14/10/12

GOENTE VOLVEU RECIBIR A CENTOS DE VISITANTES NA CUARTA EDICIÓN DA FEIRA DO QUEIXO DO EUME E MEL DE GOENTE

Goente volvía onte vestirse de festa pero, desta vez, para render merecida homenaxe a dous dos seus productos estrela: o mel e o queixo da comarca. Por cuarto ano consecutivo as asociacións veciñais Raíces de Goente, Virxe do Rosario da Faeira, a Casa do Mel, queserías del Eume e o Concello aunaban esforzos e traballo, unha vez máis, para ensalzar, e como se merecen, a estes dous productos tan saborosos coma populares da comarca do Eume e que teñen como materia prima non só o mel das nosas colmeas ou o leite das nosas vacas, senón tamén o gran esforzo de moitos veciños e veciñas. Máis de 800 persoas non se puideron resistir, malia o mal tempo, a participar no xantar popular que, cada outubro, se organiza coincidindo con esta feira e que celebrou onte o seu cuarto aniversario e en moi boa forma xa que, asemade, durante toda a xornada, ducias de veciños tanto de As Pontes coma doutros concellos da redonda se sumaron a esta feira, visitando os diferentes postos de mel, queixo ou artesanía ou incluso animándose a merendar, xa á tardiña uns saborosos freixós preparados na freixoeira municipal. E é que a oferta de actividades que onte podíamos desfrutar en Goente era do máis variopinta. De feito, dende as 11.00 podiamos visitar a exposición de maquinaria agrícola ou incluso a Casa do Mel para continuar pola mostra de productos da comarca coma os queixos de Queserías del Eume ou as meles dos máis dunha ducia de apicultores de As Pontes, Vilalba, Xermade ou Guitiriz que participaron nesta feira. Poucos se resistiron a non levar para os seus fogares un bote de Mel das Miñas Colmeas ou un pedaciño de queixo da Faeira e ata houbo quen caeu na tentación dos doces e productos de dúas panadeirías locais. Non podían faltar os postos de artesanía, coas sellas de Andrés Otero, os artigos de tornería de varios artesáns da nosa vila, a olaría vida dende Buño ou postos nos que mercar bonecas, bolsos ou pulseiras e colares do máis orixinais. Durante a xornada tamén se contou coa presenza da Asociación de Mulleres Cabana Rural de Lavandeira que realizaron diferentes artigos a calceta, ganchillo, cardado e fiado e con varios dos integrantes da Casa do Mel de Goente que impartiron un obradoiro de cera no que puideron participar os máis pequenos da casa, que realizaron candeas e flores con cera de abella, e, como non podía ser doutro xeito, o pontés Elías Gabeiras volvía traer as súas motos restauradas a esta cita. Neste caso unha vintena de BMWs, Vespas, Bultacos e ata unha Norton de 1930 integraron unha exposición que, ano tras ano, incrementa a súa beleza e fondos con auténticas xoias das dúas rodas. Nembargantes, malia que xa ben cedo houbo visitantes por Goente, a inauguración oficial non tivo lugar ata pasado o mediodía cun pregón protagonizado polos alcaldes de As Pontes, Valentín González Formoso, e da Capela, Manuel Meizoso, que ensalzaron o valor non só da materia prima coa que se elabora o mel e o queixo do Eume senón tamén o gran traballo daqueles homes e mulleres que fan posible tan saborosos manxares. Asemade, por Goente tamén tivemos a oportunidade de ver aos edís Ana María Pena, Eladio Bouza, Antonio Alonso, Sara Ramos, MªFlor Lago, Antonio Lourés, Antonio Castro e José Alén, que tampouco se quixeron perder esta cita gastronómica. Non podía faltar o xantar popular con churrasco, freixós, requeixo e mel para o que se venderon máis de 800 tickets e tralo que se puido desfrutar das actuacións dos ponteses Quemaisten Teatro e do grupo musical Fusión. Como colofón procedeuse á entrega de premios do III Concurso de Receitas con Queixo e Mel e do Concurso de Cata de Meles. No tocante ao primeiro destes certames, contouse coa participación de 18 propostas entre particulares e profesionais resultando gañador na categoría de doces profesionais o flan de requeixo da Faeira con mel de Goente do mesón Balarés, namentras que na categoría de salgados profesionais o premio quedou deserto, ao non contar con participación. No que respecta aos galardóns para os particulares, o mellor prato doce foi para Ilda Besteiro (Cambre – A Coruña) e para as súas galletas da miña avoa con mel e o título a mellor prato salgado particular recaeu en Marta Soto Galdo (A Capela) que presentou un pastel doce con recheo salgado. Xa no concurso de meles, no que se alcanzaron as 25 candidaturas, o premio á mellor mel clara foi para José Gil García (Ourol) seguido do pontés Vicente Calvo e, na categoría de meles escuras o primeiro posto foi para Juan Carlos Riveira (Xermade) ao que seguiu Josefa Bolaño (Goente – As Pontes). Asemade, concedéronse dúas mencións especiais de mel monofloral a Isabel Goti e José Manuel Roel con meles de silva e eucalipto.

No hay comentarios: