30/10/12

O Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes abrirá esta fin de semana con máis dunha vintena de postos

• A edil de Industria e Comercio, Montserrat García, presentou esta quinta edición do MOVA coma unha nova aposta polo comercio local O Concello de As Pontes segue coa súa firme aposta pola promoción do comercio e a hostalaría locais e celebrará, esta fin de semana, unha nova edición do Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes (MOVA). O MOVA confírmase este ano como a feira de mostras e exposicións na que se ten convertido, coa quinta edición que terá lugar esta fin de semana. Máis dunha vintea de postos participarán os días 3 e 4 de novembro no MOVA, coincidindo tamén coa celebración da Feira dos Fungos e Cogomelos. A Concelleira de Industria e Comercio, Montserrat García, salientou a importancia que o sector ten para a localidade: " Á nosa aposta é firme e decidida porque somos conscientes do peso que ten un sector do que dependen uns 600 postos de traballo en As Pontes, ó que nestes últimos anos se está acudir moito dende o papel dos emprendedores, que están investindo e abrindo novos locais que veñen enriquecer o nos tecido comercial xa de por si con moita clidade e variedade. o noso contacto dende o concello é moi estreito con este colectivo e en todo momento estamos a dar o apoio que podemos a uns comerciantes que se esforzan en ofrecer ós seus veciños para que non falte nada que podan precisar". 24 postos conformarán este quinto Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes, unha iniciativa da Concellería de Industria e Comercio, que busca axudar á saída de vendas dos comercios nestes difíciles tempos de crise, potenciando que esas compras redunden no comercio local. Este outlet, centrado fundamentalmente nos sectores téxtil e do calzado, pero con lugar tamén para xoguetería, decoración, ou bazar, entre outros, volve á rúa peonil da Avenida de A Coruña, e cun horario ininterrompido, sen pechar ó mediodía, xa que estará aberto de 10.00 a 20.00 horas. Todos estes datos que pechan xa a organización do evento que se ten amosado como un dinamizador do importante tecido comercial pontés, acordábanse nas diferentes reunións preparatorias que o Concello estableceu cos comerciantes da vila, para manter a liña de colaboura que se desenvolveu dende o nacemento desta idea hoxe xa toda unha referencia na comarca. Montserrat García anunciaba xa que esta colaboura entre Comercio e concello vai seguir dándose xa que "Este ano, ademais, imos aproveitar para presentar unha campaña de apoio ó comercio local que terá continuidade todo o ano. Será unha campaña informativa, buscando a concienciación da importancia que ten para o pobo premiar o esforzo dos nosos veciños comerciantes para contibuír á liña de expansión e creación de emprego nuns intres difíciles, o que se constata cos datos que din que no pasado ano en As Pontes se lograron abrir ben máis comercios que os que pecharon". Os clientes tamén van ter a oportunidade de facerse con premios polas compras realizadas neste mercado, os dous días, ata sumar un montante de 1.500 euros. O sábado o sorteo farase ás 18.00 horas e poderanse gañar un premio de 200 euros ou calquera dos cinco que se estableceron de 100 euros, para o que haberá que estar in situ no intre en que se realice este sorteo. O domingo tamén haberá outro sorteo de 200 euros e seis sorteos de 100 euros. En todos os casos o premio será entregado en vales para gastar no propio MOVA.

A Feira de Fungos e Cogomelos de As Pontes celebra o domingo a súa XXIII edición

O programa deseñado polo departamento municipal de Cultura incluirá o tradicional certame de cestas, música, artesanía e postos do máis diversos As Pontes, 30 de Outubro de 2012.- O Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Cultura, ven de presentar o programa de actividades que servirán para conmemorar a XXIII Feira de Fungos e Cogumelos do municipio. A principal novidade deste ano pasa polo cambio de data xa que tradicionalmente esta cita tiña lugar o 1 de novembro e, nesta ocasión, optouse por trasladar esta feira ao primeiro domingo de novembro, día 4, coincidindo coa segunda xornada do Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes (MOVA). O que non se cambiará é o gran programa de activades do que será posible desfrutar o domingo e que inclue música, exposicións e, por suposto, unha desgustación gastronómica popular que o domingo volverán facer de As Pontes, tal e como subliñou a edil Sara Ramos, o epicentro da gastronomía galega cunha aposta pola calidade dun produto tan típico do outono como son os cogumelos. De feito a xornada arrincará co tradicional certame de cestas, na Praza de América, no que se pretenden superar a cifra de 54 participantes de 2011, debido ás boas condicións climatolóxicas destes días que están a axudar á proliferación de fungos. O concurso dará comezo ás 10.00 horas e no mesmo repartiranse máis de 1.000 euros en premios. De feito, as persoas interesadas poderanse anotar ata o mesmo día do certame ás 09.00 horas. Ao longo da mañá tamén será posible desfrutar dunha mostra de produtos de outono, ubicada nas rúas Ramón Cabanillas e Alexandre Bóveda, dende as 10.30 horas; e das IV Xornadas de Artesanía, organizada polos Artesáns do Eume na Sala de Exposicións Mercado Vello e tamén na Rúa Ramón Cabanillas, que permanecerá aberta dende as 11.00 horas. Asemade, dende as 12.00 horas tamén será posible desfrutar de degustacións de mel e queixo da comarca, chocolates e cafés do mundo e productos do Eume (Rúa Alexandre Bóveda e Ramón Cabanillas). Non podían faltar as actividades para os máis pequenos xa que ás 11.30 horas, no colexio Santa María, terá lugar a actuación infantil Ce´Orquestra, que virá seguida, ás 12.30 horas, da entrega de premios do Certame de Cestas e concurso escolar O Mundo da Micoloxía. Xa ás 12.30 horas arrincará a degustación popular que, este ano, terá un prezo de 12 euros. Os tickets poranse á venda dende as 11.00 horas no propio patio do Colexio Santa María. Actividades complementarias: Exposición escolar O Mundo da Micoloxía (Soto Casa Dopeso) Exposición Fotográfica sobre Micoloxía realizada por José Luís Cuba e Antonio Díaz Calvo (Corredores Casa Dopeso) Apertura do Museo Etnográfico de Monte Caxado (11.00 – 13.00 horas) Apertura Casa do Mel de Goente (16.00 – 21.00 horas) Animación musical a cargo de Os Feroces da Galgueira, Os Trevillas e Grupo de Música Tradicional Alxibeira (Narón).

24/10/12

As escolas culturais ofertadas polo Concello de As Pontes contarán neste curso con 400 alumnos

Baile moderno volve rexistrar o maior número de matrículas con 160 inscritos seguido de pandeireta con case 60 anotados As Pontes, 24 de Outubro de 2012.- 400 veciños e veciñas de As Pontes tomarán parte, este curso, nas diferentes modalidades formativas ofertadas polo departamento municipal de Cultura. Segundo deron a coñecer dende a concellería que dirixe Sara Ramos 401 ponteses e pontesas, de diferentes idades, tomarán este ano clases de danza clásica e moderna, acordeón, gaita, percusión ou pandeireta; o que supón unhas cifras moi semellantes ás do curso pasado, cando a matrícula alcanzou os 417 inscritos. A modalidade con maior número de alumnos é, un ano máis, baile moderno, con 160 inscritos, seguida de padeireta con 57 alumnos e gaita e frauta con 45 anotados. As 40 matrículas tamén se superan na modalidade de danza clásica que contará, neste curso, con 44 anotados. En disciplinas coma acordeón, baile flamenco e tamboril o número de matrículas é semellante con 25 alumnos por modalidade. Pechan esta relación as escolas de baile tradicional para adultos e para nenos cun total de 20 anotados entre estas dúas modalidades. É preciso lembrar que este programa formativo conta co respaldo económico da Deputación da Coruña que destinou este ano 4.016 euros a estas clases, cifra moi inferior á de convocatorias anteriores, cando se superaban os 15.000 euros, o que supón que o concello pontés deberá intensificar a súa aportación económica para sufragar estas disciplinas e que isto non supoña un incremento de prezo para os cidadáns, que están a pagar 40 euros ao ano por curso. Os ingresos por matrículas deste curso 2012-2013 ascenden a 14.965 euros o que sumado á subvención provincial, tal e como explicou a edil Sara Ramos, non é suficiente para cubrir o custo dos servizos de monitoraxe. Neste senso, a concelleira de Cultura explicou que a intención do departamento que dirixe e do propio executivo local pasa por dar o respaldo económico preciso a estas clases, moi demandadas e con gran éxito de participación, namentras que a situación de solvencia das arcas municipais así o permitan.

A XXIII Feira de Fungos e Cogumelos repartirá o 4 de novembro máis de 1000 euros en premios

O certame de cestas terá como escenario a Praza de América e contará coa presenza, como membro do xurado, do experto micólogo José Luís Cuba As Pontes, 24 de Outubro de 2011.- O Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Cultura, abriu hoxe o prazo para anotarse no certame de cestas da XXIII Feira de Fungos e Cogumelos, e que terá lugar o domingo 4 de novembro, co fin de fomentar a afección á micoloxía e contar cun mellor coñecemento sobre as especies da zona. O departamento que dirixe Sara Ramos repartirá máis de 1.000 euros en premios entre as cestas mellor engalanadas e as que conten con máis e mellores exemplares micolóxicos. Cada cesta deberá contar como mínimo con dez especies diferentes de fungos que estarán debidamente identificadas. Asemade, os participantes deberán presentarse na Praza de América, lugar onde terá lugar a exposición de cestas, entre as 09.00 e as 11.00 horas. Cada concursante tan só poderá presentar unha cesta que será sometida á avaliación do xurado composto por persoas especializadas na materia que analizará as diferentes propostas dende as 11.00 horas, entre eles o experto micólogo e gañador en varias ocasións deste certame José Luís Cuba. Os participantes deberán manter a súa exposición ata, a lo menos, ás 14.00 horas, recibindo 20 euros en concepto de desprazamento no caso de non resultar premiados. Os gañadores recibirán os seus premios en torno ao mediodía repartíndose máis de 1000 euros entre as seis mellores cestas. Así o primeiro premio será de 300 euros, o segundo de 180 euros, o terceiro de 120 euros e, finalmente, o cuarto e quinto clasificados levarán cadanseu premio de 80 e 60 euros respectivamente. Asemade, concederase un premio especial de 300 euros. Para anotarse a este certame tan só é preciso inscribirse no departamento de Cultura, ubicado no primeiro andar da Casa Dopeso, telefonando ao 981 44 03 44 ou remitindo un correo electrónico a cultura@aspontes.org denantes das 2 da tarde do 2 de novembro. Outra posibilidade é pasarse polo posto do departamento municipal de Cultura que se instalará a mesma xornada da feira denantes das 10.30 horas. O concello conta na súa páxina web con toda a información sobre este certame que se pode ampliar no enderezo electrónico www.aspontes.com.

20/10/12

O Mesón O Martínez e o Restaurante Casa Ana fanse co favor do público e do xurado no IV Certame de Tapas Saborea As Pontes

• Ao longo dos dez días de concurso, os 26 establecementos participantes repartiron máis de 20.000 tapas a un prezo simbólico de 1 euro. As Pontes, 19 de Outubro de 2012.- O Mesón Martinez e o Restaurante Casa Ana proclamáronse hoxe vencedores do IV Certame de Tapas Saborea As Pontes que, un ano máis, organizou o Concello de As Pontes, mediante o departamento de Industria e Comercio, coa colaboura do Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), a Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes, Bodegas Altanza e o clube gastronómico El Gourmet. Así na categoría de tapa máis popular, escollida polo voto do público, o premio foi para o Espeto de Peixesapo do Mesón O Martinez. No tocante ao premio outorgado polo xurado, o pincho coa mellor presentación recaía no Espeto de Solombo de Boi con Aroma de Romeiro e reducción de Xeréz Seco, presentado polo Restaurante Casa Ana. Os nomes dos premiados déronse a coñecer nun acto celebrado esta tarde nas dependencias da Casa Dopeso e que estivo presidido polo alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e a edil de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio, Montserrat García, ademáis e varios dos integrantes da organización que, nestes días exerceron de xurado, e dos edís Antonio Lourés, Ana Pena, José Alén e Chicho Tembrás. Montserrat García quixo agradecer, na súa intervención, o respaldo dos veciños e veciñas a este certame gastronómico que, unha vez máis, sairon á rúa a desfrutar das diferentes propostas dos bares e cafeterías do municipio, ademáis de ao xurado que tamén este ano colaborou con este certame dun xeito gratuíto, xa que eles mesmos se debían custear o prezo das súas tapas e consumicións. A concelleira quixo recalcar o importante traballo e esforzo dos 26 bares participantes neste certame por volver sorprender coas súas tapas que, malia que este ano tiñan un custo simbólico de un euro, todas as súas apostas superaban con creces este prezo. Na súa intervención, Montserrat García anunciou que a intención do departamento que dirixe pasa por continuar a desenvolver iniciativas en prol do desenvolvemento do comercio e hostalería de As Pontes, que redunden nunha mellora da economía local, e tamén recalcou o gran papel de bares e cafeterías á hora de manter un importante número de postos de traballo. O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, tamén quixo agradecer o esforzo do sector hostaleiro local e da veciñanza pola súa participación e apuntou que, nos momentos máis complicados, os hostaleiros ponteses sempre están colaborando, tal foi o caso dos incendios deste verán nos que bares do municipio se encargaron do avituallamento das persoas implicadas dos despositivos de extinción. Premios para os clientes A gala de entrega completouse co reparto das 25 viaxes de fin de semana a Sanxenxo para dúas persoas - envíase listado de agraciados –, expedición que se desenvolverá entre os días 26 e 28 de outubro e que será conxunta xa que o día 26, ás 19.30 horas, partirá un autocar dende o Concello que levará a estas cincuenta persoas ata o hotel Montalvo de Sanxenxo. Asemade, tamén se facía entrega esta tarde da viaxe para catro persoas á Rioja, xentileza de Bodegas Altanza, que recaeu no pontés Tiburcio Amarelo, e que inclue unha visita de dous días a terras rioxanas con aloxamento, almorzo, visita á adega Altanza e un xantar na mesma.

O Mesón O Martínez e o Restaurante Casa Ana fanse co favor do público e do xurado no IV Certame de Tapas Saborea As Pontes

• Ao longo dos dez días de concurso, os 26 establecementos participantes repartiron máis de 20.000 tapas a un prezo simbólico de 1 euro. As Pontes, 19 de Outubro de 2012.- O Mesón Martinez e o Restaurante Casa Ana proclamáronse hoxe vencedores do IV Certame de Tapas Saborea As Pontes que, un ano máis, organizou o Concello de As Pontes, mediante o departamento de Industria e Comercio, coa colaboura do Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), a Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes, Bodegas Altanza e o clube gastronómico El Gourmet. Así na categoría de tapa máis popular, escollida polo voto do público, o premio foi para o Espeto de Peixesapo do Mesón O Martinez. No tocante ao premio outorgado polo xurado, o pincho coa mellor presentación recaía no Espeto de Solombo de Boi con Aroma de Romeiro e reducción de Xeréz Seco, presentado polo Restaurante Casa Ana. Os nomes dos premiados déronse a coñecer nun acto celebrado esta tarde nas dependencias da Casa Dopeso e que estivo presidido polo alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e a edil de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio, Montserrat García, ademáis e varios dos integrantes da organización que, nestes días exerceron de xurado, e dos edís Antonio Lourés, Ana Pena, José Alén e Chicho Tembrás. Montserrat García quixo agradecer, na súa intervención, o respaldo dos veciños e veciñas a este certame gastronómico que, unha vez máis, sairon á rúa a desfrutar das diferentes propostas dos bares e cafeterías do municipio, ademáis de ao xurado que tamén este ano colaborou con este certame dun xeito gratuíto, xa que eles mesmos se debían custear o prezo das súas tapas e consumicións. A concelleira quixo recalcar o importante traballo e esforzo dos 26 bares participantes neste certame por volver sorprender coas súas tapas que, malia que este ano tiñan un custo simbólico de un euro, todas as súas apostas superaban con creces este prezo. Na súa intervención, Montserrat García anunciou que a intención do departamento que dirixe pasa por continuar a desenvolver iniciativas en prol do desenvolvemento do comercio e hostalería de As Pontes, que redunden nunha mellora da economía local, e tamén recalcou o gran papel de bares e cafeterías á hora de manter un importante número de postos de traballo. O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, tamén quixo agradecer o esforzo do sector hostaleiro local e da veciñanza pola súa participación e apuntou que, nos momentos máis complicados, os hostaleiros ponteses sempre están colaborando, tal foi o caso dos incendios deste verán nos que bares do municipio se encargaron do avituallamento das persoas implicadas dos despositivos de extinción. Premios para os clientes A gala de entrega completouse co reparto das 25 viaxes de fin de semana a Sanxenxo para dúas persoas - envíase listado de agraciados –, expedición que se desenvolverá entre os días 26 e 28 de outubro e que será conxunta xa que o día 26, ás 19.30 horas, partirá un autocar dende o Concello que levará a estas cincuenta persoas ata o hotel Montalvo de Sanxenxo. Asemade, tamén se facía entrega esta tarde da viaxe para catro persoas á Rioja, xentileza de Bodegas Altanza, que recaeu no pontés Tiburcio Amarelo, e que inclue unha visita de dous días a terras rioxanas con aloxamento, almorzo, visita á adega Altanza e un xantar na mesma.

19/10/12

SERVIZOS SOCIAIS INCREMENTARÁ NUN TERZO AS HORAS DE ATENCIÓN DO SERVIZO DE AXUDA A DOMICILIO

O Concello de As Pontes incrementará nun 30% as horas adicadas ao Servizo de Axuda a Domicilio (SAD) a persoas con dependencia. Así o deu hoxe a coñecer o edil de Servizos Sociais, José Alén, que apuntou que o seu departamento incementará en 650 horas a atención mensual a persoas con dependencia, o que elevará das 1830 ás 2480 ás horas de servizo que se prestan ao abeiro deste programa e do que, actualmente se benefician, algo máis dun cento de veciños e veciñas de As Pontes. A medida suporá a incorporación ao SAD de máis veciños con problemas de dependencia e facilitará a ampliación do mesmo a aqueles usuarios que, ata o de agora, tan só se acollían á modalidade básica do SAD, de acceso libre. Deste xeito, dende o goberno pontés vólvese apostar polo traballo en prol do benestar social dos seus veciños e veciñas, incrementando un programa moi necesario, que permite a día de hoxe atender a máis dun cento de persoas afectadas pola falla de autonomía ou que viven soas e que non poden desenvolver sen axuda tarefas tan cotiás coma o seu aseo diario e as labores do fogar. Con este aumento de horas de servizo, segundo apuntou o concelleiro, será preciso incrementar tamén a cifra de persoal que atende o SAD, pasando dos 27 asistentes actuais a case 40 xa que está prevista a nova contratación de 8 ou 9 asistentes que, ademáis de axudar aos beneficiarios deste programa no seus que faceres diarios, tamén ofrecerán apoio psicolóxico, moi necesario por parte das persoas afectadas por algún tipo de dependencia. Por outra banda, e tamén nesta mesma liña, o máximo responsable municipal de Servizos Sociais anunciou que o vindeiro martes procederase á apertura do Centro de Día ubicado na rúa Sergio Rivera Chao, unhas instalación que, nun principio, ofrecerán 16 prazas das 30 das que disporán estas dependencias. O Centro de Día tamén contará cun servizo de transporte e, segundo as previsións baralladas polo departamento de Servizos Sociais, estas 16 prazas ocuparanse durante as vindeiras semanas. Finalmente, dende o executivo local tamén se ven de informar da apertura dun novo proceso para a adxudicación das 7 vivendas de protección oficial de promoción pública en réxime de alugueiro que quedaron vacantes e que están destinadas a menores de 35 anos e maiores de 65 anos. O sorteo realizarase na primeira quincena de novembro. Para obter máis información sobre este proceso poden achegarse ata o departamento municipal de Servizos Sociais ubicado no segundo andar da Casa Dopeso.

14/10/12

GOENTE VOLVEU RECIBIR A CENTOS DE VISITANTES NA CUARTA EDICIÓN DA FEIRA DO QUEIXO DO EUME E MEL DE GOENTE

Goente volvía onte vestirse de festa pero, desta vez, para render merecida homenaxe a dous dos seus productos estrela: o mel e o queixo da comarca. Por cuarto ano consecutivo as asociacións veciñais Raíces de Goente, Virxe do Rosario da Faeira, a Casa do Mel, queserías del Eume e o Concello aunaban esforzos e traballo, unha vez máis, para ensalzar, e como se merecen, a estes dous productos tan saborosos coma populares da comarca do Eume e que teñen como materia prima non só o mel das nosas colmeas ou o leite das nosas vacas, senón tamén o gran esforzo de moitos veciños e veciñas. Máis de 800 persoas non se puideron resistir, malia o mal tempo, a participar no xantar popular que, cada outubro, se organiza coincidindo con esta feira e que celebrou onte o seu cuarto aniversario e en moi boa forma xa que, asemade, durante toda a xornada, ducias de veciños tanto de As Pontes coma doutros concellos da redonda se sumaron a esta feira, visitando os diferentes postos de mel, queixo ou artesanía ou incluso animándose a merendar, xa á tardiña uns saborosos freixós preparados na freixoeira municipal. E é que a oferta de actividades que onte podíamos desfrutar en Goente era do máis variopinta. De feito, dende as 11.00 podiamos visitar a exposición de maquinaria agrícola ou incluso a Casa do Mel para continuar pola mostra de productos da comarca coma os queixos de Queserías del Eume ou as meles dos máis dunha ducia de apicultores de As Pontes, Vilalba, Xermade ou Guitiriz que participaron nesta feira. Poucos se resistiron a non levar para os seus fogares un bote de Mel das Miñas Colmeas ou un pedaciño de queixo da Faeira e ata houbo quen caeu na tentación dos doces e productos de dúas panadeirías locais. Non podían faltar os postos de artesanía, coas sellas de Andrés Otero, os artigos de tornería de varios artesáns da nosa vila, a olaría vida dende Buño ou postos nos que mercar bonecas, bolsos ou pulseiras e colares do máis orixinais. Durante a xornada tamén se contou coa presenza da Asociación de Mulleres Cabana Rural de Lavandeira que realizaron diferentes artigos a calceta, ganchillo, cardado e fiado e con varios dos integrantes da Casa do Mel de Goente que impartiron un obradoiro de cera no que puideron participar os máis pequenos da casa, que realizaron candeas e flores con cera de abella, e, como non podía ser doutro xeito, o pontés Elías Gabeiras volvía traer as súas motos restauradas a esta cita. Neste caso unha vintena de BMWs, Vespas, Bultacos e ata unha Norton de 1930 integraron unha exposición que, ano tras ano, incrementa a súa beleza e fondos con auténticas xoias das dúas rodas. Nembargantes, malia que xa ben cedo houbo visitantes por Goente, a inauguración oficial non tivo lugar ata pasado o mediodía cun pregón protagonizado polos alcaldes de As Pontes, Valentín González Formoso, e da Capela, Manuel Meizoso, que ensalzaron o valor non só da materia prima coa que se elabora o mel e o queixo do Eume senón tamén o gran traballo daqueles homes e mulleres que fan posible tan saborosos manxares. Asemade, por Goente tamén tivemos a oportunidade de ver aos edís Ana María Pena, Eladio Bouza, Antonio Alonso, Sara Ramos, MªFlor Lago, Antonio Lourés, Antonio Castro e José Alén, que tampouco se quixeron perder esta cita gastronómica. Non podía faltar o xantar popular con churrasco, freixós, requeixo e mel para o que se venderon máis de 800 tickets e tralo que se puido desfrutar das actuacións dos ponteses Quemaisten Teatro e do grupo musical Fusión. Como colofón procedeuse á entrega de premios do III Concurso de Receitas con Queixo e Mel e do Concurso de Cata de Meles. No tocante ao primeiro destes certames, contouse coa participación de 18 propostas entre particulares e profesionais resultando gañador na categoría de doces profesionais o flan de requeixo da Faeira con mel de Goente do mesón Balarés, namentras que na categoría de salgados profesionais o premio quedou deserto, ao non contar con participación. No que respecta aos galardóns para os particulares, o mellor prato doce foi para Ilda Besteiro (Cambre – A Coruña) e para as súas galletas da miña avoa con mel e o título a mellor prato salgado particular recaeu en Marta Soto Galdo (A Capela) que presentou un pastel doce con recheo salgado. Xa no concurso de meles, no que se alcanzaron as 25 candidaturas, o premio á mellor mel clara foi para José Gil García (Ourol) seguido do pontés Vicente Calvo e, na categoría de meles escuras o primeiro posto foi para Juan Carlos Riveira (Xermade) ao que seguiu Josefa Bolaño (Goente – As Pontes). Asemade, concedéronse dúas mencións especiais de mel monofloral a Isabel Goti e José Manuel Roel con meles de silva e eucalipto.

As dúas Eurocopas e a Copa do Mundo da Selección de Fútbol chegaron onte a As Pontes

• O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, recibiu de mans do ex árbitro Evaristo Puentes Leira estes trofeos que, ata mañá, estarán expostos no auditorio Alovi As Pontes, 14 de Outubro de 2012.- O Concello de As Pontes, representado polo alcalde Valentín González Formoso, recibiu hoxe de mans do ex árbitro Evaristo Puentes Leira as dúas Eurocopas e o trofeo do Mundial de Fútbol de Sudáfrica, acadados pola Selección Española de Fútbol en 2008, 2010 e 2012. En representación da Real Federación Española de Fútbol, o ex colexiado pontés fixo entrega ao primeiro edil destes tres trofeos que ata mañá permanecerán expostos no auditorio municipal Alovi para que, todos os veciños e veciñas que así o desexen poidan tomarse unha instantánea con estes importantes galardóns do fútbol mundial. De feito, malia que xa ducias de ponteses e pontesas se achegaron ata o Alovi para sacar unha fotografía con estes tres títulos, Valentín González Formoso animou a toda a veciñanza a que mañá acudan a desfrutar destas tres copas nunha ocasión única de ver reunidos estes trofeos. Por outra banda, o alcalde agradeceu o importante papel de Evaristo Puentes Leira e o seu esforzo á hora de xestionar a visita destes tres trofeos, visita coa que tamén colaboraron os departamentos municipais de Deportes e Cultura, e que arrincaba na parroquia de Goente onde estas copas estiveron expostas durante o xantar popular que tivo lugar con motivo da IV Feira do Queixo do Eume e do Mel de Goente. Para aqueles que aínda non desfrutasen da posibilidade de ter preto as dúas Eurocopas e o trofeo do Mundial de Sudáfrica 2010, o auditorio municipal Alovi abrirá mañá ás súas portas entre as 10.00 e as 14.00 horas e, xa pola tarde, de 17.00 a 21.00 horas.

13/10/12

As Pontes conmemora o Día Internacional da Muller Rural cunha conferencia e a proxección dun documental

• A concellería de Servizos Sociais e o CIM están a organizar para o luns estas actividades que terán coma protagonista o Instituto de Liderazgo Las Segovias de Nicaragua O Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), sumarase, o vindeiro luns, á conmemoración do Día Internacional da Muller Rural. Será cunha charla que precisamente o 15 de outubro protagonizará a directora do Instituto de Liderazgo de las Segovias de Nicaragua, Haydeé Castillo, e que terá como escenario a Casa Dopeso. De feito, nesta cita aberta a todo o público e que dará comezo ás 10.30 horas, tamén se presentarán diferentes casos en materia de xénero que se sucederon ao abeiro da Fundación Ayuda en Acción no departamento de nueva Segovia, organización que ten coma principal obxectivo empregar todas as ferramentas coas que conta para promover a formación da cidadanía excluída e dos sectores máis desfavorecidos para lograr a transformación real da sociedade. Pola súa parte Haydeé del Castillo dará conta en primeira persoa das súas experiencias persoais e a ela sumaranse algúns dos integrantes do equipo técnico da delegación galega de Ayuda en Acción, que meses atrás participaron nas diferentes actividades desenvolvidas polo Instituto de Las Segovias en Nicaragua. Ademáis das diferentes intervencións, a conferencia do vindeiros luns incluirá a proxección dun documental sobre o traballo desenvolvido polo Instituto de Liderazgo, titulada Mujeres Liderando, e no que se recollen testemuños das mulleres do Departamento de Nueva Segovia, que relatan o seu traballo e o seu día a día dende a posta en marcha en 1996 desta organización. Dende a concellería que dirixe José Alén quixeron convidar á cidadanía a desfrutar, o vindeiro luns, desta interesante iniciativa que ten coma principal destinatario ás mulleres, aos colectivos femininos e ás emprendedoras locais. O programa para a conmemoración do Día Internacional da Muller Rural péchase coa realización dunha revista oral, actividade que xa terá lugar no veciño concello de Xermade e que estará dirixida pola propia Haydee Castillo.

11/10/12

As dúas Eurocopas e a Copa do Mundo da Selección Española de Fútbol visitan As Pontes

O ex árbitro Evaristo Puentes Leira e os departamentos de Deportes e Cultura aunaron esforzos para lograr esta visita que terá lugar o domingo e o luns da vindeira semana As Pontes, 11 de Outubro de 2012.- O Concello de As Pontes recibirá este domingo ás dúas Eurocopas e o trofeo do Mundial de Fútbol de Sudáfrica, acadados pola Selección Española de Fútbol en 2008, 2010 e 2012. Estas tres copas manteranse expostas nas xornadas do domingo 14 e do luns 15 de outubro, no auditorio municipal Alovi, gracias ás xestións realizadas , unha vez máis, polo ex árbitro pontés Evaristo Puentes Leira ante a Real Federación Española de Fútbol, coa colaboura dos departamentos municipais de Deportes e Cultura. Así as cousas, tanto o domingo coma o luns todos os veciños e veciñas que así o desexen poderán tomarse unha instantánea coa Eurocopa acadada o pasado 1 de xullo no Olímpico de Kiev, en Ucrania; co trofeo do Mundial que o combinado de Vicente del Bosque lograba ante Holanda en xullo de 2010 ou coa Eurocopa de Austria e Suiza que a selección española conquistaba tras impoñerse a Alemania o 29 de xuño de 2008. Horario O auditorio municipal Alovi manterá abertas as súas portas o domingo entre as 17.00 e as 21.00 horas e o luns en horario de 10.00 a 14.00 horas e, xa pola tarde, de 17.00 a 21.00 horas, así todos os veciños que o desexen poderán tomarse unha instantánea con estes tres trofeos que acreditan ao combinado nacional coma a mellor selección de fútbol do planeta.

10/10/12

Goente volverá acoller este domingo 14 de outubro a Feira do Queixo e do Mel

Goente volverá acoller este domingo 14 de outubro a Feira do Queixo e do Mel, unha aposta que nacera da man do Concello de As Pontes e a asociación Casa do Mel, no 2.009, coa colaboura das asociacións veciñais da zona, co común obxectivo de promocionar estes dous produtos locais. A organización deste evento gastronómico, que cumpre a cuarta edición, conta con volver reunir por riba das mil persoas para a degustación popular, logo de que cada ano aumentase a participación no evento. O programa de actos arrancará ás 11 da mañá para o público, se ben, denantes xa estará a dirimirse o concurso de receitas con mel. Será, xa que logo, ás 11 cando se abran ó público os vinte postos de mel, queixo, artesanía e dóces , ademais de varias exposicións, de motos históricas, de maquinaria agrícola e forestal, de artesáns, e de cardado e fiado, esta última a cargo da Asociación de mulleres rurais de Cabanas. O pregón, a cargo do alcalde da Capela, Manuel Meizoso, será ás doce do mediodía. O xantar popular mantén o prezo do ano pasado, cos tikets a 15 euros, que poden recollerse aínda. O prato inclúe churrasco, freixós, requeixo e mel, ademais dos consabidos pan e viño. Para aqueles que non queden comer, pero queiran disfrutar dunha degustación dos produtos promocionados nesta cita, estarán á venda vales para unha merenda con queixo, mel, requeixo e freixós, por un prezo de 3 euros. O programa reanúdase, logo da comida, coa apertura dos xogos tradicionais abertos á participación de nenos e maiores, a actuación dun grupo teatral, ás cinco, e unha degustación de melea ás seis da tarde. Ás sete xa se fará a entrega de premios dos concursos de receitas e de mellores meles, e o último acto incluído no programa xa será a actuación do grupo musical Fusión, a partir das oito. Os máis pequenos van contar este ano con actividades durante toda a xornada, podendo participar en obradoiros de cera, e de barro, ademais de nos mentados xogos tradicionais. A cita gastronómica de Goente volve este ano ir ligada a outro clásico, a celebración do concurso de receitas con mel da Casa do Mel e con queixo de A Faeira. No concurso poden participar todos os profesionais e particulares interesados, sexan ou non residentes en As Pontes. Haberá dúas modalidades, unha de pratos salgados e outra de repostaría, que se presentarán acompañados dos datos persoais e a receita completa. Todos os participantes recibirán un agasallo e o primeiro premio de cada categoría gañará un lote de produtos da Casa do Mel e Queixerías do Eume. Durante toda esta semana estiveron xa a desenvolverse as Xornadas apícolas con visitas de escolantes á casa do mel, onde participaron de diferentes obradoiros, e resólvense tamén os concursos de meles claros e escuros. Na previa da feira deste domingo, nun dos capítulos máis salientables destas xa décimo terceiras xornadas apícolas do Eume, e cun tinte máis divulgativo, temos as conferencias que este ano comezarán da man de Urbano González Escapa, que en representación de mel ecolóxico Urzapa, falará en col das diferencias entre a apicultura convencional e a ecolóxica biodinámica. Será o sábado 13 ás 10. A continuación, ás 11, coñeceremos a experiencia dunha apicultora da zona que nos falará da produción de pole nesta bisbarra. Pecharase, antes de dar paso á feira e festa do domingo, co concurso de receitas de queixo e mel a partir das cinco da tarde.

9/10/12

Os Obradoiros de Conversa en Inglés para Primaria e Secundaria arrincaron onte con éxito de inscricións

O departamento de Servizos Sociais farase cargo do custe íntegro destes cursos nos que, ata maio de 2013, participarán 75 estudantes de As Pontes As Pontes, 09 de Outubro de 2012.- O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Servizos Sociais e Atención Cidadá, puxo onte en marcha unha nova edición dos Obradoiros de Conversa en Inglés que ofrece, gratuitamente, o cabildo pontés. Un total de 75 rapaces e rapazas, en grupos de 15, e estudantes de 3º, 4º, 5º, 6º de Primaria e 1º de Educación Secundaria Obrigatoria tomarán parte nunhas clases que están a ser impartidas por unha mestra nativa que, a traverso de diferentes exercizos, conversas ou xogos poderán mellorar a súa fluidez á hora de empregar oralmente esta lingua, facendo esta aprendizaxe divertida, efectiva e entretida. Esta semana estanse a levar a cabo as primeiras presentacións e tomas de contacto dos diferentes grupos coa nova mestra dunhas clases que se extenderán ata o mes de maio e que contarán cunha hora de duración cada semana. As dependencias do colexio Monte Caxado están a albergar este programa que conta coa financiación íntegra do executivo local xa que, a Xunta de Galicia anterior corresponsable do respaldo económico deste programa non aportou fondo algún para unha iniciativa moi demandada pola cidadanía pontesa e que celebra a súa quinta edición. Onte mesmo arrincaron as primeiras clases nas que os alumnos e alumnas puideron coñecer o que será o seu programa de traballo, onde priman as recreación de situacións cotiás, á marxe da gramática estricta.

4/10/12

COMEZA O CICLO DE CINE DO MES DA ARQUITECTURA QUE CONMEMORA O CONCELLO PONTÉS.

O protagonismo de As Pontes no Día Mundial da Arquitectura, que se celebrou o luns é tan só o pistoletazo de saida dun mes no que se vai continuar cun programa de cine nun ciclo no que se plasmará a presenza da cidade xardín ó xeito do estudado Poboado de As Veigas. O ciclo desenvolverase todos os sábados deste mes, e con el preténdese plasmar o efecto significativo que a industria do cine ten na percepción do público dos espazos urbáns co potencial da arquitectura e o urbanismo ambiente representados nas pantallas. Todas as películas programadas coinciden en plasmar a estrutura dunha cidade xardín. De feito, para este mesmo sábado 6 de outubro está previsto que se proxecte no Auditorio Municipal Alovi o filme As Horas de Stephen Daldry. Será a partir das oito do serán, a mesma hora do sábado seguinte, día 13 , para o que se escolleu o éxito de Peter Weir O Show de Truman. Continuaremos co día 20, en que está prevista a exhibición de Mulhollan Drive de David Lynch e, finalmente, o sabado 27 de outubro pecharase coa proxección de Revolutionary Road, de Sam Mendes tamén ás 20.00 horas. Estas longametraxes serán de acceso totalmente gratuíto para todo o público, están patrocinadas pola Concellería de Facenda, Urbanismo, Patrimonio e Contratación, que conta tamén coa colaboura da Delegación de Ferrol do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

O CONCELLO APOSTA POLA NORMALIZACIÓN CO OBRADOIRO CANTO CONTO

O Concello das Pontes, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, dependente da Concellería de Cultura, vai ofrecer, a partir da vindeira semana, a posibilidade de adestrarse nas artes da narración oral por medio da actividade Canto Conto, que comeza o vindeiro martes, día 9, ás cinco da tarde na biblioteca municipal. Este obradoiro terá unha duración de 21 sesións, de hora e media cada unha, e desenvolverase todos os martes, mércores e xoves, ata o 20 de novembro. O monitor do curso, contacontos e dinamizador sociocultural Raúl Piñeiro, será o condutor deste curso, co que se propón un achegamento panorámico e de iniciación ás diversas variantes da narración oral, desde os máis tradicionais contacontos ata os actuais monólogos, o guión radiofónico ou a comunicación publicitaria. De calquera xeito, hai que salientar de que esta actividade non só está pensada para se achegar a estas disciplinas do espectáculo, senón que transversalmente mellora as nosas destrezas comunicativas para a vida cotiá. O obxectivo será que os alumnos e alumnas tomen consciencia das súas habilidades comunicativas e ser quen de sacarlle proveito en calquera situación: desde contarlle un conto a uns nenos ata resultar máis persuasivos nunha entrevista de traballo. A actividade rematará cunha xornada de presentación pública da actividade, onde aqueles alumnos que o desexen poderán amosar aos seus coñecidos o froito do labor realizado durante o curso. Así mesmo, a actividade dispón para a súa difusión do blog www.cantoconto.wordpress.com. Calquera persoa interesada pode informarse e inscribirse no correo electrónico cantocontoaspontes@gmail.com ou no teléfono 610 908 419.

A CONCELLERÍA DE EMPREGO PON EN MARCHA NOVOS CURSOS.

A Concellería de Emprego do Concello de As Pontes de Garcia Rodríguez, nas súas funcións de levar a cabo políticas activas de emprego, a través do Programa Integrado de Emprego que está xestionando dende o pasado mes de novembro, leva organizadas 12 accións formativas das que se beneficiaron 132 persoas desempregadas. Así, un total de 72 persoas participaron nos cursos realizados no ámbito da Seguridade Laboral, asistindo 43 demandantes de emprego ás dúas edicións de Prevención de Riscos Laborais na Construción, e 29 beneficiarios ao de Prevención de Riscos Laborais no manexo de Carretilla Elevadora, Plataforma Elevadora e Pala Cargadora. Ademais, realizouse un importante esforzo na alfabetización informática, con catro edicións de Informática básica e Internet, 1 edición de Correo electrónico, 1 edición de Writer para administrativos e outra de Calc avanzado, levadas a cabo con 63 dos 120 usuarios do Programa Integrado de Emprego, alcanzando un total 88 horas lectivas adicadas a esta materia. Continuando coas liñas de actuación da Concellería de Emprego que representa Ana Pena, e concluíndo as accións formativas do Programa Integrado de Emprego que rematará o vindeiro día 15 de outubro, o 28 de setembro 12 alumnos comezaron as clases teóricas para obter o permiso de conducir C+E+Cap e, outros 13, comezaban hoxe mesmo o curso para obter a tarxeta CAP, formación obrigatoria para os condutores profesionais e que persegue a súa maior cualificación e adaptación ás novas esixencias do mercado de transporte por estrada. Ademais, tamén comezando hoxe e ata o mércores que ven, serán 35 os usuarios que se formarán na prevención de riscos laborais específicos para as profesións de electricidade, metal ou operacións de maquinaria e movemento de terras. Por último, 10 usuarios da rama administrativa e sanitaria, formaranse no desenvolvemento integral das persoas, a través dun curso de Afrontar a crise: Comunicación, Tendencias, Motivación e Liderato. Estas accións formativas están a completar un ano de traballo en prol das persoas desempregadas do municipio de As Pontes de García Rodríguez, onde a Concellería de Emprego, Turismo e Novos Proxectos realizou un importante esforzo en recursos humanos, técnicos e económicos co único fin de mellorar a cualificación e promover a reciclaxe dos desempregados e desempregadas.