26/9/12

Servizos Sociais desenvolve o programa os Almorzos no Cole un curso máis na Fraga e a Magdalena

O executivo local volve respaldar con 12.000 euros un programa que axuda á conciliación da vida laboral e familiar e que tamén fomenta os bos hábitos alimenticios As Pontes, 26 de Setembro de 2012.- A Concellería de Servizos Sociais e Participación Cidadá, de As Pontes, volveu apostar este curso polo programa Almorzos no Cole, unha iniciativa que axuda a conciliar a vida laboral e familiar durante as mañás do curso escolar, xa que permite que pais e nais leven aos seus nenos unha hora denantes do inicio das clases ao centro educativo para desfrutar dun nutritivo almorzo, tranquilo, sen présas e coa compaña dos seus amigos. O executivo local destinou, neste curso, 12.000 euros a este programa que se está a desenvolver conxuntamente coas asociacións de pais e nais dos colexios A Magdalena e A Fraga, que se encargan de preparar estes almorzos e do coidado dos nenos e nenas que participan de luns a venres nos mesmos. Un esforzo importante e que agradecen dende o departamento que dirixe José Alén xa que, tal e como subliñou o edil, "Temos que agradacer a implicación de toda a comunidade educativa, pero especialmente das Anpas, sen as que estes Almorzos no Cole non poderían levarse a cabo". O edil anunciou que a intención do executivo local pasa por continuar con esta liña de programas en prol do benestar social e da conciliación laboral e familiar, iniciativas que, tal e como subliñou José Alén, seguirán a ser un dos eixos centrais do seu traballo durante a lexislatura. Alén non só deu conta do positivo deste programa para as familias senón tamén para os máis novos que desfrutan de almorzos do máis variados, sans e completos. que lles permiten contar con forza e enerxía durante toda a xornada e tamén cultivar bos hábitos de alimentación. O concelleiro supervisou persoalmente a boa marcha desta iniciativa con senllas visitas aos dous centros onde se está a desenvolver este programa e que sufraga integramente o seu departamento e compartiu cos pequenos e pequenas esta primeira comida do día. De feito, a súa primeira parada foi co arranque da xornada no colexio da Fraga onde ás 8.00 horas comezaban estes almorzos nos que participan unha decea de nenos diariamente que desfrutan, dende hai tres cursos, de leite con cacao, tostadas con manteiga e marmelada, zume natural, galletas e cereais. A segunda parada da visita de José Alén foi no centro da Magdalena onde este programa cumpre xa cinco edicións, e con incremento de usuarios, ano tras ano, e é que, a día de hoxe hai unha media de 16 nenos por xornada, que a diario desfrutan de zume natural, froita, leite e un boliño de pan con fiambre, menú que vai variando cada día xa que tamén inclue iogures, batidos, cereais ou torradas. Malia non compartir menú, tanto os pequenos e pequenas da Fraga coma da Magdalena si que contan con hábitos semellantes xa que, unha vez rematado o almorzo, toca recoller os pratos e cubertos, lavar os dentes e aproveitar os minutos previos ao inicio das clases xogando, lendo ou pintando, sempre baixo os atentos coidados das nais e pais que se encargan de xestionar diariamente este programa.

No hay comentarios: