31/5/13

ABERTO O PRAZO ATA O 14 DE XUÑO PARA ANOTARSE NAS LISTAS MUNICIPAIS DE CONTRATACIÓN PARA SUSTITUCIÓNS NO SERVIZO DE AXUDA A DOMICILIO

O departamento municipal de Servizos Sociais mantén aberto o prazo para a presentación de solicitudes á creación dunha lista de agarda para a contratación temporal de novos auxiliares do Servizo de Axuda a Domicilio. Esta lista de agarda ten como fin cubrir as necesidades transitorias do servizo que presta a concellería de Servizos Sociais, mediante a contratación temporal para a cobertura de vacacións, baixas médicas ou excedencias. Este listado idearase mediante o sistema de concurso no que se valorará a experiencia laboral dos candidatos nun servizo similar, os cursos relacionados directamente con este servizo e o coñecemento da lingua galega. No que respecta aos candidatos, éstes deberán ser de nacionalidade española ou dun estado da Unión Europea; ter cumpridos os 16 anos de idade; non padecer eiva física que impida o normal exercizo da función; non estar incurso en causa de incapacidade ou incompatibilidade que determine a lexislación vixente; non ter sido separado mediante expedente disciplinario doservizo do Estado, Comunidade Autónoma ou Administración Local:; contar coa titulación de formación profesional de grao medio de atención sociosanitaria ou equivalente; ter o permiso de conducir B e contar co curso de galego Celga 3 ou ben cun curso de iniciación ou equivalente. No tocante ás solicitudes, éstas deberán presentarse denantes do 14 de xuño no Rexistro Xeral do Concello, en horario de luns a venres de 8.30 a 14.30 horas e os sábados entre as 10.00 e as 13.30 horas. Asemade tamén nestas dependencias é posible consultar estas bases e solventar calquer tipo de dúbida en relación á documentación a presentar. Toda esta información tamén está dispoñible na páxina web municipal, no enderezo www.aspontes.com.

ALUMNADO DE 3º E 4º DE PRIMARIA DE MONTE CAXADO VISITAN A CASA DO CONCELLO

Coñecer máis polo miúdo como se organiza a administración local, qué temas se tratan por exemplo nunha sesión plenaria ou que canles se deben seguir para que os nosos políticos tomen decisións que logo repercutirán nos seus veciños e veciñas, todo isto foi o que puideron ver e incluso realizar unha trintena de pequenos e pequenas do colexio Monte Caxado que onte estiveron de visita na Casa do Concello. Estudantes de 3º e 4º de Educación Primaria participaron xunto coas súas mestras Loli e Fina nunha clase práctica de cómo funciona a dirección dun concello e por riba da man do propio rexedor local, Valentín González Formoso. De feito, foi o primeiro edil o encargado de recibir a estes nenos e nenas no salón de sesións onde ocupaban os escanos que, habitualmente, son o lugar dos políticos de Partido Socialista, BNG, Partido Popular e Compromiso por Galicia e ata o posto do primeiro edil ou da secretaria do Concello. Alí procedían a debater temas tan dispares como o qué facer para evitar que aquelas persoas que teñen can lle permitan facer as súas necesidades en calquer lugar sen recollelas ou a necesidade de novos xogos no parque municipal para nenos maís maiores. Pequenos coma Xoel, Alicia, Juan, Adrián ou Uxía pudieron comprobar cal é a función de políticos coma Montserrat García, Francisco da Silva ou o mesmísimo González Formoso que, desta vez, vía ocupado o seu posto pola pequena Estela Calvo, que seguindo as pautas do rexedor, exercía de alcaldesa e de moderadora dun intenso debate entre os seus compañeiros de aula. Unha vez levantada a sesión, tocaba visitar o Rexistro Municipal onde estes estudantes daban entrada a unha isntancia con diferentes peticións para o goberno local e coñecer máis polo miúdo o departamento da policía municipal con Vicente, Coché e Amarelo que solventaron as dúbidas destes pequenos e pequenas sobre o seu traballo diario. Como remate nada mellor que recibir un agasallo, en forma de lapiseiro e gorra do Concello, e unha foto de grupo para sempre ter na retina esta peculiar clase práctica.

A CONCELLERÍA DE XUVENTUDE OFRECERÁ DOUS NOVOS CURSOS DE OPERADOR DE PONTE GRÚA E OPERADOR DE CARRETILLA ELEVADORA

O departamento municipal de Xuventude reeditará os cursos de operador de ponte grúa e operador de carretilla elevadora, que xa desenvolvía hai varias semanas nas dependencias da Casa Dopeso. No seu día tal foi a demanda que as 15 prazas ofertadas para cada unha destas actividades formativas quedaban escasas debido á gran cantidade de solicitudes presentadas para participar nestes cursos. Dende a concellería que dirixe Jesús Tembrás xa se anunciaba o pasado mes de abril a intención de repetir estas dúas actividades, ademáis de continuar a traballar na posible elaboración doutro tipo de cursos nun futuro. Así as cousas, dende o pasado mércores xa é posible anotarse para tomar parte nestes cursos e que se celebrarán os días 10 e 17 de xuño, con clases teóricas á mañá e xa prácticas pola tarde e que teñen como obxectivo: darlles a coñecer as normas de manipulación tanto dunha carretilla elevadora coma dunha ponte grúa co fin de mellorar a competitividade dos participantes á hora de acceder a un posto de traballo, e é que estes dous certificados están a ser moi demandados por parte das empresas da zona. Ámbolos dous obradoiros contarán con 8 horas de duración, entre teoría e práctica, que se desenvolverán na Casa Dopeso e en dúas empresas afincadas nos polígonos industriais da nosa vila. No tocante á inscrición, para anotarse nestes cursos será necesario ter entre 16 e 30 anos, non ter emprego e estar empadroado no concello de As Pontes. De feito para poder formar parte destes cursos que, novamente serán gratuítos, é preciso achegarse ata a Oficina Municipal de Información Xuvenil, ubicada no primeiro andar da Casa Dopeso, entre as 9.00 e as 14.00 horas, ata o venres da vindeira semana, e alí facer entrega da fotocopia do DNI, do certificado da situación administrativa actual e cubrir a pertinente ficha de inscrición. Novamente, de rexistrarse máis candidatos que prazas, realizarase unha selección do alumnado ao que se telefoneará para comunicarlle a súa participación nalgún dos dous cursos ofertados. Toda esta información pódese consultar mediante a páxina web municipal, no enderezo www.aspontes.com, telefonando ao 981 44 03 44 ou ben achegándose ata a Oficina Municipal de Información Xuvenil, da Casa Dopeso.

30/5/13

O Concello organiza o I Día do Deporte na Rúa co fin de fomentar uns hábitos de vida saudables

• Unha vintena de clubes deportivos locais das máis diversas disciplinas participan nesta xornada na que tamén se celebra o peche do programa Ocio e Tempo Libre As Pontes, 30 de Maio de 2013.- O Concello de As Pontes, mediante os departamentos de Xuventude e Deportes, celebrará o sábado o Día do Deporte da Rúa, unha iniciativa coa que se busca non só fomentar hábitos deportivos saudables entre os máis pequenos, senón tamén celebrar, por todo o alto a clausura do programa Ocio e Tempo Libre, un programa de axuda á conciliación da vida laboral e familiar para as tardes de sábado e que contou co respaldo do departamento de Xuventude, que dirixe Jesús Tembrás. Así as cousas, para poñer un broche de ouro a este programa que, dende hai varios meses se estivo a desenvolver gratuitamente no colexio de Monte Caxado, contouse coa colaboura dos diferentes clubes deportivos locais que, durante todo o sábado, ofrecerán exhibicións e tamén actividades para a participación dos pequenos e pequenas, en todo o entorno da Canle IV. De feito xa ás 11.00 horas, trala inauguración, terá lugar un obradoiro de vela e outro de tiro con arco, que virán seguidos de exhibicións de Karate e Taekwondo (12.30 – 13.00 horas) e tamén unha actividade de bicicleta de montaña (13.30 horas). Xa á tarde, retomarase o programa de actividades dende as 16.30 horas con rugby, tenis, padel, ximnasia rítmica , xadrez ou atletismo e, asemade, haberá diferentes espazos adicados ao mundo do montañismo, do baloncesto, fútbol sala ou fútbol campo, actividades nas que poderán participar todos os nenos e nenas que así o desexen con tan só falar co monitor correspondente. Asemade, por tomar parte en tres modalidades deportivas cada pequeno recibirá unha camiseta como agasallo. De feito, durante a xornada contarase coa colaboura do Clube de Baloncesto As Pontes, Clube de Pádel As Pontes, Esteo FS, CD Endesa As Pontes, Clube Padel Eume Matojoma, Clube de Rugby Fendetestas, Clube de Vela Fluvial, Clube de Montaña o Caxado, Clube Ciclista Vilalba – As Pontes, Clube de Atletismo Olympo, Grupo Xuvenil de Piragüismo, Clube Renbukan, Clube de Tenis As Pontes, Clube Silex, Clube de Xadrez, Clube Galiorient, Clube Kick Boxing Frank e Clube de Ximnasia Rítmica As Pontes. A organización, ademáis do Concello, correrá a cargo do espazo infantil Picariños que tamén se encargará de animar a xornada con música e xogos. Celebración do Día Internacional do Medio Ambiente Dende o Concello de As Pontes, asemade pretenden conmemorar o Día Internacional do Medio Ambiente, que se celebra o vindeiro 5 de xuño, con esta xornada deportiva, facendo especial fincapé no uso da bicicleta como medio de transporte ecolóxico, económico, rápido e saudable. Así as cousas, durante este Día do Deporte sortearanse catro bicicletas entre os estudantes, dúas durante a mañá e outras dúas na sesión da tarde, vehículos doados polo propio executivo local xunto co clube Ciclista Vilalba – As Pontes.

O Concello de As Pontes lidera unha reunión de alcaldes de municipios afectados pola Directiva Europea de Emisións Industriais

• O rexedor pontés,Valentín González Formoso, reunirase o luns cos primeiros edís de 12 concellos de todo o territorio nacional afectados pola nova lexislación O Concello de As Pontes, encabezado polo alcalde Valentín González de As Pontes, albergará o vindeiro luns, 3 de xuño, aos rexedores de todo o territorio nacional afectados pola nova Directiva Europea sobre Emisións Industrias. Un total de 13 alcaldes, entre eles o pontés, tomarán parte nesta reunión que ten como obxectivo valorar as repercusións desta normativa nos diferentes municipios do territorio nacional que contan cunha central térmica e, asemade, adoptar as medidas necesarias por parte dos municipios afectados co fin de minimizar a repercusión desta nova lexislación. En relación a este tema, o rexedor de As Pontes xa facía pública hai uns días a súa opinión, concretamente tralo encontro mantido o pasado venres co conselleiro de Industria, Francisco Conde. Neste senso, González Formoso apuntaba que o obxectivo básico é que as compañías invistan para adaptar as súas centrais pero o marco actual non é do máis positivo, cunha gran caída da demanda eléctrica e unha gran carga fiscal ás súas costas. De non poder darse esta adaptación, o primeiro edil abogaba por idear unha fronte común, liderada dende a Xunta de Galicia, para evitar que Endesa peche as súas portas por un diferencial de 30 mg de CO2, e solicitar así a Bruxelas que apliquen unha moratoria a esta directiva. Municipios afectados Con respecto ao encontro do vindeiro luns, está previsto que, ademáis do alcalde pontés, Valentín González Formoso, tamén se despracen ata As Pontes o primeiro edil de Cerceda, José Liñares; os alcaldes dos municipios asturianos de Tineo, Langreo, Carreño, Avilés e Soto de Ribera, ademáis rexedores de Carboneras (Almería), Andorra (Teruel), Puertollano (Ciudad Real), Velilla del Río Carrión (Palencia), Corbera (Comunidade Valenciana) e Cubillos del Sil (León). Ademáis deste encontro, o programa da xornada incluirá unha visita ás dependencias da central térmica de Endesa en As Pontes (11.30 horas) e unha rolda de prensa (12.30 horas) que terá lugar no salón de sesións da Casa do Concello.

O Concello de As Pontes e a Asociación Adiante celebran as XXII Xornadas sobre Alcolismo

• O sábado e mailo domingo as dependencias da Casa Dopeso albergarán diferentes charlas e poñencias de enfermos, expertos e autoridades na materia As Pontes, 30 de Maio de 2013.- O Concello de As Pontes colaborará un ano máis coa celebración das Xornadas Sobre Alcolismo que, para esta fin de semana está a organizar a Asociación de Alcólicos Adiante. De feito esta entidade se atopa xa cos últimos detalles do que será a vixésimo segunda cita destas características que alberga o municipio pontés e na que participarán afectados por esta enfermidade, familiares e expertos na materia vidos dende todos os puntos de Galicia e Castela e León. Cumprirase así unha nova edición desta cita anual na que o problema do alcolismo e a súas nefastas consecuencias volven cobrar protagonismo co fin de actuar, mediante casos reais, para fomentar a prevención. A Casa Dopeso será, un ano máis, o punto neurálxico das actividades destas xornadas e nas que será posible escoitar as disertacións de psicólogos, enfermos e autoridades sobre esta problemática. Así as cousas, mañá farase entrega da documentación dende as 18.00 horas e xa o sábado e mailo domingo teremos o groso do programa ideado para esta convocatoria e que leva como lema: O alcol non soluciona os teus problemas, as asociacións de alcólicos rehabilitados si. O sábado ás 10.45 horas terá lugar a inauguración oficial destas xornadas coa intervención do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso; o presidente de Adiante, Jesús Fernández e o presidente da Federación de Alcólicos Rehabilitados de Galicia, José Rufo. Posteriormente intervirá o xornalista, Xosé Cendán, que abordará o cómo reciben este tipo de xornadas a xente non vencellada con esta problemática. Tras dun descanso, ás 12.30 horas retomaranse as xornadas coa intervención da psicóloga de Adiante, Belén Pardo. E o domingo, ás 11.00 horas terán lugar as intervencións dos presentes: familiares e enfermos de alcolismo e ás 12.30 o psicólo Jesús Pol falará sobre o abuso do alcol na adolescencia. Xa a clausura, que terá lugar á 13.30 horas, correrá a cargo das autoridades locais e dos propios presidentes da asociación Adiante e da Federación Galega de Alcólicos Rehabilitados.

27/5/13

OS ALCALDES DE AS PONTES E CERCEDA REÚNENSE CO CONSELLEIRO DE INDUSTRIA CO FIN DE ABORDAR O FUTURO DAS CENTRAIS DE AS PONTES E MEIRAMA ANTE A NOVA NORMATIVA EUROPEA

O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, o presidente da Asociación do Colectivo de Transportes do Carbón, Manuel Bouza e representantes do Comité de Empresa de Endesa, co seu presidente Luis Varela ao fronte, abordaron nunha reunión de traballo co Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, a situación da central térmica ante a nova directiva europea de emisións, que obriga a adaptar o proceso industrial a uns límites de emisóns contaminantes. Ao encontro tamén acudiron o alcalde de Cerceda, José García Liñares, e os representantes do Comité de Empresa da central térmica de Meirama. A entrevista serviu para coñecer de preto o posicionamento dos representantes dos comités de empresa e dos rexedores municipais ante este escenario. Pola súa parte, o Conselleiro Francisco Conde comunicoulles a traballadores e alcaldes os diversos contactos mantidos polo goberno galego con todas as partes, as empresas responsables dambas as dúas plantas de producción de enerxía e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, para atopar a mellor alternativa. Neste sentido, o Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, resaltou durante a xuntanza que dende a Xunta de Galicia se traballa por un obxectivo común que é o de asegurar a correcta adaptación e a maior eficiencia ante a nova normativa de emisións das centrais térmicas de As Pontes e Meirama.

BLINDAXE SPORT E COMPÁS TOPOGRAFÍA ÁLZANSE COS PREMIOS A MELLOR EMPRESA E MELLOR AUTÓNOMO NA SEGUNDA EDICIÓN DOS PREMIOS AS PONTES EMPRENDE

Compás Topografía e Blindaxe Sport alzábanse o pasado sábado co recoñecemento na categoría de empresas e autónomos nunha nova edición dos premios As Pontes Emprende, uns galardóns que entregou o departamento municipal de Promoción Industrial e o Instituto Pontés de Promoción Económica; na que foi a segunda edición destes premios e na que tamén participaron a asociación Seara, Aje Ferrolterra, a Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes e a Escola Europea de Negocios. Un total de 6 proxectos e 12 xa realidades foron os escollidos como finalistas para representar a cultura emprendedora local das diferentes propostas que este ano concorrían a este certame. De feito, ademáis de Compás Topografía, designada co premio ao Mellor Autónomo, e Blindaxe Sport recoñecida co premio á Mellor Empresa, tamén resultaban premiadas con sendos accesits a páxina web Lamariola.es e a empresa de construcción Maren SL. Asemade, tamén se outorgaban sendos premios a diferentes ideas emprendedoras: neste caso ao proxecto de almacén de materiais de construcción Marcos, ideada por Marcos Gómez, e ao coto turístico A lagoa de óscar Cabarcos. Dous proxectos que se sumaron a outros catro finalistas e cunha característica común: o estar realizados, a súa maioría, por xoves menores de 16 anos, todo un exemplo de que hai unha cultura emprendedora entre os máis novos, tal e como puntualizou a concelleira de Promoción Indsutrial, Montserrat García, que tamén explicou a relevancia de galas coma a celebrada o sábado e que axudan a recoñecer o gran papel dos empresarios locais á hora de impulsar As Pontes. Polo escenario dun repleto auditorio municipal Alovi tamén se pasaban o empresario e director da compañía electrónica galega Blusens, José Ramón García, que daba conta de cómo hai algo máis dunha década nacía a idea de crear aparatos electrónicos de consumo con marca galega co fin de competir con grandes multinacionais como Sony. Un proxecto que arrincaba con tan só 3000 euros en Compostela, e que agora conta con filiais por todo o mundo e que, tal e como subliñaba García, demostraba que para ser un xigante non é preciso producir en Tailandia ou nos Estados Unidos, senón apostar por un mercado global. Como segundo convidado da mañá, tamén se contou co actor Manuel Sanmartín, coñecido sobre todo polo seu papel na serie da TVG Libro de Familia. Un rapaz que arrincaba a súa vida laboral cun moi bo posto nunha entidade bancaria e que, con 30 anos, decidía facer as maletas e ir a estudar a Los Ángeles para alcanzar o seu soño de adicarse á interpretación. Asemade, durante a mañá, aqueles e aquelas que se pasaron polo Alovi puideron desfrutar dunha representación teatral da compañía Chévere, protagonizada por dous curiosos emprendedores e tamén da curtametraxe a Lenda do Lago que recollía a transformación da mina de as pontes pero vista dende os ollos dun avó e da súa neta. E non podía faltar, un ano máis, o recoñecemento a un dos empresarios locais con maior sona e experiencia de As Pontes, neste caso a Alfonso Formoso, ao que o propio alcalde de As Pontes se refería coma un exemplo dun empresario que comezou en As Pontes e que, a día de hoxe segue confiando no seu concello como eixo da súa actividade empresarial, formando parte dunha clase de xente que vía a súa empresa e traballadores coma unha auténtica familia. O propio Alfonso Formoso, na compaña da súa familia, tamén estivo presente nesta gala, como non podía ser doutro xeito, e recibía unha placa conmemorativa pola súa importante bagaxe empresarial. Cun forte e emocionado aplauso e cunha foto de grupo de premiados, participantes, homenaxeados e autoridades pechábase este segundo as pontes emprende.

24/5/13

As Pontes Emprende dará a coñecer aos mellores empresarios e proxectos emprendedores do ano

• Durante a gala, organizada polo departamento de Industria, tamén se renderá homenaxe á traxectoria do empresario local Alfonso Formoso O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Industria e Comercio, e o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), celebrará o vindeiro sábado a gala de entrega de premios do II Certame As Pontes Emprende. Unha coa que tamén colaboraron a Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes, a asociación Seara e AJEFerrolterra. O auditorio municipal Alovi acollerá, dende as 11.30 horas, esta cita coa que se busca, un ano máis, respaldar aos emprendedores que, nestes intres están a apostar por poñer en marcha un negocio ou unha idea en As Pontes. A participación para esta segunda convocatoria non puido rexistrar mellores datos. Así o apuntaba a concelleira de Promoción Industrial, Montserrat García, que daba conta da súa satisfacción ante a gran cantidade de proxectos e ideas presentados este ano. De feito, o xurado tivo que facer unha selección para a fase final, na que cada participante daba conta nunha presentación ante o xurado do seu proxecto. Un total de 12 xa realidades se sumaron a outras seis ideas emprendedoras, realizadas na súa maioría por rapaces e rapazas de entre 14 e 16 anos e que abarcan futuros proxectos que teñen como centro o lago de As Pontes, o mundo dos videoxogos ou a pesca ou incluso os deportes. Neste senso, a concelleira congratulábase ante esta gran resposta dos máis novos e que xorde de iniciativas xa desenvolvidas en cursos anteriores polo departamento que dirixe, como son as charlas protagonizadas por emprendedores locais ou orientadores laborais e empresarios que se desenvolveron gracias ao IPPEC, a asociación Seara ou a Antena Cameral. Con respecto á gala que terá lugar o sábado, Montserrat García apuntou que se trata dun recoñemento por parte de toda a cidadanía a todos eses novos proxectos locais que pretenden servir como impulso para a nosa economía. No tocante aos premios, recoñecerase a Mellor Idea Empresarial, o Mellor Proxecto Emprendedor a nivel de Empresa e tamén o Mellor Proxecto Emprendedor na categoría de autónomos, que serán galardodos co título Emprende Empresa e Emprende Autónomo. Asemade, a programación da xornada incluirá a actuación do Grupo Teatral Chévere e as intervencións do actor Manuel Sanmartín, que deixaba o seu traballo na banca para adentrarse no mundo da interpretación e do presidente da compañía Blusens, José Ramón García. Non faltará a homenaxe a un empresario local, neste caso a Alfonso Formoso de Formoso Calefacciones e que leva case seis décadas co seu negocio en marcha. Todo un exemplo que merece ser recoñecido, tal e como apuntaba Montserrat García. Finalmente, a concellería convidou a toda a veciñanza a asistir a esta cita e, deste xeito, lograr que os propios ponteses e pontesas recoñezan co seu respaldo e presenza o gran traballo dos empresarios que están afincados na nosa vila e que sosteñen parte da economía local.

As Cantareiras de Alende protagonizan o venres un recital homenaxe a Suso Vaamonde

Auditorio Municipal Alovi acollerá este concerto no que tamén está prevista a actuación de Mini e Mero O Concello de As Pontes, a través do departamento de Cultura, está a organizar para este venres unha homenaxe ao cantautor Suso Vaamonde. As protagonistas serán as Cantareiras de Alende que ofrecerán un concerto no Auditorio Municipal Alovi no que as pezas deste compositor de Ponte Caldelas serán o eixo da interpretación deste grupo pontés que contará co acompañamento de Francisco Fernández Bouza e Antonio Rodríguez López, no teclado e no baixo. Temas coma Uah!, Volvín á terra pero perdín o amor ou Gaita irreal soarán nas voces de Anabel, Ana, Nuria, María ou Isa pero cunha compaña do máis especial: a de Mini e Mero que tamén se subirán ao escenario do Auditorio Municipal Alovi para sumarse á homenaxe a Suso Vaamonde e que arrincará ás 21.00 horas e que será de entrada totalmente libre.

20/5/13

AS PONTES EMPRENDE 2013

AS PONTES EMPRENDE 2013

A disputa do campionato galego de vela na clase vaurient trouxo ata a nosa vila a competidores e afeccionados

Esta fin de semana tivemos un novo capítulo na estratexia de aposta polo desenvolvemento turístico que está a desenvolver o concello pontés. Desta volta volvía ser co lago como eixo e o deporte como elemento de atracción. A disputa do campionato galego de vela na clase vaurient trouxo ata a nosa vila a competidores e afeccionados, anque o tempo volveu ser unha rémora para que a afluencia fose o masiva que cabía agardar. Precisamente o público foi o grande damnificado dunha proba que mantivo tres días de intensa actividade no entorno da praia, baixo a organización do Clube de vela Fluvial de As Pontes. As condicións non eran as idóneas para presenciar unhas probas nas que o tempo concedeu só esporádicas treguas para poder seguilas. Si respostaron os afeccionados desprazados coa máis dunha vintea de equipos que estiveron competindo no lago, e puideron disfrutar do programa de actividades paralelo entre o que hai que salientar o percorrido turístico que se levou a cabo o sábado por lugares de interese do pobo, e cunha degustación final de productos típicos da vila. Perto dun cento de persoas participaron destas rutas. A disputa desta nova competición na que As Pontes exercía de anfitrioa volvía amosar o acerto da aposta polo sector turístico como motor económico de futuro, confiando na influencia do lago como unha importante fonte de riqueza para o pobo. Neste senso, dende o Concello segue a traballarse en impulsar novas actuacións con esta fin. A máis inminente será a I festa do lago, que para inaugurar o mes de xuño promove a Comisión de festas do Carme. Esta XIV regata Vila de As Pontes, que tamén servíu como campionato galego, bateu rexistros este ano de participación e nivel competitivo. Non era para menos coa ocasión da estrea do lago como campo de regatas, onde se deseñou un triángulo olímpico que permitíu ós 20 barcos desta modalidade de vela lixeira, que é a vaurient, navigar baixo os tres ventos. Desta vez, anque o tempo volveu non acompañar, non foi impedimento para que os barcos se botasen á auga, e, mesmo na xornada de onte houbo que suspender dúas mangas por falla de vento. No eido puramente deportivo hai que salientar a victoria dos actuais campións de España desta especialidade náutica que se desenvolve cun barco de tres velas e unha parella como tripulación. Pablo Cabello e Javier Lago, do Náutico de Vigo, proclamábanse onte campións galegos de vaurien, nunha disputada pugna manga a manga cos vixentes campións do mundo, os irmáns de Sanxenxo, Jaime e Alfonso Leirós. A terceira praza foi para David García e Antonio Pérez, que tamén se quedaron moi perto dos cuartos, Rubén Cristos e Ana Santiso, que dende Vigo confirmaban a supremacía dos clubes do sul. Alejandra Suárez e Pilar Amaro, tamén da cidade olívica, impúñanse na clasificación feminina, mentres que en xuvenís a victoria foi para Tirso Cerqueira e Mario Pérez. Canto ós nosos, José Guerreiro e Carla Martínez foron décimoprimeiros, e os debutantes Miguel Ferreiro e Luis Pita acabaron no decimosexto lugar.

16/5/13

XUVENTUDE TRAE O SÁBADO A AS PONTES AS SEMIFINAIS ESTATAIS DE MUSICAULA

A Concellería de Xuventude, que preside Chicho Tembrás, trae ata As Pontes as semifinais estatais do prestixioso concurso Musicaula. A cita, que terá lugar no Colexio Santa María, contará coa actuación de La Sonrisa de Julia como artista convidado. As Pontes acollerá este sábado unha das semifinais do certame musical Musicaula, coa fin de dar unha oportunidade a todos eses grupos musicais escolares que se atopan por todo o país. O certame xa viviu as súas primeiras semifinais, celebradas as pasadas semanas en Valencia e Teruel, e agora chega a As Pontes con cinco grupos preseleccionados que chegan de institutos de Vigo, Cee, Burgos, Xixón e Santiago de Compostela. Esta semifinal conta co respaldo do Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Xuventude, e terá como escenario o patio do colexio Santa María. Por alí pasarán os grupos Persé (Santiago de Compostela ), Ranas Blancas (Xixón), Distance (Cee), Crabmen (Burgos) e Electros (Vigo) para gañarse o respaldo do público e alcanzar a fase final deste certame musical. Asemade, estes artistas noveis contarán coa compaña dun grupo xa ben coñecido como é La Sonrisa de Julia que tamén actuarán como broche de ouro a esta cita. No tocante aos horarios, ás 18.00 horas abriranse as portas do recinto escolar e xa ás 19.00 horas terán lugar as diferentes actuacións para rematar ás 22.15 horas. A entrada será totalmente gratuíta.

15/5/13

A CORPORACIÓN MUNICIPAL DA LUZ VERDE A UN ACORDO PARA ESIXIR AOS GOBERNOS AUTONÓMICO E CENTRAL MEDIDAS QUE PERMITAN A CONTINUIDADE DE ENDESA EN AS PONTES

A corporación municipal de As Pontes aprobou onte por unhanimidade o demandar á XUnta de Galicia e aos Ministerios de Industria e Medio Ambiente que adopten as medidas precisas para garantir a continuidade da central de Endesa en As pontes. Este pronunciamento chega nun intre no que todas as forzas políticas son moi conscientes de que as novas medidas que se van adoptar para a aplicación da Directiva de Emisións Industriais da Unión Europea, complican a continuidade dunha instalación que é vital para este concello. O propio alcalde, Valentín González Formoso, intensificaba os contactos nas últimas datas, acadando a resposta da empresa eléctrica no senso de trasladarlle a súa intención de investir en As Pontes, sempre e cando o escenario regulatorio o permita. Esas medidas, aparelladas á nova fiscalidade terán un impacto directo na inversión, a sabendas de que no se levaría a cabo se non vai haber rendibilidade. As demandas de flexibilidade veñen de tempo atrás dende o goberno local, que defende que non pode haber táboa rasa, e habería que flexibilizar as esixencias sobre instalacións como a que temos no noso município, que aínda no 2007 acometera unha inversión de 275 millóns de euros para someterse ás esixencias nos límites europeos de emisións contaminantes. Anque a adecuación á normativa europea tería que afrontarse dentro de tres anos, Endesa debe contestar antes de fin de ano, e dende a alcaldía pontesa xa se teñen feito manifestacións públicas demandando unha flexibilidade maior, toda vez que sería preciso un novo investimento de 300 millóns de euros, para dar tempo a que o escenario regulatorio poda trocar. Non se acepta que se actúe coa mesma esixencia para unha central que ven de amosar hai tan só cinco anos a súa dispoñibilidade a adaptarse ás normativas máis esixentes, cunha forte inversión, que a aquelas que dende os anos 80 non acometeron máis reformas. Tamén se estableceron xa contactos con outros concellos mineiros de cara a buscar alianzas para solicitar unha moratoria mentres se estuda unha fiscalidade eléctrica que agora mesmo grava a produción e non os benefícios.

A Concellería de Medio Rural ofrecerá mañá unha charla coloquio sobre a Lei de Montes

O secretario xeral da Asociación Sectorial Forestal Galega, Jacobo Feijoo, será o encargado de explicar esta normativa e solventar as dúbidas dos presentes nesta conferencia – coloquio. As Pontes, 15 de Maio de 2013.- O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Medio Rural, está a organizar para a xornada de mañá unha charla adicada a dar a coñecer a nova Lexislación de Montes, posta en marcha pola Xunta de Galicia o pasado mes de agosto. Dende a concellería que dirixe Antonio Castro optouse por convidar a todo un experto na materia: o actual secretario Xeral da Asociación Sectorial Forestal Galega, Jacobo Feijoo Lamas, que disertará sobre os aspectos máis relevantes da nova lexislación galega sobre montes e que van dende as limitacións e prohibicións para prantar fincas agrarias ata as distancias de prantación e os procedementos de reclamación cando se incumpren. Jacobo Feijoo tamén dará conta dos lugares nos que, nun futuro, será posible prantar tanto pino coma eucaliptos, a regulación que afecta ao pasto do gando no monte, os prezos da madeira ou as diferentes modificación que afecan aos Montes en Man Común. Esta actividade estará aberta a toda a cidadanía que decida participar na mesma e, asemade, solventar calquer tipo de dúbida en relación a esta nova normativa. A charla terá lugar nas dependencias da Casa Dopeso ás 20.00 horas.

14/5/13

O lago de As Pontes alberga esta fin de semana o Campionato Galego de Vaurien

• Ao atractivo desta proba de vela sumaránse tamén actividades culturais e turísticas organizadas dende as concellerías de Cultura, Turismo e Deporte O lago de As Pontes volverá ser sé, esta fin de semana, dunha nova proba deportiva. Trátase do Campionato Galego de Vaurien e ao que se sumará a XIV Regata Vila de As Pontes. A proba, organizada polo Concello de As Pontes, conta coa implicación dos departamentos municipais de Deportes, Turismo e Cultura e é que estas tres collerías veñen de aunar esforzos para idear unha intensa programación, para todos os públicos, co fin de desfrutar tanto das regatas coma doutro tipo de actividades do máis variopintas. De feito, dende a concellería que dirixe Sara Ramos apostouse por un programa no que haberá dende lecturas dramatizadas en homenaxe a Roberto Vidal Bolaño ata música, coa celebración do Festival Pop Rock do Estudante Musicaula. Así para o xoves, a biblioteca municipal ofrecerá ás 20.30horas unha lectura dramatizada da obra Saxo Tenor, do homenaxeado este ano o Día das Letras Galegas, e que protagonizarán os integrantes do clube de lectura pero que será aberta a toda a veciñanza. O venres, día 17, dende as 17.00 horas tamén será posible desfrutar da celebración do Día das Letras Galegas no Liceo Recreativo e Artístico e que incluirá o recital de varios textos en galego e a actuación do grupo No Cómbaro. Asemade, nestes días tamén será posible desfrutar da exposición do IX Certame de Artesanía Antonio Fraguas, ubicada na sala do Mercado Vello, e que estará aberta en horario de 12.30 a 14.00 horas e de 19.00 a 20.30 horas gratuitamente. Xa o sábado, no patio do Colexio Santa María, terá lugar o Festival Pop Rock do Estudante Musicaula, dende as 17.00 horas e no que participarán grupos de diferentes centros educativos de todo o país co fin de pasar á fase final. Por outra banda, dende o departamento de Turismo, que dirixe Ana Pena, optouse por volver ofertar as roitas turísticas por As Pontes que se inaguraban o pasado mes de abril con motivo da Copa de España de Maratón de Piragüismo. Serán percorridos gratuítos semellantes aos xa realizados o pasado mes de abril, con saída dende a Praza da Lembranza (A Casilla) e un paseo tanto en autocar coma a pé por zonas de As Pontes coma o enclave enerxético de Endesa ou xa o barrio da Vila ou a Fraga, con explicacións dun guía especializado na materia e unha parada no camiño para desfrutar das tan saborosas manteigadas locais. No tocante á proba deportiva, ésta conta coa organización do Clube de Vela Fluvial As Pontes e na mesma participarán regatistas galegos, vascos e extremeños. No que respecta aos horarios da competición, o venres a primeira manga dará comezo ás 14.30 horas, a segunda arrincará ás 16.00 horas e a terceira ás 17.30 horas. Xa o sábado, a cuarta manga arrincará ás 14.00 horas, a quinta ás 15.30 horas e a sexta ás 17.00 horas e o domingo teremos competición dende as 11.30 horas, 13.00 horas e 14.30 horas, ao que se sumará a entrega de premios, programada para as 17.00 horas.

13/5/13

O PRIMEIRO MERCADO DE OPORTUNIDADES DE VERÁN ESTRÉABASE O SÁBADO CUNHA GRAN AFLUENCIA DE PÚBLICO E AGASALLANDO AOS CLIENTES CON 500 EUROS EN VALES DESCONTO

A primeira edición do Mercado de Oportunidades de Verán (MOVE) non podía desexar mellor estrea e é que un éxito podeser a verba máis axeitada para definir este primeiro outlet do verán, protagonizado polos comerciantes da nosa vila. Bau Bau, Galofer, Saavedra, Zokos, Grupo Tú, Tres Lúas, La Estrella, Juaneta, Gegúndez, Bolboreta, Niza, Mesturas, Xandra, Templo, Deko Logas e Pin Up foron as marcas pontesas que se animaron a participar nesta primeira experiencia que atopaba, como non, todo o respaldo do departamento de Promoción Industrial e Comercio, o Instituto Pontés de Promoción Económica e a Asociación de Comerciantes e Empresarios e As Pontes. E é qu a idea, que nacía dos propios comerciantes, semella que foi do máis acertada xa que, dende primeira hora da mañá, os 16 postos doutros tantos comercios do municipio recibiron múltiples visitas de veciños e curiosos que non foron capaces de resistirse aos bos prezos e artigos de gran calidade que ofrecían os comerciantes que tomaron parte neste primeiro MOVE. Bolsos, deportivas, camisas, xoguetes, libros, roupa de todos os estilos e marcas, agasallos do máis diverso e ata elementos de decoración ateigaron os diferentes estantes dos postos que se instalaron ata ben entrado o serán do sábado na Avenida da Coruña e ata onde se desprazaron moitos veciños para mercar algunha que outra cousiña. A propia concelleira Montserrat García daba conta da súa satisfacción ante a gran afluencia de veciños que se animaron a realizar as súas compras neste MOVE de verán e salientaba que, dende a concellería que dirixe, continuarase a respaldar iniciativas e proxectos que axuden ao desenvolvemento do comercio local. De feito, nesta estrea, o MOVE coincidía coa XIII Festa do Camioneiro o que permitiu que estes dous sectores se apoiasen muatuamente. Asemade, o propio alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, recalcou que esta aposta pola promoción do comercio e da hostalería de As Pontes nestas datas é o punto de partida dunha cita que pode chegar a consolidarse. Así o primeiro edil facía referenza ao éxito do Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes de outono que xa cumpriu cinco anos o pasado novembro e que xa é toda unha referenza no que a outlets da comarca se refire. Ao igual que acontece cada outono co MOVA, o MOVE tamén repartiu premios entre aqueles clientes que se animaron a realizar as súas compras nestas 16 tendas de As Pontes. Neste caso o premio foron nove cheques agasallo, oito deles de 50 euros e un noveno dotado con 100 euros, dos que nos dous sorteos da xornada, se encargaron de entregar o propio alcalde de As Pontes e os concelleiros de Industria e Medio Rural, vales que, de seguro, alixeirarán un pouco a economía destes nove afortunados e afortunadas e que agora disporán de dúas semanas para canxear nas diferentes tendas participantes neste MOVE de verán.

200 CAMIÓNS PROTAGONIZAN A XIII FESTA EN HOMENAXE AO SECTOR DOS CAMIONEIROS

As incansables bocinas que podiamos escoitar polas rúas do pobo, dende ben cedo, xa nos avisaban de que non íamos vivir un sábado coma calquera outro. Que estabamos en xornada de festa e que, unha vez máis, As Pontes rendía homenaxe a aqueles que se gañan a vida nas estradas, pasando horas e horas lonxe da familia e facendo que as mercadorías cheguen ao seu destino na hora prevista. Tocaba recoñecer, un ano máis, a labor do colectivo dos transportistas e que, neste 2013, eran os grandes protagonistas da XIII Festa do Camioneiro. O Concello, a Asociación do Colectivo de Transportistas do Carbón a Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes e o Colectivo Transpuerto Ferrol – As Pontes volveron unirse para crear unha xornada de festa onde o mundo do camión foi o eixo central de exposicións, marchas e ata citas gastronómicas. De feito, dende ben cedo e como xa é habitual, os camioneiros e os seus inseparables medios de traballo se reuniron no barrio da Casilla para idear unha nova roita polas rúas máis céntricas do municipio e que, dende ben cedo, se deixou sobre todo escoitar grazas ao son continuo dos seus claxons que, deixaba ben claro que o sábado as estradas do pobo eran destes xigantes da estrada. A Casilla, a avenida de galicia e habana, a rúa celso emilio ferreiro ou a avenida de ortigueira integraron o percorrido destes 183 vehículos, entre os que puidemos atopar compañías coma Armacón, Canosa, Servizo Móbil, Gabeiras, Transportes Eume ou Hermanos Prieto e camioneiros vidos non só de As Pontes ou Ferrol senón tamén de Vilalba, Lugo ou Barallobre. Houbo quen ata se animou a decorar os seus vehículos con bandeirolas, globos e guirnaldas, quen acudía en masa e coa súa característica cor amarela coma referenza, tal foi o caso de Construccións Canosa, e ata vehículos do máis curiosos coma karts, minis, camións antigos e o coche do piloto de rallyes Álvaro muñiz, oque elevaron a cifra de participantes na marcha de ata os 200. Todo un espectáculo ante o que moitos quedaban abraiados e poucos eran os que non podían evitar o tomar algunha instantánea ata co seu teléfono móvil. Pero durante a mañá tamén foi posible desfrutar doutro tipo actividades e é que, na avenida de Ferrol e na da Coruña, se instalaron sendas exposicións de vehículos tanto novos coma clásicos, onde a maxestuosidade dun Limcoml ou dun Renault Alpine se mesturaba cos novos modelos da marca Seat ou Ford. Asemade, tamén houbo quen visitou a pequena exposición de karts ubicada na rúa Alexandre Bóveda ou quen se uniu á misa que tivo lugar na Praza de América, en honra a todos aqueles que xa non están pero que pasaron gran parte da súa vida detrás do volante e polas estradas de todo o país. Non podía faltar o xantar de confraternización no que se deron cita case 400 comensais e no que se contou con representación do executivo local co alcalde, Valentín González Formoso á cabeza e a concelleira de promoción Industrial, Montserrat García, ao seu carón e é que, o seu departamento foi un dos principais impulsores, un ano máis, desta homenaxe ao colectivo do transporte por estrada. Con eles Manuel Bouza, presidente do colectivo ACTC, e tamén eixo central da organización deste evento que, un ano máis foi todo un éxito, con cifras semellantes á de convocatorias anteriores, o que segundo subliñou o propio Bouza, é do máis positivo tendo en conta a situación actual que estamos a vivir. Xa á tarde, os pequenos puideron saltar e desfrutar cos inchables que se instalaron na Praza de América e para os que aínda tiñan máis ganas de coches, nada mellor que unha exhibición de vehículos de competición que ateigou a Avenida de Galicia e impresionantes maniobras de grandes expertos ao volante de karts e vehículos de rallye. Pola noite tocaba pechar a festa tal e como se merecía, ao son da música da orquestra Millenium, cunha verbena que non defraudou e que serviu para, unha vez máis, poñer o broche de ouro a unha nova e maís que merecida homenaxe ao sector do camión.

10/5/13

O CONCELLO DE AS PONTES DESTINA MÁIS DE 400.000 EUROS A SUBVENCIÓNS PARA ENTIDADES DEPORTIVAS, CULTURAIS, SOCIAIS, VECIÑAIS OU MEDIOAMBIENTAIS CON SEDE NO MUNICIPIO

O Concello de As Pontes ven de abrir o prazo para solicitar as axudas municipais dirixidas a entidades deportivas, asociacións veciñais, medioambientais, culturais e sociais para o ano en curso. A partida ascenderá a un total de 423.200 euros que servirán para sufragar cursos, actividades do máis variopintas, obras, fomento do deporte ou da cultura tradicional, entre outros obxectivos e, deste xeito, axudar ao impulso da participación cidadá. No que respecta aos colectivos veciñais, éstes repartiranse un total de 31.500 euros que terán como destino dende cursos ata melloras nos seus locais de actuación; con respecto ás entidades culturais, éstas repartiranse 100.400 euros para as súas actividades, namentras que asociacións de ámbito medioambiental contarán con 4.000 euros. Asemade, os colectivos que realizan actividades de ámbito social recibirán unha aportación de 61.300 euros namentras que a partida con maior orzamento será a adicada aos colectivos deportivos, entre os que se dividirán 226.000 euros para as súas actividades e competicións. A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva e para obtar ás mesmas é preciso que as entidades se atopen legalmente constituídas, deben estar inscritas no Rexistro de Asociacións de Galicia, e no Rexistro de Asociacións do Concello das Pontes, carecer de fins de lucro,desenvolver as súas actividades no ámbito territorial do Concello ou sobre temas de interese para o Concello, non estar inmersas en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas e estar ao día nas súas obrigas tributarias ca Axencia Tributaria, coa Seguridade Social e co Concello e tamén coas persoas que lles presten servizos. No tocante ás solicitudes, éstas deberanse presentar no Rexistro Xeral do Concello de As Pontes no prazo de dez días que comezan a contar hoxe, sendo necesario entregar o pertinente boletín de inscrición e a documentación esixida, segundo cada tipo de entidade, e que tamén se pode consultar no Rexistro Xeral do Concello. Asemade, a información completa desta convocatoria tamén está á desposición da cidadanía na edición de onte do Boletín Oficial da Provincia, no enderezo www.dicoruna.es.

O LAGO DE AS PONTES ACOLLERÁ O CAMPIONATO GALEGO DE VAURIEN NA FIN DE SEMANA DO 17, 18 E 19 DE MAIO

O lago das Pontes volverá convertirse no escenario dunha nova competición deportiva, o campionato galego de Vaurien e a XIV Regata Vila das Pontes. Os vindeiros 17, 18, e 19 de Maio celebraranse estas competicións organziadas polo Clube de Vela Fluvial As Pontes e patrocinadas polo Concello de As ontes A regata comezará sobre as 14.30 horas do venres 17, e é que se agarda a participación de regatistas chegados dende diversos puntos de Galicia, pero tamén do País Vasco ou incluso Extremadura. Na primeira xornada os regatistas terán que facer tres mangas en triángulo olímpico, para navegaren todos os ventos. O sábado 18, e tamén dende as 14.30 horas desputaranse tres mangas máis e xa o domingo a saída farase ás 11.00 horas. Destas probas sairán os campións galegos da Clase Vaurien, pero tamén haberá trofeo para os tres primeiros clasiifcados absolutos, xuvenís e femininos na XIV Regata Vila das Pontes. A entrega de trofeos está prevista para as17.00 horas do domingo, 19 de maio.

18 PROXECTOS E IDEAS EMPRENDEDORAS CHEGAN Á FASE FINAL DA II EDICIÓN DO CERTAME AS PONTES EMPRENDE

As Pontes Emprende 2013 afrontaba hoxe a súa recta final e facíao coa presentación dos doce proxectos emprendedores e seis ideas emprendedoras que o xurado decidiu escoller coma finalistas, desta segunda edición dun certame que se está a consolidar gracias á gran participación de empresarios e emprendedores tanto de As Pontes coma da contorna. Esta mesma mañá, e coa Casa Dopeso coma escenario, os 18 candidatos a obter algún dos recoñecmentos de As Pontes Emprende daban a coñecer, en quendas dun cuarto de hora, as súas ideas ou xa realidades ante un xurado que estivo presidido pola edil de Promoción Industrial, Montserrat García; a técnica do Instituto Pontés de Promoción Económica, Margarita Rivera; a técnica de Seara, Carolina García; o presidente da Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes, Luis Otero e a integrante da Asociación Aje Ferrolterra, Laura Pérez. Todos eles tiveron que valorar a posta en marcha de iniciativas empresariais adicadas aos máis variopintos sectores coma os tratamentos de beleza, a construcción, a puericultura, a formación, a óptica ou as webs infantís; realidades que teñen nome como é o de Construccións Maren SL, Óptica Carmela, Transportes Gabeiras Martínez, Las Cositas de Vega, Seiri Consultores, La mariola.es, Alija Servicios y Contratas, Opencel, Compass Topografía y Arquitectura ou Blindaxe Sport, todas elas empresas e proxectos afincados na nosa vila e que demostran o poder de diversificación da nosa industria que vai máis aló da mina ou da central térmica. E é que ese é o principal obxectivo deste As Pontes Emprende: o fomentar unha cultura emprendedurista e unha opción de futuro máis aló da tradicional subsistencia da nosa vila, dependente da producción de electricidade. Asemade, tamén durante esta mañá se daban a coñecer media ducia de ideas emprendedoras, varias realizadas por estudantes dos centros educativos locais, seleccionadas entre o gran número de participantes neste certame. De feito, os seus autores deberon defender ante o xurado proxectos coma un coto turístico no lago de as pontes, un comercio adicado ao mundo da pesca, un almacén de produtos de construcción, unha tenda de deseño e creación de videoxogos, unha sala de festas ou unha tenda adicada ao mundo do baloncesto. Tras responder a todas as cuestións plantexadas polos diferentes membros do xurado, vencelladas ao número de empregados, inversión realizada ou futuros campos de traballo; os candidatos agora deberán agardar ata o vindeiro día 25, ás 11.30 horas, cando terá lugar a gala de entrega destes As Pontes Emprende 2013 e na que se premiará ao mellor autónomo, á mellor empresa e á mellor idea emprendedora deste certame. Todo isto nun marco incomparable como é o escenario do auditorio municipal Alovi e nunha gala que contará coa actuación do grupo teatral Chévere, as intervencións do actor Manuel San Martín e do empresario José Ramón García e na que se renderá homenaxe a un empresario local, neste caso a Alfonso Formoso, pola súa labor á fronte da empresa Calefaccións Formoso.

A Biblioteca de As Pontes abre o luns Café con Libros, unha actividade que busca dar a coñecer os seus fondos bibliográficos

• A cafetería Marbella será a primeira en acoller estas citas mensuais abertas á participación de toda a veciñanza xiareira do mundo da literatura O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Cultura e a Biblioteca Municipal, porá en marcha o vindeiro luns un novo programa de achegamento á lectura. Trátase de Café con libros, unha xuntanza que se desenvolverá mensualmente nunha cafetería do municipio pontés e que pretende dar a coñecer os fondos tanto bibliográficos coma audiovisuais cos que conta a Biblioteca de As Pontes. Así as cousas, o vindeiro día 13, ás 09.30 horas terá lugar a primeira sesión deste Café con Libros. Será na cafetería Marbella, ubicada na Avenida da Coruña, ata onde se desprazará a bibliotecaria municipal que será a encargada de dar a coñecer, e cun bo café de por medio, todas as novidades e tamén clásicos da literatura que podemos atopar na biblioteca municipal. Asemade, durante esta xuntanza tamén se dará lectura a diferentes textos, de distintas temáticas e que van dende a poesía do escritor local Santi del Moral ata fragmentos de obras de Roberto Vidal Bolaño, homenaxeado este ano con motivo do Día das Letras Galegas. A entrada será libre para a cidadanía que desexe tomar parte neste luns de saboroso café e boa literatura.

9/5/13

A COMUNIDADE EDUCATIVA PONTESA SECUNDA MASIVAMENTE A XORNADA DE FOLGA EN CONTRA DA NOVA REFORMA EDUCATIVA

A comunidade educativa pontesa secundaron onte masivamente unha folga convocada para protestar contra o que os convocantes califican como deriva privatizadora. Estudantes, profesores e ANPAS convocaron ó unísono unha xornada de paro destinada a manifestar a súa repulsa común ós recortes derivados da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). O rexeitamento á LOMCE evidenciouse nun seguemento masivo da xornada de paro, sobre todo entre o alunado, que apenas acudíu ás aulas. A maior asistencia deuse no colexio de A Fraga, onde non pasaron da dúcia de rapaces e rapazas, no resto dos centros foi case testemuñal a presenza de estudantado. Entre o profesorado si houbo unha maior presenza, anque nunca superior a un 40 % onde máis mestres acudiron ó seu traballo. En Ensino Medio, Primaria e Secundaria o seguemento foi moi semellante e as aulas dos centros ponteses estaban hoxe case valeiras, mentres que na escola infantil aconteceu ao revés e asisitiron case todos os nenos, sendo a tónica fóra do xeral as ausencias, anque si as houbo. Xa á tarde os convocantes do exitoso paro levaron a súa reivinidicación ó terreo da mobilización cunha concentración diante do concello na que estiveron pais, alumnos, mestres, e mesmo políticos, que se sumaran ó chamamento a este acto en apoio da decisión do Consello Escolar Municipal. Asemade o Concello de As Pontes apoiaba esta xornada de folga mediante a suspensión da sesión ordinaria prevista para a mañá de onte. A proposta partía da concelleira de Compromiso por Galicia, Jessica Fernández Polo, e foi aceptada tanto polo Partido Socialista coma polo Partido Popular. A voceira do equipo de goberno, Montserrat García, apuntaba que a decisión tomada onte polo pleno pretendía servir como medida de apoio á comunidade estudiantil e en contra dunha reforma educativa como é a LOMCE, que marcará importantes desigualdades sociais. Dende Compromiso por Galicia, Jessica Fernández Polo, deu conta do porqué da súa petición ao entender que, malia que suspender un pleno non é unha solución para esta problemática, a decisión sí que marca en qué lado se atopan os políticos en relación a esta protesta. Así as cousas, a convocatoria plenaria quedaba emprazada para o vindeiro martes ás 11.00 horas, decisión non compartida dende as filas do Bloque Nacionalista Galego xa que, segundo o seu voceiro Francisco Dasilva, onte era día de tratar certos temas económicos de gran relevancia e o pleno podería ter optado por facer unha declaración pública en apoio á folga no ensino, durante a sesión, en lugar de aprazar por segunda vez a súa celebración. Finalmente, cos votos a favor de Psoe, PP e Compromiso por Galicia e a oposición do BNG decidíase pospoñer esta sesión de control correspondente ao mes de maio.

8/5/13

O I Mercado de Oportunidades de Verán estréase o sábado con dez premios para os clientes

A Concellería de Promoción Industrial e Comercio, dirixida por Montserrat García,organiza esta cita comercial na que tomarán parte 16 establecementos do municipio e de diferentes sectores O Concello de As Pontes, a través do departamento de Industria e Comercio, e o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), celebrarán esta fin de semana a primeira edición do Mercado de Oportunidades de Verán (MOVE), unha inciativa que xurdía das propias propostas do tecido comercial local, ás que atendían dende a concellería que dirixe Montserrat García. Así, este sábado, entre as 10.00 horas e ata as 20.00 horas, de xeito ininterrompido, teremos a oportunidade de facer diferentes compras e a prezos do máis atractivos nos postos que quedarán ubicados na Avenida da Coruña, nunha carpa habilitada para esta cita comercial. Un total de 16 establecementos de diferentes sectores coma o calzado, o textil, a xoiería, os deportes, a caramelería ou os complementos participarán neste mercado que colle así o testemuño do MOVA, un mercado semellante pero xa enfocado á temporada de inverno e que se atopa do máis asentado xa na programación de outono do municipio pontés. E é que, unha vez máis, o executivo local apostará por respaldar un sector que mantén centos de empregos no municipio, tal e como subliñou a concelleira Montserrat García. Como ven sendo habitual, non faltarán os premios para aqueles clientes que realicen as súas compras nas tendas do MOVE. Será mediante dous sorteos de vales de compra nos diferentes establecementos participantes. Así as cousas, ás 12.30 horas terá lugar un primeiro sorteo de cinco premios de 50 euros cada un para o que será preciso estar presente e xa , pola tarde, terá lugar un segundo sorteo ás 18.00 horas, doutros catro premios de 50 euros e un quinto premio de 100 euros, tamén coa mesma condición: o de estar presente no momento do sorteo para a súa recollida. Asemade, os premiados terán 15 días para canxear os seus vales en calquera dos 16 establecementos participantes. Finalmente, Montserrat García convidou a toda a veciñanza a participar neste MOVE de verán que, asemade, terá premio para dez veciños e veciñas que, durante o sábado, se decanten por facer algunha que outra compra en postos coma o de Bolboreta, Tres Lúas, Mesturas, Gegundez Sport, La Estrella, Bau Bau, Galofer, Saavedra, Deko Logas, Templo, Juaneta, Pin-Up, Xandra, Niza, Zokos ou Vilaboy- VL.

A XIII Festa do Camioneiro traerá o sábado As Ponte a máis de 200 pesos pesados do sector do transporte

O programa ideado para a xornada do sábado contará con paseos de camións, exhibicións, mostras de vehículos antigos e un xantar popular, entre outras actividades. O Concello de As Pontes, mediante a Concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio e o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC); a Asociación do Colectivo de Transportistas do Carbón (A.C.T.C), a Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes e o Colectivo Transpuerto Ferrol – As Pontes, celebrarán este mesmo sábado unha nova homenaxe ao mundo do camión e dos que viven nas estradas. Será coa XIII edición da Festa do Camioneiro e que ateigará As Pontes de grandes pesos pesados das estradas. De feito, uns 200 camións participarán activamente nesta xornada, aos que haberá que sumar os novos vehículos que estarán expostos na Avenida de Ferrol ou os coches clásicos que tamén está previsto que se sumen a esta celebración. Novamente, mediante esta festa, o que se busca é homenaxear a eses veciños e veciñas que viven do transporte, mediante unha convocatoria que xa arrincaba en 1992, e que terá continuidade este sábado cun amplo programa de actividades para todos os gustos. De feito, ás 09.30 horas dará comezo a tradicional roita de camións e vehículos antigos polas rúas da vila que partirá do barrio da Casilla para rematar na Rúa do Meidelo, unha caravana que, este ano, se abrirá á participación a todos aqueles, adultos ou nenos que desexen subirse a un destes grandes do asfalto, xa que os veciños que así o desexen poderán acompañar aos conductores neste percorrido pola vila. Xa ás 13.00 horas realizarase o tradicional recordo aos profesionais do mundo do transporte nunha misa que se celebrará na Praza de América e que virá seguida dunha sesión vermú. Un dos pratos fortes da xornada será o xantar de confraternización que arrincará contra das 14.30 hroas, no patio do Colexio de Santa María, e no que está prevista a participación dunhas 400 persoas. Xa á tarde, entre as 17.00 e as 19.00 horas, instalaranse inchables gratuítos para os pequenos e pequenas que se pasen pola Praza de América e ás 19.30 horas terá lugar unha exhibición de coches de competición nun circuito habilitado na Avenida de Galicia. Esta oferta lúdica completarase con exposicións de camións novos na Avenida de Ferrol e tamén unha colección de coches e camións antigos na Avenida da Coruña, mostras que permanecerán abertas durante toda a xornada. Dende o executivo local e tamén dende a propia organización do evento animaron a todos os ponteses e pontesas, e tamén a visitantes de concellos veciños, a tomar parte neste amplo programa de actividades, e que se complementa coa celebración do I Mercado de Oportunidades de Verán (MOVE), unha oportunidade única, segundo apuntou a concelleira de Industria, Montserrat García, de aunar esforzos entre dous sectores como é o do transporte e o do comercio, para botarse unha man. E é que, tal e como subliñou a edil, ámbolos dous sectores contan cun gran número de postos de traballo ás súas costas e esta xornada lúdico-festiva, a opinión da concelleira, de seguro que terá unha gran repercusión económica no municipio.

7/5/13

O Consello Escolar Municipal do Concello de As Pontes respalda a xornada de folga no sector educativo contra a LOMCE

Trala reunión do Consello Escolar Municipal, celebrada onte, tamén se acordaba celebrar o xoves unha concentración de protesta contra as novas medidas en educación que pretende aplicar o goberno central e autonómico As Pontes, 07 de Maio de 2013.- O Consello Escolar Municipal do Concello de As Pontes (CEM) ven de manifestar o seu respaldo á xornada de folga estudiantil convocada para o vindeiro xoves, día 9, en protesta pola Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) que pretende aplicar o Ministerio de Educación. Así se acordou no encontro deste órgano celebrado onte e onde, de xeito unánime, se expresou o apoio á xornada de protesta convocada para esta semana, un apoio que representaron o propio presidente do CEM e edil de Servizos Sociais, José Alén, e as asociacións de pais e nais dos centros educativos ponteses, tamén representados neste encontro, xunto con integrantes dos colexios do municipio e de diferentes colectivos tamén do concello pontés. Ademáis de secundar esta xornada de protesta, no encontro celebrado onte acordábase celebrar o mesmo xoves, ás 18.00 horas, diante da Casa do Concello unha concentración para a que, dende o CEM, se solicitou a participación de toda a comunidade educativa e veciñanza en xeral, para protestar contra unha lei que pretende destruír o ensino público e que aboga pola privatización e por eliminar a igualdade de oportunidades,dando lugar a unha ensinanza clasista, centralizadora, segregadora, mercantilista e autoritaria. Por outra banda, durante a xornada de protesta do vindeiro xoves, tamén se busca que os executivos autonómico e estatal paralicen a tramitación dun novo decreto sobre os comedores escolares nos centros docentes públicos non universitarios. E é que, as novas medidas que pretende aplicar a Consellería de Educación pasan polo pagamento do servizo de comedor, pasando a gratuidade actual do 92% a un 57% ao que se suma un incremento do 40% nas taxas que deben aboar aqueles estudantes que paguen este servizo, ademáis de eliminar a gratuidade para todo o alumnado que utilizar o transporte escolar, representando un novo ataque ao rural, ao ser esta población escolar a que máis uso fai do servizo de transporte escolar e, polo tanto, do servizo de comedor. Así as cousas, dende o Consello Escolar Municipal, o seu presidente José Alén solicitou, a toda a veciñanza pontesa, a participación activa nesta xornada de folga estudiantil e na concentración das 18.00 horas co fin de demostrar ás administracións autonómicas e estatais a oposición da cidadanía a unha lexislación que servirá tan só para deixar sen recursos aos que menos teñen e para incrementar, aínda máis, as desigualdades sociais. Finalmente, dende o CEM tamén se acordaba onte apoir a campaña de recollida de sinaturas, posta en marcha pola ANPA Outo Eume do C.E.I.P. A Magdalena, único centro pontés que conta con comedor escolar, co fin de dar conta do rexeitamento da cidadanía ao novo decreto regulador dos comedores escolares dos centros públicos que proxecta a Consellería de Educación.

3/5/13

O CONCELLO ADXUDICARÁ, A VINDEIRA SEMANA, AS OBRAS CORRESPONDENTES AO PLAN DE OBRAS E SERVIZOS 2013 E QUE DEIXARÁ PROXECTOS TANTO NO CASCO URBANO COMA NO RURAL

A partir xa do luns comezarán a adxudicarse as obras do Plan de Obras e Servizos deste ano, logo de que esta semana se pechasen os procesos de adxudicación, que supoñen un desembolso de 600.000 euros, fondos que se destinarán fundamentalmente ó arranxo de diferentes estradase a dotación de servicios de diferentes núcleos tanto no casco urbano coma no rural. Entre estas actuacións habería que salientar o destino de case 140.000 euros para o que será o primeiro portal de entrada ó lago e que inaugurará a dotación dunha rede de centros de interpretación. Este primeiro portal ubicarase físicamente no edifício que albergou a escola de Saa, que pasará a ser a primeira das tres aulas informativa nas que se mostre como foi o proceso de transformación da zona de mina a lago. Canto ós barrios temos que sinalar a O Barreiro onde se acometerá a segunda fase do plan de alumeado, ou A Fraga, onde tamén se abordará a segunda fase do Poboado, ademais de diferentes melloras na Rúa Ramón Cabanillas e a pavimentación dos viais de Roadiz, A Faeira, A Cruz, Pedrafita e A Cabana. Outra partida de ó redor de 65.000 euros serán para pavimentacións de lugares como Faeira, Ribadeume, Pedrafita, A Cabana e San Pedro do Eume. Nas obras a executar contémplase xa o troco acordado logo do primeiro documento, que supuxo que as actuacións de abastecemeento de auga potable a Chao de Arriba e Abaixo, Subseixo e Turrilón, en O Freixo, e a creación da rede de sumidoiros en Areosa se vexan reemprazadas por obras de aglomerado do acceso á capela de Pena de Francia e da pista de A Rega que conecta As Pontes con Ourol.

PRESUME DE PRACEIRO DESPÍDESE DEICA O VINDEIRO ANO REPARTINDO 150 EUROS EN VALES DESCONTO

A campaña Presume de Praceiro 2013 despedíase hoxe do noso mercado de abastos e nada mellor que dicir: deica o vindeiro ano, repartindo premios entre eses clientes fideis que confían nos produtos tan frescos do mar que nos traen Jose ou Castelo ou da saborosa e tenra carne que nos ofrecen Encarna e Ferrerías, nos seus respectivos postos. E é que unha vez máis, o apostar polos nosos praceiros tivo premio, neste caso tres, valorados nun total de 150 euros, e que recaeron noutros tantos veciños e veciñas que, durante estes días, estiveron a realizar as súas compras nos diferentes establecementos do mercado municipal. A concelleira de Industria, Montserrat García, xunto con José Manuel Vilariño, representante da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, foron os encargados de presidir este sorteo e de entregar aos afortunados e afortunadas os cheques agasallo cos que hoxe se despedía esta campaña. E é que o departamento que dirixe Montserrat García non podía deixar de respaldar unha iniciativa que xa, en 2012, tivo un importante éxito na nosa vila e que parte da Consellería de Industria co fin de incentivar o consumo nos mercados municipais de toda Galicia. No tocante aos premios, o bono de 75 euros foi para Maruja Gato, os 50 euros do segundo premio recaeron en Mucha Guerreiro e, os 25 euros correspondentes ao terceiro premio foron para Fina Basanta, premiadas todas elas que xa recolleron o seu correspondente premio, de mans de Montserrat García e José Vilariño. Pero Presume de Praceiro aínda ten previsto repartir un galardón a maiores, o correspondente ao mellor praceiro de cada un dos máis de cen mercados de abastos de toda Galicia que se sumaron a esta campaña. O pasado ano era a Carnicería Elías a que recibía o recoñecemento dos consumidores ponteses e agora tan só queda saber, unha vez se reconten todos os votos dos clientes de As Pontes, quen será o praceiro ou praceira que recolla o seu relevo e se proclame mellor praceiro da nosa vila.

1/5/13

Rober Bodegas traerá o sábado a As Pontes o seu espectáculo El Umbral de la Estupidez

O cómico de Carballo regresa aos escenarios galegos tralo gran éxito do espectáculo Un condón... por si pillo e do seu intenso traballo coma guionista televisivo O Concello de As Pontes acollerá este sábado o espectáculo do humorista Rober Bodegas, que presentará no auditorio municipal Alovi, o seu espectáculo El Umbral de la Estupidez. Tralo seu paso por Santiago, Vigo, Pontevedra e A Coruña, a nova montaxe humonística do cómico carballés fai parada en As Pontes, da man do departamento municipal de Cultura, e será o 4 de maio ás 21.00 horas. As localidades xa se puxeron á venda a pasada semana, mediante a reserva no departamento municipal de Cultura e a web www.ticketea.com, e polo momento o público está a respostar positivamente con xa medio aforo vendido. As entradas aínda se poderán adquirir ata o vindeiro xoves, telefonando ao departamento de Cultura ( 981 44 03 44), entre as 09.00 e as 14.00 horas ou na web www.ticketea.com a un prezo reducido de 8 euros, localidades que se deberán recoller unha hora denantes do inicio do espectáculo. Asemade, tanto o venres coma o sábado, entre as 12.00 e as 13.30 horas, poranse á venda as localidades sobrantes ao igual que denantes do inicio da función aínda que xa cun prezo de 12 euros. Rober Bodegas volverá pisar as táboas do auditorio municipal Alovi tralo éxito acadado con montaxes anteriores coma Un condón .... por si pillo ou as súas colaboracións nos programas Sé lo que hicisteis... como guionista ou na canle de comedia online Solocomedia.com na que comparte protagonismo con Ángel Martín e Alberto Casado en diferentes curtas e sketches.