27/6/13

O Concello de As Pontes ofrecerá durante o verán clases de Pilates e ximnasia gratuítas

Os departamentos de Deportes e Servizos Sociais son os encargados de ofrecer estes cursos dirixidos a embarazadas, maiores e cidadanía en xeral. As Pontes, 27 de Xuño de 2013.- O Concello de As Pontes, a través dos departamentos de Deportes e Servizos Sociais, teñen previsto continuar durante os meses de xullo e agosto cos seus cursos gratuítos de Pilates para embarazadas. De feito, a responsable xa durante o inverno destes cursos, a técnica Ana Alonso, será a encargada de continuar durante os meses estivais con este curso que tanta afluencia de público lograba dende a súa posta en marcha o pasado mes de xaneiro. Estas clases, que se desenvolverán os luns, mércores e venres, entre as 10.30 e 11.30 horas, terán como escenario a Casa Dopeso e as prazas serán limitadas, seguindo a orde de inscrición e que se pode realizar telefonando ao 667 192 099, enviando un correo electrónico ao enderezo ana.alonso@aspontes.org ou ben achegándose ao polideportivo municipal, de luns a venres, en horario de 8.30 a 14.30 horas. Asemade, dende o vindeiro luns tamén se reeditarán os tradicionais cursos de verán de ximnasia para a terceira idade, unha actividade que tamén goza de gran popularidade e asistencia entre os ponteses de maior idade. Neste caso, as clases desenvolveranse nos xardíns do Campo da Feira, sempre que o tempo o permita, os luns e mércores entre as 9.30 e as 10.30 horas e, ao igual que acontece coas clases de Pilates serán gratuítas. Finalmente, dende as concellerías de Deporte e Servizos Sociais, tamén está previsto que nestes meses se desenvolvan dous cursos de Pilates tanto para aqueles que se inicien nesta disciplina coma para os que xa teñan táboas na mesma. Así está previsto que se habiliten dous grupos: un de iniciación os martes e xoves entre as 11.00 e as 12.00 horas e un segundo de perfeccionamento, con clases tamén os martes e xoves, entre as 10.00 e as 11.00 horas, ámbalas dúas nas dependencias da Casa Dopeso. Para obter máis información é posible tamén pasarse polas oficinas do polideportivo municipal, telefonar ao 667 192 099 ou ben contactar por correo electrónico mediante o enderezo ana.alonso@aspontes.org.

A Concellería de Emprego, Turismo e Novos Proxectos ven de solicitar un novo obradoiro de emprego que, baixo a denominación de Obradoiro Eume

A Concellería de Emprego, Turismo e Novos Proxectos ven de solicitar un novo obradoiro de emprego que, baixo a denominación de Obradoiro Eume compartiría co Concello de A Capela, cumprindo así unha das premisas esixidas, que é a de que este tipo oferta se dea conxuntamente para máis dun municipio. As especialidades a impartir serían tres, que son, atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, outro de agricultura ecolóxica, e por último un de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas. O obradoiro acollería a 60 persoas, divididas en 20 por cada un dos cursos, que contarían cun compromiso de contartación para a formación de 6 meses. A oferta abrangue a maiores de 18 anos inscritos como demandantes de emprego e, prioritariamente, que pertenzan a colectivos con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo. Todos contarían cun contrato para a formación e percibirán o salario mínimo interprofesional. Os alumnos que finalicen con éxito o Obradoiro de Emprego, obterán o certificado de profesionalidade correspondente da súa especialidade. Para elo, recibirán a formación precisa non só da especialidade, senón para obter o Certificado da ESO, para aqueles alumnos que non o posúan, así como a formación complementaria esixida pola normativa aplicada ao efecto. Con esta iniciativa, o Departamento que dirixe Ana Pena, persegue mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou servizos de utilidade pública ou interese social. Incidirase especialmente na integración social e inserción profesional de homes e mulleres á finalización do proxecto, proporcionándolles formación práctica e experiencia en traballos reais que lles permita unha saída como asalariados ou traballadores por conta propia en calquera dos ámbitos das ocupacións aprendidas. Deste xeito acadaríase a formación de especialistas en profesións demandadas polos mercados de traballo, coa recuperación, por parte dos alumnos, dos niveis de educación xeral que abandonasen. Tamén se potenciará achegar a información sobre o mercado de traballo e as estratexias de busca de emprego por conta allea e mellora da capacidade de xestión e a cultura empresarial dos desempregados para a creación do seu propio posto de traballo. Canto á poboación en xeral, o desenvolvemento deste obradoiro incidiría na dinamización social do entorno, a través da participación en programas integrados de desenvolvemento comarcal que permitan optimizar os recursos utilizados.

O Concello pecha o curso escolar cunha festa infantil na praia do lago

  Os nenos foron, un ano máis, os grandes protagonistas do peche do curso escolar que se celebraba conxuntamente para todos os centros promovido dende o concello. Anque os protagonistas foron os mesmos de cada ano por estas datas, si cambiou o emprazamento, que pasou de ser en Cerceda a celebrarse aquí aproveitando o lago, onde tivemos todo o día unha festa ideada para eles. Foron finalmente centos os nenos e nenas, e non poucos adultos, que se achegaron onte á praia do lago para xogar e chimpar nos moi diversos inchables que se habilitaron a carón do areal. Ademais dos inchables puideron participar de emocionantes partidas nun futbolín xigante, sentirse piratas nun barco, montar nunha embarcación do fluvial de vela ou nun kaiak do Grupo xuvenil e lanzarse en tirolina. Ou mesmo bañarse nunha piscina preparada ó efecto, orixinais ofertas lúdicas que causaron furor. Claro que a diversión non foi só acuática, pois houbo a opción tamén de achegarse á ludoteca e ós diferentes obradoiros sempre supervisados por monitores. A iniciativa partía unha vez máis do Concello de As Pontes, que se plasmou tamén no apoio directo de varios membros do equipo de goberno que se pasaron pola praia, encabezados polo alcalde, que lembraba que o ano pasado en Cerceda prometera que ese mesmo ano poderían bañarse na praia, e logo de cumprir con ese compromiso este ano congratulábase de poder facer a festa xa na casa.

O Departamento Municipal de Emprego e a asociación Seara celebran un curso para a elaboración de currilums

A Concellería de Emprego, que dirixe Ana Pena, xunto coa Asociación Seara, poñían onte en marcha unha nova actividade formativa, desta vez mediante un curso intensivo que pretendía que veciños e veciñas, a día de hoxe sen emprego, puidesen aprender a realizar un bo e atractivo curriculum e unha carta de presentación óptima para solicitar un traballo. Ao redor dunha ducia de alumnos e alumnas se inscribiron neste obradoiro totalmente gratuíto e que, tanto onte coma hoxe, se estivo a desenvolver nas dependencias de Seara, no polígono de Penapurreira. Alí os alumnos e alumnas aprenderon a elaborar unha boa carta de presentación e un curriculum novidoso co que atraer a atención dos futuros xefes. De feito, liñas teóricas e prácticas se uniron nestas dez horas de clases que se completarán xa o martes e mércores da vindeira semana cun segundo curso, tamén dirixido a persoas desempregadas, e que terá como eixo central a preparación dunha entrevista de traballo. Novamente, este curso gratuíto terá como escenario as dependencias de Seara, en Penapurreira, e o horario será moi semellante ao destes días, entre as 9.00 e as 14.00 horas. Neste obradoiro, para o que aínda hai prazas libres, será posible dende coñecer os diferentes tipos de entrevista de traballo ata as liñas a seguir para a súa preparación e as liñas de negociación de horarios ou salarios que nos ofertan e incluso, a nivel práctico, os participantes poderán vivir esta experiencia para aplicar todo o aprendido neste curso. Para obter máis información sobre esta actividade tan só é necesario achegarse ata o Departamento de Orientación Laboral, ubicado no segundo andar da Casa Consistorial.

26/6/13

O ALCALDE DE AS PONTES ENCABEZOU ONTE A PRESENTACIÓN NA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN DAS SINATURAS RECOLLIDAS EN CONTRA DA NOVA LEXISLACIÓN SOBRE COMEDORES ESCOLARES

Unha expedición pontesa que deu acollida tamén a xente de concellos limítrofes, como A Capela, Monfero, ou Cabanas, entre outros, acudíu ontea Santiago para facer entrega dunha nova remesa de sinaturas cidadás en contra da aplicación do previsto novo regulamento de pago dos comedores escolares. O Concello de As Pontes foi o impulsor desta viaxe acollendo ós represenatntes das Anpas de outras localidades, ó tempo que amparaba á cordenadora local de Anpas Abrente. o propio alcalde, valentín González, encabezaba esta delegación dunha rrintea de persoas, acudindo tamén a Tenente de Alcalde, Montserrat García, e o edil de Educación, José Alén. Contra das 11.30 horas o grupo presentaba na Consellería de Educación as 2.700 sinaturas que se recolleron despois da entrega das 2.000 primeiras que xa se enviaran rexeitando as novas taxas que se impoñen ós comedores escolares nos colexios públicos, e pedindo que se contemple a especificidade especialmente dos alumnos do rural. Acto seguido á entrega, unha delegación na que estaban Valentín González Formoso, e tres representantes de Anpas reuníanse co Secretario Xeral de Educación para expoñerlle os motivos das súas reclamacións. Escoitaron como defendía que a nova norma era unha decisión política que respostaba á necesidade de intervir diante do incremento dos 17 ós 24 millóns do amntemento dos comedores, e como único sitema para poder garantir o mantemento deste servizo que non é básico por lei. A representación de pais e nais e o alcalde pontés defenderon, pola contra, que, anque se cambie a regra xeral ten que haber matices e non se pode obviar es especificidade de poboacións e centros concretos, porque entón se cometen inxustizas como as que queren evitar con esatas mobilizacións. O propio alcalde pontés falaba en nome de todos ó defender a postura común de rexeito ó que consideran " o copago dun servizo básico que, en moitos casos, resulta mesmo ineludible o contar con el, pois sería imposible ir comer á casa e volver compaxinándoo co transporte escolar, outro servizo ó que debe ir vencellado". A nova medida reivindicativa, que supuxo trasladarse ata a mesma sé da Xunta, incidíu en facerse eco da inquedanza duns pais que rematan o curso escolar á espera de que se concrete como lles afecta o incremento das taxas, e coa ameaza de perder a gratuidade para aqueles que se ven obrigados e empregar o transporte escolar.

O CONCELLO DE AS PONTES CELEBRA UN OBRADOIRO DE ATENCIÓN AO CLIENTE CO FIN DE OFRECER NOVA FORMACIÓN AOS COMERCIANTES DO MUNICIPIO

A Concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio; mediante o Instituto Pontés de Promoción Económica, poñía onte en marcha unha nova iniciativa formativa co fin de incrementar os recursos do tecido comercial da nosa vila. Desta vez, dende o departamento que dirixe Montserrat García apostábase por un curso de atención ao cliente e no que tomarán parte, ata mañá, unha ducia de comerciantes locais. A propia concelleira do ramo achegábase onte ata esta primeira xornada formativa das tres coas que conta este obradoiro, co fin de ofrecer, unha vez máis, todo o respaldo e axuda precisa dende a súa concellería á hora de atender suxerencias con motivo da posta en marcha de novos cursos ou de claquer tipo de idea que poida servir para continuar a respaldar o tecido comercial pontés. A empresa Gestionplus está a ser a encargada de impartir este obradoiro de catro horas e media de duración e que está a ter como escenario as dependencias da Casa Dopeso. Alí, durante estes días, os participantes están a aprender os diferentes compoñentes da comunicación verbal, non verbal e escrita; a identificación ao diferente tipo de cliente co que se pode atopar ou ás liñas de comunicación a seguir cando se está a atender unha chamada telefónica dun cliente. Asemade, durante estes días abordaranse as diferentes fases de atención ao cliente ou as técnicas e ferramentas para lograr a fidelización dunha persoa que se decide a confiar nos seus servizos. Non faltarán tamén nas vindeiras sesións liñas de actuación á hora de solventar conflictos. Deste xeito, unha vez máis, dende a Concellería de Industria, Promoción Económica, Comercio e Hostalaría, volvíase ofrecer novos recursos aos comerciantes locais co fin de fortalecer o comercio de calidade, coma o que temos na nosa vila.

AS ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS CLAUSÚRANSE CON DIFERENTES FESTIVAIS E EXHIBICIÓNS

As escolas deportivas municipais despedían, a pasada semana, un novo curso e é que, se por algo se caracteriza o concello que preside Valentín González Formoso é por contar cunha gran variedade de iniciativas deportivas para os pequenos e tamén para os adultos. Todos eles protagonizaban, nestes días, diferentes exhibicións e festivais nos que non faltaron as mostras dos progresos destes alumnos e alumnas durante estes meses e tras moitas semanas de adestramentos e prácticas. Así, a pasada semana, organízabanse clases abertas de tenis, xadrez, baloncesto ou ioga que se sumaron tamén a bailes de despedida coma os protagonizados polos alumnos de psicomotricidade, patinaxe, ximnasia rítmica ou ata aerobic e ata as últimas clases con carreiras de velocidade incluídas coma as que desputaban os alumnos e alumnas da escola municipal de natación. Asemade, non podían tampouco faltar as mostras de katas e combates de karate, co clube Renbukan, ou taekwondo onde ata o campión de Europa de Freestyle, Gabriel Tembrás, tamén realizaba un dos exercizos cos que alcanzaba este título. En resumo, toda unha combinación de ritmos, movementos e xogadas que fixeron as delicias non só destes deportistas senón tamén dos familiares e amigos que se animaron, nestes días, a desfrutar deste amplo calendario de clausuras.

MÁIS DE 16O PEQUENOS E PEQUENAS PARTICIPARÁN ATA SETEMBRO NOS CAMPAMENTOS URBANOS DE VERÁN

36 nenas e nenos de As Pontes veñen de embarcarse nunha nova aventura, os campamentos urbanos que pon en marcha unha edición máis a concellería de Servizos Sociais que preside o concelleiro José Alén. Os participantes disfrutan xa dende onte dun verán cheo de actividades lúdicas, deportivas, medioambientais e, especialmente, enriquecedoras, coa Escola de Tempo e Aire Libre Néboa ao fronte da iniciativa. Ao longo destes meses de verán os monitores velarán para fomentar entre os pequenos campistas valores como o compañeirismo, a amizade, o traballo en equipo e o respeto aos demais. Promoverase, igualmente, o desenvolvemento da creatividade, e afondarase no coñecemento de antigos oficios, costumes e no respecto ao entorno. As actividades integraranse dentro dunha proposta temática elaborada quincenalmente. Así, cada pouco tempo viaxarase a un novo mundo mediante temáticas variadas o que permitirá desfutar neste tempo de lecer dun verán diferente. No que resta deste mes de Xuño a programación enfocarase ao mundo da música, na primeira quincena de Xullo todo xirará en torno ao bosque atlántico e a segunda quincena de Xullo deixarase para profundizar na Vila. Xa no mes de Agosto as actividades enforcaranse ás nosas festas e ás nosas augas e finalmente en Setembro os campamentos urbanos volverán xirar en torno á música. Pero a programación non remata eiquí. E é que neste 2.013 preténdese igualmente que os nenos e nenas fagan unha inmersión no inglés co fin de mellorar a súa comprensión oral nun contexto lúdico, mediante xogos, cancións, bailes e diálogos do máis comúns. Son, en definitiva, os campamentos urbanos actividades lúdico-educativas que permiten aproveitar as vacacións dun modo distinto e ás familias mellorar a conciliación da vida familiar e laboral. En total, 166 nenas e nenos ponteses participarán nas acampadas deste ano. 36, neste mes de Xuño; 69, no de Xullo; 33 en Agosto, e finalmente en Setembro, os campamentos urbanos do Concello de As Pontes reunirán a 28 rapaces e rapazas, de entre 3 e 12 anos.

21/6/13

O CONCELLO DE AS PONTES HONRARÁ Á SÚA PATROA CON MÚSICA, ACTIVIDADES DEPORTIVAS E MÚLTIPLES CITAS CULTURAIS

En menos de tres semanas As Pontes vestirase de festa. De feito, xa están en marcha, dende hai varios meses os preparativos dunha nova homenaxe á patroa: a virxe do Carme que, coma sempre, se vivirá con actividades de todo tipo e para todos os gustos. Música, espectáculos infantís, citas relixiosas, competicións deportivas e sobre todo moita diversión serán as principais liñas de varios días de festa que arrincarán coa publicación, a finais da vindeira semana, dunha nova edición da revista das Festas do Carme e a Fraga 2013. De feito xa esta fin de semana poderemos desfrutar do tradicional maratón de fútbol sala festas do carme ao que se unirán, unha nova cacería do raposo, e citas coma o Seven de Rugby, diferentes competicións de tiro, padel ou baloncesto . Nembargantes, un dos eixos centrais serán as actividades litúrxicas e que arrincarán o 12 de xullo coa tradicional novena da Virxe do Carme. Por suposto, non faltará a ofrenda floral á nosa señora o 13 de xullo e as procesións de baixada e subida os días 20 e 21, ao que se sumará a Misa de Cofrades e de Santa María Magdalena o día 22 ou a misa na Capela do Carme o mesmo 25 de xullo. Para os máis pequenos tamén se contará cunha interesante oferta lúdica cunha nova edición do parqueactivo entre os días 18 e 22 de xullo ou o mundoxogo que ateigará de xogos do máis diverso as dependencias do Mercado Vello e arredores. A eles uniranse espectáculos infantís coma a obra Jiñol e diferentes actividades vencelladas coa música, a maxia ou os xogos tradicionais. Pero non nos podiamos esquencer tamén de actividades para os máis entrados en anos, de feito, un dos actos con maior participación é o tradicional pregón das festas que terá lugar o día 19, diante da Casa do Concello. Nesta ocasión decidíase homenaxear ao sector sanitario que estará representado polos doutores Pilar e Guillermo Baamonde, a Pura Seco e o pediatra José Ramón García López que serán os encargados de dar o pistoletazo oficial de apertura a estas festas. Asemade, non nos podiamos esquencer doutro tipo de citas xa clásicas coma o Certame de Corais que terá lugar o día 13 ou o de Bandas, programado para o día 21, con eles o Festival Folclórico Internacional que se celebrará o día 22 ou unha nova edición do espectáculo de percusión e danza Latexos, o día 12 de xullo. Por suposto un dos pratos fortes destas festas serán as verbenas onde non faltarán a Sintonia de Vigo, a orquestra París de Noia ou a Olimpus, entre outras. Así as cousas, para o mesmo venres das festas a formación Sintonía de Vigo que lidera Arturo Sabugueiro compartirá noite coa Costa Oeste, na Praza do Carme, namentras que o sábado, trala procesión será posible desfrutar das formacións Filadelfia e Combo Dominicano. A verbena do domingo estará protagonizada polas míticas Gran Parada e París de Noia e o luns contarase coa Olympus e a orquestra Charleston. Asemade, durante a semana de festas tamén teremos outro tipo de actuacións musicais xa que a Banda Cultural e Recreativa protagonizará varios concertos ao igual que o grupo tradicional Faltriqueira, a Agrupación Cultural Alende e incluso teremos nas Pontes á formación de mariachis Los colores de México. E para a celebración da Festa da Fraga nada mellor que todo un cartel de luxo para unha nova edición do Festival Folk, desta vez coas formacións Güezos, Bastards on parade, Quempallou ou a cantante Mercedes Peón. Xa para o día 25, contarase coa orquestra Cinema coma responsable da sesión vermú que repite trala boa experiencia do pasado ano. Asemade, e tras moitos rumores xa se pode confirmar a visita o día 25 á fraga da formación los Suaves, nun concerto que arrincará ás 20.30 horas. Xa á noite novamente a orquestra Cinema repetirá actuación para pechar este programa de actividades do máis variopinto e que tan só esixe unha cousa: o desfrutar del con todas as ganas posibles.

SANTA MARÍA LOGRA A VICTORIA ABSOLUTA NAS OLIMPIADAS ESCOLARES

As pistas do Clube Deportivo As Pontes enchéronse onte de futuros e futuras atletas e é que, un ano máis, o concello mediante o departamento municipal de Deportes e o clube de atletismo Olympo aunaron esforzos para celebrar unha nova edición das Olimpiadas Escolares; unha proba que se recuperaba o pasado ano tras décadas do seu apoxeo e que lograba que máis de 200 escolares dos colexios de Santa María, a Fraga e a Magdalena desfrutasen de diferentes competicións de velocidade, relevo, lanzamento de peso ou salto de lonxitude; disciplinas dadas a coñecer por atletas como Carl Lewis ou Jesse Owens e que agora, de seguro, que son do máis atractivas para estes pequenos grandes deportistas. Dende ben cedo, as pistas do Poboado acollían a estes deportistas que, xunto cos seus mestres, chegaban do máis preparados para ser os mellores nas súas respectivas probas e, de paso lograr unha medalla e colaborar coa obtención de puntos para que o seu respectivo colexio fose o mellor destas Olimpiadas. Durante toda a xornada foi posible desfrutar de probas de velocidade con percorridos de 60 metros e de longa distancia e nos que participaron dende os máis pequenos, de categoría prebenxamín ata os competidores de categoría infantil. Asemade, tamén houbo probas para os máis fortes, con lanzamento de peso, ou para aqueles con maior axilidade con salto de lonxitude aínda que foi a proba de relevos a máis intensa e desputada de toda a mañá, xa que os folgos dos compañeiros nas bancadas se sumaron aos esforzos dos diferentes corredores de cada equipo por lograr unha nova victoria para o seu colexio. Así, en prebenxamín feminino impoñíase o equipo da Magdalena namentras que no masculino facíao o colexio da Fraga, que tamén repetía victoria nos relevos de benxamín feminino. No tocante á categoría masculina o primeiro posto foi para Santa María ao igual que nas dúas categorías alevín e na proba de relevos infantil. Asemade tamén eran puntuables o resto das probas da mañá, o que facían tamén o colexio de Santa María lograse a victoria absoluta sobre a Fraga e a Magdalena, pero cun resultado do máis axustado xa que cun empate a 329 puntos foi preciso realizar unha nova carreira de relevos para coñecer o nome do equipo gañador. E como en cada competición que se precie tocaba pechar cunha entrega de trofeos aos gañadores de cada proba, nesta ocasión era o edil de Deportes, Carlos Castro, o encargado de presidir este acto e que coincidiu tamén cunha homenaxe pública ao taekwondista Gabriel Tembrás, ao que tamén se llefacía entrega dun diploma conmemorativo desta xornada e un agasallo. Xunto con estes premios, Gabriel tamén recibía os aplausos e parabéns de todos os seus compañeiros e amigos cos que se pechaba así unha nova edición desta cita deportiva que volve estar xa máis que asentada na axenda deportiva escolar pontesa.

Festa fín de curso no lago

20/6/13

O Concello de As Pontes e as ANPAS pontesas reclaman conxuntamente a retirada do novo decreto de comedores escolares

O martes da vindeira semana Anpas de 25 centros dos concellos da zona con comedor escolar entregarán en Santiago as sinaturas recollidas en contra desta normativa que pretende aplicar a Xunta de Galicia O Concello de As Pontes volvía amosar hoxe o seu decidido apoio ás asociacións de pais e nais dos centros educativos de As Pontes na reivindicación que están a manter contra o decreto da Xunta de Galicia que fixa o pago dos comedores escolares, nunhas condicións e cantidades que tanto proxenitores coma administración local consideran inadmisibles. O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, volvía facer un alegato en defensa do mantemento da calidade na formación pública, secundado pola representante da ANPA do único colexio con comedor en As Pontes , o C.E.I.P A A Magdalena, e coa asistencia dos representantes das Anpas de todo o resto de colexios da localidade, ademáis da tenente de alcalde, Montserrat García, e o edil de Educación, José Alén. O rexedor pontés apuntaba que esta medida do goberno autonómico, carga unha vez máis sobre as economías das familias obrigandoas a facer frente a novos pagos dunha parte importante deste servizo, e apuntaba que o concello de As Pontes oporase a que os escolantes sexan as víctimas destas políticas antisociais Pola súa parte, a representante da ANPA da Magdalena, Patricia Ferreira, defendeu as mobilizacións que se están a facer apelando á súa obriga como pais e nais, de velar polo dereito a educación, garantindo un servizo de comedor escolar de calidade para o alumnado que o necesite. Asemade, durante esta comparecencia ante os medios, anunciábase tamén que, logo da mobilización de onte en As pontes, na que se contou co apoio de Anpas de concellos veciños e de representantes da Cordenadora de Anpas Abrente, van seguir estando nas que convoquen éstas, e que o martes da vidneira semana, día 25, vaise facer entrega das sinaturas recollidas en contra da aplicación das novas directrices para o pago de comedores que quere impoñer o executivo autonómico. Para a entrega dese documento en Santiago, que se fará conxuntamente por parte dos 25 representantes doutras tantas Anpas de toda a contorna, fletouse un autocar que sairá de As Pontes ás 10.00 horas, con paradas en Cabanas ás 10.15 horas e en Pontedeume ás 10.30 horas.

19/6/13

A Concellería de Industria, Promoción económica, Comercio e Hostalaría, pon en marcha un curso de atención ó cliente.

Dende a Concellería de Industria, Promoción económica, Comercio e Hostalaría, na dinámica de ofrecer aos comerciantes da nosa vila as ferramentas precisas para continuar na procura de fortalecer o comercio de calidade, vaise poñer en marcha unha nova acción formativa específica. Será un curso de atención ó cliente que terá a inscrición gratuíta, anque coas prazas limitadas a quince, respectando a orde en que se produzan. A semana que entra, o martes 25, mércores 26, e venres 27, e a seguinte, os días 1, 2, 3, e 4 impartirase este obradoiro entre as oito e media e as dez da noite, no soto da casa Dopeso. Ata o xoves estará aberto o prazo para inscribirse no rexistro municipal en horario de nove da mañá a dúas da tarde. No curso abordaranse eidos como a comunicación verbal, non verbal, e escrita, os tipos de clientes e a súa identificación, as fases de atención ó cliente, a atención telefónica, as técnicas e efrramentas de fidelización, a reclamación e xestión de conflictos, ou os protocolos e usos na atención ó cliente. Dende a Concellería que dirixe Montserrat García decidíase ampliar a oferta que se ven facendo neste tipo de citas ós comerciantes, tamén ó sector da hostalaría. A presentación farase o día da apertura das clases, o martes 25, ás oito do serán na propia aula da Casa Dopeso.

XUVENTUDE OFRECE DOUS CURSOS DE PRIMEIROS AUXILIOS PARA UNHA TRINTENA DE DOCENTES

A Concellería de Xuventude continúa a ofrecer novas actividades formativas e é que aos cursos de operador de carretilla elevadora e operador de ponte grúa sumouse, estes días, un obradoiro de primeiros auxilios dirixido aos mestres dos diferentes centros educativos de As Pontes. E é que, dende a concellería que dirixe Jesús Tembrás, estase a ofrecer este obradoiro no que, durante esta semana, participaron un total de 30 mestres e mestras que imparten escola na nosa vila. As dependencias do colexio A Magdalena e do instituto Castro da Uz acolleron estas clases que estiveron impartidas polo técnico de emerxencias Manuel Cabarcos e a doutora María Jesús Castro, e nas que durante un total de nove horas, os participantes adquiririrán coñecementos básicos sobre os primeiros auxlios pedriátricos no caso de que un alumno sufra un accidente ou se poña enfermo. De feito, os expertos explicaron dende como se activa un servizo de emerxencia ata como solventar unha obstrucción dunha vía aérea ou tratar unha hemorraxia ou traumatismo e é que son os mestres os primeiros en actuar no caso dun accidente na escola. De ahí que, mediante estes cursos o que se busca é ensinarlles a recoñecer síntomas para trasladalos ao servizo de urxencias no caso dunha chamada de teléfono ou as pautas a seguir no caso de que sexa necesario evacuar un edificio. Así, profesores do Castro da Uz, Magdalena, Monte Caxado, A Fraga, Moncho Valcarce e Santa María, divididos en dous grupos, tomaron parte nestes días nestas clases pioneiras e que, xunto coa asociación cultural Efega, está a concellería que dirixe Jesús Tembrás.

AULAS DE DIVERSIÓN PECHA UNHA NOVA EDICIÓN CUNHA ROITA AO LAGO E A VISITA DA PROTECTORA ARCO DA VELLA

Aulas de diversión viviu o pasado sábado a última sesión do curso escolar e para celebralo dobre actividade: roita en bicicleta e encontro cos integrantes da protectora de animais Arco da Vella. Dende o Colexio Monte Caxado partiu unha caravana de ciclistas, en total unha trintena, con destino ao lago de As Pontes, estando acompañados en todo momento por voluntarios da Agrupación de Protección Civil. Nenos e adultos xunto cos monitores de Aulas de Diversión percorreron a Canle IV e o paseo ata a Casilla para xa na praia do lago reunirse con responsables da protectora de animais Arco da Vella e unha ducia dos seus cans, sobre todo, galgos. Entre os asistentes atopábanse tamén veciños e veciñas da Vila que adoptaron a súa mascota na propia protectora, e que a levaron ata a praia do lago, para que Arco da Vella comprobase a evolución dos animais. Non faltaron as clases prácticas de cómo achegarse ao can, que comportamentos non se poden ter cos animais, as razas que existen, os coidados que precisan e campaña de concienciación contra o seu abandono. Para finalizar os nenos e nenas que así o desexaron puideron pasear os distintos exemplares que acompañaban aos integrantes da protectora Arco da Vella. Con esta actividade ponse punto e final ao programa Aulas de Diversión do curso 2.012-2.013, o exitoso programa ideado pola Concellería de Servizos Sociais que preside o concelleiro José Alén, que ano tras ano obtén millor acollida entre as familias dado que permite conciliar promoción laboral e vida familiar. Ao longo destes meses en Aulas de Diversión sucedéronse actividades do máis variopintas que incluíron dende obradoiros de cociña, clases de pintura e reciclaxe de camisetas, pasando por obradoiros de educación vial, técnicas de acampada, e montaxe de fotografías, e ata clases de primeiros auxilios.

17/6/13

O Concello de As Pontes destina 20.000 euros ás axudas para a escolarización

O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Servizos Sociais e Atención Cidadá, abrirá mañá o prazo para solicitar as axudas ás familias para atender os gastos orixinados polo inicio do curso escolar en materia de libros ou material escolar para os cursos non contemplados no programa autonómico de gratuidade 2013-2014. O executivo local destinará 20.000 euros a estas axudas en partidas que poderán alcanzar un máximo de 150 euros, segundo o curso e as condicións familiares do solicitante, xa que estas achegas beneficiarán a estudantes de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio ou Superior. O goberno municipal incrementa así notablemente o orzamento dirixido a este fin con respecto ao exercizo pasado cando se destinaron 12.000 euros, incremento que pon de manifesto o gran compromiso do executivo local co ensino nuns tempos economicamente complicados coma os que se están a vivir. Para solicitar estas axudas é preciso estar empadroado en As Pontes, que os ingresos anuais da unidade familiar non excedan os 380 euros mensuais de renda per cápita - cifra que tamén se vía incrementada con respecto ao 2012 cando a renda per cápita ascendía aos 350 euros - e ter presentado a solicitude de reserva de matrícula no centro escolar ou nun centro sostido con fondos públicos ao que se sumará unha valoración da situación familiar que se desenvolverá dende o departamento de Servizos Sociais. Unha vez concedida a axuda, o seu pagamento realizarase por medio dun vale canxeable polo importe concedido nas distintas librarías de As Pontes ata o 15 de setembro como data límite. Para beneficiarse destas axudas é preciso cubrir a pertinente solicitude no departamento de servizos sociais ou no rexistro xeral do concello adxuntando a documentación que se incluirá neste documento, facendo entrega da mesma no rexistro xeral do concello denantes do 19 de xullo. Asemade, aqueles alumnos que realicen a matrícula en setembro para cursar Bacharelato ou ciclos formativos terán de prazo do 9 ao 13 de setembro para presentar a pertinente documentación. Para obter máis información sobre estas axudas poden consultar o Boletín Oficial da Provincia de hoxe, achegarse ata o departamento de Servizos Sociais, ubicado no segundo andar da Casa Dopeso, ou ben acceder á páxina web municipal no enderezo www.aspontes.com.

14/6/13

AS ESCOLAS DEPORTIVAS PECHAN, A VINDEIRA SEMANA, O CURSO 2012-2013 CON DIFERENTES EXHIBICIÓNS

Aínda que o tempo non acompañe e tanto as temperaturas como as precipitacións se asemellen máis aos meses propios do Inverno, o certo é que o verán chama xa á porta. En oito días estrearemos nova estación, os rapaces despedirán o curso escolar e cesarán ata o ano que vén todas as actividades extraescolares. Pero antes toca despedirse por todo o alto, facendo gala dos coñecementos adquiridos ao longo do curso. Así, a partir do luns As Pontes vivirá un ano máis a clausura das súas escolas municipais deportivas. Escolas nas que tomaron parte 450 deportistas ponteses, 300 nenos e nenas e 150 adultos. O Pavillón Municipal, o do Monte Caxado, a Piscina, e as pistas da Canle IV servirán como escenario para a celebración das distintas clausuras, que xa comezarán ás seis da tarde do luns, coa despedida das clases de xadrez. O martes, na piscina, entre as cinco e as sete clausurarase a escola municipal de psicomotricidade que un ano máis dirixiu Ana Alonso e no mesmo horario, pero nas pistas da Canle IV, teremos o fin de curso da escola municipal de tenis. Xa o mércores, dende as catro da tarde ás oito, clausura das escolas municipais de natación, na piscina municipal, e de seis a oito do serán, o pavillón municipal acollerá a despedida da escola de baloncesto. Finalmente o xoves, vivirase a xornada mái intensa, coa clausura de ata cinco escolas e máis a exhibición dun clube. Así, ás seis da tarde o pavillón do colexio Monte Caxado acollerá a exhibición da escola municipal de patinaxe. Ás seis e media haberá no pavillón municipal unha exhibición de ioga, e ás sete seguiralle a exhibición do clube de Karate Renbukan As Pontes. Ao seu remate sairán á pista os taekwondistas ponteses que asisten ás clases que dirixe Antonio Montes, entre eles o campión de España e de Europa infantil, Gabriel Tembrás Corrales. E finalmente, entre as oito e as nove do serán clausuraranse as escolas de Ximnasia Rítmica e de aerobic.

O CONCELLO ABRE O PRAZO PARA A SOLICITUDE DE PERMISOS PARA AS FOGUEIRAS DE SAN XOÁN 

Achégase a noite máis curta do ano, o 23 de xuño, a véspera de San Xoán. E como manda a tradición esta festividade celébrase saltando as tan típicas cacharelas e comendo a sardiñada que adoita acompañar. Por iso o Concello de As Pontes, mediante o departamento de Participación Cidadá, publica, como vén facendo dende hai moitos anos, unha serie de normas que deberán cumprir todas as persoas ou agrupacións que fagan unha fogueira durante o mes de xuño. Antes deberán solicitar autorización ao Concello para poder facer o seu foleón. O prazo está aberto ata as dúas da tarde do vindeiro sábado 22 de xuño. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello. Se estás pensando facer a túa propia lumieira, as indicacións e normas do Concello son as seguintes. Primeiramente, todas as persoas, organizacións ou comunidades que desexen realizar unha fogueira na noite de San Xoán deberán presentar a solicitude correspondente no rexistro do Concello sinalando o lugar elixido, así como os datos co DNI, nome, enderezo e teléfono dos responsables da organización ou comunidade, encargados de coidar os arredores da zona onde se faga o lume. No tocante aos lugares públicos tan só será posible realizar a cacharela no entorno da Canle IV, estando totalmente prohibido realizar calquer tipo de fogueira na zona do lago. Unha vez escollido o lugar da cacharela, éste deberá ser indicado nun plano de situación, agás se se trata dunha zona privada. Unha vez obtido o permiso, os responsables da fogueira están na obriga de seguir as normas que publica o Concello. Unha delas refírese á cantidade de combustible que se poderá utilizar. A dimensión da fogueira está limitada e o volume de combustible non pode pasar dos oito metros de perímetro nin dos tres de altura. Por outra banda, o Concello prohibe queimar neumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceite e, en xeral, calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. En ningún caso se poderán botar ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión. Os coidados non rematan cando se apaga a fogueira. As cinzas deben quedar totalmente apagadas e o lugar debe quedar como estaba antes de que comezara a festa ao redor do lume nun prazo máximo de 48 horas. Na noite do domingo en que se celebra o San Xoán a Policía local e outros corpos de seguridade vixiarán o cumprimento destas normas, así como se pasarán tamén a revisar a súa preparación previamente.

10/6/13

O CONCELLO ORGANIZA DOUS OBRADOIROS DIRIXIDOS Á BUSCA DE EMPREGO

A Concelleria de Emprego, Turismo e Novos Proxectos organiza, xunto coa a Asociación Seara, unha nova edición dos obradoiros centrados nas técnicas para a busca de emprego. Con esta iniciativa, unha vez mais, o departamento que dirixe Ana Pena dotará os desempregados de As Pontes dos coñecementos necesarios para afrontar unha entrevista de traballo, dende o primeiro paso que sería a elaboración do curriculo ata os contidos propios da entrevista de traballo. Os obradoiros desenvolveranse en catro sesións. O primeiro nas xornadas do 26 e 27 deste mes e o segundo os días 2 e 3 de vullo, podendo inscribirse dende o 6 ao 20 de xuño no Departamento de Orientación Laboral do Concello, ubicado no segundo andar da Casa Consistorial. As persoas interesadas deberán presentar, xunto co formulariode inscrición debidamente cuberto, unha fotocopia do DNI, unha fotocopia da tarxeta de demandante de emprego, o certificado de empadroamento e un currículum actualizado.

ASTURIAS COÑECE O LAGO DE AS PONTES DA MAN DA CONCELLERÍA DE TURISMO

A aposta turística de As Pontes aterrou o pasado venres en Oviedo coa presentación do proxecto «As Pontes, camiño do Eume. O maior lago de España". Ese foi o título da poñencia celebrada no curso dun foro sobre turismo organizado polo xornal asturiano La Nueva españa. O acto presentouno o escritor e montañeiro Víctor Villar Pis, que estivera na nosa vila o ano pasado nun foro de ciclismo e montaña, e que avalou que As Pontes pódese converter nun dos destinos turísticos máis interesantes da Península pola súa riqueza medioambiental. Contou coas poñencias do director da mina de Endesa As Pontes, José Antonio Menéndez Lolo; a concelleira de Turismo, Ana Pena; e Soledad Souto, a persoa que máis de perto vivíu todo o proceso de creación do lago dende o seu traballo en Endesa e que acabou converténdose nunha sorte de cronista deste. De feito foi coautora dos vídeos que se proxectaron nos que tamén colaborou RTVEUME e cos que se amosou a conversión de mina en lago e as potencialidades desta nova realidade para o noso municipio. Ana Pena aproveitou a presenza no Principado para salientar que os asturianos teñen unha sensibilidade especial cara a As Pontes grazas ós lazos entre os dous pobos, baseados en que foron moitos e aínda son bastantes os habitantes de As Pontes que viñeron asentarse dende Asturias. A súa mensaxe centrouse en dar a coñecer as múltiples alternativas que ofrece As Pontes, que co lago se miultiplican, pero xa estaban aí coa nosa riqueza paisaxística, patrimonial, ou gastronómica. Para pechar o acto entregouse una agasallo ós presentes no que se incluían unhas mostras de productos gastronómicos da localidade.

5/6/13

OS CAMPAMENTOS URBANOS DE VERÁN REGRESAN COMO SAÍDA Á CONCILIACIÓN DA VIDA FAMILIAR E VERÁN DURANTE O PERÍODO ESTIVAL

Achéganse as vacacións do verán e para moitos pais e nais comeza a tradicional preocupación de con quen deixar aos seus pequenos namentras eles deben atender ás súas obrigas laborais. Pois para ofrecer unha solución a estas familias, un ano máis, a concellería de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller volverán abrir ous seus Campamentos de Verán, dende este mesmo mes de xuño e ata mediados de setembro. Novamente, o colexio da Magdalena albergará estes obradoiros lúdico-educativos que arrincarán o 25 de xuño e que se dividirán en catro quendas: do 25 ao 30 de xuño, o mes de xullo, o mes de agosto e, finalmente, do 1 de setembro ata o día anterior ao inicio dun novo curso escolar. No tocante aos horarios, os que decidan participar neste programa poderán ou ben entrar ás 8.00 horas coa opción do almorzo e compartir xogos e actividades con monitores e campistas ata as 14.30 horas ou ben xa almorzar na casa, entrar ás 10.00 horas e saír contra das 14.30 horas. Para este verán, está previsto que en cada quenda se habiliten 65 prazas e 5 máis para nenos e nenas con necesidades educativas especiais, das que poderán desfrutar pequenos con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos, e que poderán realizar manualidades, xogos tradicionais, deportes, xogos de animación e múltiples e divertidas opcións para pasar a mañá. No que respecta aos prezos de inscrición, os meses de xuño e setembro terán un prezo de 10 euros namentras que xullo e agosto terán un custo de 40 euros coas habituais rebaixas para familias numerosas ou para aquelas que anoten a estes campamentos a máis dun fillo. Para poder anotarse é preciso cubrir o boletín de inscrición que xa se pode descargar dende a páxina web municipal, no enderezo www.aspontes.com, ou ben recoller na concellería de Servizos Sociais. Asemade, tamén é necesario entregar a fotocopia do Libro de Familia, o certificado de empresa conforme se está a traballar e non en período de vacacións, certificado da entidade se se está a participar nalgún curso formativo, declaración xurada de estar a traballar no servizo doméstico, informes de saúde e o informe da traballadora social dos Servizos Sociais que acrediten situación de dependencia dalgún familiar, de darse o caso, e é que, de darse unha maior solicitude que prazas vacantes será necesario realizar un proceso de selección. O prazo de inscrición que xa está aberto pecharase o vindeiro día 17 sendo preciso achegar toda a documentación requerida ata o departamento de Servizos Sociais, ubicado no segundo andar da Casa Dopeso.

3/6/13

Os alcaldes de municipios con centrais térmicas únense contra a normativa europea sobre emisións

O Concello de As Pontes convertiuse hoxe no epicentro das reivindicacións dos municipios que buscan solucións de continuidade para as centrais térmicas nos seus respectivos territorios. Ata dez concellos de toda España acudiron á chamada do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, para crear unha fronte común na reivindicación de garantiz a adaptación e continuidade das centrais térmicas que resultan vitais en cada unha das economías das súas poblacións. A obriga de manifestas o compromiso das eléctricas de adaptarse a unha normativa comunitaria que impón restriccións nas emisións de gases industriais, supón un serio risco para a súa viabilidade en función da escasa marxe concedida, que está limitada a finais deste ano. Aínda que as transformacións poderían afectuarse ata o 1 de xaneiro de 2016, o marco normativo establecido obriga a tomar esta decisión trascendental nun escenario moi preocupante con tantas frontes abertas neste momento en lexislación enerxética e en plena crise. Os alcaldes, ou no seu defecto representantes dos concellos presentes, coincidiron en reclamar unha moratoria nos prazos de decisión que establece a directiva, á espera de que mellore o escenario económico e se aclaren e analicen con tempo suficiente as condicións desta norma comunitaria. Unanimemente se aprobaba esta demanda, así coma o solicitar unha reunión directa co Ministerio de Industria, para transmitirlle a incertidume que se está rexistrando en todas as poboacións afectadas. Sempre na línea de esta fronte de actuación conxunta levanranse mocións a cada concello, tal e como xa se fixo en As Pontes, co apoio de toda a corporación municipal, textos que demandará o minimizar os efectos e repercusións desta normativa e, asemade, decidiuse solicitar o levar esta proble´mática ata cada un dos Parlamentos Autonómicos, ademáis de ao Senado e Congreso dos Deputados. Ademáis deste encontro, os representantes dosmunicipios reunidos en As Pontes visitaron acentral térmica de Endesa e a Casa del Concello, donde celebraron unha reunión na que se chegaba a estes acordos comúns e unánimes. No que respecta ao listado de participantes, en As Pontes contouse coa presenza de representantes dos concellos de Páramo del Sil (León), Cubillos del Sil (León), Velilla del Río Carrión (Palencia), Andorra (Teruel), Tineo (Asturias), Langreo (Asturias), Carreño (Asturias), Soto de Ribera (Asturias), Cerceda (A Coruña) y As Pontes (A Coruña), así como da Xunta de Galicia, a través do Secretario Xeral de Industria, e do l Comité de empresa de Endesa AsPontes, mediante o seu presidente Luís Varela.

DEPORTE NA RÚA ESTRÉASE COA PARTICIPACIÓN DE VINTE CLUBE LOCAIS E FOMENTANDO O USO DA BICICLETA

Aprender a controlar o balón, depurar a nosa técnica á hora dun lanzamento triple, coñecer o como colocarse para chegar a todas as bolas nunha pista de padel, ser uns Guillermo Tell co arco e as frechas ou incluso aventurarse a escalar por un rocódromo. Estas foron tan só algunhas das experiencias que durante a xornada do sábado pudieron vivir e desfrutar os moitos nenos e nenas que decidiron participar na primeira edición de Deporte na rúa. Unha xornada adicada ao fomento da multitude de actividades deportivas coas que contamos na nosa vila e que, asemade, serviu para clausurar o programa de ocio e tempo libre, ofrecido gratuitamente nestes últimos meses polo departamento municipal de xuventude. A canle IV encheuse de rapazas e rapaces que decidiron probar dende a súa punteiría coa axuda dos membros do clube o Esteo ata botar unha partida nun xadrez xigante ou subirse a unha máquina de remo, coma as que empregan os integrantes do grupo xuvenil de piragüismo para os seus adestramentos. Non faltaron circuitos para aqueles con máis pericia na bicicleta, diferentes probas de atletismo coma o salto de altura, lonxitude ou as carreiras de obstáculos e ata leccións básicas de rugby ou vela, sen esquencer exhibicións máis visuais coma as ofrecidas polos clubes de karate, taekwondo ou ximnasia rítmica, e é que non houbo clube local que non se quixese sumar a esta cita para promocionar a súa actividade. De ahí que tivesemos a oportunidade de desfrutar do clube Silex de tiro con arco, o clube de tenis de as Pontes, os clubes Padeleume e Padel As Pontes, o clube de baloncesto, o clube deportivo Endesa – As Pontes, o Esteo Fútbol Sala, o clube Fendetestas de Rugby, o clube Galiorient, as escolas de taekwondo, karate e ximnasia rítmica, o clube de atletismo olympo, o clube de xadrez, o grupo xuvenil de piraguismo, o clube Frank de Kick Boxing, o clube de montaña o Caxado, o clube de vela fluvial ou o clube ciclista vilalba as Pontes. E é que, tamén coa colaboura do departamento de deportes, lográbase converter a canle IV en todo un espectáculo multideportivo onde todos pudieron probar todas as modalidades deportivas alí afincadas e xa decantarse por algunha en especial para o vindeiro curso. Asemade, aqueles que se animasen a participar en ata tres probas levaban consigo como agasallo unha camiseta e que se completaba co sorteo de case unha vintea de bicicletas durante a xornada, vehículos doados polo concello que quixo aproveitar esta festa do deporte para conmemorar o día internacional do medio ambiente, que se celebra este mércores, e así fomentar o uso da bicicleta como medio de transporte ecolóxico, rápido, saudable e, por suposto económico. En resumo toda unha festa do deporte que nin a chuvia se atreveu a arruinar.

ADIANTE CELEBRA A XXII EDICIÓN DAS SÚAS XORNADAS CON MÁIS DUN CENTO DE PARTICIPANTES DE DIFERENTES PUNTOS DO PAÍS

Un ano máis a Casa Dopeso volvía ser sé dunha nova edición das Xornadas Adiante, sobre alcolismo. Nestas XXII xornadas, que levaban por títuto El alcohol no soluciona tus problemas, las asociaciones de alcohólicos rehabilitados sí, contouse coa participación de 120 persoas vidas non só dende diferentes puntos de Galicia senón tamén de Palencia, Burgos, Zaragoza, León, Albacete ou Valladolid, todo un ejemplo de que estas xornadas continuan a contar cunha gran importancia no territorio nacional e que, a pesares de superar as dúas décadas, continuan a estar en moi boa forma. Durante o sábado e mailo domingo tivemos a oportunidade de escoitar a profesionais vencellados con esta enfermidade e tamén a persoas que a padecen ou padeceron, xunto coas súas familias e amigos. Toda unha colección de experiencias que se inguraban o sábado. O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, foi o encargado de presidir a inauguración desta cita, cunha intervención na que, unha vez máis, o primeiro edil ofrecía o respaldo do executivo que dirixe a unha entidade integrada por veciños e veciñas que traballan de corazón, altruistamente para axudar a aqueles enfermos e enfermas de alcoholismo sempre que o precisen. Neste senso, González Formoso apuntaba que Adiante sempre atopará o respaldo do Concello a nivel económico e que, malia os recortes actuais, se continuará a traballar dende a administración municipal para botar unha man a este colectivo. González Formoso tamén gababa o gran traballo realizado polos integrantes deste colectivo e apuntaba a necesidade de continuar a potenciar unhas xornadas que, unha vez máis, lograban contar cunha gran participación. Pola súa parte, o presidente de Adiante, Jesús Fernández, agradecía unha vez máis o gran apoio do Concello de As Pontes que, en 2012, destinaba 40.000 euros ás actividades deste colectivo, calificando ao rexedor pontés coma un home xeneroso que sempre estivo ahí ante as necesidades deste colectivo. A rolda de intervencións pechouna o presidente da Federación de Alcólicos Rehabilitados de Galicia (F.A.R.G.A), José Rufo, que deu conta do incremento do número de enfermos por alcolismo dende o inicio da crise. Persoas que comezan a beber coma válvula de escape aos seus problemas e que deben pedir axuda para saír desta enfermidade, de ahí a importancia dos colectivos de rehabilitación. Asemade, José Rufo tamén quixo advertir dos novos modelos de intoxicación etílica que, hoxe en día, se están a propagar como é o tampovodka e que se está a converter nunha perigosa moda entre os máis novos. Posteriormente, daban comezo as xornadas coa charla do xornalista Xosé Cendán que disertou sobre a visión da sociedade sobre estas xornadas para dar paso, posteriomente, á psicóloga de Adiante, Belén Pardo, que abordou a problemática do alcolismo e a sintomatoloxía desta adicción. Xa para o domingo quedaron as experiencias dos enfermos e familiares e a charla do psicólogo do Hospital Clínico Universitario de Salamanca, Jesús Pol Rodríguez, que abordou a problemática do alcolismo na adolescencia e no actual escenario de crise. Coa clausura oficial por parte de organizadores e autoridades pechábase esta nova edición das xornadas adiante e que, un ano máis, contaron co patrocinio do Concello de As Pontes, a Xunta de Galicia, as federacións de alcólicos rehabilitados de España e Galicia e Endesa.