30/1/13

O escritor Xesús Fraga presenta o venres en As Pontes O Sentido dun Final

• A biblioteca municipal de As Pontes acollerá dende as 20.30 horas a presentación da traducción ao galego do éxito do inglés Julian Barnes As Pontes, 30 de Xaneiro de 2013.- O xornalista Xesús Fraga presentará o venres en As Pontes a súa traducción do libro El sentido de un final, do novelista británico Julian Barnes. O sentido dun final será presentado ás 20.30 horas, na biblioteca municipal, ao abeiro do departamento municipal de Cultura e do Clube de Lectura da Biblioteca Municipal, que realiza reunións periódicas para a análise de diferentes libros e publicacións. Nesta ocasión, Fraga compartirá cos presentes as súas opinións e valoracións sobre este éxito de vendas no que se aborda a amizade dun grupo de amigos de instituto que, co paso dos anos, perde contacto ata que a aparición do diario dun destes rapaces fai aflorar problemas e situacións de décadas atrás. Asemade, poderán participar nesta presentación todos os veciños e veciñas que así o decidan xa que a entrada será libre.

A XXXIII Feira do Grelo repartirá 1500 euros en premios na xornada do domingo de antroido

A Praza de América volverá ser escenario dun certame no que se premiarán as cestas con mellores grelos e as que conten coa decoración máis orixinal e traballada As Pontes, 30 de Xaneiro de 2013.- O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Cultura, ven de facer públicas as bases que rexerán unha nova edición do certame de cestas que se incluirá na XXXIII Feira do Grelo de As Pontes. O 10 de febreiro, domingo de Antroido, está previsto que teña lugar esta celebración que será novamente un gran éxito de convocatoria e que, unha vez máis, non deixará a ningún veciño ou veciña de As Pontes e arredores con mal sabor de boca xa que, coma cada ano, terá lugar unha degustación popular de diferentes pratos elaborados con grelos. Precisamente, dende o goberno municipal, convidaron non só aos veciños e veciñas do municipio, senón tamén dos concellos limítrofes, a tomar parte nesta tradicional cita do domingo de antroido na que, ano tras ano, se concentran centos de visitantes. Un dos actos máis atractivos deste día será o clásico concurso de cestas que, edición tras edición, logra un gran éxito de participantes con propostas tanto de ponteses e pontesas como de veciños dos concellos limítrofes. Así as cousas, nesta ocasión repartiranse un total de nove premios valorados en máis de 1.500 euros. Entregaranse seis galardóns ás cestas con grelos de mellor calidade, distribuídos nun primeiro premio de 300 euros, un segundo de 250, un terceiro de 200 e tres accésits de 60 euros cada un. Tamén resultarán premiadas as tres cestas mellor engalanadas con 300, 200 e 100 euros, respectivamente. Asemade, tódolos participantes recibirán 20 euros en calidade de gastos de desprazamento. Para poder tomar parte, unha vez máis, esíxese que o participante sexa maior de 16 anos e que as cestas presentadas a concurso teñan, como mínimo, dez madas de grelos. Ao igual que en anos anteriores, os participantes deberán presentar as súas cestas para ser numeradas entre as 8.00 e 10.00 horas do día 10 no posto organizativo instalado a carón do lugar onde terá lugar o certame de cestas: a praza de América. Ata as 11.00 horas, un xurado composto por persoas coñecedoras do sector e un representante do concello, que carecerá de voto, escollerá as cestas gañadoras. Trala decisión do xurado, poñeranse á venda os grelos non premiados ata as 13.00 horas. Ás 12.30 horas farase entrega, no patio do Colexio Santa María, dos premios ás nove cestas escollidas polo xurado aínda que os que así o desexen poderán, ao mesmo tempo, desfrutar desta cerimonia acompañados dun saboroso prato de cocido na xa tamén mítica degustación popular que se prolongará ata as 15.00 horas. Participantes de As Pontes, Xermade, Monfero, Somozas e outros concellos limítrofes toman parte ano tras ano nesta cita na que, dende a organización, se espera superar as 82 inscricións do 2012 debido á gran tempada que vivirá esta verdura de Antroido, con importantes colleitas.

CAROLINA DÍGUELE ENCÁRGASE DO DESEÑO DO CARTEL ANUNCIADOR DA XXXIII FEIRA DO GRELO

En breves tocará recibir febreiro e con el o antroido, unha das festas máis características da tradición popular galega onde, ademáis dos disfraces, toca desfrutar da boa gastronomía da nosa terra. As Pontes non é allea a unhas das datas máis canallas do ano e na que, por riba, o noso concello se convirte nun referente do bo padel, dos bos productos e dos alimentos da terra con mellor calidade e sabor como son os grelos e de ahí que, non podía faltar, un ano máis a nosa tradicional homenaxe a esta verdura. De feito, xa a pasada semana lles dabamos conta do intenso programa de actividades que nos agardan para o domingo de antroido pero hoxe lles podemos presentar xa a imaxe que se encargará de ilustrar a que será a 33ª edición da feira do grelo de as pontes e que, nestes días, se repartirá non só polos comercios da vila senón tamén polos concellos veciños para tamén atraer a atención daqueles que residen nos arredores. Nesta ocasión a proposta escollida polo departamento municipal de cultura ven rubricada pola artista local Carolina Díguele que presentou unha instantánea de oito follas de grelo sobre un fondo de cor negra, con letras en branco. Un deseño sinxelo pero chamativo da nosa festa gastronómica e que, de seguro que atraerá a atención de máis dun e dunha. No cartel tamén podemos atopar parte das actividades das que poderemos desfrutar no antroido coma a cabalgata de disfraces, o festival de comparsas ou xa citas máis típicas coma a degustación popular ou as mostras e exposicións que teremos entre o 10 e o 12 de febreiro. Agora tan só queda anotar na nosa axenda estas atractivas citas, preparar o noso correspondente traxe para que ninguén nos recoñeza e desfrutar e moito dun dos manxares máis típicos de galicia como é o noso grelo.

A RÚA ARES CONVÉRTESE NUN VIAL DE SENTIDO ÚNICO

Concellería de Seguridade Cidadá implantou o sentido único na rúa Ares, unha medida coa que se impide a circulación do tráfico rodado en sentido descendente. Polo tanto, dende onte, para acceder a este vial é obrigatorio facelo pola rúa Cabanas, tamén unha vía de sentido único que conecta coa Avenida da Habana. Deste xeito, a rúa Ares só será transitable en sentido ascendente dirección á Avenida de Vilalba. Esta medida, adoptada polo Concello das Pontes a raíz da solicitude cursada polos propios veciños, vén a paliar un problema que vén de lonxe e ao que nunca antes se lle buscara unha solución. E é que, en máis dunha ocasión, os veciños da rúa Ares xa se queixaran das dificultades e perigos aos que se enfrontaban a diario como consecuencia da estreitez dun vial no que se permite o aparcamento nas dúas marxes da calzada. A medida adoptada polo Concello das Pontes, a través da Concellería de Seguridade Cidadá que preside Eladio Bouza, implántase co fin de mellorar a circulación e ademais, garantir a seguridade vial. De feito, a semana pasada nesta rúa produciuse un accidente de tráfico motivado, entre outras causas, polo dobre sentido de circulación. A sinalización vertical que indica que a rúa Ares pasa a convertirse en vía de sentido único de circulación colocouse a primeira hora da mañá de onte.

14 VECIÑAS DE AS PONTES EN ESTADO DE BOA ESPERANZA INAUGURAN O PRIMEIRO CURSO DE PILATES PARA EMBARAZADAS

Durante o embarazo o corpo dunha muller modifícase considerablemente sobre todo en zonas coma o abdome, os peitos ou a pelve. Son nove meses nos os cambios físicos son constantes, as articulacións vólvense máis flexibles, a pelve ensánchase e as dores ou molestias van en aumento debido a que unha nova vida estase a abrir paso no noso interior, un período no que unha muller non pode deixar de lado a práctica de exercizo físico que lle permita manter un bo tono muscular, mellorar a súa flexibilidade e previr problemas no seu esquelete. Practicar o Método Pilates durante a xestación pode ser unha preparación moi últil para a experiencia do parto, non só mediante a aprendizaxe de diferentes técnicas específicas para axudar na respiración e nas contraccións durante o parto senon tamén para fortalecer o tronco da embarazada e protexer a columna durante eses meses nos que o corpo cambia. Por todo isto, e atendendo a unha suxerencia dende o servizo de parteiras do Centro de Saúde de As Pontes, as concellerías de Servizos Sociais e Deportes, xunto co Centro de Información á muller decidiron poñerse mans á obra e organizar un curso de Pilates para mulleres embarazadas, co que se busca ofrecer unha alternativa de mantemento físico ás veciñas en estado de boa esperanza. 14 veciñas participarán neste curso ata o momento de dar a luz e que onte arrincaba baixo a supervisión dos edís de servizos sociais e deportes, José Alén e Carlos Castro, que agradeceron a participación da cidadanía neste tipo de actividades, ademáis da colaboura do centro de saúde á hora de planificar esta iniciativa. Estas clases de Pilates, dunha hora de duración, estanse a desenvolveranse gratuitamente os luns e mércores no pavillón municipal baixo a supervisión da técnica deportiva Ana Alonso que se encargará, durante as vindeiras semanas, de ensinar ás alumnas exercizos lixeiros, que lles permita fortalecer e tonificar os músculos, incrementar a súa elasticidade e mellorar a súa postura, coordenación, respiración e concentración. Estas clases serán permanentes aínda que a medida que as participantes vaian dando a luz está previsto que se incorporen novas alumnas en estado de boa esperanza.

22/1/13

ADXUDICADAS DEFINITIVAMENTE AS CONSTRUCCIÓNS DO CIRCUÍTO DE KARTS E DO MÓDULO DE ACTIVIDADES PARA A XANELA

A Xunta de Goberno local deu hoxe luz verde definitiva á adxudicación da construcción do circuíto de karts e do módulo arquitectonico configurable para a prestación de servizos a discapacitados. Así as cousas, na sesión presidida polo alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, acordábase adxudicar definitivamente á empresa coruñesa Francisco Gómez y Cía. os traballos de construcción do circuíto de karts, o que suporá unha inversión de 383.000 euros. Unha vez pasado este último trámite, está previsto que nas vindeiras semanas arrinquen as obras deste circuíto de máis dun quilómetro de lonxitude e que servirá para completar a oferta de ocio da que xa forman parte o lago e a praia de As Pontes. Serán uns catro meses de obras que virán seguidos da adxudicación da xestión deste espazo e que se pretende tramitar dun xeito urxente xa que, tal e como anunciaban dende o executivo local ao inicio deste concurso, coas obras en marcha sacarase este segundo prego, co fin de que en xuño a pista de karts de As Pontes sexa unha realidade e que a cidadanía poida desfrutar este verán destas instalacións. Asemade, na sesión celebrada hoxe tamén foi adxudicada definitivamente a construcción do módulo que servirá para albergar as actividades do colectivo de discapacitados A Xanela. A empresa Algeco Construcciones Modulares farase cargo destes traballos nos que se investirán un total de 130.770 euros. Este orzamento permitirá a construcción dunha estructura arquitectónica modular configurable de aceiro, madeira e aluminio, de 160 metros cadrados totalmente accesibles e adaptados con rampas ás persoas con discapacidade e que permitirá dar resposta a unha demanda xa de tempo atrás deste colectivo, que non contaba cun local propio.

SERVIZOS SOCIAIS ABRIU HOXE O PRAZO PARA PARTICIPAR NUN PROGRAMA DE TITORÍAS PARA OBTER O TÍTULO DE E.S.O

Hoxe quedou aberto o prazo para matricularse no programa de titorías para a Obtención do título en Educación Secundaria Obrigatoria que promove o Concello de As Pontes, mediante a concellería de Servizos Sociais. Ata fin de mes poderá solicitarse praza no Servizo Psicopedagóxico Municipal, ubicado no segundo andar da Casa Dopeso. Este programa será gratuíto e contará con 30 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición e ten como destinatarios aos maiores de 18 anos que non conten co título de Educación Secundaria Obrigatoria. No tocante ao desenvolvemento do programa, éste estará composto por titorías en grupo ou personalizadas para apoio ao estudo, e serán impartidas en horario de mañá por persoal cualificado na casa de Don Pedro. Asemade, o alumnado recibirá o material necesario para a preparación do exame. Para obter máis información é posible telefonar ao 667 129 335

O CONCELLO DE AS PONTES SOLICITARÁ Á CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA A CONTINUIDADE DO SERVIZO DO GRUMIR

A situación creada co Mapa Galego de Emerxencias, que contempla unha importante reducción do número de grupos municipais de intervención rápida (GRUMIR), dificulta a continuidade deste servizo en As Pontes, localidade que quedaría fóra do novo reparto por contar con parque de bombeiros comarcal. Este servizo, fundamental para atención de emerxencias en pequenos concellos coma o noso, non conta cunha financiación estable e depende de axudas anuais de procedencia diversa, que veñen sendo prorrogadas con non poucas trabas dende 2006. Dende o executivo local apostouse, unha vez máis, pola continuidade deste servizo e, por este motivo, solicitouse un encontro co Conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, coa fin de reclamar a permanencia do Grumir en As Pontes. As condicions deste municipio, con importantes instalacións industriais, dous encoros, ricas reservas forestais, un lago e a extensión máis grande da provincia da Coruña avalan a necesidade dun servizo que, asemade, tamén se presta a municipios veciños, e que ten amosado a súa condición de imprescindible no elevado nivel de intervencións que acumula ó longo do ano. Coa finalización das axudas ó Grumir actualmente o servizo está exento de dotación de persoal polo que dende administración local estase traballando na busca de solucións que permitan a súa continuidade, pero tamén apelando á colaboura e implicación doutras administracións, de ahí a solicitude do encontro co titular da Consellería de Presidencia e do que, aínda, non se conta con resposta.

OS VECIÑOS DE AS PONTES CONTAN XA CON SUBMINISTRO DE GAS COMO NOVA OFERTA ENERXÉTICA.

O Plan de Gasificación de As Pontes deu xa o paso definitivo e ó longo desta fin de semana comezou a dar servicio ós primeiros clientes que disfrutan xa do suministro directo de gas. O proxecto de gasificación pontés, que beneficiará a unhas 650 vivendas, máis comercios e industrias supuxo unha inversión para Gas Galicia de perto de 2,7 millóns de euros, nos que se inclúe a construción dunha rede de distribución de máis de 17 quilómetros, que decorre polas principais rúas do municipio, pero se prevé ampliar segundo vaia xurdindo a demanda. O subministro realízase a través dun ramal que conecta co gaesoducto de Reganosa e decorre polo termo municipal cara ó núcleo urbán e os polígonos de Penapurreira e Os Airios. Esta fase final de servizo directo viña logo de ter completado a de canalisación que permite que calquera poda xa disfrutar dos usos e vantaxes do gas natural tamén no noso concello. O mes pasado presentárase oficialmente esta alternativa detallando os aspectos da comercialización do servizo e as diferentes aplicacións que ten esta enerxía e que se poñen agora a dispor da poboación pontesa.

15/1/13

O Xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, visitou onte As Pontes

O Xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, visitou onte As Pontes, concretamente os centros de Castro da Uz e Moncho Valcarce, co fin de coñecer as demandas e as diferentes necesidades destes dous centros educativos ponteses. A visita estaba pendente xa que, no pasado exercizo, Cabana estivo en As Pontes pero tan só puido percorrer os centros educativos de primaria polo que aínda estaba pendente o seu paso polos centros educativos de bacharelato e educación secundaria. Unha visita que servía para atender as propias demandas do concello de as pontes O xefe territorial, que contou coa compaña do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e co edil responsable en educación, José Alén, puido comprobar in situ as necesidades tanto en infraestructuras coma en profesorado de cada un destes centros. De feito, Indalecio Cabana tomou boa nota da situación na que se atopa o pavillón polideportivo do Moncho Valcarce, con humidades e goteiras e comprometeuse a evular o gasto de reparación destas dependencias e a acometer as obras de mellora precisas, ademáis de abrir o uso destas instalacións non só á comunidade educativa local, senón tamén á comunidade deportiva de as pontes. No caso do Castro da Uz, a demanda máis importante, ademáis da de novos mestres, tivo como eixo a mellora e arranxo do sistema de iluminación e do taller empregado para o ciclo de automoción. Previamente, Indalecio Cabana participou nun encontro na Casa do Concello co edil José Alén quen lle trasladou a intención de desenvolver en as pontes cursos de bacharelato semipresencial e tamén a modalidade externa do programa de cualificación profesional inicial, os coñecidos coma pcpi, cuio gasto docente correría a cargo do propio concello.

O Concello das Pontes vén de publicar as bases para cubrir unha praza de traballador ou traballadora no departamento de Servizos Sociais

O Concello das Pontes vén de facer públicas as bases para cubrir unha praza de traballador ou traballadora social, para o Departamento de Servizos Sociais municipal. A persoa que resulte seleccionada neste proceso será contratado como persoal laboral interino, por existencia na actualidade de praza con reserva de posto de trabllo. Os requisitos dos candidatos son ter a nacionalidade española, ou pertencer a algún dos estados membro, ter os 16 anos cumpridos e non alcanzar a idade máxima de xubilación forzosa, non padecer enfermidade, non ter sido separado mediante expediente disciplinario de calquera administración púlblica, non estar incurso en suposostos de incompatibilidade e estar en posesión ou en condicións de obtelo, do título de traballador social ou equivalente. O proceso selectivo constará de dúas fases, de concurso e oposición. Na primeira valorarase a experiencia profesional e maila formación. E a fase de oposición constará dun exame teórico, no que os aspirantes se enfrontarán a un cuestionario de 50 preguntas tipo test; un caso práctico oral relacionado coas funcións que corresponden á praza convocada, e finalmente, o terceiro exercicio, o de galego, consistirá na traducción oral ou escrita dun texto que determinará o xurado. Para optar a esta praza de traballador ou traballadora social que convoca o Concello das Pontes, os candidatos deberán presentar unha instancia solicitando tomar parte na convocatoria, no Rexistro Xeral do Concello, tendo de prazo ata este sábado. Para unha consulta máis detallada das bases poden dirixirse á páxina web municpal www.aspontes.com, no apartado de emprego público

O Concello de As Pontes oferta un curso de Pilates para veciñas embarazadas

• As concellerías de Deportes e Servizos Sociais e o CIM de As Pontes organizan este obradoiro gratuíto que arrincará a finais de xaneiro O Concello de As Pontes, mediante os departamentos municipais de Servizos Sociais e Deportes e do Centro de Información á Muller (CIM), porán en marcha a finais deste mes un curso gratuíto de pilates para mulleres embarazadas. E é que os movementos de Pilates poden ser beneficiosos para a futura mamá, axudándoa a manter unha boa postura, a aliviar algunhas das dores habituais e a ser máis conscientes dos cambios do seu corpo. Ao ser un programa de exercizos lixeiros, deseñado para fortalecer e tonificar os músculos mediante un suave estiramento, permite o acondicionamento cardiovascular, o fortalecemento da musculatura, o aumento da flexibilidade e unha melloría na postura, coordenación, respiración e concentración. Ademais, coa práctica deste método, as mulleres embarazadas reducen o risco de padecer hipertensión, lumbalxias, infeccións urinarias, edemas ou varices. As clases de Pilates desenvolveranse os luns e os mércores, entre as 18.00 e as 19.00 horas, no pavillón polideportivo municipal, e arrincará o día 28 deste mes. De inicio, ofértanse un total de 12 prazas e para inscribirse nestas clases de pilates para mulleres embarazadas teñen de prazo ata o vindeiro 25 de Xaneiro, no Departamento de Servizos Sociais, no segundo andar da Casa Dopeso ou ben telefonando ao 981 44 10 08 ou ao 667 12 93 34.

14/1/13

O Concello de As Pontes destina 600.000 euros a diferentes obras

• Durante a xunta de goberno celebrada hoxe recibían luz verde as obras que se acometerán co plan DTC-94 e os traballos de renovación de vías municipais en varios lugares da Faeira O goberno municipal, reunido en Xunta de Goberno, aprobou hoxe un paquete de inversións que suporá un desembolso próximo aos 600.000 euros que se destinarán, na súa maioría, á renovación de viais municipais. Así a sesión arricou coa aprobación do paquete de obras que se realizarán neste municipio con cargo ao plan provincial DTC-94: Unha Deputación para todos os concellos, que deixará en As Pontes máis de medio millón de euros en obras. Así, a xunta de goberno local acordou destinar 188.193,43 euros á reparación de camiños municipais en Somede (Aldea de Arriba), a Vilavella (A Vila), San Pedro de Eume (Dende o Rego dos Bácaros a Lamas e á Redonda), Ribadeume ( lugares de Espá e Cachopal) e Bermui (lugares de O Carballo, Ermida e os Currás), ademáis de na propia parroquia de As Pontes onde se acometerán os traballos de reparación do camiño que vai ao Caneiro e da rúa Santiago. Outros 174.620,91 euros terán como destino os traballos de reparación nos camiños do Deveso ( nas zonas do Rego, As Cabandelas, A Cabeceira e O Outeiro), Espiñaredo (O Castro), no Freixo (Tras do Camiño), na Vilavella (A Carballeira e o Reboredo), en Somede (Cervicol) e tamén no Alvarón e no Paraño. A terceira partida económica tamén procedente do DTC-94 destinarase ás obras de reparación das pistas deportivas da Canle IV e do Colexio Monte Caxado, a reparar a rede de abastecemento de Goente e a obras nos locais veciñais do Aparral, Saa e Bermui, o que suporá unha inversión de 137.211.77 euros. Á marxe destes traballos e deste plan de obras provincial, na sesión da xunta de goberno celebrada hoxe adxudicáronse os traballos da segunda fase de renovación de viais municipais nas zonas de O Picobello, Sesulfe, A Faeira e nos Teixedelos, un contrato que recaeu na empresa Francisco Gómez y Cía por un valor de 97.284 euros.

As Pontes apostará pola innovación culinaria na XXXII edición da Feira do Grelo pontesa

• O tradicional cocido será substituído por pratos máis elaborados pero co grelo e cos productos autóctonos coma materia prima O Concello de As Pontes, a través do departamento de Cultura, está xa a traballar na preparación da que será a XXXII Feira do Grelo de As Pontes, un dos referentes gastronómicos do Antroido galego. Nesta ocasión, dende a concellería que dirixe Sara Ramos, quixeron darlle unha volta ao menú tradicional desta cita, como é o cocido. Así a propia edil do ramo explicou que, nesta edición, apostarase por unha proposta gastronómica máis elaborada, con máis pratos, e na que, ademáis do grelo, os produtos da zona terán un gran protagonismo. Así, na xornada do domingo 10 de febreiro (domingo de Antroido) está previsto que se sirva como entrante un consomé de cocido para continuar cun suculento queixo tenro da Faeira con confeitura de grelos, toda unha aposta polas novas texturas pero sen desbotar a materia prima tradicional e da terra. Como prato forte, o menú do Grelo 2013 contará cunha potaxe de grelos, onde tampouco faltarán os garabanzos e os chourizos e, xa de postre, os freixós deixarán paso ás tamén típicas orellas de Antroido con azucre. Para regar este saboroso menú haberá viños do país e auga mineral. Malia que nos vindeiros días daranse a coñecer máis datos desta cita, dende a concellería de Cultura xa anunciaron que está previsto incrementar o prezo da degustación popular ao contar con máis pratos que anos anteriores e de maior elaboración polo que, para cubrir parte do seu custo, aumentarase o prezo dos tickets que se porán á venda, como é tradicional, na mesma xornada da feira. Finalmente, Sara Ramos animou non só a veciños de As Pontes senón tamén a visitantes doutros concellos a desfrutar desta cita gastronómica na que, este ano, optouse por darlle ao grelo unha forma diferente ao do tradicional cocido de Antroido.

7/1/13

70 FUTURAS PROMESAS DO BALONCESTO PARTICIPARON NA III EDICIÓN DO CAMPUS DE BASKET LAGO DE AS PONTES

O Concello e o clube de Baloncesto As Pontes volvían colaborar un Nadal máis, na posta en marcha do campus de tecnificación Lago de As Pontes, unha iniciativa que durante catro días permitiu que case 70 nenos e nenas de As Pontes e Ferrol mellorasen a súa técnica individual, a súa visión de xogo e incluso o tiro. Os diferentes pavillóns deportivos da Fraga, Magdalena, Castro da Uz ou Monte Caxado volveron servir de escenario para estes adestramentos, exercizos e charlas teóricas que permitiron aos asistentes dende mellorar á hora de tomar decisións na cancha, aventurarse a lanzar e ata a xogar en equipo ou individualmente. Importantes nomes desta disciplina coma David Pascual, Adrian Flynn, Ricard Casas ou Boris Baribrea foron os encargados de exercer coma mentores nun campus no que tamén participaron os propios adestradores das diferentes categorías do Clube de baloncesto As Pontes, baixo a dirección de Félix Bañobre e Luís Barbeito que volvían facerse cargo da dirección deste campus. Tras varios días de adestramento tocaba despedirse coa desputa de diferentes encontros e competicións de tiro nas que estes nenos e nenas deron xa boa conta do aprendido nestas clases intensivas e que remataron cunha entrega de medallas e trofeos, presidida polo alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e a primeira tenente de alcalde Montserrat García. Cunha saborosa churrascada no local social das Campeiras poñíase o punto e final a esta terceira edición do campus Lago de As Pontes e que, de seguro que, a finais deste 2013 volverá con novas promesas do basket e coas clases maxistrais de grandes deste deporte.

OS REIS MAGOS DE ORIENTE VISITARON AS PONTES

Melchor, Gaspar e Baltasar non podían faltar á súa cita anual cos nenos e nenas de As Pontes polas rúas do pobo. E é que cada ano, na súa axenda non esquencen anotar o pasarse pola nosa vila para premiar con xoguetes e doces a todos aqueles nenos e nenas que fosen bos durante todo o ano. Así, as súas maxestades non dubidaron en subirse o sábado ás súas carrozas, na compaña dos seus paxes, para pasear polas rúas do centro urbano e repartir entre os nenos e nenas que se atopaban nas beirarrúas moitísimos caramelos, e é que, nesta ocasión os Reis de Oriente trouxeron 500 quilos de doces para aqueles nenos e nenas que os acompañaron na súa viaxe por As Pontes. Flanqueados pola música das gaitas e tamborís dos Feroces da Galgueira e os Trevillas, as súas maxestades saíron ben cedo dende a avenida de Monte Caxado para percorrer as avenidas de Ortigueira, Castelao ou Galicia para rematar na Casa do Concello onde foron recibidos polo alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, a tenente de alcalde Montserrat García e a concelleira de Cultura, Sara Ramos, aínda que foi o primeiro edil pontés o encargado de pedirlle ás súas maxestades traballo e saúde para todo o pobo de As Pontes. Dende o balcón da Casa Consistorial, Melchor, Gaspar e Baltasar non só recibían a chave que lles permitiu o sábado entrar nas casas dos nenos e nenas de As Pontes para deixarlles os seus agasallos, senón tamén algunha que outra carta dos propios pequenos e pequenas á que deron lectura e animaron aos nenos a continuar a ser bos, a estudar moito e a coidar dos seus pais e nais. E tras dirixirse aos pequenos, tocaba escoitar de propia voz os desexos dos nenos para a noite máis máxica e fantástica do ano, de ahí que se habilitasen tres tronos para as súas maxestades no salón de sesións ata onde se desprazaron pequenos e pequenas para saudar ao seu rei favorito ou para realizar esas peticións de última hora e que tiveron premio xa que, nesta ocasión, as alforxas de Melchor, Gaspar e Baltasar traían un agasallo para cada neno que se animou a falar con eles. E tras desta recepción tocaba despedirsee comezar a traballar repartindo agasallos xa que a noite foi moi longa para estas maxestades de Oriente que, este ano, de seguro que non se gañaron nin unha soa peza de carbón.

6/1/13

A San Silvestre Pontesa reuníu a 700 corredores do municipio e arredores na súa segunda edición

¨ A maior participación rexistrouse na carreira absoluta de 5.000 metros onde se anotaron case 350 corredores A II edición da San Silvestre Pontesa superou todas as expectativas xa que case 700 persoas se animaron a participar nas diferentes categorías das que constaba unha proba que, tivo hoxe como escenario, as rúas do casco urbano, e concretamente á Avenida da Coruña, onde tivo lugar a saída de todas e cada unha das probas celebradas esta mañá. O Concello, mediante o departamento municipal de Deportes, e o clube local de atletismo Olympo volveron unir esforzos trala gran acollida que xa, hai uns meses, tivera a primeira edición desta proba e que, malia sufrir modificacións á hora da súa celebración por segunda vez, con cambios de data ou percorridos, volveu facer hoxe de As Pontes o centro do deporte da comarca. Por As Pontes non só houbo corredores amateur senón tamén profesionais do atletismo vidos de clubes de Cedeira, Narón, A Coruña, Ourense, Ferrol, Sada, Rábade, Vigo, Vimianzo, Viveiro e por suposto, do clube local Olympo. A maior participación rexistrouse na carreira absoluta, de 5000 metros con 338 inscritos, seguida da andaina popular onde, malia que as inscricións alcanzaron as 165, se contou con maior participación ao sumarse veciños e veciñas que, a última hora, tamén decidiron percorrer os 2500 metros deste percorrido. No tocante ás categorías infantís, superáronse os 130 inscritos, entre as categorías biberón, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete, que afrontaron diferentes percorridos que ían dos 50 ata os 1.000 metros. Os disfraces foron un aliciente máis xa que tamén resultaron premiados o mellor disfraz de adultos (vale de 150 euros na tenda de decoración Dekologas) que recaeu no elfo Eduardo Fernández Fernández, e o neno mellor disfrazado (vale de 50 euros na xoguetería Don Dino) que foi Carla Romero que escolleu o disfraz de boneco de neve para participar nesta proba. Asemade, este ano se premiou ao mellor disfraz en grupo que recaeu nos elfos e Papá Noel (vale de 200 euros nas tendas do Grupo Tú), e sorteáronse dúas tablets (xentileza de Óptica Carmela e Galiorient) que recaeron en Lucía Cebreiro e Eduardo Cernadas. Os premios foron entregados polo alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e os edís de Deportes, Cultura e Xuventude, Carlos Castro, Sara Ramos e Jesús Tembrás, respectivamente. Como colofón entre todos os corredores se repartiu chocolate quente e ata as alumnas e alumnos da escola municipal de baile moderno realizaron unha flash mob co Gangnam Style do rapeiro coreano PSY coma banda sonora. LISTADO DE GAÑADORES Biberón 1.Almahdi Belhaj 1.- Noa Blanco Barro 2. Lucas Blanco Navia 2.- Martina Ferreiro 3. Ander Ferreiro Pereiro 3.- Aitana López Vilaboy Prebenxamín 1.- Anxo Blanco Ardao 1.- Aloia Murado Ferreiro 2.- Antón Varela Castro 2.- Xiana Ulloa Vázquez 3.- Adrián Cernadas Varela 3.- Celia Alvariño Sierra Benxamín 1.- Sergio Pedreira Polo 1.- Judith Lago Varela 2.- Hugo Blanco Navia 2.- Minerva Lago López 3.- Martín Álvarez Cancio 3.- Paula Dorribo Cabarcos Alevín 1.- Pablo Freire García 1.- María Prieto Chao 2.- Ejob Santamariña Fdez. 2.- Antía Franco Caaveiro 3.- Mohamed Jeddaoui Jaanuai 3.- Alba Míguez Fdez. Infantil 1.- Diego Míguez Fdez. 1.- Carla Franco Vázquez 2.- Daniel Dasilva 2.- Lucía Ribadulla Alonso 3.- Azdin Jeddaoui Jaanuai Cadete 1.-Martín García Prieto 1.- Irene López Álvarez 2.- Ángel Lagares Vázquez Absoluta 1.- Rodolfo Somovilla Martínez 1.- Paula Mayobre Martínez 2.- Nicolás Domínguez García 2.- Sonia Vázquez Rodríguez 3.- Adrián Moreno Ramil 3.- Teresa Gurtrickova

4/1/13

Melchor, Gaspar e Baltasar percorrerán mañá As Pontes na tradicional Cabalgata de Reis

Tras ser recibidos polo alcalde de As Pontes, os Reis Magos ocuparán o salón de sesións do Concello para recibir aos pequenos e pequenas As súas maxestades de Oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar, visitarán mañá As Pontes. Será na tradicional Cabalgata de Reis que partirá ás 17.30 horas dende a avenida de Monte Caxado e percorrerá as rúas do centro ata rematar percorrido nas inmediacións da Casa Consistorial. Alí o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, encargarase de recibir aos tres magos e faralles entrega da chave que abre os fogares de todos os nenos e nenas de As Pontes aos que lles deixarán moitísimos xoguetes, se foron bos, ou carbón se neste 2012 recén rematado foron uns trastes. Posteriormente, as súas maxestades se trasladarán ata o salón de plenos onde recibirán a todos aqueles nenos e nenas que desexen transmitirlles en directo esas peticións que incluen nas súas cartas reais.