20/9/13

O Deputado no Parlamento Europeo, Antolín Sánchez Presedo visitou onte As Pontes atendendo a unha invitación da alcaldía.

O motivo desta recepción foi a de trasladarlle a demanda que se defende dende o goberno local dunha flexibilización dos prazos que teñen que cumprir as eléctricas para observar a directiva europea sobre emisións industriais. En aras ó cumprimento desta nova normativa, as térmicas, como é o caso da de As Pontes, deben decidir antes de fin de ano se van executar os investimentos a levar a cabo a partir de 2016, ou se pola contra, optan por non realizar as reformas, o que só lles permitiría funcionar 17.500 horas máis pero despois terían que pechar. A lóxica inquedanza xenerada en As Pontes e en toda a bisbarra, onde o impacto directo afectaría a miles de familias fixo que dende a alcaldía que ostenta Valentín González, se estea a desenvolver a promoción dun diálogo aberto con todas as partes para atopar a mellor alternativa ó problema que supón a aplicación nestes termos desta directiva. Explicábaselle a situación actual ó Eurodeputado socialista nun encontro co propio Valentín González e a Concelleira de Industria Montserrat García, salientando que se trata dunha pranta que xa entre 2007 e 2008 adaptou as súas instalacións a unha normativa previa, asumindo unha inversión de case 300 millóns de euros. O establecer agora novos parámetros de emisión en tan curto espazo de tempo, pon en risco a continuidade da actividade, polo que dende o Concello estase a chamar a todas as portas para acadar os apoios na solicitude dunha moratoria na aplicación. Antolín Sánchez entendía que non habería lugar a tantas urxencias cando as diferencias neste caso son mínimas, e poden existir precedentes coma o inglés, onde se ten concedido un aprazamento. Deste xeito ofreceuse a levar esta reclamación a Bruxelas, e actuar como mediador das demandas do goberno local pontés, que segue a sumar apoios logo de ter engadido á causa a todas as poboacións que se ven nesta disxuntiva e asegurar o respaldo de todo o tecido asociativo local, así como trasladar a preocupación ás administracións provincial, autonómica e estatal. Concretou tamén o compromiso de xestionar unha reunión en Bruxelas para que dende o propio Concello se explique como afectaría a aplicación desta norma á nosa vila. "Quedábanos levar esta reivindicación, que é a dun pobo que non quere que xoguen co seu futuro, a Europa. Coa presenza hoxe de Presedo incidimos unha vez máis na importancia que ten que se acade postergar o máximo posible a comunicación que deben facer as empresas ao Ministerio de Industria. Non discutimos a necesidade de adoptar todos os mecanismos destinados a diminuír os efectos contaminantes pero si pedimos que no contexto actual de reaxuste e problemática no sector enerxético as empresas teñan, cando menos, máis tempo para decidir". Valentín González e Montserrat García acompañaban logo ó eurodeputado do PSOE a visitar a pranta térmica de Endesa, onde puido coñecer de primeira man a magnitude desta factoría e onde se lle deron as explicacións pertinentes da situación á que se ven abocados. Para adaptarse á nova directiva europea sobre emisións e prolongar así a súa actividade Endesa deberá investir en As Pontes 300 millóns de euros nos catro grupos cos que conta a central para reducir emisións de xofre, partículas e gases nitrosos, e seguir funcionando baixo os novos parámetros de legalidade ambiental. Esta decisión débese tomar tomar antes do 31 de decembro, coa única opción de levar a cabo estas inversións millonarias ou pechar a pranta ó redor do 2020. Non semella o intre máis idóneo co contexto de crise económica e de caída da demanda enerxética, o que aumenta a incertidume que levou ao Concello a poñerse á fronte das demandas que aspiran a garantir o futuro de endesa en As Pontes, no que a reunión de onte é un paso máis neste obxectivo.

O CONCELLO DE AS PONTES RENOVA O SEU COMPROMISO CO EIDO EDUCATIVO A TRAVÉS DA SINATURA DE DISTINTOS CONVENIOS DE COLABORACIÓN.

O goberno local destina unha partida de 10.000 euros para a actividade anual de ASPANAES e outra de 12.000 euros máis ao programa "Eu almorzo no cole" . O Concello de As Pontes non escatima en gastos á hora de favorecer aos estudantes da localidade. Hoxe mesmo asinábanse senllos convenios de colaboración cos dous centros educativos que ofrecen o servizo de almorzo no cole, A Fraga e A Magdalena. O concelleiro de servizos sociais José Alén era o encargado de rubricar estes concertos de colaboración, cos representantes das ANPAS As Medoñas, da Fraga, e Outo Eume, da Magdalena. A Fraga recibe este ano unha subvención de 5.300 euros para o desenvolvemento do seu programa de almorzos, ao que diariamente, de oito a nove da mañá, acuden doce nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Pola súa parte, A Magdalena recibe 6.700 euros para o mantemento dun programa ao que acuden diariamente 17 estudantes. No caso deste centro o servizo Eu almorzo no cole préstase entre as 8 e as dez da mañá, hora de entrada ás aulas. Dúas horas nas que os pequenos comensais, ademais de tomar un completo e variado almorzo, aproveitan tamén para repasar as leccións do día, pintar ou xogar, e sempre acompañados por dúas monitoras. Dase tamén a oportunidade de asitir aos almorzos no centro "en días soltos", co que ao final do ano, son máis de cincuenta familias pontesas as beneficiarias deste servizo. Eu almorzo no Cole reedítase por quinto ano consecutivo no colexio A Magdalena, e por terceiro no colexio A Fraga. Nambos os dous centros o obxectivo final é o mesmo, axudar ás familias dos estudantes ponteses a conciliar vida laboral e familiar. Unha tarefa na que a actitude da Concellería de Servizos Sociais é exemplar, e non só por propiciar a apertura dos centros fóra do horario lectivo, senón tamén por poñer en marcha en todos os períodos vacacionais, Semana Santa, Nadal e verán, os campamentos urbanos. Posteriormente, o alcalde Valentín González Formoso procedía á sinatura do convenio de colaboración con Aspanaes. 10.000 euros recibe este centro para o ano en curso, o 2.013, para cubrir os gastos de escolarización do alumnado, o servizo de valoración e orientación, e a realización de actividades extraescolares que favorezan a integración social deste grupo de estudantes.

19/9/13

Case 300 pontesas tomarán parte na marea rosa que o domingo percorrerá a Coruña na I Carreira da Muller que terá lugar na cidade herculina

Conta atrás xa para que ducias de pontesas tomen as rúas da Coruña na primeira edición da Carreira da Muller na cidade herculina. Unha proba deportivo-solidaria que servirá para recadar fondos para a loita contra o cancro de mama e que, na nosa vila, foi todo un éxito de convocatoria. 278 pontesas de idades do máis dispares estarán este domingo nas rúas da Coruña, coa súa camiseta rosa e o seu dorsal, grazas ao gran traballo de convocatoria destas últimas semanas realizado dende o Clube de Atletismo Olympo. Pero as tarefas deste clube non rematan tralos adestramentos destes últimos días xa que, precisamente, a poucas horas para que se celebre esta cita, esta entidade deportiva continua cos preparativos desta gran saída en prol do deporte e da saúde. Así para o domingo, a carón do auditorio municipal Alovi están convocadas todas aquelas corredoras que irán nos autocares que o Concello de As Pontes facilitará para este multitudinario desprazamento. Dende a organización prégase puntualidade ás viaxeiras xa que a saída dos buses está programada para as 7.30 horas polo que é necesario estar uns minutos antes para non ter problemas de organización. Asemade, tanto mañá venres á tarde coma o sábado á mañá será posible recoller a camiseta, o dorsal e os agasallos de inscrición da Carreira da Muller na tenda Opticalia Callao, na Avenida de Galicia; aínda que aquelas corredoras que non poidan achegarse ata estas dependencias poderán recoller o seu dorsal no propio autocar. A chegada á Coruña está prevista para minutos antes das 9.00 horas con parada no Obelisco, lugar ao que poderán achegarse as pontesas que vaian no seu propio vehículo xa que está previsto que se realice unha foto de familia diante deste monumento. Posteriormente, tocará trasladarse á liña de saída aínda que cada participante deberá colocarse nun lugar dacordo co seu nivel. As que realicen a proba camiñando deberán situarse na parte final, namentras que aquelas que realicen a proba en menos de 22 mintuos deberán poñerse nas primeiras filas. Ata uns 30 minutos da metade para adiante e entre os 30 e 40 minutos polo medio da saída. Será necesario estar xa na liña de saída uns 15 minutos denantes do inicio da proba, programada para as 10.00. No tocante ao dorsal, éste deberá ir colocado no peito e ben visible e chegar a meta con el colocado para entrar na clasificación. Unha vez remate a carreira, e por xentileza do Concello, repartiranse entre as corredoras auga, froita e un tentempé e agardarase ata que remate a entrega de trofeos, momento no que os autocares recollerán ás participantes para emprender camiño de regreso a As Pontes, polo que ao mediodía a numerosa comitiva podería estar xa de regreso. Para aclarar calquer tipo de dúbida con respecto á carreira ou ao traslado das corredoras é posible ou ben achegarse ata Opticalia Callao ou contactar coa dirección do propio Clube Olympo mediante o seu espazo en Facebook.

O barrio histórico da Vila prepárase para a segunda edición do Mercado do Medievo

De seguro que moitos e moitas están xa a rebuscar nos seus armarios ese difraz ou traxe do Medievo que, ano tras ano, cada mes de setembro serve para introducirse e sentir aínda máis a vida desta época pero sen saír de As Pontes. E é que en algo máis dunha semana o barrio da Vila volverá estar poboado por doncelas, taberneiros, bufóns, cabaleiros, antigos artesáns e cetreiros da man dunha nova edición do Mercado do Medievo de As Pontes, a segunda xa que fará que o casco histórico pontés regrese á etapa na que comezaba a levantarse entre reis, cabaleiros, labregos e damiselas da nobreza. O Concello, mediante o departamento municipal de Cultura, e coa colaboura do colectivo Lembranza da Vila volve poñerse á fronte da organización dun evento que, durante tres días, fará do casco histórico pontés o centro de atención das miradas de veciños e visitantes. A empresa Fusión Medieval tamén volverá a implicarse na organización desta cita ao igual que acontecía o pasado ano e cun programa moi semellante ao da primeira edición deste mercado pero que, ao mesmo tempo, tamén inclúe atractivas novidades. Aos tradicionais postos de viandas, con doces e pan feito co agarimo e as técnicas de antano sumaranse as tabernas e por suposto os stands adicados á artesanía en coiro, pedra, madeira ou cristal. Non faltarán tampouco artesáns da olería, do mundo da música, do tallado da madeira ou do ferro e xa actividades clásicas pero igualmente entretidas e atractivas coma os espectáculos de rúa, os bailes, os malabaristas e ata un espectáculo nocturno de lume. Non faltará o tradicional pregón de apertura deste mercado e que será protagonizado non só por membros da organización e do executivo local, senón tamén por un propio veciño do casco histórico. Por segundo ano consecutivo, tamén percorrerá as rúas da vila o entrañable Comepedras ou o humor e sátira dos contacontos e os bufóns e, trala súa ausencia en 2012, regresarán as exhibicións de cetrería con impresionantes águias de Harris, mouchos, boitres ou cernícalos amestrados. O teatro de rúa ou as actuacións musicais tamén formarán parte dun intenso programa que arrincará o venres 27 e que rematará o domingo 29 e que servirá para desfrutar e coñecer máis polo miúdo o que foi o primeiro barrio de As Pontes e que hai sete séculos servía como punto de orixe do que hoxe é a nosa localidade.

Cultura abre o prazo para a matrícula de novos alumnos nas diferentes disciplinas que ofertan para o curso 2013-2014

O departamento municipal de Cultura abrirá mañá o prazo de inscrición de novos alumnos para as diferentes escolas de música e baile que se ofertarán neste curso 2013-2014. Así as cousas, tralo peche da prematrícula de alumnos do pasado curso, a día de hoxe quedan vacantes nas escolas de música tradicional, baile clásico e moderno e tamén baile galego para nenos e adultos. Nembargantes, o que sí que apuntaron dende o departamento que dirixe sara ramos é que hai certos horarios na disciplina de baile moderno para nenos que xa contan co aforo completo polo que tan só sería posible idear unha lista de agarda. No tocante ao resto de disciplinas, dende mañá e ata o xoves da vindeira semana é posible achegarse ata a concellería de cultura en horario de 8.30 a 14.00 horas de luns a venres ou as tardes do martes e mércores de 17.00 a 19.00 horas, e alí tramitar a pertinente inscrición. Con respecto á adxudicación de prazas, no caso de que a demanda non supere o número de prazas vacantes procederase a unha adxudicación directa, namentras que se haber máis interesados que prazas dispoñibles, realizarase un sorteo tralo peche de matrícula oficial e que se dará a coñecer mediante o taboleiro de anuncios da concellería de Cultura. Coma cada ano, os novos alumnos deberán cubrir o pertinente impreso, entregar unha foto tamaño carné e realizar o pago dos 40 euros por escola municipal na entidade estipulada para tal fin. No tocante ao inicio das clases estas están programadas para a primeira semana de outubro e os horarios serán os seguintes. As clases de gaita de todos os niveis terán lugar os luns, no auditorio municipal Alovi, entre as 17.00 e as 23.00 horas. Pandeireta contará con clases os martes, dende as 18.00 horas, para adultos e os xoves para nenos, na Casa Dopeso, tamén dende as 18.00 horas. A disciplina de acordeón desenvolverase os mércores na Casa Dopeso entre as 18.00 e as 21.00 horas e baile galego terá como escenario tamén a Casa Dopeso, os xoves dende as 19.00 horas para os máis pequenos e, dende as 20.30 horas, serán os adultos os que poidan aprender novas xotas e muiñeiras pero no Alovi. Tamén os xoves teremos percursión dende as 16.20 horas no Alovi, namentras que danza clásica e flamenco desenvolverase ou ben os luns ou os venres, dende as 17.00 horas, na Casa Dopeso, segundo o grupo de idade dos anotados. Finalmente, baile moderno, a disciplina con maior demanda cada curso desenvolverase os luns, venres ou sábados, segundo o horario de cada grupo de idade, na Casa Dopeso. Para obter máis información ou ben para tramitar a pertinente inscrición é posible achegarse ata a Casa Dopeso ou ben telefonar ao 981 44 03 44.

18/9/13

A orquestra Cinema e Los Suaves protagonizarán a reedición da Festa da Fraga 2013

A Fraga de Dona Rita albergará esta romería que pretende ser un regreso ás merendas tradicionais que se realizaban o pasado século As Pontes, 18 de Setembro de 2013.- O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Cultura e a Comisión de Festas do Carme e a Fraga 2013, retomará este domingo día 22 a Festa da Fraga que, o pasado 25 de xullo, foi aprazada como sinal de loito e respecto ás vítimas do accidente ferroviario de Angrois. Así, este domingo a Festa da Fraga recuperará a súa esencia inicial xa que veciños e veciñas, xunto con todos aqueles visitantes doutros concellos que se queiran sumar a esta festa, poderán achegarse coa súa merenda ata a Fraga de Dona Rita e desfrutar dunha xornada campestre á vella usanza, tal e como se facía nos inicios desta celebración en 1904, é que precisamente dende a Comisión de Festas, daban a coñecer a súa interese por lograr facer da Fraga a festa que era antano, con merendas de amigos e familias, á marxe da actual imaxe que presenta agora esta celebración. De feito, dende a organización veñen de anunciar que non estarán permitidas as cabanas, sí os toldos como precaución ante a chuvia, malia que as prediccións meteorolóxicas apuntan a unha xornada de sol para o domingo. Asemade, tampouco estará premitido acampar ao outro lado do río ou realizar merendas nestas parcelas privadas. No tocante ao programa do domingo, éste contará coa mesma estructura do que se ideara para o pasado 25 de xullo. De feito, ata a orquestra contratada nun principio será a que actúe na Fraga, tanto na sesión vermú coma na verbena nocturna. Así, ás 14.00 horas terá lugar a mítica sesión vermú coa orquestra Cinema que xa en 2012 se encargaba de amenizar esta festa. Pola tarde, ás 20.00 horas, terá lugar o concerto da mítica banda de rock Los Suaves, concerto gratuíto e que virá seguido da verbena nocturna, ás 22.00 horas, que novamente contará coa música da formación Cinema. É preciso lembrar que xa na noite do pasado 24 de xullo, a Comisión de Festas xunto con todas as formacións musicais que ían actuar na Fraga o día 25 acordaron aprazar as súas actuacións como sinal de loito pero sempre poñendo enriba da mesa a opción de celebrar esta festa noutra data. Así, atendendo á axenda do grupo Los Suaves, a Comisión de Festas escollía o vindeiro domingo 22 como data para a realización desta segunda Festa da Fraga de 2013. Por outra banda, dende a Comisión de Festas tamén apuntaban que era necesario o celebrar esta cita para compensar aos chiringuitos e atraccións que, no seu día, pagaron por montar na Fraga e que, finalmente, tan só sacaron rendemento dun único día de festa. Finalmente, dende a Comisión de Festas animaron a veciños e tamén visitantes a preparar a súa merenda e pasar o vindeiro domingo en As Pontes, na Fraga de Dona Rita, desfrutando dunha auténtica romaría tradicional ao máis puro estilo do século pasado.

17/9/13

22 DE SETEMBRO: FESTA DA FRAGA 2013 (Cap. II)

Dende a Comisión de Festas do Carme e A Fraga 2013 queremos facervos a todos partícipes das razóns polas cales “refragueamos” este ano. Como de todos vós é sabido o 25 de xullo, día da Festa da Fraga, Galicia asistía atónita a unha gran desgracia para o noso país, polo que ante os acontecementos decidimos suspender todos os actos dese día. Aínda así, esta Comisión ten unha débeda con todas as atraccións, postos e toldos que acoden á festa, xa que todos eles tiñan pagado por poder montar o seu negocio na Fraga. A suspensión dependeu de nós, foi decisión nosa, co cal non teñen porque perder os seus cartos, e facendo a festa o día 22 tentaremos quedar a pre con todos eles. Por outra banda, o grupo “Los Suaves” falounos sempre de aprazar o seu concerto, non de suspendelo, e a este acordo chegamos con eles; precisábamos dunha data que tiveran libre e esta e o vindeiro domingo 22 de setembro. A mesma razón para a orquestra que nos amenizará a sesión vermú e a verbena. Así, e con todos os nosos respectos ás vítimas e familiares do tráxico accidente ferroviario, vémonos na obriga moral e económica de “repetir” os actos preparados para o día 25 de xullo. Iso si, a festa, por mor da data, non terá a mesma repercusión á que nos ten acostumados e dende a Comisión gustaríanos que aproveitemos esta ocasión para facer desta festa do 22 de setembro algo que se asemelle ás Festas da Fraga que a meirande parte de nós lembramos. Por isto e por respecto a o entorno, non se permitirá facer cabanas e animamos a todos a facer as típicas “merendas” (os toldos si que estarán permitidos, máis que nada porque xa sabemos que aquí o tempo é impredicible). Outra vez máis, e non nos cansaremos de repetilo, facemos unha chamada á ética e ao respecto polo entorno. Coidade A Fraga, porque é de todos! (Non se permitirán as acampadas nin as merendas ao outro lado do río).

Álex Yáñez e Jan Luis Cruz fanse coa victoria absoluta no Torneo X3 de Pádel.

As Pontes recibiu durante a pasada semana a ducias de xiareiros e xiareiras do deporte do pádel na que foi a terceira edición do Torneo X3 que agrupou a máis dun cento de parellas nas diferentes categorías que incluía a competición. As pistas da Canle IV volveron ser o escenario perfecto para a desputa dos moi diferentes choques que se desenvolveron durante estes últimos días e que non só estiveron protagonizados por xogadores ponteses, senón tamén por deportistas vidos de Narón, Cedeira, Ortigueira, Ferrol, Viveiro, Ferrol, Vigo ou Lugo. Así un ano máis co respaldo do concello, mediante o departamento de deportes, e do clube padel eume matojoma; o torneo de padel x3 volvía converterse en todo un éxito de participación con 110 parellas en categorías de 2ª, 3º e 4ª en masculina, feminina e mixtos. Tras dunha semana de competición, o domingo tocaba afrontar as finais das diferentes categorías e que nos deixaban os seguintes resultados: en mixto de segunda a parella formada por Álex Yáñez e Carolina Martínez derrotaba a Jorge Fernández e Paula López por 6-3 e 4-6, namentras que en terceira mixta a victoria foi para os ponteses Toni Purriños e Rocío Guizán sobre Panambí Andrade e Esteban Lois por 6-3 e 7-5. Xa na categoría feminina, en segunda, o tamdem pontés - lucense formado por Susana Castro e Patricia Álvarez derrotaba a Sara Guerreiro e Helga Fornos por 7-6 e 6-3, namentras que no grupo feminino de terceira a victoria foi para as orteganas Ana e Teresa Franco por 5-7, 6-4 e 7-5 sobre o combinado pontés formado por Sandra Pajón e Cecilia García. No tocante á categoría masculina, en cuarta a final decidíase entre Armando Maseda e Rubén Darío Vivero e Nicolás López e Javier Fernández, resultando gañadores os segundos por 3-6 e 4-6; namentras que en terceira Manuel Ferro e Marcos Fernández derrotaban a Ángel Paleo e Javier Pedreira por 6-4 e 7-6. Quedaba para rematar a xornada a final de segunda masculina entre Manel Pena e Jorge Iglesias e Álex Yañez e Jan Luis Cruz que se solventaba en tres sets aínda que, finalmente, foron a parella ortegana-lucense a gañadora malia comezar caendo no primeiro set por 3-6. De feito, o emparellamento Yáñez - Cruz repoñíase á derrota no primeiro set e solventaba nos dous seguintes con 6-3 e 6-4 a favor. Non podían faltar o reparto de agasallos e premios, neste caso por parte dos edís de obras e xuventude, Antonio Lourés e Jesús Tembrás, e de dúas das patrocinadoras do torneo Menchi Dopico de Óptica Carmela e Cecilia García de Nexo Veterinarios, ao que se sumaron tamén exhibicións de grandes deste deporte como Sebas Lafón, Mariano Aguirre ou Mateo García de los Reyes e ata unha exhibición infantil. Nembargantes, o gran éxito desta convocatoria pasou polos centos de veciños e veciñas que non só se animaron a participar neste torneo, senón tamén daqueles que, nalgunha destas tardes decidiron pasarse por estas instalacións deportivas para desfrutar dun refresco e tamén dun entretido partido de pádel o que demostra o bo estado de forma dunha competición moi nova pero que semella consolidarse no calendario deportivo do verán pontés.

Once modalidades deportivas dirixidas aos máis pequenos integran a oferta do Concello de As Pontes para os nenos e nenas da vila

As escolas deportivas municipais para nenos abriron hoxe o seu prazo de inscrición para o novo curso 2013-2014. Un total de once disciplinas deportivas integrarán a oferta para os máis novos posta este ano en marcha dende a concellería que dirixe Carlos Castro e que permiten que pequenos, dende os 3 anos, teñan a oportunidade de adentrarse no mundo do deporte. Así, de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 horas, será posible formalizar a pertinente matrícula nas oficinas da concellería de Deportes, ubicadas no pavillón municipal da fraga, en disciplinas coma o taekwondo, a vela, o atletismo ou a ximnasia rítmica. No tocante á oferta para este curso, para maiores de 3 anos ofreceranse deportes coma a patinaxe, que será os xoves en Monte Caxado de 18.00 a 21.00 horas; psicomotricidade que se desenvolverá os martes e xoves, entre as 517.00 e as 19.00 na piscina municipal ou ximnasia rítmica, cuias clases terán lugar os martes, xoves ou venres dende as 17.00 horas no ximnasio da Magdalena ou no pavillón municipal. A partir dos 4 anos xa será posible tamén anotarse na escola deportiva de taekwondo que ofrecerá clases os martes e xoves de 17.00 A 19.30 horas no pavillón municipal, e xa de 5 anos en diante a oferta deportiva ampliarase tamén ás escolas de axedrez, baloncesto e atletismo, con clases durante a semana a partir das 16.00 horas. Un pouco máis maior hai que ser para anotarse ás clases de tenis, dirixidas a maiores de 6 anos e que se desenvolverán os martes e xoves de 16.00 a 22.00 horas, segundo o nivel e idade, no ximnasio do Castro da Uz ou ben nas pistas da Canle IV, se o tempo acompaña. Xa para maiores de 8 anos irán dirixidas as clases de tiro con arco e piragüismo, as primeiras os martes, mércores e venres dende as 17.00 horas na boleira do Lar e nas dependencias do clube Silex e as segundas os venres e domingos de 18.00 a 21.00 horas no encoro da Ribeira. Completa a oferta formativa a escola deportiva de vela, dirixida a maiores de 10 anos que saiban nadar. Estas clases desenvolveranse os domingos de 10.00 a 14.00 horas a 2 da tarde no encoro da Ribeira. Para anotarse coma sempre é preciso cubrir o pertinente impreso e aboar as taxas de matrícula que van dos 40 euros dunha escola deportiva aos 20 euros se se anotan en máis de tres modalidades deportivas. Coma sempre haberá descontos para as familias numerosas. Para obter máis información sobre horarios ou inscricións é posible consultar a páxina web do concello no enderezo www.aspontes.com ou ben achegarse ata as oficinas do pavillón municipal. Asemade, tamén será posible telefonar ao 981 45 26 02. E dunhas escolas que veñen de abrir o seu prazo de matrícula a outras que pechan mañá o seu prazo de prematrícula como son as escolas culturais. Dende a concellería que dirixe Sara Ramos ofertaranse para este curso un total de oito modalidades que van dende a gaita ao baile moderno, pasando polas clases de acordeón ou de pandeireta. Así, dende a pasada semana os alumnos que rematasen o curso 2012-2013 poden renovar a súa praza para o novo ano, tendo ata mañá para formalizar este trámite e entendendo que, de non renovar praza, renuncian á mesma. Estes xa alumnos veteranos deberán achegarse ata as oficinas do departamento municipal de cultura ata mañá ás 19.00 horas para formalizar a súa matrícula e realizar o pago da cota de 40 euros correspondente á modalidade ofertada. Unha pechada esta prematrícula, pasarán a poñerse a desposición dos novos alumnos as prazas vacantes e que se farán públicas este mesmo xoves no taboleiro de anuncios da concellería de cultura. Xa o venres abrirase o prazo de matrícula para novos alumnos nas modalidades que aínda conten con prazas libres pero, tal e como xa é habitual, de rexistrarse máis solicitudes que prazas vacantes realizarase un sorteo das mesmas. No tocante á matrícula ordinaria, todos aqueles novos alumnos deberán presentar un impreso de solicitude, unha foto tamaño carné e o recibo do pagamento da escola en cuestión. Para obter máis información sobre estas prazas ou realizar calquer tipo de consulta é posible telefonar ao 981 44 03 44, acceder á web municipal www.aspontes.com ou ben achegarse ata o departamento de Cultura ubicado no primeiro andar da Casa Dopeso.

16/9/13

Comerciantes ponteses participan nun curso gratuíto de atención ao cliente ofrecido polo departamento de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio

A Concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio; mediante o Instituto Pontés de Promoción Económica, fixo entrega, o pasado venres dos diplomas correspondentes ao curso de atención ao cliente que este departamento impartiu gratuitamente o pasado mes de xuño. Así, unha ducia de comerciantes ponteses acudían ao chamamento realizado dende a concellería que dirixe Montserrat García que, unha vez máis, apostaba por ofrecer novos recursos formativos ao tecido comercial e hostaleiro da nosa vila. A empresa Gestionplus foi a encargada de impartir este obradoiro no que se deron a coñecer os diferentes compoñentes da comunicación verbal, non verbal e escrita; a identificación ao diferente tipo de cliente co que se pode atopar ou ás liñas de comunicación a seguir cando se está a atender unha chamada telefónica dun cliente. Asemade, tamén se abordaron outros aspectos durante este taller coma as diferentes fases de atención ao cliente ou as técnicas e ferramentas para lograr a fidelización dunha persoa que se decide a confiar nos seus servizos ou as canles de actuación a seguir no caso de que se rexistrase algún tipo de conflicto co cliente. Dende a concellería que dirixe montserrat García tamén daban conta, nesta entrega de diplomas, das novas actividadse formativas que teñen previsto desenvolver en vindeiras datas. Así atendendo á demanda dos propios comerciantes, está previsto que denantes de que remate o ano se desenvolva un curso de escaparatismo e xa a principios de 2014 un segundo curso adicado ao marketing. Por outra banda, a concelleira lembraba aos presentes a posta en marcha da nova Rede Box dirixida á recepción de mensaxes sobre a programación cultural ou deportiva que se desenvolverá en As Pontes, co fin de axeitar a súa oferta ás actividades que se organicen no concello e adiantaba que xa se está a idear un novo Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes que será o 1 ou o 3 de novembro.

12/9/13

Cultura abre o prazo de prematrícula das súas escolas de música e baile 2013-2014

O departamento municipal de Cultura ven de abrir o prazo para que os alumnos que así o desexen poidan renovar a súa matrícula nas escolas culturais que se ofrecen dende o departamento que dirixe Sara Ramos. Para este 2013-2014 reeditaranse as especialidades de anos anteriores coma baile moderno, clásico e tradicional e as escolas de gaita, percusión, pandeireta e acordeón e, unha vez máis, aqueles que completaron o curso pasado e desexen repetir clase terán reserva de praza garantida. Así, os alumnos do curso pasado terán ata o mércores da vindeira semana para pasarse polas oficinas de Cultura, no primeiro andar da Casa Dopeso, e alí renovar a súa inscrición para o novo ano, en horario de 8.30 a 14.00 horas de luns a venres ou xa de 17.00 a 19.00 os martes e mércores. Alí os interesados deberán cubrir a súa solicitude de renovación de praza e aboar os 40 euros por disciplina na entidade bancaria marcada pola organización e, posteriormente, presentar o comprobante de pago, iso sí denantes de que remate este prazo de prematrícula. Xa pasado o día 18 procederase ao reconto das prazas vacantes que se abrirán aos alumnos de nova matriculación e que se darán a coñecer o xoves 19, no taboleiro do departamento de Cultura, deste xeito, o día 20 de setembro abrirase o segundo prazo de matrícula para estes novos alumnos que tan só poderán optar ás prazas vacantes e que, de non ser suficientes para cubrir o número de solicitudes se sortearán entre os interesados. Os alumnos de nova matriculación deberán tamén facer efectivo o pagamento da taxa correspondente, cubrir o impreso de solicitude e entregar unha fotografía tamén de luns a venres entre as 8.30 e as 14.00 horas ou o martes e mércores entre as 17.00 e as 19.00 horas. Para obter máis información é posible contactar co departamento de Cultura no 981 44 03 44.

A XIII Feira do Cabalo protagonizará a programación lúdica da fin de semana

A Feira do Cabalo de As Pontes está xa vivindo a súa conta atrás e é que, este mesmo domingo, terá lugar na Canle IV a que será a XIII edición desta cita, sempre caracterizada pola gran participación de xinetes tanto de As Pontes coma de concellos da contorna. A agrupación de Cabaleiros do Eume volve facerse cargo dunha cita na que se repartirán más de 3000 euros en premios en categorías coma a marcha, a carreira ou o arrastre e onde tamén se premiará á manada máis numerosa ou ao mellor cabalo da silla. Así ás 10.00 está previsto que se abra a feira e tamén o prazo de inscricións de cabalos, prazo que se manterá ata as 11.00 xa que as probas arrincarán contra das 11.30 horas No tocante ás competicións, realizaranse carreiras nas categorías de marcha para serrados e cruzados con premios que irán dos 200 euros para o primeiro clasificado aos 30 euros que levarán aqueles cabalos que se clasifiquen en 5ª, 6ª, 7ª e 8ª posición ou o saco de penso para o noveno cabalo que entre en meta. Mesma dinámica e premios para aqueles cabalos que tomen parte na categoría de trotóns namentras que para as carreiras de galope está previsto que se destinen 360 euros en premios entre os catro primeiros clasificados das competicións de máis e menos de metro e medio. Asemade, tamén se outorgará un premio de 150 euros á manada máis numerosa e 100 euros para o mellor cabalo da silla. Non faltarán por suposto outro tipo de actividades complementarias coma postos con productos adicados ao mundo equino que, de seguro, tamén chamarán á atención dos visitantes que, o domingo, se pasen por as pontes. O Concello de As Pontes colaborará, un ano máis con esta feira do cabalo e para a que se queren obter información poden contactar co 607 417 535 ou ben co 669 723 816.

10/9/13

A oficina de turismo do lago de As Pontes recibiu 500 visitas durante o seu mes de apertura

O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Turismo, acaba de facer balanzo da actividade da oficina de información turística instalada durante o mes de agosto nas inmediacións da praia do lago de As Pontes. Dende a concellería que dirixe Ana Pena deron conta da súa satisfacción polos datos recollidos e que deixan un balanzo de consultas moi positivo, cun total de 480 consultas presenciais dende a apertura destas instalacións, o pasado 2 de agosto, ata o seu peche o 31 de agosto. Pena calificaba esta cifra de consultas coma moi positiva xa que é necesario lembrar que esta oficina contaba cun horario limitado polo que o número de visitas real, nestas últimas semanas, ao lago de As Pontes foi moito superior, demostrando o atractivo turístico deste espazo. A concelleira quixo salientar a relevancia do lago a nivel turístico sobre todo no ámbito autonómico e é que, destas 480 peticións de información realizadas, 351 procedían de visitantes galegos, a súa maioría de concellos dos arredores coma Ferrol, Betanzos ou Fene que escollían as augas do lago pontés como destino para pasar unha tarde de verán. Asemade, pola oficina de turismo do lago tamén se pasaron visitantes doutros puntos de España, concretamente 122, procedentes na súa maioría de Madrid e Cataluña e que, tras coñecer da existencia do lago mediante diferentes medios de comunicación, non quixeron deixar pasar a oportunidade de visitalo. No tocante á presenza estranxeira, neste mes de apertura, a oficina de turismo do lago tamén contou con sete visitantes estranxeiros vidos de Rusia, Gran Bretaña ou Francia e que se achegaron ata estas dependencias para obter información sobre o lago, o propio concello de As Pontes e diferentes municipios da comarca do Eume. E é que, tal e como apuntou Ana Pena, esta caseta turística tiña como fin non só orientar aos visitantes sobre As Pontes e a orixe do lago, senón tamén ofrecerlles información sobre a historia local, a hostalería e comercio da zona e ata das demáis actividades turísticas, culturais, deportivas e naturais coas que conta o municipio coma as roitas de sendeirismo da zona, o Museo Etnográfico de Monte Caxado, o casco histórico, a Casa do Mel ou a riqueza gastronómica local, mediante folletos, libros e ata mapas do municipio. Todo isto coa colaboura da axencia local Barbol Travel que aportou a unha técnica nesta materia e que se encargou de atender, nestes días aos turistas. No tocante ás características do visitante tipo, segundo Ana Pena, os turistas que se achegaron polo lago eran persoas maior de 50 anos e parellas de entre 30-40 anos con fillos que decidían facer parada en As Pontes como plan para pasar a tarde ou ben como descanso nun traxecto a outros concellos limítrofes. Asemade o tráfico de vehículos cara o lago foi do máis fluído neste mes de agosto e é que, tal e como engadía Ana Pena, malia que moitos non paraban na oficina para solventar as súas dúbidas, durante as fins de semana máis dun cento de vehículos se achegaban ata esta paraxe natural para desfrutar da súa maxestuosidade e beleza. Outras actividades Á marxe da actividade desta oficina turística, o lago de As Pontes tamén contou cun intenso movemento de visitantes neste mes de agosto debido a programas coma o Divírtete no Lago de As Pontes, con case 600 participantes durante as súas dúas semanas de duración; á festa de conmemoración do aniversario da praia, a proba de voley praia que se desputaba no lago a mediados de mes ou a outras citas coma a visita dos integrantes do Campionato Pantin Xtreme; todas ellas citas que, segundo a concelleira, axudaron a potenciar un espazo no que se seguirá a traballar como foco turístico e que abrirá novas alternativas económicas para o municipio pontés.

SABOREA AS PONTES REPARTIRÁ 500 EUROS EN CONSUMICIÓNS ENTRE OS VOTANTES QUE TOMEN PARTE NESTE QUINTO CERTAME GASTRONÓMICO PONTÉS

O Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), dependente da concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio xa está inmerso nos preparativos da quinta edición do certame de tapas Saborea As Pontes, unha cita gastronómica que, entre os días 12 e 20 de outubro, volverá converter a nosa vila e os locais de restauración ponteses en todo un referente a nivel comarcal da arte da cociña en pequenas doses. Así, onte a edil do ramo, Montserrat García, convocaba a un primeiro encontro informativo aos hostaleiros ponteses co fin de achegarlles as bases do que será este quinto concurso de tapas, chamamento ao que acudiron unha ducia de restauradores da localidade. Como novidade, este ano os premios para os clientes que se animen a votar e a cumplimentar correctamente o seu boleto con dez tapas participantes se traducirán en 10 vales de 50 euros cada un, a gastar nos establecementos participantes no concurso, sorteo que se realizará ante a secretaria do Concello o 22 de outubro. Asemade, ante as peticións dos hostaleiros tamén se decidía cambiar os horarios de servizo de tapas con respecto a anos anteriores, sendo nesta ocasión de 12.00 a14.00 horas e de 19.30 a 22.30 horas. A concelleira tamén daba conta da súa intención, este ano, de reeditar guías semellantes ao do certame de 2012, nas que se incluen a localización do establecemento e horario de apertura ademáis da descripción da tapa a concurso e que, este ano virá acompañada dunha fotografía da mesma. Con respecto ao desenvolvemento do concurso, éste non cambia en relación a outros anos xa que os establecementos participantes cobrarán un euro por tapa de concurso e poderán recibir o premio á tapa máis votada polo público ou ben á que conte cunha mellor presentación. De feito, este ano volverá a contarse cun xurado que outorgará este segundo premio e que estará composto por un representante da Asociación de Amas de Casa, do colectivo de viuvas María Magdalena, un representante da Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes e do colectivo gastronómico El Gurmet e, finalmente, un representante do Concello e que darán a coñecer o nome da súa tapa gañadora nunha entrega de premios que xa ten data: o 25 de outubro ás 19.00 horas, na Casa Dopeso. No tocante á participación, cada local deberá cubrir a pertinente inscrición que se atopa no rexistro xeral do concello e entregala xunto cunha fotografía do establecemento e da tapa en cuestión, e o abono dos 20 euros en concepto de participación que se deben entregar na asociación de empresarios en horario de 9.00 a13.00 horas, denantes do vindeiro 23 de setembro. Unha vez rematado o prazo de inscrición, convocarase aos participantes a un novo encontro xa para o 7 de outubro no que se lles fará entrega das furnas e papeletas de voto ademáis das guías explicativas do certame. Para este ano, dende a organización optaron por non preparar ningún tipo de acto de inauguración aínda que o que sí que se fará é unha entrevista promocional cos dous gañadores do certame do ano pasado e que foron os mesóns Ana e Martinez, ademáis das habituais campañas publicitarias en prensa, radio e televisión. Finalmente, todos os establecementos que desexen obter máis información sobre este certame poderán consultar as bases contactando co Instituto Pontés de Promoción Económica, no seu espazo www.ippec.es ou ben telefonando ao 981 45 31 16.

6/9/13

Máis de 250 veciñas de As Pontes participarán na Carreira da Muller.

As cifras de participación de veciñas de As Pontes na Carreira da Muller do vindeiro día 22 están a superarse a cada minuto que pasa e é que, polo momento, e a falla dunha semana para o peche de inscricións, 251 mulleres da nosa vila teñen confirmada a súa asistencia a esta cita solidario deportiva, que ten como obxectivo recadar fondos para a loita contra o cancro de mama. Deste xeito, As Pontes contará cunha importante representación nesta convocatoria que percorrerá dende as 10.00 horas as rúas da Coruña nun traxecto de cinco quilómetros e que, á marxe do seu compoñente deportivo, pretende ser un símbolo de solidariedade, colaboura e por suposto diversión. Ata o venres da vindeira semana, a Carreira da Muller da Coruña manterá o seu prazo de inscrición aberto, de ahí que, dende o Clube de Atletismo Olympo continúen a tramitar as inscricións daquelas veciñas que decidan sumarse a esta actividade. De feito, nestes días o clube Olympo estivo a organizar diferentes adestramentos para preparar esta cita e no que medio cento de mulleres están a participar cada luns, mércores e venres e precisamente, a vindeira semana, o mércores tamén terá lugar o segundo dos test adicados a comprobar os progresos destas corredoras afeccionadas. Novamente, deseñarase un percorrido de distancia e dificultade moi semellante ao do vindeiro día 22 e que servirá para testar a resistencia das corredoras. A proba será ás 21.00 horas e para participar na mesma é necesario estar diante do pavillón municipal minutos denantes das nove. Esta convocatoria estará aberta tanto a aquelas mulleres que adestren habitualmente co clube olympo coma para aquelas que están a facelo de xeito individual. Asemade, tamén se está xa a organizar o transporte para acudir á Carreira da Muller e do que se encargará gratuitamente o Concello de As Pontes que contratará autocares para tal fin. Así todas aquelas participantes xa inscritas deberán confirmar se usarán ou non este servizo, con tan só contactar coa organización da expedición pontesa, achegándose ata Opticalia Callao, mediante Twitter ou no espazo de Facebook do Clube Olympo.

A Concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio arrinca cos preparativos do V Certame de Tapas Saborea As Pontes

Os fogóns dos diferentes locais de restauración da nosa vila xa están de seguro máis que apunto para comezar a experimentar sabores e texturas co fin de dar con esa tapa que lles pode dar o beneplácito e respaldo dos veciños e veciñas de As Pontes e é que, en algo máis dun mes, arrincará a quinta edición do certame gastronómico Saborea As Pontes. A iniciativa, que volve estar organizada polo departamento de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio e o Instituto Pontés de Promoción Económica, desenvolverase entre os días 12 e 20 de outubro, unha semana na que os hostaleiros da nosa vila intentarán lograr o noso voto coas súas propostas culinarias máis novidosas e, por suposto, saborosas. Novamente, haberá premios para as tapas máis votadas e para os propios veciños que se animen a participar co seu voto neste concurso aínda que as bases do mesmo non se darán a coñecer ata a vindeira semana. De feito, para o luns, ás 20.30 horas, na aula polivalente da casa Dopeso, están convocados os hostaleiros ponteses co fin de presentar a edición número cinco deste certame gastronómico, as bases que o rexerán e tamén para comezar a recoller as primeiras inscricións dos participantes.

5/9/13

As Pontes súmase á Rede de Entidades Locais en Contra da Violencia de Xénero ideada pola Fegamp e Xunta de Galicia

O Concello de As Pontes ven de sumarse ao protocolo de colaboración para establecer unha rede de entidades locais en contra da violencia de xénero ideada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). A rede, que leva activa dende setembro do pasado ano, conta con 134 concellos galegos, entre eles o de As Pontes, e pretende ser un instrumento para acadar o rexeitamento social e institucional da violencia machista sensibilizando á poboación para que se implique dun xeito real e efectivo na loita contra esta lacra social. Outro dos fins deste sistema é o uso das ferramentas e recursos dos que dispón cada administración dun xeito máis efectivo, fin ao que se suma o fomento de modelos alternativos de convicencia baseados no respeto e na igualdade e o desenvolvemento de accións de sensibilización e prevención, información, formación e a asistencia ás vítimas desta problemática. E é que ademáis de prestar atención a persoas afectadas por esta situación, esta rede pretende atallar calquer tipo de violencia de xénero mediante a prevención ou detección precoz de casos de violencia machista, a través da mobilización e implicación de toda a sociedade fronte ao maltrato e xeneralizando a tolerancia cero contra os agresores. Todo isto mediante o desenvolvemento de diferentes accións que a Secretaría Xeral da Igualdade ofrece ás entidades adheridas e que van dende un espazo virtual de intercambio de información, experiencias e boas prácticas entre todas as entidades que integran a rede ata actividades culturais e formativas para vítimas e que se darán a coñecer neste último cuadrimestre do ano. Finalmente, outra das vantaxes deste convenio, será o poder contar cunha maior puntuación á hora de acceder ás subvencións para programas de entidades locais promovida pola Xunta de Galicia e que, neste exercizo, está dotado con tres millóns de euros.

Servizos Sociais concederá axudas a 129 familias pontesas para o curso escolar 2013-2014

• O executivo local destinou 20.000 euros a estas axudas o que supuxo un incremento de case o 70% con respecto á partida económica de 2012 As Pontes, 05 de Setembro de 2013.- 129 familias pontesas beneficiaranse este curso das axudas á escolarización ofertadas dende o executivo local, mediante o departamento de Servizos Sociais. Así o concello repartirá xa nestes días 18.400 euros dos 20.000 destinados a esta partida e que servirán para facer máis levadeiro o inicio do curso escolar. De feito, segundo informaron dende a concellería que dirixe José Alén, nos vindeiros días xa se comunicará por carta aos beneficiarios esta concesión, que deberán achegarse ata as oficinas de Servizos Sociais, na Casa Dopeso, para recoller o seu vale de compra e que poderán canxear nas diferentes librarías pontesas ata o 15 de setembro, vales que oscilan entre os 80 e os 150 euros, segundo o curso do alumno solicitante e que servirán para a adquisición de libros ou material escolar para os cursos de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato ou Ciclos Formativos. No tocante á cifra de concesións, das 163 solicitudes presentadas foron aceptadas un total de 129, o 80% , quedando excluídas aquelas que sobrepasaban os niveis de renda máxima permitidos para optar a estes fondos ou as que non incluían toda a documentación necesaria. Nembargantes, o vindeiro luns abrirase un segundo prazo para optar a estas axudas, prazo dirixido a alumnado de Bacharelato ou novos empadronamentos no municipio. Está previsto que se destinen a esta segunda quenda de axudas os 1.600 euros restantes da partida asignada a este fin. Así, ata o 13 de setembro, todas aquelas familias con estudantes que comecen Bacharelato ou aqueles alumnos que non residían en As Pontes denantes do primeiro prazo de solicitude terán a oportunidade de facer a solicitude precisa para beneficiarse das mesmas, aínda que, polo momento, segundo os datos feitos públicos dende o departamento que dirixe José Alén, xa se superaron as cifras de beneficiarios do pasado ano - 99 familias en 2012 - nun 30%, a falla desta segunda convocatoria. Os requisitos para optar a estas axudas serán os mesmos que os anunciados o pasado mes de xuño sendo necesario cubrir unha solicitude no departamento de Servizos Sociais ou no Rexistro Xeral do Concello e que deberá incluír o certificado de estar matriculado nun centro sostido con fondos públicos e un xustificante dos ingresos da familia que non poderá exceder os 380 euros mensuais de renda per cápita. Esta documentación deberá ser entregada como prazo máximo ata o vindeiro día 13 aínda que para solventar calquer tipo de dúbida é posible achegarse polas dependencias da concellería de Servizos Sociais. Mediante este paquete de axudas, o executivo local volve apoiar á veciñanza nunha etapa económica complicada para as familias e cun importante incremento de fondos. De feito, con respecto ao 2012, o executivo local aumentaba nun 66% os fondos destinados a estas axudas pasando dos 12.000 aos 20.000 euros e ampliando, deste xeito, a cifra de familias beneficiadas das 99 do pasado exercizo ás 129 beneficiadas a día de hoxe e ás que se sumarán aquelas que tramiten a súa solicitude nestes días.

2/9/13

O Concello de As Pontes destina 25.000 euros á construcción dun parque de monopatíns

• O executivo local atenderá así á demanda realizada por un nutrido grupo de practicantes das modalidades de skate, BMX e patíns en liña As Pontes, 02 de Setembro de 2013.- O Concello de As Pontes, en Xunta de Goberno, ven de aprobar o expedente de contratación, mediante negociado sen publicidade, dun parque para monopatíns que será instalado na praza da Lembranza, ubicada no barrio da Casilla, a carón do lago de As Pontes. Este parque contará cun orzamento inicial de 25.776 euros e contará con elementos adaptados para a práctica de skate, BMX e patíns en liña, módulos que se poderán desmontar e montar novamente no caso de que sexa necesario. Deste xeito, o executivo local busca dar resposta a unha vella demanda da mocidade pontesa que verá así cumpridas as súas necesidades de contar cunhas instalacións axeitadas para a práctica deste deporte. No tocante ao proxecto, éste contará con diferentes módulos que se deseñaron seguindo as indicacións e asesoramento dun grupo de practicantes deste deporte, residentes en As Pontes, e que tiñan que trasladarse a outros concellos coma Narón para practicar esta modalidade deportiva. A construcción deste novo espazo deportivo, que complementa a importante oferta de instalacións deportivas coas que conta o municipio, porase en marcha unha vez se adxudique o proxecto.

1/9/13

A Casa do Mel de Goente celebra os seus dez anos de vida cunha multitudinaria Festa Abelleira

As celebracións incluíron charlas, degustacións de produtos apícolas e ata a inaguración destas remodeladas instalacións que respaldou o Concello de As Pontes As Pontes, 01 de Setembro de 2013.- A Casa do Mel de Goente celebrou onte os seus primeiros dez anos de vida e fíxoo coa primeira edición da Festa Abelleira, organizada polo colectivo Agaeume co respaldo do Concello de As Pontes; unha cita na que se deron cita multitude de veciños, socios e representantes da política local e do tecido asociativo pontés que acudiron, hoxe, a Goente para participar das diferentes actividades ideadas pola organización para celebrar tan importante data. Pouco queda xa da antiga Casa do Médico de Goente e que, unha década despois, é todo un exemplo de esforzo por lograr a potenciación dun sector primario como é a apicultura e tamén de traballo divulgativo, incluso cos máis novos, aos que mediante actividades do máis diversas se busca achegar o que é o mundo das abellas. O que arrincaba hai unha década coma un colectivo de medio cento de socios agora xa pode fachendear de contar con 120 apicultores procedentes de As Pontes, Lugo, Xermade, Ferrol, Monfero ou Ortigueira e que contarán, tal e como anunciaba a pasada semana o alcalde Valentín González Formoso, cun rexistro sanitario propio e unha marca lexítima como é a de Mel de Goente, baixo a que se comercializarán os seus produtos. Precisamente, o primeiro edil non se podía perder este aniversario e acudía na compaña dos concelleiros de Medio Rural, Turismo, Seguridade, Xestión Orzamentaria, Servizos Sociais e Xuventude a esta festa na que tamén, tras varios meses de obras, se daba a coñecer o novo aspecto destas instalacións. Unha nova faciana que contou co respaldo económico do Concello de As Pontes e que deu lugar a que a Casa do Mel dispoña dun novo salón de actos máis espacioso, salas de extracción e envasado, unha entrada lateral e novo mobiliario tanto para a tenda apícola coma para o salón de actos. E é que foi González Formoso o encargado de inagurar esta remodelada Casa do Mel na compaña tamén do ex alcalde Victor Guerreiro, xa que foi o goberno que dirixía o ex rexedor nacionalista o primeiro en apostar por este proxecto ao que agora se lle está a dar continuidade dende o goberno actual con inversións que redundan non só na mellora destas dependencias, senón tamén na súa labor en prol do desenvolvemento das zonas do rural e da divulgación entre os máis novos da importancia deste sector. No seu discurso, Gonzalez Formoso quixo agradecer a colaboura e entrega de todos aqueles que respaldaron a posta en marcha da Casa do Mel, dende o seu presidente Manuel Ferreira, ata colectivos coma Euroeume ou exgobernos coma o que encabezou no seu día Víctor Guerreiro. Pola súa banda, Manuel Ferreira aproveitaba esta cita para anunciar a súa continuidade á fronte destas instalacións durante dous anos máis, tralas peticións dos seus asociados, e agradeceu o importante respaldo da administración local, de asociacións coma Euroeume e daqueles que, xunto a el, anos atrás deron vida a este proxecto aos que tamén se rendía hoxe homenaxe cunha entrega de placas. Asemade, esta primeira Festa Abelleira tamén contou con outro tipo de actividades do máis entretidas coma unha mostra de cestos de papel e bimbios realizada por membros da asociación veciñal Adiante de Igrexafeita e diferentes charlas adicadas ao mundo da apicultura. Así a xornada abríase coa intervención da bióloga Eva María Pico que abordou a importacia da abella na polinización e que veu seguida da intervención do técnico Raúl Lobeiras, que disertou sobre a prevención de riscos na apicultura. Tras dun saboroso descanso que se endulzou con requeixo e mel de Goente tocaba asistir á presentación de diferentes libros sobre a abella e do novo número da revista da Asociación Galega de Apicultura para dar paso á charla sobre os dez anos de actividades da Casa do Mel de Goente que impartiu, como non podía ser doutro xeito, Manuel Ferreira. Non faltaron as visitas ás novas instalacións da Casa do Mel e tamén ao seu museo no que foi posible desfrutar de figuras e candeas de cera realizadas artesanalmente, dunha colmea real, dos pirogravados da artista Lourdes Acera ou das das imaxes que ilustran estes dez anos de vida. Como fin de festa tocaba desfrutar dun saboroso xantar popular e no que se anotaron preto de 70 persoas que compartiron e celebraron, tal e como se merece, estes grandiosos dez anos do fomento da apicultura en As Pontes e na súa comarca.