26/2/13

Biomasa Forestal arrinca o proceso de producción de pellets na fábrica ubicada en As Pontes 

A pranta de Biomasa forestal está xa a traballar na nosa vila á espera de competar o plantel para acadar os obxectivos cos que se recuperaba esta iniciativa industrial. Logo dun proxecto empresarial que non se chegou a formalizar, a empresa Nuevas Tecnologías y Bioenergía do grupo Gestán asumía a pranta de Penapurreira con expectativas mesmo máis ambiciosas. Esta nova fábrica partirá cunha producción inicial de 55.000 toneladas de pellets destinadas á venda para calefacción ou para xerar enerxía, pero nun prazo aproximado dun ano confíase en incrementala ata as 80.000 toneladas, producción da que un 80% terá como obxectivo a exportación a países coma Holanda ou Gran Bretaña. Segundo o plano de negocio presentado por Gestán, está previsto dupricar a capacidade de producción cunha nova inversión de 2 millóns de euros que se sumarán as melloras xa realizadas coma a colocación dunha cuberta no almacén para reducir a humidade da biomasa durante o seu proceso de tratamento ou xa, no vindeiro exercizo, a adquisición dunha nova pelletizadora e descortizadora.

Delagro inicia os traballos de construcción da súa nova fábrica de abonos en As Pontes 

A empresa Delagro,adicada á producción e distribución de abonos e fertilizantes, iniciou xa os traballos de construcción da que será a súa factoría pontesa e que estará ubicada no polígono de Penapurreira. Serán dúas naves nas que se investirán algo máis de 5 millóns de euros, incluído o que foi a adquisición da parcela de 36.000 metros cadrados, onde se ubicará este complexo multidisciplinar composto por dúas naves de 6.000 e 3000 m2 designadas a producción e almacenaxe que axudarán a manter o sistema de producción de Delagro, que xera 30.000 das 80.000 toneladas de fertilizantes que se fabrican en Galicia. No tocante á xeración de emprego, segundo as previsións manexadas pola dirección da compañía, está previsto que se creen 40 postos de traballo directos e indirectos e contarase con man de obra local. No que respecta á súa producción, a empresa sitúa o inicio da mesma a mediados de ano, apostando por fertilizantes personalizados, adaptados a cada zona de cultivo, segundo os seus nutrintes ou tipo de producción, e que teñen como obxectivo respostar á demanda da clientela ao tempo que se diminue o impacto medioambiental dos abonos. Delagro está integrada por máis de 40 cooperativas e entidades de Asturias, Cantabria e Galicia e conta no seu haber con máis de 17.000 asociados, o que a converten na central de compras máis importante do norte de españa e que, en 2011, logrou alcanzar os 157 millóns de euros en volume de facturación e xestión.

20/2/13

ALENDE MAGIC TOUR, BANCA PIRATA E OS TUNANTES FOLCLÓRICOS PREMIADOS NO CERTAME DE COMPARSAS VILA DAS PONTES

Nin a recén inaugurada praia do lago, nin os recortes do goberno do Partido Popular, nin tampouco o adoquinado do casco urbano escaparon das afiadas e perversas composicións das comparsas participantes no X Festival de Comparsas Vila das Pontes. Cheo case absoluto no Auditorio Municipal Alovi para escoitar ás seis formacións encargadas neste 2.013 do repaso xocoso da situación actual, cunha estudiada posta en escea, na que reinou o bo humor, e a picaresca nas letras Por segundo ano consecutivo, a Asociación Cultural Alende fíxose co premio á mellor interpretación. Alende Magic Tour ofreceu un espectáculo ameno, divertido, no que os seus compoñentes emulando ás grandes orquestras convertíronse en dignos merecedores deste galardón e dos aplausos do público que, entre actuación e actuación animaba coas súas bandeirolas a tan excéntrica formación. Un vestiario apropiado, unhas letras coidadas, e unha estudiada coreografía foron factores suficientes para que o xurado premiase o arduo traballo de Alende Magic Tour. Banca Pirata, unha comparsa de interés variable, recibía o premio ás mellores letras. Vila Bolardo, Ondas do lago me levan, e Banca Pirata foron as tres composicións interpretadas, en dúas delas facíase un completo repaso á actualidade local, á apertura da praia do lago, e á colocación de bolardos en diversas rúas do municipio. E finalmente, Os Tunantes Folclóricos vestidos de homes prehistóricos facíanse co premio ao mellor vestiario. Unha España de pandeireta, Mariano Recortador e A Hipoteca foron as composicións presentadas ao Certame empregando como acompañamento a música de recoñecidas melodías como A Rianxeira, a xota de Sebasáns ou a Pandeirada do Grove. A Troula Carnavaleira apostaba neste 2.013 por un Entroido de Película, con personaxes como o grandísimo Charles Chaplin “Charlot”, Cantinflas, O Raposo, Drácula, Marilyn Monroe ou incluso Mary Poppins. E no seu guión a malversación de caudais, as promesas incumpridas do PP, e a falsedade documental, para finalizar cunha exhaltación ao entroido pontés. Repetían un ano máis sobre o escenario os estudantes do Instituto de Educación Secundaria Castro da Uz que partindo do exitoso “El chiringuito” de Georgie Dann, cantaban que Xa temos praia. E transformaban a letra da Carolina para falarnos dos avances tecnolóxicos nas aulas. Por primeira vez abríase a participación a comparsas de fóra das Pontes e dende Negreira recibíamos a Puenting de García Rodríguez, que nos deixaba a súa particular visión sobre a situación política actual, a profecía Maya e tamén sobre o puenting, baixo o título Amigos de As Pontes

19/2/13

A CASA DOPESO REGRESA Á II GUERRA MUNDIAL CUNHA MOSTRA SOBRE A VIDA DOS GALEGOS NO CAMPO DE CONCENTRACIÓN DE MATHAUSSEN

As Pontes rendía onte homenaxe á historia, a esas negras lembranzas do pasado, da II Guerra Mundial, das épocas nazi ou franquistas nas que por ter unhas crenzas ou unhas conviccións políticas diferentes ou, simplemente, por nacer nun país distinto xa había quen pensaba que todos os seres humanos non eran iguais. Unha homenaxe a un tempo escuro e triste, onde se violaban os dereitos dos individuos simplemente por pensar, unha época para non repetir pero tampouco para esquencer porque moitos foron os que deixaron a súa vida vítimas da barbarie dos campos de concentración nazis. Un deles foi Mathaussen, en Austria, onde por moi lonxe que nos pareza, moitos galegos foron retidos, maltratados e sacrificados, vítimas do seu pensamento político e das directrices de dous bárbaros como foron Hitler e Franco. A eles, a veciños coma Manuel Villar,Jaime Castiñeiras, Manuel Fernández García ou Alfonso López está adicada esta mostra audiovisual que onte abría as súas portas na Casa Dopeso e que leva por título Galegos en Mathaussen. Son medio cento de paneis onde atopamos dende fotografías persoais ata instantáneas que recollen a dura vida neste campo de concentración, sen ter que comer, con medo continuo a rematar na cámara de gas, sufrindo contínuas vexacións. Testemuños de 21 veciños das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, dos cales 11 lograron sobrevivir e que resumen o que supuxo esa experiencia e o porqué remataron neste campo de exterminio nazi, material que procede da investigación realizada durante tres anos do historiador Enrique Barrera, integrante da asociación Memoria Histórica Democrática e responsable desta mostra. A edil de Cultura, Sara Ramos, foi a encargada de inaugurar esta colección de imaxes que estará en As Pontes ata o 11 de marzo e que definiu coma unha ensinanza para os máis novos que non se debe nin esquencer nin repetir. Asemade, onte contouse coa presenza de Manuel Fernández Pita, integrante da asociación Memoria Histórica Democrática que subliñou a importancia de dar a coñecer unha ideoloxía que tanto danou á humanidade. Galegos en Mathaussen chega a As Pontes tamén da man da coordinadora de Ampas Abrente e do propio Concello e complétase cun vídeo documental que leva o mesmo título, elaborado por Sandra Rey e Xosé Abad que se proxectaba onte na Casa Dopeso e que tamén será posible ver durante estes días ao abeiro desta exposición. De feito, moitos veciños e veciñas, entre os que se atopaba o edil José Alén ou o propio responsable deste proxecto Enrique Barrera, puideron ver onte este duro documental ao que se sumará, xa o vindeiro día 28, ás 20.00 horas, unha conferencia sobre esta misma temática e que impartirán os historiadores Manuel Fernández Pita e Enrique Barrera, aínda que xa onte houbo quen puido solventar as súas dúbidas e inquedanzas preguntando a estes historiadores sobre as diferentes instantáneas que integran Galegos en Mathausen. Para aqueles que aínda non tivesen a oportunidade de visitar esta colección, lembrarlles que ata o 11 de marzo será posible ver estas imaxes e tamén o documental que as acompañan, nos corredores da Casa Dopeso, en horario de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.00 horas, de luns a venres e os sábados entre as 11.00 e as 13.00 horas.

26 PONTESES E PONTESAS PARTICIPAN NA SEGUNDA EDICIÓN DO PROGRAMA DE OBTENCIÓN DO TÍTULO DA E.S.O, AUSPICIADO POLA CONCELLERÍA DE SERVIZOS SOCIAIS

O departamento municipal de Servizos Sociais ven de poñer en marcha a segunda edición do seu programa de titorías para a obtención do título de Educación Secundaria Obrigatoria dirixido a adultos. O pasado venres producíase a presentación deste curso no que participarán un total de 26 veciños e veciñas, que se dividirán en dous grupos e que, da man de dúas mestras, recibirán clases de Matemáticas, Ciencias, Tecnoloxía, Xeografía, Música ou Historia para lograr obter, en maio, o título de Educación Secundaria, todo isto de xeito gratuíto e tamén con material que proporcionará o propio Xoncello. A iniciativa vive a súa segunda edición trala boa acollida rexistrada o pasado ano con máis do 90% de alumnos aprobados, e ante a necesidade de ofrecer un recurso formativo imprescindible para aqueles veciños e veciñas que non contan con esta titulación, básica á hora de optar a un emprego. Así o explicaba o pasado venres o edil José Alén, que animaba aos participantes a estudar e aproveitar estas clases gratuítas para lograr mellorar as súas opcións laborais.E é que poucos son os empregos nos que, hoxe en día, non se esixe contar co título de ESO. Agora por diante quedan tres meses e medio de estudo e de traballo para que, mediante en sesións tanto grupais coma individuais que terán lugar na Casa de Don Pedro, estes alumnos e alumnas logren o tan merecido aprobado no exame que, o 31 de maio, terá lugar no colexio Santa María de Caranza.

14/2/13

Nicolás Vidal e Jesús Gómez presentarán mañá en As Pontes Ferroláns de Seu

• A biblioteca municipal acollerá dende as 20.30 horas a presentación desta recompilación de entrevista publicadas no Diario de Ferrol As Pontes, 14 de Febreiro de 2013.- Os xornalistas Nicolás Vidal e José Gómez Fandiño presentarán mañá en As Pontes o seu libro Ferroláns de seu. Esta colección de case medio centro de entrevistas será presentada ás 20.30 horas, na biblioteca municipal, ao abeiro do departamento municipal de Cultura, e está prevista a presenza destes dous xornalistas do Diario de Ferrol e da poetisa pontesa Medos Romero, protagonista dunha destas conversas que, durante dous anos, formaron parte do suplemento Nordesía. Todas estas conversas teñen como eixo común o punto de vista humano da cidade de Ferrol e da súa comarca e veñen acompañadas por caricaturas orixinais de Juan Veiga e polo prólogo rubricado polo director de Diario de Ferrol, Carlos Miragaya. En Ferroláns de Seu podemos atopar conversas con Emiliano Aguirre, Francisco Porrúa, Mabel Rivera, Xosé Luís Torrado, Eva Veiga, Medos Romero ou Rafael Pillado entre outros. En resumo, facianas de Ferrol e comarca de ámbitos coma o cine, o teatro, a literatura, a política ou a historia que confluen nesta publicación.

11/2/13

A XXXIII Feira do Grelo de As Pontes volve lograr éxito de participación con 78 cestas a pesares da mala climatoloxía

• 78 propostas vidas dende As Pontes, Vilalba ou As Somozas tomaron parte no tradicional certame de cestas ao que se sumou unha degustación popular, música, exposicións e mostras de artesanía e productos locais O Concello de As Pontes rendeu hoxe, un ano máis, a súa particular homenaxe ao alimento máis característico destas festas: o grelo, coa celebración da XXXIII edición da Feira do Grelo e que, neste 2013, volvía ser un dos referentes gastronómicos do Antroido en Galicia. Malia as malas condicións meteorológicas da xornada, o que provocou unha notable baixada de visitas con respecto a anos anteriores, dende o departamento de Cultura congratuláronse ao lograr unha cifra de participantes no certame de cestas moi semellante ao 2012, con 78 inscritos, catro menos que o pasado ano. E é que, dende o departamento que dirixe Sara Ramos apostouse por un intenso programa de actividades onde a música, a boa comida, as exposicións, as demostracións de artesanía en vivo ou as mostras de manualidades e productos da terra lograron captar a atención non só de veciños do municipio, senón tamén de visitantes procedentes de concellos da contorna, que desafiaron á chuvia para desfrutar desta feira. Segundo apuntou a concelleira, este ano, optouse por continuar na liña de feiras anteriores, con programación moi semellante á de convocatorias de anos atrás pero innovando á hora da degustación popular, con tres novos pratos que, tal e como subliñou a edil, lograron o beneplácito de todos aqueles e aquelas que se animaron a probalos. E é que nesta ocasión cambiouse o tradicional cocido por pratos máis elaborados pero iso sí, sempre co grelo coma ingrediente base. De ahí que, nesta ocasión, se preparasen 500 racións dun menú composto por consomé de cocido, queixo da Faeira con confeitura de grelos, potaxe de garabanzos con grelos e, como postre, orellas doces, toda unha innovación que rompe co menú tradicional de cocido de cada ano e que, tal e como explicou a edil, é o que todos podemos degustar nos nosos fogares, de ahí que se decidise darlle unha volta aos pratos desta edición e escoller un menú diferente, máis elaborado, e que non se pode desfrutar todos os días. Certame de cestas No tocante ao certame de cestas este ano anotáronse un total de 78 participantes, catro menos que en 2012. Malia esta pequena baixada de inscritos, a concelleira de Cultura daba conta da súa satisfacción ante un novo éxito de participación que deixa claro que, segundo Sara Ramos, este certame está en auxe e que incrementa o interese do público ano tras ano. Participantes de As Pontes, Xermade, Vilalba, Monfero, Ferrol, As Somozas e outros concellos limítrofes tomaron parte neste concurso de cestas que logrou reunir a curiosos e visitantes na carpa instalada na Praza de América que desfrutaron de diferentes propostas na que a calidade do grelo se mesturou coa imaxinación dos concursantes que, ano tras ano, dan conta do importante proceso de creación e traballo que leva cada unha das propostas que compiten neste certame. No tocante aos premios á calidade do grelo, estes recaeron en Dina Franco (As Pontes) que levou 300 euros do primeiro posto, Javier Castro (Vilalba), que levou 250 euros, por ser a segunda mellor cesta, e para MªMérita Pico Doce (As Pontes) que resultou agasallada cos 200 euros do terceiro posto. Nesta edición, os tres accesits de 60 euros recaeron en Josefa Basoa (Espiñaredo – As Pontes), María Soto (Narahío) e Josefa Filgueiras (Aparral – As Pontes). No tocante, ás cestas mellor engalanadas os 300 euros foron para Fidel Vilaboy (Recemel) que repetía galardón. Os 200 euros do segundo premio ao engalanado foron para Luz Divina Alonso (As Pontes) e os 100 euros cos que estivo dotado o terceiro premio á cesta mellor decorada foron para Alejandro Tizón (Ferrol). Outras actividades Ao longo da xornada tamén foi posible tomar parte en diferentes demostracións de talla de madeira e torneado ou olaría da man de varios dos artesáns que forman parte do colectivo Amigos da Madeira e de visitar a mostra de produtos do Eume e de artesanía que tamén ateigaron as rúas Ramón Cabanillas e a Avenida da Coruña. Asemade, a sala de exposicións do Mercado Vello mantívose aberta para que os visitantes puidesen desfrutar da VI Exposición Contornos, auspiciada pola Consellería de Economía e Industria, ao que se sumaron outras ofertas lúdicas coma as visitas guiadas ao Museo Etnográfico de Monte Caxado ou á Casa do Mel de Goente ao que se sumaron os pasarrúas da banda de gaitas Alfaia, o grupo No Cómbaro e os bailes da A.C. Alende, e por suposto non faltou a tradicional freixoeira xigante, ubicada nos soportais do Mercado de Abastos, e que, durante toda a xornada preparou ducias de freixós, en tandas de ata 56 freixós ao tempo gracias aos seus 8 metros de longo, postre do que desfrutaron moitos veciños e visitantes. .

10/2/13

O Concello de As Pontes decreta este luns xornada de loito oficial.

O Concello de As Pontes decreta para este luns 11 de febreiro xornada de loito oficial en lembranza dos veciños falecidos no tráxico accidente acontecido este domingo. As bandeiras ondearán maña a media hasta en sinal de dó , así mesmo suspéndense tódolos actos festivos programados para esta data. O mais sentido pésame a toda a súa familia dende o Concello de As Pontes.

7/2/13

A XUNTA DE GALICIA E O CONCELLO DE AS PONTES RUBRICAN O CONVENIO DO FONDO DE COMPENSACIÓN MEDIOAMBIENTAL DOTADO CON 365.000 EUROS

A delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, asinaron hoxe o convenio de conformidade para a concesión da subvención destinada á execución de diversos traballos de recuperación medioambiental e mellora do centro de educación medioambiental da Fraga. Este acordo supuxo unha inversión de 362.395 euros, procedentes do Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse o canon eólico. Tras rubricar este convenio na Casa do Concello, a delegada territorial, na compaña do alcalde pontés e dos edís de Industria e Obras, ademáis do arquitecto Antonio Ferreiro, visitou o centro medioambiental da Fraga que, gracias a estes fondos, foi acondicionado para poder recuperar a súa actividade xa que, proximamente, servirá de local para varias asociacións pontesas e tamén para os conxuntos musicais da nosa vila. E é que o coñecido coma hexágono xa está perfectamente aillado e impermeabilizado gracias a esta inversión da Xunta de Galicia, que se suma ás xa realizadas pola Deputación da Coruña e Plan Ferrol, e que permitiron darlle unha nova vida a un edificio dos anos setenta que, a día de hoxe, conta con tres locais de ensaio e gravación, dúas aulas taller para os Artesáns do Eume e Amigos da Madeira e locais para a asociación Abrente, A Venatoria e Quemaisten Teatro; ao que se suma un patio interior duns 260 metros cadrados de uso común e uns servizos, unha sala de bedel e cuartos de instalación e limpeza. Belén do Campo puido comprobar in situ o novo aspecto dun edificio que, posiblemente, nun mes, segundo as previsións do executivo local, podería abrir as súas portas á cidadanía. Asemade, e tal e como adiantaba o pasado mes de outubro o propio alcalde de As Pontes, se completará con actuacións no entorno de cara a facilitar os accesos e aparcamento. A delegada territorial aproveitou a súa visita a As Pontes para pasar por diferentes rúas e barrios que, gracias ao Fondo de Compensación Ambiental, viron renovados os seus sistemas de conduccións de auga potable e saneamento de augas residuais, como foi o caso das rúas Celso Emilio Ferreiro, María Pita ou Cal da Avelaíña.

O CONCELLO DE AS PONTES PON EN MARCHA A MELLORA ESTÉTICA DA RÚA MAÑÓN

O executivo local continua cos seus traballos de humanización do centro urbano e, esta mesma semana, está previsto que arrinquen as obras que permitirán mellorar o aspecto que, a día de hoxe, presenta a rúa Mañón, no barrio da Magdalena. De feito, nestes días xa se colocaron as vallas sinalizadoras duns traballos que suporán unha inversión de 65.000 euros e que converterán este vial nun espazo con prioridade para os peóns, que convivirán co tráfico rodado xa que, na nova imaxe desta rúa, manteranse as prazas de aparcadoiro. Segundo explicaron dende o goberno municipal, os traballos que se iniciarán estes días, cando o tempo o permita, implicarán a reposición do suministro de auga, os sumidoiros e alumeado, ao que se sumarán a renovación do pavimento e a remodelación das beirarrúas, que serán máis anchas para darlle maior protagonismo aos peóns. Non faltará un novo mobiliario urbano que irá acorde co que xa se está a instalar no poboado da Magdalena co fin de transformar este barrio a nivel estético e creando un espazo residencial agradable, unificado a nivel visual e que cumpra cos servizos e necesidades dos que alí residen. De feito, a día de hoxe, o propio Poboado da Magdalena está case rematado. Neste momento está a executarse a sesta fase de reposición de abastecemento e saneamento, que implica unha inversión de 26.000 euros, e tan só queda unha sétima coa que se rematarían as obras de mellora nesta zona. Nesta liña, segundo explicaron dende o goberno municipal, continúase a transformar o centro urbano pontés, co fin de revalorizalo e recuperar o seu esplendor, recuperación que tamén se está a acometer noutros poboados da vila coma o da Fraga ou Barreiro onde, a día de hoxe, se están a desenvolver obras de mellora integral coa reposición dos servizos básicos, o deseño de novos espazos verdes e berarrúas e a colocación de mobiliario urbano máis moderno. Pero ahí non se estanca o traballo do executivo que dirixe Valentín González Formoso xa que, nestes momentos, tamén están sendo sometidos a estudos os posibles traballos de recuperación de varias rúas do entorno do poboado da Magdalena, unha delas a rúa Ares que tamén será obxecto de futuros cambios estéticos para continuar coa humanización desta zona e da integración de todas as súas rúas nun espazo estético e visual común.

4/2/13

As Pontes celebrará o domingo de Antroido coa XXXIII edición da súa Feira do Grelo

Un certame de cestas, música, artesanía en vivo, exposicións e ata unha degustación popular integrarán o programa deseñado dende a concellería de Cultura As Pontes, 04 de Febreiro de 2013.- O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Cultura, ven de facer público o programa da XXXIII Feira do Grelo de As Pontes, un conxunto de actividades nas que se mestura non só a exaltación gastronómica deste produto tan típico no municipio, senón tamén a música, as demostracións de artesanía, a venda de produtos alimentarios da comarca e ata o humor de diferentes comparsas locais. Así as cousas, dende a concellería que dirixe Sara Ramos apostouse neste 2013 por continuar na liña das feiras de edicións anteriores que tanto éxito e popularidade lograron e que, un ano máis, volverá convertir a As Pontes nun dos referentes gastronómicos de Galicia no domingo de antroido. No tocante á programación, dende ben cedo, será posible presentarse ao certame de cestas xa que os participantes deberán anotarse entre as 08.00 e as 10.00 horas no posto ubicado na Praza de América, onde terá lugar este concurso, e xa colocar as súas cestas, con a lo menos dez madas de grelos, no lugar que a organización lle indique. Ás 10.00 horas un xurado composto por expertos no secto puntuarán as propostas presentadas para, xa contra das 12.30 horas, no patio do Colexio Santa María, dar a coñecer o nome dos gañadores das mellores cestas e aquelas mellor engalanadas. No tocante aos premios, xa por asistir, os participantes levarán 20 euros en concepto de participación e poderán loitar por premios á calidade do grelo, que irán dos 60 aos 300 euros, ou ben á orixinalidade na presentación con contías que van dos 100 aos 300 euros, namentras que aqueles que non reciban premio algún poderán vender os seus grelos dende as 11.00 e ata as 13.00 horas. Por suposto a música tamén estará presente dende primeiras horas da mañá coas diferentes agrupacións locais que amenizarán a xornada, ao que se sumará a venda dos freixós da freixoeira xigante que quedará instalada nos soportais do Mercado Municipal e onde será posible adquirir tres freixós por 1 euro. Dende primeiras horas da mañá tamén será posible desfrutar da exposición de artesanía Contornos, que estará ubicada na sala do Mercado Vello, ou da artesanía en vivo do colectivo de Amigos da Madeira que farán demostracións de torneado e olería para nenos e adultos na carpa que quedará instalada na rúa Ramón Cabanillas, durante a mañá . Por suposto, tamén haberá tempo para facerse con algún producto de artesanía ou alimentación xa que na avenida da Coruña quedarán instalados diferentes postos de produtos da comarca que compartirán espazo con stands de manualidades, artesanía en coiro ou madeira ou artigos do máis variopinto. Durante a xornada tamén será posible realizar visitas guiadas á Casa do Mel de Goente ou ao Museo Etnográfico de Monte Caxado. Por suposto, unha das actividades máis multitudinarias será a degustación popular de cocido que se desenvolverá entre as 12.30 e as 15.00 horas, no patio do Colexio Santa María. Alí serviranse entorno ás 500 racións de cocido, caldo, requeixo e mel e que terán un prezo de 10 euros, sendo posible facerse cun ticket no posto que estará instalado nas inmediacións do propio colexio pontés. E para rematar a xornada, no auditorio municipal Alovi, terá lugar a X edición do Certame de Comparsas Vila de As Pontes. Ás 18.00 horas arrincará esta cita na que participarán un máximo de sete agrupacións (o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o este xoves) que se repartirán 3.200 euros en contías semellantes por interpretar diferentes temas con letra e música e que terán como protagonistas os acontecementos máis relevantes dos últimos doce meses. Asemade, tamén se entregará un premio á comparsa con mellores letras, á que conte cun vestiario máis orixinal e á que realice a mellor interpretación.

O Concello de As Pontes e o Consello Escolar Municipal respaldarán as protestas contra a LOMCE que se celebran esta semana

¨ Tres xornadas de folga nas escolas, unha charla informativa sobre a nova reforma educativa e varios actos reivindicativos formarán parte do programa de protestas ideado para a vindeira semana O Consello Escolar Municipal do Concello de As Pontes (CEM), presidido polo edil José Alén, ven de manifestar o seu respaldo ás xornadas de folga estudiantil convocadas para o martes, mércores e xoves da vindeira semana. Así se acordou no encontro deste órgano celebrado onte e onde, de xeito unánime, se expresou o apoio ás tres xornadas de protesta convocadas para a vindeira semana. Ademáis deste apoio manifesto, dende o CEM de As Pontes tamén se promoverá diferentes iniciativas en prol desta loita contra o desmantelamento da educación pública. De feito, para o xoves da vindeira semana está prevista a celebración dunha charla informativa aberta a todo o público, na que expertos sobre a materia falarán da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), proposta polo Ministro de Educación, Juan Ignacio Wert. Ás 19.00 horas, no edificio Casa Dopeso, terá lugar esta charla na que está prevista a presenza de varias voces expertos na materia. Outra das medidas programadas para a vindeira semana terá como escenario os diferentes centros educativos ponteses onde, durante as tres xornadas de folga, colocaranse bolsas de lixo nas ventás baixo o título de "Wertedoiro". Asemade, para o mércores está prevista unha concentración ás 12.10 horas nos diferentes centros educativos do municipio, en contra desta nova lei educativa. E é que, segundo apuntan dende o CEM de As Pontes, mediante esta reforma lexislativa o que se busca é apuntalar o cambio social, aplicando un modelo educativo cada vez menos equitativo, que pon en xogo o dereito universal á educación, que elimina a igualdade de oportunidades e que afoga o dereito a contar cun sistema de ensino público, galego, científico e laico, que permita formar ao alumnado dun xeito integral, con conciencia crítica e á marxe das desigualdades sociais. Finalmente, tanto dende o Consello Escolar Municipal coma dende o propio executivo local solicitaron o apoio de toda a comunidade educativa (mestres, alumnado, pais e nais) en todas e cada unha das medidas de protesta que se levarán a cabo a vindeira semana para que, deste xeito, toda a cidadanía plante cara a unha serie de medidas e políticas baseadas nos recortes que tan só buscan o deterioro da ensinanza pública e a privatización da educación.