26/7/13

As Pontes rende homenaxe aos falecidos en Santiago cun minuto de silenzo

As Pontes rendía este mediodía cinco minutos de silencio en recordo das víctimas do tráxico accidente de tren rexistrado en Santiago de Compostela que custou a vida a 80 persoas. Cunha concentración silenciosa diante da Casa Consistorial, a corporación municipal encabezada polo alcalde, e coa presenza das outras tres forzas con representación municipal, arroupados por case 200 persoas, mantívose un emotivo silencio de cinco minutos dende as doce en punto que só foi interrompido polos aplausos ó remate do acto. Daquela, o alcalde aproveitaba para agradecer diante das nosas cámaras, o apoio do pobo pontés, e a comprensión que amosou coa suspensión dos eventos festivos na Fraga. Esta mostra de condolencia en sinal de homenaxe ás víctimas e de apoio ós familiares e achegados, tivo tamén o senso de agradecemento a todos os que traballaron arreo para minimizar na medida posible a traxedia, e plasmar o desexo do noso pobo por unha pronta recuperación dos feridos.

FOLK ELECTRÓNICO E PUNK E RITMOS TRADICIONAIS PROTAGONIZAN O FESTIVAL FOLK DA FRAGA

A noite do 24 de xullo arrincaba como era de agardar, con centos de romeiros de cea nas súas respectivas cabanas e con moitas ganas de desfrutar dunha longa noite de festa na fraga de Dona Rita. Por suposto a música ía ser a gran estrela da noite co xa máis que popular Festival folk e que, para este 2013, tiña catro nomes integramente galegos.Coa caída da noite, a formación Guezos daba conta dos primeiros compases da súa actuación. Con non moito público pero iso sí con moitas ganas de romper o xeo e animar a Fraga, o grupo pop folk ourensán daba conta dun repertorio no que mesturou os temas do seu último traballo discográfico, O Histérico Latexo, con pezas compostas ao longo dos seus 14 anos de vida. De feito, as súas composicións con tintes de denuncia social foron o piar básico da súa actuación onde coa voz de Anxo e o acompañamento musical de Adríán, David, Roberto, Fran, Xabier e Nes se puxo ritmo á noite con pezas adicadas ao conflicto no Sáhara ou ás diferentes situacións de inxustiza social que se están a vivir día a día. Como segunda actuación da noite, tocaba escoitar a unha das grandes voces da música galega: Mercedes Peón, que presentaba en As Pontes a súa nova imaxe musical, cun directo no que os sons de instrumentos tan tradicionais coma a gaita ou as ferreñas das pandeiretas se mesturaba cos sons electrónicos. As pezas incluídas na súa publicación Sós, na que a música electrónica comparte protagonismo cos sons máis típicos de Galicia foron as que se encargaron de encher de ritmo a noite pontesa pero iso sí tamén con gran compoñente de denuncia social, xa que non faltaron referenzas ao feminismo, á situación das minorías ou á desigualdade social. E tralo folclorismo electrónico de Mercedes Peón tocaba regresar a xa sons máis habituais coma os de Quempallou, que traía ata as Pontes Vellas Novas, a cuarta publicación da banda que lideran as voces de Eski e Guillerme e que deron conta dun repertorio no que houbo xotas, foliadas e ata rumbas, con pezas coma Na Habana, Dame Lume Clara, Arrolo da Estre ou o Trestevallo de Murias.A retranca e humor das súas letras foron o eixo central dunha actuación que logrou un gran respaldo e moitos aplausos do público pontés. E como fin de festa tocaba pasar da música tradicional ao resultado de combinar as guitarras punks máis duras coas gaitas, da man dos coruñeses Bastards on Parade que, dende 2007, levan a súa particular visión de unir as súas raíces celtas co punk rock. Tamén este estilo tan curioso aterraba na Fraga para pechar con moito ritmo este Festival Folk 2013, e semella que a experiencia gustou aos presentes que bailaron ao son de Shallow Waters, unha moi particular muiñeira de Pastoriza e de temas en inglés coma Time to go out ou Old man´s booze. E cos mellores punteos de guitarra de toda a provincia remataba este festival que, malia estar moi marcado polo que estivo a acontecer en santiago de Compostela nas últimas horas lograba o seu obxectivo: o desfrute dos romeiros que viviron o 24 de xullo entre os aloumiños e sons da fraga de Dona Rita.

25/7/13

Concentración solidaria

O Concello de As Pontes convoca á veciñanza a unha concentración silenciosa, para mañá, venres 26 ás 12 do mediodía diante da Casa Consistorial. Con esta concentración amosaranse as condolencias cos afectados e afectadas pola traxedia ferroviaria acontecida en Santiago. Unha mostra de solidariedade popular na que se anima a participar a todo o pobo.

O concello de as pontes suspende en sinal de respeto os actos festivos programados para o 25 de xullo.

O Concello de As Pontes e a comisión de festas decidiu aprazar os concertos que ían ter lugar hoxe na fraga en sinal de res peto polos falecidos no accidente de tren acontecido onte en Santiago. polo momento, non hai unha nova data para a celebración de estes concertos.

24/7/13

A ROMARÍA DA FRAGA ARRINCA ESTA NOITE CUNHA NOVA EDICIÓN DO FESTIVAL FOLK

Conta atrás para vivir a que será a 109 edición da mítica Festa da Fraga, unha cita marcada non só en vermello por ser o patrón de Galicia senón tamén, de xeito aínda máis especial se cabe para ponteses e pontesas que, cada 25 de xullo, queren desfrutar da derradeira xornada das festas patronais da súa vila. E é que co mítico escenario da fraga de Dona Rita, coas augas do Eume a piques de ser invadidas por centos de romeiros e coa sensación no ambiente de que é día de festa, xentes non só do municipio senón tamén doutros concellos e ata doutras comunidades se dan cita nesta celebración declarada de interese turístico. Dende hai uns días, o barrio da Fraga xa está a ser testemuño dos traballos dos diferentes grupos de amigos e familias que están a levantar cadansúa cabana para, esta mesma noite, dar inicio a uns festexos que poucos se queren perder e que, ano tras ano, converten a As Pontes na capital galega da festa do 25 de xullo, unha festa que xa arrincará esta noite co tradicional festival folk e que, este ano, incluirá a visita dos ourensáns Guezos, da gran Mercedes Peón, do grupo Quempallou e da formación folk - punk Bastards On Parade. Case 200 números se repartiron xa da man da Policía Local para as diferentes cabanas que poboarán a fraga durante as vindeiras horas e nas que mañá se vivirá a xornada máis especial do ano cun programa no que haberá sobre todo música. Nembargantes, o 25 de xullo dará comezo da man dunha misa en honra a Santiago Apostol, ás 13.00 horas na Capela do Carme para continuar, xa na Fraga, coa tradicional sesión vermú, programada para as 13.30 horas e que contará, por segundo ano consecutivo, coa actuación da orquestra Cinema. Tralo xantar nas diferentes cabanas e o tradicional paso polas augas do Eume para atallar as calores do verán tocará botar uns bailes coa Charanga os Ponteses e co grupo de percusión Combe Capelle que virán dende Valencia para compartir esta mítica festa cos ponteses e pontesas. Xa ás 20.30 horas dará comezo o concerto da mítica banda Los Suaves que aproveitarán a súa visita a As Pontes para grabar o seu novo disco en directo e como fin de festa unha nova verbena a cargo da formación Cinema e que pechará uns novos festexos patronais.

40 veciños da vila francesa de Lesneven participan nun novo intercambio con As Pontes

• O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, presidía hoxe a tradicional recepción oficial a esta expedición que estará en As Pontes ata o martes da vindeira semana As Pontes, 24 de Xullo de 2013.- Onte chegaba a As Pontes unha nova delegación de Lesneven , vila bretoa coa que se manteñen os intercambios an uais dende que se establecera a irmandade hai xa máis de dúas décadas. Son case 40 os participantes neste novo intercambio con idades ben diferentes e que pasarán unha semana en As Pontes. Hoxe o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, xunto cos concelleiros de Cultura, Sara Ramos; Servizos Sociais, José Alén e Turismo, Ana Pena, eran os encargados de presidir a tradicional recepción municipal a estes visitantes. Con eles os presidentes das irmandades pontesa e bretona, Antón Ferreiro e Claude Le Menn, ademáis das familias que, durante estes días, acollerán aos visitantes galos. Na súa intervención, González Formoso non só daba a benvida a estes xa amigos e familiares vidos dende a Bretaña francesa, senón que tamén os animaba a desfrutar das xornadas de festa que aínda quedan por diante en As Pontes. Asemade, e ante o anuncio realizado por Ferreiro e Le Menn de abandoar a presidencia de ámbalas dúas irmandades cando se alcancen os seus 25 primeiros anos de vida, González Formoso daba conta do apoio tanto da súa corporación coma dos gobernos vindeiros aos que ocupen nun futuro a presidencia desta Irmandade As Pontes – Lesneven. E é que o primeiro edil definía xa esta relación coma a dunha auténtica familia e da que o mesmo González Formoso desfrutaba o pasado ano, na súa visita á Lesneven. Pola súa parte, Claude Le Menn daba conta da súa gratitude co pobo de As Pontes, personificando no primeiro edil e calificando aos veciños e veciñas de As Pontes coma a súa propia famlia. De feito, Le Menn apuntaba o sentirse moi orgulloso de vivir a transformación do que fóra a mina de lignito no lago que é actualmente. Co tradicional intercambio de agasallos remataba esta recepción oficial pero non así a axenda apretada que terán os veciños de Lesneven durante estes días xa que está previsto que participen mañá na Romaría da Fraga ao que se sumarán visitas a Valdeorras, O Bierzo, e As Mariñas, xunto con actividades organizadas polo propio comité como encontros deportivos o gastronómicos. Non podía faltar a tarde no lago, para o que escolleron a data do venres, logo de visitaren o Museo Etnográfico de Monte Caxado. O martes será a despedida oficial para partiren a primeira hora da mañá do mércores 31 e comezar a preparar a recepción do verán que ven en que tocará ir a Lesneven.

23/7/13

Os programas infantís Mundoxogo e Parque@ctivo despídense das Festas do Carme

Mundoxogo e Parque@ctivo garantiron a diversión dos pequenos e pequenas durante os días de festa. Xuventude e Cultura aunaron esforzos para, neste espazo de entretemento, convertir ao público infantil en protagonista das Festas do Carme e A Fraga. O sábado á tarde viña ata As Pontes o grupo Palitroke, a presentar a súa montaxe musical infantil, con música de hoxe e de sempre, o bruxiño de gurugú, a canción dos esqueletes, a formiguiña, ou o conto dos tres porquiños. Un concerto no que se buscou e se conseguiu a participación e colaboración dos nenos interactuando con eles mediante xogos musicais que lles espertaron o interese melódico e rítmico, facéndoos partícipes e protagonistas indispensables do espectáculo. Ao día seguinte foi o turno para a compañía de teatro Trompicallo que presentou a obra Jiñol, unha montaxe na que se dan cita as máis absurdas situacións, logo de que no teatrillo aparecese un cocodrilo. Jiñol, protagonista da historia constrúe coa última tecnoloxía punta os máis diversos artiluxios para dar caza ao cocodrilo. E como broche de ouro ás actividades infantís, onte á tarde celebrouse unha festa na que non faltaron os inchables, para todas as idades, instalados nos xardíns do Campo da Feira e atendidos polos monitores de Galiocio. Actividades que se pecharon coa clásica festa da escuma.

París de Noia, Olympus e Sintonía de Vigo lideraron as noites de verbena en As Pontes

Se houbo unha gran protagonista destes días, á marxe das citas relixiosas, esa foi a música e é que poucos foron os recunchos da nosa vila polos que non soaron as gaitas, a música máis dura ou os sons máis populares destas datas do verán. Pasarrúas, concertos de rock ou música popular galega, ritmos vidos do outro lado do Atlántico pero sobre todo os sons tradicionais das verbenas foron o eixo central da programación deseñada pola Comisión de Festas 2013 para que todos os ponteses e pontesas desfrutasemos destes días de diversión e ocio. E é que, dende o venres e ata onte a noite, na nosa vila, se deron cita varias das mellores orquestras do panorama galego actual e cunha combinación explosiva de espectáculo visual e sobre todo auditivo. Voces coma as de Lucía Durán, Arturo Sabugueiro, Christian Meia, José Antonio Blas, Mar Robaina ou Peke Moreira pasaron pola praza da Capela do Carme da man de formacións coma a Sintonía de Vigo, Filadelfia, Charleston Big Band ou París de Noia. Os encargados de abrir o programa de verbenas foron a gran Sintonía de Vigo que, dende mediados do século pasado, amenizan as festas máis populares de Galicia con Arturo Sabugueiro coma referenza e a gran Lucía Durán. Un repertorio integrado por merengues, pasodobles e moitas rancheiras do máis coñecidas fixeron a delicia daqueles e daquelas que se decidiron a participar nesta primeira verbena. A mítica formación pontevedresa compartía noite coa Costa Oeste que ofrecía un repertorio do máis variopinto que arrincaba co Aquí estoy yo de Luis Fonsi e que se mesturou con sambas, pasodobles coma o Doce Cascabeles de Joselito, temas de Marc Anthony e ata a recente gañadora de eurovisión Only Teardrops. Todo isto nas voces de Sonia, Marta, Juan Carlos e Javier. E para o sábado repetíase o gran cartel de actuacións que ateigaba de veciños e veciñas de todas as idades a Praza da Capela do Carme cun show que arrincaba coa orquestra Filadelfia, que repetía estadía en As Pontes tras amenizar hai algo máis dun mes a primeira festa do lago. Novamente, coas voces de María e Sanela xunto con Elier a praza do Carme enchíase de temas do verán de Olga Tañón e pezas xa máis clásicas coma os merengues de Juan Luis Guerra. Pero se algo caracterizou a noite do sábado foron os ritmos caribeños do Combo Dominicano que, dende a súa formación nos anos 90 en plenas Illas Canarias, percorren toda a península coas súas rumbas, bachatas e salsas. As Pontes non foi unha excepción e o sábado traían o auténtico son do Caribe a terras pontesas. Xa o domingo á noite aterraba na Praza do Carme a París de Noia, unha formación necesaria en calquera festa patronal que se precie polo seu espectáculo, variedade musical e sobre todo pola alegría e diversión que encabeza o seu eterno vogalista: José Antonio Blas. Con él, Gema, Fátima, Cristian ou Sergio e un repertorio no que non faltaron temas coma Te pintaron pajaritos, angelito sin alas ou éxitos internacionais coma Don´t you worry child ou o This is love de Will I.AM e ata cancións de Beyoncé, Marc Anthony ou Michel Teló. E ao seu carón outra formación máis clásica coma a Gran Parada que presentou en As Pontes o seu espectáculo deste verán coas voces de Lourdes, Mónica, Pedro e Edgar e nas que as coplas máis bailables para uns se mesturaban con baladas como Tengo ganas de ti . Éxitosa verbena o domingo e tamén o luns porque o cartel así o merecía e é que por un lado, na praza do Carme tiñamos á gran Olympus e ao seu carón á Charleston Big Band. Os primeiros trouxeron ata a nosa vila o seu novo espectáculo: Burlesque, ambientado no mundo do Cabaret e coas tradicionais performances típicas de Dani e Peke, e as espléndidas voces de Mar e Mayte. Amenizando esta última noite de festa, chegaban tamén os integrantes da Charleston Big Band, unha formación que tamén se está a converter nunha habitual das nosas noites de verán, con David, Rita, Ruth ou Fran interpretando non só as pezas que máis coñecidas son do seu repertorio coma o Adios Ríos Adiós Fontes, de Rosalía de Castro, senón tamén outro tipo de temas de sempre como Yo no te pido la luna, Colegiala ou ata Carusso Pero á marxe de botar uns bailes coa chegada da noite, tamén nestes días tivemos a oportunidade de desfrutar da boa música ao mediodía, coas dúas sesións vermú que para este 2013 decidía poñer en marcha a comisión de festas e, por riba, con marca pontesa. E é que o Dúo Suso e mailo Dúo Aplauso se encargaron de encher de música os mediodías do domingo e mailo luns, diante da casa consistorial, ata onde moitos tamén se achegaron para botar uns pasodobres, algunha que outra cumbia por suposto os tan agradecidos merengues. Agora toca descansar un par de días para repoñer forzas e volver, xa o xoves, a seguir bailando pero, desta vez coa fraga de Dona Rita como escenario.

A XXIII edición do Festival Folclórico Internacional reúne en As Pontes a grupos tradicionais galegos, ucraínos, belgas e xeorxianos

Bailaríns e músicos chegados dende Bélxica, Xeorxia e Ucrania amosaron onte nas Pontes a riqueza cultural e artística dos seus países de orixe, o seu folclore, nunha nova edición do Festival Internacional de Folclore que reuniu a centos de veciños no Pavillón Polideportivo Municipal. Foi a Banda de Gaitas da Escola Municipal de Música Tradicional a encargada de abrir a XXIII edición deste Festival, baixo a dirección de Román Romero. Tomaban o relevo os compoñentes da Asociación Semillas del Arte, chegados dende a localidade toledana de Puebla de Montalbán. Na noite de onte interpretaron unha estampa campesiña, baseada no proceso de recolección da oliva; Seguidillas del Melocotón e remataron con Aires de Festa que fai referencia aos encerros de vaquillas. Semillas del Arte fundada en 1971 completa o seu repertorio con danzas de rolda, de faladorio e relixiosas. Dende a cidade belga de Hasselt chegaba un conxunto folclórico fundado en 1976, cun programa de danza tradicional do folclore flamengo, con música en directo tocada con insturmentos flamengos tradicionais como garfaos, cestos e palafitas. Interpretaron ata catro danzas, dúas relacionadas con oficionais tradicionais, a danza das leiteiras, e a das lavandeiras; e as outras dúas a cargo da sección masculina empregando unicamente como elementos acompañantes unhas vasoiras, e uns zancos. No escenario ideado no Pavillón Municipal de Deportes actuou tamén o grupo Tsiskari da República de Xeorgia, unha formación con 25 anos de experiencia especializada na danza e as cancións populares do seu país, e no que chaman especialmente a atención os seus bailes para os que se precisa dun alto rendemento físico. Os veciños ponteses tamén gozaron co grupo Podillya de Ucrania, veterana formación con 38 anos de experiencia en danza. Cantos, bailes e uns espectaculares traxes e elementos da cultura ucraína luciron nun espectáculo no que se representaron danzas folclóricas e composicións coreográficas de divesas rexións de Ucrania. E para pechar o Festival, xunto coa representación internacional, no Pavillón Municipal actuou tamén o grupo de danza tradicioal Alxibeira, dependente do Padroado de cultura de Narón, unha formación creada en 1986 e integrada por exalumnos das escolas de baile tradicional do Padroado naronés e de distintos entes do municipio. Remataba así unha cita convertida en todo un clásico dentrro da programación das Festas do Carme e A Fraga, unha nova edición do Festival Internacional de Folclore no que máis de 50 países amosaron ao longo dos últimos 20 anos a súa tradición folcórica.

22/7/13

A música pop, sons tradicionais e ritmos metaleiros tamén estiveron presentes nas Festas do Carme 2013

Á marxe das populares verbenas que ateigaron a Praza do Carme e que ninguén se quixo perder tamén tivemos música noutros puntos do casco urbano, música de diferentes estilos e que contribuiu a que, os aires de festa chegasen a todas e cada unha das rúas do centro do pobo. Así, xa o venres podiamos desfrutar das rancheiras máis coñecidas no propio pregón coas voces da asociación Los Colores de México que non deixaron atrás pezas de sobra coñecidas do seu folclore coma El Rey, Llorar llorar ou Tu retratito lo traigo en mi cartera,unha colección de temas que ata algún e algunha se animou a tararear. Non podían faltar tampouco os tradicionais pasarrúas dos nosos grupos máis coñecidos, de feito Os Feroces da Galgueira amenizaban a mañá do sábado a lombo dun tractor namentras que Canavella e Alfaia, xa máis tradicionais, sacaban o mellor das súas pandeiretas, tamborís e gaitas pero a pé. E o domingo outro tanto do mesmo pero nesta ocasión cos Ponteses. xa o luns o turno era para os Trevillas que, novamente, amenizaban coas súas pezas a mañá. Asemade, a avenida da Coruña tamén se converteu en escenario para outras dúas actuacións durante estas festas. De feito, o venres e mailo domingo tivemos dous concertos que aitegaron de público, ben diferente, esta rúa. Así o grupo vilagarciano The Cornelious era o encargado, este ano, de poñer o punto rock indi a estas festas patronais. Foi da man do seu último traballo discográfico Walking in circles que o grupo que lidera David Chiquillo presentaba mesturado tamén con temas do seu Greatest Hits e 1960. Moitos e moitas foron os que desfrutaron das guitarras de Toni e Antonio, o baixo de Andoni, a batería de Alberto ou dos teclados de Jose con diferentes temas que lembra a grupos internacionais coma Oasis ou Jamiroquai, referenzas do britpop, que tamén se ven reflectidas en pezas coma Shine, On my own ou Never Surrender que se puideron escoitar o venres na avenida da Coruña. E o domingo, tamén neste mesmo emprazamento, tocaba dar unha volta musical de 180 graos xa que do britpop pasamos á música tradicional galega e dun grupo de Vilagarcía a unha formación de Pontedeume. Neste caso, era o turno deFaltriqueira. Pezas de fuxan os ventos, Víctor Jara ou Andrés Dobarro soaron totalmente diferentes nas voces de Ana, Carolina e María que, unha vez máis, daban conta da beleza da mestura de pezas do noso patrimonio musical con novos sons, instrumentos e ritmos, dando lugar a unha reinvención da música galega. Pero esta fin de semana tamén tivemos metal, heavy, rock e punk e co campo de rugby monte medulio como escenario. Ata alí se desprazaba a terceira edición do Kontrashte Fest, organizada polo colectivo xuvenil que tamén leva este nome e que, coa colaboura do departamento de xuventude, volvía organizar unha xuntanza alternativa e cun gran éxito de participación . De feito, o cartel pagaba a pena e xa dende ben cedo moitos xiareiros deste estilo de música se animaron a acampar na Canle IV e a comezar a desfrutar das múltiples actividades da xornada. Xa á noite arrincaba o máis agardado, o Kontrashte Fest coas actuacións de Metal Sodom, Agression, Soldier, Wisdom e Kill Miss & The road crew E con esta particular mestura de música tradicional, pop, fusión galega e punk do máis metaleiro pechábanse estes catro días de festa na que houbo ritmos para todos e para todo tipo de gustos.

A Banda de As Pontes súmase aos Festexos do Carme con múltiples actuacións e unha nova edición do seu Certame de Bandas

Un ano máis, a banda cultural e recreativa de As Pontes volvía tamén sumarse a estas festas e facíao da man de diversos concertos e actuacións nos Xardíns do Campo da Feira, polas rúas do municipio e por suposto no seu tradicional certame de bandas. Así xa o sábado e mailo luns os músicos que dirixe o mestre José Lodeiro Gesto se desprazaban, instrumentos en man, ata os xardíns municipais nos que ofrecían algunhas das pezas que integran o seu repertorio ante a atenta mirada dun numeroso público que se animou a desfrutar, grazas ao bo tempo, desta marabillosa interpretación musical. Xa o domingo era o momento do seu gran día coa XVIII edición do Certame de Bandas de música e que non podía arrincar de mellor maneira, cun pasarrúas das diferentes agrupacións participantes e que partía da rúa do concello baixo a atenta mirada do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, o presidente da Asociación de Amigos da Música, Jaime Vilaboy, e primeira tenente de alcalde, Montserrat García. Dalí ao auditorio municipal Alovi onde daba comezo un festival que inauguraba a Banda Ateneo Musical de Negreira con Raúl Martín á batuta e con pezas de Jacob de Haan coma o Ross Roy ou Oregón e algunha composición xa máis tradicional como é o caso da Muiñeira dos Pendellos de Lois Diéguez. O seu relevo foi para a Banda de Música de Vilalba que con algo máis dun cuarto século de historia daba conta, sobre as táboas do alovi, da súa gran calidade interpretativa baixo a dirección de César Concheiro. Virginia, Paso al Rumbo ou a Garota de Ipanema de Jobim foron os temas que encheron de ritmo o Alovi. Como non podía ser doutro xeito, os anfitrións eran os encargados de pechar a rolda de interpretacións. José Lodeiro Gesto, batuta en man, volvía facerse cargo da formación pontesa en temas coma Foxfire, Troulada ou Mont Serrat. Como ven sendo habitual, o acto pechouse coa entrega dun agasallo ás bandas participantes por parte das autoridades aínda que tamén se vivía, no transcurso deste concerto, un momento do máis emotivo, xa que, ao igual que acontecía coa Mostra Coral o colectivo musical pontés quixo render homenaxe á figura de Rodrigo López, un dos responsables do importante tecido musical pontés e que falecía hai unhas semanas. Unha homenaxe coa que todos os ponteses e pontesas quixeron despedir a un dos pais da música pontesa e que non podía ser doutro xeito, máis que con música e cun forte aplauso.

As Pontes volve honrar á Virxe do Carme con dúas multitudinarias procesións

As procesións do Carme volveron saír con toda a solemnidade, e fervorosidade que sempre as acompañan. O sábado á noite e o domingo á mañá, a imaxe da nosa patroa volveu pasear polas principais rúas do casco urbano ante os milleiros de ollos que a contemplaban. Pero os actos deste 2.013 marcan un antes e un despois nas tradicións das procesións do Carme, por unha serie de cambios xa introducidos neste ano. Así, coma sempre abría o desfile a Cruz Procesional e trras dela a imaxe de María Magdalena, na que apreciamos a primeira das transformacións. Unha vestimenta, totalmente distinta, á de procesións pasadas, cun traxe máis sinxelo, máis humilde, máis propio dunha Santa. Aos poucos metros os integrantes da Banda da Escola Municipal de Música Tradicional das Pontes, que dirixe Román Romero e aos que lle seguía por vez primiera a imaxe do neno Xesús do Carmelo, atavaiado para esta ocasión co vestido carmelita, a segunda das novidades que introducía o equipo pastoral de Santa María das Pontes. O estandarte da Virxe do Carme, flanqueado por dúas das camareiras que diariamente atenden á patroa xunto co seu mordomo, o sacerdote Manolo Ares, e xa, por fin, a tan agardada imaxe da Virxe do Carme. A patroa volvía lucir en todo o seu esplendor o seu traxe e mailo manto de festa que estreou hai perto dunha década, acompañado desta vez, outra novidade máis, dunha mantilla nova, de encaixe de Chantilly traída especialmente dende Barcelona e obsequio dun devoto. Tras desta imaxe o equipo pastoral de Santa María das Pontes ao completo, José Vega, Javier Santiago e Manuel Ares, acompañados tamén por Don Uxío García Amor, e polo Pai Salvador León Belén, da congregación relixiosa dos Misioneiros Fillos do Inmaculado Corazón de María, fundada polos Claretianos, que axudou ao equipo pastoral na celebración das misas de novena en honra á patroa. A escasos metros o equipo de goberno ao completo, en primeira liña o alcalde Valentín González Formoso, a concelleira de cultura e presidenta da Comisión de Festas, Sara Ramos; a tenente de alcalde, Montserrat García Chavarría, o concelleiro de Servizos Sociais e Participación Cidadá, José Alén e a edil de emprego, Ana Pena; e xunto a eles os tamén concelleiros, Antonio Castro, de Medio Rural; Antonio Lourés Rebolo, de Obras; o edil de Xuventude, Jesús Tembrás; o de Seguridade Eladio Bozua; a concelleira de Persoal, Jessica Lago; e finalmente o concelleiro de Deportes, Carlos Castro. Unha comitiva que completaban representantes do posto local da Garda Civil, das distintas asociacións da Vila e os integrantes da Comisión de Festas. A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, como todos os anos, velou para que ninguén interrompise o paso da Virxe do Carme e do seu séquito. E ao chegaren á Praza do Hospital, Banda de Música e Coral Endesa As Pontes interpretaron conxuntamente a Salve Mariñeira Ao seu remate seguíalle unha impresionantes sesión piromusical para desfrute de todos os veciños e veciñas asistentes a esta cita. Xa na praza da Igrexa Parroquial de Santa María das Pontes dende Cáritas Parroquial aproveitouse para esixir xustiza para os millóns de persoas que viven na pobreza e na necesidade. Remataba este sinxelo acto co son de oito badaladas que corresponden aos obxectivos do Milenio, oito propósitos de desenvolvemento humano que os 189 países membro das Nacións Unidas acordaron conseguir para o ano 2.015, alimentación, sanidade, educación, igualdade entre os xéneros, reducir a mortandade infantil, mellorar a saúde materna, garantir o sustento do medio ambiente, e fomentar unha asociación mundial para o desenvolvemento. Tras este acto, recibíase xa na Igrexa as imaxes da Virxe do Carme, o neno Xesús do Carmelo e María Magdalena. Para a mañá seguinte estaba previsto que estas mesmas imaxes fixeran o camiño de retorno á Capela do Carme, pero estes plans non se puideron cumprir e o estandarte da Virxe do Carme e maila imaxe do neno Xesús do Carmelo quedaron na Igrexa, ao non haber portadores que os quixeran levar consigo. Dende o equipo pastoral de Santa María das Pontes intentouse ata o último momento conseguir voluntarios e de feito, a imaxe de María Magdalena estivo tamén a piques de quedarse na Igrexa Parroquial de Santa María das Pontes, de ahí o retraso de case tres cuartos de hora na saída da procesión de subida Acompañando ás imaxes santas a Banda de Gaitas Alfaia, 7 nenos e nenas que nesa xornada recibiron a súa Primeira Comuñón, e a Banda de Música Cultural e Recreativa das Pontes. Percorreron a Avenida de Galicia, Rúa Rosalía de Castro, e Avenida de Ferrol, denantes de chegar á Praza do Carme onde xa lles esperaba a alfombra floral, deseñada este ano por Carolina Díguele, autora tamén do cartel anunciador das festas do Carme e A Fraga. Unha alfombra floral na que estiveron a traballar preto dunha vintena de veciños e veciñas das Pontes dende as cinco da madrugada do sábado e que tras un intenso traballo, quedaba preparada a iso das dez da mañá. Xa todos reunidos na Praza do Carme celebrouse a misa cantada pola Coral Endesa As Pontes e seguidamente realizouse a ofrenda floral á Virxe do Carme. Os actos litúrxicos remataban na mañá do luns coa celebración da misa de cofrades e en honra a María Magdalena, oficiada polos sacerdotes Javier Santiago e Salvador León, e á que lle seguiu a procesión de María Magdalena ata o cruceiro da Praza do Carme, un acto solemne que representa a visita de María Magdalena ao Santo sepulcro, e volvendo ao templo para celebrar a resurrección de Xesús.

20/7/13

O sector da Sanidade homenaxeado no tradicional pregón de apertura das Festas do Carme de As Pontes

• Os doutores Pilar Baamonde e José Manuel Fandiño, a enfermeira Pura Seco, o óptico Guillermo Baamonde e o pediatra José Ramón García protagonizan o pistoletazo de saída dos festexos en honra á Patroa. As Pontes, 19 de Xullo de 2013.- Varios representantes do sector sanitario foron os encargados, esta tarde, de protagonizar o acto oficial de inicio das Festas do Carme e A Fraga 2013. E é que, neste ano, o Concello de As Pontes xunto coa comisión de festas decidiron render homenaxe ao mundo da sanidade cun pregón no que tomaron parte varios dos médicos e enfermeiras que prestan servizo no municipio pontés. Deste xeito, a Comisión de Festas mantendo a liña de anos anteriores de homenaxear a distintos colectivos do municipio, apostaba por, neste 2013, agradecer a profesionalidade, a cercanía cos seus pacientes, a adicación, o sacrificio e a abnegación do sector sanitario. Nesta mesma liña se expresaba o alcalde de As Pontes. Valentín González Formoso apuntaba a necesidade de render homenaxe a un sector caracterizado pola súa vocación e adicación absoluta e tamén ampliaba o recoñecemento de hoxe a doutores da vila que xa non están entre nos, coma o Dr. Dopeso, Don Luis Baamonde ou Pedro Sanjurjo, profesionais que eran algo máis que un médico de cabeceira e que tamén exercían de psicológos e conselleiros e con moitos menos medios cos que se conta na actualidade. Posteriormente, subían ao escenario a doutora Pilar Baamonde, o óptico Guillermo Baamonde, o pediatra José Ramón García, a enfermeira Pura Seco e o doutor José Manuel Fandiño que, un por un, foron pasando un a un polo atril de pregoeiros para desexar unha felices festas a todos os ponteses e pontesas. Os irmáns Pilar e Guillermo Baamonde adicaron o seu discurso ao seu pai, o coñecido coma Don Luís, do que lembraron non só anécdotas senón tamén o exemplo coma persoa e profesional que supuxo nas súas vidas. Pola súa parte, os doutores José Ramón García e José Manuel Fandiño deron conta dos seus máis de 30 anos adicados a esta profesión, a maioría en As Pontes, nun municipio que malia non ser o seu xa é o seu fogar e, finalmente, a enfermeira Purificación Seco que tamén facía balanzo da súa vida profesional e que a piques está a rematar, unha vida profesional vencellada á sanidade pública e privada e con moitos nomes de compañeiros e compañeiras de profesión ás que a pregoeira tamén quixo homenaxear neste acto. Asemade, a edil de Cultura, Sara Ramos, tamén se dirixía aos presentes aos que animou a desfrutar destes festexos que se prolongarán ata finais da vindeira semana. Entre os asistentes a esta cita tamén se atopaban as familias do homenaxeados, representantes do equipo de goberno e dos partidos da oposición e dos colectivos ponteses e un nutrido grupo de veciños e veciñas que non quixeron deixar pasar a ocasión de desfrutar desta homenaxe a un sector que, a día de hoxe, estase a ver moi afectado polos recortes. Este acto oficial de apertura das festas patronais pontesas pechouse coa actuación da Asociación Los Colores de México, unha formación vida dende o outro lado do Atlántico e que coas súas tradicionais rancheiras poñía a nota musical a este inicio das Festas do Carme que traerán, ata a noite do luns, unha intensa programación de música, actividades infantís, culturais e deportivas que farán as delicias de todos aqueles e aquelas que se animen a pasarse, durante estes días, por terras pontesas.

19/7/13

Ven pedalear por unha boa causa recauda 160 quilos de alimentos non perecedeiros para axudar a Cáritas Parroquial

Case 160 quilos de alimentos. Ese é o balanzo de tres xornadas de unir exercizo físico e solidariedade de ducias de ponteses e pontesas que, dende o martes e ata onte, se animaron a participar na xornada Ven pedalear pola soliedariedade e colaborar, deste xeito, cos que máis o necesitan. Todo un éxito que se traduce en axuda para a organización non gubernamental Cáritas Parroquial que, con estes alimentos non perecedeiros poderán botar unha man ás familias que, nestes últimos tempos, non están a pasar os seus mellores momentos e que precisan de toda a axuda posible para saír adiante. Así quilo a quilo de arroz, pasta ou legumes e coa suor de moitos minutos sobre unha bicicleta estática practicando spinning, ponteses e pontesas aportaron o seu gran de area para aqueles que necesitan unha man. De feito, nestes días, e co bo clima e os xardíns do Campo da Feira como escenario, moitos e moitas foron os que se animaron a pedalear baixo a dirección dos monitores Victor Picos e Blas Lamas do Ximnasio K2, e a colaborar co seu quilo de comida. Así, durante o desenvolvemento destas xornadas de deporte solidario, puidemos ver aos edís de Deportes e Cultura, Carlos Castro e Sara Ramos; aos integrantes da Comisión das Festas Patronais e ata unha das organizadoras do evento, a técnica deportiva Ana Alonso; aos que se uniron tamén moitos veciños e veciñas, de todas as idades. O Concello de As Pontes, xunto co clube de atletismo Olympo e os establecementos F&K, La Fundación, Matojoma, Galiorient, Óptica Carmela, Nexo Veterinarios e o propio Ximnasio K-2 colaboraron coa posta en marcha desta exitosa carreira solidaria e que tan só tiñan unha meta: o lograr o maior número de quilos de alimentos que permitan mellorar, na medida do posible, a vida dos que o están a pasar mal.

Parque@ctivo arrinca con baile tradicional e da man dos nenos da A.C. Alende e a Escola de Baile Tradicional

As Festas do Carme non podían deixar atrás a programación para os máis pequenos da casa e onte daban comezo dúas das iniciativas de maior éxito, cada verán, por estas datas: Parqueactivo e Libros no Parque. Unha vez máis, entre os libros da biblioteca municipal, os lápises de cores e os múltiples debuxos que, cada ano, a bibliotecaria Anabel Alonso leva aos Xardíns do Campo da Feira poderemos descubrir outro tipo de actividades vencelladas coa música, o teatro ou o humor, dirixidas a que tamén os máis pequenos da casa desfruten destes festexos patronais. E é que Parque@ctivo e Libros do Parque irán da man ata o luns da vindeira semana e, de feito, onte mesmo tocaba desfrutar da música da nosa terra coa actuación dos grupos de baile da Agrupación Cultural Alende e os alumnos da escola de baile Tradicional. A Muiñeira de Mórdomo, a xota de Cumbraos ou as muiñeiras de Pastoriza e Santiago xunto con algún que outro pasodobre integraron o repertorio destes pequenos bailaríns que, malia a súa curta idade, deron conta do seu compás e coordinación ao son da pandeireta de Zayra Regueira. E namentras uns bailaban, outros se adicaban a pintar bonecos de cores ou a ler algunhas das historias que, durante estes días, habilitarán as casetas dos Libros no Parque. Comics de Tintin, Asterix e Obelix ou Mortaledo e Filemón conviven con historias máis tradicionais coma a carapuchiña vermella, libros sobre manualidades, animais ou contos incríbles, lecturas das que pequenos e maiores poderán desfrutar ata o vindeiro luns, en horario de 11.30 a 14.00 horas e de 18.00 a 20.30 horas. Durante a fin de semana tamén Parque@ctivo continuará con diferentes actividades para os máis pequenos. Así, mañá ás 13.00 horas teremos un concerto da Banda Cultural e Recreativa de As Pontes, nos propios xardíns municipais namentras que á tarde, ás 18.30, o grupo Palitroke ofrecerá unha actuación musical infantil gratuíta diante da Casa do Concello e o domingo, e tamén ás 18.30, a compañía Títeres Trompicallo traerá ata As Pontes a obra Jiñol, novamente nos xardíns municipais. Parque@ctivo pecharase o luns, á unha, cun novo concerto da Banda Cultural e Recreativa de As Potnes e xa ás 16.30 coa tradicional festa infantil na que non faltarán os inchables, unha festa da escuma e diversos xogos para todo tipo de idades, nos xardíns do Campo da Feira. Coma sempre, todas estas actividades serán totalmente gratuítas.

A Avenida de Ferrol inaugurábase onte coma un novo espazo para a comodidade e desfrute do peón

Tras moito agardar, dende onte, a Avenida de Ferrol xa se atopa oficialmente rematada para o desfrute de todos os ponteses e pontesas. Así, o executivo local decidíase por abrir este vial cunha inauguración que servía, sobre todo, para homenaxear a eses veciños e comerciantes, instalados nesta rúa e que, durante moito tempo tiveron que sufrir as molestias duns traballos que onte daban os seus froitos. De feito, o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, era o encargado de presidir este acto oficial no que tamén puidemos ver a representantes do tecido asociativo loca, veciños, comerciantes e membros non só do equipo de goberno coma os edís de Industria, Obras, Cultura, Seguridade, Medio Rural, Servizos Sociais, Xuventude, Persoal e Emprego senón tamén da oposición, coma a voceira popular Sara Prada. Finalmente, a espera pagou a pena e é que a avenida de Ferrol presenta xa un aspecto que convida aos peóns a camiñar, con máis espazo para eles, con beirarrúas máis amplas, novo alumeado e un adoquinado que da continuidade ás reformas das que xa foron obxecto outras rúas do centro coma a Avenida da Coruña ou o Rego do Campo. De feito, o primeiro edil facía especial fincapé na interese do seu goberno de apostar por unha importante mellora estética do centro urbano, unha mellora que, segundo anunciou o alcalde pontés, continuará o vindeiro ano con novas reformas nas que se volverá a abogar por mellorar a calidade de vida dos ponteses e pontesas e por humanizar o centro urbano. O primeiro edil tamén quixo agradecer no seu discurso a paciencia de veciños e comerciantes, ademáis do traballo das dúas empresas responsables deste proxecto: Huso 29 e Construccións Canosa, de ahí este acto público que, segundo apuntaba González Formoso era unha necesidade para recoñecer tamén a paciencia dos que viven e traballan nesta zona. Como punto e final deste acto e tralo corte oficial da banda inaugural, os asistentes puideron desfrutar duns saborosos pinchos na praza da Capela do Carme.

18/7/13

O Concello de As Pontes abre mañá a remozada Avenida de Ferrol.

• A emblemática rúa súmase á adecuación dun centro urbán que segue na liña de humanización pola que apostou o executivo local. As Pontes, 17 de Xullo de 2013.- Mañá vaise abrir xa a Avda de Ferrol, logo das obras que nos últimos meses permitiron humanizar esta rúa, unha das arterias principais da vila, e que sufría xa un deterioro que facía aconsellable un lavado de cara. Complétase así o trazado dunha vía que se suma ó cambio sustancial do centro urbán nestes últimos anos, cumprindo coa aposta da corporación local polo troco estético e funcional do centro urbano, A renovación do firme da calzada, e o troco tamén das beirarrúas, sumadas á xa acometida instalación dun modernizado alumeado público, cunha nova iluminación, máis estética e eficiente, máis acorde co espazo, completouse con novo mobiliario urbano. Para que se siga unha liña común en todo o centro da vila, conectando directamente coa Avda da Coruña e o Rego do Campo, e cuns remodelados xardíns municipais, Praza do Carme, entorno da Casa consistorial, e Colexio Santa Mª. O percorrido completo da Avda de Ferrol inclúe manter o tráfico rodado, pero a través destas obras acadouse un ancheamento das beirarrúas, para unha maior comodidade do peón, e o asfalto eliminouse para colocar outro pavimento máis acorde co entorno. A apertura oficial da Avda emblemática no rueiro pontés, será mañá, a partir das nove e media da noite na mesma Praza do Carme, un evento aberto a toda a veciñanza, anque no caso dos residentes xa se lles enviaron invitacións persoalizadas. Estas nova concepción da rúa vai supor tamén un troco na circulación, e é que mentres a propia Avda de Ferrol se vai manter o sentido único de circulación xa instaurado, o acceso á Rúa do Concello, a que vai por detrás do edificio consistorial será dirección prohibida. Haberá que acceder no sentido contrario ó actual. dende a Avda de Ortigueira. O Concello de As Pontes destinou 210.00 euros a esta obra, realizada pola empresa local Huso 29, dividida en tres fases. Dúas con cargo ós POS 2.012 e 2.013, incluindo a reposición de servizos, e a última con fondos propios, para a conexión coa Avda de Ortigueira e o entorno da Praza do Carme.

17/7/13

As Pontes honrará dende o venres á súa patroa cun amplo programa de actividades de ocio

O Concello de As Pontes iniciará o venres as súas tradicionais festas patronais en honra á Virxe do Carme e será da man do pregón que, ano tras ano, serve para dar o pistoletazo de saída a estes festexos. Nesta ocasión, a Comisión de Festas escolleu o mundo da sanidade coma protagonista e precisamente serán profesionais sanitarios locais os que se encarguen de desexarlles unhas felices festas aos ponteses e pontesas. Os doutores José Manuel Fandiño Sende, Pilar Baamonde e José Ramón García, o óptico Guillemo Baamonde e a enfermeira Purificación Seco serán os encargados, neste 2013, de protagonizar esta cita xunto co alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, que presidirá este acto oficial de apertura das festas pontesas. Ás 20.30 horas diante da Casa do Concello terá lugar esta homenaxe ao sector sanitario na que se contará coa música dos mariachis Los colores de México. Asemade, a programación da xornada completarase coa actuación da banda The Cornelius ás 22.00 horas, a avenida da Coruña e xa ás 23.00 horas, na praza da Capela do Carme, celebrarase a primeira das verbenas coas orquestras Sintonía de Vigo e Costa Oeste. Programación sábado O sábado arrincará cos pasarrúas de formacións locais coma Canavella, Os feroces da Galgueira ou a Banda de Gaitas Alfaia, dende as 10.30 horas, e ás 13.00 horas teremos o primeiro dos concertos que,nestes días, protagonizará a Banda Cultural e Recreativa de As Pontes, nos Xardíns do Campo da Feira. Pola noite, ás 21.00 horas dará comezo a misa en honra á Virxe do Carme, na propia capela que leva o seu nome e ás 22.00 horas arrincará a procesión de baixada que incluirá un espectáculo pirotécnico. Ás 23.00 horas, e novamente na Praza do Carme, terá lugar a segunda das verbenas coas orquestras Filadelfia e Combo Dominicano e, coa madrugada, comezará a confección da alfombra floral. Asemade, durante todo o sábado terá lugar o III Kontrashte Fest, no campo Monte Medulio, con xogos de malabares, actividades variadas e a actuación dos grupos Metal Sodom, Aggression, Soldier, Wisdom e Kill Miss & The road crew. Programación domingo O domingo tamén amencerá con música e cos pasarrúas do Grupo Alfaia para continar coa procesión de subida da Virxe, ás 12.15 horas, unha ofrenda floral e unha misa en honra á Patroa e, como novidade a primeira das sesións vermú que este ano ideou a comisión de festas e que contará coa actuación do grupo local Dúo Suso, ás 14.00 horas, no patio do colexio Santa María. Á tarde, dende as 20.00 horas, no auditorio municipal Alovi, celebrarase a XVIII edición do Certame de Bandas protagonizado pola Banda Cultural e Recreativa de As Pontes, a Banda de Música de Vilalba e a Banda Municipal Ateneo de Negreira. Asemade, a avenida da Coruña será o escenario perfecto para escoitar ás rapazas de Faltriqueira, unha formación tradicional que auna nos seus espectáculos a música popular galega coa percusión e tamén sons do máis actuais e que actuarán dende as 22.00 horas. O seu relevo, xa ás 23.00 horas, será para a verbena que protagonizarán as orquestras París de Noia e Gran Parada, na praza do Carme. Programación luns E o luns, festivo local, arrincará con novos pasarrúas, desta vez cos Trevillas, No Cómbaro ou os Ponteses e un novo concerto da Banda de Música Cultural e Recreativa, nos Xardíns do Campo da Feira, dende as 13.00 horas. Non faltarán as citas litúrxicas coma a Misa de Santa María Magdalena e Cofrades que terá lugar ás 12.30 horas na Capela do Carme, e unha segunda sesión vermú a cargo do Dúo Aplauso que actuará, dende as 14.00 horas, no patio do Colexio Santa María. Outra das citas típicas desta xornada é o Festival Folclórico Internacional que levará, ata o pavillón Polideportivo da Fraga, á Banda das Escolas de Música Tradicional de As Pontes, á formación Alxibeira de Narón ou á Asociación Cultural Semillas del Arte de Toledo. A parte internacional correrá a cargo da formación Podilya, vida dende Ucrania, Tsiskari de Xeorxia e Boeseroenen de Bélxica. Como punto e final a estas festas do Carme terá lugar a cuarta e derradeira verbena, dende as 23.00 horas, na praza do Carme e que contará coas actuacións das formacións Olympus e Charleston Big Band. Programa deportivo Durante a fin de semana tamén terán lugar diferentes competicións deportivas. De feito xa onte arrincaba unha nova edición do torneo de tenis federado Festas do Carme, que rematará o día 21 e que se está a desputar nas pistas da Canle IV. O sábado celebrarase o XII Seven Internacional de Rugbi Vila de As Pontes (11.00 – 20.30 horas) nos campos do Poboado e tamén o sábado, pero no lago de As Pontes terá lugar a Copa Trial Galicia de Nenos, dende as 16.00 horas. Por outra banda, o lago tamén acollerá o sábado o Torneo Vila de As Pontes de Kayak Polo, dende as 09.00 horas e no campo de tiro Pena da Revolta desputaranse diferentes competicións de tiro con pistola standar e tiro ao prato dende as 10.00 horas.

Os programas infantís Parque@ctivo e Libros no Parque abren mañá as súas portas

• Ata o luns da vindeira semana, múltiples actividades lúdico educativas encherán os xardíns do Campo da Feira co fin de levar tamén as festas aos máis pequenos da casa O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Cultura, ofrecerá durante estes días de festas patronais unha ampla programación dirixida aos máis pequenos da casa. De feito, mañá xoves inaugúrase, nos Xardíns do Campo da Feira, unha nova edición de Parque@ctivo, un programa de ocio para os nenos e nenas no que a música, as obras de teatro e o humor lles permitirá aos máis novos tamén ser parte destas festas, tal e como apuntaba a edil de Cultura, Sara Ramos. Así, dende as 18.00 horas de mañá xa, os rapaces e rapazas que se acheguen ata os Xardíns do Campo da Feira poderán consultar os distintos libros, revistas e xogos que se oferten dende a Biblioteca Municipal, na actividade denominada Libros no Parque. Media hora máis tarde será o turno para os nenos e nenas dos grupos de baile da Asociación Cultural Alende e da Escola Municipal de Baile Galego que ofrecerán unha exhibición cos pasos e bailes aprendidos ao longo do curso. Para o sábado, a programación infantil inclúe un concerto da Banda Cultural e Recreativa de As Pontes, ás 13.00 horas, e ás 18.30 horas a actuación musical do grupo Palitroke, que ofrecerá un concerto participativo con xogos musicais para os máis pequenos, ideados para espertaren no público infantil o interese melódico e rítmico. Seguiralle o domingo a obra Jiñol, da compañía de teatro infantil Trompicallo. Unha historia dinámica e divertida contada con títeres de luva, que poderá seguirse dende as 18.30 horas do domingo. E o luns, por último Parque@ctivo inclúe na súa programación un novo concerto da Banda Cultural e Recreativa de As Pontes, dende as 13.00 horas, e ás 16.30 horas haberá inchables, xogos e a festa da escuma. Ademais ao remate de cada xornada celebrarase un sorteo de agasallos sorpresa entre os rapaces e rapazas que participen nas distintas actividades que se organicen ao abeiro dos programas Parqu@ctivo e Libros no Parque. Parque@ctivo manterá abertas as súas portas todos os dias, ata o 22 de xullo, en horario de 11:30 a 14.00 horas, e dende as 18.00 ata as 20.30 horas. Paralelamente a estas actividades e ata o 23 de xullo manterase Mundoxogo, promovido polo departamento de Xuventude, e con actividades para todas as idades, con pistas de Slot, cociña infantil, obradoiros de plastilina e debuxo, videoxogos, foanball, xogos de construcción e pintura de cara. Actividades que se desenvolverán tanto nos Xardíns do Campo da Feira como tamén na sala de exposicións do Mercado Vello, e que estarán abertas entre as 10.30 e as 13.30 horas e tamén entre as 17.00 e as 21.00 horas.

MEDIO CENTO DE PONTESES PEDALEAN POLA SOLIDARIEDADE

Os ponteses e pontesas volvían respostar, unha vez máis, ante a demanda de axuda daqueles que peor o están a pasar e desta vez mediante unha cita deportiva. O exercizo do spining, que consiste nunha clase cunha bicicleta estática con pedaleo a diferentes intensidades e durezas, servía para que moitos e moitas se achegasen onte ata os xardíns do campo da feira e alí colaborasen nesta ocasión con Cáritas. E é que para tomar parte nesta entretida actividade tan só había dúas condicións: ter ganas de desfrutar dun bo rato facendo deporte e entregar un quilo de comida para esta organización pontesa. O reto poñíase en marcha da man do Concello, coa inestimable axuda dos monitores desta actividade cos que conta o ximnasio pontés K-2 e que tamén colaboraron coa iniciativa doando multitude de alimentos non perecedeiros. A eles uníronse moitos ponteses e pontesas, algúns xa expertos nesta disciplina, que foron capaces de resistir o gran esforzo que conleva os incrementos de intensidade deste exercizo ao ritmo de versións do máis actuais de temas de Nirvana, Queen ou Pearl Jam. E é que semella que a iniciativa tivo tan gran acollida que, o que ían ser primeiramente dúas clases, se tiveron que converter en tres debido á gran demanda de participantes que ascenderon ao medio cento o que fixo que as rodas destas particulares bicicletas non deixasen de xirar ata case a medianoite. A boa climatoloxía, as ganas de facer algo de deporte e a solidariedade de veciños e veciñas fixo que, neste primeiro día, se superasen con creces os 50 quilogramos de alimentos recollidos e que servirán para botar unha man a aquelas familias que non están a pasar o seu mellor momento. Esta tarde retomaranse estas clases, de seguro que cun novo éxito de participación, e xa mañá teremos a terceira quenda con novas clases que arrincarán ás 20.30 horas ata as 22.30, e nas que tamén colaboran os establecementos F&K, La Fundación, Galiorient, Nexo Veterinarios, Óptica Carmela, Matojoma e o Clube de Atletismo Olympo.

16/7/13

O Concello de As Pontes inicia unha recollida de sinaturas para garantir a continuidade da central térmica de Endesa no municipio

O Concello de As Pontes promoverá entre a veciñanza unha recollida de sinaturas para esixir ó Ministerio de Industria que garanta a continuidade da central térmica que Endesa ten na localidade, e que conceda unha moratoria nos prazos de decisión por parte das empresas para as inversións que deben acometer para adaptarse a nova normativa de emisións industriais 2.010/75/UE. Para a posta en marcha desta iniciativa recabou o apoio das asociacións de empresarios, comerciantes. transportistas, o Comité de Empresa de Endesa, e todas as asociacións veciñais. Onte celebrouse unha reunión na que a concelleira de Industria, Montserrat García, expuxo ós representantes das asociacións veciñais que a DEI obriga Endesa a decidir e comunicar antes do 31 de decembro deste ano, se readapta a instalación térmica á nova directiva europea sobre emisións contaminantes, que obrigará a reducir aínda máis a xeración de dióxido de xofre á atmósfera a partir do 2016, ou se pola contra se acolle ás 17500 horas de funcionamento, o que suporía o peche e desmantelamento definitivo da térmica pontesa non ano 2020. García puxo de manifesto nesta reunión que " Non nos opoñemos a que se cumpran as directrices da Comunidade europea, o que si esiximos é que se dea un prazo razoable para tomar a decisión. No actual contexto económico é un risco moi grande para o emprego esixir este posicionamento a unha empresa que ven de facer unha adaptación hai menos de cinco anos que supuxo xa unha inversión duns 200 millóns de euros para o mesmo fin. Non é o mesmo ter que adoptar esta decisión neste momento de caída do consumo enerxético e de crisis no sector, que pode facer que as empresas sexan conservadoras na súa polítca de inversións e decidan trasladalas fora das nosas fronteiras”. As novas medidas anunciadas o venres polo goberno estatal para rematar co déficit de tarifa, cun novo sacrificio que se esixe ás empresas eléctricas, unido á insuficiente contía das aportacións que se realizarán con cargo ós orzamentos xerais do Estado, ven traer máis incertidume a un sector que non atravesa polo mellor intre. Tamén o concello pontés se puña en contacto co resto de municipios do Estado que contan con térmicas para que fagan a mesma recollida de firmas,para finalmente facelas chegar o Ministerio de Industria, José Manuel Soria, conxuntamente. Logo das negativas repercusións que ten suposto, para as empresas eléctricas a obriga de financiar o déficit de tarifa, e que recentemente, o incremento da presión fiscal fixera que revisarán á baixa o seu plan de inversións en España, no concello de As Pontes medra a preocupación, e volve a liderar as actuacións de todos os Concellos que contan con instalacións de xeración térmica de enerxía, tal como fixo xa anteriormente coa convocatoria aos alcaldes de municipios de todo o Estado con centráis térmicas. No caso concreto de As Pontes, a edil de Industria facía especial fincapé en que con tan poucos anos de marxen se establezan novos parámetros de emisións cunhas diferencias mínimas, e reclamaba que debe pesar a súa eficiencia , sen qucontinúe a insistir en gravar a producción no canto dos beneficios.

Grandes orquestras, música tradicional galega e sons de diversas partes do mundo protagonizan as Festas do Carme 2013

As nosas festas patronais, para as que tan só nos quedan unhas cantas horas, coma sempre virán coa música coma gran protagonista e é que, dende o venres e ata que rematen estas festas xa coa celebración da tradicional Fraga poucos serán os recunchos da nosa vila nos que non se escoiten pasodobres, merengues ou as tan típicas cancións de verán. De feito, como novidade para este ano, ás verbenas, pasarrúas e concertos, sumaranse dúas sesións vermú, e que terán lugar o domingo e mailo luns no patio do colexio de Santa María e con dous dúos locais coma anfitrións. Así as cousas, para o domingo ás 14.00 horas poderemos desfrutar da actuación do Dúo Suso e xa o luns, á mesma hora e no mesmo escenario, actuará o Dúo Aplauso. Pero o programa musical xa arrincará na tarde do venres porque para acompañar o tradicional pregón de inicio das Festas do Carme contarase coa actuación da asociación de mariachis Los Colores de México que tamén se encargarán de ofrecer un pasarrúas polo centro do pobo. Xa ás 22.00 horas, na Avenida da Coruña, a protagonista será a banda The Cornelius, con David, Antonio, Andoni, Alberto, Toni e Jose dándo conta aos ponteses e pontesas do seu último traballo discográfico Walking in Circles. E xa á noite, dende as 23.00 horas e na Capela do Carme teremos a primeira das verbenas destas festas con dúas formacións de auténtico luxo como son Costa Oeste e Sintonía de Vigo. As voces de Marta Valiño e Sonia Montero da Costa Oeste competirán en calidade co recoñecido estilo de Arturo Sabugueiro e Lucía Durán que, unha vez máis, non podían faltar á súa cita anual coas nosas festas á fronte da Sintonía de Vigo. Tampouco durante o sábado faltará a música cos pasarrúas de formacións locais coma Canavella, Os feroces da Galgueira ou a Banda de Gaitas Alfaia, dende as 10.30 horas, e ás 13.00 horas teremos o primeiro dos concertos que,nestes días, protagonizará a Banda Cultural e Recreativa de As Pontes, nos Xardíns do Campo da Feira. Pola noite, trala procesión de baixada, novamente teremos verbena na Praza do Carme dende as 23.00 horas coas orquestras Filadelfia, que hai ben pouco visitaba As Pontes coa súa actuación na praia do lago e cuns vellos coñecidos como son o Combo Dominicano, todo un exemplo de ritmos latinos. E xa o domingo, malia que a festa arrincará coa sesión vermú, temos outras citas ao longo da xornada cos pasarrúas da Banda de Gaitas Alfaia ou Os Ponteses e o tradicional Certame de Bandas que, nesta ocasión, traerá ata As Pontes á Banda de Música de Vilalba, á Banda Municipal Ateneo de Negreira e, por suposto, á Banda Cultural e Recreativa de As Pontes. Un concerto do máis atractivo que dará comezo ás 20.00 horas serán no auditorio municipal Alovi. Asemade, a avenida da Coruña será o escenario perfecto para escoitar ás rapazas de Faltriqueira, unha formación tradicional que auna nos seus espectáculos a música popular galega coa percusión e tamén sons do máis actuais e que actuarán dende as 22.00 horas. O seu relevo, xa ás 23.00 horas, será para a verbena que protagonizarán as orquestras París de Noia e Gran Parada. Novamente, Blas, Cristian, Gema ou Fátima nos farán bailar ao son das pezas máis populares do verán e con eles, ao seu carón, a Gran Parada con xa máis de 60 anos de experiencia nos escenarios pero que, durante a súa visita a As Pontes, apostará por unha mestura do máis novo cos sons máis típicos de décadas atrás. E o luns, festivo local, arrincará con novos pasarrúas, desta vez cos Trevillas, No Cómbaro ou os Ponteses e un novo concerto da Banda de Música Cultural e Recreativa, nos Xardíns do Campo da Feira, dende a unha da tarde. Outra das citas típicas desta xornada é o Festival Folclórico Internacional que levará, ata o pavillón Polideportivo da Fraga, á Banda das Escolas de Música Tradicional de As Pontes, á formación Alxibeira de Narón ou á Asociación Cultural Semillas del Arte de Toledo. A parte internacional correrá a cargo da formación Podilya, vida dende Ucrania, Tsiskari de Xeorxia e Boeseroenen de Bélxica. E para poñer punto e seguido a estas festas teremos a multitudinaria verbena do luns, nesta ocasión na Praza do Carme e coas formacións Olympus e Charleston Big Band, os primeiros xa había un par de anos que non visitaban a nosa vila e para os segundos esta xa é unha terra do máis coñecida porque, non hai festas nas que non se conte co seu espectáculo e que arrincará ás 23.00 horas. Agora tan só queda buscar un calzado ben cómodo, levar ben anotadas na nosa axenda todas e cada unha das citas musicais da fin de semana e sacar fóra o bailarín que todos levamos dentro.

A Virxe do Carme lucirá ata o sábado á mañá o seu primeiro vestido de gala que data de hai máis dun século

Hoxe conmemorouse a festividade da Nosa Señora do Carme, polo tanto a nosa felicitación máis especial a todas as mulleres e tamén a aqueles homes que comparten o nome da nosa patroa, en todas as súas variantes Carme, Carmela, Carmiña, ou Carmelo. Como non podía ser doutra maneira, tal día coma hoxe os ollos están postos na imaxe da patroa, a Virxe do Carme, á que se lle adican as misas de novena, que comezaron xa na xornada do venres. Durante estes días, as persoas que se achegaron á súa Capela advertiron que a imaxe da Nosa Señora non leva o vestiario de festa, o último traxe que se lle confeccionou. E é que a Virxe do Carme volve lucir, durante estes días, o seu primeiro vestido de gala, con 110 anos de antigüidade. O equipo pastoral de Santa María de As Pontes ordeou a súa restauración ás relixiosas Concepcionistas Franciscanas. Neste convento de clausura, limpouse o fío de ouro, dos encaixes, cepillouse o terciopelo e limpouse con productos específicos de conservación do terciopelo. Igualmente tamén se está a restaurar o primeiro manto de gala, que non deu tempo para esta ocasión, pero que con toda seguridade lucirá o ano que vén a nosa Virxe do Carme. Todas as veciñas e veciños que desexen contemplar máis de preto a vestimenta da patroa teñen moi poucos días, pois o sábado e mailo domingo, nas procesións de baixada e subida, respectivamente, a Virxe do Carme volverá lucir en todo seu esplendor, o último traxe de gala. Unhas procesións que se manteñen vivas, cheas de cor, fervor e beleza e que sacarán á rúa a multitude de veciños e visitantes o sábado á noite dende as 22.00 horas, aproximadamente, e o domingo, sobre as 12.15 horas.

Corais da Costa da Morte, Sobrado dos Monxes e As Pontes comparten escenario na XXVIII Mostra de Música Coral

XVIII MOSTRA DE MÚSICA CORAL Corais da Costa da Morte, Sobrado dos Monxes e As Pontes comparten escenario na XXVIII Mostra de Música Coral Cos festexos en honra á Virxe do Carme de fondo, a Agrupación Coral Endesa - As Pontes celebraba o pasado sábado a XXVIII edición da súa Mostra de Música Coral, unha cita que, cada mes de xullo, por estas datas logra reunir nun mesmo escenario a máis dun cento das mellores voces non só de toda Galicia, senón tamén doutros puntos do país. Nesta ocasión non ía ser diferente e ata As Pontes se desprazaban dúas formacións vidas dende a Costa da Morte e Sobrado dos Monxes para, xunto coa agrupación anfitrioa, ofrecer un recital do máis atractivo, e no que tamén se contou coa presenza de representantes da administración local coma a concelleira de Cultura, Sara Ramos. A Coral Polifónica Vía Sacra, vida dende Sobrado dos Monxes, foi a encargada de romper o xeo nunha calurosa tarde de sábado e ofrecía unha mostra da súa gran calidade musical, malia tan só contar con cinco anos de vida. A soprano Malena Pazos foi a encargada de dirixir, sobre as táboas do escenario do auditorio municipal Alovi, a estas 25 voces con pezas coma O voso galo, comadre; a Ruada de Chamosa ou Ay, linda amiga. A segunda convidada desta festival tamén nacía hai tan só cinco anos pero iso non foi sinónimo de inexperiencia. De feito, os case 40 artistas que integran a Coral Polifónica de Neria xa contaban ás súas costas con actuacións por toda Galicia e ata por Portugal e, hai tan só uns meses, sacaban á luz o seu primeiro traballo discográfico: Amencer na Costa da Morte. O mestre Isidro Caamaño Trillo foi o encargado de dirixir a esta formación e que daba conta dun repertorio integrado por A Rianxeira, Bullerengué ou Hermosa. A recta final desta mostra coral correu a cargo dos anfitrións: a Agrupación Coral Endesa - As Pontes que unha vez máis, deron conta da súa gran calidade baixo a batuta de Olga Vigo e coa compaña do pianista José Manuel Campello e de Candela Paz á frauta. Gabriel´s Oboe, Piel Canela ou os Cantares de Serrat foron algúns dos temas escollidos pola agrupación pontesa para participar neste recital. Tamén tivemos sorpresa e é que, o vindeiro ano, a Agrupación Coral Endesa - As Pontes celebrará o seu 40 aniversario, para o que xa están a preparar un espectáculo do máis especial. De feito o sábado, xa podiamos desfrutar dunhas pinceladas desta sorpresa en forma de zarzuela coa Verbena de la Paloma. Coma sempre neste tipo de actos, como peche facíase entrega dun agasallo aos colaboradores deste evento e ás corais participantes, en forma do tradicional vaso campaniforme, agasallo que servirá para que tanto na Costa da Morte coma en Sobrado dos Monxes conten cun recordo do seu paso polo noso concello.

Latexos: A orixe pecha a trioloxía de percusión ideada polo mestre Ignacio Sanz

A terceira e última entrega de Latexos non deixou indiferente a ninguén. O venres á noite o profesor Ignacio Sanz subía ao escenario do Alovi para presentar o espectáculo Latexos: As Orixes. Estivo acompañado por unha vintena de veciñas e veciños da Vila, de todas as idades, alumnas e alumnos do Conservatorio, das escolas municipais de música tradicional, e de diversos cursos de percusión que, ao marxe do Conservatorio, tamén dirixe Ignacio Sanz. As orixes, o principio dos tempos, é unha creación que emprega como fío conductor a unión de pequenas partes para crear unha gran forza capaz de todo, e grazas á asociación e entendemento entre distintas culturas e pobos. É un canto á natureza, aos seus sons, os paxaros, os cucos e incluso os parrulos, fixeron presenza nesta montaxe musical, nesta máis que merecida homenaxe á nai terra. Houbo tempo tamén para a interacción, busocuse a participación activa do público ofrecendo o mestre Ignacio Sanz as baquetas a todos cantos decidían sumarse a este espectáculo, e convertíndonse, así, sen pensalo, nun membro máis da montaxe Latexos: As orixes. Coma sempre, a presentación dun espectáculo de percusión do mestre Ignacio Sanz tivo unha boa acollida por parte do público, e entre os asistentes atopábanse os concelleiros de Cultura Sara Ramos, e mailo de Educación José Alén Orixes, o principio dos tempos é o culme da triloxía ideada, dirixida e composta polo mestre Ignacio Sanz. Primeiro foi Gaia, estreada hai dous anos, a deusa que personifica a terra na mitoloxía grega e tamén denominación dunha serie de teorías científica que defenden que a terra está viva, que todo está controlado polos seres vivos que nela habitan e que todos participan no proceso cíclico da natureza. O ano pasado chegaba Latexos, montaxe que aos sons máis tradicionais, singulares e clásicos se lles unía a maxia e plasticidade dos movementos dos bailaríns. E o venres, finalmente, foi o turno de Latexos: As orixes, o principio dos Tempos. De hoxe nun ano saberemos se a mente creativa de Ignacio Sanz idea un novo espectáculo no que teñan cabida todos os percusionistas da nosa Vila.

15/7/13

O Concello de As Pontes contratará, durante o verán, a 23 persoas de xeito temporal

• As prazas ofertadas axudarán a completar os departamentos de Obras, Servizos Sociais ou Seguridade mediante a contración de peóns, brigadas antincendios ou asistentes para o Servizo de Axuda a Domicilio O Concello de As Pontes garantirá traballo a 23 persoas durante tres meses con recursos fundamentalmente propios, anque tendo que recorrer á medida da contratación para servizos de urxencia, pois o goberno central impide contratar persoal neste intres. Esta medida suporá que 23 veciños e veciñas poderán prestar diferentes servizos municipais este verán. Así, catro peóns incorporaranse, nestes días, ao plantel do departamento de obras municipal durante tres meses. Na área medioambiental serán 13 as persoas desempregadas as que conformarán dúas cuadrillas antiincendios, de cinco persoas cada unha máis tres conductores de motobombas, a fin de protexer o medio natural que ocupa a meirande parte da extensión do municipio, e velando pola seguridade e mantemento da súa riqueza medioambiental. Canto á seguridade na concorrida praia do lago de As Pontes será un socorrista o encargado de vixiar o benestar dos bañistas, aconsellando as pautas do bo uso da auga e atendéndoos ante calquera situación de risco para a saúde. No departamento de Servizos Sociais, serán cinco as persoas que se incorporarán ao Servizo de Axuda a Domicilio que atenderán ás persoas con maior dependencia da vila. Esta iniciativa é entendida pola edil de Emprego, Ana Pena, como unha axuda social para os desempregados e desempregadas do municipio, aportando unha oportunidade laboral e de adquisición de maior experiencia para a súa futura reincorporación ao mercado de traballo. Todas as contratacións terán unha duración de tres meses e servirán para aliviar as economías familiares dos beneficiarios e beneficiarias das prazas temporais, apostando unha vez máis por políticas municipais de creación de emprego, que se complementarán ao longo do ano con outras iniciativas que acarrearán a incorporación ao mercado de traballo de máis ponteses e pontesas. Malia que o emprego non é unha competencia directamente municipal, o executivo pontés volve amosar a súa sensibilidade coa delicada situación laboral que atravesan moitos veciños e veciñas, e sacará adiante esta oferta mentres segue a ultimar o novo plan de emprego e confía en que desta vez a Xunta de Galicia si conceda o novo obradoiro de emprego solicitado.

O ferrolán Pablo Fernández Borrego faise coa victoria no XIV Torneo de Xadrez Festas do Carme 

As nosas festas patronais contan sempre ás súas costas cunha ampla e entretida programación deportiva e que, durante esta pasada fin de semana, se vía protagonizada por disciplinas tan variopintas coma o baloncesto, o padel e tamén o xadrez. Por suposto, o Clube de Xadrez As Pontes non podía deixar pasar a ocasión de conmemorar, un ano máis, estes festexos e novamente organizaba, nas dependencias do Lar de Endesa, o seu trofeo anual e que celebraba a súa XIV edición. Case medio cento de xogadores, de todas as idades e non só de As Pontes senón tamén doutros concellos coma A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Arteixo, Lugo, Ortigueira, Betanzos ou Narón, se xuntaban na tarde do sábado para loitar polo trunfo nesta cita deportiva e en diferentes partidas de 15 minutos. De feito, houbo representantes nas categorías absoluta, infantil, xuvenil, cadete e senior e que nos deixaban os seguintes resultados: entre os máis novos da categoría infantil a victoria foi para o coruñés Diego Bugliot namentras que segundo era o compostelán David Buitrón. No que respecta á competición cadete, Jaime del Río de Betanzos derrotaba a Jorge Díaz do Clube Xaquedrum-Lugo e na categoría xuvenil o podium foi para dous composteláns: Óscar Porto e Luis Marco Medarde. No tocante aos competidores locais, o mellor pontés foi Antonio Castro e a mellor pontesa Rocío Tojeiro, namentras que na clasificación xeral a victoria foi para Pablo Fernández Borrego do Clube Ferrol Xadrez seguido de Óscar de Prado. Completaban a clasificación Francisco Pedreira, do clube Sigrás da Coruña, coma gañador na categoría Sub 1900, Óscar Porto coma gañador en Sub 2100, o pontés José Javier Novo vencedor na categoría Sub 1700 e finalmente Jaime del Río coma gañador na categoía Sub 1500.

As Carmes de As Pontes homenaxean á Patroa

Mañá martes conmemórase a festividade da Nosa Señora do Carme, este ano, sen máis relevancia que os actos propios organizados polo equipo pastoral de Santa María de As Pontes, as misas de novena na Capela do Carme, ás oito menos vinte da mañá e ás oito do serán. E é que o sábado foi o día elixido polas Carmes de As Pontes para homenaxear á nosa patroa, a Virxe do Carme. Os solemnes actos celebráronse na Praza do Carme, primeiro o rosario e logo xa a misa, oficiada polo sacerdote José Vega Pérez, e cantada polo Coro Parroquial, e na que non faltaron por suposto os cánticos dirixidos á nosa Virxe. Ao comezo da celebración da misa, as Carmes de As Pontes aproveitaron para realizar unha ofrenda floral á Virxe do Carme e dar lectura a un texto que manifesta o inmenso amor que lle profesan á nosa patroa. Logo da misa, as Carmes das Pontes reuníronse nun restaurante da Vila para dar continuidade á tradicional Cea das Carmes.