31/10/13

O Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes repartirá 1.000 euros en premios

Unha vintena de postos doutros tantos comercios locais participarán nunha nova edición dun MOVA que se prolongará ata a noite do sábado As Pontes, 31 de Outubro de 2013.- O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio e o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), porá en marcha na xornada de mañá e tamén do sábado a quinta edición do Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes (MOVA), co que se pretende unha vez máis impulsar o tecido comercial local mediante un outlet no que os comerciantes ponteses poderán vender ao público e a moi bos prezos a súa mercadoría e servizos. Así, mañá dende as 10.00 horas e ata ben entrada a noite, e tamén o sábado, de xeito ininterrompido, a avenida da Coruña contará cun espazo adicado ao comercio local con case unha vintena de postos nos que se atoparán artigos de todo tipo. Xoias, calzado, zapatos, artigos deportivos, elementos de decoración e servizos do máis diverso integrarán este mercado xa máis que consolidado no outono pontés e que, edición tras edición, logra captar a atención non só de veciños do municipio senón tamén de visitantes doutros concellos dos arredores. De feito, nestes dous días de mercado, tamén haberá premio para os clientes que non só poderán adquirir atractivos artigos a moi bo prezo, senón tamén participar no sorteo de diferentes vales de compra por valor de ata 1.000 euros. Así tanto mañá coma o sábado, ás 16.30 horas, na avenida da Coruña, terán lugar dous sorteos: o primeiro de tres vales de 100 euros e un segundo, xa o sábado, de tres vales de 100 euros e outros dous de 200 euros, a gastar durante a celebración do propio MOVA. A Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes volverán tamén colaborar con esta cita que, unha vez máis, servirá non só para promocionar e lograr nova clientela para os comercios ponteses senón tamén para impulsar o bo servizo e produtos que se poden atopar no propio municipio sen ter que saír a grandes superficies comerciais.

A XXIV Feira de Fungos e Cogumelos reunirá mañá en As Pontes a centos de visitantes e xiareiros do mundo da micoloxía

Música, concursos micolóxicos, saborosas degustacions de produtos da zona ou demostracións de artesanía serán os pratos fortes desta feira pontesa As Pontes, 31 de Novembro de 2013.- As Pontes convertirase mañá novamente no referente do outono galego e é que, unha vez máis, o concello albergará unha nova edición da Feira de Fungos e Cogumelos, coa organización do departamento municipal de Cultura. Así, para esta edición, dende a concellería que dirixe Sara Ramos apostarase pola mestura de actividades tradicionais coma o Concurso de Cestas ou as degustacións populares que se xuntarán tamén con outro tipo de actividades vencelladas coa micoloxía e que van dende saídas polos montes da zona para identificar e recoller fungos ata obradoiros de cociña ou, incluso, espectáculos de humor. De feito, esta mesma mañá tiña lugar unha saída micolóxica polo Caxado coa participación dunha trintena de veciños e a dirección do micólogo José Luis Cuba e do cociñeiro Antonio Díaz, xunto co Clube de Montaña O Caxado. Todo un éxito de convocatoria que, tal e como explicou a concelleira Sara Ramos, testemuña a gran afección que hai no municipio por este tipo de actividades. Pero mañá teremos o prato forte coa XXIV Feira de Fungos e Cogumelos xa en pleno e que comezará co tradicional certame de cestas na Praza de América dende as 9.00 e ata o mediodía e na que se repartirán ata mil euros en premios entre as mellores cestas presentadas; exposicións de produtos de outono e artesanía e, por suposto, unha nova edición das Xornadas de Artesanía protagonizadas polos Artesáns do Eume e que estarán dando conta do seu bo facer co torno ou o cincel na sala de exposicións do Mercado Vello e tamén na rúa Ramón Cabanillas, durante toda a mañá. Asemade, na Casa Dopeso, tamén será posible desfrutar da mostra pictórica de Ana Katharina Koubek ou dos traballos que concorrerán nesta edición ao certame escolar O Mundo da Micoloxía e do que, cada ano, sae o que será o cartel anunciador da feira do fungos de 2014. Por suposto, non faltará a tradicional degustación popular da que, nesta ocasión, se repartirán 600 racións e que estará composta por fabas con pleurotus, Ragoug de becerro con níscaros e boletus e torta de requeixo da Faeira con mel de Goente, todo a un prezo de 10 euros e que se servirá no patio do colexio de Santa María entre as 12.30 e as 15.00 horas. Precisamente, a principal novidade será a baixada no prezo do menú e tamén o eliminar un prato debido a que, anos atrás, esta degustación era tan abundante que se facía moito para os propios comensais. Tamén este ano quen así o desexe poderá levar o menú para o seu fogar. Asemade, en varios locais de restauración ponteses está previsto que, con motivo desta feira, se ideen menús especiais cos fungos coma ingrediente estrela. Á marxe da degustación popular, Santa María tamén acollerá, ás 12.30 horas, da entrega de premios do certame de cestas e de diferentes actuacións de grupos locais que, durante a mañá, amenizarán coa súa música as rúas do centro urbano e ata o xantar popular. E tras desfrutar dunha boa comida, toca ampliar os nosos coñecementos gastronómicos e micolóxicos na III edición do obradoiro Do Monte ao Prato, dirixido polo micólogo José Luis Cuba e o cociñeiro Antonio Díaz. Unha vez máis estes dous expertos non só ofrecerán trucos para conservar ou cociñar os fungos que podemos atopar nos nosos montes, senón que tamén prepararán varios pratos con cogomelos como ingrediente principal. Este obradoiro arrincará ás 17.00 horas no salón de actos da Casa Dopeso e a entrada será totalmente libre. A xornada do primeiro de Novembro pecharase co espectáculo do cómico David Amor que, ás 19.00 horas, volverá subirse ao escenario do auditorio municipal Alovi co seu espectáculo Fuera de Sitio. As localidades, que se deberían reservar telefonicamente, poderanse recoller na caseta de Cultura que se habilitará na propia feira ou ven no auditorio municipal Alovi dende as 18.00 horas e ata o inicio do espectáculo. Dende o departamento municipal de Cultura, a súa edil Sara Ramos convidou hoxe a todos os veciños tanto de As Pontes coma dos municipios da contorna a pasarse mañá polo concello para desfrutar dunha gran xornada de ponte e, por suposto, ver xa máis de preto as múltiples actividades e opcións de ocio de todo tipo que ten que ofrecer esta nova edición da Feira de Fungos e Cogumelos.

O Concello de As Pontes aproba a rebaixa da Contribución a familias numerosas e pemes

A corporación municipal daba onte luz verde, en sesión extraordinaria. á modificación inicial da ordenanza que regula o Imposto de Bens Inmobles e que suporá importantes reduccións no pagamento desta taxa. Así, cos cambios aprobados onte aplicaranse importantes descontos, de entre un 25 e un 90%, ás familias numerosas no seu recibo da Contribución relativo á primeira residencia. Tamén se beneficiarán dunha baixada nesta taxa aquelas empresas cun valor catastral inferior aos 600.000 euros, que tan só deberán aboar o típo impositivo mínimo por lei (0,46%). E é que ata o momento, pequenas empresas que superaban os 200.000 euros de valor catastral debían afrontar as mesmas taxas que factorías coma Endesa ou os Ciclos Combinados. A medida inclue un terceiro punto: a exención do IBI do Centro de Saúde co fin de que a Xunta de Galicia se faga xa cargo da súa xestión, o que suporá un aforro duns 100.000 euros anuais ás arcas municipais. A proposta contou co respaldo dos edís do PSdG-PSOE e PP, namentras que dende o BNG optaban pola abstención. De feito, dende a formación frontista aportaban varias ideas co fin de modificar este imposto coma o pagamento fraccionado do mesmo, aportacións que no seu día segundo explicou o edil de Xestión Orzamentaria, Antonio Alonso, deberían terse exposto na comisión correspondente e das que o grupo nacionalista non deu conta algunha. Precisamente, en relación a este asunto, o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, solicitaba á oposición que non fixese demagoxia con temas fiscais e apuntaba que, durante os anos de goberno do BNG en As Pontes, en ningún momento se tomaron as medidas que agora se reclaman dende esta formación cando sí que tiveron anos de goberno suficientes como para aplicar as iniciativas que agora se están a reclamar dende a oposición. González Formoso tamén defendía a xestión dos socialistas á fronte do goberno do municipio nestes sete últimos anos e que supuxeron unha coxelación contínua de taxas. Durante a sesión celebrada onte tamén saían adiante as modificacións das ordenanzas fiscais sobre apertura de negocios e licenza urbanística, vencelladas á ordenanza aprobada hai uns meses sobre responsabilidade e ideada para poñer en marcha novos negocios no municipio pero sen ter que afrontar certos requisitos o que retrasaban a apertura dun novo proxecto. Estas dúas modificacións, que non suporán suba algunha xa que se manteñen os prezos marcados hai décadas, tamén recibían onte o respaldo da Cámara pontesa O que quedaba fóra da orde do día era a modificación das taxas correspondentes ao suministro de auga potable e rede de sumidoiros ante un novo anuncio da Xunta de Galicia en relación á modificación do pagamento destes impostos. Esta sesión extraordinaria tamén incluiu a modificación de dous expendentes de crédito co fin de cubrir o custo da construcción do novo módulo que exercerá como local para o colectivo A Xanela e o circuíto de karts e que suporán o ter que deixar para o vindeiro ano a construcción dun novo acceso ao lago no barrio da Casilla. Finalmente, tamén recibía luz verde a conta xeral correspondente ao exercizo de 2012.

30/10/13

As Pontes renderá homenaxe a Enrique Rivera Rouco dándolle o nome do Cura dos Chaos á biblioteca municipal

O Concello de As Pontes renderá, nos vindeiros días, un máis que merecido recoñecemento Enrique Rivera Rouco, máis coñecido coma o Cura dos Chaos e que, durante moitos anos, foi o cronista oficial do municipio. Coma homenaxe ao importante papel desta figura na historia local e o seu gran traballo en prol da conservación do patrimonio histórico municipal, dende o goberno pontés xunto co Liceo Artístico e Recreativo decidíase organizar, para a vindeira semana, diferentes actividades co fin de lembrar a esta figura e coas que se pretende dar continuidade a un recoñecemento que arrincaba en outubro de 2012, coincidindo co décimo aniversario do seu pasamento. Así, para o venres da vindeira semana procederase a reinagurar a biblioteca municipal como biblioteca Enrique Rivera Rouco, acto ao qeu, dende executivo local se convidaba a todos os veciños e veciñas de As Pontes. O alcalde pontés, Valentín González Formoso, realizaba hoxe mesmo esta invitación popular a unha homenaxe máis que merecida cunha persoa moi querida e apreciada entre os ponteses e pontesas e que, responde ás demandas nestes últimos anos por parte da propia cidadanía. González Formoso fixo especial fincapé no importante papel do Cura dos Chaos á hora de conservar o patrimonio histórico pontés e da necesidade de recoñecer o seu gran traballo en prol da recuperación da historia da vila, unha homenaxe de xustiza e coa que comulga toda a sociedade local. O vindeiro 8 de novembro procederase á reinauguración oficial da biblioteca pontesa que xa contará dende esa xornada cunha nova praca que recolla o nome do falecido crego. Será ás 20.30 horas e, posteriormente procederase á presentación da reedición do libro Historia de Puentes de García Rodríguez, unha publicación datada en 1976 e que, na vindeira semana verá novamente a luz e que, segundo apuntou o primeiro edil, serviu como documento base para a investigación patrimonial e histórica realizada por multitude de veciños, de ahí a necesidade de recuperar un libro de tanta valía documental.

25/10/13

Mesón Ana e Mesón O Martínez revalidan título na quinta edición do certame de tapas Saborea As Pontes

Ao longo dos nove días de concurso, os 22 establecementos participantes repartiron preto de 21.000 tapas a un prezo simbólico de 1 euro. As Pontes, 25 de Outubro de 2013.- O Mesón O Martinez e o Mesón Ana proclamáronse hoxe vencedores, por segundo ano consecutivo, do V Certame de Tapas Saborea As Pontes que, un ano máis, organizou o Concello de As Pontes, mediante o departamento de Industria e Comercio, coa colaboura do Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), a Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes, o clube gastronómico El Gourmet, a asociación de Amas de Casa e a asociación de Viuvas María Magdalena. Así na categoría de tapa máis popular, escollida polo voto do público, o premio volvía recaer no Mesón O Martínez que apostou por un Solombo de tenreira ao xeito O Martinez. No tocante ao premio outorgado polo xurado, o Mesón Ana volvía facerse co respaldo do xurado no que respecta ao pincho de maior orixinalidade co seu Peixesapo en prebe da Avoa. Os nomes dos premiados déronse a coñecer nun acto celebrado esta tarde nas dependencias da Casa Dopeso e que estivo presidido polo alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e a edil de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio, Montserrat García, ademáis de varios dos integrantes da organización que, nestes días exerceron de xurado e que pertencen ao IPPEC, á Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes, o colectivo de viuvas María Magdalena, o clube El Gurmet e a Asociación de Amas de Casa. Montserrat García quixo agradecer, na súa intervención, o respaldo dos veciños e veciñas a este certame gastronómico que, unha vez máis, sairon á rúa a desfrutar das diferentes propostas dos bares e cafeterías do municipio, ademáis de ao xurado que tamén este ano colaborou con este certame que se desenvolveu entre os días 12 e 20 de outubro. A concelleira quixo recalcar o importante traballo e esforzo dos 22 bares participantes neste concurso xa que, malia que estes establecementos gañan en clientela nestes días, tamén supón un gran esforzo sumarse a esta semana de tapas con propostas moi elaboradas e de gran nivel. García apuntou que este ano se repartiron un total de 20.732 tapas, todo un record xa que se superaba con creces as 15.550 tapas do certame de 2012. Asemade, nesta edición, segundo explicou a concelleira, tamén houbo un local que logrou un novo éxito no reparto de tapas cun total de 1.875 pinchos, 275 máis que o record marcado en 2012. A concelleira finalizaba a súa intervención animando aos presentes a continuar nesta liña de traballo para lograr, deste xeito, un gran impulso para a economía local. Clausuraba o acto o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, que tamén quixo agradecer o esforzo do sector hostaleiro local ao que calificou coma todo un exemplo de traballo duro e subliñaba os grandes datos de participación deste Saborea As Pontes 2013, un concurso que xa é todo un clásico do outono pontés e que, tal e como subliñaba González Formoso, xa se convertiu en tan só cinco edicións en todo un certame que perdurará no tempo. Premios para os clientes A gala de entrega completouse co reparto dos 10 vales por valor de 50 euros entre os clientes que completaron axeitadamente os boletos de votación que se repartiron nestes últimos días e que debían contar cunha decea de selos correspondentes a outros tantos locais de restauración diferentes. Belén Martínez, María Gómez, Celia Díaz, Rocío Pena, Alejandro Fresco, María Victoria Pena, Pilar Casal, Tamara Rouco, María José Alonso e María Pico resultaban agraciados, no sorteo celebrado o pasado martes, con estes vales que poderán canxear por consumicións en calquera dos 22 locais de hostalería que participaron neste V Saborea As Pontes.

A XXIV Feira de Fungos e Cogumelos de As Pontes protagoniza a ponte de Todos os Santos.

Música, degustacións gastronómicas, humor, postos de artesanía e por suposto o tradicional certame de cestas protagonizan a programación ideada dende a concellería de Cultura As Pontes, 25 de Outubro de 2013.- O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Cultura, está a ultimar xa os detalles da que será a XXIV edición da Feira de Fungos e Cogumelos que, cada ano, fai do municipio pontés un dos referentes gastronómicos do outono galego. Así, para esta edición, novamente apostarase pola mestura de actividades xa tradicionais coma o Concurso de Cestas ou as degustacións populares que se xuntarán tamén con outro tipo de actividades vencelladas coa micoloxía e que van dende saídas polos montes da zona para identificar e recoller fungos ata obradoiros de cociña ou, incluso, espectáculos de humor. A programación desta XXIV Feira de Fungos e Cogumelos arrincará xa o vindeiro xoves, día 31, cunha saída ás 09.00 horas polos montes ponteses coa dirección dos expertos José Luis Cuba e Antonio Díaz e coa que tamén colabora o Clube de Montaña O Caxado. Esta excursión tamén incluirá, xa á tarde, unha xornada de clasificación de especies recollidas e terá un custo de 5 euros, sendo necesario anotarse denantes do vindeiro martes 29, no departamento municipal de Cultura, xa que as prazas serán limitadas. Xa para o día 1 de Novembro teremos coma sempre o tradicional certame de cestas na Praza de América dende as 9.00 e ata o mediodía e na que se repartirán ata mil euros en premios entre as mellores cestas presentadas; exposicións de produtos de outono e artesanía e, por suposto, unha nova edición das Xornadas de Artesanía protagonizadas polos Artesáns do Eume e que estarán dando conta do seu bo facer co torno ou o cincel na sala de exposicións do Mercado Vello e tamén na rúa Ramón Cabanillas, durante toda a mañá. Asemade, na Casa Dopeso, tamén será posible desfrutar da mostra pictórica de Ana Katharina Koubek ou dos traballos que concorrerán nesta edición ao certame escolar O Mundo da Micoloxía e do que, cada ano, sae o que será o cartel anunciador da feira do fungos do ano seguinte. Por suposto, non faltará a tradicional degustación popular da que, nesta ocasión, se repartirán 600 racións e que estará composta por fabas con pleurotus, Ragoug de becerro con níscaros e boletus e torta de requeixo da Faeira con mel de Goente, todo a un prezo de 10 euros e que se servirá no patio do colexio de Santa María entre as 12.30 e as 15.00 horas. Tamén este patio será escenario, ás 12.30 horas, da entrega de premios do certame de cestas e de diferentes actuacións de grupos locais que, durante a mañá, amenizarán coa súa música as rúas do centro urbano e ata o xantar popular. E tras desfrutar dunha boa comida toca ampliar os nosos coñecementos gastronómicos e micolóxicos na III edición do obradoiro Do Monte ao Prato, dirixido polo micólogo José Luis Cuba e o cociñeiro Antonio Díaz. Unha vez máis estes dous expertos non só ofrecerán trucos para conservar ou cociñar os fungos que podemos atopar nos nosos montes, senón que tamén prepararán varios pratos con cogomelos como ingrediente principal. Este obradoiro arrincará ás 17.00 horas no salón de actos da Casa Dopeso e a entrada será totalmente libre. A xornada do primeiro de Novembro pecharase co espectáculo do cómico David Amor que, ás 19.00 horas, volverá subirse ao escenario do auditorio municipal Alovi co seu espectáculo Fuera de Sitio. As localidades poranse á venda a vindeira semana a un prezo de 3 euros.

24/10/13

O colectivo educativo pontés respalda masivamente a xornada de folga en contra da reforma educativa que pretende aplicar o executivo central

As Pontes secundou maioritariamente o chamamento á folga da Plataforma en Defensa do Ensino Público e os sindicatos de estudantes, e hoxe alumnos e profesores deixaron baleiros colexios e institutos. Protestaban así polos continuos recortes no ensino público e tamén expresaban a súa disconformidade coa LOMCE. No Colexio Monte Caxado produciuse hoxe un fito histórico ao non acudir ás aulas ningún estudante, nin de infantil, nin de Primaria nin tampouco de Secundaria. A participación na folga foi do 100% por parte do alumnado, unha situación que contrasta co respaldo acadado dos profesores. De infantil e Primaria, no Colexio Monte Caxado, secundaron a folga unicamente nove mestres. En Secundaria a participación aínda foi menor, con só 6 profesores respaldando o paro xeral no ensino. Paro tamén, practicamente total, no Instituto Castro da Uz. A primeira hora da mañá só 2 alumnos acudiran ás aulas, namentras que dos 39 profesores que conforman o claustro do Castro da Uz, secundaron a folga 15 profesores. Canto ás xornadas de onte e antonte o seguimento no paro foi desigual. Así os estudantes dos ciclos formativos e de 1º de Bacharelato sí apoiaron a folga, pero a participación non foi tan elevada en Secundaria. No Instituto Moncho Valcarce acudían hoxe ás aulas 10 estudantes de 1º e 2º curso da ESO e o respaldo por parte do profesorado foi de algo máis do 50%. De feito, faltaron unha vintena de profesores dos 37 que conforman o claustro. E no que respecta ás xornadas do martes e mércores foron os estudantes de 1º e 2º da ESO os únicos en asistir ás clases no Moncho Valcarce. En canto aos colexios de infantil e primaira, a maior participación na folga rexistrouse no Colexio A Fraga. Hoxe as aulas do centro acollían unicamente a 21 estudantes, dun total de 161, o que supón o 87 % de participación do alumnado. Tamén secundaron a folga 7 dos 17 mestres que traballan no Colexio A Fraga. No Colexio A Magdalena non acudiron ás clases 94 estudantes, e faltaron 4 dos 15 mestres. Polo tanto, o seguimento do alumnado foi superior ao 70%, namentras que por parte do profesorado a cifra de participación foi do 26% E finalmente no Colexio Santa María faltou unicamente o 50% do alumnado e os profesores acudiron na súa totalidade. Ás 10.00 horas partía da Canle IV un autocar con destino a Ferrol. Máis de medio cento de pais desprazábanse á cidade departamental para participar na manifestación prevista para as once e media da mañá en contra da LOMCE. Unha mobilización á que acudían tamén nos seus vehículos particulares represntantes do goberno local, entre eles o edil de Educación, José Alén, e representantes do tecido asociativo local.

O certame escolar O Mundo da Micoloxía repartirá, a vindeira semana, 1700 euros en premios

O Concello de As Pontes pechará o luns da vindeira semana o prazo para que os diferentes centros educativos do municipio presenten os traballos plásticos ou escritos correspondentes a unha nova edición do concurso O Mundo da Micoloxía. Segundo publica na súa edición de onte o Boletín Oficial da Provincia, o executivo local repartirá un total de 41 premios por valor de 1700 euros canxeables por material escolar ou educativo, entre os diferentes traballos que se presenten nos niveis de Educación Infantil, Primaria e Secundaria e de onde sairá tamén o cartel anunciador da Feira de Fungos e Cogomelos de 2014. Así, as diferentes propostas artísticas dos estudantes ponteses poderán estar realizadas con calquer tipo de técnica e formato e incluso tamén será posible presentar textos sobre o mundo da micoloxía, cun tamaño inferior aos dous folios. Cada proposta deberá ser realizada por un grupo mínimo de cinco alumnos e deberá incluír o nome e apelidos dos participantes, curso, categoría e centro educativo ao que pertencen, dándose a coñecer o nome dos gañadores o vindeiro día 1 de novembro con motivo da XXIV Feira de Fungos e Cogomelos de As Pontes, nunha entrega de premios que arrincará ás 12.30 horas no patio do colexio Santa María. No tocante ás categorías, está previsto que se repartan 10 premios de 40 euros nas categorías de Educación Infantil, primeiro ciclo de Educación Primaria, segundo ciclo de Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria e Postobrigatoria e, finalmente, un premio de 100 euros para o traballo que resulte gañador deste certame e que servirá para anunciar a Feira de Fungos de As Pontes do vindeiro ano. Un xurado especializado encargarase de avaliar estes traballos e de escoller aos 41 gañadores aínda que todas as propostas presentadas poderanse visitar na sala de mostras da Casa Dopeso, ubicada no soto deste edificio dende o vindeiro 1 de novembro e ata o día 7 dese mes. Para coñecer máis polo miúdo as bases deste concurso é posible acceder á web www.dicoruna.es onde se atopan publicadas as liñas a seguir para tomar parte neste certame.

O Certame de Tapas Saborea As Pontes dará a coñecer mañá o nome dos dous establecementos gañadores na súa quinta edición

Tras moito agardar, mañá por fin daranse a coñecer o nome dos dous bares, mesóns ou cafeterías pontesas que, nos últimos días, lograron enfeitizar as papilas gustativas e estómagos de clientes e xurado coas súas combinacións gastronómicas, ao abeiro da quinta edición do certame de tapas Saborea As pontes. Mesturas do máis arricadas xunto con propostas máis clásicas protagonizaron as consumicións de clientes habituais, veciños e visitantes que, durante 9 días, se animaron a desfrutar de as pontes a través dos seus bares e restaurantes neste concurso gastronómico que, cada ano, pon a proba a orixinalidade e bo facer cos fogóns dos hostaleiros e cociñeiros ponteses. Nunhas horas, coa Casa Dopeso unha vez máis como escenario, darase a coñecer o establecemento coa tapa máis popular entre os veciños e tamén aquel que apostase pola maior orixinalidade, segundo o criterio dun xurado que este ano contou coa participación do colectivo El Gurmet, as Amas de Casa, a Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes e tamén o propio executivo local mediante o departamento de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio e o Instituto Pontés de Promoción Económica. 22 tapas diferentes con ingredientes do máis diversos competirán mañá por estes dous recoñecementos nun acto que arrincará ás 19.00 horas e no que, ademáis dun agasallo para todos os participantes, tamén se fará entrega dos 10 vales por valor de 50 euros para os clientes que resultaron premiados no sorteo realizado hai tan só dous días. O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e a edil de Promoción Industrial, Montserrat García, encargaranse de presidir esta entrega de premios que estará presentada polo coordinador de RTVEume, Xosé Cendán, e que será de entrada totalmente libre para veciños e veciñas.

23/10/13

O Concello de As Pontes súmase á caravana solidaria Destino al desierto con cinco vehículos ateigados de menciñas, alimentos e material escolar

Onte presentábase en As Pontes a caravana solidaria Destino al desierto, non en van é o primeiro ano que a vila pontesa se suma a este roita de vehículos todoterreo que viaxa anualmente ó deserto para facer entrega en man da axuda recollida previamente para o pobo Saharaui. A asociación Destino Al Desierto ten como obxectivo axudar con medicamentos e material escolar ós asentamentos nómadas, e desta vez van saír o xoves con 500 quilos de axuda por vehículo, un cargamento que está maioritariamente dirixido á poboación infantil , e que inclúe roupa, calzado, lentes, material escolar, xoguetes e menciñas básicas así como tamén instrumental médico básico. A entrega sempre se realiza directamente en man das xentes desas terras desérticas, agás as medicinas, para as que previamente se contacta cos dispensarios das zonas que se atopan dentro das roitas que se organizan, e nos puntos acordados é onde se lles fai entrega das mesmas. A circunstancia de que por vez primeira se integre na caravana un todoterreo de As Pontes, levou a que iniciativa espertase o interese do Concello, que lle brindou o seu apoio ó igual que outras entidades, empresas, e particulares da vila, vehículos que levarán a lenda As Pontes, Pobo Solidario e un escudo do Concello. O mesmo Concello facía onte de anfitrión, ó albergar un acto de presentación no mesmo edificio consistorial no que xunto ós organizadores estaba unha representación da corporación municipal cos edís Montserrat García e José Alén. No acto contouse con varios dos vehículos que partirán de Galicia, que son cinco do total dos dez que tomarán parte nesta roita. Mañá sairán da nosa vila Fernando Pita e o seu copiloto Ivo Tojeiro en dirección a Rábade. Alí xuntaranse cos que saen de A Coruña, e xa en Lugo, xuntaranse con cadanseu piloto e copiloto. Da cidade lucense a comitiva porá rumbo a Málaga, onde se unirá aos cinco vehículos que saen de Andalucía e coa caravana ao completo tomarase un ferri cara África, onde comezará o períplo polo deserto para facer chegar a axuda. Serán nove días entre Marrocos e Alxeria, nun percorrido duro e esixente, de 6000 quilómetros, no que a maioría decorre por zonas completamente alonxadas de importantes núcleos de poboación.

Saborea As Pontes repartiu onte 500 euros en vales entre os clientes participantes neste certame

Belén Martínez, María Gómez, Celia Díaz, Rocío Pena, Alejandro Fresco, María Victoria Pena, Pilar Casal, Tamara Rouco, María José Alonso e María Pico resultaron onte aforturnados ao proclamarse gañadores dos 10 vales de 50 euros cada un postos en xogo este ano polo departamento de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio e o Instituto Pontés de Promoción Económica, ao abeiro da quinta edición do certame de tapas Saborea As pontes. O sorteo, que tiña lugar na Casa do Concello, estivo presidido pola secretaria do mesmo, Marina Núñez, e os membros do xurado deste certame, e serviu para premiar a participación de centos de veciños e veciñas que, nestes días, se estiveron a pasar polos 22 locais hostaleiros que tomaron parte no certame Saborea As pontes 2013 para probar as diferentes tapas ofertadas por estes establecementos. A mecánica do concurso foi semellante á de anos anteriores xa que cada cliente tiña que facer entrega dun boleto marcado con dez selos doutros tantos establecementos participantes neste concurso de tapas e, asemade, incluír o nome do local coa tapa máis saborosa ao seu xuízo. Nas vindeiras horas, tras comprobar a validez dos boletos, dende o IPPEC telefonarase aos afortunados e afortunadas para que este mesmo venres participen na entrega destes premios que deberán gastar nos bares, mesóns e cafeterías participantes neste concurso aínda que, de darse o caso de que a papeleta non sexa lexible ou non se localice ao gañador, pasarase a tirar dunha lista de reserva composta por outros dez participantes. O venres, ademáis de facer entrega destes premios, tamén se coñecerán o nome das dúas tapas gañadoras deste Saborea As Pontes 2013 e que foron escollidas polo público e tamén por un xurado que, durante a última semana, visitou todos os locais participantes para probar cada unha destas 22 apostas culinarias e emitir a súa valoración. Esta gala, que tamén contará coa presenza das autoridades locais, terá como escenario unha vez máis o salón de actos da Casa Dopeso e arrincará ás 19.00 horas con entrada libre para todos aqueles que desexen tomar parte na mesma.

22/10/13

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA O ACOLLEMENTO TEMPORAL DE NEN@S SAHARAUIS

A Concellería de Servizos Sociais mantén aberto o prazo de inscrición para o programa de acollemento temporal de nenos e nenas saharauis durante os meses de verán. Un trámite de obrigado cumprimento para todas aquelas familias pontesas interesadas en colaborar co programa Vacacións en Paz, unha iniciativa creada para protexer aos nenos e nenas saharauis das xa de por sí duras condicións de supervivencia nos campamentos de Tinduf. A estancia destes pequenos entre nós, non só fai posible que os nenos pasen dous meses alonxados das duras condicións climatolóxicas do deserto. Tamén se lles realizan revisións médicas á sua chegada, algo ao que non teñen acceso nos campamentos. Se están interesados en acoller a un neno ou nena saharaui durante o verán de 2.014 non teñen máis que achegarse ao Departamento Municipal de Servizos Sociais e expresar o seu interese. Tamén poden telefonar ao número 667 129 337. En calquera caso, o horario de atención ao público será de oito da mañá a tres da tarde e o prazo límite para inscribirse finalizará o día 31 de Outubro.

FOLGA NO ENSINO EN CONTRA DA LOMCE

O Consello Escolar municipal manifesta o seu apoio aos actos convocados para esta semana en contra da LOMCE. Hoxe mesmo comezaban as medidas de protesta cunha folga no ensino medio que se estenderá á xornada de mañá mércores. Ademais para o xoves está prevista unha folga xeral que afectará a todos os niveis do Ensino. Dende o Consello Escolar Municipal solicítase de todos os sectores da Comunidade Educativa a súa participación nos actos de protesta, en especial na manifestación do xoves día 24 en Ferrol, ás 11:30 da mañá, para o que se dispón dun servizo gratuíto de autobuses. Estes sairán as 10:00 da maña da estación de autobuses. Para anotarse hai que poñerse en contacto coas ANPAS dos respectivos centros de ensino, ou ben telefonar ao número 667 129 325, tendo de prazo ata as 14:00 da tarde do mércores 23 de Outubro.

21/10/13

As Pontes súmase este ano á caravana solidaria de vehículos todoterreo que viaxa anualmente ó deserto para facer entrega en man da axuda recollida previamente para o pobo saharaui.

A Asociación Destino Al Desierto ten como obxectivo axudar con medicamentos e material escolar ós asentamentos nómadas, e desta vez van sair o xoves con 500 kilos de axuda. Levarán material escolar, alimentos non peredecedeiros, xoguetes, roupa, calzado, máis de 25 kilos de caramelos, e unhas 300 gafas graduadas. Por vez primeira vai partir un todoterreo de As Pontes, e nesta ocasión a iniciativa conta co apoio do Concello, ademais de outras entidades, empresas, e particulares da vila. De feito o propio Concello vai albergar un acto de presentación mañá (martes) ás sete e media da tarde, no edificio consistorial no que xunto ós organizadores estarán unha representación da Corporación. No acto contarase con algúns dos vehículos que partirán de Galicia, que son cinco do total de dez. O xoves ás oito e media da mañá sairán da nosa vila para poñer con cadanseu piloto e copiloto rumbo a Málaga, onde se xuntarán cos cinco vehículos que saen de Andalucía e xa todos xuntos tomarán o barco cara ó norde de África, onde comezará o períplo polo deserto para facer chegar a axuda. En virtude do acordo co Concello de as Pontes os todoterreos levarán a lenda As Pontes, pobo solidario, xunto co escudo da vila.

O Concello das Pontes de García Rodríguez ven de presentar a súa candidatura ao Premio Conama 2013

O Concello das Pontes de García Rodríguez ven de presentar a súa candidatura ao Premio Conama 2013, un galardón que busca distinguir as mellores iniciativas locais a favor da sostibilidade. A través do proxecto de creación do lago artificial máis grande de España, a área de turismo municipal pretende facer coñecedor ao gran público do atractivo turístico desta gran obra, sostible e respectuosa co medio. O gañador decidirase a partir de nove votos. Oito dependerán dos membros do xurado, formado por expertos do ámbito da sostibilidade, e un do voto popular, que se rexistra a través da páxina www.premioconama.org, onde calquera usuario poderá emitir o seu voto ata o día 21 de outubro en apoio da candidatura pontesa. A candidatura do Concello das Pontes presentouse na temática de “Auga e calidade ambiental”, e na modalidade de municipios entre 5.000 e 30.000 habitantes. O galardón, que será entregado durante a celebración do Foro sobre Desenvolvemento Territorial Sostible, que se celebrará en Granada os días 11 e 12 de novembro, busca dar visibilidade e notoriedade a aqueles proxectos de ámbito local que podan servir de exemplo a outras localidades. De feito, é un galardón sen dotación económica, co que se quere recoñecer de forma pública o traballo dos municipios ou entidades locais que contribúan a avanzar na sostibilidade.

18/10/13

O Concello das Pontes de García Rodríguez ven de presentar a súa candidatura ao Premio Conama 2013

O Concello das Pontes de García Rodríguez ven de presentar a súa candidatura ao Premio Conama 2013, un galardón que busca distinguir as mellores iniciativas locais a favor da sostibilidade. A través do proxecto de creación do lago artificial máis grande de España, a área de turismo municipal pretende facer coñecedor ao gran público do atractivo turístico desta gran obra, sostible e respectuosa co medio. O gañador decidirase a partir de nove votos. Oito dependerán dos membros do xurado, formado por expertos do ámbito da sostibilidade, e un do voto popular, que se rexistra a través da páxina www.premioconama.org, onde calquera usuario poderá emitir o seu voto ata o día 21 de outubro en apoio da candidatura pontesa. A candidatura do Concello das Pontes presentouse na temática de “Auga e calidade ambiental”, e na modalidade de municipios entre 5.000 e 30.000 habitantes. O galardón, que será entregado durante a celebración do Foro sobre Desenvolvemento Territorial Sostible, que se celebrará en Granada os días 11 e 12 de novembro, busca dar visibilidade e notoriedade a aqueles proxectos de ámbito local que podan servir de exemplo a outras localidades. De feito, é un galardón sen dotación económica, co que se quere recoñecer de forma pública o traballo dos municipios ou entidades locais que contribúan a avanzar na sostibilidade.

O alcalde de As Pontes reuniuse hoxe co presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol para lograr un novo apoio á continuidade de Endesa

O Concello de As Pontes segue no seu obxectivo de esixir ó Ministerio de Industria que garanta a continuidade da central térmica que Endesa ten na localidade, e que conceda unha moratoria nos prazos de decisión por parte das empresas para as inversións que deben acometer para adaptarse á nova normativa de emisións industriais. Desta vez asociábase co Concello de Narón onde se ubica Megasa, para recabar o apoio da Autoridade portuaria Ferrol- San Cibrao, apelando á importancia que teñen Endesa e Megasa nun tráfico do que xeneran o 73% da mercaduría. Explicóuselle ó presidente da Autoridade portuaria, José Manuel Vilariño Anca, como o goberno estatal para rematar co déficit de tarifa, apostaba por un novo sacrificio a esixir ás empresas eléctricas, unido á insuficiente contía das aportacións que se realizarán con cargo ós orzamentos xerais do Estado, ven traer máis incertidume a un sector que non atravesa polo mellor intre. Na reunión desta mañá, na que ademais dos alcaldes de As Pontes e Narón, Valentín González e José Manuel Blanco, estiveron os presidentes dos comités de empresa de Endesa e Megasa, José Luis Varela, e Carlos Bascoy, insistíuse en que de non reconducirse esta medida estaban a poñerse seriamente en risco dúas das empresas máis importantes da comarca, cunha relevante importancia no tecido industrial, e por tanto na economía da zona.

16/10/13

Unha vintena de establecementos comerciais participarán no VI Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes

Este ano serán 20 os establecementos que participen nunha nova edición do Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes (MOVA), que organizará novamente a Concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio e o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC). Logo de que se pechase o prazo de inscrición neste mercado volveron confirmar o seu interese establecementos do máis variado, dende zapaterías a tendas de moda, deportes ou agasallos. Este ano recuperarase a data do 1 de Novembro, como data de inauguración aínda que esta cita se prolongará tamén ao día 2 do mes que vén. O sesto MOVA volverá ofrecernos unha feira multisectorial que nos permite ós consumidores aproveitar para facernos con produtos a prezos moi vantaxosos. Como nas cinco citas anteriores concorrerán establecementos que buscan un bo escaparate ademáis dunha oportunidade de saída para os seus stocks. Na vindeira reunión pecharanse os últimos apuntes para unha cita na que se volverá contar coa presenza dos mesmos comerciantes de cara a que sexan eles os que decidan conxuntamente coa organización os detalles deste mercado, encontro que terá lugar o vindeiro día 28 e no que tamén se establecerá a ubicación de cada establecemento na carpa que unha vez máis se instalará na Avenida da Coruña e que acollerá esta cita. Precisamente a cooperación e o traballo en conxunto entre os diferentes establecementos comerciais, asociacións e administración local fai deste convocatoria comercial un esforzo máis para a dinamización e promoción do comercial local. Asemade, un ano máis haberá premios para os clientes que se traducirán en diferentes vales de compra por valor de mil euros e que sortearán entre os dous días de mercado.

A Casa Dopeso acolle unha mostra de acuarelas co mundo da micoloxía coma protagonista

  A sala de exposicións da Casa Dopeso acolle, dende onte, unha nova mostra desta vez do máis acorde co outono e é que, en pleno auxe do mundo da micoloxía e da recollida de cogomelos e cunha nova edición da feira de fungos de As Pontes á volta da esquina, nada mellor que tamén desfrutar dunha artista que utilizou o mundo da micoloxía como inspiración. Trátase de Anna Katharina Koubert, xa ben coñecida polas súas múltiples participacións e premios no certame de cestas da feira de fungos e cogomelos de As Pontes e, mediante esta mostra recentemente inaugurada, decidía dar a coñecer a súa creatividade cunhas acuarelas ou cuns simples lápises de cores. 18 debuxos protagonizados por diferentes tipos de fungos e de cogomelos integran esta exposición que leva por título o propio nome da súa autora e que poderemos visitar ata o vindeiro 1 de novembro na sala de exposicións da Casa Dopeso, ubicada no soto do edificio municipal da rúa Rosalía de Castro. Ata alí nos poderemos desprazar de luns a venres, entre as 8.00 e as 15.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas, ademáis dos sábados en horario de mañá para desfrutar da calidade destes debuxos dunha xiareira do mundo da micoloxía e que rende, deste xeito, un novo tributo a unha das súas afeccións favoritas.

Os Obradoiros de Conversa en Inglés de Servizos Sociais arrincaron onte coas dúas primeiras clases dirixidas a unha vintena de nenos e nenas

  Unha vintena de rapaces e rapazas de Primeiro de Educación Secudaria e de Cuarto de Primaria foron os encargados na tarde de onte, de inaugurar a sesta edición dos obradoiros de conversa en lingua inglesa que, cada ano, oferta gratuitamente o concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Servizos Sociais. Medio cento de estudantes de entre 9 e 13 anos tomarán parte ata que remate o curso 2013-2014 nestas clases semanais de conversa, coas que se busca que os participantes empreguen os recursos gramaticais aprendidos na escola pero xa á hora de manter conversas, tendo sempre como base situacións propias da vida cotiá. Neste caso será Alice, a mestra encargada de dirixir estas clases ás que xa o vindeiro luns se sumarán os grupos de 3º, 5º e 6º de Primaria e que terán como escenario as dependencias do colexio Monte Caxado. Precisamente, ata este centro educativo se desprazaba onte o edil de Servizos Sociais. José Alén quixo compartir cos máis pequenos esta primeira xornada na que, como non podía ser doutro xeito, se comezaba coas tradicionais presentacións propias de cada inicio de curso e con xogos e actividades orais dirixidas a fomentar a confianza entre estes novos compañeiros de curso e a que a mestra coñecese o nivel de cada alumno, actividades que se complementarán con xornadas en exteriores xa que, ao longo do curso, está previsto que se desenvolvan xogos noutros puntos da nosa vila como Vilarbó. Así pequenos coma Uxía, Antón, Sara, Raquel, Nuria ou Álvaro puideron compartir xa neste primeiro día algunhas conversas na lingua de Shakespeare e que serán a tónica destas clases semanais nas que a gramática queda a un lado e o importante e facer da lingua inglesa un idioma coñecido para os pequenos e sobre todo utilizado. A vindeira semana o programa de inglés de conversa xa arrincará na súa totalidade coa incorporación dos tres cursos restantes que o luns, dende as 17.00 horas, se sumarán a este programa gratuíto que, ano tras ano, está a ser todo un éxito e un gran recurso para aquelas familias que buscan que o inglés dos seus pequenos non quede só nos exercizos de gramática da escola e se traslade á vida cotiá, converténdose nun recurso do máis útil para o futuro destes nenos e nenas.

15/10/13

O certame gastronómico Saborea As Pontes continuará ata finais da semana repartindo 22 propostas culinarias entre os clientes da vintena de locais de restauración participantes

Non puido ser mellor a acollida da nova edición do concurso de tapas que estes días se desenvolve na nosa vila. A satisfacción é a tónica xeral nos hostaleiros participantes, que nestes días ven como se amplia e suma a súa clientela, algo que foi especialmente palpable a fin de semana en que moitos dos establecementos contaron por varios centos as tapas repartidas diariamente. Son 22 bares, mesóns e restaurantes, ofrecendo cadansúa tapa ó prezo de tan só un euro, coas que que se busca volver reivindicar o lema "Saborea As Pontes", todo isto mediante a organización da Concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comecio e o Instituto Pontés de Promoción Económica. O éxito culinario estaba garantido cuns establecementos que manteñen e mesmo superan os máis altos niveis de calidade das catro edicións precedentes e que ofrecen tapas do máis sorprendentes e, sobre todo, saborosas. O concurso prolongarase ata o domingo e para os veciños e visitantes temos un incentivo que é o que supoñen os premios que se outorgan a traverso das papeletas que deben ser depositadas nos establecementos cos nosos votos. Ademais da tapa escollida por medio da votación popular estará o premio que outorgue o xurado á tapa con mellor presentación Para degustar as diferentes propostas temos todos os días un prazo que vai de 12.00 a 14.00 horas e de 19.30 a 22.30 horas e que se prolongará ata o vindeiro domingo, día 20. O peche desta nova edición farase cun acto de clausura e entrega de premios do certame de tapas celebrarase o venres 25, ás 19.00 horas, na Casa Dopeso, despois de que o día 21 sexan recollidas todas as urnas cos votos do xurado popular nos distintos establecementos da localidade. O sorteo de premios do público celebrarase o día 22 ante a secretaria do Concello e os premiados deberán acudir o 25 ao acto de clausura para recibir os seus galardóns e que, nesta ocasión, se traducen en 10 vales de 50 euros a gastar nos establecementos participantes neste quinto Saborea As Pontes. O prestixio gastronómico de As Pontes, unha vila que en boa medida basea a súa economía na hostalaría, volvía quedar patente coa oferta das tapas deste ano, que son xa unha referencia en toda a bisbarra. Peixe, marisco, carne, legumes e verduras en todo tipo de prebes, con diferentes acompañamentos e por suposto con distintos métodos de preparación serán as estrelas das consumicións dos ponteses e pontesas, ademáis de visitantes, que durante estes días xa desfrutaron e desfrutarán da imaxinación e creatividade dos fogóns dos restauradores da nosa vila. De feito o listado das tapas deste saborea as pontes 2013 inclúe pratos coma lomo de porco asado, do mesón a Bodega; o espeto de mar e terra da fervenza, as croquetas das Tres Pontes, os escalopíns con prebe de queixo do bar La Cueva, o rolo de filete de tenreira con xamón e prebe do Bar As Campeiras,o guiso do Centro, as marabillas do mar ideadas polo Carboeiro, o espeto de peixe e marisco da Cepa ou os pingüinos da Caseta do Parque. Non faltan as verduras, ingrediente do prato que presenta o bar Las Torres e a Cafetería Porta do Eume; ou a francesiña ideada polo Vales ao que se suman atractivas propostas coma o arroz branco con luras do bar Calvo, a mestura de doce e salgado de Casa Teresa; as piruletas de zamburiñas de La Capilla ou a tosta do bar Dreams. As esencias da nosa terra estarán presentes na aposta culinaria do Trastoy 3, xunto co marisco galego, con langostinos con pan xaponés que ofrecerá o Hotel Pontes do Eume ou un saboroso peixesapo que será o ingrediente principal da tapa do Mesón Ana. O gañador de 2012, o Mesón O Martínez, tamén intentará revalidar título co seu solombo de tenreira da casa, namentras que O Marbella apostará por unha mestura de fabas con ameixas. Completa o listado de tapas deste ano, a Maikeliña do Trastoy, un pincho con pementos, ovo e freixós, listado que podemos consultar nas diferentes guías editadas polo concello e na que poderemos non só consultar o nome e composición de cada tapa senón tamén a localización do bar, mesón ou restaurante responsable da súa preparación. Agora durante os cinco días que aínda quedan de certame tan só nos queda desfrutar das grandes creacións gastronómicas dos nosos cociñeiros e camareiros favoritos e deixarnos engaiolar pola súa maxia nos fogóns.

13/10/13

A Feira do queixo e o mel, de Goente, volvía resultar un éxito

A Feira do queixo e o mel, de Goente, volvía resultar un éxito que confirma definitivamente o seu protagonismo no calendario de festividades gastronómicas pontesas. Baixo a organización da Casa do mel, e o Concello pontés, a cita volvía concitar o interese de miles de visitantes, que pasaron ó longo do día pola parroquia de Goente para disfrutar dun amplo e variado programa. Música, excursión á escombreira, exposicións de artesanía, de motos clásicas, e coches de competición ocuparon a xornada concitando o interese de multitude de visitantes que aproveitaron para realizar as súas compras de mel ou de queixo, con resultados moi satisfactoriso para os vendedores. Tamén houbo tempo para que case se esgotasen as existencias no xantar popular do que se fixeron mil racións, que estiveron perto de completarse cunha moi boa afluencia, sen dúbida favoreida polo bo tempo. Como a festa durou a ate entrada a noite tamén se despacharon centos de merendas ó longo da atred nas que xa se limitaba o cuberto a freixós e queixo. Nos concursos de mellores meles, con máis dunha rintea de candidatos, os premios foron moi repartidos por zonas de porcedencia. O mellor mel claro recaeu en Manuel Piñeriso Filgueiras, de A Capela, cun mel de Labrada, en Guitiriz, como finalista, colleitado por Tomás Romero Freire. Nos claros resultou gañador un local, do Freixo, Francisco cao Vázquez, con Vicente calvo Rodrígeuz como finalista, este último de Pontoibo. Tamén se fixo unha mención especial ó mel monofloral de breixos, polas súas características diferenciables, para Manuel Eduardo Fojaco, que recolleu o seu mel na carballeira, en As Pontes. Nas receitas, este ano gañou unha torta de requeixo, mel e albaricoque, da Panadaría San José, en categoría profesional nos dóces. En salgado Manuel Jesús Suárez levou o premio profesional cunhas boliñas picantes de peixe sapo con mel. En particulares a vencedora foi a mesma en dóce e salgados. Ana Soto apostou por un xeado de requeixo con crocante de mel e noz e por unhas palmeiras de queixo respectivamente.

11/10/13

Comeza a creación do conto viaxeiro “Aventura na Terra das Pontes”.

Estudantes de primaria de todos os centros de ensino da Vila participan desta campaña do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de As Pontes. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello das Pontes poñía en marcha, hoxe mesmo, a campaña de animación á escrita O Conto Viaxeiro. Unha campaña patrocinada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Esta mañá desenvolvíase a primeira sesión de traballo. Foi no colexio Santa María, cos estudantes de 3º de Primaria como protagonistas. A este grupo correspondeulle iniciar o conto viaxeiro “Aventura na Terra das Pontes” dándolle vida á súa personaxe principal, un grou. A vindeira semana outro grupo recuperará o traballo iniciado por estes estudantes e continuará dándolle forma a esta historia. En total serán dous meses de traballo que terán como resultado final un conto narrado e ilustrado polos nosos estudantes e co patrimonio material e inmaterial da contorna como fío condutor. Nos próximos días poderase seguir, a través do blog do proxecto cvaspontes.wordpress.com, o proceso de elaboración do conto e incluso poderase acceder a un videoconto que irá tomando forma semana tras semana. De igual modo, ao remate das sesións poderase descargar o traballo completo. Neste mesmo blog disporase tamén dun apartado de recursos, no que se colgarán actividades para realizar cos nenos e nenas na casa e nas aulas. Dous monitores da empresa de actividades culturais Fabaloba son os encargados de dirixir o Conto Viaxeiro, traballando as capacidades creativas dos estudantes, en todas as súas vertentes, a lectura, a escrita e o deseño.

A XXIV Feira de Fungos e Cogomelos repartirá o primeiro de novembro 1.000 euros entre as mellores cestas micolóxicas

Os interesados en participar neste certame terán ata o 31 de outubro para inscribirse no departamento municipal de Cultura O Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Cultura, ven de abrir o prazo para anotarse no certame de cestas da XXIV Feira de Fungos e Cogumelos, e que terá lugar o 1 de novembro, co fin de fomentar a afección á micoloxía e contar cun mellor coñecemento sobre as especies da zona. O departamento que dirixe Sara Ramos repartirá máis de 1.000 euros en premios entre as cestas mellor engalanadas e as que conten con máis e mellores exemplares micolóxicos. Cada cesta deberá contar como mínimo con dez especies diferentes de fungos que estarán debidamente identificadas. Asemade, os participantes deberán presentarse na Praza de América, lugar onde terá lugar a exposición de cestas, entre as 09.00 e as 11.00 horas. Cada concursante tan só poderá presentar unha cesta que será sometida á avaliación do xurado composto por persoas especializadas na materia que analizará as diferentes propostas dende as 11.00 horas. Os participantes deberán manter a súa exposición ata, a lo menos, ás 14.00 horas, recibindo 20 euros en concepto de desprazamento no caso de non resultar premiados. Os gañadores recibirán os seus premios en torno ao mediodía, no escenario que se habilitará no patio do colexio Santa María e polo que pasarán os gañadores dos diferentes premios ás cestas mellor engalanadas ou as que conten con maior número de especímenes. Así o primeiro premio será de 300 euros, o segundo de 180 euros, o terceiro de 120 euros e, finalmente, o cuarto e quinto clasificados levarán cadanseu premio de 80 e 60 euros respectivamente. Asemade, concederase un premio especial de 300 euros. Para anotarse a este certame tan só é preciso inscribirse no departamento de Cultura, ubicado no primeiro andar da Casa Dopeso, telefonando ao 981 44 03 44 ou remitindo un correo electrónico a cultura@aspontes.org denantes das 14.00 horas do vindeiro 31 de outubro. Asemade, os participantes deberán confirmar a súa asistencia o propio día da feira denantes das 10.30 horas no posto de Cultura que se instalará para tal fin, onde cada concursante recibirá o seu número de participación. Para obter máis datos sobre este certame, o propio concello conta, na súa páxina web, con información máis extensa sobre este concurso e que se pode ampliar no espazo www.aspontes.com.

O presidente de Sogama visitou onte As Pontes co fin de coñecer as obras e futuros usos da escola unitaria das Campeiras que se converterá na primeira escola de reciclaxe de Galicia

O presidente de Sogama visitou onte As Pontes co fin de coñecer os traballos e proxectos que se pretenden desenvolver na escola unitaria das Campeiras e que está a ser, nestes días, obxecto dunha importante remodelación. Previamente, Luis Lamas mantiña un encontro co alcalde de As Pontes, Valentín Gonzalez Formoso, e cos presidente e xerente da Asociación Euroeume, Xosé Castro e Miguel Teixido, respectivamente. Durante esta reunión, o primeiro edil pontés trasladoulle ao representante de Sogama o que se pretende acadar coas obras da escola das Campeiras e que servirán para crear a primeira escola galega de reciclado coa que se busca tanto formar a escolares coma a adultos na importancia da reciclaxe. De feito, a idea do cabildo pontés pasa por lograr a colaboura de Sogama e da Deputación da Coruña á hora de desenvolver diferentes actividades neste centro e que estará rematado o vindeiro mes de novembro, tras unha inversión de case 94.000 euros e os traballos da empresa local Maren. O propio Luis Lamas, que tomaba boa nota das ideas tanto expostas polo alcalde de As Pontes coma polos membros de Euroeume tamén daba conta de diferentes actividades vencelladas coa reciclaxe postas en marcha polo organismo que preside, coma os cursos de elaboración de receitas con sobras de alimentos e que deron lugar á edición dun libro de receitas que tamén se pode consultar na propia web de Sogama. Precisamente este curso está xa confirmado, como un dos contidos que se lle van aportar á administración local para dar un uso regular á pioneira instalación que teremos no noso municipio. Os diferentes cursos, obradoiros e iniciativas formativas que se emprendan, vanse ofertar a todas as idades. Anque o maior protagonismo será para a comunidade escolar, vaise implicar tamén a asociacións, entidades, e particulares, para chegar ó maior número de veciños, e acadar un maior compromiso coa reciclaxe. Onte mesmo púñase sobre a mesa unha situación especialmente grave, que é o mal emprego dos contedores amarelos. Como resultas deste, unha recollida que debería supoñer mesmo unha aportación para o concello por boas prácticas está a custarnos cartos das arcas públicas locais. Como punto e final á súa estadía en As Pontes, o presidente de Sogama xunto co alcalde, os membros de Euroeume e o edil de Medio Rural, Antonio Castro, visitaron os traballos da futura escola de reciclaxe das Campeiras e que avanzan a moi bo ritmo.

10/10/13

A parroquia pontesa de Goente renderá, este sábado, unha nova homenaxe aos productos da zona e ao mundo da apicultura na que será a V Feira do Queixo da Faeira e do Mel de Goente.

Trátase dunha nova exaltación gastronómica que conta coa organización da delegación do Eume da Asociación Galega de Apicultura e a Casa do Mel de Goente, xunto co patrocinio do Concello de As Pontes, mediante os departamentos de Medio Rural e Turismo, Emprego e Novos Proxectos; e da Deputación da Coruña. Esta festa gastronómica contará cun extenso programa de actividades no que se contará cunha ampla oferta lúdica dirixida a todo tipo de idades. Así, dende as 11.00 horas, será posible visitar os diferentes postos de produtos apícolas que rexentarán unha ducia de apicultores de toda a comarca e tamén doutros concellos coma Taramundi, para poder facerse con tarros de mel da marca Mel de Goente. Asemade, non faltarán as exposicións de artesanía, doces e viandas de marca pontesa coma as manteigadas, os postos de olaría, manualidades e produtos en madeira e mostras coma a de motos antigas de Elías Gabeiras, á que este ano se sumará unha exposición de vehículos de competición. O campo da festa desta parroquia servirá tamén de escenario para actuacións musicais coma a dos ponteses Jin Tony´s Son, ás 12.00 horas, a da coral Airiños da Capela ás 17.00 horas ou a do grupo folk Muxarega dende as 18.00 horas. Un dos pratos fortes da xornada será o xantar popular que arrincará ás 13.30 horas, composto por xarrete, freixós, requeixo, mel e bebidas e do que se servirán mil racións, a un prezo de 15 euros por persoa.* Asemade, tamén á tarde se servirá unha merenda composta por freixós, mel e requeixo a un prezo de 3 euros. Os máis novos tamén contarán con actividades específicas que arrincarán contra das 16.00 horas con diferentes obradoiros infantís e, dende as 19.30 horas, celebrarase a entrega de premios do IV Concurso de Receitas con Mel e Queixo e do Certame de Meles Claras e Escuras. Como fin de festa novamente teremos música, ás 20.00 horas, cunha verbena que servirá para pechar esta festa apícola. * Venda de tickets para o xantar popular en bares Marbella (As Pontes), Baobab (As Pontes), Tres Pontes (As Pontes), Casa do Mel (Goente), Casa Díaz (Goente), Casa Valentín (Goente), Estación de Servizo Porta do Eume (Goente) e O Rego (A Faeira).

A edil de Emprego, Ana Pena, presidiu onte a entrega de diplomas do curso de Busca de Emprego que se ofrecía dende o departamento que dirixe

A Concelleira de Emprego, Turismo e Novos Proxectos, Ana Pena, facía onte entrega dos diplomas que avalan a asistencia e aproveitamento dos Obradoiros de Búsqueda de Emprego. Con este acto púxose o peche a esta nova iniciativa formativa, na que dez demandantes de emprego adquiriron os coñecementos necesarios en técnicas de elaboración da carta de presentación e do currículo vitae, así como a preparación dunha entrevista de traballo. Nas prácticas levadas a cabo, os usuarios participaron en cada unha das etapas dun proceso de selección, traballando os métodos máis comúns e incluíndo novas técnicas de búsqueda de emprego tales como o currículo online e o videocurrículo. O Rolle Playing da entrevista foi un dos capítulos máis valorados polo alumnado participante, adquirindo novos métodos de comportamento diante dos diferentes tipos de entrevista, así como os modelos de preguntas, o peche da entrevista ou o seu seguemento. Nun momento de forte competitividade nos procesos de selección para cubrir unha vacante dunha empresa, é indispensable adquirir os coñecementos que aporten a tranquilidade necesaria para afrontala. Así, dende o Obradoiro de Búsqueda de Emprego, os participantes adquiriron as competencias necesarias para saber como presentarse a unha entrevista, onde poñer o énfase, como amosarse, que tipo de preguntas e respostas ofrecer,entre outros contidos. Continuando co apoio, orientación, asesoramento e información no eido laboral, a concellería que preside Ana Pena seguirá a por a dispor dos usuarios e usuarias da área de emprego municipal tódolos mecanismos necesarios para que os demandantes de emprego do municipio pontés melloren a súa empregabilidade, complementando os distintos programas que pon en marcha e colaborando con outras concellerías na procura de prestar un servizo á cidadanía totalmente integral.

8/10/13

As escolas culturais 2013-2014 superan este ano as 400 matrículas

As escolas culturais que, anualmente, pon en marcha o concello mediante o departamento que dirixe Sara Ramos están a rexistrar un novo éxito de participación e é que, polo momento, 431 veciños e veciñas de As Pontes de todas as idades están xa anotados para participar nas diferentes modalidades de música e danza que se ofertan para este curso 2013-2014. As cifras volven ser do máis sorprendentes, xa que se superan as 390 matrículas do pasado curso e con aínda tempo para facerse coas últimas prazas dalgunha modalidade como a pandeireta para nenos que aínda conta con vacantes ao que se sumará, xa en xaneiro, unha nova edición das escolas de música moderna e, polo tanto, novos alumnos e alumnas matriculados. Un curso máis, baile moderno volve ser a disciplina con maior número de matrículas con 144, seguida de danza clásica que conta con 77 alumnos e pandeireta con 58 anotados, entre adultos e pequenos. Por debaixo do medio cento de matrículas está a escola de gaita e frauta que, neste ano, contará con 46 alumnos e a escola de percusión tradicional con 30 anotados. 29 alumnos e alumnas terá este ano a escola de acordeón, entre as modalidades de iniciación e perfeccionamento e a escola de baile flamenco contará para este curso con 25 alumnas. Pecha o listado a escola de baile galego para adultos e nenos con 22 matrículas. Dende a pasada semana as clases destas oito disciplinas culturais están en marcha pero aínda é posible sumarse a modalidades que contan con algunha vacante, precisamente para obter máis información é posible contactar co departamento municipal de cultura, telefonando ao 981 44 03 44 de luns a venres, entre as 8.00 e as 15.00 horas ou ben achegándose ata as oficinas da Casa Dopeso

O sábado arrinca a quinta edición do certame gastronómico Saborea As Pontes

Esta fin de semana principia o Concurso de Tapas pontés, que levará de novo o título de "Saborea As Pontes". Un certame que conta coa participación de 22 establecementos hostaleiros da vila que compiten por obter o galardón de ofrecer as mellores tapas dunha localidade na que estas son un dos sinais de identidade da hostalaría. O certame, que se vai celebrar do día 12 ó 20 destes mes e queestá organizado, un ano máis, polo Concello, a traverso da Concellería de Industria, Promoción económica, Hostalaría, e Comercio, e para elo conta tamén coa colaboura de IPPEC e Club gastronómico El Gourmet. A convocatoria mantén o obxectivo co que nacera, de contribuír á difusión turística da nosa vila aproveitando o importante recurso que supón a gastronomía. Onte facíase xa entrega dos libros que cada local poderá entregar como guía dos locais participantes e as tapas que presenta cada un. Tamén contan xa coas papeletas para entregar aos clientes que se encargarán de escoller a tapa gañadora e á que se sumará un premio por parte do xurado deste certame. Este ano as tapas volverán ter un custo dun euro e poderán consumirse entre as 12.00 e as 14.00 horas e de 19.30 a 22.30 horas e hai que contar co selo dun mínimo de dez locais para poder optar a concursar. Como premio á nosa participación entraremos no sorteo de 10 premios de 50 euros en vales para empregar nos locais participantes. A hostalaría constitúe unha fonte importante de ingresos e postos de traballo, pola que se ten apostado decididamente dende a concellería que dirixe Montserrat García. A iniciativa do certame das tapas pretende un ano máis incidir na fidelización dos clientes habituais e atraer novos consumidores ós diferentes locais como un elemento máis de dinamización económica, ademais de servir como escaparate da calidade deste servizo na nosa localidade para os moitos que se achegan nestes días probar tan saborosas tapas. O pasado ano os mesóns Ana e Martínez fixéronse cos premios deste certame, galardoados que onte participaban na entrega de material aos participantes deste ano e que foron entrevistados por RTVEUME, entrevista que se emitirá nesta semana na televisión pontesa.

7/10/13

O Concello de As Pontes renova a súa aposta pola igualdade de xénero.

A pasada semana celebrábase en As Pontes unha reunión, en Casa Dopeso na que a Concellería de Servizos sociais exercía de anitrioa, para a ampliación do acordo inter-institucional en materia de violencia de xénero que está en vigor no noso municipio. Unha comisión de seguimento deste Acordo Inter institucional en materia de violencia de xénero, no que participan as diferentes administracións públicas, forzas da orde, representantes educativos, e da sanidade, pretende mellorar a cordenación efectiva na atención e prevención da violencia contra as mulleres. Compartiron mesa de traballo, representantes de centros educativos da localidade, a pediatra do centro de saúde, técnicas do CIM e servizos sociais, os Concelleiros José Alén e Eladio Bouza, e os representantes de Garda civil e Policía local, así como a xefa da unidade de cordenación contra a violencia da muller da Subdelegación do Goberno da Coruña, Judith Fontela. Renovábase, con este encontro o compromiso de seguir avantando na protección e recuperación das vítimas, na prevención, na cordenación, e todo isto mentres se segue a traballar para avantar cara á plena igualdade en todos os ámbitos da vida. Dende o Concello insistíase en manter a liña de traballo activo tamén na difusión, na formación continua e na dotación dos recursos humanos, materiais e técnicos necesarios

6/10/13

O Concello de As Pontes reedita o programa “Itinerario de Inserción Social”.

As concellerías de Servizos Sociais e Emprego aúnan esforzos para axudar ao colectivo de persoas desfavorecidas. Por segundo ano consecutivo, o Concello de As Pontes, a instancia da Concelleria de Servizos sociais e en colaboura coa Concellería Emprego, volve poñer en marcha o programa “Itinerario de Inserción Social”, dirixido principalmente a usuari@s do Departamento de Servizos Sociais, a familias que reciben axudas sociais similares ao RISGA ou emerxencia, a parados de longa duración, a moz@, e a maiores de 45 anos. José Alén, concelleiro de Servizos Sociais de As Pontes explica que “son perfiles que presentan diferentes dificultades tanto para a implementación dos Itinerarios como para a súa posterior inserción laboral, o que supón para o equipo técnico do proxecto unha importante labor de orientación e seguimento do proceso”. O programa, que desenvolven as técnicas de Servizos Sociais e mailas orientadoras laborais do Concello ten como obxectivo a realización dun itinerario de inserción socio-laboral, individualizado e adaptado ás necesidades da persoa demandante de emprego. Así, a través deste programa realízanse entrevistas individuais da situación sociolaboral, elaborando itinerarios consensuados e personalizados de inserción das persoas en situación de risco. Igualmente, préstase unha atención personalizada ás persoas e as súas características sociolaborais e persoais, apoiando non só a persoa usuaria senon a os familiares. Elabóranse tamén contidos e desenvólvese a formación vencellada á busca activa de emprego, promovendo fórmulas de inserción que se axusten ao perfil das persoas. Unha acción que ten como finalidade que as persoas adquiran as estratexias e ferramentas axeitadas para realizar unha busca de emprego activa e planificada, a través da que poidan coñecer o mercado laboral do seu entorno e adaptarse axeitadamente ao actual ritmo empresarial. Outros obxectivos do programa son Fomentar a formación e competencias das persoas a través de cursos formativos e accións que potencien a súa competitividade no mercado laboral; promover o acceso á educación e á formación, previndo o fracaso escolar e aumentando os niveis de competencia, e finalmente este servizo que brinda o concello de As Pontes sirve de intermediación laboral co tecido empresarial. Os Concelleiros de Servizos Sociais, José Alén, e de Emprego, Ana Pena, manifestan a importancia de traballar conxuntamente co colectivo de persoas desfavorecidas a través do programa “Itinerario de Inserción Social”, porque “se busca a integración social dos colectivos máis desfavorecidos, proporcionando as ferramentas necesarias para facilitar a súa inserción e permanencia no mercado laboral. Así, a través deste programa trabállanse aspectos sociais, xurídicos, educativos, psicolóxicos, laborais e factores de empregabilidade, é dicir, a actitude e as aptitudes”. O programa Itinerario de Inserción Social desenvólvese todos os días de luns a venres, en Servizos Sociais, departamente ao que acuden tamén os martes, de nove da mañá a doce do medidía, dúas orientadoras laborais do Concello. E como complemento a este programa dende a Concellería que dirixe José Alén tamén se ofrecen programas de preparación para a obtención do título da ESO, reforzo educativo para alumnado de primaria, prevención do abandono escolar para alumnado de secundaria, colaboración coa Aula Cemit, obradoiro infantil e finalmente, obradoiro de capacitación laboral para desempregados.

2/10/13

O Grupo Poético Alalá de As Pontes segue inmerso na celebración do seu décimo aniversario de fundación. O venres presentan a antoloxía poética "Dez anos de poesía en As Pontes"

    Este venres culminan os actos ideados polo grupo poético Alalá co obxecto de conmemorar a súa primeira década. E será cun recital de poesía e coa presentación dunha antoloxía poética. Gloria David, Aníbal Ánxel, Santiago del Moral, Ofelia López e Mari Carmen Freire, son os actuais compeñentes desta agrupación que o hai dez anos nacía coa presenza de Xema Bermúdez no lugar que logo ocupou Mari Carmen Freire. Logo do seu recital de outono, un clásico, no seu programa anual, agora chega esta nova cita co público, dando voz a convidados. Todos eles e ellas serán poetas que teñen colaborado coas diferentes iniciativas que organiza regularmente Alalá, e que teñen presenza no libro "Dez anos de poesía en As Pontes". Esta escolma poética inclúe obras dos seis integrantes que son e foron do colectivo, e de moitos poetas que teñen participado nas súas actividades, como é o caso de Darío Xoán Cabana, Xulio López Varcárcel, Anabel Alonso, Diana Varela, Daniel Salgado, Xosé Luís Sobriño, Isabel Fresco e Carlos Blanco. Tamén contan con pezas neste libro editado por Galebook, Medos Romero, Xosé Luis Sobrino, Suso Pensado, Antón Fortes, e Eduardo Estévez, que estarán o venres no Auditorio Municipal, Alovi, para facer a lectura de varios dos textos que poderemos atopar neste libro de poesía que en breve poderemos mercar nos quioscos, e que se ven sumar ó cinco sentidos que fora a súa primeira publicación conxunta. A cita é no Auditorio municipal ás nove da noite, o venres.

O Concello de As Pontes estrea mañá o Interclubtural. Trátase dunha campaña promovida polo Servizo de Normalización Lingüística que se desenvolverá na Biblioteca Municipal.

    O Servizo de Normalización Lingüística do Concello das Pontes, co patrocinio da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria estreará mañá nas Pontes o Interclubtural, un club de lectura ideado para a promoción do uso da lingua galega. As sesións desenvolverasnse na biblioteca Municipal, todos os xoves, entre as oito do serán e as dez da noite e a súa razón de ser última está en xuntar ás persoas nativas das Pontes con novos veciños e veciñas chegados de calquera parte do mundo para que se coñezan mellor, para que coñezan mellor a historia, a língua, e a cultura das Pontes e de Galicia e, á vez, para que os galegos coñezan mellor a historia, a lingua ou a cultrua de quen chega doutras latitudes. Para máis información poden dirixirse á biblioteca municipal ou ao teléfono 610 908 419.

1/10/13

AVISO: ESCOLAS MUNICIPAIS DE CULTURA

Hoxe martes dia 1 de Outubro comezan as clases das escolas municipais de cultura, nas que están matriculados 430 alumnos de idades entre os 4 en diante. A dia de hoxe todavía se recollen matrículas nas escolas nas que existen prazas vacantes: Flamenco ( iniciación). Danza clásica ( avanzado a partir de 15 anos). Baile Galego de adultos e nenos. Pandeireta de 12 anos a adultos ( aberto novo grupo para os xoves de 18 a19h) Pandeireta nenos a partir dos 5 anos ata 10 anos Percusión tradicional ( tamboril e bombo) iniciación . Acordeón iniciación.