26/4/13

O LAGO DE AS PONTES CONSOLIDA NOVOS USOS COA CELEBRACION DA COPA DE ESPAÑA DE MARATÓN DE PIRAGÜISMO

Máis de 700 palistas serán os primeiros en empregar o lago creado por Endesa como lugar de competicións deportivas O lago de As Pontes acolle esta fin de semana a súa primeira competición deportiva, a Copa de España de Maratón de Piragüismo, proba da que sairán seleccionados os nosos representantes no Campionato de Europa que se desputará no mes de Xuño. O Concello de As Pontes aposta decididamente polo uso deportivo do lago, compatible tamén con actividades turísticas, enerxéticas e industriais. A elección do lago de As Pontes para acoller un campionato destas características é para Endesa a proba necesaria do éxito acadado na rehabilitación dun lugar que antes fora a maior mina española a ceo aberto. O seu director, Miguel Temboury expresou que ademais da propia motivación ambiental do proxecto están previstos aproveitamentos deportivos, turísticos, enerxéticos e industriais. Miguel Temboury, director de Endesa para o Noroeste, destacou tamén que namentras non se transfira definitivamente o lago de As Pontes a Augas de Galicia, a compañía eléctrica contribúe á planificación futura do entorno a través do Pacto Ambiental subscrito coa Xunta de Galicia. Concluíu a súa intervención cunha referencia referencia á excelente calidade da auga. Na Copa de España de Piragüismo participarán máis de 700 deportistas chegados de todos os puntos da xeografía estatal. A organización estima que As Pontes e comarca reciban esta fin de semana máis de 2.000 persoas, entre palistas, familiares e visitantes. Ademais o lago postúlase como punto de referencia para a celebración de futuras probas deste nivel ou incluso superiores. O Grupo Xuvenil As Pontes de Piragüismo aportará a esta competición un total de 7 palistas, que competirán nas categorías cadete, sub-23, senior e veterán. As regatas comezarán na mañá do sábado coas probas dos veteráns, dende as nove e media da mañá, e e sub-23, a partir das once e media, aproximadamente. Continuarán pola tarde coas probas junior e cadetes e para o domingo quedarían as competicións en K2 e C2. Ademais esta fin de semana estará aberto o comercio local, a proposta da Concellería de Industria que dirixe Montserrat García. As panaderías promocionarán as súas manteigadas, doce típico pontés, e haberá excursións polos lugares máis emblemáticos do noso municipio. Outro próxima competición consolidará o lago de As Pontes como marco para deportes náuticos: o campionato galego de Vela, na modalidade de Vaurient, que se celebrará entre o 17 e o 19 de Maio, coa participación dunha trintena de embarcacións, cun total de sesenta tripulantes nas categorías absoluta, feminina e xuvenil.

AS PANADERÍAS LOCAIS ABRIRÁN DURANTE A FIN DE SEMANA PARA PROMOCIONAR AS MANTEIGADAS DE AS PONTES

Gustas? Ese é o eslogan co que se vai promocionar un dos productos máis típicos e identificativos de As Pontes, como son as manteigadas. Dende a concellería de Industria, mediante o Instituto Pontés de Promoción Económica, porase en marcha unha campaña para promover este producto de repostería tan identificativo do noso municipio, e que adoecía da promoción que si teñen outros coma o queixo, o mel ou o grelo coas súas correspondentes festas. Tamén neste caso se vai aproveitar esta fin de semana coas diferentes actividades que se propoñen para dar a coñecer as manteigadas. Para elo cóntase coa colaboura das panaderías da vila que ofrecerán degustacións gratuitas. Ese será o caso de Toñita, Domingo López, Pastelería Mari, Irmáns Díaz e A Palloza. Debemos lembrar que cadrará cunha fin de semana na que tamén estará aberto o comercio local, logo de que tamén houbese unha resposta positiva ó chamado da Concellería de Industria e Comercio, que segue a incidir nas medidas orientadas a facilitar a actividade e a posta en valor do tecido comercial da vila. Neste senso, dende o departamento que dirixe Montserrat García, convocouse a semana pasada unha reunión con representantes do comercio local que tivo unha masiva resposta con máis de 70 asistentes. A proposta da propia concelleira acordábase abrir os comercios os días 27 e 28 para poder amosar a oferta variada e de calidade que ten o noso municipio neste eido. A apertura de todos os comercios farase o sábado en horario de mañá e tarde e o domingo xa de mañá.

24/4/13

OS CENTROS EDUCATIVOS PONTESES CONMEMORAN O DÍA DO LIBRO CON DIFERENTES ACTIVIDADES

Todos e todas temos algún libro especial, algunha historia que marcou un momento da nosa vida, un poema que sempre levaremos no noso pensamento porque representa un momento inesquecible ou un conto ou lenda daquelas que nos interpetaban os nosos papás e mamás denantes de ir durmir. E é que, quen máis e quen menos, conta con algún libro deses que non quere deixar fuxir do seu recordo e onte era a ocasión máis axeitada para render homenaxe a esas letras e versos que serán imborrables para cada un de nós, que quedaron marcadas a lume, e é que, un ano máis se celebraba o Día do Libro, unha data especial para os adultos xiareiros de historias e narracións e para os máis pequenos xa que, nos centros educativos ponteses, tamén quixeron celebrar a súa particular festa das letras. Arrincamos no Colexio Santa María, onde conmemoraron o Día do Libro coa tan agardada reinuguración da biblioteca do centro, despois de meses de traballo que desembocaron nunha reforma integral do espazo, novo mobiliario, chan de madeira, pintura de paredes, e dotazón de equipos informáticos. Unha transformación enmarcada no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares e na que o Concello das Pontes tamén se involucrou. O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, encargábase de cortar a cinta inaugural así como tamén de asinar no libro de visitas do Centro. Ademais escoitaba con atención as explicacións da coordenadora do PLAMBE, o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, sobre a nova distribución do espazo de lectura. Non faltaron neste día as lecturas por parte dos alumnos, unha poesía de Rafael Alberti adicada aos contos, e outra de Paula Carballeria, a titulada "Só un libro". Os actos incluían tamén a entrega de marcapáxinas e dos carnés de usuarios da biblioteca. Esta mesma mañá continuaban as celebracións en torno ao día do libro coa visita do escritor Tucho Calvo para presentarlles aos escolantes de segundo ciclo de Educación Primaria o seu libro Paxaro de mar e vento No Colexio A Magdalena ademais de celebrarse o Día do Libro e dos dereitos do autor tamén se lle rendiu homenaxe a Pinocho, no seu 130 aniversario. Tras unha introducción sobre as orixes desta celebración, visualizouse un conto dixital elaborado polo alumnado de sexto de primaria. Asemade tamén se presentaban as personaxes traballadas no xogo Cada ovella coa súa parella e finalmente coñecíamos o karaoke Pinocho. Desde a Escola Infantil Municipal Barosa tamén se potencia o gusto pola lectura nos máis pequenos da casa fomentado o hábito lector dende idades temperás. Para celebrar este ano o día do libro o claustro de profesores da escola infantil optou por organizar sesións de contacontos a cargo das propias mestras da Escola. E na Biblioteca Municipal tamén se está a conmemorar o día do libro coa actividade denominada Compartimos Lecturas, que a diferenza doutras ocasións non gozou da participación á que nos teñen acostumados este tipo de actos. Así e todo, unha ducia de rapaces e rapazas acudiron as dependencias municipais para dar lectura a todo tipo de contos, os clásicos A ratiña presumida, A princesa e o chícharo, os tres porquiños e publicacións máis recentes como o Sacapenas, ou o da vella que tiña un can debaixo da cama.

VILA DA ARTE ABRÍA ONTE AS SÚAS PORTAS CUNHA COLECCIÓN DE CADROS, MÚSICA E FOTOGRAFÍA REALIZADOS POR ARTISTAS PONTESES

O colectivo de artistas ponteses Artpo abría onte a súa nova exposición. Trátase de Vila da Arte, un conxunto de cadros, de música, obras literarias e fotografías dos que poderemos desfrutar ata o vindeiro día 30, nas depedencias do Mercado Vello. Vila da Arte abría onte cunha gran afluencia de público e coa presenza de varios dos seus integrantes coma a artista Lourdes Acera, os poetas do grupo Alalá, varios integrantes do grupo fotográfico e alumnos e mestres da Escola de Música e do Conservatorio de Música Profesional, que amenizaron este acto coa interpretación de varias pezas. Tamén asistían a esta posta de longo os edís de Cultura, Sara Ramos, e Servizos Sociais, José Alén que desfrutaron das obras dunha vintena de artistas locais que empregaron a vila de As Pontes e o seu entorno como inspiración para dar vida a impresionantes instantáneas, paisaxes naturais plasmados con acuarelas, acrílicos ou tinta e a pezas instrumentais, todas cunha sinatura común o estar realizadas por veciños e veciñas do noso municipio. Vila da Arte estará aberta de luns a venres entre as 18.00 e as 20.00 horas e os sábados e domingos tamén en horario de mañá, de 11.00 a 13.00 e a entrada é totalmente libre. Asemade, durante estes días, Vila da Arte incluirá diferentes actuacións musicais, de feito esta tarde, ás 18.30 horas terá lugar un concerto de piano e o sábado, ás 18.30 horas, o grupo poético Alalá protagonizará un recital de poesía, namentras que para o día 30, xornada na que Vila da Arte pechará as súas portas está previsto un concerto, as 18.30 horas e que será protagonizado polos integrantes da Escola de Música.

CULTURA ABRE O PRAZO PARA A RESERVA DE LOCALIDADES PARA O ESPECTÁCULO DE ROBER BODEGAS

O departamento municipal de Cultura ven de abrir o prazo para reservar, telefonicamente, as localidades para o espectáculo que o humorista Rober Bodegas representará o vindeiro mes de maio en As Pontes. O umbral da estupidez é o título deste novo monólogo que o cómico carballés presentará en As Pontes o vindeiro 4 de maio dende as 21.00 horas. As localidades terán un prezo por adiantado de 8 euros e poderanse reservar telefonando ao 981.44.03.44, de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 horas ou ben adquirirse na billeteira do auditorio municipal Alovi os días 3 e 4 de maio entre as 12.00 e as 13.30 horas. Asemade, de quedar localidades libres , éstas poranse á venda hora e media denantes do inicio do espectáculo pero xa a un prezo de 12 euros.

23/4/13

O Concello de As Pontes estrea páxina web coa que dar a coñecer a súa riqueza turística

Turismoaspontes.com foi ideado pola concellería de Turismo e a empresa Eumenet e recolle a riqueza natural, patrimonial, industrial ou gastronómica do municipio O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Turismo, ven de poñer en funcionamento unha nova páxina web dirixida a dar a coñecer a importante riqueza histórica, natural, cultural, industrial, patrimonial e gastronómica coa que conta o municipio. E é que o executivo que dirixe Valentín González Formoso pretende facer do turismo un novo piar para a economía local, aproveitando o importante reclamo e atractivo do lago de As Pontes para achegar aos visitantes a o resto de importantes puntos de atractivo, en todos os ámbitos, cos que conta As Pontes. Así o explicaba a concelleira de Turismo e Emprego, Ana Pena, que nas últimas horas presentaba a páxina turismoaspontes.com, un novo espazo na rede que pretende dar a coñecer o gran potencial turístico do que dispón As Pontes, máis aló do lago, e que tamén se promocionará aproveitando a celebración, esta fin de semana, da Copa de España de Maratón de Piragüismo. A concelleira explicou que, con esta nova web, o que se busca é sumar un novo chanzo para a promoción de As Pontes como destino turístico ao que, en breve, se unirán novas publicacións aínda en preparación, e que pretenden incidir na idea de que o municipio pontés é todo un atractivo, que aglutina unha oferta de actividades, paisaxes e riqueza de todo tipo. En resumo, unha boa oferta para calquera que sexa a interese do visitante. Turismoaspontes.com abríase a pasada fin de semana e contou con tal éxito de visitas que se estableceu un record nas súas primeiras horas de vida, con máis de 1500 persoas interesadas nas súas instantáneas, vídeos ou contidos e que van dende a situación xeográfica do municipio ata as feiras e festas máis populares, as diferentes roitas naturais existentes ou a súa gran oferta gastronómica pero sen esquencer un espazo para o lago ou as Fragas do Eume. A empresa local Eumenet foi a encargada de desenvolver esta páxina que contará con novos contidos proximamente xa que a intención dos seus creadores pasa por contar con novas iniciativas turísticas, xa en preparación para a tempada primavera – verán, e que tamén se publicitarán nesta web. Por outra banda, segundo apuntou Ana Pena, tamén se pretende contar coa colaboura de clubes e entidades locais, hostaleiros, comerciantes, veciños e veciñas co fin de dar vida a unha páxina moi participativa e práctica, de ahí que turismoaspontes.com conte cun espazo de contacto no que o tecido asociativo, deportivo ou social de As Pontes ou os propios visitantes poden deixar as súas suxerencias e aportar as súas ideas, para futuras melloras ou proxectos turísticos. Aproveitando a celebración en As Pontes da Copa de España de Maratón, este enderezo electrónico xa figurará nos dípticos e folletos turísticos que se repartirán durante a fin de semana.

22/4/13

15 DESEMPREGADOS PARTICIPARON HOXE NUN CURSO DE OPERADOR DE PONTE GRÚA ORGANIZADO DENDE O DEPARTAMENTO DE XUVENTUDE

A pasada semana tiñamos a oportunidade de comprobar a gran labor formativa que se está a desenvolver dende o departamento municipal de Xuventude, coa posta en marcha dun curso de operador de carretilla elevadora, e hoxe ao éxito dese primeiro curso súmase o do obradoiro de operador de ponte grúa. De feito, para as 15 prazas iniciais presentáronse un total de 63 candidatos entre os que houbo que facer unha selección de participantes para un curso intensivo que, durante todo o día de hoxe, se desenvolveu entre as dependencias da Casa Dopeso e o polígono industrial de Penapurreira, onde tiveron lugar as clases prácticas. Ben cedo, ás 9 daban comezo as clases teóricas nas que tomaron parte 15 persoas, veciñas de As Pontes, menores de 30 anos e con outra característica común o estar sen emprego, e é que un dos principais obxectivos destas clases é ofrecer gratuitamente unha alternativa formativa a desempregados, co fin de axudarlles a acadar un traballo. De feito, tamén ata a Casa Dopeso, se desprazaba o concelleiro de Xuventude, Jesús Tembrás, para compartir as primeiras impresións destes alumnos e alumnas. E é que mediante este curso búscase que os participantes coñezan os requisitos aplicables ao operador de ponte grúa, o manexo seguro deste tipo de maquinaria, a normativa que a rexe, as normas de utilización, as súas pautas de mantemento e o xeito máis fiable para a súa manipulación. Xa pola tarde, tocaba aplicar o aprendido con diferentes probas prácticas que se realizaron no polígono de Penapurreira e nas que os alumnos puideron xa dar mostra dos seus coñecementos.

19/4/13

O COLECTIVO DE ARTISTAS LOCAIS ARTPO ABRE O LUNS UNHA NOVA MOSTRA COAS SÚAS ÚLTIMAS CREACIÓNS









Un novo formato de exposición chega a As Pontes, da man de ARTPO, o colectivo de artistas locais da nosa Vila. Fotografía, pintura, poesía, e música farán das Pontes a "Vila da arte", nome que da título á exposicion. O fío conductor, non podía ser doutro xeito, As Pontes, ante os ollos dunha vintena de artistas plásticos e unha ducia de fotógrafos, todos artistas locais.



Vila da arte preséntase como unha mostra variada, tanto en tamaños como en técnicas, acrícilico, óleo, acuarela, tinta e técnicas mixtas inundarán as paredes do Mercado Vello. Traballos que se completarán con proxeccións fotográficas e actuacións en vivo de músicos e poetas locais.



A inauguración da que será a segunda exposición no Mercado Vello do grupo de artistas ponteses, ARTPO, está prevista para o martes 23 de Abril, ás oito do serán, e a partir de aquí poderase visitar ata o martes 30 de Abril, en horario de seis da tarde a oito do serán, e os sábados e domingos tamén pola mañá, de once a unha da tarde.



En Vila da Arte participan ARTPO, o grupo Fotográfico, o Grupo Poético Alalá, a Escola de Música e o Conservatorio de Música Profesional.

A XIII FESTA DO CAMIONEIRO INCLUIRÁ DESFILES, MÚSICA E DIFERENTES EXPOSICIÓNS QUE SE UNIRÁN AO PRIMEIRO MERCADO DE VERÁN DE AS PONTES 





Un ano máis, a nosa vila renderá homenaxe ao mundo dos transportistas, deses homes e mulleres que, tralo volante dun grande do asfalto, percorren milleiros de quilómetros día tras día co fin de levar as súas mercadorías a bo destino. Será o vindeiro 11 de maio na XIII edición da Festa do Camioneiro que, encherá as rúas da nosa vila de auténticos pesos pesados da estrada.



A Asociación do Colectivo de Transportes do Carbón, o colectivo Transpuerto Ferrol – As Pontes, S.A e a asociación de empresarios e comerciantes de as pontes son os responsables da organización dunha cita na que, como non podía ser doutro xeito, non faltará o concello, desta vez mediante o departamento de Promoción Industrial, que dirixe Montserrat García, e o Instituto Pontés de Promoción Económica.



Todos eles estarán involucrados na organización dunha intensa xornada que arrincará ben cedo, ás 8.30 coa concentración de camioneiros na Casilla dende onde, como ven sendo habitual, partirá un percorrido pola vila, ás 9.30, e que rematará na rúa do Meidelo.



Xá á unha da tarde terá lugar unha misa na Praza de América, en homenaxe aos transportistas falecidos neste último ano, trala que dará comezo unha sesión vermú.



Non podía faltar un xantar popular, que se celebrará no patio do Colexio de Santa María dende as 14.30 horas e que se verá completado por diferentes actividades coma unha exposicións novos e antigos nas avenidas de Ferrol ou Coruña, hinchables para os máis pequenos na Praza de América, unha exhibición de coches de competición na Avenida de Galicia e ata unha verbena popular, para pechar a noite, tamén na praza de américa e dende as 22.00 horas.



A esta ampla oferta de actividades unirase tamén a primeira edición do Mercado de Oportunidades de Verán, o MOVE, que respalda o concello, mediante o departamento de Promoción Industrial e o IPPEC e que se manterá aberto dende as 10 da mañá na Avenida da Coruña.



Toda unha oportunidade de facerse con produtos de gran calidade, de 16 dos nosos comerciantes e por riba con premio xa que, todos aqueles que realicen as súas compras malgún dos 16 postos que se instalarán na Avenida da Coruña recibirán un boleto para entrar no sorteo de un vale de compra de 100 euros e outros 8 de 50 euros cada un, sorteo que terá lugar ás 18.00 da tarde do propio día 11 de maio.







PROMOCIÓN INDUSTRIAL ABRE O PRAZO DO II CONCURSO DE IDEAS EMPRENDEDORAS E PROXECTOS EMPRENDEDORES





O Concello de As Pontes, mediante a Concellería de Promoción Industrial, que dirixe Montserrat Gacía, e o Instituto Pontés de Promoción Económica vai poñer en marcha a segunda edición dos certames Proxectos Emprendedores e Ideas Emprendedoras, incluídos no As Pontes emprende 2013.



De feito, dende o luns da vindeira semana será posible xa presentar as diferentes candidaturas a estes dous galardóns cos que se busca apoiar e dinamizar a cultura emprendedora local.



Así as cousas no tocante ao concurso de proxectos emprendedores, esta edición está aberta á participación de persoas tanto físicas coma xurídicas, cun proxecto emprendedor ubicado no noso concello e que, posteriormente, deberá ser defendido ante un xurado xa para o vindeiro mes de maio, concretamente o día 6.



Os candidatos deberán presentar, no rexistro xeral do concello ata o 30 de abril, a correspondente ficha de inscrición, a fotocopia do nif ou cif, a ficha de información da empresa, a declaración xurada da veracidade dos datos presentados e unha memoria explicativa do proxecto empresarial.



No tocante aos premios, neste certame repartiranse dous premios, un para a categoría de empresa e no que poderán participar aqueles proxectos cuia actividade non estea encadrada nos sectores de comercio, hostalería e servizos; e un segundo galardón de nome Emprende autónomo para aqueles proxectos cuia actividade estea encadrada nos sectores do comercio, hostalería ou servizos.



No que respecta ao premio Ideas emprendedoras, os participantes deberán presentar a pertinente solicitude tamén no rexistro xeral do concello ata o día 30 deste mes, xunto cunha fotocopia do nif ou cif, un curriculo da persoa ou persoas integrantes do proxecto e unha memoria explicativa da iniciativa empresarial a desenvolver.



Asemade, os participantes deberán participar nunha presentación ante o xurado, e que terá lugar o 6 de maio, nas dependencias da casa dopeso, que valorará o carácter innovador da iniciativa, a viabilidade técnica do mesmo e a xeración de postos de traballo.



Tras desta presentación, o xurado escollerá o proxecto gañador que levará como agasallo unha tablet aínda que tamén será posible que se desisgne unha mención de honor ou accesit no caso de que se rexistre algún outro proxecto que conte cunha gran calidade.



As bases pódense xa consultar na páxina web municipal no enderezo www.aspontes.com.




BASES DO CONCURSO II EMPRENDE EMPRESAS.pdf


BASES DO CONCURSO II EMPRENDE IDEAS EMPRENDEDORAS.pdf

DECLARACIÓN XURADA.pdf

INSCRIPCIÓN IDEAS EMPRENDEDORAS.pdf

INSCRIPCIÓN PROXECTOS EMPRENDEDORES.pdf

18/4/13

A CONCELLERÍA DE MEDIO RURAL DESENVOLVERÁ UN CURSO DE MANIPULADOR DE PRODUTOS FITOSANITARIOS PARA O QUE XA SE ANOTARON 60 VECIÑOS

A Concellería do Medio Rural, que preside Antonio Castro, en colaboración coa Cámara Agraria desenvolverá dous cursos de aplicador de productos fitosanitarios para dar resposta á enorme demanda de formación dos veciños ponteses. E é que en tan só dúas semanas e a falla aínda de concretar máis datos sobre a actividade formativa en cuestión, 57 persoas amosaron o seu interese en recibir estas clases relacionadas co emprego de productos fitosanitarios e biocidas. Estes cursos que se van desenvolver no vindeiro mes de Setembro, aínda que polo momento non hai datas establecidas, deberannos srealizar todas aquelas persoas que teñan que empregar productos fitosanitarios nos seus cultivos. Productos imprescindibles por constituíren a base da defensa das colleitas fronte ás plagas. O uso responsable deste tipo de productos, entre os que atopamos os insecticidas ou os fungicidas, é de importancia primordial, xa que vai incidir directamente sobre o medioambiente, e sobre a calidade dos alimentos que inxerimos. Pero como todas as técnicas o uso de productos fitosanitarios ten tamén os seus riscos, e de ahí a celebración do curso, no que os asistentes aprenderán os procedementos que deben seguirse para aplicar racionalmente os productos fitosanitarios de maneira compatible co ambiente e coa seguridade das persoas que os manexan e que consumen as colleitas producidas.

O DEPARTAMENTO DE TURISMO PREPARA NOVOS FOLLETOS INFORMATIVOS SOBRE A HOSTALERÍA LOCAL

O Concello de As Pontes vai poñer en marcha unha nova campaña de promoción turística de cara á primavera e o verán. En princípio xa se van poñer a dispor de quen acuda ata a nosa localidade un dípticos básicos onde ubicar os sítios de interese máis salientables, e as ofertas de aloxamento e manutención coas que contamos. Onte mesmo a Concelleira de Turismo, Ana Pena, presentaba este folleto aos hostaleiros que ofertan comida e e, ou cama, para consensuar a información que se incluise definitivamente nun folleto plegable que entrou hoxe mesmo no prelo. Logo poderemos atopalos nos locais hostaleiros da vila, xa coas aportacións que onte facían a máis dunha dúcia de asistentes á xuntanza celebrada en Casa Dopeso. Tamén a semana que ven contaremos xa cuns folletos máis completos, que se entregarán xa máis concretamente, en eventos de interese, e por medio da propia Concellería de Tuirsmo, nos que se profundará máis na oferta dirixida a aqueles que veñan xa coa intención de participar da oferta nese terreo do noso pobo. E aínda quedaría páxina web específica de turismo que se vai presentar na semana que ven, conxuntamente con estes dous folletos, e que estará activa xa cara á fin de semana que ven, na posta de longo destas medidas orientadas a que os que veñan visitar a nosa vila podan facelo coa información axeitada e completa. non en van, na última fin de semana deste mes espérase unha boa afluencia de visitantes con motivo da disputa da primeira proba competitiva no lago, o campionato de españa de marathón.

17/4/13

AULAS DE DIVERSIÓN ACHEGA CONCEPTOS BÁSICOS DE PRIMEIROS AUXILIOS AOS MÁIS NOVOS

O programa de conciliación familiar e laboral Aulas de Diversión regresou o pasado sábado á Casa de Don Pedro e cun novo éxito de participación e é que, non hai semana, que esta iniciativa desenvolvia pola concellería de Servizos Sociais non rubrique éxito de asistencia. De feito, Aulas de diversión comezou sendo todo un respiro para eses pais e nais que debían traballar ou afrontar as súas obrigas nas mañás de sábado e agora é xa unha cita ineludible para unha trintena de nenos e nenas da nosa vila que, cada semana desfrutan e aprenden mediante este programa sobre temas coma o andar en bicicleta con seguridade, os xogos populares ou o mundo da cociña E é que a aprendizaxe non está enfrontada co pasalo ben de ahí que, nesta nova edición, a organización apostase por obradoiros do máis novidosos,e ducativos e pedagóxicos., coma o de primeiros auxilios no que tomaron parte, o pasado sábado, 18 nenos e nenas. Desta vez foi a experta en primeiros auxilios Begoña Díaz, a encargada de achegar aos participantes o como curar unha ferida, circular en bicicleta con prendas reflectantes e casco, o non abrir a porta a descoñecidos ou non meter os dedos nun enchufe e, con premio pola súa atención, estes nenos e nenas levaron para os seus fogares un brazalete reflectante, que lles entregou o concelleiro José Alén. Pero aínda quedan moitas actividades coas que desfrutar ao abeiro deste programa gratuíto, coma un obradoiro de chocolate, outro de música africana ou incluso unha roita ao lago en bicicleta. Aulas de Diversión regresará o sábado, entre as 10.30 e as 13.30 horas, nesta ocasión co taller de técnicas de acampada que tivo que ser suspendido a pasada semana por mor do mal tempo. Nesta ocasión, o escenario escollido será o heliporto da Canle IV ata onde se desprazarán todos os nenos e nenas de entre 3 e 12 anos que se desexen participar nesta interesante iniciativa.

Vellez Activa chegará na súa quinta edición a 120 veciños maiores de 55 anos

O programa, respaldado pola Concellería de Servizos Sociais e a Deputación da Coruña, constará de oito cursos que se impartirán en seis asociacións pontesas O Concello de As Pontes, a través do departamento Servizos Sociais, poñía onte en marcha unha nova edición do programa Vellez Activa co que se busca fomentar un envellecemento activo entre os veciños e veciñas do municipio, maiores de 55 anos. Este é o quinto ano que se desenvolve un programa do máis demandado pola veciñanza e que, unha vez máis, contou co respaldo económico do propio executivo local e da Deputación da Coruña. Xa son cinco as edicións de Vellez Activa en As Pontes e semella que a súa continuidade está máis que garantida grazas, sobre todo, aos seus beneficios e é que, mediante estes sinxelos cursos gratuítos, lógrase manter física e mentalmente activos aos que os reciben, tamén manteñen a súa autonomía, gañan en autoestima, incrementan a súa relacións sociais e adquiren novas experiencias e vivencias do máis satisfactorias e útiles para o seu desenvolvemento vital. Para esta edición, que chegará a 120 persoas, optouse por desenvolver oito obradoiros de adestramento memorístico e risoterapia, que serán impartidos en clases semanais por mestres especializados. Asemade, unha vez máis optouse por levar estas actividades tanto ao casco urbano coma aos colectivos asociativos do rural, para que, independentemente do seu lugar de residencia, todos os veciños e veciñas de As Pontes gocen das mesmas iniciativas gratuítas, sen ter que desprazarse do seu barrio. De ahí que colectivos coma o Adro (Espiñaredo), Santa María do Aparral ou Encoro da Ribeira (Marraxón) poidan contar coas mesmas actividades que se desenvolven, por exemplo, no colectivo social da Choupana (Barrio da Pardo Bazán), nas Campeiras ou colectivo de viuvas María Magdalena. Onte mesmo arrincaban os primeiros cursos, que rematarán a mediados de xuño, e que inauguraba o edil José Alén. De feito, o concelleiro participou no inicio dos cursos de risoterapia no Aparral e Choupana e do curso de adestramento memorístico das Campeiras. Con respecto aos cursos de risoterapia, José Alén apuntou que se trata dunha iniciativa novidosa, coa que se busca facer chegar aos participantes os beneficios da risa para a nosa saúde. De feito, o concelleiro chegaba onte a definir a risa coma o medicamento máis barato que existe ao ser de balde e que non ten nin efectos secundarios nin produce sobredoses. Xa na súa visita ao obradoiro de adestramento memorístico, Alén apuntaba a gran axuda que supón o realizar sinxelos exercizos numéricos ou de escritura para exercitar o noso cerebro co fin de mellorar na nosa actividade diaria e, deste xeito, lograr ser independente e pro-activo para non deixar pasar o tempo e aproveitar o momento. Vellez Activa chegará, nesta ocasión, a 120 usuarios de seis colectivos veciñais ponteses con clases semanais de hora e media e que, durante esta semana, irán dando comezo nas diferentes asociacións que solicitaron a súa participación neste programa.

O CONCELLO DE AS PONTES DESENVOLVERÁ ROITAS POLO MUNICIPIO E INSTALARÁ UNHA CASETA DE INFORMACIÓN TURÍSTICA CON MOTIVO DA CELEBRACIÓN DA COPA DE ESPAÑA DE MARATÓN DE PIRAGÜISMO

As Pontes converterase a finais deste mes en todo un foco de atención deportiva e turística coa celebración, no lago, da Copa de España de Maratón de Piragüismo, unha cita que reunirá a máis de 400 deportistas de todo o país e que, de seguro, que atraerá a centos de curiosos e de turistas durante a derradeira fin de semana deste mes de abril. Toda unha oportunidade para demostrar que o noso municipio ten un gran atractivo turístico e que, dende o executivo local, non queren deixar pasar. De feito, no entorno do lago habilitarase un punto de atención turística con información do máis variopinta para os que se animen a visitar As Pontes durante os días 26, 27 e 28 deste mes. Será un proxecto piloto que pretende servir como experiencia inicial de cara ao verán e é que, segundo explicou o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, o noso municipio conta cun gran potencial turístico que é preciso aproveitar e por suposto ensinar. De feito,o primeiro edil adiantaba que, ademáis de información, a finais de mes está previsto desenvolver roitas polo municipio nas que se mesture a historia industrial e patrimonial da nosa vila. A responsable da organización destas roitas será a axencia Barbol Travel que ofrecerá dous tours turísticos gratuítos nos que será posible anotarse con tan só achegarse á caseta de información que xa se está a instalar na entrada do lago. As viaxes, de hora e media de duración, contarán coa compaña dun guía e realizaranse nun autocar que partirá da Praza da Lembranza (A Casilla) para percorrer a contorna do lago ou a central térmica de Endesa e á que se sumará un paseo polo casco histórico, a ponte dos Ferros ou o muíño de Alende aínda que tamén haberá visitas á Fraga de Dona Rita ou o poboado de As Veigas. E é que, segundo apuntaba o primeiro edil é preciso que a sociedade local, as nosas xentes e o noso tecido comercial e hostaleiro se conciencien do gran valor turístico da nosa historia pasada, presente e futura e de cómo sacarlle proveito a este sector, de cara a xerar unha nova fonte de riqueza. Nos vindeiros días irase dando a coñecer máis polo miúdo os horarios destas roitas turísticas e que son toda unha experiencia piloto para, xa de cara ao verán, se poida apostar por unha nova folla de roita para a economía local como é o sector do turismo.

15/4/13

A CONCELLERÍA DE XUVENTUDE DESENVOLVEU HOXE UN CURSO INTENSIVO DE OPERADOR DE CARRETILLA ELEVADORA PARA 15 DESEMPREGADOS PONTESES

O departamento de Xuventude puxo hoxe en marcha a primeira das iniciativaas formativas para desempregados que ten previsto desenvolver nos vindeiros días. Trátase dun cursos intensivo, dun día de duración, adicado á formación de operadores de carretillas elevadoras. Un total de 15 persoas das 65 solicitantes inicialmente foron escollidas para tomar parte nesta xornada teórico - práctica coa que a concellería que dirixe Jesús Tembrás busca ofrecer unha formación a aqueles homes e mulleres menores de 30 anos, veciños de As Pontes, co fin de incrementar os seus coñecementos e a posibilidade de acadar un emprego. O concelleiro de Xuventude, Jesús Tembrás, achegouse precisamente ata a Casa Dopeso, esta mesma mañá, para compartir con estes 15 rapaces e rapazas os primeiros minutos desta xornada formativa. No tocante ás clases, durante a xornada celebrada esta mañá o que se pretendía era informar aos participantes sobre os riscos que supón o uso dunha carretilla elevadora, as medidas de seguridade a tomar á hora de manexar este vehículo e a súa compatibilidade cos lugares de traballo. E é que, durante 4 horas teóricas, os alumnos e alumnas aprenderon dende o marco legal que rexe o uso destes elementos ata a súa estabilidade, os riscos que conleva o seu uso e a súa prevención, as normas de utilización dunha carretilla elevadora e os diferentes tipos que existen ademáis do regulamento de circulación coas mesmas. Xa pola tarde tocaba facer fronte ás prácticas, de 3 horas de duración e que se desenvolveron nas dependencias da empresa Construccións Canosa, no polígono dos Airíos. O vindeiro luns, a Concellería de Xuventude retomará estes cursos para persoas desempregadas cun obradoiro intensivo de operador de ponte grúa e no que participarán case unha vintena de veciños e veciñas aínda que, ao igual que acontecía con este primeiro obradoiro, a demanda superou con creces as prazas ofertadas polo que tamén se desenvolverá un proceso selectivo entre os anotados.

14/4/13

O PONTÉS SANTI DEL MORAL PRESENTOU O SÁBADO O SEU PRIMEIRO LIBRO EN SOLITARIO INSTANTES DETIDOS

A profundidade da paisaxe, os sentimentos e sensacións máis íntimas que poden xurdir dun paseo pola costa ou polas nosas fragas e a beleza do que nos rodea, das cousas máis sinxelas coma o mar, os paxaros ou as flores protagonizan unha nova publicación literaria. Nesta ocasión, rubricada por un poeta da nosa vila e ben coñecido como é Santi del Moral que, o pasado venres, na Casa Dopeso, presentaba a súa primeira publicación en solitario: Instantes Detidos, na compaña dun cento de veciños e amigos, que non se quixeron perder esta posta de longo, entre eles os concelleiros de Cultura e Servizos Sociais e un nutrido grupo de membros do tecido asociativo local. Instantes Detidos está composto por medio cento de poemas, de versos e de rimas de todas as tesituras pero cun eixo común o ver esas pequenas cousas do noso entorno con outros ollos: os de santi del moral, todo un experto en trasmitir e contarnos dun xeito do máis especial todo o que o rodea. Así definía esta publicación o padriño desta publicación: Eduardo Estévez, que calificaba este poemario coma unha colección de pequenas pinturas feitas verbas, con música e con sentimento. Asemade, tamén arroupaba ao poeta pontés o propio editor de Biblos, editorial responsable de aglutinar esta colección de poemas, Tucho Calvo, que subliñou o importante papel desta publicación coma un xeito de mirar ao futuro pero lembrando todo o que había no pasado. Por suposto non podían faltar tamén a esta presentación os integrantes do grupo poético Alalá que tamén quixeron arroupar ao seu compañeiro. De feito, tanto Aníbal Ánxel coma Gloria David interviron nesta cita, o primeiro exercendo de mestre de ceremonias e a segunda dando lectura a uns versos do poeta brasileiro Ledo Ivo. A música tamén estivo presente da man da actuación de Manolo e Ana Seijo e as súas zanfonas, coas interpretaron un tema composto no Freixo como é Maruxa, do grupo Berce e coas Cantareiras de Alende que tamén agasaiaron ao público presente con varias pezas da cultura musical galega da altura do Alalá de Muxía ou Volvín á Terra. E como colofón o protagonista da xornada: Santi del Moral, que deu lectura a varios dos poemas incluídos en Instantes Detidos, unha obra que pretende ser, segundo o seu autor, unha fotografía pero con verbas da paisaxe e todo o que viviu, ata o momento o seu propio autor. E é que Instantes Detidos recolle catro puntos de vista do entorno e das experiencias vitais do seu propio autor que, mediante as súas rimas e versos busca facer chegar aos lectores esas sensacións vividas polo propio Santi del Moral. Pero aquí non queda a gran actividade dos poetas locais e é que, en breve verá a luz unha nova publicación protagonizada polos cinco integrantes do grupo Alalá, ao que se sumará, nunhas semanas, o primeiro traballo en solitario da poetisa Ofelia López, editado por Galebook, citas das que lles iremos mantendo debidamente informados, en vindeiros espazos informativos.

12/4/13

Limiar Teatro presentará a vindeira semana en As Pontes o proxecto Verbum Fahrenheit

• A obra, que conta co respaldo económico do Concello de As Pontes, pretende achegar a cultura galego – portuguesa a estudantes e cidadanía en xeral O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e a concelleira de Cultura, Sara Ramos, presidiron hoxe a presentación en As Pontes da obra Verbum Fahrenheit, que a compañía Limiar Teatro traerá ata o municipio a vindeira semana, e que conta co patrocinio da administración local. Os representantes municipais contaron coa compaña do propio director deste texto, Fran Núñez, e un dos actores protagonistas: o pontés Pepe Soto, xa coñecido polos seus diferentes traballos en series da Televisión de Galicia en diferentes proxectos teatrais. O primeiro edil agradeuce a implicación cultural do propio Pepe Soto, debido á súa gran profesionalidade e duro traballo por vivir do mundo da interpretación e adiantou a intención do executivo que dirixe de continuar a investir en cultura. Así as cousas, o Concello de As Pontes destinou 18.000 euros a este proxecto, e é que, segundo puntualizou o primeiro edil, o cabildo que dirixe continuará a investir en cultura, en prol da evolución e educación da sociedade, aínda que iso implique retrasar un proxecto doutra índole ou incluso algunha obra. Pola súa parte, a concelleira Sara Ramos definiu Verbum Fahrenheitcoma unha obra diferente, novidosa e que rompe coas convencionalidades e agradeceu a presenza en As Pontes deste importante proxecto que chegará, a vindeira semana, ao alumnado de Educación Secundaria de As Pontes e tamén ao público en xeral, mediante varias funcións gratuítas. Verbum Fahrenheit O proxecto Verbum Fahrenheit naceu hai tres anos, ao abeiro da Casa das Palabras de Vigo e ao programa educativo Ponte nas Ondas, que busca promulgar a riqueza das culturas galega e portuguesa, mediante a oralidade. Así, segundo explicou o actor Pepe Soto, este texto baseado na obra de Ray Bradbury, pretende fomentar a literatura galego – portuguesa, aunando música, poesía e tamén interpretación en vivo, pero implicando ao público e dando lugar a unha obra moi participativa, protagonizada por dous homes encadeados por ler libros. Toda unha aposta pola oralidade que, tal e como subliñou Soto, non sería posible sen o apoio do Concello, ao que agradeceu a súa colaboura nun tempo de crise no que non é tan sinxelo lograr fondos para o mundo da cultura. Fran Núñez, tamén participante nesta presentación, é o encargado de dirixir este proxecto que definiu coma arriscado pero cun gran fin pedagóxica xa que o que se busca é achegar, sobre todo aos escolares, os grandes textos de Manuel Antonio, Rosalía de Castro ou Celso Emilio Ferreiro, entre outros, conxuntamente con populares cancións galegas, propias do rexurdir da cultura galega e que, a día de hoxe, xa chegaron a máis de 70 centros educativos de toda Galicia, e que proximamente tamén se levarán a Brasil e Portugal. Verbum Fahrenheit estará na Casa Dopeso de As Pontes o mércores, xoves e venres, con pases para os diferentes centros educativos ponteses, aínda que o público en xeral poderá desfrutar gratuitamente desta cita o día 19 ás 21.00 horas, o día 20 ás 20.00 horas e, finalmente, o día 21 tamén ás 20.00 horas. Asemade, tamén se desenvolverán diferentes actuacións ao longo da semana nos Xardíns do Campo da Feira.

PRESUME DE PRACEIRO REPARTIU HOXE OS SEUS PRIMEIROS 150 EUROS EN VALES DESCONTO

A campaña Presume de Praceiro xa atravesou o seu ecuador e fíxoo do mellor xeito posible: con premios para a súa clientela habitual. De feito hoxe mesmo repartíronse os tres primeiros vales de compra por valor de 75, 50 e 25 euros a gastar nas diferentes peixerías, carniceráis ou froiteirías que podemos atopar no mercado municipal e foi nun sorteo que, a primeira hora da mañá, se encargou de presidir e realizar a edil de Promoción Industrial, Montserrat García, xunto con José Manuel Vilariño, da Dirección Xeral de Comercio. E é que o departamento que dirixe Montserrat García é un dos principais patrocinadores desta campaña xunto coa Consellería de Industria que, por segundo ano consecutivo na nosa vila, pretende premiar a confianza da cidadanía nos postos tradicionais do mercado municipal. Varios dos clientes do propio mercado municipal se encargaron de extraer os tres boletos cos nomes dos tres clientes que, durante estes días de campaña fixeron as súas compras nos distintos postos da praza de abastos e que emitiron o seu voto polo seu comerciante favorito. No tocante aos premiados deste primeiro sorteo, os 75 euros recaeron en Caridad Blanco, o bono por valor de 50 euros foi para Sonia Calvo Pico e o cheque de 25 euros recaía en Jesús Leal Campos. Todos eles poderán empregar este premio na multitude de postos cos que conta o mercado municipal pontés e, por suposto, seguir participando nesta campaña ata o vindeiro 3 de maio, cando terá lugar o segundo e derradeiro sorteo desta iniciativa con outros 150 euros en vales de compra e coa que se busca incentivar a compra nas prazas de abastos de toda Galicia xa que Presume de Praceiro chega nestes días a máis dun centro de mercados de abastos de toda a comunidade.

11/4/13

O PROXECTO TEATRAL VERBUM FARENHEIT PRESÉNTASE MAÑÁ EN AS PONTES, EN ROLDA DE PRENSA 

As Pontes recibirá a vindeira semana a visita da compañía Limiar Teatro coa súa obra Verbum Fahrenheit, un texto inspirado na novela de Ray Bradbury e que conta co respaldo do concello de As Pontes. Entre os seus actores teremos a faciana ben coñecida de Pepe Soto, un actor pontés coñecido polas súas aparicións en diferentes series da Televisión de Galicia e multitude de obras de teatro que, durante a vindeira semana, ofrecerá a súa interpretación non só ao público en xeral senón tamén aos máis novos xa que, Verbum Farenheit contará con varios pases para escolares e que se desenvolverán o mércores, xoves e venres da vindeira semana. Verbum Farenhait conta a historia de dúas personaxes detidas polo delito de ler, papeis que representan Pepe Soto e Hugo Rodríguez, e que perden a súa identidade en favor de textos de Manuel Rivas, Celso Emilio Ferreiro ou Manuel Antonio. Todo isto empregando a interactividade co público, a música, os títeres e por suposto as palabras como fíos conductores desta historia. De feito, mañá mesmo teremos a oportunidade de coñecer máis polo miúdo esta representación xa que a súa presentación oficial realizarase mediante unha rolda de prensa que se celebrará ás 12.30 horas, na Caseta do Parque, e na que se contará cos actores e directores da obra, ademáis de coa edil de Cultura, Sara Ramos.

A CAMPAÑA PRESUME DE PRACEIRO CELEBRA MAÑÁ O PRIMEIRO DOS SEUS DOUS SORTEOS

Mañá celebrarase o primeiro dos dous sorteos da campaña Presume de Praceiro coa que un ano máis colabora o concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Promoción Industrial que dirixe Montserrat García. A iniciativa ten como fin poñer de relevo a figura profesional dos praceiros, ao tempo que se incentivan as compras e se promocionan e visibilizan os mercados e prazas de abastos como referentes na compra de produtos frescos e de calidade, e asemade, premiar a aqueles clientes que apostan polo produto fresco cada día. De feito, mañá ás 10.00 horas sortearase un vale de compra por valor de 75 euros, un segundo de 50 euros e un terceiro de 25 euros, a gastar no mercado municipal e, para participar é imprescindible depositar un boleto, que se entregará ao cliente unha vez faga a súa pertinente compra nestes establecementos, que inclua os datos do cliente e o seu voto para o mellor posto da praza de abastos municipal. O pasado mes d e marzo poñíase en marcha este programa que se manterá ata o 3 de maio, xornada na que se procederá ao sorteo de tres novos cheques de 75, 50 e 25 euros. Presume de praceiro, campaña que conta co respaldo da Consellería de Industria, chegará este ano a máis dun cento de mercado de abastos de toda Galicia e de seguro que volverá ser todo un éxito ao igual que acontecía nas súas convocatorias anteriores e é que as cifras falan por sí soas con máis de 560 clientes, 1.300.000 votos emitidos e premios por valor de case 30.000 euros, en cupóns de compra, polo que tan só lembrarlle aos máis rezagados que aínda están a tempo de realizar as súas compras e beneficiarse desta interesante campaña.

O CONCELLO DE AS PONTES RESPALDA O MANTEMENTO DA OFICINA DE VALORACIÓN DE DEPENDENCIA DE FERROL

A Xunta de Voceiros do Concello de As Pontes ven de adoptar, unanimemente, o acordo de apoiar o mantemento da Oficina de Valoración da Dependencia de Ferrol. O anuncio de peche desta oficina propiciou esta resposta a xeito de declaración institucional, respostando así á demanda do Comité de Empresa que se dirixira ó concelleiro de Servizos Sociais con este obxectivo. A intención da Xunta é a de centralizar este servizo, o que conlevaría o traslado da oficina a Coruña, e a amortización dos postos de traballo. Os representantes das forzas políticas representadas no Concello de As Pontes entenden que non se pode permitir a desaparición deste servizo de valoración porque o seu traslado suporía a perda doutra unidade administrativa nunha comarca tan necesitada de actividades de recursos. Pero o que é máis grave é o alonxamento físico e xeográfico dun servizo público que, por atender a un colectivo tan sensible, cos condicionantes de escaseza de recursos e a propia situación persoal dos afectados, pode chegar a resultarlles inaccesible. O concello de As Pontes aposta, así, por unha unificación real dos servizos para que todos os equipos podan prestar unha mellor atención ó maior volume de traballo, evitando demoras, sen caer en destrución de postos de traballo atendendo a criterios economicistas, que levarían a unha centralización administrativa que alonxe o servizo da bisbarra.

MUNDOXOGO PÉCHASE ESTE SÁBADO E PROTAGONIZA UNHA FIN DE SEMANA DE ACTIVIDADES INFANTÍS CON AULAS DE DIVERSIÓN E O PROGRAMA DE OCIO E TEMPO LIBRE

O programa de ocio infantil e xuvenil Mundoxogo despedirá esta fin de semana a súa segunda visita a As Pontes tras case un mes nas dependencias do Mercado Vello. De feito, o sábado ás 20.30 horas o exitoso programa de xogos e actividades varias posto en marcha polo departamento municipal de Xuventude dirá ata a vindeira convocatoria ás carreiras de Scalextric, os partidos de fútbol na Playstation ou as competicións na Wii, a través do Mario Kart. Poucas son as horas que nos quedan xa para desfrutar pintando, traballando con plastilina ou arxila, adentrándonos no mundo das construcciósn de Lego ou botando unha partida ao hockey, billar ou futbolín, gratuitamente, xa que Mundoxogo estará aberto na tarde do venres, en horario de 16.30 a 20.30 horas e xa o sábado tamén en horario de mañá, de 10.30 a 13.30 horas e de tarde ata as 20.30 horas. Pero a oferta de ocio proposta polo departamento que dirixe Jesús Tembrás non se reduce só a Mundoxogo xa que o sábado, entre as 17.00 e as 19.00 horas, o Programa de Ocio e Tempo Libre volverá abrir as súas portas no pavillón do colexio de Monte Caxado. Unha semana máis, baixo a dirección e coidados de varios monitores, este programa volverá apostar por xogos, actividades deportivas e diferentes iniciativas que, de seguro que serán do máis entretidas para unha trintena de nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Todo isto gratuitamente e co obxectivo de botar unha man a eses pais e nais que non saben con quen deixar aos seus pequenos nas tardes de sábado , á hora de afrontar as súas obrigas laborais. Mesmo obxectivo, pero xa para as mañás dos sábados, ten o programa Aulas de Diversión, organizado pola concellería de Servizos Sociais, que entre as 10.30 horas e as 13.30 horas volverá ofrecer unha alternativa para a conciliación da vida laboral e familiar. A Casa de Don Pedro será o escenario deste programa e cun cambio no seu calendario de actividades xa que, malia que nun principio, estaba prevista unha clase de técnicas de acampada, por mor das malas previsións meteorolóxicas para a fin de semana optouse por desenvolver o obradoiro de primeiros auxilios programado, nun principio, para o día 20 deste mes. 30 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos poderán sumarse a este interesante obradoiro gratuito no que aprenderán, dun xeito lúdico, nocións básicas sobre a prevención de accidentes, seguridade persoal e autocoidado. Todo isto, entre amigos e desfrutando dunha mañá de sábado do máis entretida e educativa. Coma sempre, para tomar parte tanto en Aulas de Diversión coma no Programa de Ocio e Tempo Libre os únicos requisitos son ter entre 3 e 12 anos e achegarse ou ata a Casa de Don Pedro ou ata Monte Caxado, denantes do inicio de cada unha destas actividades.

10/4/13

O poeta pontés Santi del Moral presenta o venres Instantes Detidos

• A biblioteca municipal organiza esta presentación que arrincará ás 21.30 horas nas dependencias da Casa Dopeso. O poeta pontés Santi del Moral presentará o venres nas dependencias da Casa Dopeso de As Pontes o seu último traballo literario: Instantes Detidos, nunha convocatoria organizada dende o departamento municipal de Cultura, mediante a biblioteca de As Pontes. O tamén membro do grupo poético Alalá dará a coñecer esta publicación, editada por Biblos, dende as 21.00 horas, nunha convocatoria na que se dará lectura a varios dos textos incluídos neste libro, adicados a temáticas coma a nosa terra, as nosas xentes e sobre todo á marabillosa paisaxe galega. Como padriño desta presentación Santi del Moral contará coa compaña do tamén poeta Eduardo Estévez, unha faciana xa coñecida pola súa participación en diferentes recitais organizados polo grupo Alalá. Asemade a música tamén ocupará unha parte importante desta cita coas actuacións das Cantareiras de Alende e de Manolo Seijo coa súa zanfona. Instantes Detidos darase a coñecer o venres ás 21.00 horas no salón de actos da Casa Dopeso e a entrada será totalmente libre.

A VI EDICIÓN DO CERTAME BOLIQUEIRAS ABRE O SEU PRAZO DE INSCRICIÓN

Está aberto o prazo para participar na que será a sexta edición xa do Certame Boliqueiras, promovido un ano máis pola Mesa Local de Normalización Lingüística, e que volve centrarse na figura á que se adican as Letras Galegas, data en torno á que se convoca este certame. Ata dentro de algo máis dun mes estará aberto o prazo para facer entrega dos traballos que deberán ter como tema de referencia o teatro galego, ó ser Roberto Vidal Bolaño o protagonista do 17 de maio. Como ven sendo habitual, a organización do certame ideou diferentes premios segundo as distintas categorías que inclúe este concurso e que van dende Educación Infantil ata Secundaria, sen esquecer o premio especial Endesa, no que poderá participar calquera persoa independentemente da súa idade. No tocante aos premios, na Categoría Infantil repartiranse un premio de 80 euros para os meniños de 0 a 3 anos, un primeiro premio de 50 euros para os pequenos de 3 a 6 anos, un segundo de 40, e un terceiro premio de 30 euros , tamén para este tramo de idade. Primaria contará con tres categorías, todas elas dotadas cun total de tres premios e que se repartirán do seguinte xeito: 60 euros para os traballos escollidos como primeiros premios, 50 euros para os segundos e 40 euros para os que ocupen o terceiro . E se en infantil e primaria se aumentou a dotación dos premios, en secundaria establécense nesta convocatoria dúas categorías. A primeira, para alumnos de 1º e 2º da ESO, cun único premio de ta 150 euros. A segunda,engloba a alumnos e alumnas de bacharelato e ciclo formativo, e tamén conta coa mesma dotación nun único premio de 150 euros. Finalmente, tamén será posible optar ao premio especial Endesa, dotado con 500 euros, que pode ser en formato aberto, coa única condición de que teña como protagonista calquera tema vencellado ó teatro galego, e que se é en papel non exceda dos dez folios en letra arial 12. No tocante á presentación dos traballos, estes deberanse facer chegar ás dependencias da biblioteca municipal ata o día 6 de maio a menos que se optase polo formato electrónico, que xa permite envialo por correo a boliqueiras@gmail.com. Nos traballos de papel, que non poden superar os dez folios, cada sobre presentado deberá incluír dúas copias do traballo que deberá levar no seu exterior o texto V Certame Boliqueiras e a categoría e pseudónimo do participante. Dentro deste sobre deberá ir un segundo co nome do concursante, enderezo e número de teléfono e co seu pseudónimo no exterior. O nome dos gañadores coñecerémolos na gala de entrega de premios que está fixada para o 10de maio ás 18.00 horas e na que se darán cita todos os participantes e os membros tanto do xurado coma da propia Mesa Local pola Normalización Lingüística.

8/4/13

Baile, música, literatura e teatro protagonizan a programación cultural do mes de abril

A Concellería de Cultura é a responsable de ofrecer un variopinto programa de actividades dirixidas a todas as idades. O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Cultura, ven de publicar o interesante programa de actividades que se poderán desfrutar no concello pontés durante as vindeiras semanas. De feito, dende a concellería que dirixe Sara Ramos apostábase por idear un completo programa de actividades para veciños e veciñas de idades do máis diverso xa que, nos vindeiros días, haberá teatro infantil, exhibicións de bailes de salón, concertos e ata presentacións literarias, todo un abano de posibilidades adaptadas a todo tipo de gustos, segundo subliñou a concelleira, para ofrecer unha alternativa de ocio a todas as xeracións. Así as cousas, xa este pasado sábado era posible desfrutar do espectáculo de danza oriental Shakti-Danza que dará paso a unha intensa actividade cultural. De feito, este mesmo venres, o poeta local Santi del Moral presentará na Biblioteca Municipal o seu libro Instantes Detidos, dende as 21.00 horas; namentras que o sábado, ás 19.00 horas, a música será a protagonista co concerto anual en homenaxe aos maiores que ofrecerá a Rondalla Vila de As Pontes e a agrupación Lucero del Alba, na Casa Dopeso. A fin de semana pecharase con teatro infantil o domingo ás 18.00 horas no auditorio municipal Alovi. A compañía Baobab ofrecerá a súa última montaxe: Babs, dirixida a menores de 4 anos, e para a que será posible facerse cunha localidade na propia billeteira do Alovi o sábado de 12.00 a 13.30 horas e o mesmo día do espectáculo, dende as 16.30 horas. Do teatro á música para o 17 de abril, xornada na que a Escola de Zanfona do Padroado de Cultura de Narón visitará o auditorio municipal Alovi para compartir xornada coas Escolas de Música e Baile Tradicional, dende ás 19.30 horas. Asemade, durante a vindeira semana tamén se realizarán varios pases tanto para estudantes coma para o público en xeral da obra de Limiar Teatro: Verbum Fahrenheit e que se presentará o vindeiro venres en rolda de prensa e o domingo, 21 de abril, novamente, contarase con teatro para os máis pequenos coa montaxe A Voar, de Sarabela Teatro, que arrincará ás 18.00 horas no auditorio municipal Alovi. Outra das apostas deste interesante programa cultural será a literatura con tres xornadas de lecturas, para os días 22, 23 e 24 de abril na Biblioteca Municipal onde dende as 18.00 horas, os usuarios destas dependencias e veciñanza en xeral poderán leer as súas historias e textos favoritos. O 26 de abril o baile tradicional ateigará de ritmos da nosa terra os Xardíns do Campo da Feira xa que, para conmemorar o Día Internacional da Danza, celebrarase un encontro entre a Escola de Baile Tradicional de As Pontes e o Grupo de Baile do Padroado de Cultura de Narón, a partir das 19.30 horas. Abril pecharase cunha exhibición gratuíta, o día 28 ás 18.30 horas, de bailes de salón e que estará protagonizada polos alumnos das ssociacións Lembranza da Vila, Beira do Eume, Veiga da Areosa e as Viúvas María Magdalena, todo isto no auditorio municipal Alovi e coa compaña de varias parellas de alta competición.

GRAN ÉXITO DE PÚBLICO NA SEGUNDA EDICIÓN DA FESTA DO FREIXÓ DO FREIXO

A parroquia do Freixo converteuse, o pasado sábado, na protagonista comarcal do bo comer, da boa mesa e compaña e sobre todo do gran poder e calidade dos nosos produtos autóctonos e materias primas. De ahí que, a segunda edición da festa do freixó fose todo un éxito de convocatoria. A climatoloxía non foi capaz de augar unha festa que pouco a pouco se está a consolidar na primavera pontesa e que contou con máis de 260 comensais entre veciños da zona e tamén de concellos limítrofes, que se achegaron ata o Freixo para participar nesta cita. Con eles case a totalidade do equipo de goberno co alcalde, Valentín González Formoso, e os edís de Promoción Industrial, Xuventude, Xestión Orzamentaria, Obras, Seguridade Cidadá, Servizos Sociais, Pesoal e Deportes. E é que, xunto co colectivo veciñal Raíces, o Concello volvía involucrarse neste festexo gastronómico. De feito, a programación da xornada prometía, con múltiples actividades que se abrían cunha mostra de artesanía e produtos da terra, onde non faltaron os artigos dos nosos Artesáns do Eume e ata produtos coma o queixo ou o mel da nosa comarca e que máis dun e dunha se levaron para os seus fogares. Non podía faltar tampouco un saboroso xantar con centos de comensais e que coma postre tivo uns deliciosos freixós preparados na freixoeira municipal polos integrantes do colectivo veciñal de Beira do Eume que, un ano máis, volvían poñer o mantelo e o gorro para elaborar este suculento postre composto por auga, leite, ovos, sal e fariña e que tan típico é nas mesas da nosa terra. Asemade, tamén houbo quen se animou a levar algunhas ducias de freixós para xa, máis tranquilos, degustalos nos seus respectivos fogares. E tralo bo comer tocaba facer a sobremesa, desta vez coa música do Dúo Maracuyá que se encargou que alegrar un sábado xélido pero iso sí con festa rachada.

A DANZA ORIENTAL TOMOU O SÁBADO O ALOVI COA ACTUACIÓN DA COMPAÑÍA SHAKTY DANZA

A danza oriental volvía a As Pontes o sábado cun espectáculo da man da Compañía Shakty Danza, convidada pola Concellería de Servizos Sociais e Centro de Información á Muller. Ó longo de hora e media de duración e coas ilustradas introducións de Isa O´Connor, o público asistente puido disfrutar da danza de case unha vintea de bailarinas que amosaron diferentes estilos e técnicas. Foi unha gala moi lucida e sobre todo, con moita máxia e cor, na que elementos como as ás de isis, os veos,os abanos,e mesmo sables e candeas, achegaron toda a riqueza de esta danza dentro dun espectáculo moi visual e creativo A exhibición de danza oriental que se ofreceu no auditorio municipal Alovi incluíu tamén Bollywood, un estilo moi popular na India, e Tribal Fusión modalidade na que a danza oriental tradicional se mestura con outros bailes, estilos e disciplinas africanos e contemporáneos. Houbo tempo tamén para intercalar tres cancións do ferrolán Marcos Mella, un cantautor que interpretou en directo tres dos temas que inclúe no disco que está a piques de saír, entre eles o que lle dará título: La canción del bolsillo roto. Tamén subíu ata o escenario a actual pediatra do centro de saúde de As Pontes, que avalou o beneficiosas que son estas danzas para as mulleres preñadas, e igualmente en calquera outro momento da súa vida, polo que aportan en saúde e benestar. A boa nova viña da inminente recuperación das clases de danza oriental na nosa vila, logo da exitosa experiencia de catro meses, que levou a cabo a mesma Rosa Salanova, directora do grupo que visitou o sábado As Pontes, e que está adicada dende hai anos ó ensino e difusión da danza orienta

3/4/13

O Concello de As Pontes adquire dous desfibriladores para a súa colocación nas instalacións deportivas municipais

O Concelleiro de Deportes, Carlos Castro, ven de anunciar a adquisición polo consistorio local de dous desfibriladores para a súa colocación nas instalacións deportivas municipais da piscina e o pavillón polideportivo municipal. Esta dotación enmárcase dentro do plan continuo de mellora das instalacións deportivas municipais, que nas últimas datas incluía remozados e dotacións varias. O seguinte paso, xa inminente, será a impartición dun curso formativo para que os traballadores do polideportivo aprendan a manexar estes desfibriladores portátiles para tratar as paradas cardiorrespiratorias ou taquicardias. Na piscina municipal xa se impartíu esta formación. Este tipo de aparellos funciona emitindo un impulso de corrente continúa ó corazón para restablecer un ritmo cardiaco efectivo, e están automatizados, de xeito que o seu emprego sexa moi sinxelo e non sexa preciso contar con coñecementos médicos para o seu emprego, tan só combinar o seu uso cun masaxe cardíaco. Os defibriladores teñen demostrado que ata que chega a asistencia sanitaria, son unha ferramenta valiosísima para preservar a vida, e este é o obxectivo de contar con eles nas instalacións deportivas municipais, para atender calquera situación que poda darse á espera da chegada dos servizos médicos.

Curso de aplicador-manipulador de productos fitosanitarios.

A Concellería de Medio Rural, que preside Antonio Castro, vai poñer en marcha un curso de aplicador-manipulador de productos fitosanitarios, en colaboración coa Cámara Agraria das Pontes. Para a súa celebración aínda non hai unha data prevista, pero de entrada barállase o mes de Setembro. Polo momento é necesario que todos os veciños e veciñas interesados na realización deste curso, a través do que se proporcionarán coñecementos, habilidades e aptitudes para poder aplicar e manipular productos fitosanitarios, o comuniquen na Casa do Concello, no primeiro andar, na secretaría da alcaldía, tendo de prazo para inscribirse ata o vindeiro 12 de Abril. A importancia da realizacion deste curso para a obtención do carné de aplicador-manipulador de productos fitosanitarios está en que a partir do ano 2.015 será obrigatorio posuír esta titulación para manipular calquera producto fitosanitario.Ou sexa, as persoas que posúan este carné estarán autorizadas a traballar e empregar plaguicidas nas terras.