14/12/12

As Pontes Naturalmente premia as imaxes de Iria López, Nerea Martínez e Senén Cendán

A entrega de premios, que tivo lugar esta mañá, estivo presidida polo alcalde de As Pontes e os concelleiros de Atención Cidadá e Cultura. Iria López, Nerea Martínez e Senén Cendán proclamáronse hoxe gañadores do segundo certame fotográfico As Pontes Naturalmente, dirixido a ensalzar a riqueza histórica, natural e patrimonial de As Pontes. O concurso, organizado polo departamento de Servizos Sociais e Atención Cidadá, contou este ano cun total de 326 instantáneas entre as que o xurado se tivo que decidir para escoller as imaxes gañadoras e que mellor reflicten a gran riqueza paisaxística pontesa. Os premiados acudiron hoxe ao acto de entrega de premios que tivo lugar no salón de plenos da Casa Consistorial e que estivo presidido polo alcalde Valentín González Formoso; a concelleira de Cultura, Sara Ramos e o edil de Servizos Sociais e Participación Cidadá, José Alén; que salientou a importancia de poñer en valor o que “é noso”, un patrimonio do que se presume xa por fóra, en clara referencia á exposición Azul e Verde sobre Negro inaugurada onte en Madrid, e na que se recolle a evolución mediante fotografías da antiga mina ao lago de As Pontes. Asemade, Alén animou a potenciar o importante atractivo paisaxístico co que conta o municipio. Pola súa parte, o alcalde Valentín González Formoso alardeou da exquisita oferta dinamizadora da que dispón As Pontes, grazas en parte ao programa As Pontes Aprende. Do Concurso As Pontes Naturalmente o rexedor local valorou especialmente que transmite: a ollada dos nosos nenos e nenas. Así as cousas, no Premio Xeral o primeiro posto foi para a instantánea Portadego de Outrora de Iria López Romero, que se facía cun premio de 400 euros. En segundo lugar quedaba Elena Pérez coa súa foto titulada A Fraga que logrou un premio de 250 euros e como terceiro clasificado escolleuse a Alberto Gómez coa súa imaxe Lecer que recibiu un premio de 150 euros. Xa na categoría infantil primeira foi Nerea Martínez Corral, do Instituto Moncho Valcarce, que presentou unha foto titulada A Beleza da Fraga; segunda foi María Prieto do Colexio Monte Caxado coa súa imaxe Vertixe e terceira Candela Ares Maceiras, do Instituto Moncho Valcarce, coa fotografía Esgotamento dun amencer. Todas elas recibiron coma agasallo unha cámara fotográfica. Pechou o reparto de premios, Senén Cendán de Aspanaes coa súa foto sen título que recibiu o premio á categoría de educación especial, tamén dotado cunha cámara fotográfica.

13/12/12

500 PERSOAS PARTICIPARON DURANTE O 2012 NOS MÁIS DE 50 CURSOS OFERTADOS POLA AULA CEMIT

A aula Cemit de as pontes, adicada ao fomento das novas tecnoloxías, pecha o ano cun gran balanzo de actividades. E é que, dende o pasado mes de xaneiro e, ata esta mesma semana, ao abeiro desta aula desenvolvéronse case 60 cursos co fin de achegar á cidadanía de todas as idades as novas tecnoloxías e os recursos que éstas ofrecen para facilitar o noso día a día. Nestes doce meses, impartíronse un total de 788 horas de formación, ás que é preciso sumar os espazos de aula aberta dos que puideron desfrutar, de xeito gratuíto, todos os veciños e veciñas da nosa vila que se pasaron pola aula de informática da casa dopeso, para consultar dúbidas ou acceder á internet. Así as cousas, segundo os datos feitos públicos dende a aula cemit de as pontes, neste exercizo un total de 486 persoas de idades do máis dispares participaron nas diferentes ofertas formativas coas que contou esta aula. Foron 55 cursos que ían dende o máis básico coma o uso de internet e a introducción ao mundo da informática, ata xa obradoiros máis especializados coma o de comunity manager ou de streaming de audio e vídeo. Os cursos de introducción á informática ou aqueles adicados ao uso do software libre coma o procesador de textos writer, as follas de cálculo, o sistema operativo linux ou o envío de correos electrónicos foron os que máis alumnos rexistraron e é que, segundo os datos do cemit, máis dunha vintena de obradoiros tiveron esta temática coma eixo central. Asemade, nestes meses, tamén se prestou especial atención ao mundo da internet, con cursos adicados ao uso de redes sociais coma o facebook, tuenti ou twitter ademáis de obradoiros sobre o uso seguro desta ferramenta por parte dos menores; ao que se sumaron talleres adicados á búsqueda de emprego por internet ou á creación dun bo curriculum. A creatividade tamén foi posta a proba nos diferentes cursos desenvolvidos pola aula cemit durante o 2012, xa que, nestes meses houbo cursos adicados ao deseño de logotipos, de creación de carteis ou de apertura de blogs e páxinas web ou de contidos multimedia; de feito hoxe mesmo poñíase punto e final a un obradoiro para deseñar postais de Nadal multimedia. O mundo da fotografía dixital tamén gozou de gran protagonismo con cursos que ían dende o uso máis básico dunha cámara ata a realización de retoques fotográficos propios dun auténtico experto. No 2013, a aula cemit continuará desenvolvendo obradoiros gratuítos e, de feito, entre a súa programación para o vindeiro exercizo estanse xa a preparar cursos de compra por internet ou un obradoiro para a muller e a informática que arrincará o 15 de febreiro.

OS NENOS E NENAS DE AS PONTES XA PODEN ENVIAR A SÚA CARTA AOS REIS MAGOS DE ORIENTE MEDIANTE O BUZÓN REAL

De seguro que, nestes días, pequenos e pequenas están xa a preparar esa carta dirixida aos Reis Magos para recibir moitos agasallos na noite do 5 de xaneiro. Bonecas, coches, camións, videoxogos ou patíns formarán parte da longa lista de peticións coa que se atoparán Melchor, Gaspar e Baltasar dentro duns días e que recibirán a traverso dos diferentes buzóns reais que ateigan tendas ou centros comercias. Pero nas Pontes tamén temos buzón real para facerlle chegar ás súas maxestades de oriente as peticións e desexos daqueles nenos e nenas que se portasen ben durante todo o ano. Como ven sendo habitual, o buzón xa se atopa instalado nos soportais da Casa do Concello e alí todos os nenos e nenas que así o desexen poderán depositar a súa carta de Nadal ata a primeira semana de xaneiro. Melchor, Gaspar e Baltasar recibirán todas as misivas dos nenos e nenas da nosa vila e, por suposto, farán un lugar na súa apretada axenda para contestar cada una destas cartas. Cada carta deberá contar co nome, apelidos e enderezo do neno ou nena escritos con letra lexible para que cada remitente poida recibir a resposta da propia man das súas maxestades de Oriente. O buzón real estará no concello de As Pontes ata o 5 de xaneiro.

12/12/12

CATRO ACTIVIDADES DEPORTIVAS SERÁN AS GRANDES PROTAGONISTAS DO NADAL PONTÉS

Nestas datas non podían faltar diferentes actividades deportivas e é que, ao longo dos vindeiros días, poderemos desfrutar da plasticidade e maxestuosidade das ximnastas pontesas, da precisión dos nosos arqueiros, do bo facer baixo o aro dos nosos xogadores de baloncesto ou da unión de deporte e imaxinación na segunda edición da San Silvestre Pontesa. E é que, ata o derradeiro día do ano, haberá deporte para todas as idades e gustos nunha programación que se inaugurará o día 20, no Pavillón Polideportivo Municipal, cun festival de nadal que estará protagonizado polas integrantes do Clube de Ximnasia Rítmica da nosa vila e o alumnado da Escola Municipal de Ximnasia Rítmica. A exhibición arrincará ás 19.30 horas e, para esta data tan especial, contarase con música en directo, a que ofrecerán os integrantes da Banda do Conservatorio Municipal que tamén se sumará a este curioso festival navideño. Outra cita xa tradicional nestas datas é o III Campus de basket organizado polo Clube de Baloncesto As Pontes e que se desenvolverá entre os días 26 e 29 de decembro nos pavillóns dos colexios da Magdalena, Monte Caxado e Castro da Uz, ademáis do polideportivo municipal. Serán catro días de adestramentos e clases teóricas e prácticas nas que varios adestradores de alto nivel volverán compartir coas categorías de base do clube pontés as súas ensinanzas. Ata As Pontes, e por terceiro ano consecutivo, trasladaranse adestradores de prestixio co fin de ofrecer diferentes clases que permitan a evolución deportiva dos máis pequenos. O 30 de decembro teremos compromiso co mundo do tiro con arco xa que se se celebrará unha nova edición do Campionato de Tiro con Arco Concello de As Pontes, unha competición organizada polo Clube Silex e o Consistorio e que terá como escenario o pavillón polideportivo municipal, durante toda a mañá. E para rematar o ano nada mellor que facelo participando na segunda San Silvestre Pontesa que terá lugar o día 31 dende as catro da tarde. Durante a xornada desenvolveranse probas de velocidade adaptadas ás diferentes idades e ata haberá unha carreira absoluta de 5000 metros e unha andaina popular de 2500 metros.Como requisitos: ter ánimos para botar unha carreira e levar un bo disfraz xa que serán premiados tanto os máis veloces coma os que acudan a esta cita co traxe máis orixinal. O Clube Olympo e o Concello de As Pontes organizan esta proba para a que será posible anotarse ata o día 30 a través do enderezo electrónico atletismoolympo@gmail.com ou telefonando ao 636 51 72 99.

O PROGRAMA CINE DE NADAL OFRECERÁ, ATA O 3 DE XANEIRO, UN TOTAL DE SETE FILMES EN OITO PROXECCIÓNS PARA TODO TIPO DE PÚBLICO

Non hai festas do nadal que se precien en As Pontes que non inclúan unha homenaxe ao mundo da sétima arte e é que, non podían faltar, para as vindeiras datas proxeccións cinematográficas para pequenos e adultos, ao abeiro do programa de Nadal deseñado dende o departamento municipal de Cultura. Un total de sete filmes, tanto para público infantil coma para adultos, integrarán a carteleira cinematográfica da que poderemos desfrutar dende o venres da vindeira semana. Como inauguración deste ciclo nada mellor que o éxito de Olivier Nakache e Eric Toledano Intocable, baseada na relación entre un aristócrata tetrapléxico e un coidador nado nun barrio marxinal e recentemente saído do cárcere, que se traduce nun choque de xeitos de ver e de vivir a vida, de experiencias que acaban conxeniando ata dar lugar a unha relación de amizade única. François Cluzet, Omar Sy e Audrey Fleurot protagonizan esta comedia para maiores de 7 anos que se proxectará o día 21, ás 20.30 horas no auditorio municipal Alovi. E xa para o día 22 e no mesmo horario será posible desfrutar da última incursión cinematográfica de Richard Gere e Susan Sarandon: El Fraude; unha historia dun magnate dos negocios arruinado que debe vender o seu imperio a un banco denantes que se de a coñecer o fraude no que está inmerso. Tim Roth e Laeticia Casta completan o reparto deste filme que conta coa dirección de Nicholas Jarecki. Tralo paso da xornada de Nadal, o cine regresará ao Alovi o día 26 de decembro da man da película francesa El Nombre. Dirixida por Matthieu Delaporte, esta comedia lévanos ata a primeira experiencia coma pai dun triunfador de 40 anos de nome Vicent e das súas dificultades para escoller o nome do seu futuro fillo. Patrick Bruel e Charles Berling protagonizan esta historia de humor e situacións do máis caóticas que se proxectará o día 26 dende as 20.30 horas e que está dirixida a público de todas as idades. O 27 de decembro teremos dobre sesión de cine e é que, para esta xornada, contaremos cunha película para o público infantil e outra para os adultos. Na sesión dos máis pequenos, que arrincará ás 18.00 horas, poderemos desfrutar de Campanilla El secreto de las Hadas, un filme de animación no que acompañaremos a esta fada tan popular a unha viaxe polo bosque do inverno, un lugar misterioso e prohibido que Campanilla se empeña en investigar. Xa ás 20.30 horas o relevo do cine infantil collerao a película El irlandés, protagonizada por un policía conflictivo, cómico, adicto ás mulleres de alterne e que deberá investigar a unha banda que trafica con drogas na compaña do seu polo oposto: un axente do FBI, concienzudo, serio e implacable. El irlandés, dixido por John Michael McDonagh, proxectarase ás 20.30 horas. Na xornada do 28 de decembro tamén teremos a cuarta entrega de Ice Age. Novamente Silly, Manny e Diego vivirán unha nova aventura en plena formación dos continentes. E é que o rato Scratch volve agochar unha landra co mesmo resultado dos filmes anteriores: a ruptura da terra. Nesta ocasión, esta particular manada deberá regresar ao seu fogar pero enfrontándose a diversos perigos coma unha banda de piratas. A proxección arrincará ás seis da tarde. E pechamos o ciclo de cine de Nadal os días 2 e 3 de xaneiro coa dobre proxección do filme de animación O Apóstolo, na que coñeceremos a un convicto fuxido do cárcere que tratará de recuperar o botín que ten agochado nunha aldea. Neste particular lugar, este preso atopará a extranos anciáns, sucesos paranormais e sorpresas do menos atractivas e terroríficas. A Casa Dopeso será o lugar no que se proxecte ás 20.30 horas e estes dous días, este filme dirixido a maiores de sete anos, no que se conta coas voces de Carlos Blanco, Jorge Sanz, Luis Tosar ou Manuel Manquiña. No tocante ao prezo das entradas, todas as sesións contarán con localidades para adultos a un prezo de 3 euros, namentras que os máis pequenos deberán aboar euro e medio.

MÚSICA, MAXIA E XOGOS PARA OS MÁIS PEQUENOS PROTAGONIZARÁN O NADAL PONTÉS

O Concello de As Pontes volveu apostar, un ano máis, por unha extensa programación cultural de Nadal onde os máis pequenos son os auténticos reis e raíñas de cada actividade. E é que a música, a maxia e ata o cine forman parte dun programa que arrinca este mesmo sábado, na biblioteca municipal, onde dende as 11.00 horas se procederá ao tradicional engalanado da sala infantil da biblioteca, a cargo de todos os nenos e nenas que desexen realizar debuxos e manualidades nesta aula. A música tamén contará cun gran papel nestas festas e é que para este domingo está programado o Concerto de Nadal da Agrupación Coral Endesa, as Cantareiras de Alende e a Coral Polifónica Bugallido que, dende a unha da tarde, e na Casa Dopeso ofrecerán un recital ateigado de panxoliñas e temas propios destas festas. A música continuará tamén na vindeira semana, o día 18, co concerto no auditorio municipal Alovi da Banda de Música do Conservatorio; o día 19 cos alumnos da Escola Municipal de Acordeón que ofrecerán un recital no Centro Social da Terceira Idade e o día 20 co concerto do quinteto Ardoira no Conservatorio Municipal. Xa para o día 22 a Rondalla será a protagonista cun concerto de nadal no que contará coa compaña dos alumnos do Conservatorio, na Casa Dopeso, ás 19.00 horas. Non podían faltar os integrantes de Alende cos seus aguinaldos, que poderemos escoitar os días 26 e 28 polas rúas do centro do pobo. Para pechar a parte musicada deste Nadal de 2012 teremos xa en xaneiro a actuación de Mamá Cabra, programada para o día 2 ás 18.00 horas. De seguro que unha das actividades que máis asistencia rexistrará será o salón Mundo Xogo que, dende o día 22 e ata o 30 de decembro, permanecerá instalado no Mercado Vello. Xogos coma o escalextric, obradoiros de plastilina, cociña ou fimo, puzzles, xogos de cartas e chapas e videoxogos integrarán este programa de actividades que permanecerá aberto entre as 10.30 e as 13.30 horas e de 16.00 a 20.00 horas durante sete días. Asemade para o 3 de xaneiro realizarase unha xornada de inchables e xogos gratuítos no pavillón polideportivo. Pero o Nadal tamén ven marcado pola maxia e non podían faltar figuras coma o Mago Teto nestas festas. De feito, o seu novo espectáculo As Novas Tolemaxias estará no alovi na tarde do 26 de decembro pero previamente, xa o sábado da vindeira semana, teremos outro mentalista en As Pontes. Neste caso ao Mago Martín Camiña coa súa montaxe Papá Noel Máxico e na que se mesturarán os xogos de cartas, o ilusionismo e por suposto o humor. O cine non podía faltar nesta programación de nadal con filmes coma o Apóstolo, Ice Age 4 ou Campanilla, El secreto de las hadas, que se mesturarán con outro tipo de proxeccións para o público adulto coma Intocable, El nombre ou El Fraude e que poderemos desfrutar dende o 21 de decembro no auditorio municipal Alovi. Tamén teremos a oportunidade de desfrutar dun novo pase do espectáculo adicado ao Circo do Sol, interpretados polos alumnos das escolas de danza moderna e clásica que o 4 de xaneiro ofrecerá no auditorio municipal Alovi, un novo pase destas montaxe, e, como non podía ser doutro xeito, o colofón a tanta festa virá o 5 de xaneiro coa tradicional Cabalgata de Reis que traerá ata As Pontes a Melchor, Gaspar e Baltasar.

5/12/12

O 31 de Decembro As Pontes alberga a II edición da carreira de San Silvestre

• O departamento municipal de Deportes e o clube de atletismo Olympo fanse cargo desta proba deportiva que arrincará ás 16.00 horas O Concello de As Pontes, a través da concellería de Deportes, e o Clube de Atletismo Olympo colaborarán, por segundo ano consecutivo, na organización da II San Silvestre Pontesa, que terá lugar o 31 de decembro. Neste 2012, optouse por cambiar o horario desta pobra deportiva popular que arrincará ás 16.00 horas coas carreiras dos máis pequenos xa que este ano a competición abrirase para nenos e nenas a partir dos 4 anos de idade, que afrontarán diferentes percorridos polas rúas do centro urbano. A saída e chegada de cada carreira producirase nas inmediacións do colexio Santa María e haberá diferentes distancias segundo as idades dos competidores, que deberán afrontar percorridos de entre 50 e 5000 metros. Así as cousas, os nados entre 2008 e 2010 deberán afrontar un percorrido de 50 metros, namentras que os nados entre 2006 e 2007 percorrerán 130 metros. O circuíto para os nados en 2004 e 2005 será de 500 metros e xa en categoría infantil (2000- 2001) percorreranse 1000 metros, ao igual que na categoría cadete (1998-1999). Xa na categoría absoluta o traxecto a percorrer será de 5000 metros. Asemade, a xornada tamén incluirá unha andaina de 2500 metros para todas as categorías e que dará comezo ás 17.00 horas, trala saída da carreira absoluta. Como novidade, este ano haberá un servizo de animación para os pequenos daqueles pais e nais que queiran participar na carreira absoluta ou na andaina e non teñan con quen deixar aos seus nenos. Este servizo contará cunha trintena de prazas sendo preciso anortarse denantes do día 27 de decembro telefonando ao 667 192 099 ou enviando un correo electrónico ao enderezo ana.alonso@aspontes.org. No tocante aos premios, os tres primeiros clasificados ou clasificadas de cada categoría recibirán un trofeo ou medalla. No tocante aos máis pequenos todos recibirán un diploma de participación e está previsto que, para escorrentar o frío, tamén se reparta chocolate quente entre os participantes, ao que se sumará un par de luvas e unha braga para o pescozo para todos os corredores, en conmemoración desta xornada. Asemade, e como será preciso asistir disfrazado, o participante que presente a vestimenta máis orixinal en categoría infantil recibirá un vale de 50 euros a canxear na xoguetería Don Dino, namentras que na categoría de adultos o premio consistirá tamén nun vale pero de 150 euros a gastar na tenda de decoración e complementos Dekologas. Nesta ocasión tamén se premiará ao grupo de adultos co disfraz máis orixinal cun vale de 200 euros no Grupo Tú. Durante a xornada sortearanse dúas tablets (cortesía Galiorient e Óptica Carmela) e unha cesta de Nadal (as rifas da mesma terán un custo de 1 euro). Dende hoxe mesmo xa é posible anotarse nesta proba con tan só enviar un correo electrónico cos datos do participante ao enderezo atletismoolympo@gmail.com ou telefonar ao 636 51 72 99, denantes do 30 de decembro.

Ábrese a inscrición para participar nunha nova edición dos Campamentos Urbanos de Nadal

O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Servizos Sociais e o CIM, organizará para este Nadal unha nova edición dos seus campamentos urbanos. De feito, dende o luns é posible formalizar a inscrición para acudir a este programa e que se desenvolverá os días26, 27 e 28 de decembro e 2, 3 4 e 7 de xaneiro, entre as 9.00 e as 14.00 horas, nas dependencias do colexio A Magdalena. Un ano máis o prezo de inscrición será de 10 euros e as prazas serán limitadas cun máximo de 50, dirixidas a pequenos de entre 3 e 12 anos. Os criterios de admisión volverán ser os habituais xa que terán preferencia as familias monoparentais ou con pais e nais que deban traballar nestas datas e non conten con vacacións. os interesados en tomar parte nestes campamentos deberán cumprimentar a correspondente inscrición, incluíndo fotocopia do Libro de Familia, certificado de empresa de conforme se está a traballar e non de vacacións, certificado da entidade que imparte a formación se se está a participar nalgún curso ou declaración xurada de estar a traballar no servizo doméstico. Esta documentación deberá entregarse ata o 17 de decembro, no Rexistro Xeral do Concello de luns a venres entre as 09.00 e as 14.00 horas ou o sábado de 10.00 a 12.30 . Asemade, para obter máis información é posible telefonar ao departamento de Servizos Sociais no 981 44 10 08.

3/12/12

O Concello de As Pontes rende homenaxe á Constitución Española dándolle o seu nome ao Paseo dos Alimpadoiros

Dende onte o coñecido coma Paseo dos Alimpadoiros xa conta con nova nomenclatura e é que, nun acto público, o goberno municipal inaugurou este vial co seu novo nome: paseo da Constitución, en homenaxe ao texto constitucional de 1978 e que, este xoves, celebrará o seu 34 aniversario. Para conmemorar este día, optouse por unha programación que se abría da man do deporte xa que, dende a Casa Consistorial partía unha comitiva en bicicleta comandada por unha ducia de integrantes do Clube Ciclista Vilalba - As Pontes, encargados de organizar o percorrido. Tras deles deceas de pequenos e maiores e ata o propio alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, que tamén se animou a realizar este peculiar acto de homenaxe á Carta Magna sobre dúas rodas. As avenidas de Castelao e Galicia e a Canle IV integraron a primeira parte dun percorrido que tiña o seu primeiro descanso á altura da rúa Antonio Machado onde os ciclistas puideron desfrutar dun refrixerio e acudir ao descubrimento da praca conmemorativa desta xornada. Con eles representantes do equipo de goberno e do tecido asociativo e veciñal de As Pontes que tamén quixeron tomar parte neste acto. Xa coas forzas recuperadas, a comitiva ciclista emprendía camiño de regreso ao punto de partida percorrendo, iso sí, o novo paseo da Constitución para baixar pola avenida das Campeiras, a rúa Celso Emilio Ferreiro ou a avenida de Vilalba para rematar novamente diante da Casa Consistorial.