18/10/13

O alcalde de As Pontes reuniuse hoxe co presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol para lograr un novo apoio á continuidade de Endesa

O Concello de As Pontes segue no seu obxectivo de esixir ó Ministerio de Industria que garanta a continuidade da central térmica que Endesa ten na localidade, e que conceda unha moratoria nos prazos de decisión por parte das empresas para as inversións que deben acometer para adaptarse á nova normativa de emisións industriais. Desta vez asociábase co Concello de Narón onde se ubica Megasa, para recabar o apoio da Autoridade portuaria Ferrol- San Cibrao, apelando á importancia que teñen Endesa e Megasa nun tráfico do que xeneran o 73% da mercaduría. Explicóuselle ó presidente da Autoridade portuaria, José Manuel Vilariño Anca, como o goberno estatal para rematar co déficit de tarifa, apostaba por un novo sacrificio a esixir ás empresas eléctricas, unido á insuficiente contía das aportacións que se realizarán con cargo ós orzamentos xerais do Estado, ven traer máis incertidume a un sector que non atravesa polo mellor intre. Na reunión desta mañá, na que ademais dos alcaldes de As Pontes e Narón, Valentín González e José Manuel Blanco, estiveron os presidentes dos comités de empresa de Endesa e Megasa, José Luis Varela, e Carlos Bascoy, insistíuse en que de non reconducirse esta medida estaban a poñerse seriamente en risco dúas das empresas máis importantes da comarca, cunha relevante importancia no tecido industrial, e por tanto na economía da zona.

No hay comentarios: