para realizar o outro curso xa máis específico de técnicas de busca de emprego aproveitando as novas tecnoloxías, e nomeadamente a ferramenta do Likendin. Será nunha única xornada tamén de dúas horas, o martes 17 de decembro, entre as 18.00 e as 20.00 horas, desenvolvéndose igualmente na aula CEMIT, da Casa Dopeso. Este outro curso que promove o departamento que dirixe a concelleira Ana Pena, estará centrado en Linkedin, que é , agora mesmo, a máis importante rede para buscar traballo xa que permite contactar con persoas de sectores concretos ou con empresarios en busca de persoal específico. Neste segundo curso aprenderase o sinxelo proceso de creación dunha conta, xa que ese perfil creado fai a función de currículum. O único requisito para participar neste curso, que será gratuito, é ser demandantes de emprego, estar empadroad@s no Concello de As Pontes e ter uns coñecementos básicos de busca de emprego na Internet. Os prazos de matrícula son os mesmos, do 2 ao 9 de decembro, de 08.00 a 15.00 horas na oficina de orientación laboral do segundo andar da Casa Consistorial.