27/3/13

MELINA ALONSO E AKKA ESSAADAOUI PROCLÁMANSE GAÑADORES DA XXIII EDICIÓN DA PEDESTRE DE SAN XOSÉ

Os corredores Melina Alonso do Clube de Atletismo Afflelou Naron e Akka Essaadaoui do Comesaña Sporting Club lograron facerse co primeiro posto na carreira absoluta de San Xosé que, o pasado sábado, reunía no parque de Dona Rita a case 450 corredores de todas as idades e procedencias. A proba, organizada polo Clube de Atletismo Olympo e o Concello de As Pontes, volvía bater records se asistencia de ahí que na carreira absoluta, de case 7 quilómetros de distancia, case se alcanzasen os 190 inscritos, valentes todos eles e elas á hora de afrontar tramos coma a subida á Cuveliña ou a baixada ao Encoro da Ribeira, tramos do máis esixentes debido a que se desenvolven por asfalto e contan cunha pronunciada pendente. Coma sempre a xornada arrincaba coas probas dos máis pequenos, cunha gran afluencia de escolares tanto de As Pontes coma doutros concellos da zona e que deberon facer fronte a distancias de entre 350 e 1800 metros. Así as cousas, en categoría prebenxamín os gañadores foron Aloia Murado e Diego Rodríguez e en benxamín os primeiros postos foron para Celia Durán e Eloy Galdo. Xa en alevín feminino a victoria foi para Daniela Zwirner e na categoría masculina para Andrés Picallo. O primeiro lugar en infantís ocupábano Carla Franco e Pedro Osorio e en cadete resultaron vencedores Lucía López e Antonio Souto. A competición infantil pechábase coa entrega de cheques en material escolar a aquelas asociacións deportivas que máis atletas clasificaron na línea de meta e que foron para o colexio da Fraga con 37 atletas, para a Magdalena con 35 e, finalmente, para o colexio de Santa María que clasificou 25 corredores. No tocante á carreira absoluta feminina, a Melina Alonso, que remataba o percorrido en 24:35, sumábase Raquel Súarez Pedrosa, do Ría de Ferrol e Mari Carmen Penas do Comesaña Sportng Club, sendo galordoada coma primeira pontesa a Subcampiona do Mundo de Raids, Tereza Ctvrtnickova, que remataba a proba en quinto lugar. Na categoría masculina, xunto Akka Essaadaoui, que empregou 21:04, ocupaban o podio pontés Juan Pena do Coruña Cimans e o gañador da II San Silvestre Pontesa, Rodolfo Somovilla do clube Rioja Atletismo. Como mellor pontés clasificábase David Castro que atravesaba a liña de meta en cuarto lugar. Na proba de veteráns primeiro resultaba José Manuel Lago en categoría masculina e María Jesús Gestido na feminina e a victoria en xuvenil era para Damián Martínez e Ruth Seoane.

25/3/13

A CONCELLERÍA DE XUVENTUDE ORGANIZA EN ABRIL DOUS CURSOS PARA DESEMPREGADOS DO MUNICIPIO

  O departamento municipal de Xuventude, que dirixe Chicho Tembrás, ofrecerá o vindeiro mes de abril dúas iniciativas formativas do máis interesantes, dirixidas a desempregados e desempregadas de As Pontes. De feito, os días 15 e 22 de abril desenvolveranse sendos obradoiros de operador de carretilla elevadora e de operador de ponte grúa, cada un de 8 horas de duración e de custe cero para as persoas que participen nos mesmos. No tocante ao primeiro dos obradoiros, este terá lugar o día 15 de abril e contará con 5 horas de teoría, a desenvolver na Casa Dopeso, e tres horas de clases prácticas nun lugar aínda por determinar. Trátase dun curso de operador de carretilla no que os participantes coñecerán dende as obrigas do conductor, ata o que é unha carretilla, os elementos que a compoñen ou a normativa de uso da mesma, entre outros contidos. Xa para o 22 de abril desenvolverase un segundo curso de operador de ponte grúa no que tamén se contará con cinco horas de teoría sobre este mecanismo e tres horas de práctica, a desenvolver na Casa Dopeso. Para poder participar en calquera destes dous cursos é preciso estar desempregado, ter entre 16 e 30 anos e estar empadroado en As Pontes. As inscricións abríanse hoxe mesmo, na Oficina de Información Xuvenil ubicada no primeiro andar da Casa Dopeso, e ademáis do pertinente formulario é preciso entregar unha fotocopia do dni e o certificado da situación administrativa actual, que se pode solicitar na oficina do INEM. O prazo de inscrición pecharase o 10 de abril pero as prazas son limitadas polo que, para a súa adxudicación, terase en conta a orde de inscrición das persoas que cumpran cos requisitos esixidos. Para obter máis información é posible consultar a páxina web municipal www.aspontes.com ou ben achegarse ata a propia oficina de Xuventude, na Casa Dopeso.

AS PONTES DIVERTIDO ARRINCA CUNHA VINTENA DE PARTICIPANTES

Un ano máis, coa chegada da Semana Santa abrían as súas portas os campamentos ideados polo departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller. Unha iniciativa que, ano tras ano, continua a gañar seguidores gracias a que se trata dunha moi boa alternativa para que os nosos nenos e nenas desfruten e aprendan durante estas xornadas de descanso. Este ano, baixo o título de As Pontes Divertido abríanse catro xornadas de xogos, deportes e actividades do máis diverso e que por un lado buscan a diversión dos máis novos e por outro botar unha man a eses pais e nais que, durante estes días, deben continuar coa súa xornada habitual de traballo. As dependencias do colexio da Magdalena volven ser o escenario perfecto para este programa, dirixido pola Escola de Tempo Libre Néboa, no que, ata o luns da vindeira semana, participarán un total de 18 pequenos e pequenas e que hoxe recibían a visita do edil José Alén. A dinámica de cada xornada abrirase con xogos de animación para conitnuar coa artesanía ou a coeducación en valores e é que, de feito, o principal eixo da aprendizaxe ofrecida por estes campamentos pasa por fomentar entre os máis novos o respeto polos demáis, por sí mesmos e, por suposto, polo medio ambiente, xa que unha vez que se remate cada actividade todos os pequenos e pequenas colaboran coa recollida e limpeza diaria. Nestes días tampouco faltarán os xogos de animación con música, historias e ata co uso do inglés e máis dunha actividade vencellada ao deporte e ao fomento das habilidades físicas, tal é o caso dos xogos tradicionais, e aquelas iniciativas que teñan como obxectivo o traballo da creatividade dos máis pequenos, con obradoiros de arxila, de cociña ou plastilina. Ata o luns da vindeira semana, As Pontes Divertido ateigará de xogos e sobre todo de moita diversión o colexio da Magdalena e, de seguro, que con esta oferta tan entretida a estes nenos e nenas non lles vai pesar o de erguerse cedo malia estar de vacacións.

22/3/13

O PRIMEIRO MERCADO DE OPORTUNIDADES DE VERÁN CELEBRARASE O 11 DE MAIO

O Mercado de Oportunidades do Verán (MOVE), promovido polo departamento municipal de Promoción Industrial, vaise facer coincidir coa Festa do Camioneiro, na xornada do vindeiro o 11 de maio. Dende a concellería que dirixe Montserrat García e mediante o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC) o IPPEc vaise promover un novo mercado a imaxe e semellanza do exitoso MOVA, que permitirá ós comerciantes da vila sacar á rúa as súas mercadorías a prezos vantaxosos nunha edición xa cara ó verán. A Concellería de Promoción Industrial facíase eco desta demanda dos comerciantes locais e abrira un prazo de preinscrición para plantexar a organización do evento en función desa participación. Onte mesmo celebrábase unha nova reunión entre Concello e comerciantes na que se decidía o 11 de maio como xornada do MOVE, para facela cadrar coa moi concorrida Festa do Camioneiro, o que permite tamén traballar con máis tempo e abrir un novo prazo de inscrición. Foran 14 os comercios inscritos ata hoxe, e agora, coa data xa oficial, ampliarase ata o 3 de abril o prazo para acoller novos participantes. Os interesados poden dirixirse ó rexistro do Concello.

21/3/13

ESTUDANTES DE SANTA MARÍA COÑECERON ONTE O FUNCIONAMENTO DO CONCELLO DA MAN DO ALCALDE

A Casa do Concello recibía onte a uns particulares visitantes: algo máis dunha ducia de estudantes de Primaria do colexio de Santa María. Baixo a dirección da súa mestra, estes pequenos e pequenas se achegaban ata a casa consistorial onde foron recibidos polo alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, que ademáis de anfitrión exercía de mestre por un día para explicarlles a estes estudantes o funcionamento habitual das dependencias municipais. De feito, a primeira parada dos escolares foi o Rexistro Municipal onde estes nenos e nenas puideron dar conta das súas peticións ao executivo local e que van dende a adecuación de instalacións para persoas con movilidade reducida ata a construcción de novos centros para persoas maiores. Posteriomente, tocaba visitar o Salón de Plenos onde, dende o seu respectivo escano, cada pequeno e pequena puido realizar as súas preguntas e peticións ocupando as bancadas que, normalmente, pertencen ao alcalde, os concelleiros do equipo de goberno ou aos membros da oposición. Como punto e final a esta visita nada mellor que levar un recordo por xentileza do Concello e unha nova experiencia que contar nos seus fogares xa que, non todos os días, un pode ocupar o posto do rexedor do seu concello.

20/3/13

O grupo poético Alalá celebra o venres o seu recital anual de primavera

• Aos cinco poetas locais unirase a tamén poetisa Diana Varela Puñal As Pontes, 20 de Marzo de 2013.- O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Cultura, e grupo poético Alalá celebrarán este venres o seu tradicional Recital de Primavera. A cita terá lugar no salón de actos da Casa Dopeso e na mesma será posible escoitar as recentes composicións de Aníbal Ánxel, Gloria David, Ofelia López, MªCarmen Freire e Santi del Moral que abordan temáticas coma a paisaxe galega, o amor e o sufrimento e diferentes denuncias sociais. Nesta ocasión tamén se contará coa presenza, coma poetisa convidada, de Diana Varela Puñal autora de poemarios coma Fíos, polo que obtivo o premio Uxío Novoneyra en 2006, ou Animal abismo. O recital, que será de entrada libre, arrincará ás 21.00 horas.

O CONCELLO DE AS PONTES PECHA AS CELEBRACIÓNS DO 8 DE MARZO CUNHA XORNADA DE ACTIVIDADES PARA MÁIS DE 200 ESTUDANTES DE PRIMARIA

O departamento municipal de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM) despediron hoxe o programa de actividades con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller. Foi cunha xornada de xogos e diferentes actividades nas que os protagonistas foron os estudantes de Primeiro e Segundo ciclo de Primaria dos diferentes centros educativos ponteses e no que participaron máis de 200 nenos e nenas, ademáis do edil José Alén, que quixo compartir cos pequenos este último día de xogos e iniciativas. A Casa Dopeso serviu de escenario para albergar un completo programa de xogos ideado polas monitoras de Atalaia Social e que, durante hora e media, puideron comprobar o aprendido polos nenos e nenas durante a Semana da Muller nas Escolas. De feito, coma se fose baixo a batuta da gran directora Inma Shara, os pequenos e pequenas comezaron a mañá cun xogo de música para continuar cun Verdadeiro e Falso integrado por diferentes preguntas coas que se pretendía avaliar o concepto de igualdade e os estereotipos asumidos polos máis novos no mundo da música, coma que hai estilos musicais para eles e para elas ou que, segundo o xénero, é posible tocar mellor ou peor un instrumento musical. Asemade, tamén durante a mañá se desenvolvía un particular Quen é Quen con imaxes de artistas femininas coma a DJ Marta Fierro, a gaiteira Cristina Pato, a rapeira galega AID ou incluso a trompa pontesa Estefanía Beceiro, imaxes que os rapaces e rapazas recoñeceron sen problema algún. E xa que coma o 8 de marzo estivo adicado este ano á muller na música, non podía faltar tampouco o baile cun entretido xogo no que as propias monitoras de Atalaia Social se animaron a ofrecer o seu propio estilo de baile no que se mesturaba a danza clásica, co hip hop ou o baile galego. Como sorpresa final nada mellor que escoitar a artistas locais como son Andrea Iglesias e Julia Prieto que co son do seu clarinete e do seu piano e na compaña de Álvaro García interpretaron temas coma as bandas sonoras de Aladín e a Sereíña e ata a clásica Aria de Bach. E así con música, como non podía ser doutro xeito, se despedía ata o vindeiro ano a Semana da Muller nas Escolas que, xa no curso que ven, continuará a afondar na eliminación dos estereotipos sexistas que, a día de hoxe, aínda protagonizan a nosa sociedade.

19/3/13

O Concello de As Pontes participará, por segundo ano consecutivo, na campaña Presume de praceiro/a

O Concello de As Pontes participará, por segundo ano consecutivo, na campaña Presume de praceiro/a, que ten por obxectivo poñer de relevo a figura profesional dos praceiros, ao tempo que se incentivan as compras e se promocionan e visibilizan os mercados e prazas de abastos como referentes na compra de produtos frescos e de calidade. O departamento municipal de Promoción Industrial que dirixe Montserrat García volverá respaldar esta iniciativa que, ademáis de en As Pontes, estará presente noutro cento de mercados de toda Galicia, da man da Consellería de Economía e Industria. A través desta campaña os clientes dos mercados poderán votar polo seu praceiro ou praceira favorita e, deste xeito, entrar no sorteo de tres vales de compra por valor de 75, 50 e 25 euros, a gastar no mercado municipal. Todo isto mediante uns boletos que se repartirán durante toda esta semana e ata o 3 de maio e que tamén recibirán premio. De feito, xa están programados os dous sorteos e que terán lugar o día 12 de abril e o 3 de maio, asemade, procederase a contar os votos obtidos por cada praceiro, e os elixidos verán recoñecida a súa profesionalidade e dedicación nunha homenaxe pública. E é que, dende a consellería de Economía e Industria, o que se busca é recoñecer a profesionalidade destes homes e mulleres, o seu consello e asesoramento á súa clientela e, ao mesmo tempo, incentivar a compra de productos da terra. Na anterior edición da campaña, recolléronse 1.300.000 votos que supuñan outras tantas vendas producidas durante o mes e medio que durou a iniciativa, sendo o establecemento máis votado na nosa vila a Carnicería Elías. Máis de 560 clientes das prazas galegas foron premiados cun total de 28.200 euros repartidos en bonos ou cupóns para comprar novamente nos diferentes mercados de abastos.

DUCIAS DE VECIÑOS PARTICIPAN NO ENCONTRO INFORMATIVO SOBRE O PXOM ORGANIZADO DENDE O CONCELLO

A Concellería de Xestión Orzamentaria e Urbanismo desenvolveu onte unha xornada de presentacións das liñas estratéxicas contidas no avance do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) cun acto aberto ó público que tivo un importante seguimento nas bancadas da Casa Dopeso. No mesmo contouse coa presenza do edil Antonio Alonso e dos responsables da empresa que está a desenvolver estes traballos, a catalana Jornet Llop & Pastor. Denantes do acto público do serán xa se celebraran outros dous, un cos grupos políticos municipais e outro coa comisión técnica de seguemento onde se contou coa presenza de representantes do tecido asociativo e empresarial do municipio e dos voceiros dos grupos da oposición Sara Prada e Francisco Da Silva. En todos os casos se acompañou a exposición coa proxección dun audiovisual na que se incluían os avances sobre planos e imaxes reais do municipio. Este primeiro avance das liñas a seguir no novo PXOM parten dun coñecemento exhaustivo do termo municipal, recollido nos traballos xa realizados destinados á información e diagnose, sempre a traverso do estudo e análise que propiciase unha diagnose que continúa aberta. Para esta fin incídese na idea de implicar aos ponteses e pontesas, sobre todo asociacións veciñais, nos que a colaboura se considera chave para acadar unha nova lexislación, máis actual, e adaptada ó desenvolvemento urbanístico real do municipio Agora, o seguinte paso será abrir canles directas para ese proceso de participación pública que abranga a todos os colectivos; entre outros, estase xa a elaborar unha páxina web específica que albergará toda a información e avances rexistrados sobre o PXOM pontés.

O Concello de As Pontes estrea este sábado unha nova oferta para os veciños en idade infantil e xuvenil.

Será coas actividades de Mundo Xogo, que ademais de desenvolverse aproveitando as vacacións de Semana Santa, desta vez vanse extender a todo o mes de abril. Na sala do Mercado Vello, comezando xa este sábado 23, manterase aberto mundo xogo, polas mañás de dez e media a unha e media, e polas tardes de catro e media a oito e media. Logo de que pasen as vacacións dos escolantes en Semana Santa, manterase a apertura outras dúas semanas, ata o día 13 do mes que ven. A oferta que trae desta vez mundo xogo, por iniciativa da Concellería de Xuventude, inclúe dúas pistas analóxicas de Slot, e unha dixital, establecéndose unha zona de competición para que os mellores tempos podan optar a levarse un agasallo ó finalizar a campaña. Haberá tamén unha zona de traballo con arxila, a xeito de obradoiros nos que crear imáns, ou decora lápices, por exemplo. Tamén se volverá contar coa cociña infantil, igualmente para o desenvolvemento de obradoiros. Canto ás zonas de xogo, atoparemos futbolin, pista de Hockey, billar, wii, e play 3, entre outros. A bo seguro que terá tamén moita aceptación a zona Pinta e colorea, e a zona de xogo LEGO, coas licencias de Lego Ninjao e LEGO Friends, e a posibilidade de construccións xigantes. Anque se pode acudir a xogar nos horarios establecidos e de mañá e tarde, os obradoiros e cursos de cociña serán sempre polas tardes a partir das 6.

18/3/13

AULAS DE DIVERSIÓN ABRE UNHA NOVA EDICIÓN CUN OBRADOIRO DE COCIÑA INFANTIL 

O pasado sábado tocaba colocarse o gorro, o mantelo e novamente sentarse á mesa para, coas mans na masa, desfrutar da xornada de apertura dunha nova edición de Aulas de Diversión. Na súa estrea neste 2013, Aulas de Diversión apostaba por unha das actividades de maior popularidade e, tal e como apuntaban as previsións, o obradoiro de cociña volvía ser todo un éxito pendurando o cartel de non hai vacantes. De feito, unha trintena de nenos e nenas de entre 3 e 12 anos se achegaban ata as dependencias da escola infantil da Barosa na mañá do sábado para idear, baixo as directrices do gran restaurador Antonio Díaz, catro receitas do máis saborosas e sinxelas. E é que a cociña non é cousa de idade, como quedaba máis que demostrado neste obradoiro. Así, para entrar en materia os pequenos chefs comezaban elaborando un saboroso e nutritivo batido de amorodos para continuar xa con algo máis contundente coma un pan pizza que cada participante aderezou cos ingredientes que máis lle gustaban e que, por supusto, tamén se animaron a probar. Non faltaron os tan típicos freixós da nosa terra que os participantes acompañaron con nata e mel do eume e, coma postre, un flan de chocolate e descafeinado que facía a boca auga a máis dun e dunha dos monitores que acompañaron en todo momento a estes pequerrechos. Con eles o edil de Servizos Sociais, José Alén, que tamén visitou esta particular clase de cociña. E é que Aulas de Diversión é un programa de actividades para os máis pequenos posto en marcha, precisamente polo departamento municipal de Servizos Sociais, para axudar ás familias traballadoras a conciliar a súa vida familiar coa súa promoción laboral, durante as mañás de sábado. Son tres horas de actividades lúdico educativas totalmente gratuítas nas que, por unha parte, os máis pequenos desfrutan, aprenden e coñecen novos amigos e, que por outra banda, permite aos seus pais e nais contar cun lugar onde deixar aos seus pequenos ben atendidos e, por riba, desfrutando namentras que eles deben atender ás súas obrigas laborais ou ás tarefas típicas dun fogar. Para este sábado Aulas de Diversión regresará ao seu emprazamento habitual: a Casa de Don Pedro, e no seu horario habitual de 10.30 a 13.30 horas, para ofrecer nesta ocasión un entretido obradoiro de reciclaxe e decoración de camisetas. Coma sempre a entrada será libre ata completar os 35 participantes.

15/3/13

O PROGRAMA AULAS DE DIVERSIÓN REGRESA MAÑÁ CUN OBRADOIRO DE COCIÑA INFANTIL

O programa de ocio infantil Aulas de Diversión volve este sábado trs varios meses de descanso. Un ano máis, este exitoso programa volverá ateigar as mañás dos sábados de actividades do máis variopintas para unha trintena de nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade, e é que dende a concellería que dirixe José Alén reedítase unha das iniciativas de mellor acollida entre as familias para conciliar promoción laboral e vida familiar durante as mañás de sábado. Como estrea nada mellor que unha das actividades que sempre rexistra o non hai vacantes como é o obradoiro de cociña. Nesta ocasión, mañá e nas dependencias da Escola Infantil da Barosa, será posible desfrutar das sinxelas receitas do cociñeiro Antonio Díaz, do restaurante eumés Andarubel que, un ano máis volve colaborar con este programa de ocio educativo. En dúas quendas, entre as 10.30 e as 12.00, ou ben de 12.00 a 13.30 se desenvolverán estas clases para o que era preciso anotarse previamente. Pero aquí non quedan as actividades que integrarán este ano o cartel de aulas de diversión e é que xa no seu escenario habitual, como é a casa de Don Pedro, o día 23, se retomarán as actividades cunha clase de pintura e reciclaxe de camisetas. Tralas vacacións de Semana Santa, o 6 de abril, está previsto qe se celebre un obradoiro de educación vial e para o día 13 do mes que ven desenvolverase un taller de técnicas de acampada. O 20 de abril teremos outra clase didáctica adicada aos primeiros auxilios e abril pecharase o día 27 cunha búsqueda do tesouro. Maio arrincará cun obradoiro de montaxe de fotografías o día 4, e o día 11. novamente. haberá que poñer o mantelo xa que se desenvolverá un taller de chocolate. O 18 de maio, por segundo ano consecutivo, contarase coa colaboura da protectora de animais Arco da Vella de Meirás que traerá a varios dos seus cans e para o día 25 terá lugar unha xornada adicada á música africana. A programación pecharase o 1 de xuño cunha excursión en bicicleta ao lago de As Pontes. Coma sempre todas estas actividades serán totalmente gratuítas e a maioría contarán cun máximo de 35 participantes, que tomarán parte nestas actividades por rigorosa orde de inscrición. Para poder seguir máis polo miúdo este calendario é posible consultar a páxina web municipal no enderezo www.aspontes.com.

A CONCELLERÍA DE PROMOCIÓN INDUSTRIAL ESTUDA CELEBRAR UN MOVA DE PRIMAVERA

O Concello de As Pontes, a traverso do departamento municipal de Promoción Industrial e o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), está a estudar a posibilidade de poñer en marcha un mercado de oportunidades de primavera que dea continuidade á exitosa iniciativa de inverno, co xa consolidado MOVA. Os propios comerciantes son os que solicitaron a colaboura municipal para poñer en marcha este mercado no que volver sacra á rúa as súas mellores ofertas, e atoparon a receptividade da edil responsable deste departamento, Montserrat García, que xa mantivo un encontro cos mesmos co fin de poñer en marcha os primeiros preparativos desta cita. Polo momento, coñécese xa a data: o primeiro de maio, e no tocante á participación, vense de abrir un prazo para que os establecementos locais que así o desexen comuniquen a súa participación denantes do vindeiro día 23.

14/3/13

Unha trintena de empresarios de As Pontes e arredores danse cita no I Networking local

• Esta reunión empresarial contou coa organización do departamento municipal de Promoción Industrial, mediante o IPPEC, e xurdía da man da asociación AJE Ferrolterra. As Pontes, 14 de Marzo de 2013.- O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Promoción Industrial e o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), xunto coa asociación AJE Ferrolterra, celebrou hoxe o primeiro encontro de empresarios da comarca Networking, unha actividade do máis popular hoxe en día no campo empresarial xa que permite crear sinerxias e contactos entre empresas de diferentes índoles,nun tempo record. De feito, algo máis dunha trintena de empresas tanto de As Pontes coma das comarcas de Ferrol, Ortegal e do Eume, todas elas representadas por menores de 40 anos, anotáronse nesta xornada celebrada no Centro de Dinamización Empresarial de Penapurreira e na que, durante dous minutos, cada participante presentaba o traballo que se realiza dende a súa marca. Toda unha oportunidade de crear negocio e xerar contactos pero optimizando o tempo empregado xa que, mediante este método, unha vez rematado o día, cada unha das empresas convidadas conta con máis dunha trintena de novos contactos que, nun futuro, lle poderán servir de axuda ou que, incluso, é posible que demanden os seus servizos. Así o apuntaba a edil de Promoción Industrial, Montserrat García, que se achegaba ata o Centro de Dinamización Empresarial de Penapurreira para compartir tempo con estes empresarios e empresarias de sectores tan diversos coma os seguros, a formación, o coidado medioambiental, o mundo das obras e da fontaneiría, as telecomunicacións ou as páxinas web. Toda unha oportunidade, tal e como subliñou a concelleira, para dar a coñecer o que ofrecen as empresas locais e para respaldar a actividade industrial do noso municipio, falicitando o contacto entre empresas e emprendedores locais con outros emprensarios dos arredores. E é que tal e como explicou García, mediante este networking, o que se busca é condensar nunha mañá un proceso que podería desenvolverse durante meses para obter un mesmo resultado. Pero á marxe desta xornada de negocios, dende o departamento de Promoción Industrial do Concello de As Pontes, tamén se está a traballar noutras iniciativas en prol do empresariado local, a máis próxima será unha nova edición do certame As Pontes Emprende. De feito, tal como explicou Montserrat García, neste 2013 agárdase lograr un novo éxito de candidatos xa que a apertura de case 40 novos negocios na vila durante o pasado exercizo é signo de que a cultura emprendedora pontesa é unha opción de futuro.

13/3/13

O executivo local abrirá o luns unha oficina para ofrecer asistencia e información sobre o bono eléctrico social

O Concello de As Pontes abrirá a vindeira semana unha oficina para que os veciños de As Pontes poidan obter información e solicitar o bono social eléctrico para aquelas economías familiares máis humildes. O Bono Social eléctrico supon a aplicación dunha tarifa reducida para que as vivendas con menos recursos, as familias numerosas e outros colectivos sociais desfavorecidos poidan beneficiarse dun prezo inferior no seu recibo da luz. A partir do vindeiro luns poderase acudir ata as instalación de Servizos Sociais, en Casa Dopeso, para informarse e tramitar o bono social eléctrico, que ten unha duración indefinida agás que a situación cambie e se perdan as condicións que deron dereito a el. A asistencia nesta oficina habilitada ó efecto será gratuit

O Concello celebrará o luns un encontro informativo para dar conta do PXOM e no que a veciñanza poderá realizar as súas aportacións

  O Concello de As Pontes ven de convocar un acto público para expoñer o estadoa ctual dos traballos que se están a realizar cara a un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Neste acto aberto exporase un documento elaborado en base á información recollida e as previsións de traballo para as data vindeiras malia que aínda non se trata dun documento normativo, tan só é informativo. Dende a concellería de Urbanismo, que dirixe Antonio Alonso, convídase a todos os veciños e veciñas a achegarse a esta primeira aproximación pública dun traballo que xa leva un ano en proceso e na que tamén se poderán realizar aportacións por parte dos veciños. A cita será na Casa Dopeso, o vindeiro luns día 18 ás 20.00 horas Coa redacción dun novo PXOM, o goberno municipal pretende poñer en orde o desenvolvemento urbanístico local e o encontro que terá lugar a vindeira semana é un paso máis na intención de que os ponteses e pontesas tomen parte directamente na súa elaboración Rematarase así coas obsoletas directrices de urbanismo en vigor pois o Concello se rexe polas Normas Subsidiarias Municipais de Planeamento de 1985.

12/3/13

O País dos Mandóns, O Segredo de Flora e a Urna dos Desexos cobran vida da man de Gazafelhos para achegar conceptos coma a democracia e a igualdade aos máis pequenos

    A Concellería de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM) retomaron hoxe o seu programa de actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller e, nesta ocasión, puxo en marcha unha iniciativa para os máis pequenos: os escolares de Educación Infantil dos diferentes colexios ponteses. Da man da compañía naronesa Gazafelhos, 220 alumnos e alumnas de A Fraga, A Magdalena, Monte Caxado e Santa María puideron coñecer conceptos coma o patriarcado, as dictaduras ou a desigualdade todo isto mediante tres historias entrelazadas e ás que deron vida os actores Pepablo Patinho, Jorge Casas e Montse Piñón. Como eixo destas historias, tres dos contos de edicións Embora pertencentes á colección A igualdade Conta e elaborados por Cristina Justo e Paloma Rodríguez. De feito, como punto de partida desta montaxe tiñamos a oportunidade de coñecer O País dos Mandóns, un lugar no que reinan o gris e mailo negro e onde as mulleres, as nenas e as avoas están condeadas a limpar, fregar ou cociñar, sen oportunidade de saír a dar un paseo, ler un libro ou pasalo ben. Toda unha metáfora dunha sociedade dispar, baseada no patriarcado e na inferioridade da muller e que cambia cunhas novas normas baseadas na igualdade de xénero e na eliminación de estereotipos sexistas. No País dos Mandós, os nosos protagonistas tamén tiveron a oportunidade de atoparse con Flora unha nena un pouco agresiva que solucionaba os seus problemas a base de perrenchas e labazadas e que atopou como saída á súa agresividade a música e a pintura; unha historia en contra da violencia. E de Flora a Clara outra das protagonistas destes tres contos en un e que pretende cambiar o mundo mediante a democracia e a posibilidade de que eles e elas sexan iguais en dereitos e deberes. Como colofón nada mellor que levar para cada centro escolar estas historias. De ahí que o edil de servizos sociais, José Alén, entregase a cada centro unha colección completa destas historias pola igualdade de Embora para continuar co traballo, pero xa nas escolas, en prol da eliminación de estereotipos sexistas.

11/3/13

O Concello de As Pontes escolle o teatro de Gazafelhos para achegar a igualdade ao alumnado de Educación Infantil

• O departamento de Servizos Sociais e o CIM ofrecerán a máis de 200 escolares de Infantil a representación de tres contos sobre a igualdade da man da compañía Gazafelhos As Pontes, 11 de Marzo de 2013.- O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Servizos Sociais e o Centro da Información á Muller (CIM), retomará mañá as celebracións do Día Internacional da Muller, e será mediante unha actividade dirixida aos estudantes ponteses de Educación Infantil. Así, algo máis de 200 escolares, dos diferentes centros educativos locais poderán desfrutar da representación teatral da compañía Gazafelhos que representará, nunha función de algo máis de media hora, tres textos pertencentes á colección A Igualdade Conta, editada por Émbora. As súas autoras son Cristina Justo e Paloma Rodríguez que idearon varias historias incluídas na publicación O País dos Mandóns. Nesta ocasión, a compañía Gazafelhos escolleu tres destas historias ás que darán vida mañá e que levan por título: A urna dos desexos, O País do Mandóns e O segredo de Flora. En dúas sesións, ás 10.30 e ás 12.30 horas, coñeceremos como no País dos Mandóns uns cantos mandan sobre o resto e non permiten que as nenas, as nais ou as avoas xoguen, traballen lonxe da casa ou saian dar un paseo, situación que cambia cunhas novas normas baseadas na igualdade de xénero, na eliminación de estereotipos ou no cambio do concepto de patriarcado. Coa historia de O Segredo de Flora trabállase a temática da violencia en todo tipo de ámbitos tendo coma protagonista a unha rapaza de nome Flora que ten un fantástico segredo, xa que aprendeu, mediante unhas verbas máxicas, a non ser violenta. Finalmente, en A urna dos Desexos teremos coma protagonista a Clara que aprenderá o que supoñen unhas eleccións e que pretende exaltar valores coma a democracia paritaria e a participación política, ademáis de servir coma homenaxe á figura de Clara Campoamor.

A XXIII carreira pedestre de San Xosé abre o seu prazo de inscrición

• A proba, organizada polo Concello e o clube Olympo, desenvolverase o día 23 de marzo pola Fraga de Dona Rita e os seus arredores As Pontes, 11 de Marzo de 2013.- Co gallo da celebración da festividade de San Xosé, As Pontes acollerá o vindeiro sábado 23 de Marzo unha nova edición da xa clásica carreira pedestre, unha cita afianzada no calendario do atletismo comarcal, que cada ano atrae a máis e máis corredores. De feito no pasado 2012, 450 dorsais cruzaron a liña de meta, tanto nas carreiras infantís como na proba absoluta. O circuito da Fraga volverá ser escenario deste clásico que troca o seu horario, pasando a desenvolverse pola tarde, dende as 17.00 horas e que volve organizar o concello, mediante o departamento municipal de Deportes, e o clube local Atletismo Olympo. A carreira de San Xosé, que celebrará a súa XXIII edición, está pensada para adultos e nenos, que teñen un percorrido máis curto despendendo da súa idade. Así as distancias establecidas van dende os 350 metros dos máis pequenos aos 6.500 metros da carreira adulta. Como manda a lóxica, pero a diferencia de anos anteriores, os primerios en lucir dorsais serán os máis pequenos, que estarán preparados na liña de saída a iso das cinco da tarde. Desputaranse un total de oito carreiras. Prebenxamín masculino e feminino, para nenos e nenas nados nos anos 2006-2007, que terán que dar unha volta a un circuíto de 350 metros. Benxamín masculino e feminino para rapaces e rapazas nados nos anos 2004 – 2005 teranse que enfrontar a un circuíto de 500 metros; e o alevín feminino para nenas nadas nos anos 2002-2003, a distancia a percorrer será de 900 metros. Namentras que os alevíns masculinos enfrontaranse a unha distancia de 1250 metros. Canto ás categorías infantís, para mozos e mozas nados entre os anos 2000 e 2001, as distancias son de 1250 metros, para as femias, e de 1450 metros, para a categoría masculina. E finalmente a categoría cadete, que comprende aos nados nos anos 98-99, a organización da carreira de San Xosé establece un percorrido de 1450 metros para elas, e 1800 metros, para eles. Haberá tres premios de 150 euros canxealbes por material deportivo, para as entidades deportivas que clasifiquen o maior número de participantes na liña de chegada. Ademais concederase trofeo aos tres primeiros clasificados en cada unha das categorías, e trofeo ao primeiro pontés clasificado en cada categoría. As inscricións escolares e por entidades teranse que presentar no Departamento de Deportes do Concello, tendo de prazo ata as 13.00 horas do vindeiro 20 de marzo. Con relación á carreira absoluta, ésta desenvolverase logo das carreiras escolares e o percorrido terá unha distancia aproximada de 6500 metros. Diferenciaranse as categorías xuvenís, para mozos e mozas nados nos anos 94-95-96 ou 97. Promesa Senior, para nados nos anos 93 e anteriores. Veteranas 35 anos cumpridos no día da proba e veteráns 40 anos cumpridos no día da proba. Canto aos premios haberá cinco absolutos tanto para categoría masculina como tamén para a feminina. Así, o primeiro premio será de 200 euros e trofeo; o segundo clasificado recibirá trofeo e 120 euros. O terceiro atleta en cruzar a liña de meta farase cun premio económico de 75 euros e trofeo. O cuarto clasificado recibirá 50 euros e trofeo e finalmente o quinto clasificado farase cun premio de 30 euros e tamén trofeo. Tamén se outorgarán trofeos aos tres primeiros clasificados e clasificadas por cada categoría se non chegan entre os tres primeiros absolutos. Concederanse ademais o Trofeo Luis Barrio Doel e Premio Galiorient ao primeiro pontés e pontesa clasificados. E tamén volve estar en xogo o Premio Opticalia para aqueles atletas que crucen a liña de meta na vixésimo terceira posición da clasificación masculina e da feminina, en conmemoración a esta XXIII carreira de San Xosé. A normativa tamén establece que en ningún caso, agás o Trofeo Luis Barrio, un mesmo atleta poderá recibir dous trofeos, percibindo unicamente o de maior categoría. No tocante ás inscricións para a carreira absoluta,éstas deberán cursarse mediante a páxina web www.championchipnorte.com ou ben nas oficinas do pavillón municipal entre as 8.00 e as 13.00 horas, sendo preciso aboar 1 euro no momento de anotarse nas oficinas de Deportes ou mediante a pasarela de pago.

SERVIZOS SOCIAIS ABRE O PRAZO PARA ANOTARSE NOS CAMPAMENTOS DE SEMANA SANTA AS PONTES DIVERTIDO

Coa proximidade das vacacións de Semana Santa de seguro que moitos pais e nais xa están a pensar en diferentes alternativas e actividades coas que entreter aos seus pequenos e pequenas, namentras que eles continuan a traballar. Unha das que, ano tras ano, vai gañando adeptos son os obradoiros de conciliación que, unha vez máis, ofrece o executivo local. Novamente, dende o departamento municipal de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller, porase en marcha un programa lúdico educativo para eses días de Semana Santa nos que pais e nais deben traballar e non teñen con quen deixar aos seus fillos e fillas. Baixo o título As Pontes Divertido, os días 25,26 e 27 de marzo e 1 de abril 50 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos poderán desfrutar de diferentes actividades lúdico educativas que terán como escenario as dependencias do colexio da Magdalena. Os horarios serán os habituais durante estes catro días de actividades, é dicir de 9.00 a 14.00 horas, e o custo será de 10 euros con descontos do 50% para familias numerosas. No tocante ao prazo de inscrición, o mesmo abríase o pasado venres e pecharase o día 19 sendo preciso cubrir a pertinente solicitude no Rexistro Xeral do Concello e tamén achegar ata estas dependencias a seguinte documentación: fotocopia do Libro de Familia, certificado da empresa de conforme se está a traballar nas datas destes obradoiros, certificado de estar a asistir a un curso nestas datas ou declaración xurada de estar a traballar no servizo doméstico; e é que de existir maior demanda que prazas adxudicaranse as mesmas dando preferencia aos pais e nais que xustifiquen o estar a traballar ou ás familias monoparentais. Para obter máis información coma sempre dende o departamento municipal de Servizos Sociais teñen a dispor da veciñanza un teléfono de contacto: o 981 44 10 08.

O EXECUTIVO LOCAL ADXUDICA AS OBRAS DO PLAN PROVINCIAL DTC-94

A Xunta de Goberno local ven de aprobar a adxudicación de diferentes obras por un valor superior aos 500.000 euros. De feito, na sesión celebrada o pasado venres, concedéronse diferentes proxectos incluídos no plan DTC-94: Unha deputación para todos os concellos, respaldado economicamente pola Deputación da Coruña con case 600.000 euros. Así as cousas, a empresa Villasuso Construcción será a encargada de executar os traballos de reparación dos camiños de O Rego, As Cabandelas, A Cabeceira e O outeiro, no Deveso; O Castro en Espiñaredo; Alvarón e o Paraño, en As Pontes;Tras do Camiño no Freixo; Cervicol en Somede e A Carballeira e O Reboredo, na Vilavella, por un total de 174.620 euros. Esta misma empresa tamén recibirá 188.193 euros para desenvolver a reparación dos camiños de Aldea de Arriba, en Somede; A Vila, no Rego dos Bácaros ata Lamas e ata a Redonda na parroquia de San Pedro de Eume; en Espá e Cachopal; no Caneiro e no Carballo, A Ermida e Os Currás, lugares ubicados en Bermui. Finalmente, tamén o venres se adxudicaba un terceiro contrato por valor de 137.211 euros á empresa Desiman para desenvolver as obras de reparación nas pistas deportivas da Canle IV, no colexio de Monte Caxado, nos locais veciñais de Santa María do Aparral, Bermui e Saa e tamén para a execución do sistema de abastecemento a Goente.

9/3/13

O PROGRAMA RADIOFÓNICO VOCES POLA IGUALDADE VOLVE SALIENTAR O PAPEL DA MULLER, DESTA VEZ, NO ÁMBITO MUSICAL

As voces das mulleres foron protagonistas hoxe no programa que cada anao se ofrece dende Radio Eume cadrando co Día Internacional da Muller: Voces pola igualdade. Este ano, ó estar adicada a xornada á música e as mulleres foron principalmente mulleres da nosa vila que están en actividades musicais as que interviñeron, como mostra dun eido máis da incorporación progresiva das mulleres aos espazos públicos,e a familiarización da sociedade coa presenza da muller en todos os campos en igualdade cos homes. De feito polo estudo que se instalou hoxe na Biblioteca Municipal pasaron dende as monitoras de Atalaia Social, responsables das actividades que se estiveron a realizar estes días cos alumnos de Educación Primaria, ata figuras da música local coma Aurora Maceira, integrante de No Cómbaro, ou Anabel Alonso membro das Cantareiras de Alende e ata, a través do teléfono, se poideron escoitar as opinións da vogalista dos Satélites: a pontesa Natalia Méndez. O espazo que se emitíu esta mañá en directo durante tres horas contou tamén coa colaboura de voluntarios e voluntarias que leron textos alusivos a esta data, acadando que tomase un cariz máis conmemorativo que reivindicativo, aos que se sumaron o edil de Servizos Sociais, José Alén, ou a directora do Centro de Información á Múller, Maca Rego. Pero á marxe deste maratón radiofónico, a Biblioteca Municipal tamén se sumaba cunha segunda actividade a esta celebración do 8 de Marzo coma sempre adicando un espazo á literatura feita por mulleres, tanto para o público adulto coma para os máis novos. E é que a Muller na Literatura e Elas nos contos volven estar protagonizadas por títulos de grandes escritoras coma Rosalía de Castro ou Medos Romero ou por historias infantís nas que nenos e nenas poden ser heróes, intrépidos aventureiros ou estrelas de diferentes peripecias. Pero neste venres tamén tivemos a oportunidade de desfrutar de varias exposicións noutros emprazamentos, neste caso nos institutos Moncho Valcarce ou Castro da Uz. De feito o propio edil de Servizos Sociais, José Alén, visitaba hoxe estas dúas mostras. A primeira delas no instituto Moncho Valcarce e que leva por título Muller e Música. Diferentes paneis de gran tamaño, instalados na entrada do propio centro, integran esta exposición na que podemos atopar as biografías de figuras coma a pianista e cantante Mariana Martínez; Nanerl Mozart, a irmá do tan famoso Amadeus que tamén adicou a súa vida á música, e así ata a nosa época con xa facianas coma a da pianista catalana Alicia Coduras ou a coruñesa Margarita Soto, todas elas exemplos de que a música é cousa tamén delas dende tempo inmemoriables.

7/3/13

As Pontes conmemora o Día da Muller coa música como eixo central de varias actividades para todas as idades

• Actividades nas aulas, diferentes exposicións para todas as idades, contacontos e ata un programa de radio forman parte do amplo programa deseñado dende o departamento de Servizos Sociais O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Servizos Sociais e o Centro da Información á Muller (CIM), conmemorará este ano unha vez máis o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, cun amplo calendario de actividades que permitirán a participación de veciños e veciñas de todas as idades. De feito, un ano máis, dende a concellería que dirixe José Alén apostouse por idear unha serie de actividades nas que se busca fomentar, sobre todo entre os máis novos, o concepto de igualdade. Un ano máis son os estudantes de diferentes idades os principais destinatarios dunha programación que, nesta edición, ten o mundo da música como eixo central. Segundo explicou o propio concelleiro, a principal prioridade do executivo local volve pasar por fomentar entre as xeracións do futuro unha educación non sexista, á marxe de estereotipos que marcaron, décadas atrás, aos homes e as mulleres e que é preciso eliminar para que, nas vindeiras décadas, ideas coma que as mulleres poden facer un tipo de traballos e os homes outros, tan só sexan cousas do pasado. No tocante ao programa para estes días, ao longo de toda a semana desenvolveuse, un ano máis, o programa Semana da Muller nas Escolas, que chegou a máis de 320 estudantes de Primaria dos catro centros educativos ponteses. A música foi o eixo central de diferentes actividades adaptadas a cada grupo de idade con cancións e xogos para producir música co corpo ou con diferentes instrumentos coma un sacho, unha botella ou un pandeiro; actividades nas que pequenos e pequenas se decataron que o ritmo non é cuestión de sexo. Asemade, os máis maiores tamén tiveron a oportunidade de analizar o tipo de cancións que interpretan os e as cantantes e o tipo de vestimenta deles ou delas e reflexionar sobre a temática dos temas musicais que interpretan os nosos grupos favoritos. Xa para os alumnos de Educación Secundaria se están a desenvolver actividades vencelladas ao papel de homes e mulleres na publicidade, na historia, na ciencia e tamén da linguaxe sexista; xornadas que se completarán con dúas exposicións nos institutos Moncho Valcarce e Castro da Uz sobre o papel da muller na música e o que significa ser muller, e que mañá mesmo abrirán as súas portas. Non podía faltar o traballo cos alumnos e alumnas de Educación Infantil que, o martes da vindeira semana ás 10.30, na Casa Dopeso, poderán desfrutar da adaptación teatral dos contos da colección A Igualdade Conta, da editorial Embora, a cargo da compañía Gazafelhos que interpretarán varias historias sobre a igualdade, para máis de 220 alumnos e alumnas de Infantil. Toda unha novidade no programa deste 8 de marzo adicado ao Día da Muller. Por outra banda, mañá entre as 10.00 e as 13.00 horas, na biblioteca municipal, celebrarase unha nova edición do programa radiofónico Voces pola Igualdade que se emitirá a través da emisora local Radio Eume e no que a música e a muller serán o eixo central dos diferentes espazos e entrevistas que formarán parte deste programa. Asemade, tamén dende mañá será posible visitar na biblioteca municipal de As Pontes a mostra A Muller na Literatura, con diferentes títulos de escritoras tanto locais coma universais, ás que se sumarán varias publicacións infantís vencelladas ao fomento da igualdade entre nenos e nenas. A conmemoración do Día da Muller rematará o vindeiro día 20 cunha nova actividade vencellada ao mundo da música xa que está previsto que se desenvolva, na Casa Dopeso, unha xornada para estudantes de Primaria que demostrarán o aprendido na Semana da Muller nas Escolas e que contará coma colofón coa actuación das profesoras do Conservatorio de Música de As Pontes: Andrea Iglesias, Olalla Rodríguez e Elena Tenreiro.

4/3/13

O POS 2013 permitirá mellorar dúas pistas no Freixo e o alumeado no Rego do Muíño

• A corporación municipal, en pleno, respaldou a inversión de 56.000 euros nas obras de asfaltado da pista de A Rega, o acceso á capela de Pena de Francia e o alumeado no Rego do Muíño O Concello de As Pontes deu hoxe luz verde, en sesión plenaria, a un novo proxecto a realizar con cargo ao Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación da Coruña para o exercizo actual. Trátase do aglomerado, na súa primeira fase, da pista de acceso á capela de Pena de Francia, e a primeira fase da pista de A Rega que conecta As Pontes con Ourol. Asemesmo tamén foi aprobada a colocación de novo alumeado no Rego do Muíño, continuando co xa renovado na Avenida de Galicia. Estes proxectos, que suporán unha inversión de 55.844 euros, súmanse a outros 500.000 aprobados recentemente polo Pleno da Corporación a proposta do goberno municipal que adicará a totalidade do importe outorgado pola Deputación a inversión, malia que as bases deste plan recollían a posibilide de adicalo ao gasto corrente. Polo tanto o POS 2013 inclúe os seguintes proxectos: Creación do primeiro portal de acceso ao Lago desde Saa; Melllora de servizos e pavimentos no Poboado da Fraga (II Fase); Mellora de pavimentos e alumeado no Barreiro (Fase II); Mellora de pavimentos e alumeado na rúa Ramón Cabanillas; Pavimentación dos viais de Roidiz, A Faeira, A Cruz, Pedrafita (Fase II) e A Cabana e, o proxecto aprobado esta mañá: o aglomerado das pistas de A Rega e Pena de Francia, e finalmente alumeado no Rego do Muíño. Esta obra sustituirá á construcción do servizo de abastecemento de auga potable a Chao de Arriba e Abaixo, Subseixo e Turrilón, no Freixo, e á creación da rede de sumidoiros na rúa Areosa ao non tratarse de terreos de propiedade municipal, polo que non poderán ser acometidos con fondos provinciais. Nembargantes, o que sí que se manterá será a inversión nestas zonas, de ahí que se escollesen diferentes obras que afecten ao Rego do Muíño e á parroquia do Freixo, aínda que tal e como anunciou o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, o proxecto eliminado será acometido con fondos municipais. Por unanimidade se aprobaba este cambio ao igual que o segundo punto da sesión, no que se debatía unha moción sobre o Plan Miner presentada polo Bloque Nacionalista Galego, na que demandaban a inclusión do Ministerio de Industria na listaxe de debedores do Concello de As Pontes. No texto, a formación frontista facía un amplo desglose dos diferentes proxectos a acometer cos fondos Miner en As Pontes e que suporán un desembolso de 55 millóns de euros dos que, a día de hoxe, segundo denunciou o BNG, non se recibiu nin un euro, nin se recibirá ao longo do ano xa que os orzamentos estatais para o 2013 non incluen máis que 44 millóns de euros dos fondos Miner para toda España. Dende o executivo local deron conta do seu respaldo a esta demanda aínda que con cambios no texto xa que, segundo explicou o edil de Xestión Orzamentaria, Antonio Alonso, non é posible tildar de deudor ao Ministerio de Industria neste aspecto ao non tratarse de débedas líquidas e vencibles, polo que os Servizos Técnicos de Intervención do Concello non aprobarían esta medida. De feito, dende o equipo de goberno, a concelleira de Emprego, Ana Pena, explicou que o que se está a facer é empregar os medios da Asociación de Municipios Mineiros (ACOM) da que xa forma parte As Pontes, para demandar estas débedas do Estado cos concellos nesta situación e anunciou que o vindeiro día 21 terá lugar un encontro co Secretario de Estado da Enerxía para abordar este tema. Dende o BNG tamén demandaron toda a documentación en relación ao Plan Miner 2006-2012, dende as actas dos encontros da Mesa da Minería ata os proxectos que se realizarán con estes cartos ata os escritos municipais remitidos ao Ministerio de Industria, petición á que se sumaron dende Compromiso por Galicia, que tamén demandou a convocatoria dunha comisión ao respecto para a vindeira semana. Cos votos a favor de todos os edís presentes saíu adiante este texto coa modificación do punto primeiro, como plantexou o equipo de goberno.