30/11/12

O Concello de As Pontes respalda cun manifesto ao sector leiteiro

Partido Socialista, Bloque Nacionalista Galego, Partido Popular e Compromiso por Galicia asinaron un documento de apoio aos productores de leite O Concello de As Pontes ven de posicionarse a prol do sector leiteiro mediante un manifesto de apoio aos productores de leite e que onte asinaron todos os grupos con representación municipal. A voceira municipal do PSdeG-PSOE, Montserrat García, deu lectura a un comunicado no que as catro forzas - PSdeG, BNG, PP, e CXG - quixeron deixar claro o seu apoio incondicicional aos gandeiros nas súas reivindicacións e instaron á Xunta de Galicia a dar unha resposta a esta problemática. Logo da reunión convocada para a probación unánime deste documento, acordaban manifestar que o sector agrogandeiro é un sector estratéxico como base económica do medio rural e do que viven moitas familias neste concello ata depender economicamente da actividade agrícola e gandeira. Ademais, lembraban que o sector está a atravesar ao longo dos últimos anos unha gravísima e insostible situación, vendendo os seus produtos por baixo dos custes de produción, e poñendo en perigo a subsistencia económica das súas explotacións gandeiras. DECLARACIÓN INSTITUCIONAL O sector agrario galego está a pasar un momento delicado, polo que se fai necesaria a implicación das Administracións na búsqueda de solucións, tendo en conta que dentro do sector agrario galego, o sector gandeiro concentra o 61% de produción agraria, con 20.000 postos de traballo directo, converténdose polo tanto na principal actividade socioeconómica do sector agrario. Entendemos que o sector lácteo debe ser considerado como estratéxico, xa que factura máis de 900 millóns de euros e soporta a actividade económica de máis do 50% dos Concellos Galegos, e concretamente na comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal, este sector mantén máis de 700 postos de traballo directos e representa o 3% da produción leiteira galega. O Concello de As Pontes apoia as reivindicacións do sector na procura dun contrato homologado único, que conte con un método obxetivo de formación de prezos, establecendo un mediador que evite posicións de dominio abusivas.

Ponse en marcha o Consello Consultivo de As Pontes que achegará propostas para o desenvolvemento do lago e entorno

O alcalde de As Pontes preside este órgano que contará con sobranceiras personalidades do mundo empresarial e profesional O Concello de As Pontes constituiu onte o órgano que se denominará coma Consello Consultivo de As Pontes; un grupo de traballo integrado por diversas personalidades líderes en diversos sectores e todas co denominador común de estar vencelladas directamente con As Pontes. A súa función será a da aportación e asesoramento dos membros para a posta en marcha dun programa integrado para o desenvolvemento sostible do lago pontés e o seu entorno, así como temas de interese municipal especial de carácter estrátexico. A primeira reunión do Consello Consultivo centrouse na presentación dos membros, servindo de toma de contacto, coa presentación do proxecto do lago, facendo un percorrido polo proceso de transformación iniciado co fin da explotación mineira e xa concluído co enchido do oco mineiro convertido en lago. Este consello ponse en marcha nun intre estratéxico no que aínda se pode plantexar calquera proxecto sobre un terreo aínda sen actuar, o que facilitará a posta en marcha dun plan integrado para o desenvolvemento futuro do lago, que permita garantir unha planificación eficaz e sostible, sobre un proxecto que terá que constituír una piar fundamental no futuro do municipio pontés. Este plan estratéxico ofrecerá as alternativas a desenvolver no vasto espazo que ocupara durante décadas a mina de Endesa, e que pasou a converterse nun inmenso lago artificial. Esta nova superficie de actuación abrangue un ámbito natural de 40 hectáreas de superficie. O espectacular lago e o seu entorno aspira a converterse en todo un reclamo natural e paisaxístico. Asemade, a nova realidade do lago ocupa un lugar prioritario nos traballos de redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal destinado a canalisar o tránsito do papel ao real desta nova cara da explotación mineira. Por outra banda, dende o Concello abríase outra fronte de traballo coas aportacións dos alumnos da Escola Coruñesa de Arquitectura que analisan, nunha asignatura específica, o particular escenario que presenta As Pontes co seu lago, logo dun convenio entre Concello e a Universidade para esta fin. A composición do Consello Consultivo de As Pontes quedou como segue: a presidencia recaerá no alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e a vicepresidencia na edil de Turismo, Ana María Pena. Coma vogais estarán os empresarios Ramón Blanco, José Marcial Doctor, Amador Formoso, José Manuel Moure, José Manuel Peleteiro, ademáis de Carlos Basoa coma representante veciñal, o presidente de Euroeume José Castro, a arquitecta María Ríos, o xeólogo Jerónimo López, a licenciada en Xeografía María Soledad Souto e o director comercial Carlos Quintana. Finalmente, o equipo técnico deste consello estará integrado pola arquitecta Cruz Vigo e o enxeñeiro Marcelino López. O vindeiro mes de marzo,farase unha segunda xuntanza na que se contará coas primeiras achegas dos membros deste órgano que onte se constituía oficialmente. Paralelamente, ontinuan os encontros das diferentes mesas sectoriais organizados polo executivo local para recoller as aportacións do tecido veciñal e asociativo local.

29/11/12

O CONCELLO DE AS PONTES ESTÁ A CONCLUÍR A ÚLTIMA FASE DO PROCESO DE AVALIACIÓN DO II PLAN DE IGUALDADE DE OPORTUNIDADES ENTRE MULLERES E HOMES 2008 -2011

• Con esta avaliación búscase darlle continuidade ao compromiso mantido nestes anos coas políticas de xénero O Concello de As Pontes rematará neste mes de novembro os traballos de avaliación do seu II Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes (IIPIOMH), cuia execución tivo lugar ao longo do período 2008-2011. Este plan, elaborado cunha metodoloxía amplamente participativa, propiciou que se recollesen as inquietudes da poboación local, e se planificasen unha serie de actuacións transversais que fomentasen a igualdade de oportunidades ao longo dos últimos catro anos. Con este plan, cúmprense xa oito anos do compromiso que o Concello de As Pontes mantén coa poboación para alcanzar unha igualdade de oportunidades efectiva. Deste xeito, denantes de iniciar un novo procedemento de planificación, o executivo local considera fundamental levar a cabo esta fase final da implementación do IIPIOMH: unha avaliación que permita comprobar o grao de execución do IIPIOMH, así comA as novas necesidades e problemáticas que son necesarias abordar na planificación do IIIPIOMH. Dende o departamento municipal de Servicios Sociais que, para a realización do informe de avaliación, primeiro foi necesario analizar a diagnose realizada sobre a situación e discriminación e desigualdade por razón de xénero en As Pontes, así coma a compilación de todos os informes e datos obxectivos xerados ao longo da súa vixencia. Posteriormente estudáronse as apreciacións do persoal técnico dos diferentes departamentos participantes, tanto na elaboración coma na execución. Con toda esta información estase a redactar un informe detallado, no que, ademais dos impactos analizados, proporanse medidas e accións a mellorar para o III PIOMH de As Pontes. Os resultados preliminares da análise obxectiva indican que o grao de cumprimendo das accións contidas no PIOMH é altamente satisfactorio. Así foron implementadas ao longo destes catro anos un total de 156 accións, moitas das cales foron replicadas anualmente, indicativo do éxito das mesas. Por áreas estratéxicas, o 34% das actuacións realizadas foron da área de “Participación na vida Política e Social: empoderamento”, seguido da área de “Fomento da participación igualitaria no mercado laboral e na formación para o emprego”, cun 21% das actuacións. Por tipoloxías, as máis numerosas foron as acción de sensibilización e difusión (36%), seguido moi de cerca polas accións de formación (32%). Para o seu desenvolvemento, o Concello contou con fondos propios ao que se sumou a participación da Secretaría Xeral de Igualdade e do Fondo Social Europeo, ademáis da colaboura da empresa Deloga, especialista en proxectos con perspectiva de xénero.

O Concello de As Pontes homenaxea á Constitución dándolle este nome ao Paseo dos Alimpadoiros

• O domingo realizarase un acto de descubrimento dunha praca con este novo nome e completarase a xornada cunha roita ciclista que dará comezo ás 12.00 horas O Concello de As Pontes adiantarse á celebración do Día da Constitución, este domingo, co cambio de nomenclatura do paseo dos Alimpadoiros por Paseo da Constitución. Este cambio de nome foi decidido nunha sesión plenaria por unhanimidade, e agora vaise facer efectiva coa entrada en vigor da nova denominación aproveitando a proximidade do 6 de decembro. Para abrir a xornada á participación popular contouse coa colaboura do Clube Ciclista Vilalba – As Pontes, que organiza para ese día unha roita ciclista que, partirá da Casa do Concello e logo dun paseo polo casco urbano terá unha parada no lugar onde se descubra a praca coa nova denominación, na intersección da Rúa Antonio Machado. Alí entregarase un avituallamento a todos os participantes, denantes de iniciar camiño de volta ó punto de partida pechando a xornada ciclista de novo diante da Casa Consistorial. A marcha farase con carácter popular e estará aberta á participación de todos os que queiran acudir xa que o trazado é asequible para todas as idades. A saída darase as 12.00 horas e coa chegada procederase á estrea do paseo co seu novo apelativo de Paseo da Constitución, que irá dende a rúa Antonio Machado ao cemiterio dos Alimpadoiros.

27/11/12

O concello de As Pontes acolleu esta maña a Xunta Local de Seguridade

A Xunta Local de Seguridade do Concello pontés celebrábase esta mañá nas dependencias municipais coa presenza do Subdelegado do Goberno, Jorge Atán. O alcalde de As Pontes, Valentín González, presidíu esta reunión, na que os diferentes axentes que forman parte desta Xunta (Subdelegación do Goberno, Garda Civil ,Policía Local, e Protección Civil, facían un seguimento da seguridade cidadá do municipio. As reunións deste órgano, na que están representantes públicos, xa que xunto co alcalde está por parte municipal o concelleiro de seguridade Eladio Bouza, así como representantes do empresariado, e tamén os cargos e técnicos dos corpos de seguridade, teñen periodicidade semestral. A función deste órgano, e para iso se fan estes seguementos, e fundamentalmente a de mellorar a cordenación entre a Policía Local e as forzas e corpos de Seguridade do Estado que actúan no mesmo ámbito. Aproveitando esta convocatoria, o Goberno local volvía incidir na importancia que ten a colaboura cidadá como reforzo ó traballo conxunto que desenvolven a Policía Local e a Garda Civil na prevención de delitos. Por iso, faise un chamamento á cidadanía para que poña en coñecemento das forzas de seguridade calquera actitude sospeitosa ou que poda requerir da súa intervención.

23/11/12

O Concello de As Pontes destina 10.000 euros ao programa de ocio xuvenil Zona Zero

O acordo era asinado hoxe por parte do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e a asociación Abeiro, xestora deste programa O Concello de As Pontes rubricou co colectivo Abeiro un acordo de colaboura económica dirixido a subvencionar o programa de ocio xuvenil Zona Zero. O acordo era asinado hoxe polo alcalde Valentín González Formoso e a asociación de axuda a drogodependentes Abeiro nun acto no que tamén se contou coa presenza do edil de Servizos Sociais, José Alén. Mediante este convenio o executivo local destinará 10.000 euros a este programa de ocio xuvenil libre de drogas ao que se sumarán máis apoios a medidas deste tipo. Zona Zero é un programa dirixido a rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos e que ten como fin ofrecerlles unha alternativa de diversión para a tarde dos sábados, á marxe do mundo das drogas. De feito, cada semana non faltan actividades do máis entretidas coma obradoiros de roupa, deseño ou maquillaxe, competicións deportivas e múltiples xogos e iniciativas vencelladas a datas coma o halloween ou as festas populares e ata obradoiros de baile, monólogos ou concursos de karaoke ou de videoxogos, todo isto sen esquencer as iniciativas vencelladas á concienciación e sensiblización dos máis novos con respecto aos perigos das drogas e do seu consumo. Zona Zero regresará mañá ás tardes do Lar de Endesa, entre as 17.30 e as 20.30 horas con entrada libre para menores de 18 anos que desexen desfrutar dunha tarde de sábado do máis entretida e á marxe das drogas.

O DÍA 30 DE NOVEMBRO PÉCHASE O PRAZO PARA PARTICIPAR NO PROGRAMA VACACIÓNS EN PAZ 2013

No verán de 2013 volveremos ter na nosa vila a nenos e nenas procedentes dos campamentos saharauis de Tinduf, e é que, un ano máis, o concello de As Pontes colaborará coa organización non gubernamental Solidaridade Galega co Pobo Saharaui no seu programa de acollida Vacacións en Paz. Polo momento, se descoñece a cifra de menores que, o vindeiro mes de xullo visitarán As Pontes para pasar con familias da nosa vila o verán do ano que ven pero as familias interesadas terán ata o venres da vindeira semana para formalizar a súa solicitude e, deste xeito, acoller durante unhas semanas a un destes pequenos ou pequenas que, mediante este programa, terán a oportunidade de desfrutar dun verán diferente, á marxe dun clima bélico e dunha climatoloxía insoportable, e coñecendo novos estilos de vida, unha cultura distinta e ata un idioma diferente. Para poder acollerse a este programa, as familias interesadas deberán achegarse ata o departamento municipal de Servizos Sociais, ubicado no segundo andar da Casa Dopeso, aínda que se queren obter máis información tamén poderán telefonar ao 981 44 10 08.

Medio centro de xoves empresarios e emprendedores da comarca participan no I Foro de Xoves Emprendedores e Empresarios

As Pontes foi onte escenario da celebración do primeiro encontro de xoves emprendedores e empresarios da comarca, unha cita posta en marcha polo concello de As Pontes, mediante o departamento de Promoción Industrial e o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), e a asociación de xoves empresarios Aje Ferrolterra. Á convocatoria acudiron medio cento de emprendedores e empresarios tanto do noso municipio coma dos concellos limítrofes, representando a sectores do máis diversos, e cun obxectivo: intercambiar experiencias entre aqueles que xa contan co seu negocio en marcha e os que aínda están a comezar neste mundo para crear alianzas e sinerxias que permitan o incremento da competitividade das empresas da zona. A edil de Promoción Industrial, Montserrat García, foi a encargada de dar a benvida aos asistentes e presentou a intensa labor en materia de formación, asesoramento e respaldo que se está a dar dende o concello aos emprendedores locais, mediante servizos coma o IPPEC. De feito, segundo explicou a edil, dende a súa posta en marcha hai catro anos no IPPEC prestouse asesoramento a máis de 90 proxectos dos que 38 son unha realidade. A concelleira anunciou que a súa intención pasa por continuar nesta liña de traballo e de apoio aos emprendedores ofrecéndolles todos os servizos técnicos dos que se dispoñen no Concello, pero sen deixar atrás iniciativas coma a desenvolvida onte e que, en verbas das propia García, pretendía facer que os empresarios xa consolidados guíen aos que están a comezar. E é que, tal e como subliñou García, é preciso respaldar aos máis novos porque eles son unha importante fonte de riqueza que axudarán á modernización do tecido productivo. Montserrat García tamén adiantou que, a través do IPPEC, se está a traballar na segunda edición dos premios As Pontes Emprende,que se celebrarán en abril de 2013. En relación a este tema, García animou a todos os presentes a sumarse a este concuro que, neste ano, superou as expectativas cun total de 15 proxectos que pasaron á fase final. Onte ata As Pontes tamén se desprazou o presidente de Ajeferrolterra. Cristóbal Dobarro presentou aos asistentes a asociación que dirixe coma un colectivo que busca a unión dos emprendedores e empresarios da comarca, que pretende fomentar a cultura emprendedora e o autoemprego e que busca contribuír co desenvolvemento económico da zona. Dobarro animou aos presentes a formar parte dun colectivo que non só defende os seus dereitos senón que tamén presta asesoramento e formación aos seus socios e lles ofrece unha importante rede de contactos. Cristóbal Dobarro agradeceu tamén a interese e colaboura do concello de As Pontes á hora de respaldar a cultura emprendedora. A xornada pechouse cun aperitivo no que participaron todos os emprendedores e empresarios que acudiron a esta cita e que compartiron experiencias.

21/11/12

A AVENIDA DA CORUÑA ÁBRESE Á CIRCULACIÓN RODADA

Dende onte os veciños de As Pontes xa poden circular pola Avda de A Coruña logo da súa apertura ó tráfico. A actuación nesta rúa, que pasa a ser de preferencia peonal, non vai ser óbice para recuperar a circulación por unha arteria tan importante do mesmo centro do casco urbán. A tenente de Alcalde, Montserrat García, confimaba esta apertura que se fai atendendo á demanda dos comerciantes da zona. Así se pecha esta fase do proceso de remodelación do centro de As Pontes que segue a levar a cabo o goberno local e ás que se suman as obras que se están a executar actualmente na avenida de Ferrol. As obras de remodelación na Avenida de A Coruña plásmanse fundamentalmente no novo firme, adoquinado, anque supuxo realmente, darlle unha nova cara á rúa, coa renovación do mobiliario urbano con novos bancos, papeleiras e farolas. Co novo deseño a calzada pasa a ser de sentido único, e a beirarrúa ensanchouse en tres metros, malia o que se manterá a oferta de aparcadoiros. Anque xa se poda circular por esta calzada, dende o concello resérvanse a opción de pechala puntualmente ó tráfico rodado para eventos puntuais, sobre todo en verán. Tampouco quedou só á cuestión estética e a funcionalidade traducíuse tamén na renovación dos obsoletos servizos básicos en toda a zona, canto a canalizacións de auga e sumidorios ou subministro de enerxía eléctrica. A intención práctica desta actuación é a de dar prioridade ós peóns e, en consecuencia, favorecer a actividade comercial .

A CONSELLERÍA DE BENESTAR E O CONCELLO DE AS PONTES RUBRICARON HOXE O CONVENIO DE XESTIÓN DO CENTRO DE DÍA PONTÉS

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, asinaron hoxe o convenio de xestión do centro de día pontés. No acto, que tivo lugar na Casa Consistorial, tamén se contou coa presenza do presidente do Consorcio de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez; os edís Montserrat García, José Alén, Sara Ramos, Antonio Lourés e Jesús Tembras, a concelleira popular Sara Prada e o deputado autonómico Miguel Tellado. Mediante este convenio fanse oficiais os acordos acadados entre os gobernos local e autonómico, xa que o primeiro encargarase de subvencionar o transporte dos usuarios namentras que a Xunta de Galicia responsabilízase do mantemento destas dependencias. En relación a este convenio, o alcalde de As Pontes agradeceu a colaboura do departamento que dirixe Beatriz Mato xa que este convenio foi froito de moitas negociacións “realistas”. Asemade, Valentín González Formoso deu conta da boa relación entre as dúas administracións que se traduce en colaboura constante, facilidades por parte do goberno autonómico e apoio ante peticións coma plans de emprego ou novas instalacións para As Pontes ( Centro de Día, centro de Aspanaes...), malia que a situación económica non é a mellor posible. Pola súa banda, Beatriz Mato puxo como exemplo de colaboura efectiva a relación co executivo pontés e adiantou que esta é a folla de roita que pretende aplicar durante a lexislatura. Neste senso, a conselleira amosou a súa satisfacción por colaborar no desenvolvemento de novos servizos para As Pontes e os seus veciños e calificou o Centro de Día coma un froito do traballo en conxunto das dúas administracións implicadas, camiño polo que se pretende continuar. Tras asinar no Libro de Ouro do concello, a conselleira de Traballo e Benestar xunto co alcalde de As Pontes visitaron o Centro de Día de As Pontes, unhas dependencias que supuxeron unha inversión de 460.000 euros e que abrían ao público o pasado mes de outubro cun total de 30 prazas.

20/11/12

O EXECUTIVO LOCAL OFRECE O SEU APOIO E ASESORAMENTO AOS AFECTADOS POR PREFERENTES

O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e a edil Montserrat García mantiñan onte un encontro cunha comisión de afectados polas prefrentes, representados na Asociación de ámbito comarcal Apres. Os interlocutores expuxéronlle a situación na que se atopan moitos cidadáns afectados polas malas praxes na comercialización destes produtos financieiros, e atoparon a dispoición a colaborar nas súas reclamacións por parte da administración local. A xuntanza servíu tamén para coñecer que na Oficina de Información ao Consumidor de As Pontes hai xa 28 casos constatados de afectados que agora serán postos en contacto con esta organización, que persegue a devolución dos cartos depositados en preferentes e subordinadas. O alcalde ofreceulles tamén o asesoramento e tutela dos servizos xurídicos do concello, asi como a xestión para acadar unha reunión co deputado autonómico socialista Francisco Caamaño, para que poda levar tamén o seu caso ós debates da nova lexislatura da cámara galega. Tal e como xa manifestaran na entrevista que con este colectivo mantivemos a pasada semana en RTV Eume, insisitían na súa disconformidade coa vía da arbitraxe proposta pola Xunta de Galicia, denunciando unha vez máis que aínda non se teña tomado ningunha medida efectiva. A súa reclamación segue a ser a da reclamación de que se devolva todo o diñeiro de xeito íntegro.

O Concello de As Pontes pon en marcha un ano máis o seu programa do 25N nas escolas

• O departamento de Servizos Sociais, mediante o CIM, achegará políticas de igualdade ao estudantado de Bacharelato e Educación Secundaria O Concello de As Pontes, a través do departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), puxo en marcha, un ano máis, a súa conmemoración do Día Internacional de Loita contra a Violencia contra a Muller, mediante un programa que reúne diferentes iniciativas e que, coma primeiros protagonistas tivo aos estudantes de 4º de Educación Secundaria e Primeiro de Bacharelato dos diferentes centros educativos do municipio. Un ano máis, a programación ideada dende o executivo local centrarase nos máis novos e no fomento da concienciación e da prevención da violencia de xénero; de ahí que, durante esta semana, se desenvolvan diferentes clases que chegarán a un total 132 estudantes dos institutos Castro da Uz, Moncho Valcarce e Monte Caxado e nas que precisamente se traballará en prol da igualdade de xénero. Onte mesmo arrincaron as primeiras clases no instituto Moncho Valcarce ata onde se desprazou o edil do ramo José Alén, que compartiu co alumnado de 4º de E.S.O unha clase na que se traballou sobre un texto no que se reflexiona sobre a violencia contra a muller, procedente da aprendizaxe e da cultura que, dende novos, se aprende mediante os medios de comunicación ou no día a día, xa que, dende pequenos, se impranta a idea de que ser home implica ter o poder e o control no fogar. Ademáis de reflexionar sobre este tema, os estudantes elaboraron varios lemas para conmemorar o 25N e que servirán para engalanar os diferentes centros educativos. Xa co alumnado de Bacharelato estase tamén a traballar, nestes días, co mundo das películas e a música, analizando mediante temas de Amaral, Juanes ou El Canto del Loco a idea do amor romántico ou o papel da muller en varias curtametraxes. En relación a este traballo, o concelleiro José Alén adiantou que, dende o departamento que dirixe, está previsto continuar a traballar cos máis novos co fin de lograr a prevención e a concienciación entre este grupo de poboación e deu conta do compromiso do executivo local en favor de fomentar políticas e iniciativas de loita contra a violencia de xénero. Precisamente, José Alén recalcou que o goberno municipal non reducirá a súa inversión, servizos e recursos en políticas e programas para a prevención da violencia de xénero e reclamou un maior compromiso por parte dos gobernos autonómico e estatal e que, deste xeito, non reduzan a súa inversión en programas de prevención e loita contra a violencia machista. Outras actividades O programa elaborado polo concello de As Pontes para conmemorar o 25N tamén incluirá unha nova edición das Xornadas Locais sobre Violencia de Xénero, e nas que aínda se está a traballar, polo que non se conta con data fixa para a súa celebración. Asemade, este xoves arrincará un obradoiro de Risoterapia que terá continuidade o 29 de novembro, con dúas sesións de dúas horas de duración. Será un obradoiro gratuíto para un máximo de 15 alumnas e que terá como escenario a Casa Dopeso. Para anotarse tan só é preciso contactar co 667 129 334, actividade á que se sumará tamén unha exposición sobre o 25N, entre outras iniciativas.

19/11/12

A Casa Dopeso alberga mañá unhas xornadas adicadas ao mundo das drogas organizadas polo Concello e a asociación Abeiro

O Concello de As Pontes, a asociación Abeiro, Atalaia Social e a Xunta de Galicia están a organizar para mañá martes as que serán as primeiras xornadas sobre drogas Sentindo a Realidade. Dende as 18.00 horas, no salón de actos da Casa Dopeso, será posible que veciños e veciñas de todas as idades participen neste acto público e aberto no que poñencias de expertos sobre esta realidade tan próxima se unirán ás propias opinións do público presente e de integrantes de diferentes colectivos educativos de As Pontes que participarán nunha mesa redonda. A opinión dos expertos virá representada polas conferencias sobre a realidade actual das drogas de Xaquín Bouza, educador da asociación ferrolá Asfedro, e de Manuel Vázquez Prado, educador do programa Di ke non da Fundación Barrié. Xa na mesa redonda adicada á realidade das drogas en as pontes tamén se contará coa presenza de Isabel Cendán, nai de As Pontes; o empresario da hostalería Xalo Maira; Andrea Trastoy socia do programa de ocio xuvenil Zona Zero e tamén dun integrante da Asociación Kontrashte. Asemade, durante este acto tamén se fará entrega dos premios do primeiro concurso fotográfico de drogas Sentido a realidade dirixido a menores de 30 anos e co que se pretendía coñecer a visión dos máis novos sobre o mundo das drogas e dos seus efectos.

CONTINUA O PROCESO ADMINISTRATIVO PARA A LICITACIÓN DO CIRCUÍTO DE KARTS

O proceso para a licitación da obra Instalacións de ocio anexas ao lago das Pontes, ou o que é o mesmo o circuito de karts segue o seu curso e xa a finais desta semana ou primeiros da que vén coñeceranse as puntuacións que se lles outorga polas documentacións técnicas. A semana pasada volveuse reunir a mesa de contratación para, precisamente, proceder á apertura dos sobres B, os que contiñan estas documentacións técnicas. Lembramos que son 37 as empresas que optan ao concurso para a execución da primeira fase do circuito de karts, e dado o volume de material presentado haberá que agardar uns días para coñecer os resultados do informe técnico, coas valoracións e puntuacións correspondentes. Logo volverase xuntar a mesa de contratación para coñecer as puntuacións do sobre B e posteriormente citarase ás empresas para a súa presenza na apertura do sobre C, o que contén as condicións económicas.

As Pontes alberga o xoves o I Encontro entre Xoves Emprendedores e Empresarios de Ferrolterra

A Concellería de Industria e Promoción Industrial e AJEFerrolterra colaboran na organización deste foro no que achegarán aos emprendedores a experiencia de xoves empresarios xa consolidados O departamento municipal de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio xunto coa Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrolterra (AjeFerrolterra), están a organizar conxuntamente o I Encontro entre Xoves Emprendedores e Empresarios. Este foro celebrarase o 22 de novembro no concello pontés e tal e como subliñou a edil de Promoción Industrial, Montserrat García, ten como obxectivo que emprendedores e novos empresarios compartan coñecementos, experiencias e sinerxias. De feito, a concelleira deu conta da participación neste encontro tanto de empresarios locais coma de concellos de toda a comarca de Ferrolterra. Segundo apuntou Montserrat García outro dos fins que se persegue mediante este tipo de actividades é o de establecer contactos pero sen esquencer a posibilidade de crear alianzas que redunden nunha mellora da competitividade das empresas da zona e dos servizos que estas ofrecen. Precisamente, neste senso, a concelleira de Promoción Industrial anunciou que, dende o departamento que dirixe, se continuará a traballar en iniciativas que permitan a interrelación de xoves e experimentados empresarios e que redunden no desenvolvemento industrial tanto de As Pontes coma da comarca. Programa O I Encontro entre Xoves Emprendedores e Empresarios dará comezo ás 20.00 horas, na aula polivalente da Casa Dopeso, coa inauguración a cargo da edil Montserrat García. Posteriormente, ás 20.15 horas, está prevista a intervención do presidente de AjeFerrolterra, Cristóbal Dobarro. A entrada estará aberta a todos os emprendedores e xoves empresarios tanto de As Pontes coma dos concellos da comarca

17/11/12

Montserrat García clausurou o I Seminario de Planificación Empresarial coa entrega de diplomas aos seus 18 participantes

• A concellería de Promoción Industrial, o IPPEC e Bic Galicia desenvolveron este curso no que participaron emprendedores locais e de concellos limítrofes A concelleira de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio, Montserrat García, fixo hoxe entrega dos diplomas acreditativos aos 18 emprendedores e emprendedoras que participaron, durante as pasadas semanas, no primeiro seminario de Planificación Empresarial, organizado dende este departamento mediante o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC) co respaldo de Bic Galicia. Montserrat García anunciou a aposta firme do seu departamento polos emprendedores e emprendedoras nunha etapa económica complicada como é a actual e animou a estes homes e mulleres a continuar a traballar nesta liña, asumindo novos retos en prol do desenvolvemento da economía pontesa. De feito, segundo explicou a concelleira, un dos principais obxectivos do IPPEC pasa por asesorar e dar respaldo a estas novas ideas e aos seus autores, mediante programas de formación, certames ou xornadas empresariais. A edil de Promoción Industrial animou aos presentes a continuar a traballar nas súas ideas e proxectos e, utilizando a frase de Walt Disney “Si lo puedes soñar, lo puedes hacer”, García convidou aos presentes a seguir na senda do emprendedurismo, apostando pola perseverancia e polo traballo duro para lograr facer de cada proxecto unha realidade, e é que, tal e como subliñou a concelleira, tan só 20 de cada 100 ideas emprendedoras saen adiante anualmente en España, e estas vinte tras varios intentos. Seminario de Planificación Empresarial O curso que hoxe poñía o seu punto e final arrincaba o pasado mes de setembro e contou con sete sesións semanais cun total de 35 horas de duración nas que as clases individuais se mesturaron coa formación en grupo. Durante este seminario, os participantes, tanto de As Pontes coma doutros concellos limítrofes, puideron coñecer os pasos a levar a cabo para facer realidade unha idea empresarial. Así as cousas, nestas semanas, abordáronse conceptos coma a elaboración dun plan de empresa no que se recolle a idea inicial, o tipo de cliente ao que dirixirse, e por suposto a viabilidade do proxecto no mercado, xunto coas súas posibles liñas de financiación. E é que, mediante este curso o que se buscaba era dar a coñecer conceptos básicos imprescindibles para a elaboración e deseño dun plan de empresa e para comprobar a súa viabilidade, todo isto tamén co apoio personalizado dun titor que se encargou de asesorar cada proxecto.

16/11/12

O CONCELLO DE AS PONTES VOLVE CONXEAR OS IMPOSTOS PARA ESTE 2.013

O Concello de As Pontes vai manter para o vindeiro 2.013 a conxeación das taxas, impostos e prezos públicos. Esta conxeación tributaria atinxe a aqueles impostos nos que o Concello conserva as cOmpetncias canto ó seu custo, pois xa se ten constatado un importante incremento rexistrado nos recibos do suministro de auga e recollida do lixo e saneamento e tamén no imposto de bens inmobles, unha nova carga económica para os petos dos cidadáns imposta dende os executivos central e autonomico. De feito, malia que ámbolos dous recibos son emitidos dende o Concello, o executivo local continua mantendo a súa política de conxeación de taxas dende hai cinco anos. Así as cousas, o edil de xestión orzamentaria, Antonio Alonso explicou que, malia que meses atrás, dende o goberno da Xunta aseguraban que o canon da auga non ía supoñer un incremento das facturas dos cidadáns, a realidade é ben diferente con importantes subas nestas contas que terán como destino as propias arcas do goberno autonómico. O concelleiro defendeu que o executivo local tan só é un mero recadador neste senso e que, dende que en 2007, o PSdeG-PSOE asumiu a alcaldía, as taxas municipais atópanse conxeadas xa que a economía local así o permite. Antonio Alonso tamén explicou que é posible acollerse a unha política de redución se na vivenda hai máis de tres residentes con tan só cubrir un impreso que se atopa a dispor da cidadanía nas oficinas de Aquagest ou na propia casa consistorial. No tocante ao imposto de bens inmobles, segundo explicou Alonso, coa aprobación do Real Decreto de medidas económicas urxentes do executivo central impúxose unha suba mínima do tipo impositivo do 0,50%, cando dende o concello estaba previsto tan só imprantar un tipo impositivo do 0.46%. Finalmente, en relación a este tema, Antonio Alonso adiantou que o executivo municipal está a traballar na modificación da ordenanza fiscal do ibi para implantar compensacións ás familias numerosas, unha medida que deberá ser debatida en pleno.

12/11/12

Do Monte ao Prato volve lograr unha gran acollida na súa segunda edición

O obradoiro gastronómico Do Monte ao Prato viviu o sábado a súa segunda edición, trala boa acollida rexistrada o pasado ano. Nesta ocasión, esta cita con dous grandes expertos no mundo da micoloxía coma José Luís Cuba e Antonio Díaz non coincidiu coa Feira dos Cogomelos pero permitiu prolongar, unha semana máis, esta homenaxe ao mundo da micoloxía que se realiza en As Pontes. De feito, algo máis de medio cento de veciños asistiron a esta clase maxistral onde coñecementos micolóxicos e culinarios compartiron o escenario da Casa Dopeso, con estes dous grandes coñecedores dos productos de outono. As explicacións sobre diferentes especies micolóxicas, xunto con trucos para a súa recollida e conservación combináronse cos arumes dos diferentes pratos que elaboraba Antonio Díaz e que ían dende unha ensalada ata un carpaccio, pasando por un salteado de cogomelos deshidratados e, como postre, un caramelo feito con edulis. Foron dúas horas nas que as anécdotas dos protagonistas á hora de saír de recolección se mesturaron coas preguntas dos propios veciños e veciñas que ocupaban o patio de butacas e que se interesaron por coñecer dende as leccións básicas para identificar un fungo ata cales son as mellores guarnicións ou complementos para acompañar un bo prato de cogomelos. Todo isto ante a atenta mirada da edil Sara Ramos cuia concellería se volvía involucrar á hora de poñer en marcha este obradoiro. Como punto e final da xornada nada mellor que desfrutar dos diferentes pratos ideados por Antonio Díaz e que os propios participantes se animaron a degustar. E é que poucos se podían resistir ao feiticeiro arume destes sabrosos manxares que deixaron moi bo sabor de boca.

9/11/12

O Concello de As Pontes e ASPANAES rubrican un acordo de colaboura por valor de 10.000 euros

O alcalde de As Pontes anunciou, durante a sinatura deste acordo, que a intención do executivo local pasa por renovar este convenio o vindeiro ano pero cun incremento nos seus fondos. O Concello de As Pontes e a Asociación de Pais de Persoas con Trastorno de Espectro Autista (ASPANAES) rubricaron hoxe un convenio de colaboración mediante o cal o executivo local destinará 10.000 euros a diferentes actividades desenvolvidas por esta entidade. O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e a presidenta de ASPANAES, María José Álvarez Folgar, foron os encargados de asinar este acordo mediante o que serán subvencionables os gastos de funcionamento e escolarización do centro pontés de ASPANAES; as actividades do servizo de valoración, diagnose e orientación; a realización de actividades extraescolares ou os gastos da inclusión social das persoas con TEA do centro de día e residencial de ASPANAES. Asemade, tamén se asumirán con esta partida os gastos do campamento de verán e os correspondentes ao programa de respiro para o alumnado matriculado no centro e dos maiores de 16 anos que teñan recoñecido un grao de dependencia ou precisen da atención dun coidador. Estes 10.000 euros son unha importante axuda para o colectivo de ASPANAES e, nun futuro esta cifra poderase ver incrementada xa que, segundo anunciou o alcalde de As Pontes, a intención do executivo local pasa por prorrogar este acordo e dotalo de máis fondos en vindeiros exercizos, ao entender que a labor que se realiza dende ASPANAES é imprescindible. De feito González Formoso agradeceu o gran traballo que se está a realizar dende ASPANAES e amosouse moi satisfeito de poder contar en As Pontes con un centro que preste un servizo desta índole. Pola súa parte a presidenta de ASPANAES agradeceu esta importante axuda e calificou a As Pontes coma un exemplo de cooperación, xa que con estes fondos poderanse reazlizar diferentes actividades no centro e que redundarán nunha mellor calidade de vida dos seus usuarios. Durante a sinatura deste convenio tamén se contou coa presenza do edil de Servizos Sociais, José Alén; e dos directores do centro de día e residencial e do centro educativo de ASPANAES en As Pontes, José Manuel Prieto e Cristina Rodríguez.

Do Monte ao Prato celebra mañá a súa segunda edición coa preparación dun carpaccio e dun caramelo con edulis

• O micólogo José Luis Cuba e o cociñeiro Antonio Díaz reeditarán mañá unha clase maxistral na que aunarán teoría e técnicas culinarias para sacarlle o mellor partido aos fungos e cogomelos O departamento municipal de Cultura organizará para mañá a súa segunda edición da clase maxistral de micoloxía e cociña Do Monte ao Prato. Malia que un dos puntos fortes desta sesión serán as explicacións sobre a recollida, identificación e conservación de fungos tamén será posible desfrutar dunha clase práctica de cociña da que, dende a concellería de Cultura, veñen de adiantar o menú. Así as cousas, está previsto que o cociñeiro Antonio Díaz, do restaurante eumés Andarubel, prepare durante as dúas horas que durará esta clase, un carpaccio de fungos, unha ensalada, un salteado de cogomelos deshidratados e, como postre un caramelo con edulis. Estes pratos poderán ser degustados polo público que asista a esta clase que será de entrada totalmente aberta. Ademáis do importante compoñente culinario desta cita, tamén contará con moita relevancia a intervención do experto micólogo José Luís Cuba, gañador en varias edicións do certame de cestas da Feira de Fungos e Cogumelos de As Pontes, e que conta cunha gran experiencia e coñecemento en temas micolóxicos. De feito, durante a sesión que se desenvolverá entre as 11.00 e as 13.00 horas, nas dependencias da Casa Dopeso, Cuba alternará diferentes explicacións, trucos e consellos para recolectar e identificar fungos e cogomelos coas respostas ás preguntas, dúbidas e inquedanzas que poidan ter os asistentes a esta clase maxistral xa que unha das súas bases será a participación do público que, en calquer momento, terá a opción de realizar preguntas ou plantexar diferentes inquedanzas sobre o mundo dos cogomelos. Asemade, o cociñeiro Antonio Díaz completará as explicacións de José Luís Cuba dando conta de técnicas e diferentes métodos para a preparación de pratos e postres cos fungos e cogomelos como ingredientes estrela. Dende a concellería de Cultura, a súa responsable Sara Ramos animou a toda a veciñanza a desfrutar desta clase maxistral que terá lugar na Casa Dopeso e que será de entrada totalmente libre, e que, tal e como subliñou a edil, trátase dunha gran oportunidade para desfrutar dos coñecementos de dous grandes coñecedores do mundo dos fungos e cogomelos.

7/11/12

O obradoiro teórico práctico de cogomelos Do Monte ao Prato reedítase este sábado

O departamento municipal de Cultura volverá apostar polo cociñeiro Antonio Díaz e o micólogo José Luis Cuba para esta clase maxistral de micoloxía O Concello de As Pontes continuará esta fin de semana coa súa particular homenaxe ao mundo da micoloxía. Será mediante o obradoiro adicado á recolección e preparación de fungos Do Monte ao Prato que celebrará, este sábado, a súa segunda edición tralo gran éxito alcanzado en 2011. O departamento municipal de Cultura quixo reeditar unha actividade que, o pasado ano, se estreaba coincidindo coa celebración da Feira de Fungos e Cogomelos de As Pontes pero que, nesta ocasión, tivo que cambiar de data xa que os seus protagonistas, o micólogo José Luís Cuba e o cociñeiro Antonio Díaz, exerceron coma xurado o pasado domingo no certame de cestas polo que non puideron ofrecer esta clase maxistral. Segundo explicou a edil de Cultura, Sara Ramos, debido á boa acollida deste obradoiro na súa estrea, non se dubidou á hora de volver incluír esta actividade no programa ideado polo concello para este outono e é que, tal e como recalcou a concelleira, en As Pontes cóntase cunha gran afección ao mundo da micoloxía e á recolección de fungos polo que apostar por unha iniciativa deste tipo é garantía de éxito. No tocante ao contido desta clase maxistral, Sara Ramos adiantou que o que se pretende é ofrecer unha actividade moi participativa xa que, ademáis de explicar os mellores métodos para recolectar fungos, identificalos ou limpalos, tamén se ofrecerán consellos para a súa conservación e preparación. Todo isto sen esquencer o importante papel do público que poderá realizar as súas preguntas e solventar todas as súas dúbidas en relación ao mundo da micoloxía, identificación de especies ou preparación. Esta clase, que será de entrada libre, dará comezo ás 11.00 horas e prolongarase ata ás 13.00 na Casa Dopeso, e incluirá a preparación in situ de diferentes pratos cos cogumelos como ingrediente protagonista, receitas que, unha vez remate o obradoiro poderán ser degustadas polo público presente.

5/11/12

O Plan Integrado de Emprego péchase beneficiando a 120 desempregados de As Pontes

O Concello, a través dos departamentos de Emprego e Servizos Sociais, tamén abriu nestes días unha oficina de asesoramento laboral e social para persoas desempregadas O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Emprego, Turismo e Novos Proxectos, pechou a pasada semana o Plan Integrado de Emprego coa entrega de diplomas ás persoas desempregadas que, durante estas semanas, participaron en diferentes actividades formativas e que forman parte dos 120 beneficiarios deste plan. Segundo explicou a concelleira do ramo, Ana Pena, o programa, subvencionado polo executivo local e a Xunta de Galicia, tivo como principal obxectivo mellorar a formación e facilitar a inserción laboral dos seus beneficiarios, todos eles en situación de desemprego. A edil tamén quixo valorar moi positivamente os resultados acadados con esta iniciativa e é que dos 120 beneficiarios, 68 tiveron a oportunidade de traballar durante estes meses, o que supón a integración laboral de máis do 60% das persoas que se acolleron a este programa. Así as cousas ata o pasado 15 de outubro desenvolvéronse catro cursos de iniciación á informática e a internet, con 43 alumnos; dous cursos de manexo de software libre con 12 alumnos; dous cursos de prevención de riscos laborais, homologados pola Fundación Laboral da Construcción no que participaron un total de 43 persoas desempregadas e outros dous cursos de prevención de riscos na manipulación de carretilla elevadora, plataforma elevadora e pá cargadora no que tomaron parte 29 persoas. Asemade, tamén se desenvolveron cursos de introducción ao correo electrónico (9 beneficiarios), uso de follas de cálculo (9 beneficiarios), e de uso do programa Writer (9 beneficiarios). Por outra banda, o Programa Integrado de Emprego tamén incluíu un obradoiro de xestión de almacén, no que tomaron parte 15 persoas; dous cursos para a prevención de riscos laborais nos sectores do metal e eléctrico cun total de de 23 beneficiarios, dous cursos para a obtención do CAP e do permiso de conducir C+E+Cap, no que se inscribiron 25 persoas e, finalmente, un curso de prevención de riscos na manipulación de cargas que contou con 11 alumnos que adquiriron coñecementos sobre o manexo de plataforma elevadora, aparatos elevadores e maquinaria de movementos de terra. Plan de Emprego Municipal Xa en relación a futuras liñas de actuación en materia laboral, Ana Pena anunciu que se está a traballar na elaboración do Plan Municipal de Emprego, que sufragará integramente o cabildo pontés. En relación a este asunto, a edil adiantou que o seu departamento traballará conxuntamente con outras concellerías para poñer en marcha as medidas precisas que axuden a paliar a difícil situación de moitas familias pontesas afectadas polo desemprego. De feito, Ana Pena xunto co edil de Servizos Sociais, José Alén, deu conta da recente apertura dunha oficina de atención á cidadanía, na Casa Dopeso, na que se conta cos servizos dunha orientadora laboral e de varias técnicas de Servizos Sociais, que prestan apoio, asesoramento e información ás persoas en risco de exclusión social, que se atopen en situación de desemprego ou que estén a piques de perder prestacións sociais, coma a Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), ao que se suma o apoio xurídico e psicolóxico que tamén se prestará dende a concellería de Servizos Sociais.

A QUINTA EDICIÓN DO MERCADO DE OPORTUNIDADES VILA DE AS PONTES LOGRA CENTOS DE VISITANTES DURANTE A FIN DE SEMANA

Bolsos, camisas, zapatos, carteiras, productos de decoración ou para mellorar o noso espazo na rede e ata artigos para as nosas mascotas. Todo isto e moito máis puidemos atopar durante a fin de semana, na vintena de postos que ateigaron a Avenida da Coruña, na quinta edición do Mercado de Oportunidades Vila de as Pontes. E é que os bos prezos e a gran calidade dos artigos presentados polos comerciantes locais volveron traducir en éxito esta convocatoria organizada, un ano máis, polo departamento municipal de Promoción Industrial e Comercio e tamén pola Asociación de Comerciantes e Empresarios de As Pontes. Durante 20 horas, centos de veciños e veciñas tanto do noso municipio coma da contorna visitaron os diferentes postos cos que contaban Urbo Moda, La Estrella, Bolboreta, Bau Bau ou Tres Lúas e deixáronse levar polos bos prezos que ofreceron establecementos coma Vilaboy, Juaneta, Dekologas, Zokos, Galofer ou Deportes A Fraga. E é que era complicado resistirse a unhas boas botas de Calzados Saavedra a metade de prezo, a un reloxo de Vabene co que engalanar a nosa cociña ou a un novo colar para o canciño da casa de Nexo Veterinarios, porque esta fin de semana nas pontes tivemos de todo e para todos os gustos, así que difícil era non caer na tentación de facerse cun reloxo Lotus de Templo, cuns blade para xogar este inverno na tenda de Don Dino ou cun libro deses que deixan pegada da librería Xandra. Asemade, non faltaron os servizos coma o de Torrente Calefacciones, Eumenet ou Raimundo Vigo que tamén ofreceron, durante a fin de semana, interesantes ofertas e descontos para aqueles que contratasen os seus traballos ao longo desta feira de oportunidades. Como non podía ser doutro xeito os clientes tamén tiveron premio, e é que para agradecer a súa fidelidade nada mellor que sortear vales de 100 e 200 euros a gastar durante a fin de semana nos 23 postos cos que contou este mova 2012. Así as cousas na xornada do sábado repartíronse 5 premios de 100 euros e outro de 200euros e xa o domingo tamén houbo varios afortunados e afortunadas que lograron 6 premios de 100 euros e un de 200 euros e que gastaron, durante a xornada, nos distintos stands que este ano se deron cita no mova. En resumo, dous días adicados ás compras que foron satisfactorios tanto para comerciantes, que rexistraron un elevado numero de vendas, coma para clientes con bos artigos a prezos moi reducidos e, por suposto, para a organización que volveu tildar de éxito unha iniciativa que, de seguro, que o vindeiro ano volverá repetir celebración e que, novamente, volvía servir para impulsar un dos sectores locais que máis move a economía pontesa gracias ao seu gran traballo e ao número de empregos que xera.

A XXIII edición da Feira de Fungos e Cogumelos de As Pontes reuniu medio cento de cestas

O menú da xornada quedou escaso ante a gran afluencia de público que se deu cita en As Pontes durante a xornada do domingo As Pontes, 04 de Novembro de 2012.- As Pontes respostou, como cada outono, fidelmente á súa cita cos cogumelos, e desta vez mesmo co respecto das condicións metereolóxicas. No cabo do verán, entre treboada e treboada, comezan a agromar timidamente os primeiros cogumelos, pero é no outono cando se dan a cantidade e a calidade. Este ano a chuvia, malia que non apareceu enturbiar o bo desnovolvemento da xornada, si fixo acto de presenza denantes e supuxo maiores facilidades para atopar os cogomelos que serviron para fornecer un xantar que esgotaba as súas existencias, e unhas cestas que pasaron do medio cento no concurso. Anque desta vez non coincidía a feira co primeiro de Santos, non foi óbice para que houbese a masiva afluencia que lle garante unha traxectoria de pioneira con vintatrés edicións ás costas. . Na feira dos cogumelos deste ano tampouco faltaron as exposicións e obradoiros de artesáns, que achegaron así o seu xeito de traballar ós visitantes. E o que máis agradeceron non poucos, que foi coller eles mesmos as ferramentas, para iniciarse no torno ou os bolillos, por exemplo, e sempre co asesoramento dos mestres artesáns. Pero o máis suculento foi para case todos a degustación popular, que este ano tivo un custe de 12 €. Esgotáronse as 650 racións dun menú que gustou ó público, que o consumíu máis ca nunca na carpa disposta ó efecto, que por vez primeira contaba con calefacción. Este ano, sen dúbida, foi a feira foi a máis variada de todas as edicións, coa xente deambulando entre as diferentes carpas e multitude de postos instalados, con exposición fotográfica, mostra de productos ecolóxicos e de outono, e a exposición tamén dos traballos en col da micoloxía dos escolantes do pobo. A todo isto houbo que engadirlle o Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes, que superou amplamente as dez mil vendas, ou a música en vivo toda a xornada. Canto ó concurso á calidade e variedade dos cogomelos volvía ofertar unha variada e rica presentación ó público,con 49 cestas, con calidade e diversidade nos fungos que se conseguiron colleitar en cada cesta. Houbo procedencias de diferentes vilas, pero o entorno máis próximo foi o lugar de procedencia da maior parte dos concursantes. Este ano, a mellor cesta, a criterio do xurado, foi a de Tomás Rodriguez Novoa, que chegou dende A Coruña. Segundo quedaba Miguel Ángel Mazas, terceiro Pablo Cuadrado Pazos, e completaron, cuarto José ramos Fraga, e quinta Nadia María González López. Antes da entrega destes premios, que se facía por unha representación da corporación municipal, déronse tamén os premios do concurso O mundo da micoloxía. Este concurso escolar, que cada ano fai que os nosos nenos e nenas vivan con especial ilusión os preparativos desta feira,e a aproveiten dende o punto de vista lectivo, volveu premiar a case todos os centros da vila. Os máis pequenos foron os máis traballadores, e dos dez premios que había destinados para cada categoría, decidíuse pasar cinco a primaria e e educación infantil dos previstos para secundaria diante da maior resposta en cantidade de e calidade dos máis novos. Santa María, Monte Caxado, A Fraga, A Magdalena, Moncho Valcarce, A Barosa e Aspanaes levaron tanto premios en conxunto para cursos, como para grupos de alumnos, e os menos, en individual. Canto ó agradado premio especial do xurado, que se entrega ó deseño escollido para o cartel do vindeiro ano, os vencedores foron os alumnos e alumnas de 5º de Educación infantil de A Magdalena, que se levaron os 100 euros cos que estaba dotado este gaalrdón. O resto dos premios foron todos por igual, dotados con corenta euros cada un sen distincións de clasificación.

4/11/12

A XXIII Feira de Fungos e Cogumelos distribuirá o domingo 650 racións na súa tradicional degustación popular

• O concello apostou, un ano máis, por un restaurador local para elaborar un menú que incluirá empanada, pastel, fabada e flan con productos do Eume As Pontes, 02 de Novembro de 2012.- A XXIII edición da Feira de Fungos e Cogumelos de As Pontes repartirá este domingo 650 racións do menú ideado este ano para unha das convocatorias gastronómicas máis relevantes do outono galego. Así o daban a coñecer dende o departamento municipal de Cultura que dirixe Sara Ramos e que apuntou que, este ano, volvíase confiar nun restaurador local, neste caso en Víctor Varela, xerente do mesón pontés Balarés, para a elaboración do menú que veciños e visitantes poderán degustar na xornada do vindeiro domingo. No tocante aos pratos que, nesta edición, se poderán degustar o menú contará cun pastel de cogomelos con avelás, empanada de lacón e cogomelos, fabas con cogomelos – que se elaborarán no mesmo lugar da degustación popular – e, como postre, flan de requeixo da Faeira con mel de Goente. Todo isto regado con viños Albariño e Mencía. A degustación desenvolverase entre as 12.30 horas e as 15.00 horas no patio do Colexio Santa María e será posible ou ben desfrutala neste espazo ou levala para a casa. Asemade, este ano tamén se fará entrega con cada menú dunha cunca conmemorativa desta XXIII Feira de Fungos. O prezo do menú será de 12 euros, o que supón un incremento con respecto a citas anteriores e é que, segundo explicou Sara Ramos, era necesaria esta medida, o que redundará na calidade do servizo. Asemade, a concelleira asegurou que será o concello o que asuma a maior parte do custo desta degustación popular e que os 12 euros marcados son un prezo do máis axeitado e asequible, en relación á calidade dos productos e do menú deseñado para este ano. Así as cousas, Sara Ramos quixo convidar a veciños e visitantes dos concellos da contorna a desfrutar desta festa gastronómica que, un ano máis, converte a As Pontes en punto obrigado de visita do outono e que, asemade, conta con este importante atractivo que supón un menú do máis suculento e saboroso. Os tickets para desfrutar desta degustación poranse á venda dende as 11.00 horas, na caseta habilitada para tal fin por parte do departamento municipal de Cultura e que estará ubicada a carón do propio Colexio de Santa María, como é habitual. Asemade, Sara Ramos lembrou que, durante a xornada, tamén será posible mercar e degustar productos de outono nos diferentes postos ubicados nas rúas Ramón Cabanillas e Alexandre Bóveda, onde haberá fungos á venda, castañas, noces, mel e queixo da comarca e ata chocolates e cafés, gracias á tenda de comercio xusto que tamén formará parte da oferta gastronómica da xornada, stands que permanecerán abertos ao público dende as 10.30 horas. Outras actividades Durante o domingo, un dos puntos de maior atención será o certame de cestas que terá lugar na Praza de América e no que se repartirán premios de 300, 180, 120,80 e 60 euros, entre os participantes. Os gañadores daranse a coñecer ás 12.30 horas, na entrega de premios que terá lugar no patio do colexio Santa María e onde tamén se entregarán os galardóns do concurso escolar O Mundo da Micoloxía. Asemade, tamén será posible visitar a IV Mostra de Artesanía en Vivo, protagonizada polos Artesáns do Eume, na sala de Exposicións do Mercado Vello e na rúa Ramón Cabanillas; ou as exposicións O Mundo da Micoloxía e a mostra fotográfica de José Luís Cuba e Antonio Díaz na Casa Dopeso. Tamén o domingo abrirán as súas portas, con visitas guiadas, o Museo Etnográfico de Monte Caxado, en horario de 11.00 a 13.00 horas, e a Casa do Mel, entre as 16.00 e as 21.00 horas. Finalmente, a nota musical da xornada protagonizarana a charanga Os Trevillas, Os Feroces da Galgueira, a banda de gaitas Alxibeira (Narón) e o espectáculo infantil do Home Orquestra, ás 11.30 horas.