24/10/12

As escolas culturais ofertadas polo Concello de As Pontes contarán neste curso con 400 alumnos

Baile moderno volve rexistrar o maior número de matrículas con 160 inscritos seguido de pandeireta con case 60 anotados As Pontes, 24 de Outubro de 2012.- 400 veciños e veciñas de As Pontes tomarán parte, este curso, nas diferentes modalidades formativas ofertadas polo departamento municipal de Cultura. Segundo deron a coñecer dende a concellería que dirixe Sara Ramos 401 ponteses e pontesas, de diferentes idades, tomarán este ano clases de danza clásica e moderna, acordeón, gaita, percusión ou pandeireta; o que supón unhas cifras moi semellantes ás do curso pasado, cando a matrícula alcanzou os 417 inscritos. A modalidade con maior número de alumnos é, un ano máis, baile moderno, con 160 inscritos, seguida de padeireta con 57 alumnos e gaita e frauta con 45 anotados. As 40 matrículas tamén se superan na modalidade de danza clásica que contará, neste curso, con 44 anotados. En disciplinas coma acordeón, baile flamenco e tamboril o número de matrículas é semellante con 25 alumnos por modalidade. Pechan esta relación as escolas de baile tradicional para adultos e para nenos cun total de 20 anotados entre estas dúas modalidades. É preciso lembrar que este programa formativo conta co respaldo económico da Deputación da Coruña que destinou este ano 4.016 euros a estas clases, cifra moi inferior á de convocatorias anteriores, cando se superaban os 15.000 euros, o que supón que o concello pontés deberá intensificar a súa aportación económica para sufragar estas disciplinas e que isto non supoña un incremento de prezo para os cidadáns, que están a pagar 40 euros ao ano por curso. Os ingresos por matrículas deste curso 2012-2013 ascenden a 14.965 euros o que sumado á subvención provincial, tal e como explicou a edil Sara Ramos, non é suficiente para cubrir o custo dos servizos de monitoraxe. Neste senso, a concelleira de Cultura explicou que a intención do departamento que dirixe e do propio executivo local pasa por dar o respaldo económico preciso a estas clases, moi demandadas e con gran éxito de participación, namentras que a situación de solvencia das arcas municipais así o permitan.

No hay comentarios: