26/11/13

O CONCELLO DE AS PONTES E OS SEUS VECIÑOS PREMIARÁN ESTE NADAL AO MELLOR ESCAPARATE DO MUNICIPIO

A Concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio, xunto con Instituto Pontés de Promoción Económica ven de abrir o prazo para anotarse no primeiro Concurso de Escaparatismo de Nadal, un certame no que poderán tomar parte todos os establecementos comerciais da nosa vila, sempre e cando o seu escaparate esté deseñado polo propio persoal do comercio. O concurso densenvolverase entre os días 16 de decembro e 5 de xaneiro, sendo necesario anotarse como data máxima ata este mesmo sábado no Rexistro Xeral do Concello. No tocante ás bases a cumprir polos participantes, cada establecemento poderá competir con un ou varios escaparates aínda que a puntuación será coma unha única unidade, sendo necesario que predominen as cores verde e vermella como símbolo do Nadal. A decoración deberase manter ata o 5 de xaneiro e, asemade, cada establecemento deberá doar un agasallo que irá destinado ao agasallo para os clientes que emitan o seu voto, agasallo que deberá ser depositado na Casa Dopeso o 9 de decembro, denantes das 14.00 horas. No tocante ao sistema de votación, os clientes recibirán unha rifa por cada compra que realicen nestas datas de Nadal nos comercios participantes. Na mesma deberán indicar o nome do local co escaparate máis vistoso, ao seu xuízo, para despois depositala na furna que estará habilitada en cada un dos comercios que tomarán parte neste certame. Estas papeletas entrarán no sorteo dun único premio integrado polos agasallos doados polos establecementos participantes e que se realizará o 7 de xaneiro no salón de plenos da Casa do Concello. No tocante aos galardóns para os establecementos, éstes daranse a coñecer o 11 de xaneiro tamén nun acto que terá lugar no salón de sesións da Casa Consistorial. Alí darase a coñecer o nome do establecemento que levará o título de Mellor Escaparate de As Pontes 2013, e que será outorgado polos votos dos clientes; e tamén o comercio que se fará co premio ao Mellor Escaparate de Nadal 2013 e que sairá da decisión dun xurado integrado por membros do IPPEC, Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes e pola responsable do curso de escaparatismo que se estivo a impartir estes días na Casa Dopeso. O prazo para sumarse a este certame manterase aberto ata o sábado, sendo necesario cubrir a pertinente inscrición e facer entrega da mesma no Rexistro Xeral do Concello en horario de 8.30 a 15.00 horas de luns a venres e o sábado ata as 13.30 horas. Para coñecer máis polo miúdo as bases deste certame é posible tamén solicitalas no propio Rexistro municipal ou ben na páxina web do IPPEC, no enderezo electrónico www.ippec.es.

22/11/13

A Xunta de Galicia cede a titularidade das avenidas de Galicia, Castelao, Ortigueira, Campeiras e Poboado das Veigas ao Concello de As Pontes

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de onte o cambio de titularidade das Avenidas de Galicia, Poboado das Veigas, Castelao, Ortigueira e das Campeiras a prol do Concello de As Pontes.A entrega formalizarase en pouco máis de dous meses. Esta transferencia está xustificada porque as vías AC-118 e AC-119, que suman 4,4 quilómetros, adquiriron características de tramo urbano. A Xunta xustifica este cambio de titularidade alegando que estas dúas estradas, a AC-118 e maila AC-119 están integradas no núcleo urbano das Pontes conformando dúas rúas do municipio con beirarrúas en todo o seu percorrido, edificacións e servizos urbanos polo que adquiriron características de tramo urbano. Pola súa parte, o Concello das Pontes solicitou o cambio de titularidade das estradas referidas que, actualmente, son autonómicas. Así, a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade. O expediente tramitouse ao abeiro dos artigos 5 e 54 da Lei de estradas, que establece que os cambios de titularidade se aprobarán por Decreto da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas. Agora, o Concello das Pontes deberá incorporar ao seu Plan de Estradas estas vías, Poboado das Veigas, e Avenidas de Galicia, Castelao, Ortigueira e das Campeiras, así como facerse cargo do seu mantemento. Ademais, correspóndenlle ao municipio, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular. A entrega das mesmas formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia (DOG), mediante a sinatura da acta de entrega

O Concello de As Pontes ultima o seu III Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades

O novo documento terá unha vixencia de cinco anos O Concello das Pontes está a ultimar a elaboración do III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes (PIOMH) que pretende recoller as inquedanzas aplicando o mainstreaming de xénero, é dicir, actuacións transversais acordes coa realidade social e que fomenten a igualdade de oportunidades no municipio. A finalidade deste plan, que terá unha vixencia de cinco anos, será continuar co fomento e a promoción da igualdade entre mulleres e homes no municipio, para que o sexo dunha persoa non condicione o que pode ou non pode facer na súa vida. Desde a Concellería de Servizos Sociais e Atención Cidadá e o Centro de Información á Muller, departamento que está a impulsar a redación do novo plan, destacan que a decisión de elaborar e poñer en marcha este Plan de Igualdade significará un novo xeito de xestionar os asuntos públicos na temática de igualdade, introducindo a transversalidade de xénero en varios departamentos municipais: Servizos Sociais, Promoción Económica, Cultura, Servizo de Normalización Lingüística, Escola Infantil Municipal, Obras, etc., co fin de orientar as políticas municipais cunha perspectiva máis igualitaria. Para a redación e elaboración deste documento cóntase co apoio da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Social Europeo.

20/11/13

Xornadas Hume

Un obradoiro adicado á muller abre a programación do Concello de As Pontes para conmemorar o 25 de Novembro

A Concellería de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM) inauguraron onte a programación que este ano servirá para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional da Loita en Contra da Violencia Contra da Muller. Foi mediante un obradoiro adicado á muller, ás súas emocións, saúde e intelixencia emocional e que, ata o vindeiro 17 de decembro, se desenvolverá nas dependencias da Casa Dopeso. A psicóloga pontesa Raquel Pita, integrante da Asociación Galega de Formadores, está á fronte das cinco sesións coas que conta este obradoiro e que se inauguraba na tarde de onte coa presenza de case unha vintena de veciñas de As Pontes de idades do máis diversas e tamén da propia directora do CIM pontés, Maca Rego. Asemade, tamén se desprazaba ata a Casa Dopeso neste primeiro día de curso o edil de Servizos Sociais, José Alén, co fin de inaugurar esta actividade que está a ser totalmente gratuíta. Tecendo Emocións, que así se chama este curso, baseará o seu desenvolvemento en clases prácticas, deixando a teoría a un lado, co fin de que as participantes aprendan a coñecer as súas emocións e a controlalas e, deste xeito, utilizalas para enfrontarse ás dificultades que poidan ter na súa vida diaria. De feito un dos eixos centrais deste obradoiro pasará porque as alumnas recoñezan as emocións tanto en sí mesmas coma nos demáis, desenvolvendo unha empatía cara os demáis que permita mellorar as súas relacións interpersoais e afrontar os problemas da vida cotiá e os obstáculos de cada día. Asemade, durante estas cinco xornadas tamén se abordará a intelixencia emocional pero na vida en parella ou en familia. Pero ademáis deste obradoiro, dende a concellería que dirixe José Alén tamén está previsto continuar a conmemorar o 25 de novembro con outro tipo de iniciativas. Así para este domingo temos unha sesión de contacontos en prol da igualdade, a vindeira semana arrincará unha exposición sobre mulleres españolas e finalmente, xa o día 30 realizaranse diferentes actuacións teatrais de rúa para celebrar este 25 de Novembro.

O Concello de As Pontes presenta alegacións ao plan de ampliación da Rede Natura

O Concello de As Pontes ven de presentar as súas alegacións á proposta feita pola Xunta de Galicia para ampliar os espazos protexidos como Rede Natura no que atinxe ó noso termo municipal. Deste xeito ratifícanse oficialmente e en forma as alegacións xa verquidas previamente a traverso dun escrito do 15 de setembro do ano pasado. Para o concello pontés a proposta elaborada pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza ignora o necesario Plan de xestión para que poda resultar operativa, e non contempla a posibilidade de acordos coa propia administración local e os veciños para acadar acordos de explotación neste senso. O Concello presentou esta alegación en base a que o referido plan, tal como está redactado, causará un prexuizo económico importante no patrimonio da localidade e hai importantes actividades industriais que quedarían como usos non permitidos o que suporía unha eiva económica importante. Tamén se denuncia a inexistencia de plans correlativos de indemnizacións pola afectación das parcelas, o que mesmo vulnera normas constitucionais. Por estes e outros motivos que desglosan nunhas alegacións xa obran en poder da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Rural, demanda que se dicte resolución deixando sen efecto o que atinxe ó ámbito territorial do noso Concello, ou, no seu caso, modificando o mesmo acordando incluir as propostas sinaladas nas anteriores alegacións. Cabe sinalar que tamén se incluiron conxuntamente as alegacións da Asociación Queiroga, constando no mesmo expedente administrativo como se acordara con eles.

12/11/13

Radio Eume celebrou os seus 24 anos de vida coa entrevista máis longa da historia

Dando as grazas a todos e cada un dos 300 oíntes ou presentes que participaron neste maratón radiofónico de 24 horas que serviu para conmemorar o 24 aniversario de Radio Eume. Así se despedía esta madrugada, tras máis de 24 horas de programa en riguroso directo, Xosé Cendán, director de Radio Eume e artífice dun novo record Guinnes á hora de realizar unha entrevista multitudinaria. 24 horas e 4 minutos exactamente en contacto continúo coa audiencia. Con aqueles veciños que se animaron a levantar o teléfono e pasar un bo rato lembrando o seu recordos sobre Radio Eume e cos que, malia estar lonxe, non se querían perder este fito histórico para conmemorar aquel 11 de novembro de 1989 no que a radio municipal comezaba as súas emisións. Chamadas dende todo o país dos que xa non están aquí pero que non esquencen a súa vila ou dos que están noutros países ou continentes, coma o futbolista Diego Bermúdez, agora en Australia, o palista Borja Prieto, o adestrador de baloncesto Félix Bañobre actualmente en Dinamarca ou antigos veciños que agora residen na Arxentina, en Amsterdam, La Haya ou que incluso se atopan en Tokio, coma o caso do pontés Miguel Rozas, tiveron, nestas últimas horas uns intres para participar neste reto que non só foi do propio Xosé Cendán senón tamén dos veciños e veciñas sen os cales non sería posible afrontar estas 24 horas de entrevista continúa. Ás súas historias tamén se sumaron neste macroprograma as chamadas de curiosos doutros concellos que, malia non poder sintonizar Radio Eume, tamén quixeron felicitar a un medio que, tal e como apuntaba o seu director, é dos ponteses e pontesas e que, nestes días, era noticia por intentar aunar o seu 24 aniversario cun record do mundo, mediante un día de entrevistas no que calquera que así o desexou tivo os microfónos do 107.5 abertos. Xunto con Xosé Cendán poñendo voz, no control técnico contouse con Ángel Prieto ou Roberto Rego, aos que ao longo do día tamén se sumaron Miguel Bouza e Miguel López,. Con eles outros catro nomes propios: Pepe Capelán, Fernando Fresco, Javier Pérez Javichín, Marcos Mella e Noé López Valiña que fixeron máis levadeiras estas 24 horas con bromas, chistes, demostracións artísticas e sobre todo co bo humor que marcou o desenvolvemento deste reto e no que, por suposto, non podía faltar a torta de aniversario. Pero se houbo uns auténticos protagonistas desta xornada, eses foron os cidadáns anónimos e non tan anónimos que se sumaron teléfonica ou presencialmente, a este fito histórico. Así polos nosos estudos pasaron os tertulianos da mañá dos venres, representantes da vida cultural pontesa e ata políticos de goberno e oposición. De feito o alcalde de As Pontes ou a edil de Promoción Industrial e que tamén fóra edil deste medio, non podían eludir esta cita tan especial. Valentín González Formoso e Montserrat García coincidiron á hora de definir Radio Eume coma un servizo público, para os cidadáns, onde todos teñen as portas abertas e que sae adiante cada día cunha mestura de ilusión, corazón e esforzo. 24 horas dan para moito, para falar do pasado e tamén do futuro, e é que, durante esta gran entrevista, puidemos coñecer os plans para o Nadal que están a deseñar dende os departamentos de Cultura ou Xuventude, cunha nova edición de Mundoxogo ou o concerto das Broken Peach a finais de decembro; novidades no panorama musical local co inicio da carreira en solitario do acordeonista Andrés Penabad que abandoa Muxarega, os traballos nos que están inmersos os integrantes do grupo de teatro quemaisten, os segredos de reparto e rodaxe no novo proxecto de Roberto Rego, tras das cámaras ou os traballos de Lucía Leal e Roberto Hermida co seu comando grelo en prol do consumo de cultivos ecolóxicos. Pero 24 horas dan para falar de cultura, de historia, de música e sobre todo de anécdotas e opinións persoais. Así na madrugada puidemos coñecer a vida dun mariñeiro, as lembranzas de antigos colaboradores deste medio, a historia persoal de deportistas locais e de clubes da nosa vila coma o Cd As Pontes, O esteo ou o clube de baloncesto e ata houbo tempo para interactuar con outras emisoras coma a Radio Galega, Radio Coruña ou Radio Nacional que quixeron tamén estar en directo neste día tan especial. Xornalistas coma Quique Morales, Dani Álvarez ou Álvaro Veiga tamén levantaron o teléfono para sumarse a esta festa radiofónica na que se abordaron todo tipo de temas e con xente de todas as idades. Falouse do uso do galego, de educación, de política, de emprendedores, da marcha nocturna, do patrimonio local, de relixión e con convidados que foron dende os 3 anos da pequena Lola ata os 70 dalgún dos que se animaron a telefonar neste día e que remataba, como non podía ser doutro xeito, cun gran aplauso e cun novo record que volvía poñer a As Pontes no mapa.

11/11/13

Radio Eume celebra o seu 24 aniversario con 24 horas de entrevistas ininterrompidas

Radio Eume está hoxe de noraboa e é que se celebran os 24 anos do seu nacemento e semellante aniversario non podía pasar desapercibido. Así o director deste medio, Xosé Cendán, decidía afrontar o reto de vivir este 11 de novembro de 2013 cunha macroentrevista de 24 horas, sen preparación algunha e que dependía tan só da cidadanía e daqueles e daquelas que decidisen levantar o teléfono e contactar cos estudos de Radio Eume ou ben pasarse pola emisora municipal, na Casa do Concello. Ás 00.00 horas deste luns 11 de novembro arrincaba esta aventura pola que, de momento, xa pasaron case medio cento de persoas entre entrevistas telefónicas e incluso no propio estudio e cun nexo común: o papel de Cendán como moderador e entrevistador. Xa máis que superado o ecuador deste reto propio dun record Guinness, xa se contou coa presenza de excolaboradores de Radio Eume, amigos e compañeiros, veciños de As Pontes residentes noutros puntos do país e ata noutros continentes e ata conexións telefónicas con outras emisoras coma a Radio Galega, Radio Nacional ou a emisora municipal da Estrada. No 107.5 da FM xa puidemos escoitar voces dende Australia, coma a do futbolista Diego Bermúdez, conexións con Tokio co pontés Miguel Rozas, tamén voces coma as de Laura Pita, excolaboradora deste medio, o palista pontés Borja Prieto, xornalistas coma Dani Álvarez e, por suposto, voces anónimas de veciños e veciñas da nosa vila ou doutros puntos do país que tamén se uniron a este reto. Políticos, coma o alcalde de As Pontes ou a ex edil de RTVEume, Montserrat García, tamén se sumaron a este macroaniversario, con eles representantes do mundo do deporte local ou do tecido asociativo e comercial da nosa vila que, para dar folgos ou simplemente para contar o seu día a día, tamén se animaron a ser entrevistados por Xosé Cendán e que está contar coa colaboura neste reto dos técnicos de Radio Eume, Miguel López e Miguel Bouza, e tamén de dous colaboradores como Roberto Rego e Ángel Prieto. A menos de oito horas para que remate este gran reto todos aqueles e aquelas que desexen sumarse a esta macroentrevista aínda están a tempo de telefonar ao 981 45 31 88 ou ben achegarse ata os estudos de Radio Eume que, a fin de contas, é unha radio dos veciños e para os veciños e eles son os auténticos protagonistas deste especial aniversario.

As Pontes homenaxea ao Cura dos Chaos dándolle o seu nome á biblioteca municipal

As Pontes rendía o pasado venres unha máis que merecida homenaxe á figura do que foi o cronista oficial da nosa vila, don Enrique Rivera Rouco. Máis coñecido popularmente coma o cura dos chaos, e tras once anos do seu pasamento, xa conta co seu nome nun dos edificios máis emblemáticos da nosa vila: a biblioteca municipal, ese espazo ateigado de historia e de coñemento e que agora leva ao seu carón o nome dunha das figuras de maior relevancia histórica de As Pontes. Esta nova nomenclatura forma parte do recoñemento ao cura dos chaos organizado polo concello de as pontes e tamén o liceo recreativo e artístico e que, o pasado venres, reunía na biblioteca a representantes da política local coma os edís de Medio Rural, Emprego e Cultura, os concelleiros do Bng Francisco Dasilva e María Jesús Romero, representantes das asociacións pontesas e por suposto ao alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso. Precisamente, foi o primeiro edil o que daba conta da fachenda que supón poder contar cun veciño coma don Enrique e ao que era preciso renderlle este máis que merecido recoñemento, tanto co corazón polo agarimo que se lle ten a esta figura coma coa cabeza, debido ao gran traballo coma cronista da nosa vila que realizou o cura dos chaos. Tamén estivo presente neste acto o director do museo etnográfico de Monte Caxado e estudoso da historia e patrimonio local. Xosé María López Ferro foi o encargado de reunir no seu discurso as bondades do cura dos chaos e a súa gran labor coma cronista, ademáis da súa calidade humana. Tras descubrir a praca co novo nome da biblioteca, a homenaxe ao cura dos Chaos se trasladaba ata as dependencias da casa dopeso. Alí procedíase á presentación dunha nova edición do libro Historia de Puentes de García Rodríguez, un facsimil elaborado polo propio Enrique Rivera Rouco. Moitos foron os veciños e veciñas que tomaron parte nesta presentación, un deles o propio presidente do Liceo Recreativo e Artístico. Dositeo Rodríguez daba conta non só de cómo se decidía poñer en marcha esta homenaxe senón tamén do papel tan significativo que desempeñou o cura dos chaos na propia directiva do Liceo, da que formou parte a finais dos anos 70. Tamén neste segundo acto, o alcalde de as pontes quixo facer fincapé no gran papel de don enrique como persoa ao que definiu coma un servidor público, un heroe que non buscou nunca recoñemento e unha figura que sempre estará no corazón e na historia da nosa vila. Pola súa parte, Xosé María López Ferro daba conta da relevancia da reedición deste libro e incluso facía algunha referenza histórica ao respecto, dando conta dalgúns datos históricos da nosa vila que podemos atopar neste libro. E tras desta presentación, moitos e moitas non se puideron resistir a levar para os seus fogares unha copia dunha parte da nosa historia que agora, tras anos, sen poder atoparse nas librarías, xa pode volver a converterse no libro de cabeceira daqueles que desexen saber máis sobre as pontes e a orixe da nosa terra.

8/11/13

A concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio oferta un curso de escaparatismo para o tecido comercial pontés

Os comerciantes ponteses contan xa cunha nova oferta formativa que empezará a semana que ven e abre o luns o prazo de inscrición. Será un curso de escaparatismo que se promove dende a Concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio, que dirixe a edil Montserrat García. O luns ábrese xa o prazo de inscrición, que tan só se manterá ata o mércores. Dado que as prazas están limitadas a quince, respetarase escrupulosamente a orde de inscrición, incluindo a hora de rexistro, en previsión de que as prazas se cubran denantes do remate do prazo, á vista do interese desta formación. Para reservar unha praza haberá que acudir ó Rexistro Xeral do Concello, ubicado na pranta baixa da Casa Consistorial, en horario de 08.00 a 15.00 horas, e tan só se admitirá un participante por establecemento. O obradoiro arrincará o venres, día 15, e desenvolverase en doce horas, con clases de tres horas nos días laborables e de dúas os días de fin de semana. O programa desta formación para traballadores e responsables de comercios locais contemplará a formación en requisitos para un escaparate, espazos e programas de exposición e produtos, tipos de escaparates, ou planificacións, así como audicións, entre outras materias. Ó remate do curso vaise facer tamén un concurso no que non será preciso ter tomado parte nesta iniciativa para participar.

SANTA ICÍA ABRE HOXE A SÚA PROGRAMACIÓN DE 2013 ADICADA AO MÚSICO NICOLÁS VÁZQUEZ VIVERO 

Novembro ademáis de ser mes de celebracións gastronómicas con fungos e castañas tamén é o mes no que os músicos da nosa vila se visten coas súas mellores galas para ofrecernos multitude de concertos en honra á súa patroa: Santa Icía. E é que temos por diante catro intensas semanas ateigadas de recitais musicais e concertos do máis diverso nos que, unha vez máis, os artistas da nosa vila van dar conta da súa gran virtuosidade á hora de interpretar pasodobres, xotas, pezas clásicas ou música folk. Todo isto nun intenso programa que terá coma sempre unha figura común como é a do músico Nicolás Vázquez, ao que este ano se lle adica esta popular celebración. E é que case seis décadas trás dun bombardino e aínda, a día de hoxe, protagonizando actuacións coa formación Os Charangos, merecen recoñecemento coma o que no seu día recibían o gaiteiro Freixo ou os músicos Julio Bermúdez ou Dositeo Rodríguez. Esta mesma tarde, ás 21.00 horas, abrirase o programa de actos en conmemoración da patroa dos músicos e será no Auditorio Municipal Alovi co espectáculo de Tango Rojo: Libertagno. Xa mañá sábado celebrarase un concerto xuvenil, no que participarán a Rondalla Vila de As Pontes conxuntamente con Semente Nova e a continuación, farao a Banda Xuvenil de Música. Este recital está previsto para as 12.00 horas na Casa Dopeso. Haberá que agardar unha semana máis para continuar desfrutando dos actos conmemorativos de Santa Icía 2013. Así o sábado 16 de Novembro haberá un pasarrúas do grupo Os Feroces da Galgueira, dende as 10.00 horas. E pola tarde, desenvolverase o primeiro dos tres festivais programados, coa actuación da Escola municipal de Gaitas, a Coral Endesa As Pontes, e a Rondalla Vila de As Pontes, ás 18.00 horas no Alovi. Ao día seguinte, e á mesma hora pero xa no Auditorio da Casa Dopeso, actuarán Os Suplentes e a Charanga Os Ponteses. Logo xa, por semana, será o turno para a actuación do grupo No Cómbaro no Conservatorio ás 17.00 horas, unha actuación programada para o martes 19 , para nenas e nenos de 6 a 10 anos. Ás 19.00 horas, ese mesmo día, pero xa na Casa Dopeso concerto dos profesores do Conservatorio e ao día seguinte, o mércores 20 concerto dos alumnos do Conservatorio tamén na Casa Dopeso e igualmente ás 19.00 horas. A música chegará a todos os rincóns das Pontes. Así o xoves, 21 de Novembro, Os Suplentes estarán no Magosto do Centro Social da Terceira Idade. Actuarán ás 18.30 horas. As actuacións continuarán o venres á noite coa música clásica, do Trío Pantasma, o trío de corda e piano, actuará no Conservatorio ás 20.00 horas. Para os máis pequenos da casa, a Concellería de Cultura ofrecerá o venres 22 de Novembro, festividade de Santa Icía, a actuación denominada Camaleón Musical, unha función para escolares que se desenvolverá ás 12.00 horas no Auditorio Municipal Alovi. E o sábado 23 o grupo Folk Muxarega estará no Mercado, dende as 10.00 horas. Tamén ese mesmo día celebrarase o terceiro gran festival de Santa icía, e no que se lle rendirá homenaxe precisamente a Nicolás Vázquez Vivero, dende as 18.00 horas e no Auditorio Municipal Alovi. Esa tarde actuarán as Cantareiras de Alende, a Banda de Gaitas Alfaia, a Banda Xuvenil de Música e a Banda de Música de As Pontes. Pola noite celebrarase a tradicional cea baile de Santa Icía, que nesta edición estará amenizada pola orquestra Xente Nova. A cea celebrarase en Vilalba e haberá servizo de autobuses con saída ás 21.30 horas da estación das Pontes. Canto as invitacións, que terán un custe de 22 euros, éstas poderanse retirar no Banco Pastor entre o luns día 11 e o mércores día 20. Todavía non rematan os actos aquí. E é que o domingo, 24, como xa se leva facendo dende hai uns anos haberá unha misa en honra a Santa Icía, en Ribadeume ás 10:30 da mañá e á que lle seguirá unha ofrenda floral no monumento aos músicos ponteses, actuación do grupo infantil de baile de Alende e mailo grupo Canavella. Esa mesma tarde o Grupo Berros do Castro protagonizará tamén en Ribadeume, dende as 17.00 horas, o espectáculo "Unha imaxe, unha melodía, un recordo" Este ano serán os alumnos de percusión moderna das Escolas de Cultura os encargados de pechar a programación de Santa Icía co espectáculo Latexos, o martes 26 de Novembro ás 20.00 horas.

7/11/13

A emisora municipal de radio de As Pontes, Radio Eume, celebrará o vindeiro día 11, os seus vintecatro anos de emisión cun tento de bater un record do mundo.

Ás cero horas do día 11 comezará unha entrevista que durará 24 horas de xeito initerrompido para celebrar a efeméride dos 24 anos nas ondas. O actual director deste medio, Xose Cendán, o único que segue do equipo que conformara o primeiro plantel desta radio local no 1989, estará 24 horas sen descanso entrevistando a tod”s “s que se acheguen pola emisora ou chamen por teléfono nese tempo. Anque o obxectivo é manter unha entrevista múltiple, pero sempre co mesmo entrevistador, durante todo o día 11, a intención é superar cando menos nuns minutos esas 24 horas para deixar o nome de Radio Eume na historia da radiofusión mundial. O actual record posúeo o locutor australiano da emisora de radio ABC, en 24 horas precisamente. Neste caso a entrevista non é a unha personalidade senón que se busca recoñecer o papel que a poboación tivo na permanencia todos estes anos dunha radio tan modesta e abrísue a participación a quen desexe participar, para o que se habilita o teléfono 981 45 31 88. No 2011 xa se fixera unha entrevista múltiple de 22 horas para conmemorar daquela os 22 anos de Radio Eume, e pasaran polo micro perto de duascentas persoas, representando a case a totalidade do tecido asociativo local, así como a innumerables colaboradores e colaboradoras que nesas máis de dúas décadas pasaran por unha radio que ten a súa orixe e a súa subsistencia na participación cidadá.

A mostra O Prometido é Débeda estará ata mañá nas dependencias do Mercado Vell

o A sala de mostras do Mercado Vello acollerá ata mañá a exposición O Prometido é débeda, da man da organización non gubernamental Jóvenes y Desarrollo, e que pretende chamar á atención da cidadanía para que ésta se implique na loita contra a pobreza. Esta exposición, que conta co respaldo do departamento de Xuventude, está formada por catro grandes paneis que presentan os oito Obxectivos do Milenio dunha forma atractiva e didáctica, fins que se pretenden acadar en 2015. Asemade, esta mostra inclúe a situación actual destas metas que se pretenden acadar e aqueles aspectos que máis dificultan a consecución dos obxectivos, ademáis dos que máis están a favorecer o acadar estes fins. Outro dos elementos que inclúe esta mostra son propostas para que, dende a nosa realidade e posibilidades, se contribua ao cumplimento destas metas. O prometido é débeda poderase visitar nas dependencias do Mercado Vello ata mañá, en horario de 17.00 a 20.00 horas e a entrada será gratuíta. Pero esta non será a única oportunidade que teremos para poder desfrutar desta mostra xa que, a vindeira semana, concretamente o mesmo luns, estes paneis trasladaranse ata as dependencias do Instituto de Secundaria Castro da Uz onde permanecerán instalados durante uns días co fin de achegar esta realidade tamén aos máis novos.

6/11/13

Homenaxe a Enrique Rivera Rouco

As Pontes, malia o paso dos anos, segue a gardar moi vivos a memoria e o agradecemento a Don Enrique Rivera Rouco, o párroco que exercera de Cronista oficial da Vila ata o seu falecemento no 2.002. Dende o Concello seguen a facerse eco deste cariño por un home entrañable, do que sempre salientou a súa calidade humana. O Cura dos Chaos foi un servidor público por excelencia, que levou a gala a lealdade e honestidade, sempre disposto á colaboura, como abnegado traballador todo terreo A humildade e sinxeleza que lle granxearon o cariño e respecto dos seus veciños, inspira o acto co que se vai lembrar unha vez máis este venres a súa figura. A partir das oito e media da tarde comezará un acto que non vai quedar só nesta xornada. De feito descubrirase unha placa na que se recolle o nome que se vai dar á Biblioteca Municipal e que non será outro que o de Enrique Rivera Rouco, para que quede perennemente como referencia dun senlleiro espazo cultural pontés. Inmediatamente despois, ás nove, presentarase a reedición do libro "Historia de Puentes de García Rodríguez", un fito literario sen parangón, que dende que se editara no 1976 foi a obra de consulta de cabeceira de xeracións de ponteses, que carecían dunha referencia destas características para a posta en valor da súa historia, cultura e patrimonio. O libro presentarase en edición facsímile respetando escrupulosamente aquela edición que viña encher un oco importante nunha poboación que miraba fixamente ó futuro ata que Don Henrique, sen afastar a vista dese hourizonte,soubo dirixila ó rico pasado dunha vila que adoecía dese traballo de investigación, recompilación e recuperación que logo foi o punto de partida para tantos outros. O ano pasado, cando se cumpría unha década do seu pasamento xurdira a idea desta homenaxe incluindo o novo nome para a Biblioteca e a reedición, que el mesmo sempre reclamara, e agora dende o Concello, e coa colaboura do Liceo levarase a cabo nun acto público no que se espera unha grande afluencia. Non en van, As Pontes está moi agradecida ó traballo, adicación, e entrega de aquel párroco identificado por facer sempre as cousas con calma e paciencia, pero inasequible ó desalento ata que acadaba os seus obxectivos, sen dúbida un exemplo a seguir de colaboura e compromiso co servizo á súa comunidade.

1/11/13

A DEGUSTACIÓN POPULAR E A TERCEIRA EDICIÓN DA CLASE MAXISTRAL DO MONTE AO PRATO LOGRARON CAPTAR A ATENCIÓN DE GRAN CANTIDADE DE VISITANTES E VECIÑOS

    Malia que o certame de cestas sempre é o prato forte da programación da Feira de Fungos e Cogumelos da nosa vila, outro dos grandes atractivos pasa polos fogóns e pola degustación popular que, ano tras ano, ateiga de comensais o patio do colexio de santa maría, desexosos de degustar o menú que, en cada edición, fai dos fungos e cogumelos todo un manxar para o padal. Así nesta ocasión prepararonse un total de 600 racións dun menú que contou cunha fabada con pleurotus para abrir boca, un ragout de tenreira con níscaros e boletus como segundo prato e un postre co sabor do requeixo da Faeira e o mel de Goente como ingredientes estrela, e do que se venderon case a totalidade das racións preparadas para esta xornada. E é que non só o apetitoso do menú era atractivo tamén a súa baixada de prezo a tan só 10 euros e que permitiron a moitos comensais desfrutar destes productos típicos do outono pero cun toque e preparación do máis sofisticado. Pero ahí non quedaban as apostas culinarias para esta xornada e é que, tras degustar este saboroso menú, nada mellor que facer a dixestión pero aproveitando para aprender algo máis sobre o mundo dos fungos e o seu aproveitamento pero na cociña. Para iso tan só era necesario achegarse ata a casa dopeso onde, na tarde do venres, puidemos desfrutar da terceira edición de Do Monte ao prato na que os expertos José Luis Cuba e Antonio Díaz volvían facer ao público presente máis que partícipe dos segredos, na cociña, á hora de sacarlle o mellor partido aos cogumelos, e nesta ocasión a nivel local xa que as terras do Eume e os seus montes foron os grandes protagonistas. Esta parella volvía facer as delicias dos presentes nun obradoiro de micoloxía e cociña na que namentras que uns tomaban nota das receitas ideadas polo cociñeiro Antonio Díaz, coma un escabeche ideal para conservar fungos; un guiso e ata un arroz con fungos deshidratados; outros solventaban as súas dúbidas co gran micólogo José Luis Cuba, e apuntaban aqueles consellos e directrices que, de seguro, tan útiles serán á hora de saír ao monte ou ben xa entre fogóns. E como fin de xornada nada mellor que probar esas marabillas para o padal que, durante esta clase maxistral, preparaba Antonio Díaz. De feito, moitos e moitas dos asistentes a este obradoiro, garfo en man, sí que se animaron a saborear os pratos elaborados durante a tarde e a dar boa conta do saboroso que pode saír con tan só buscar polos nosos montes e pratos.

EXPOSICIÓNS DE ARTESANÍA, PRODUCTOS DE OUTONO OU ATA TRABALLOS PLÁSTICOS TAMÉN LOGRARON A ATENCIÓN DE MOITOS VISITANTES NAXXIV FEIRA DE FUNGOS E COGUMELOS DE AS PONTES

Non todo foron fungos durante o pasado día un, e é que, como ven sendo máis que habitual tamén houbo tempo de desfrutar doutro tipo de actividades do máis atractivas. Así, nas dependencias do mercado vello e tamén na rúa Ramón Cabanillas déronse cita varios dos integrantes da asociación Artesáns do Eume que aunaron os seus traballos xa rematados con demostracións en vivo da súa maña cos bimbios, a lá, a madeira, a pedra ou o encaixe de bolillos. Así namentras que lourdes acera demostraba a súa pericia co pirogravado, Francisco Romero Sueiras traballa cos bimbios para elaborar un fermoso cesto e Marisa Hermida palillaba coa mestría típica das grandes palilleiras da Costa da Morte e xunto con eles tamén foi posible visitar traballos en coiro de Lois Pazos, os complementos en tea de Carmen Rivera, ver as míticas sellas de Andrés Otero e ata desfrutar de como César Dapena lle daba vida a unha simple pedra, cincel en man. Con eles tamén outros artistas dos traballos manuais como son os integrantes de Cáritas Parroquial que aproveitaron esta feira para expoñer os traballos realizados nos seus obradoiros. Ao seu carón tamén era posible atopar multitude de postos adicados á artesanía local pero xa a nivel alimentario, coma os queixos da Faeira, o mel de Goente, as empanadas, doces e manteigadas das panadarías do noso municipio e incluso algúns postos de produtos típicos destas datas coma castañas ou cogumelos. E nada mellor que visitar todas estas actividades ao son da música dos grupos tradicionais que, nesta xornada, amenizaron esta feira. Tal foi o caso da Escola Municipal de música tradicional, a formación Canavella, os Feroces da Galgeira ou ata os integrantes do grupo naronés Alxibeira. Á marxe da música ou das exposicións nas rúas do casco urbano, tamén houbo moito movemento nas dúas mostras que poboaron nestas últimas horas as dependencias da casa dopeso. Así namentras que no mesmo corredor de entrada deste edificio aínda podíamos desfrutar da mostra de Ana Katharina Koubek, no soto foi posible visitar os diferentes traballos presentados polos estudantes de educación Infantil, Primaria e Secundaria que participaron nunha nova edición do Mundo da Micoloxía. Xogos coma o tres en raia, debuxos, representacións a pequeno tamaño da Festa da Fraga co concerto de Los Suaves, cidades feitas de fungos e cos máis variopintos materiais e técnicas integran esta mostra que, como principal atractivo, conta coa proposta gañadora e que anunciará a Feira de Fungos e Cogumelos de 2014, un traballo presentado polos nenos e nenas de 4 anos de educación infantil do colexio da Magdalena. E tras dar un repaso a exposicións, citas coa artesanía e os máis saborosos productos destas datas e por suposto desfrutar da boa música da nosa terra, tocaba pechar programa desta feira de fungos con humor, neste caso co espectáculo do cómico pontevedrés David Amor, que regresaba a As Pontes novamente co seu Fuera de Sitio, nesta ocasión versión musicada para facer partícipe a todo aquel que se achegou ata o auditorio Municipal Alovi, das súas anécdotas e peculiares formas de ver a vida cotiá. Así con humor e moitas risas pechábase esta Feira de fungos e cogumelos de 2013 e comezaba xa o que será a feira do ano que vén, de seguro todo un acontecemento xa que os seus vindeiros 25 anos son máis que motivo para unha festa por todo o alto

33 CESTAS PROTAGONIZARON A XXIV FEIRA DE FUNGOS E COGUMELOS DE AS PONTES

As Pontes volvía converterse, esta fin de semana, no destino perfecto para aqueles afeccionados ao mundo da micoloxía e é que os fungos e cogumelos foron os grandes atractivos e auténticos protagonistas do primeiro de novembro, ao abeiro da 24ª edición da Feira de Fungos e Cogumelos de As Pontes, todo un referente na programación cultural galega deste día de Todos os Santos. A chuvia foi o único punto en contra dunha festa cultural e gastronómica, que volvía facer do centro urbano todo un rebulir de veciños e visitantes doutros concellos que, aproveitaron a mañá do primeiro de novembro, para pasear entre os diferentes postos que se ubicaron nas rúas anexas ao patio do colexio Santa María. A programación ideada un ano máis dende a concellería de Cultura volvía ser todo un atractivo para desfrutar deste día festivo onde o tradicional certame de cestas foi, novamente, o rei da xornada. De feito, dende ben cedo, na Praza de América puidemos desfrutar de algo máis dunha trintena de propostas micolóxicas do máis variopintas e que complicaron a labor do xurado á hora de escoller o nome das seis cestas gañadoras. E é que o tempo tan pouco axeitado destas últimas semanas tamén mermou a cifra de participantes, non así a calidade das propostas que, tal e como apuntaba a concelleira Sara Ramos foi moi alta, tal e como se merece este tradicional certame. Mesma opinión que a concelleira de Cultura compartiron os outros dous membros do xurado: o micólogo José Luis Cuba e o cociñeiro Antonio Díaz que tamén deron boa conta da dificultade, destes días, para lograr facer unha boa cesta debido ás condicións climatolóxicas deste outono, aínda que tal e como apuntaron ambos membros do xurado a falla de especímenes viuse compensada por auténticas obras de arte no deseño. Tras moito deliberar sí que houbo acordo entre os tres membros do xurado que daban o primeiro premio dotado con 300 euros á cesta presentada por xa un vello coñecido deste certame Pablo Cuadrado que, por quinta vez, decidía presentarse a este certame e que daba conta do duro traballo que supón crear unha proposta micolóxica de máis de 130 especies e máis nestes días. O segundo posto e un premio de 180 euros foi para Raquel Poncini e terceira era Nadia González que lograba os 120 euros cos que estaba dotado o terceiro premio deste concurso. Cuarto foi tamén un xa ben coñecido participante neste concurso: Miguel ángel Mazás que cunha cesta ambientada no mundo do monte e da recollida de fungos logrou 80 euros. Quinta foi a alemana Helga Koubek e o premio especial recaía na súa filla Anna Katharina Koubek, unha faciana tamén moi habitual neste certame polas súas múltiples participacións e galardóns e que, ademáis de facerse co premio especial de 300 euros, tamén o venres era a artífice dunha fermosa exposición de debuxos sobre fungos. Pero non só os adultos traballaron a reo nestes días para idear as súas cestas e loitar polos tan atractivos premios económicos deste certame, tamén os máis pequenos recibiron o seu respectivo galardón durante a xornada do primeiro de novembro. De feito, estudantes de educación Infantil, Primaria e Secundaria de todos os centros educativos da nosa vila levaron un premio en recoñecemento ao seu traballo e participacion no certame O Mundo da Micoloxía. Eles e elas tamén foron protagonistas e subiron ao escenario habilitado no patio do colexio santa maría para recoller o seu merecido premio por traballos plásticos do máis inxeniosos, coloridos e, sobre todo, micolóxicos. Así pequenos e pequenas da Barosa, Monte Caxado, A Magdalena, Santa María ou a Fraga foron recollendo os seus agasallos en forma de vales de 40 euros das mans dos concelleiros de Cultura, Servizos Sociais e ata do propio alcalde aínda que se houbo un traballo dos moitos que se presentaron este ano que debe recibir especial mención ese é o dos alumnos e alumnas de 4º Educación Infantil do colexio da Magdalena, e que, o ano que ven, será a imaxe que servirá para ilustrar o cartel anunciador dunha feira de fungos e cogumelos que celebrará xa o seu cuarto de século e, por suposto, nun gran estado de forma,.